Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

23 oct 2011

Sobre o linchamento de Gaddafi


  


   Aborrezo dos linchamentos, das turbas armadas, da vinganza primaria, das torturas, da indignidade para cos seres humanos. As imaxes da captura e da execución de Gaddafi, das palabras fachendosas do seu asasino, Mohammed al- Babi, un mozo de 18 anos, a distintas televisións, son unha proba máis do peor da condición humana. Nin sequera o monstro máis cruel merece semellante tratamento.

   José Antonio Marina di que  a maior conquista da humanidade non é o grao de desenvolvemento tecnolóxico, a capacidade para conquistar o espazo, os grandes descubrimentos científicos, os avances na medicina, a sofisticación do armamento... non, a maior conquista da Humanidade é a xustiza universal.

   Na magnífica película, aínda en cartel, a árbore da vida, de Terrence Malick, podemos ver unha escena extrana, cando un dinosaurio, un velocirraptor quizais, mantén aprisionada coa súa pata a unha cría indefensa. Todo parece que a aplastará sen piedade, de forma cruel. Sen embargo, decide retirarse. A cría, feble e vulnerable, vivirá. Unha maneira extraordinariamente visual de explicarnos o nacemento da compaixón, da clemencia, do perdón. Sen esa capacidade, a vida, todos e cada un de nós, non existiríamos.

   O linchamento de Gaddafi, visto así, en directo, horroriza.  A vinganza, o ollo por ollo, tan bíblico, tan antigo, está presente en todas as culturas, non é un patrimonio exclusivo dos árabes ou dos musulmáns. Sabemos moito diso. Arrastramos a nosa propia crueldade dentro de nós. No disco duro. E a misericordia, a xenerosidade, a indulxencia ou o sentido da xustiza. Con esa ambivalencia construímos o que chamamos humanidade.

   Temos unha longa historia de linchamentos, de execucións extraxudiciais, aquí e en todas partes. Baste recordar, por poñer un único exemplo, a Andreu Nin, na nosa guerra incivil, en 1937. Ou os miles de asasinatos nas cunetas. A Mussolini e a súa muller, Clara Petacci. Patricio Lumumba, en 1961. O Ché Guevara, en La Higuera, Bolivia, en 1967. A de Nguyen Van Lemm, en 1968, en Saigón, que dou a volta ó mundo. Ou Ceaucescu e a súa muller, Elena, en 1989, no corazón de Europa. E logo Sadam Husseim, e Osama Bin Laden... E agora os Gaddafi. Chegue con esta breve secuencia mínima para visualizar algunhas das execucións e linchamentos que nunca deberan terse producido. Nin estas nin ningunha outra.

   Recoñezo que cando vin por primeira vez Novecento, de Bernardo Bertolucci, pola habilidade do director, sentín alivio, ata desexaba a captura de Attila e Reggina, co seu final cinematográfico. Co paso dos anos un aborrece cada vez máis os linchamentos e as turbas airadas sen nome, ó tempo que aprende a importancia do sentido da xustiza como a maior conquista na defensa da dignidade, base fundamental dos dereitos humanos. E goza máis con películas como "Conspiración de silencio", de John Sturges, e admira máis a personaxes como o protagonizado por Spencer Tracy, o home que cun so brazo, consegue descubrir a verdade. Ou a Atticus Finch, aquel extraordinario personaxe interpretado maxistralmente por Gregory Peck en "Matar a un ruiseñor" de Robert Mulligan, aquel heroe que educaba, por medio do diálogo, ós seus fillos, Jem e Scout, a coñecer o mundo e a entender que a xustiza ten que estar sempre por riba da vinganza.

   Estou certo de que Mohammed al- Babi e a turba que o acompañaba non tiveron oportunidade de coñecer a Atticus Finch e o seu sentido da xustiza. Tampouco pensaron na enorme utilidade que tería levar a Gaddafi diante do Tribunal Penal Internacional. Pesaron máis os grandes intereses dos gobernos comprometidos con esta maldita guerra. Eles son os responsables últimos, como o Consello Nacional de Transición libio, por utilizar unha turba airada, e a un mozo de 18 anos, para levantar unha monumental conspiración de silencio coa que ocultar a súa indignidade.   

   O anuncio de que o novo dereito libio estará baseado na sharia, logo dos linchamentos coñecidos, non augura nada bo para aquel pobo, tan maltratado por esta guerra orquestada pola OTAN e as corporacións petroleiras.

21 oct 2011

¡Por fin!

  


   Creo sinceramente que todas as persoas de paz e de ben, de calquera lugar, sexan de Euskadi, de Galicia, doutras nacionalidades do estado, de Francia, ou do mundo, hoxe, teñen que estar emocionadas e cheas de felicidade. A Declaración feita pública onte, 20 de Outubro de 2011, por parte de ETA, anunciando o remate definitivo da súa actividade armada, é unha extraordinaria noticia, non por agardada menos trascendente.

   Esta inmensa emoción de felicidade vese empanada, loxicamente, pola lembranza de todas as vítimas, ¡tantas!, que desapareceron para sempre, ó longo deste interminable conflito armado que durou máis de 50 anos, algúns viviron toda a súa vida coa violencia de ETA presente a cada instante.

   Quizáis non percibamos aínda o total significado desta Declaración. Nin siquera podamos valorar, de maneira rigorosa e calibrada, a súa relevancia, porque estamos profundamente afectados pola influencia da noticia, por tantas emocións que coinciden, positivas e negativas, porque a penas intuímos os camiños de esperanza para a reparación do dano causado, de reconstrucción de vidas rotas, de reconciliación para a convivencia, vías nada fáciles para percorrer, mais imprescindibles, persoal e colectivamente. A paz, moito mellor, as paces, en plural, todas as paces, teñen agora que facerse, que construírse, cada día, todos os días, sobre a base da confianza, da seguridade, do diálogo, da nonviolencia.

   A Declaración de ETA, en todos os seus termos e contidos, non pode satisfacernos totalmente. Sería imposible. A estética escollida, unha vez máis, lamentable.  Mesmo algúns dos seus párrafos son inaceptables. Sen embargo, si que atopamos apelacións novidosas ó futuro, á esperanza, á responsabilidade, á valentía. Gustaríamos de ver tamén algunha referencia ó perdón, porque, sen perdón, dificilmente atoparemos a reconciliación.

   Con todo, o remate da violencia armada visible, porque existen outras violencias invisibles, significa un triunfo do estado de dereito e da democracia, mais tamén das sociedades civís, en primeiro lugar, da vasca. Son moitas as institucións, entidades, persoas, que consagraron as súas vidas (e as deron) para que este momento chegara.

   Tamén son moitas as persoas de ben, caladas e xenerosas, que tenderon pontes, buscaron o entendemento e a concordia, facilitaron a paz e o remate da violencia. Merecen o noso recoñecemento e gratitude, particularmente, as organizacións sociais que posibilitaron este final, desde Gesto pola Paz a Lokarri, pasando por tantas outras, moitas delas agrupadas na Coordinadora de Entidades de Paz e Dereitos Humanos de Euskadi que preside Gorka Ruíz. Quixera facer unha referencia especial ós mediadores internacionais que se reuniron o luns pasado na Casa da Paz, no Palacio de Aiete, tan denostados pola dereita mediática, por iniciativa de Lokarri e de Paul Ríos, ¡qué mérito! para mostrar a saída do labirinto violento.

   Tempo haberá para seguir falando e reflexionando. Estamos no tempo de alegrarnos. Logo virán novos problemas, novos desafíos, pero desde o diálogo, como mellor maneira de abordar os conflitos de todo tipo, os retos que virán, con altura de miras, con xenerosidade, porque, por fin, o que máis queríamos, o que máis reclamabamos, o fin da violencia, é hoxe unha realidade irreversible.

   Coa Declaración de ETA de onte non desaparecen os problemas, as diferencias, os conflitos. Sen embargo, vaise para sempre o fundamental, aquel que quebraba a convivencia de forma dramática e brutal, a violencia armada. Quedan outros temas, moitos, mais hoxe estamos xa nunha situación moito mellor para abordalos, con máis liberdade, con máis seguridade, para todas e todos.
  
   ¡Por fin!

18 oct 2011

Unha casa para a paz en Euskadi

   


Tiven a oportunidade de coñecer a Casa da Paz de San Sebastián, invitado polo anterior Alcalde, Odón Elorza, moi identificado persoalmente con aquel proxecto. De feito, a capitalidade cultural estaba moi en relación coa procura da paz, da convivencia e da reconciliación.
   Está ubicada nun espazo magnífico, no Palacio de Aiete, un lugar simbólico, por moitas razóns. Alí se aloxaba o ditador nas súas visitas. Tamén foi o centro de tortura de Lasa e Zabala, un episodio terrible da "guerra sucia" contra ETA.
    A parte superior do edificio, o palacio, conserva a estrutura e a aparencia de cando Franco o ocupaba. Sen embargo, as estancias, salóns e demais, están hoxe dedicados a actividades de investigación para a paz, sensibilización, divulgación, formación. Cando o visitei, acompañado por Churi Aramburu e varios amigos de UNESCO Etxea e da Coordinadora de Grupos de Paz e Dereitos Humanos de Euskadi, estaba aínda montándose. Percibimos que a programación de contidos comezaba.
   Na parte inferior, debaixo do propio edificio do palacio, baixo terra, con acceso independente, moito máis modernos, estaban os espazos para obradoiros, exposicións, etc. con grandes fotografías de premios nobel da paz dándonos a benvida.
   Odón Elorza estaba moi ilusionado co proxecto da Casa da Paz e o vinculaba coa recuperación do barrio de Aiete e, dunha maneira moi especial, co remate da violencia e a necesidade de construír a convivencia democrática, sobre a base do diálogo e a reconciliación. Ofreceunos aqueles magníficos espazos para realizar todas cantas actividades, nacionais ou internacionais, vísemos oportunas a prol deses obxectivos. Cando remate a violencia empezará o máis complexo, facer as paces, dicía. Con todo, a construción da paz, xa empezara, e aquel lugar, era un símbolo dun proceso que xa se vía irreversible.
   Os conflitos armados asimétricos, como o que nos ocupa, no seu remate final, cara dentro e cara afora, necesitan de escenificacións, de imaxes, de símbolos. Lokarri o sabe, e Paul Ríos tamén, como o sabía Jonan Fernández, o anterior portavoz de Elkarri, hoxe director de Baketik, e María Oianguren, de Gernika Gogoratuz. E por iso Lokarri organizou esta Conferencia. Os que traballamos nestas iniciativas sabemos moi ben o difícil que é xuntar a grandes personalidades internacionais para unha tarefa como esta. O máis cómodo, o máis fácil, sería pasar. Pero os símbolos, as escenificacións, son importantes, repito, cara dentro e cara afora, para avanzar.
   Poñer o punto e final a 50 anos de violencia armada, con tantos mortos e sufrimentos, con tantas vítimas, non parece sinxelo. Sen dúbida que ETA está derrotada, particularmente, porque a sociedade vasca así o considera e porque os seus apoios máis directos hai tempo que decidiron darlle o carpetazo definitivo. Todo axudado, como non, pola actuación xudicial e policial, pola colaboración de Francia. Como polas dinámicas de cruzar pontes, de atravesar as fronteiras, de tribos, de organizacións e de persoas, de comunicación e de diálogo, que moitas entidades veñen promovendo, caladamente, desde hai tanto tempo no País Vasco.
   Claro que a Resolución aprobada en Aiete, lida en inglés polos facilitadores internacionais, non satisface a todos. Sería imposible. Cando é froito do acordo, do entendemento de mínimos, ninguén está completamente satisfeito. Pero desprestixiar a iniciativa, caricaturizar ás personalidades participantes, arremeter contra dos organizadores, xustificar as ausencias, menosprezar o contido da declaración, non parece a mellor maneira de facilitar a reconciliación.
   Pídese, antes que ningunha outra cousa, o remate definitivo da violencia de ETA. Logo disto, sempre despois do final de ETA, poderán iniciarse outros procesos de diálogo sobre as consecuencias do conflito. E faise por medio dun chamado que asinan grandes personalidades con experiencia recoñecida na resolución pacífica de conflitos. Para que ETA e o seu mundo entendan que non existe outra vía. A escenificación ten moito de consumo interno, unha percha onde colgar o cartel de acabado, unha ponte de prata, unha rendición honorable.
   Quizais algúns quixeran que a imaxe final fose outra. Algo así como "cautivo e derrotado o exército roxo". Pero as cousas non son así, neste tipo de conflitos. Outros gozarían coa retirada pública das capuchas e as chapelas, ou co aforcamento na praza do concello. Sen embargo, a reconciliación, a concordia, as paces, non se acadan desta maneira. A unificación dos relatos, a memoria do acontecido, tense que construír sen exclusións, con perdón, tal e como di Johan Galtung, logo da violencia, 3R: reconstrución, reconciliación, resolución, para afrontar os efectos visibles e invisibles da violencia.
   Versalles tivo a súa imaxe, aquela que estudamos de mozos, e Yalta, e mais tamén Sudáfrica, e o Salvador, e Guatemala, e Irlanda...si ETA anuncia o seu final definitivo, a min gústame a imaxe do Palacio de Aiete, a Casa da Paz de San Sebastián, por que non?.

16 oct 2011

Máis alá do 20N





   Estiven na manifestación do 15 de 0utubro en Santiago de Compostela. Con independencia do número de persoas, máis de 10.000, para min, o relevante non era tanto a cantidade, sendo moitas, o 10% da poboación da capital de Galicia, que non é pouco, senón a composición. Poderiamos dicir que era unha manifestación de mozos e mozas, creo que por riba do 80% da marcha, máis ou menos ó contrario do que ven acontecendo nas últimas mobilizacións ó uso, onde a gran maioría pasamos dos 50.
   Outra característica é que persoalmente non coñecía á gran maioría dos participantes, tamén ó revés do que me ocorre habitualmente, o que nunha cidade como Santiago resulta sempre unha agradábel sorpresa.
   Estamos falando de máis de 10.000 persoas autoconvocadas por medio das redes sociais, sen partidos nin sindicatos detrás, nen infraestrutura de megafonía, altofalantes e demais, mesmo mentres algún partido facía, á mesma hora, a súa convención nacional de candidaturas para o 20N, de costas a miles e miles de mozos e mozas que saíron ás rúas de Galicia pedindo un cambio global. Este aspecto, a min, paréceme especialmente significativo. A principal base social dunha forza de esquerdas, a mocidade, que noutras épocas estaba ahí, mobilizándose -agora- nas rúas galegas contra da ditadura dos mercados e do capital, por unha democracia xenuína, representativa e participativa, unidos por un cambio global..., e a esquerda, o nacionalismo, de conclave electoral. Parece mentira. Non todos, é verdade, Beiras estaba na rúa e con el outros militantes do nacionalismo e da esquerda, como de EU, mesmo do PSOE, pero eramos os menos.
   A transversalidade da marcha recordaba ás manifestacións contra da guerra no 2003, as primeiras, certamente, en ter ese contido global que agora se reivindica, ou as do Prestixe e Nunca Máis.
   Sen embargo, nesta ocasión, non estaban os partidos nin tampouco os sindicatos. Tamén chamaba a atención a minoría que representabamos a xente "madura", o que da conta doutro dato fundamental, ademais dunha diferencia política de calado co sistema e os que, dun modo ou outro, o lexitiman, existe outra de carácter máis xeracional, unha ruptura nas clases medias, coa súa mocidade máis representativa.
   Probablemente estas mobilizacións terán pouca repercusión electoral o 20N. Sen embargo, o movemento iniciado por Democracia Real Ya, o da cultura da indignación, vai ter, ó meu parecer, un percorrido moito maior, máis global, recollendo as aspiracións dese "outro mundo posible" que puxera en marcha o Foro Social Mundial en Porto Alegre no 2001.
   No remate da manifestación no Obradoiro, un grupo de mozas e mozos que leron o Manifesto final, berraron que o cambio global empezaba o 15 de Outubro, que a resposta fora masiva en mais de 900 cidades do mundo, en todos os continentes, grazas ás redes sociais e ás novas tecnoloxías da información e a comunicación. Esta é tamén outra gran novidade. Por primeira vez, ó instante, a cidadanía global toma conciencia da súa forza. Fronte dunha crise sistémica, global, está nacendo unha resposta tamén global, que actúa localmente, como reclamaba o pacifismo dos '80, e os partidos tradicionais, os sindicatos clásicos, xa non son o referente, os suxeitos históricos principais,  alomenos, neste momento, por incomparecencia, sectarismo, soberbia ou acomodación.
   A cidadanía democrática, farta de tanto cambalache e corrupción, de tanta representación e teatro político, de tanta cobiza e cazo, de tanta submisión da democracia ós poderes financeiros, reclama un cambio de rumbo radical, de raíz, porque non se sinte representada.
   Si os partidos tradicionais e os sindicatos clásicos non reaccionan quizais o vento da historia os leve por diante. Máis alá do 20N.

10 oct 2011

Lar da Paz

 

   O Xoves, día 13, estiven en Madrid, no Mº de Fomento, entregando toda a documentación necesaria para que o noso proxecto de rehabilitar unha parte do Mosteiro Franciscano de Herbón, en Padrón (A Coruña), un monumento do século XIV, para ubicar  alí, o Lar da Paz (Centro Internacional pola Paz), sexa, por fin, unha realidade.
   Remata así un proceso que empezou en 2009 e que se concretou nun acordo coa Orde Franciscana para promover un Centro pola Paz similar ó existente en Arántzazu, en Oñati, Guipúzcoa, que dirixe o bo amigo, Jonan Fernández,  co nome de Baketik.
   Trataríase de rehabilitar 1070 metros cadrados, dun conxunto de 48.000, segundo un proxecto arquitectónico magnífico deseñado por Pedro de Llano, no que se instalaría o Seminario Galego de Educación para a Paz, a Fundación Cultura de Paz, a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, así como o futuro Centro UNESCO de Galicia, con Sala de Exposicións Permanente, Salón de Actos para máis de 100 persoas, aulas, videoteca e biblioteca, salas de xuntas, etc. no marco dun proxecto moito maior no que tamén están implicadas outras entidades como a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, que construirá un albergue de peregrinos e un Centro de Estudios Xacobeos; a Asociación Viravolta, cunha Casa de Acollida para nenos en situación de risco social, e a Asociación Sementar, de agricultura ecolóxica.
   Para chegar ata aquí foron necesarias moitas horas de reunións, moitos contactos e xestións, un denodado esforzo e entusiasmo, así como a superación dunha serie de condicionantes de relevo, entre outros, acadar, da Xunta de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio, a Incoacción do Expediente para a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do monumento, condición necesaria para que Fomento aprobe a aplicación do 1% cultural.
   A  incoacción do citado expediente para a Declaración de BIC xa está asinada polo Director Xeral de Patrimonio, o Sr. Rey Pichel, e sairá en breve no DOG. Debemos agradecer tanto o Director Xeral, como á súa Subdirectora, Dª María Diz, a sensibilidade para co proxecto e a rapidez para incoar o expediente da Declaración BIC. Sen a súa colaboración e eficiencia sería imposible chegar en prazo.
   Tamén o arquitecto Pedro de Llano e o seu equipo tiveron que moverse rápido para transformar un proxecto básico nun proxecto de execución da obra. E o conseguiron.
   O Mº de Fomento está en disposición de acometer o 75% do proxecto e o 25% restante será financiado polo Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz coa axuda doutras institucións concernidas, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de A Coruña e o Concello de Padrón, xunto con outras entidades de carácter privado.
   Si todo sae como está previsto, nun prazo máximo de tres anos, teremos o Lar da Paz en funcionamento, no Mosteiro Franciscano de Herbón en Padrón, na desembocadura do Río Ulla, a carón da Ría de Arousa, nunha curva fermosísima onde están as primeiras pesquerías de lamprea que xa os romanos coñecían e explotaban.
   O Centro Internacional pola Paz de Herbón establecerá acordos de colaboración con Arántzazu e Asís, mais tamén coas Fundacións relevantes do Concello de Padrón, como a Rosalía de Castro, a Camilo José Cela ou a Paideia, para convertelo nun referente que ofertar a colexios e institutos, a outras ONGs, institucións, etc. como lugar idóneo para visitar e coñecer.
   Aquelas persoas que iniciamos este proxecto apaixoante, en 2009, aqueles tolos que soñamos cun Centro Internacional pola Paz en Galicia, onde investigar, publicar, organizar actividades, divulgar, intervir, actuar, cooperar e compartir, moi poucos, certamente, podemos estar, hoxe, de norabóa, particularmente, Roberto Freire, o prior de Herbón, os franciscanos que creron nel, o Pai Amado, o Pai Castiñeira, provincial actual, os frades do Convento, a Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz, e moi especialmente, Federico Mayor Zaragoza, entusiasmado cando en compañía da súa muller, Cheles, estivo en Herbón, onde ubicará parte da súa Biblioteca persoal.
   A partir de agora empeza outra etapa que tamén confiamos en superar satisfactoriamente.
    O Lar da Paz, no Mosteiro de Herbón, en Padrón, empeza a ser moito máis que un soño, xa case ten forma de realidade, como as lousas do século XIV que o acollerán na capital do pemento.

9 oct 2011

Paz é un nome de muller


  
   A concesión do Premio Nobel da Paz 2011 a tres mulleres, dúas africanas e unha asiática, Ellen Johnson-Sirleaf, Leymah Gbowee e Tawakul Kerman, respectivamente, é unha moi boa noticia.
   En primeiro lugar, porque recoñece e premia a labor das mulleres na procura da paz, das paces, que diría o bo amigo Vicent Martínez Guzmán, reforzando a Resolución 1325 que aprobou Nacións Unidas no ano 2000, un texto de enorme relevancia que habería que coñecer e difundir masivamente nas escolas e nos institutos, tamén na sociedade http://www.un.org/womenwatch/ods/S-RES-1325(2000)-S.pdf. Para elo, o libro 1325 mulleres tecendo a paz, magnífico, pode ser de gran axuda, un moi bo traballo de Manuela Mesa e Carmen Magallón, entre outras, co apoio da Fundación Cultura de Paz e de CEIPAZ. (http://www.1325mujerestejiendolapaz.org/).
   En segundo termo porque a unhas semanas da morte de Wangari Maathai, a primeira Nobel da Paz africana, o Comité reunido en Oslo reitera o seu compromiso, por unha banda, por contribuír a corrixir o enorme déficit de mulleres nos galardóns concedidos e, pola outra, a débeda contraída con Africa, ausente ata hai ben pouco tempo dos Premios Nobel da Paz.
   Son tres mulleres, do chamado Terceiro Mundo, de países empobrecidos e destrozados pola guerra, Liberia e Iemen, activistas, profundamente comprometidas coas liberdades democráticas e os dereitos humanos.
   Unha, Ellen Johnson, no poder por elección popular, toda unha novidade, logo de rematar coa guerra e a dictadura de Charles Taylor en Liberia. Outra, Leymah Gbowee, pacifista, promotora da primeira folga de sexo contra da guerra. E Tawarul Kerman, unha moza, líder da Primavera Arabe en Iemen, unha revolución inconclusa, defensora dos dereitos humanos, xornalista, presente en toda canta mobilización se produce contra do cruel réxime de Abdulá Saleh.
   Os premios compartidos por estas tres mulleres valentes son tamén un símbolo porque representan a todas as mulleres africanas que actúan, cun enorme efecto multiplicador, en defensa da paz e a democracia, en condicións terribles, resaltando, ademais, o camiño da intervención política non violenta. No caso de Iemen, no premio a Tawarul Kerman, quérese apoiar decididamente a mobilización das mozas e dos mozos nas revoltas árabes, o seu papel decisivo, como a propia premiada ven de recoñecer.
   Os tempos están cambiando. As revolucións árabes amosan, sen discusión, que as demandas de paz, liberdade, democracia, igualdade e benestar, non son patrimonio exclusivo de Occidente e incompatibles coas tradicións culturais musulmanas, como as veces pensamos, nin que o fundamentalismo sexa consubstancial á súa civilización. Nada máis lonxe da realidade. Fundamentalismos hainos, e en todas as culturas, tamén na nosa. Sen embargo, non teñen por qué ser maioritarios. Torres máis altas caeron. E o valor da nonviolencia está en auxe, con algunha que outra excepción, é verdade. As experiencias de Túnez ou Exipto, ou a de Liberia, así o amosan. Libia, Siria, Iemen, con máis brutalidade por parte dos seus gobernantes, están facendo o seu propio camiño, co exemplo de miles de mulleres como as premiadas.
   O Comité Nobel, nesta ocasión, acerta. Será de gran axuda para estas tres mulleres valentes e as súas causas, nonviolencia, paz e democracia, benestar e igualdade. Os pacifistas, as pacifistas, en todo o mundo, estamos de norabóa. Parabéns e que cunda. Porque Paz é un nome de muller...
  

2 oct 2011

Obama, Premio Nobel da Paz, autoriza execucións sumarias...




Non damos creto. Parece que volve a Rambomanía, por aquelo de que a realidade supera sempre á ficción. Non foi suficiente con Osama Bin Laden. Agora tócalle a quenda a Anuar el Aulaki, sen dúbida un predicador da violencia iemení con nacionalidade estadounidense. Un individuo non moi distinto a eses tele predicadores que invaden a diario os canais das televisións norteamericanas. Tipos cargados de odio e de fanatismo, sectarios e partidarios de resolver os asuntos delicados coa sutileza das bombas lanzadas desde avións non tripulados. Primeiro disparamos e logo xa preguntaremos.
   Pouco importa que estas actuacións vulneren a legalidade internacional ou que provoquen graves danos colaterais como neste caso. Ademais da execución sumaria de Aulaki, na mesma acción foi asasinado outro norteamericano, Samir Khan. Pero, no problem, o ataque está plenamente xustificado. Un informe secreto do Departamento de Xustiza, ¡vaia mascarada!, parece que respalda a legalidade da execución, o que en Palestina e Israel se coñece por "asasinato selectivo".
   Obama, nada menos que Premio Nobel da Paz, autoriza execucións estraxudiciais, violacións manifestas dos dereitos humanos, amparándose nunha máis que dubidosa legalidade. Sería unha actuación de guerra contra dun combatente que ameaza a seguridade dos EE.UU. nada menos.
   Dereito de autodefensa, loita contra do terrorismo internacional, guerra contra Al Qaeda... ampararían estes crimes inmediatamente denunciados polas organizacións de defensa dos dereitos humanos, a Unión Americana de Liberdades Civís ou o Centro de Dereitos Constitucionais. Trataríase, en realidade, de execucións sumarias contra persoas, cidadáns norteamericanos, sen cargos e sen xuízo algún.
   A persistencia, sine die, do estado de guerra contra do terror en USA, permite a eliminación do inimigo, en calquera lugar do mundo, pasándose polo arco de trunfo a legalidade internacional e os dereitos humanos.
   Os medios de comunicación occidentais, incluídos os españois, a penas deron información sobre estas execucións estraxudiciais, mesmo de nacionais norteamericanos. Para que. A quen interesan dúas ratas iemenís menos, aínda que teñan orixe ianqui. Mortos, ben mortos, é como están mellor, como dixera  D. Manuel, o de Vilalba. Ninguén vai chorar por eles. E si o lamentan, son iguais. Filoterroristas...
   A este paso non sei onde imos a parar. Acabaremos mirando todos para outro sitio. Mentres non veñan por nós...
   Sei que existe unha Declaración Universal dos Dereitos Humanos, un Tribunal Penal Internacional, unha Corte Internacional de Xustiza, unhas Nacións Unidas... ¿ou xa non?