Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

10 sept 2018



UN CURSO NOVO…

Lembro -con certa nostalxia- o comezo de cada novo curso escolar. Inquietude, preocupación, ilusión, esperanza, nerviosismo, caras novas… sensacións mixturadas coa renovación anual e o rexuvenecemento que produce acoller quendas de rapaces e rapazas novos, profesorado, novidades… que aproveitamos para comentar, claro, xunto co verán que se vai.

Hoxe, xa xubilado, quen o diría, vexo e sinto este momento dunha maneira ben distinta, con responsabilidades e olladas diferentes, cunha perspectiva nova cando estou a piques de afrontar o último curso dun mandato iniciado en maio de 2015 cando Compostela Aberta se convertíu na forza política máis votada en Santiago.

As miñas preocupacións desde a Concellaría de Educación e Cidadanía son outras. Certo que comparto os desexos de mellora da calidade educativa con tódolos sectores e suxeitos do complexo proceso que coñecemos como ensino-aprendizaxe. Sen embargo, as competencias reais dun Concello -en materia educativa- son e están moi limitadas. Ás veces, con bóa intención, tendemos a confundir as responsabilidades e demandamos melloras infraestructurais que son lóxicas nunha rede de centros que ten xa moitos anos e, polo mesmo, responden a modelos que están, certamente, obsoletos. Por iso recoñecemos que os espazos non son os que realmente necesitamos no século XXI, salóns de actos e de usos múltiples, parques infantís, comedores, aulas, laboratorios, medios técnicos e tecnolóxicos, ratios axeitadas, profesorado especialista e unha organización escolar máis acorde coas demandas actuais… a pesares dos esforzos que se fan e que recoñecemos. Pero non son suficientes. Sabeo ben a comunidade educativa. Mais a competencia para ter centros destas características corresponde integramente á Xunta de Galicia, dona e señora das competencias plenas en materia de educación.

Os concellos, nas súas limitacións, orzamentarias e competenciais, abordamos o mantemento das instalacións, non os investimentos nas infraestructuras citadas, polo mesmo, non podemos intervir en asuntos alleos aínda que, ás veces, vémonos na obriga de facelo, directamente ou en colaboración coa Consellería, porque sentimos e queremos mellorar a calidade, na medida das nosas posibilidades.

Con todo, os recursos que dedicamos ó mantemento dos centros escolares, nos últimos anos en Santiago, son moi relevantes, insuficientes, desde logo, pero debemos valorar o esforzo que significa, de diñeiro público destinado a reparar parques infantís, aulas, fachadas, baños, carpinteiría de aluminio, pavillóns deportivos escolares e demais instalacións, algo máis de 400.000€, só nos coles, que de maneira sostida no tempo vimos dedicando, alomenos, desde 2015, xunto con axudas que tramitamos desde os Servizos Sociais, para comedor e material, que multiplicamos exponencialmente como nunca se fixera neste concello.

Ademais atendemos puntualmente tódalas urxencias e as emerxencias que acontecen diariamente nunha rede de centros moi numerosa, complexa e variada, non sabedes cantas, 3 escolas infantís municipais, outras 4 consorciadas que tamén mantemos, 3 escolas unitarias, 13 colexios de Primaria, unha Escola Municipal de Música, o Centro de Interpretación do Medio Rural de A Portela en Figueiras, ou o Espazo Educativo e de Lecer “María Miramontes” coa Ludoteca de As Fontiñas. O que significa o seguimento de numerosos contratos de mantemento que van desde gas e electricidade, auga e as súas condicións, ate as alarmas e os extintores, pasando polos elevadores, a limpeza e a conserxeiría, as reparacións eléctricas, entre outras. Temas imprescindibles para que o servizo público educativo sexa da máxima calidade.

Asegurar que todos estes elementos, empresas, espazos, funcionen, ó día, cada día do curso escolar, non é unha tarefa doada, desde un Departamento como o de Educación e Cidadanía que, para as persoas que coñecen a súa realidade interna, arrastra dificultades de persoal e de medios, especialmente pola conxugación de circunstancias inesperadas, excepcionais, que afectaron e conmocionaron profundamente o seu funcionamento ordinario, en particular desde hai máis dun ano.

Con todo, apoiaremos proxectos e programas novos, algúns ampliados, como o “Vivir e Coñecer Santiago”, o Roteiro Funerario polos cemiterios de Compostela, os Concertos Didácticos, a Campaña de Animación á Lectura e os Premios de Albums Ilustrados, ou os Educa Compostela, as celebracións do Día dos Dereitos Humanos ou o Escolar pola Paz, ou o Europeo da Música, o Festival Intercentros de Teatro ou o Festival de Danza. A finais deste mes colaboraremos cunha inédita Mariña Seca na Praza do Obradoiro, de Embarcacións Tradicionais Galegas, cun folleto divulgativo e un programa de visitas escolares…

E poremos en marcha, neste curso, un Plan de Igualdade nas Escolas Infantís e un Programa de Educación Afectivo Sexual naqueles centros que o desexen. E procuraremos convocar os órganos de participación, o Consello Escolar da Infancia, o de Convivencia Escolar e o Consello Escolar Municipal.

Tamén editaremos novas Unidades Didácticas que se sumarán ó amplo catálogo de publicacións do Departamento, unha titulada  "In Memoriam", para traballar no Roteiro Funerario, outra sobre o Pórtico da Gloria e unha terceira sobre María Miramontes.

Non quixera deixar de parabenizar a tódolos axentes educativos, e o fago con ilusión renovada neste novo curso, cos mellores desexos para as equipas directivas, tan importantes no funcionamento eficaz dos centros, ó profesorado, ás familias, ó alumnado, ó persoal non docente, para que, conxunta e colaborativamente, eduquemos, eduquemos, eduquemos, máis e mellor, cada día, tódolos días, coa ilusión, alegría e esperanza do primeiro.


20 ene 2018

30 de Xaneiro, Día Escolar da Nonviolencia e da Paz
No 70 Aniversario da morte de Gandhi
(1948-2018)

Construíndo cultura de paz
Manuel Dios Diz


   Xa estamos a uns poucos días do 30 de Xaneiro de 2018, unha data marcada no calendario escolar, nos respectivos Plans de Centro, e que moitos colexios e institutos celebran como unha expresión máis do traballo que realizan, durante todo o ano, na prevención das violencias, a resolución pacífica dos conflictos, a mediación, ou a mellora da convivencia, porque é precisamente, na cotidianeidade, onde construímos a Cultura da Paz, pasiño a pasiño, moitas veces de maneira calada, diariamente, antes que en ningún outro lugar, na familia, o espazo privilexado e primeiro onde educamos, e transmitimos, coa nosa conducta e comportamento, os valores e as virtudes cívicas e democráticas envoltas co cariño, o coidado, os afectos e as emocións.
   A escola reforza aquelas aprendizaxes no mellor dos casos. Noutras, por desgraza, está obrigada a corrixir hábitos e conductas erradas, violentas, discriminatorias, abusivas, que o alumnado porta na súa respectiva mochila, no seu disco duro. Por iso, nistes casos, resulta tan importante desaprender…
   Esta labor, sabémolo ben, non se fai con discursos, con sermóns, por suposto tampouco coa famosa “labazada a tempo”. Por sorte, nos últimos anos, temos aprendido moito, a neurociencia ten aportado novidades relevantes, sabemos moito máis da educación afectivo emocional, do exemplo, porque os nenos e as nenas, o alumnado aprende dos comportamentos que observa, que mama, que vive, cada día, tódolos días, a cada instante.
   Desde a sociedade civil, os movementos de renovación pedagóxica, moito máis que as administracións públicas, debemos recoñecelo, veñen aportando reflexións, recursos didácticos, metodoloxías novas, para educar para a paz e os dereitos humanos e que hoxe están moi accesibles coas novas tecnoloxías da información e a comunicación, nas redes sociais, tamén en papel, como son os contos, o teatro tradicional, o teatro de sombras, o cinema, a prensa, a publicidade…, recursos didácticos abundantes e de calidade cos que traballar nas aulas e nas respectivas materias ou nas titorías.
   Neste ano, no 2018, cúmprese o 70 Aniversario da morte violenta do Mahatma Gandhi (1948-2018), o mesmo ano no que as Nacións Unidas aprobaron a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, cun mundo aínda conmocionado polo horror da guerra e do holocausto. Precisamente, tamén é unha proposta das Nacións Unidas, todo este ano estará dedicado a analizar as causas e as consecuencias do Holocausto. Existen numerosos materiais para apoiar esta aprendizaxe. No Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela editamos e distribuimos no curso pasado a Unidade Didáctica da Opera Infantil “Brundibár”, de Hans Krasa, que representamos no Teatro Principal, unha guía moi útil elaborada polas profesoras Mercedes Blanco e Adela T. Maroño, que recomendamos para esta tarefa.
   E como celebración deste día, para animar a construír cidadanía democrática, pacífica e tolerante, en todo momento, na familia e na escola, faremos un acto conmemorativo coas tres escolas infantís municipais, un Pleno con alumnado do CEIP de Vite e un Concerto na Escola Municipal de Música, tamén para recoñecer a aquel profesorado que coa súa dedicación constante, fai, educa e aprende, cultura, cultura de paz.
Manuel Dios Diz é Concelleiro de Educación e Cidadanía en Santiago de Compostela.