Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

18 feb 2013

Sobre a crise municipal en Compostela





        A situación do Concello de Santiago de Compostela, co que xa sabemos, resulta completamente insostible, desde calquera punto de vista. O alcalde do PP, Angel Currás, parece cada día máis un boxeador grogui, tentando manterse en pé, coa vista e a conciencia perdida, desbordado.
        Con varios concelleiros e concelleiras imputadas, el mesmo con dúas imputacións, nada menos, un ex-concelleiro na cadea, outro anxo, Ángel Espadas, ex-concelleiro, logo poderoso xefe de gabinete do anterior alcalde, Gerardo Conde Roa, dimitido e imputado por fraude fiscal; varios xefes de gabinete máis, tamén involucrados na mesma trama de corrupción política, de tráfico de influencias, mordidas e petiscos; co xerente de Aguagest en prisión, as augas baixan podres... a este paso: quedará alguén sen imputar? media corporación do PP, esta sendo investigada pola xuíza de Lugo, Pilar de Lara.
         A cidadanía de Compostela asiste, entre atónita e avergoñada, a un espectáculo lamentable que ameaza con destruír, nun instante, o prestixio acadado pola capital de Galicia. O que non quere dicir, obviamente, que antes non houbera, presuntamente, chanchullos e pelotazos varios. Pero hoxe os feitos falan por si mesmos. En pouco máis dun ano, foi o PP de Conde Róa e Currás, quen puxeron o concello patas arriba, mellor dito, colocáronse eles mesmos ás portas dos xulgados, dentro e, nalgún caso, entre reixas. Perpetuar esta situación dous anos máis ate as próximas eleccións municipais, sería, ó noso modo de ver, tan irresponsable como suicida. Non pode tolerarse. Supera os límites da capacidade de aguante da cidadanía. O cheiro e a podredume percíbense desde moi lonxe de Raxoi.
         Compre lembrar que o PP acadou a alcaldía de Compostela por un puñado de votos, nunhas eleccións axustadísimas e a pesares de que eran moitas as persoas que coñecían –perfectamente- a Gerardo Conde Róa, a súa traxectoria e a de algunhas compañías que frecuentaba. Nesta aldea grande todo se sabe, aínda que non todo se publicite. Colleunos por sorpresa. Nin eles mesmos esperaban aquela maioría absoluta polos pelos.
         Con todo, actuaron con rapidez. Parece que con menor prudencia. Os teléfonos móbiles, tan útiles, camiño de perdición. En menos dun ano, o anterior alcalde tivo que irse. O seu concelleiro de cabeceira, Angel Espadas, hoxe na cadea de Bonxe, tamén ex- xefe do seu gabinete, foise logo de que o detiveran por conducir borracho, precisamente a el, o azote do botellón compostelán. E varios concelleiros e concelleiras seguen, a data de hoxe, imputados na operación coñecida como Manga, derivada da Pokémon, e co xerente de Aguagest, a forte compañía que xestiona as augas, instalacións, arranxos... en non poucos concellos de Galicia, tamén en prisión provisoria, e con algún empresario máis imputado, polo de agora. Alguén da máis?. Pois si, o que é susceptible de empeorar, empeora, así o di a Lei de Murphy, crónica dun infortunio.
         Entrementres, o presidente Feijóo afirma publicamente que o de Santiago non é normal. Ben pouco para quen considera que Bárcenas o repugna. Suxire a necesidade de que o alcalde pida perdón e desculpas. Como o Rey. Currás, guiadiño, o fai. Tamén Paula Prado. Pero non chega. Algo máis?. Nada. Silencio. Ata que escampe.
     Non parece que a gravísima situación que vive o Concello de Santiago de Compostela poida resolverse, simplemente, cunhas pouco sentidas e forzadas desculpas. Hai responsabilidades políticas evidentes que ninguén pode ocultar. As responsabilidades xurídicas a xustiza as resolverá definitivamente no seu momento.
         E a oposición municipal?. Pois ó meu entender debería de actuar unida, con posicións comúns, ofertando saídas posibles e consensuadas para esta vergoña inmunda.
         E Alternativa Galega de Esquerda?. Pois igual. Evitar as actuacións de parte disputando entre si por quen consegue a pole position para as municipais próximas, agora ou cando toquen. Sentidiño...
         Si o PP cheira que fede, a oposición municipal, e a extra municipal, terían que acertar polo seu propio ben e polo da cidade e a cidadanía que representan.
         Os picheleiros -e os que non o son- o que reclamamos é a unidade da oposición para darlle unha saída positiva ó desgoberno municipal que denuncian mesmo os funcionarios do concello. E a AGE (Alternativa Galega de Esquerda), penso eu, pedímoslle que actúe con unidade e coherencia, tanto interna como externa, ofertando solucións novidosas ós problemas: radicalidade democrática, decencia, honestidade, ética pública, pero sobre todo, actuar como AGE, unidos na diversidade, con visión de futuro, para non morrer de éxito.