Cando lin este tratamento
sentín un profundo malestar. Parecera que este asunto, o servizo de
madrugadores e de comedores escolares en nove dos trece colexios públicos de
Santiago de Compostela, pasara a converterse nun tema de gravidade similar ós
casos de corrupción política que se moven a diario polos xulgados de tantas
cidades. Nacía así un chamado “Caso
comedores” complementado con cualificativos como culebrón, problema, desastre, peor imposible, modelo de incompetencia,
incapacidade… adxectivos cargados de intencionalidade política.
Podería aplicarse aquí
aquel vello dito do mundo do xornalismo, “non
deixes que a realidade arruíne un bo titular”. Porque este “caso” do que se
fixeron eco ate no mesmo Parlamento Galego os voceiros do PP, que o sacaron en
canta tertulia participaban e como unha proba inequívoca da incapacidade
manifesta das Mareas, era pura ficción, como Breaking Bad.
Mentres todo isto
acontecía a realidade dos nove comedores escolares municipais que xestionamos
directamente desde o Concello era moi outra. O alumnado comía (e comeu) todos e
cada un dos días do curso escolar, con absoluta normalidade, case que 150.000
xantares. Algunhas persoas aínda o dubidan...
Certo que tardamos en
resolver o procedimento de licitación en concurso público case que seis meses.
En calquera caso, non máis que outras veces, porque están involucrados tres
negociados distintos: educación, contratación e intervención, que teñen os seus
tempos, as súas limitacións e as súas garantías, antes de chegar á Xunta de Goberno
local previo paso pola Mesa de Contratación onde están representados, ademais,
tódolos grupos políticos e os servizos xurídicos municipais. Foron efectivamente
seis meses, é verdade, pero tivemos que resolver non un senón tres
procedementos administrativos distintos e complexos, o primeiro de carácter público
e aberto, o segundo negociado e o terceiro de urxencia, nos que, en todos eles,
participaron varias empresas do sector, algunhas das cales renunciaron, mesmo
logo de resultar adxudicatarias, algo realmente insólito.
Estamos agora co procedemento de licitación do novo
contrato para o curso que ven, o 2016-2017. Confío en telo asinado en Agosto.
Están publicados os novos pregos no perfil do contratante, na web do Concello.
Alí figuran todos os requisitos, á vista de quen quera consultalos, pódense
comparar cos da Xunta. Melloramos a oferta económica e limitamos a súa
influencia global a algo máis dun terzo da puntuación, 50 puntos dun total
posible de 142. Incluímos as recomendacións dunha experta catedrática da
Universidade de Vigo en relación cos menús, valores nutricionais, rotación e
características. Haberá tamén un maior seguimento, máis exhaustivo aínda do
servizo, e unha auditoría trimestral, cunha mesa de control con representación
dos usuarios, da empresa adxudicataria e do concello. Limitamos a distancia
máxima das cociñas, a 180 Km , e incorporamos novas
medidas de promoción da saúde, hábitos alimentarios e tamén de coñecemento e
difusión do servizo entre toda a comunidade educativa. Moitas das melloras foron
suxeridas polas nais e os pais, as direccións dos centros, ou polos delegados
sindicais do persoal, logo das mesas de diálogo que mantivemos durante meses.
Pagamos, xa desde febreiro pasado, a media hora traballada e non percibida ate
aquel momento polo persoal. E entre as melloras demandadas figura a da
progresiva substitución da vaixela de plástico por vidro ou aceiro inoxidable,
entre outros aspectos.
Compre saber que en Santiago de Compostela temos hoxe
varios modelos diferentes de comedor escolar funcionando, polo mesmo temos onde
comparar, e dedicaremos o vindeiro curso a reflexionar participadamente sobre
os comedores que queremos para o futuro. Hainos que dependen da Xunta de
Galicia, por exemplo, o da Sionlla. Témolos con cociña propia e xestión directa
da ANPA, o López Ferreiro. De Cátering, xestionado tamén pola ANPA, no Pío XII,
ou o de Lamas de Abade que coordina a ANPA en colaboración coa Escola de
Hostalería. Ningún destes modelos estivo no foco mediático durante o curso
pasado, nin sequera o que xestionaba a mesma empresa Serunión. Nin os prezos,
nin as ratios, nin os menús, nin as temperaturas, nin a variedade, nada. Non
falemos dos comedores dos centros concertados. Silencio absoluto. Os únicos
problemas, segundo algúns medios, mira ti, estiveron nos nove comedores de
xestión municipal. Curioso.
Para rematar, no servizo de madrugadores e de
comedores escolares municipais de Santiago de Compostela, comen aproximadamente
800 rapaces e rapazas, dun total superior ós 10.000 alumnos. Polo tanto, son algo
menos do 10% do alumnado. Como vemos, a gran maioría vai comer ás súas casas,
coas súas familias. Son as nais e os pais os que financian o servizo de
madrugadores e de comedores escolares coas súas cotas, 2,93€ por xantar e día,
ate o de agora, cunha pequena axuda en concepto de subvención da Xunta de
Galicia, cada ano máis minguante. Compre salientar que desde que chegamos ó
goberno do Concello hai un ano, duplicamos as becas de comedor escolar. Os
novos prezos serán algo superiores, obviamente, ós existentes, pero en ningún
caso estarán por riba da media do conxunto do Estado. A calidade, xa se sabe,
temos que pagala.
Quixera rematar indicando que os comedores
escolares, con toda a súa importancia e sensibilidade, non deixan de ser un
asunto menor, cuantitativa e cualitativamente, nas competencias, funcións e
tarefas da Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de
Compostela.
E claro que si, o servizo estará dispoñible, como
estivo este curso, para tódolos solicitantes no primeiro día de comedor
escolar, en Setembro, sen dúbida algunha.