Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

17 sept 2015

100 días de que?



Foi un Sábado, 13 de Xuño, o día da toma de posesión como Concelleiro do novo goberno municipal de Santiago de Compostela, a capital de Galicia, nun equipo de 10 persoas lideradas polo Alcalde, Martiño Noriega, a lista máis votada no Concello, para sorpresa de propios e de estraños.

Había nervios, como non. Houbo que repetir dúas veces a entrega do bastón de mando. Algúns restregaban os ollos, non o crían.

O propio acto xa tivo novidades. Renunciamos ós medallóns e ás insignias. O espírito de Coralia e Maruxa, de Anxel Casal, de Xohán Xesús González movía as cortinaxes. O cabalo do Santiago Matamouros de Freire e de Gambino din que relinchou, e hai quen escoitou murmurar a Atanasio e a Teodoro, a Mateo e o David. Daquela ninguén coñecía –aínda- o parecer do Deán.

E pasaron xa 100 días, eses que din que son de graza, de xogo limpo, de respecto institucional, de que?. Non houbo nin 100 minutos. Había presa por desacreditar, por recuperar nos medios o perdido nas urnas, xa se sabe, estamos nunha dinámica electoral sen fin, e para algúns todo vale con tal de recuperar o perdido o 24 de Maio.

A Marea tamén chegou a Compostela, encheu a Quintana, o Obradoiro e tamén o Toural, que acerto abrir Olmedo!, e as puchas tomaron o pazo que mandara construír o arcebispo Bartolomé de Raxoy y Losada, entre dúas cadeas, a relixiosa e a civil, canta metáfora...

Polo que a min respecta, cheguei a un Departamento, o de Educación, desmantelado, polo que pasaran ate 6 responsables nunha lexislatura, alguén lembra os seus nomes?, algún fito relevante?, algunha pólvora?. Un departamento desanimado, recortado, proba do pouco interese que o PP daba á educación pública. O primeiro foi recuperalo, amplialo, recoñecerlles a súa valía, o seu amplo e rigoroso coñecemento da realidade escolar, froito de máis de 30 anos de experiencia.

E o curso escolar estaba rematando. Non podiamos perder un minuto. Presentamos un Plan de Obras de Verán por valor de máis de 200.000€ nas escolas infantís e nos colexios, que rematamos en tempo e forma, realizadas puntualmente en Xullo e Agosto. Toma xestión!. Din que por primeira vez en moitos anos...

E puxemos en marcha o Programa de Conciliación con novas actividades, con comedor escolar funcionando en dous centros, As Fontiñas e o Raína Fabiola, atendendo tódalas necesidades que se presentaron.

Por primeira vez, recibimos ó profesorado xubilado en Raxoi, no Salón Roxo, cos directores e directoras dos centros, nun acto de recoñecemento e de gratitude, de apoio ó ensino público, que converteremos nunha das citas institucionais relevantes de cada remate de curso. Como o de apertura, nesta ocasión na Sala Mozart  do Auditorio de Galicia, con centos de nenos e nenas de 6º de Primaria, cos pais e as nais, os directores, sindicatos, a Banda da Escola Municipal de Música, cos cativos e cativas que rematan a súa escolaridade e antes de incorporarse ós institutos da cidade, con Carlos Blanco, reivindicando a escola pública, a de todas e todos. Corrixiremos os erros e melloraremos...

Os comedores escolares e o servizo de madrugadores empezaron, quen o diría! con puntualidade británica, nas mesmas condicións, cos mesmos prezos, o día 10 de Setembro, tal e como estaba previsto, a pesares das alarmas sementadas innecesariamente para crear inquietude entre as familias, tentar desacreditar ó novo goberno municipal e, de paso, á escola pública. Ó final, a propia vida coloca a cada quen no seu lugar...

A miña primeira actuación na Deputación Provincial foi interesarme pola Ludoteca de As Fontiñas, tiña, e temos, especial ilusión en abrila canto antes, e así será, máis pronto que tarde. E a Escola de A Portela, en Figueiras, o Centro de Interpretación do Medio Rural, pechado desde 2012!, un recurso educativo que non podemos permitirnos o luxo de ignorar e que estará operativo para a Primavera. E presentamos unha moción sobre o drama dos refuxiados, conxuntamente coa Marea Atlántica, aprobada por maioría, e que dedicará recursos orzamentarios para os concellos que os acollan e garantan, sobre todo, o asilo, artigo 14 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. E incorporamos a Santiago de Compostela e ó seu alcalde á rede internacional de Mayors for Peace, polo desarmamento nuclear en 2020.

Para este curso, poñeremos en marcha numerosos programas educativos de carácter transversal, unha ampla oferta para os centros escolares, Cidades Educadoras, Educa Compostela, Santiago capital, Roteiro da memoria, concertos didácticos, animación á lectura, concurso de carteis de Nadal... e celebraremos colectivamente o Día Internacional dos Dereitos Humanos e o Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia, entre outras efemérides de relevancia.

Remato xa. Teremos, desde xa, un amplo debate participativo do Proxecto Educativo de Cidade, sobre a base dun documento elaborado pola Facultade de Educación, con toda a comunidade educativa, recuperando o Consello Escolar Municipal, o Observatorio Municipal da Convivencia Escolar, ou o Consello Escolar da Infancia, para amosar, facendo, que a participación é a clave de Compostela Aberta para transformar positivamente o concello.


Como vedes, temos faena para máis que 100 días, e imos afrontala, con ilusión, e se cadra, co ventiño de cara ...