Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

23 oct 2011

Sobre o linchamento de Gaddafi


  


   Aborrezo dos linchamentos, das turbas armadas, da vinganza primaria, das torturas, da indignidade para cos seres humanos. As imaxes da captura e da execución de Gaddafi, das palabras fachendosas do seu asasino, Mohammed al- Babi, un mozo de 18 anos, a distintas televisións, son unha proba máis do peor da condición humana. Nin sequera o monstro máis cruel merece semellante tratamento.

   José Antonio Marina di que  a maior conquista da humanidade non é o grao de desenvolvemento tecnolóxico, a capacidade para conquistar o espazo, os grandes descubrimentos científicos, os avances na medicina, a sofisticación do armamento... non, a maior conquista da Humanidade é a xustiza universal.

   Na magnífica película, aínda en cartel, a árbore da vida, de Terrence Malick, podemos ver unha escena extrana, cando un dinosaurio, un velocirraptor quizais, mantén aprisionada coa súa pata a unha cría indefensa. Todo parece que a aplastará sen piedade, de forma cruel. Sen embargo, decide retirarse. A cría, feble e vulnerable, vivirá. Unha maneira extraordinariamente visual de explicarnos o nacemento da compaixón, da clemencia, do perdón. Sen esa capacidade, a vida, todos e cada un de nós, non existiríamos.

   O linchamento de Gaddafi, visto así, en directo, horroriza.  A vinganza, o ollo por ollo, tan bíblico, tan antigo, está presente en todas as culturas, non é un patrimonio exclusivo dos árabes ou dos musulmáns. Sabemos moito diso. Arrastramos a nosa propia crueldade dentro de nós. No disco duro. E a misericordia, a xenerosidade, a indulxencia ou o sentido da xustiza. Con esa ambivalencia construímos o que chamamos humanidade.

   Temos unha longa historia de linchamentos, de execucións extraxudiciais, aquí e en todas partes. Baste recordar, por poñer un único exemplo, a Andreu Nin, na nosa guerra incivil, en 1937. Ou os miles de asasinatos nas cunetas. A Mussolini e a súa muller, Clara Petacci. Patricio Lumumba, en 1961. O Ché Guevara, en La Higuera, Bolivia, en 1967. A de Nguyen Van Lemm, en 1968, en Saigón, que dou a volta ó mundo. Ou Ceaucescu e a súa muller, Elena, en 1989, no corazón de Europa. E logo Sadam Husseim, e Osama Bin Laden... E agora os Gaddafi. Chegue con esta breve secuencia mínima para visualizar algunhas das execucións e linchamentos que nunca deberan terse producido. Nin estas nin ningunha outra.

   Recoñezo que cando vin por primeira vez Novecento, de Bernardo Bertolucci, pola habilidade do director, sentín alivio, ata desexaba a captura de Attila e Reggina, co seu final cinematográfico. Co paso dos anos un aborrece cada vez máis os linchamentos e as turbas airadas sen nome, ó tempo que aprende a importancia do sentido da xustiza como a maior conquista na defensa da dignidade, base fundamental dos dereitos humanos. E goza máis con películas como "Conspiración de silencio", de John Sturges, e admira máis a personaxes como o protagonizado por Spencer Tracy, o home que cun so brazo, consegue descubrir a verdade. Ou a Atticus Finch, aquel extraordinario personaxe interpretado maxistralmente por Gregory Peck en "Matar a un ruiseñor" de Robert Mulligan, aquel heroe que educaba, por medio do diálogo, ós seus fillos, Jem e Scout, a coñecer o mundo e a entender que a xustiza ten que estar sempre por riba da vinganza.

   Estou certo de que Mohammed al- Babi e a turba que o acompañaba non tiveron oportunidade de coñecer a Atticus Finch e o seu sentido da xustiza. Tampouco pensaron na enorme utilidade que tería levar a Gaddafi diante do Tribunal Penal Internacional. Pesaron máis os grandes intereses dos gobernos comprometidos con esta maldita guerra. Eles son os responsables últimos, como o Consello Nacional de Transición libio, por utilizar unha turba airada, e a un mozo de 18 anos, para levantar unha monumental conspiración de silencio coa que ocultar a súa indignidade.   

   O anuncio de que o novo dereito libio estará baseado na sharia, logo dos linchamentos coñecidos, non augura nada bo para aquel pobo, tan maltratado por esta guerra orquestada pola OTAN e as corporacións petroleiras.

21 oct 2011

¡Por fin!

  


   Creo sinceramente que todas as persoas de paz e de ben, de calquera lugar, sexan de Euskadi, de Galicia, doutras nacionalidades do estado, de Francia, ou do mundo, hoxe, teñen que estar emocionadas e cheas de felicidade. A Declaración feita pública onte, 20 de Outubro de 2011, por parte de ETA, anunciando o remate definitivo da súa actividade armada, é unha extraordinaria noticia, non por agardada menos trascendente.

   Esta inmensa emoción de felicidade vese empanada, loxicamente, pola lembranza de todas as vítimas, ¡tantas!, que desapareceron para sempre, ó longo deste interminable conflito armado que durou máis de 50 anos, algúns viviron toda a súa vida coa violencia de ETA presente a cada instante.

   Quizáis non percibamos aínda o total significado desta Declaración. Nin siquera podamos valorar, de maneira rigorosa e calibrada, a súa relevancia, porque estamos profundamente afectados pola influencia da noticia, por tantas emocións que coinciden, positivas e negativas, porque a penas intuímos os camiños de esperanza para a reparación do dano causado, de reconstrucción de vidas rotas, de reconciliación para a convivencia, vías nada fáciles para percorrer, mais imprescindibles, persoal e colectivamente. A paz, moito mellor, as paces, en plural, todas as paces, teñen agora que facerse, que construírse, cada día, todos os días, sobre a base da confianza, da seguridade, do diálogo, da nonviolencia.

   A Declaración de ETA, en todos os seus termos e contidos, non pode satisfacernos totalmente. Sería imposible. A estética escollida, unha vez máis, lamentable.  Mesmo algúns dos seus párrafos son inaceptables. Sen embargo, si que atopamos apelacións novidosas ó futuro, á esperanza, á responsabilidade, á valentía. Gustaríamos de ver tamén algunha referencia ó perdón, porque, sen perdón, dificilmente atoparemos a reconciliación.

   Con todo, o remate da violencia armada visible, porque existen outras violencias invisibles, significa un triunfo do estado de dereito e da democracia, mais tamén das sociedades civís, en primeiro lugar, da vasca. Son moitas as institucións, entidades, persoas, que consagraron as súas vidas (e as deron) para que este momento chegara.

   Tamén son moitas as persoas de ben, caladas e xenerosas, que tenderon pontes, buscaron o entendemento e a concordia, facilitaron a paz e o remate da violencia. Merecen o noso recoñecemento e gratitude, particularmente, as organizacións sociais que posibilitaron este final, desde Gesto pola Paz a Lokarri, pasando por tantas outras, moitas delas agrupadas na Coordinadora de Entidades de Paz e Dereitos Humanos de Euskadi que preside Gorka Ruíz. Quixera facer unha referencia especial ós mediadores internacionais que se reuniron o luns pasado na Casa da Paz, no Palacio de Aiete, tan denostados pola dereita mediática, por iniciativa de Lokarri e de Paul Ríos, ¡qué mérito! para mostrar a saída do labirinto violento.

   Tempo haberá para seguir falando e reflexionando. Estamos no tempo de alegrarnos. Logo virán novos problemas, novos desafíos, pero desde o diálogo, como mellor maneira de abordar os conflitos de todo tipo, os retos que virán, con altura de miras, con xenerosidade, porque, por fin, o que máis queríamos, o que máis reclamabamos, o fin da violencia, é hoxe unha realidade irreversible.

   Coa Declaración de ETA de onte non desaparecen os problemas, as diferencias, os conflitos. Sen embargo, vaise para sempre o fundamental, aquel que quebraba a convivencia de forma dramática e brutal, a violencia armada. Quedan outros temas, moitos, mais hoxe estamos xa nunha situación moito mellor para abordalos, con máis liberdade, con máis seguridade, para todas e todos.
  
   ¡Por fin!

18 oct 2011

Unha casa para a paz en Euskadi

   


Tiven a oportunidade de coñecer a Casa da Paz de San Sebastián, invitado polo anterior Alcalde, Odón Elorza, moi identificado persoalmente con aquel proxecto. De feito, a capitalidade cultural estaba moi en relación coa procura da paz, da convivencia e da reconciliación.
   Está ubicada nun espazo magnífico, no Palacio de Aiete, un lugar simbólico, por moitas razóns. Alí se aloxaba o ditador nas súas visitas. Tamén foi o centro de tortura de Lasa e Zabala, un episodio terrible da "guerra sucia" contra ETA.
    A parte superior do edificio, o palacio, conserva a estrutura e a aparencia de cando Franco o ocupaba. Sen embargo, as estancias, salóns e demais, están hoxe dedicados a actividades de investigación para a paz, sensibilización, divulgación, formación. Cando o visitei, acompañado por Churi Aramburu e varios amigos de UNESCO Etxea e da Coordinadora de Grupos de Paz e Dereitos Humanos de Euskadi, estaba aínda montándose. Percibimos que a programación de contidos comezaba.
   Na parte inferior, debaixo do propio edificio do palacio, baixo terra, con acceso independente, moito máis modernos, estaban os espazos para obradoiros, exposicións, etc. con grandes fotografías de premios nobel da paz dándonos a benvida.
   Odón Elorza estaba moi ilusionado co proxecto da Casa da Paz e o vinculaba coa recuperación do barrio de Aiete e, dunha maneira moi especial, co remate da violencia e a necesidade de construír a convivencia democrática, sobre a base do diálogo e a reconciliación. Ofreceunos aqueles magníficos espazos para realizar todas cantas actividades, nacionais ou internacionais, vísemos oportunas a prol deses obxectivos. Cando remate a violencia empezará o máis complexo, facer as paces, dicía. Con todo, a construción da paz, xa empezara, e aquel lugar, era un símbolo dun proceso que xa se vía irreversible.
   Os conflitos armados asimétricos, como o que nos ocupa, no seu remate final, cara dentro e cara afora, necesitan de escenificacións, de imaxes, de símbolos. Lokarri o sabe, e Paul Ríos tamén, como o sabía Jonan Fernández, o anterior portavoz de Elkarri, hoxe director de Baketik, e María Oianguren, de Gernika Gogoratuz. E por iso Lokarri organizou esta Conferencia. Os que traballamos nestas iniciativas sabemos moi ben o difícil que é xuntar a grandes personalidades internacionais para unha tarefa como esta. O máis cómodo, o máis fácil, sería pasar. Pero os símbolos, as escenificacións, son importantes, repito, cara dentro e cara afora, para avanzar.
   Poñer o punto e final a 50 anos de violencia armada, con tantos mortos e sufrimentos, con tantas vítimas, non parece sinxelo. Sen dúbida que ETA está derrotada, particularmente, porque a sociedade vasca así o considera e porque os seus apoios máis directos hai tempo que decidiron darlle o carpetazo definitivo. Todo axudado, como non, pola actuación xudicial e policial, pola colaboración de Francia. Como polas dinámicas de cruzar pontes, de atravesar as fronteiras, de tribos, de organizacións e de persoas, de comunicación e de diálogo, que moitas entidades veñen promovendo, caladamente, desde hai tanto tempo no País Vasco.
   Claro que a Resolución aprobada en Aiete, lida en inglés polos facilitadores internacionais, non satisface a todos. Sería imposible. Cando é froito do acordo, do entendemento de mínimos, ninguén está completamente satisfeito. Pero desprestixiar a iniciativa, caricaturizar ás personalidades participantes, arremeter contra dos organizadores, xustificar as ausencias, menosprezar o contido da declaración, non parece a mellor maneira de facilitar a reconciliación.
   Pídese, antes que ningunha outra cousa, o remate definitivo da violencia de ETA. Logo disto, sempre despois do final de ETA, poderán iniciarse outros procesos de diálogo sobre as consecuencias do conflito. E faise por medio dun chamado que asinan grandes personalidades con experiencia recoñecida na resolución pacífica de conflitos. Para que ETA e o seu mundo entendan que non existe outra vía. A escenificación ten moito de consumo interno, unha percha onde colgar o cartel de acabado, unha ponte de prata, unha rendición honorable.
   Quizais algúns quixeran que a imaxe final fose outra. Algo así como "cautivo e derrotado o exército roxo". Pero as cousas non son así, neste tipo de conflitos. Outros gozarían coa retirada pública das capuchas e as chapelas, ou co aforcamento na praza do concello. Sen embargo, a reconciliación, a concordia, as paces, non se acadan desta maneira. A unificación dos relatos, a memoria do acontecido, tense que construír sen exclusións, con perdón, tal e como di Johan Galtung, logo da violencia, 3R: reconstrución, reconciliación, resolución, para afrontar os efectos visibles e invisibles da violencia.
   Versalles tivo a súa imaxe, aquela que estudamos de mozos, e Yalta, e mais tamén Sudáfrica, e o Salvador, e Guatemala, e Irlanda...si ETA anuncia o seu final definitivo, a min gústame a imaxe do Palacio de Aiete, a Casa da Paz de San Sebastián, por que non?.

16 oct 2011

Máis alá do 20N





   Estiven na manifestación do 15 de 0utubro en Santiago de Compostela. Con independencia do número de persoas, máis de 10.000, para min, o relevante non era tanto a cantidade, sendo moitas, o 10% da poboación da capital de Galicia, que non é pouco, senón a composición. Poderiamos dicir que era unha manifestación de mozos e mozas, creo que por riba do 80% da marcha, máis ou menos ó contrario do que ven acontecendo nas últimas mobilizacións ó uso, onde a gran maioría pasamos dos 50.
   Outra característica é que persoalmente non coñecía á gran maioría dos participantes, tamén ó revés do que me ocorre habitualmente, o que nunha cidade como Santiago resulta sempre unha agradábel sorpresa.
   Estamos falando de máis de 10.000 persoas autoconvocadas por medio das redes sociais, sen partidos nin sindicatos detrás, nen infraestrutura de megafonía, altofalantes e demais, mesmo mentres algún partido facía, á mesma hora, a súa convención nacional de candidaturas para o 20N, de costas a miles e miles de mozos e mozas que saíron ás rúas de Galicia pedindo un cambio global. Este aspecto, a min, paréceme especialmente significativo. A principal base social dunha forza de esquerdas, a mocidade, que noutras épocas estaba ahí, mobilizándose -agora- nas rúas galegas contra da ditadura dos mercados e do capital, por unha democracia xenuína, representativa e participativa, unidos por un cambio global..., e a esquerda, o nacionalismo, de conclave electoral. Parece mentira. Non todos, é verdade, Beiras estaba na rúa e con el outros militantes do nacionalismo e da esquerda, como de EU, mesmo do PSOE, pero eramos os menos.
   A transversalidade da marcha recordaba ás manifestacións contra da guerra no 2003, as primeiras, certamente, en ter ese contido global que agora se reivindica, ou as do Prestixe e Nunca Máis.
   Sen embargo, nesta ocasión, non estaban os partidos nin tampouco os sindicatos. Tamén chamaba a atención a minoría que representabamos a xente "madura", o que da conta doutro dato fundamental, ademais dunha diferencia política de calado co sistema e os que, dun modo ou outro, o lexitiman, existe outra de carácter máis xeracional, unha ruptura nas clases medias, coa súa mocidade máis representativa.
   Probablemente estas mobilizacións terán pouca repercusión electoral o 20N. Sen embargo, o movemento iniciado por Democracia Real Ya, o da cultura da indignación, vai ter, ó meu parecer, un percorrido moito maior, máis global, recollendo as aspiracións dese "outro mundo posible" que puxera en marcha o Foro Social Mundial en Porto Alegre no 2001.
   No remate da manifestación no Obradoiro, un grupo de mozas e mozos que leron o Manifesto final, berraron que o cambio global empezaba o 15 de Outubro, que a resposta fora masiva en mais de 900 cidades do mundo, en todos os continentes, grazas ás redes sociais e ás novas tecnoloxías da información e a comunicación. Esta é tamén outra gran novidade. Por primeira vez, ó instante, a cidadanía global toma conciencia da súa forza. Fronte dunha crise sistémica, global, está nacendo unha resposta tamén global, que actúa localmente, como reclamaba o pacifismo dos '80, e os partidos tradicionais, os sindicatos clásicos, xa non son o referente, os suxeitos históricos principais,  alomenos, neste momento, por incomparecencia, sectarismo, soberbia ou acomodación.
   A cidadanía democrática, farta de tanto cambalache e corrupción, de tanta representación e teatro político, de tanta cobiza e cazo, de tanta submisión da democracia ós poderes financeiros, reclama un cambio de rumbo radical, de raíz, porque non se sinte representada.
   Si os partidos tradicionais e os sindicatos clásicos non reaccionan quizais o vento da historia os leve por diante. Máis alá do 20N.

10 oct 2011

Lar da Paz

 

   O Xoves, día 13, estiven en Madrid, no Mº de Fomento, entregando toda a documentación necesaria para que o noso proxecto de rehabilitar unha parte do Mosteiro Franciscano de Herbón, en Padrón (A Coruña), un monumento do século XIV, para ubicar  alí, o Lar da Paz (Centro Internacional pola Paz), sexa, por fin, unha realidade.
   Remata así un proceso que empezou en 2009 e que se concretou nun acordo coa Orde Franciscana para promover un Centro pola Paz similar ó existente en Arántzazu, en Oñati, Guipúzcoa, que dirixe o bo amigo, Jonan Fernández,  co nome de Baketik.
   Trataríase de rehabilitar 1070 metros cadrados, dun conxunto de 48.000, segundo un proxecto arquitectónico magnífico deseñado por Pedro de Llano, no que se instalaría o Seminario Galego de Educación para a Paz, a Fundación Cultura de Paz, a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, así como o futuro Centro UNESCO de Galicia, con Sala de Exposicións Permanente, Salón de Actos para máis de 100 persoas, aulas, videoteca e biblioteca, salas de xuntas, etc. no marco dun proxecto moito maior no que tamén están implicadas outras entidades como a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, que construirá un albergue de peregrinos e un Centro de Estudios Xacobeos; a Asociación Viravolta, cunha Casa de Acollida para nenos en situación de risco social, e a Asociación Sementar, de agricultura ecolóxica.
   Para chegar ata aquí foron necesarias moitas horas de reunións, moitos contactos e xestións, un denodado esforzo e entusiasmo, así como a superación dunha serie de condicionantes de relevo, entre outros, acadar, da Xunta de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio, a Incoacción do Expediente para a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do monumento, condición necesaria para que Fomento aprobe a aplicación do 1% cultural.
   A  incoacción do citado expediente para a Declaración de BIC xa está asinada polo Director Xeral de Patrimonio, o Sr. Rey Pichel, e sairá en breve no DOG. Debemos agradecer tanto o Director Xeral, como á súa Subdirectora, Dª María Diz, a sensibilidade para co proxecto e a rapidez para incoar o expediente da Declaración BIC. Sen a súa colaboración e eficiencia sería imposible chegar en prazo.
   Tamén o arquitecto Pedro de Llano e o seu equipo tiveron que moverse rápido para transformar un proxecto básico nun proxecto de execución da obra. E o conseguiron.
   O Mº de Fomento está en disposición de acometer o 75% do proxecto e o 25% restante será financiado polo Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz coa axuda doutras institucións concernidas, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de A Coruña e o Concello de Padrón, xunto con outras entidades de carácter privado.
   Si todo sae como está previsto, nun prazo máximo de tres anos, teremos o Lar da Paz en funcionamento, no Mosteiro Franciscano de Herbón en Padrón, na desembocadura do Río Ulla, a carón da Ría de Arousa, nunha curva fermosísima onde están as primeiras pesquerías de lamprea que xa os romanos coñecían e explotaban.
   O Centro Internacional pola Paz de Herbón establecerá acordos de colaboración con Arántzazu e Asís, mais tamén coas Fundacións relevantes do Concello de Padrón, como a Rosalía de Castro, a Camilo José Cela ou a Paideia, para convertelo nun referente que ofertar a colexios e institutos, a outras ONGs, institucións, etc. como lugar idóneo para visitar e coñecer.
   Aquelas persoas que iniciamos este proxecto apaixoante, en 2009, aqueles tolos que soñamos cun Centro Internacional pola Paz en Galicia, onde investigar, publicar, organizar actividades, divulgar, intervir, actuar, cooperar e compartir, moi poucos, certamente, podemos estar, hoxe, de norabóa, particularmente, Roberto Freire, o prior de Herbón, os franciscanos que creron nel, o Pai Amado, o Pai Castiñeira, provincial actual, os frades do Convento, a Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz, e moi especialmente, Federico Mayor Zaragoza, entusiasmado cando en compañía da súa muller, Cheles, estivo en Herbón, onde ubicará parte da súa Biblioteca persoal.
   A partir de agora empeza outra etapa que tamén confiamos en superar satisfactoriamente.
    O Lar da Paz, no Mosteiro de Herbón, en Padrón, empeza a ser moito máis que un soño, xa case ten forma de realidade, como as lousas do século XIV que o acollerán na capital do pemento.

9 oct 2011

Paz é un nome de muller


  
   A concesión do Premio Nobel da Paz 2011 a tres mulleres, dúas africanas e unha asiática, Ellen Johnson-Sirleaf, Leymah Gbowee e Tawakul Kerman, respectivamente, é unha moi boa noticia.
   En primeiro lugar, porque recoñece e premia a labor das mulleres na procura da paz, das paces, que diría o bo amigo Vicent Martínez Guzmán, reforzando a Resolución 1325 que aprobou Nacións Unidas no ano 2000, un texto de enorme relevancia que habería que coñecer e difundir masivamente nas escolas e nos institutos, tamén na sociedade http://www.un.org/womenwatch/ods/S-RES-1325(2000)-S.pdf. Para elo, o libro 1325 mulleres tecendo a paz, magnífico, pode ser de gran axuda, un moi bo traballo de Manuela Mesa e Carmen Magallón, entre outras, co apoio da Fundación Cultura de Paz e de CEIPAZ. (http://www.1325mujerestejiendolapaz.org/).
   En segundo termo porque a unhas semanas da morte de Wangari Maathai, a primeira Nobel da Paz africana, o Comité reunido en Oslo reitera o seu compromiso, por unha banda, por contribuír a corrixir o enorme déficit de mulleres nos galardóns concedidos e, pola outra, a débeda contraída con Africa, ausente ata hai ben pouco tempo dos Premios Nobel da Paz.
   Son tres mulleres, do chamado Terceiro Mundo, de países empobrecidos e destrozados pola guerra, Liberia e Iemen, activistas, profundamente comprometidas coas liberdades democráticas e os dereitos humanos.
   Unha, Ellen Johnson, no poder por elección popular, toda unha novidade, logo de rematar coa guerra e a dictadura de Charles Taylor en Liberia. Outra, Leymah Gbowee, pacifista, promotora da primeira folga de sexo contra da guerra. E Tawarul Kerman, unha moza, líder da Primavera Arabe en Iemen, unha revolución inconclusa, defensora dos dereitos humanos, xornalista, presente en toda canta mobilización se produce contra do cruel réxime de Abdulá Saleh.
   Os premios compartidos por estas tres mulleres valentes son tamén un símbolo porque representan a todas as mulleres africanas que actúan, cun enorme efecto multiplicador, en defensa da paz e a democracia, en condicións terribles, resaltando, ademais, o camiño da intervención política non violenta. No caso de Iemen, no premio a Tawarul Kerman, quérese apoiar decididamente a mobilización das mozas e dos mozos nas revoltas árabes, o seu papel decisivo, como a propia premiada ven de recoñecer.
   Os tempos están cambiando. As revolucións árabes amosan, sen discusión, que as demandas de paz, liberdade, democracia, igualdade e benestar, non son patrimonio exclusivo de Occidente e incompatibles coas tradicións culturais musulmanas, como as veces pensamos, nin que o fundamentalismo sexa consubstancial á súa civilización. Nada máis lonxe da realidade. Fundamentalismos hainos, e en todas as culturas, tamén na nosa. Sen embargo, non teñen por qué ser maioritarios. Torres máis altas caeron. E o valor da nonviolencia está en auxe, con algunha que outra excepción, é verdade. As experiencias de Túnez ou Exipto, ou a de Liberia, así o amosan. Libia, Siria, Iemen, con máis brutalidade por parte dos seus gobernantes, están facendo o seu propio camiño, co exemplo de miles de mulleres como as premiadas.
   O Comité Nobel, nesta ocasión, acerta. Será de gran axuda para estas tres mulleres valentes e as súas causas, nonviolencia, paz e democracia, benestar e igualdade. Os pacifistas, as pacifistas, en todo o mundo, estamos de norabóa. Parabéns e que cunda. Porque Paz é un nome de muller...
  

2 oct 2011

Obama, Premio Nobel da Paz, autoriza execucións sumarias...




Non damos creto. Parece que volve a Rambomanía, por aquelo de que a realidade supera sempre á ficción. Non foi suficiente con Osama Bin Laden. Agora tócalle a quenda a Anuar el Aulaki, sen dúbida un predicador da violencia iemení con nacionalidade estadounidense. Un individuo non moi distinto a eses tele predicadores que invaden a diario os canais das televisións norteamericanas. Tipos cargados de odio e de fanatismo, sectarios e partidarios de resolver os asuntos delicados coa sutileza das bombas lanzadas desde avións non tripulados. Primeiro disparamos e logo xa preguntaremos.
   Pouco importa que estas actuacións vulneren a legalidade internacional ou que provoquen graves danos colaterais como neste caso. Ademais da execución sumaria de Aulaki, na mesma acción foi asasinado outro norteamericano, Samir Khan. Pero, no problem, o ataque está plenamente xustificado. Un informe secreto do Departamento de Xustiza, ¡vaia mascarada!, parece que respalda a legalidade da execución, o que en Palestina e Israel se coñece por "asasinato selectivo".
   Obama, nada menos que Premio Nobel da Paz, autoriza execucións estraxudiciais, violacións manifestas dos dereitos humanos, amparándose nunha máis que dubidosa legalidade. Sería unha actuación de guerra contra dun combatente que ameaza a seguridade dos EE.UU. nada menos.
   Dereito de autodefensa, loita contra do terrorismo internacional, guerra contra Al Qaeda... ampararían estes crimes inmediatamente denunciados polas organizacións de defensa dos dereitos humanos, a Unión Americana de Liberdades Civís ou o Centro de Dereitos Constitucionais. Trataríase, en realidade, de execucións sumarias contra persoas, cidadáns norteamericanos, sen cargos e sen xuízo algún.
   A persistencia, sine die, do estado de guerra contra do terror en USA, permite a eliminación do inimigo, en calquera lugar do mundo, pasándose polo arco de trunfo a legalidade internacional e os dereitos humanos.
   Os medios de comunicación occidentais, incluídos os españois, a penas deron información sobre estas execucións estraxudiciais, mesmo de nacionais norteamericanos. Para que. A quen interesan dúas ratas iemenís menos, aínda que teñan orixe ianqui. Mortos, ben mortos, é como están mellor, como dixera  D. Manuel, o de Vilalba. Ninguén vai chorar por eles. E si o lamentan, son iguais. Filoterroristas...
   A este paso non sei onde imos a parar. Acabaremos mirando todos para outro sitio. Mentres non veñan por nós...
   Sei que existe unha Declaración Universal dos Dereitos Humanos, un Tribunal Penal Internacional, unha Corte Internacional de Xustiza, unhas Nacións Unidas... ¿ou xa non?

30 sept 2011

PERDEMOS TODOS...


      
        Corren malos tempos, non só para a lírica, que diría Germán Coppini, senón para as persoas, para a xente, sobre todo, para as que formamos parte do común dos mortais, aquí e en todas partes, aínda que existan grandes diferencias nas distintas áreas do planeta.
        As organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, aquelas que conforman o chamado Terceiro Sector, que en Galicia se agrupan maioritariamente arredor da Coordinadora Galega de ONGDs, vivimos momentos de incerteza, cando non de penuria económica. É a triste consecuencia dos enormes recortes que desde as distintas administracións públicas (e tamén das entidades privadas) estamos a sufrir.
        Debemos considerar que as ONGDs realizan funcións de axuda humanitaria, en momentos puntuais de catástrofes naturais, e que tamén desenvolven proxectos estables de cooperación ó desenvolvemento nos países máis empobrecidos da terra, xunto con campañas de sensibilización, divulgación, formación ou de educación para a solidariedade e a xustiza.
        Vertebran e robustecen a sociedade civil, crean moitos postos de traballo directo, aquí e nas contrapartes de América Latina, de Africa, Asia, etc. e outros moitos traballos indirectos. Son tamén espazos, escolas de colaboración para miles de persoas que achegan o seu tempo libre ó voluntariado.
        Na actualidade, e desde hai varios anos, as ONGs, veñen denunciando a crecente diminución das axudas institucionais. Nestes momentos as queixas chegan xa ó Valedor do Pobo. Nos dous últimos anos, a Xunta de Galicia, historicamente á cola da cooperación no Estado, reduciu un 48% do seu orzamento para a cooperación. Non digamos en formación do profesorado ou noutras partidas de axuda e subvención ás actividades das entidades sociais, de política lingüística, de cultura, de educación, de benestar social, de voluntariado.
        Os incumprimentos son manifestos. Non teñen dúbida algunha. Son reais e obxectivos. Están no DOG para quen queira velos e vulneran mesmo os acordos acadados, por exemplo, nos programas contra da pobreza e a exclusión, que aumenta cada ano en Galicia, segundo os sucesivos informes de Cáritas. O Pacto Galego contra da Pobreza está morto. Incúmprense os termos e a filosofía que marcaba o II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 16 de xuño do 2010.
        A cooperación, a solidariedade, a xustiza, en tempos de crise, sofren as consecuencias de políticas restritivas miopes e que, polo demais, non son nin equitativas nin igualitarias. Estanse detraendo grandes recursos públicos, de todas e todos nós, cunha escala de prioridades que non compartimos. Para nós a quen temos que rescatar, antes que a ninguén, son ás persoas, especialmente a aquelas que máis sofren, aquí, na propia casa, e lonxe, aínda que sexa unicamente por egoísmo lúcido, pensando en que as asimetrías que temos creado a nivel mundial son insostibles.
        Diminuír, recortar drasticamente o gasto social, a cooperación ó desenvolvemento, os programas contra da pobreza e a exclusión, a educación para a solidariedade, desvertebra e anula á nosa máis viva sociedade civil, incrementa o desemprego, corta o feble cordón umbilical que nos mantén unidos coas persoas e organizacións do mal chamado Terceiro Mundo, e medran as diferencias, aquí e a nivel planetario, aumenta a inxustiza e a discriminación, trunfa o egoísmo, a inseguridade e a violencia, en definitiva, perdemos todos.

26 sept 2011

Wangari Muta Maathai, in memoriam (1940-2011)

  

  
Wangari Muta Maathai, in memoriam
Manuel Dios Diz

Muller, africana, de Nyieri, en Kenia, activista contra do cambio climático, Premio Nobel da Paz 2004, a muller árbore, deixounos o pasado día 26 de Setembro, vítima dun cáncer de osos que arrastraba desde hai tempo.
Ecoloxista, bióloga, veterinaria, ministra de Medio Ambiente, Wangari Maathai non era exactamente unha pacifista aínda que as súas contribucións a favor do desenvolvemento sostible, desde a perspectiva de estar en paz co medio natural, si que era motivo máis que suficiente para recibir o máximo galardón internacional en relación coa paz, desde logo, moito máis axeitado que o de Al Gore ou o doutros premiados en Oslo e que non merece a pena lembrar.
A vida de Wangari Maathai está chea de primeiros postos, como muller, como africana, licenciada en bioloxía, foi a primeira doutora en medicina veterinaria de África, profesora de anatomía veterinaria na Universidade de Nairobi, e a primeira muller africana en recibir o Premio Nobel da Paz.
Foi a fundadora dun movemento social africano e internacional de mulleres coñecido como "Cinturón Verde", empeñado en evitar a erosión do chan coa plantación de millóns de árbores e así mellorar tamén a calidade de vida das africanas. De aí ven o seu alcume de "Tree Woman" ou "Muller árbore".
Estivo detida en varias ocasións e foi agredida violentamente por defender eleccións libres e o pluralismo político en Kenia. Elixida deputada co 98% dos votos en 2002, foi Ministra de Medio Ambiente, Recursos Naturais e Vida Salvaxe e un ano despois fundou o Mazinguira Green Party, un partido político de corte ecoloxista. En 2005 pasou a presidir o Consello Económico, Social e Cultural da Unión Africana.
Cando o Comité Nobel deulle o Premio en 2004, destacou a súa traxectoria en defensa do medio natural, da democracia, a liberdade, e o pluralismo, xunto coa súa capacidade de resistencia contra da opresión política e a coraxe persistente na promoción da igualdade de xénero e a mellora da calidade de vida das mulleres.
Non só recibiu o Nobel da Paz, tamén o Nobel alternativo, o de investigación Goldman, o de África, e o Petra Kelly, entre outros.
Wangari Muta Maathai, cando recibiu o Premio Goldman dixo "Ata que caves un burato, plantes unha árbore, a regues e a fagas sobrevivir, non fixeches nada. Só estás falando".
En 2006 estivo en Gernika, e diante da Casa de Xuntas, afirmou: " Alégrame saber que aquí, como acontece en moitos lugares de Africa, cando tedes problemas e necesidade de dialogar, o facedes debaixo da sagrada sombra dunha árbore".
Ten publicado varios libros, algúns poden atoparse en castelán, como Cinturón Verde ou Con la cabeza bien alta.
Foise Wangari Maathai mais quédanos o seu exemplo, o seu traballo, a súa firmeza e alegría, o seu sorriso, pero sobre todo, o seu pensamento.  Estamos seguros de que descansará en paz, ao pé dunha árbore maxestosa, alá, en Africa, na Kenia que tanto amou, natureza plena, Parque Uhuru de Nairobi, que ela salvou...

20 sept 2011

Ricos, para ricos, os de fora...

  


Warren Buffet
  
   Un, a verdade, pouco ou nada sabe de ricos e de riquezas, falo deses megarricos (como din os pijos), multimillonarios insultantes con patrimonios de cinema e contas con tantos ceros que marean. Entre outras cousas, porque eles mesmos saben de sobra como facer enxeñeiría contable, moverse nos paraísos fiscais, da Castellana e de máis lonxe, sicavs e demais mecanismos tolerados de ocultación de bens.
   O común dos mortais, ordinary people, os que vivimos dunha pequena nómina, temos todas as vergoñas á vista, sen transparencia algunha para tapalas.
   Pero neste mundo globalizado un descobre que, entre os ricos, tamén hai clases. Algúns, claro, os de fora, americanos, franceses, alemáns, demandan pagar máis polos seus “aforros”. Nun alarde de xenerosidade, tamén de matemáticas, como di Obama, piden novos impostos para que a súa contribución fiscal non resulte ridícula, menor proporcionalmente que a dos seus empregados.
   Curiosa fiscalidade esta, parece que deseñada por un megarrico bébedo. E así ben sendo, digamos, desde sempre, é dicir, que pagan máis os que menos teñen, exactamente ó revés de como, en xustiza, correspondería.
   Non deixa de sorprender que estes ricos solidarios sen fronteiras, repito, americanos, franceses e alemáns, se convertan nos principais defensores da redistribución da riqueza. Por que será?. Solidariedade, xustiza, medo, egoísmo intelixente?
   En calquera caso, sen entrar en máis matices, debemos recoñecer que destes ricos, por aquí, non temos. Nin sequera en vías de extinción. E ricos, o que se di, ricos, en Galicia, temos algúns. Ningunha voz. Silencio absoluto. Menuda desgraza. Pero falan por eles. ¡ E como falan ¡ Como si tocaran a arrebato saen de todas partes valedores en tropel, prensa, radio e televisión, o TDT Party en acción, a todas horas, non vaia a ser que algún honrado cidadán se deixe engatusar por cantos de serea esquerdista.
   Aquí, os ricos, sexan ostentosos, tímidos, populares ou de incógnito, todos coinciden, por voz interposta, en manifestar ós catro ventos (e máis si houbera), que o imposto do patrimonio está obsoleto, que unha imposición especial para as grandes fortunas non resolve nada, electoralismo (como si oporse non o fora tamén), en definitiva, que a única solución para saír da crise pasa porque os de sempre, os da nómina, as clases medias, os traballadores por conta allea, aperten e aperten o cinto ata enchelo con novos botóns, máis do mesmo, recortes e máis recortes, nada novo baixo o sol.
   Na inolvidable película El gatopardo de Luchino Visconti (con anos de nobreza probada), baseada na magnífica novela de Giuseppe Tomasi di Lampedusa, o Príncipe de Salina, Burt Lancaster, di nun momento máxico: "Si queremos que todo siga como está, é necesario que todo cambie".
   Como é posible que aquí non teñamos un filántropo como o americano Warren Buffet ?. Porque el e algúns outros veñen de dar un paso á fronte para axudar. O presidente Obama acaba de tomarlle a palabra. Implantará unha taxa, co nome do seu promotor, Imposto Buffet, para que esas fortunas de máis dun millón de dólares, conseguidos, sen dúbida algunha, co esforzo, coas lágrimas e o suor de cada día, axuden.
        Que pena dan os nosos megarricos. Temos que apadriñalos. Eu apadriñaría a Amancio Ortega. Tan calado, tan escorredizo, tan do país, ou a Rosalía Mera, tan indignada.
   Pedir en Galicia un Imposto Ortega, un Imposto Mera, que provocación, intolerable, penoso… son as matemáticas, repite Obama, non é a loita de clases, egoísmo lúcido, ese, do que xa non queda…


18 sept 2011

Unha árbore da vida chea de luz e preguntas


  
   Fun á estrea da última peli de Terrence Malick un director, sen dúbida orixinal, profundo, que arrisca en cada obra. A árbore da vida sorprende, deixa pasmado pola grandiosidade das imaxes, potentes, impactantes, cargadas de metáforas.
   Tes que ir a vela predisposto a aceptar a proposta. De non facelo así, como alguén que estaba diante exclamou, poderás pensar: ¡ menudo coñazo!.
   Malick diríxese directamente ó corazón, ás emocións, non quere entreter, nin pasar o tempo, e o fai tentando dar respostas ás eternas preguntas sobre o senso da vida e da morte, relacionando con maestría o macro e o micro, facendo poesía visual, un poema de luz, que lembra ó Kubrick de 2001: unha odisea do espazo, música excepcional e imaxes alucinantes dos elementos básicos, luz, auga, aire e terra, de onde vimos e a onde vamos, natureza, panteismo, reflexión airada, protesta a Deus, para os crentes, rebelión, persoas angustiadas e en permanente busca.
   Un deus pai, Brad Pitt, autoritario e cruel, como a maioría dos pais da súa xeración, a dos '50, que tantos coñecimos e lembramos, borda a súa interpretación. Unha nai, Jessica Chastain, ausente, calada, resigñada, que por veces protesta, coidadora e fonte de afectos e sentimentos, perfecta. Uns nenos, todos baróns, que medran á sombra dunha educación ríxida e autoritaria.
   Esta parte, a  da infancia, está tratada maxistralmente, case sen palabras. A metáfora do perdón, da piedade, da compaixón, na natureza, a escea dos dinosaurios, repítese logo en varios momentos na vida dos protagonistas, clave para entender a nosa propia supervivencia como especie.
   O fillo maior, case que en silencio, Hunter McCracken, magnífico. E Sean Penn, de adulto, doído, perplexo, só, perdido, nunha actualidade acristalada, fría, tamén, sen palabras, enche a pantalla ó completo.
   Cinema para pensar, para seguir reflexionando, para buscar, con Malick, respostas, a preguntas eternas.
    Cando apareceron os créditos, logo da ponte final, non se sabe a onde, a sá chea quedou muda, como si rematara algo que en realidade viña de comezar, silencio reverencial, agradecemento, porque o cinema, así, nun espazo oscuro, en pantalla grande, con bo son, da man dun director que arrisca, como a propia vida, non ten prezo. Os amantes do cine, das historias de homes e mulleres en termos de luz, que diría o vello Bardem, estamos de norabóa.
   Que a disfrutedes.


15 sept 2011

21 de Setembro: Día Internacional da Paz

  

   Ben sei que o Día Escolar pola Paz o celebramos, na práctica totalidade dos colexios e institutos de Galicia, o vindeiro 30 de Xaneiro, no aniversario da morte de Gandhi (e do nacemento de Castelao, por certo). Sen embargo, o Día Internacional da Paz, aquel que foi proclamado polas Nacións Unidas en 1981, na Resolución 36/67 da Asemblea Xeral, en coincidencia coa apertura do novo período de sesións de cada ano, en realidade, é unha data que aquí soe pasar sen pena nin gloria. Certo é que os medios a teñen marcada no seu calendario de efemérides e tenden a poñerse en contacto con nós para recordármolo con algunha entrevista.


   Sen embargo, nestes primeiros días de Setembro os centros educativos andan a mil por hora. Tempos de novos horarios, novos alumnos e alumnas, novos profes, novas aulas, bicos e abrazos, malos despertares, novas rutinas. Aínda non chegou a monotonía de choiva tras dos cristais que dicía D. Antonio Machado:


Una tarde parda y fría
de invierno los colegiales
estudian. Monotonía
de lluvia tras los cristales.


     Por iso non é esta a mellor época para organizar celebracións, nin a da paz nin ningunha outra, estamos liados, a outras cousas.


   E neste curso 2011-2012, que ven de comezar, menos aínda. Corren malos tempos para a educación. A comunidade educativa vai moi revolta con tanto recorte, cambio de funcións docentes e demais, manifestacións e folgas incluídas.


   Con todo, non está demais pararse un momento para lembrar que, efectivamente, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, aprobou unha Resolución, a 36/67, pola que se anunciaba a celebración do Ano e do Día Internacional da Paz.


      Naquela Resolución, como ven sendo habitual, a Asemblea Xeral da ONU recorda que a promoción da paz é un dos propósitos primordiais das Nacións Unidas de acordo coa súa Carta Constituínte e co magnífico Preámbulo da Constitución da UNESCO, aquel que afirma que "posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes, onde deben erixirse os baluartes da paz" baseada "na solidariedade intelectual e moral da humanidade".


   Posteriormente, un 28 de Setembro de 2001, a Asemblea Xeral aprobou outra Resolución, a 55/82, na que decide fixar definitivamente o 21 de setembro, como Día Internacional da Paz, e como oportunidade singular para o remate da violencia e dos conflitos en todo o mundo, como un día de cesamento do fogo e de nonviolencia a nivel mundial, de remate de hostilidades onde andan a trompadas e moito máis. Ademais, a ONU chama á realización de actividades educativas e de sensibilización da opinión pública.


   Pois ben, trátase de celebrar en todo o mundo o Día Internacional da Paz, como data dedicada a fortalecer os ideais da paz e do pacifismo. Nesta ocasión, no seu trixésimo aniversario, o lema escollido é "Paz e democracia: fai que a túa voz se escoite".


   A paz, a democracia, o diálogo intercultural, a alianza entre as civilizacións, a nonviolencia, os dereitos humanos, son aspectos esenciais da Cultura da Paz, un concepto que Federico Mayor Zaragoza non se cansa de reiterar, e que está hoxe tan presente nas sociedades democráticas, nos movementos sociais e tamén nas primaveras árabes, entre a mocidade indignada de todo o mundo, aquela que soña con outro mundo posible, máis xusto e máis humano, onde as persoas conten, e no que a política sexa realmente a arte de resolver os problemas, non un instrumento ó servizo dos mercados e dos mercaderes.


   O vindeiro mércores, 21 de Setembro, recordaremos que tamén nese día, como todos os días do ano, son bos para pensar e actuar en paz, con nós mesmos e cos demais, non só porque o pide Nacións Unidas, senón, e sobre todo, porque o temos interiorizado, asumido, como código de conduta e comportamento cotiá, porque a paz, para nós, é unha cultura, a nosa cultura máis persoal.

5 sept 2011

Sobredose de mercado

    Empezo por dicir que non sei nada, ou case que nada, de economía. Certo que nalgunha época da miña mocidade lía manuais de economía política con certa soltura. Os clásicos da esquerda. Conservo aínda moitos deles. Mesmo faciamos cursiños comentados con algún experto. Tempos de clandestinidade. Para ler o Capital, Contribución á crítica da economía política, o Anti- Dühring, os Manuscritos económico-filosóficos, Traballo asalariado e capital, Salario, prezo e ganancia, O Manifesto Comunista…     Co paso dos anos un conserva certos coñecementos básicos, iso que os pedantes chaman background, unha corrente de fondo, uns antecedentes, unha formación que ven de lonxe, e pouco máis. Sentido común, aínda que sexa de base marxista...
    A defensa dos mercados, do seu poder autorregulador, da súa portentosa capacidade para xerar riqueza e crecemento económico, xunto coa idea duns Estados xibarizados, tense convertido en profesión de fe neoliberal, a dereita e a esquerda, unha auténtica relixión. Parafraseando a D. Carlos Marx, cando afirmaba que para o estado cristián xermánico “o dominio da relixión é a relixión do dominio”, poderiamos concluír, salvando as distancias,  que o dominio da relixión neoliberal e a supremacía dos mercados é hoxe a relixión económica do que Federico Mayor Zaragoza chama o Gran Dominio.
   ¿Quen parará as apetencias insaciábeis dos mercados?,
   ¿Quen satisfará eses apetitos desmedidos?     
   ¿Quen colmará tanta luxuria financieira?
   Dobregarse ante eles, someter as democracias e a política á súa cobiza sen fin non parece dar resultado algún, con reforma constitucional ou sen ela. Cada día que pasa, os mercados, e os mercaderes que os dirixen, parécense máis a eses drogaditos que, aínda colocados, necesitan máis dose, e máis, e máis, sen control nin límite, ata a súa completa autodestrucción.
   Diante das demandas desenfreadas dun adito caben dúas posibilidades, garantirlle a dose necesaria en cada intre, orixinal ou metadona, cos custes que iso significa, ou un tratamento de choque que posibilite a súa total desintoxicación.
   A adicción dos mercados e dos mercaderes polo diñeiro público, as súas apetencias incontroladas, reclaman doses e máis doses de capital, primas de risco cada vez máis tolas, en definitiva, o completo valdeiramento do Estado social e democrático de dereito, do estado do Benestar, tal e como o coñecemos.
   O tratamento de choque pasa polo seu sometemento á política e á democracia, pola soberanía do pobo e da cidadanía, non caben máis panos quentes.
   ¿Hai alguén disposto realmente a poñer coto e no seu lugar ós mercados?

3 sept 2011

JEAN RIDOUX, in memoriam (1923-2011)


   Coñecín a Jean Ridoux nas aforas de París. Foi na celebración do Congreso Internacional de Teachers for Peace, o segundo encontro no que participabamos despois de Bonn, en 1985. Contrariamente ó anterior, ó que asistimos María Uxía Rivas e máis eu, á capital francesa mandamos unha ampla delegación. Alí estivemos con Calo Iglesias, Lois Trigo, Marosa Gómez, Anxos Rodríguez, a verdade xa non sei si esquezo a algunha persoa. O certo é que ibamos cunha intencionalidade clara. Por unha banda, incorporarnos activamente á rede internacional. Pola outra, propor a Santiago de Compostela como posible sede dun futuro Congreso Europeo de Educación para a Paz.

   Jean Ridoux xa era daquela un gran personaxe. Pasaba dos 60 anos, cando nós rondabamos os 30. Exercía como un patriarca. Lideraba o Movemento pola Paz francés coa axuda de varias persoas como Raoul Alonso, de familia española. E tiña especial interese na nosa participación. Sabía de nós por Horst Betghe, un profesor e pacifista alemán, de Hamburgo, organizador dos congresos de Copenhague e Bonn anteriores e co que establecimos unha boa amizade. Dicía de nós, cando nos presentaba, que eramos "patriotas galicianos", a súa forma de interpretar o noso galeguismo, a ollos alemáns, obviamente.

   Jean Ridoux gozaba xa daquela dunha merecida fama. Era o fundador  da Asociación Francesa e da Comisión Nacional de Educación para o Desarmamento. Presidíu a apertura do Congreso en París, en recoñecemento á súa longa traxectoria pacifista, con ecos que chegaban de moi lonxe, da súa vinculación coa resistencia francesa á ocupación alemana, da súa adscripción á xuventude patriótica e á Liga Francesa de Albergues Xuvenís, da súa detención por varios anos e da súa liberación, como París, en 1944.

   A súa militancia pacifista forxouse sobre todo a partir da oposición á intervención francesa en Vietnam, considerada unha guerra colonial. Nese momento abandona o exército francés e volve á vida civil como capitán honorario. Destacouse tamén pola organización da solidariedade co pobo arxeliano.

   Foi logo nomeado secretario do Movemento pola Paz parisino e en 1974 funda a Comisión Nacional de Educación para o Desarmamento.

   Nos anos '80 promove a organización dos primeiros congresos internacionais de Educación para a Paz e se vincula, con entusiasmo, á idea da Cultura da Paz que impulsa na UNESCO, Federico Mayor Zaragoza.

   Reticente inicialmente á nosa proposta de celebrar un Congreso Europeo en Santiago de Compostela, logo a apoia. Non so iso, ven e participa activamente en 1994 no que foi, sen dúbida algunha, o mellor e máis concorrido Congreso Europeo de Educación para a Paz celebrado ata hoxe, o único, por certo, con actas publicadas no libro "Por unha Europa de Paz, Multiétnica e Intercultural", coordinado, como o Congreso, polo noso compañeiro Calo Iglesias.

   E volveu a Galicia moi recentemente, en decembro pasado, con motivo do FORO 2010. Estaba xa moi velliño, aínda que conservaba esa fortaleza espiritual da súa rica e vivaz biografía. Tiña 87 anos. Cando entrou no Plenario pedín para el un forte aplauso de recoñecemento e gratitude que os case que mil asistentes seguiron con fermosa xenerosidade.

   Co final de Agosto, Jean Ridoux deixounos para sempre. A súa memoria, o seu exemplo, seguirán nas persoas que tivemos a honra de coñecelo. Descanse en paz, nunca mellor dito, este educador, referencia internacional, pacifista comprometido coa cultura da paz, do entendemento e da concordia.
  

26 ago 2011

ANGLADAS HAI MÁIS DOS QUE PENSAMOS...

   Josep Anglada i Rius, fundador e presidente do partido Plataforma per Catalunya, non merecería comentario algún, nin sequera satírico, se non fose porque é un síntoma de algo moito máis preocupante que pode correr como un regueiro de pólvora no futuro inmediato. Este individuo representa a punta dun iceberg moito máis oculto que non se circunscribe a Cataluña. Concelleiro en Vic, foi militante de Fuerza Nueva, candidato do Frente Nacional ó Parlamento Europeo e, na actualidade, lidera unha forza política con representación en diferentes concellos cataláns polo que non creo que podamos cualificalo de simple "anécdota curiosa" no panorama político español.
   O seu discurso xenófobo e discriminatorio está calando en ámbitos con forte presenza de inmigrantes. Aproveita calquera ocasión para alimentar o odio, particularmente, contra dos musulmáns. Nos seus actos repite con reiteración e moito entusiasmo, en catalán e español, cousas como "Vainos tocar ós valentes expulsar ós musulmáns do noso país" ou " Aquí xa non cabe un so inmigrante máis". O seu ideario ultra dereitista pode lerse en "Sin mordaza y sin velos ", publicado en 2010, onde carga contra o que denomina "islamización" da sociedade catalá e alerta do perigo no que se atopa, segundo el, a democracia.
   No seu blog, tamén en catalán, podemos comprobar que o seu pensamento non está tan lonxe do que, cada vez con máis frecuencia, escoitamos na rúa: España estase enchendo de mouros, veñen a quitarnos o traballo, a aproveitarse da seguridade social, cobren as súas nenas con veos, queren construír mesquitas e chamar publicamente á oración... ¡onde imos a parar!.
   En Salt, recentemente, protagonizou un incidente na rúa ó querer entrar no salón de plenos, foi insultado e ameazado, por persoas que reclamaban o dereito da comunidade musulmá a ter os seus espazos para o rezo. A súa aparición diante do concello catalán, ben cuberta polos medios, saíu en prensa e televisión, dando de Anglada unha visión de vítima perseguida e acosada.
   O avance de Plataforma per Catalunya nas últimas eleccións municipais debería facernos reflexionar, a todas e todos, sobre as súas perspectivas si finalmente, como anuncia, decide presentarse ás Xerais do 20N.
   Existe un caldo de cultivo na sociedade española, tamén entre a mocidade, que a pouco que se alimente pode explotar. Ideas como que non se pode tolerar que os musulmáns chamen á oración publicamente nun país cristián, que non podemos permitir que saian dos galpóns, pisos e naves industriais dos arrabais onde están confinados para rezar, ou aceptar o igual tratamento que a igrexa católica na educación e o libre uso do hiyab, por exemplo, están moito máis estendidas do que pensamos.
   Educar para a interculturalidade, para o diálogo, para o entendemento e o respecto, para a comprensión mutua, desde o coñecemento, coa perspectiva dos dereitos humanos, é unha necesidade moito máis apremiante do que cremos, nas familias e nas escolas, tamén na sociedade, nos medios e na publicidade, nas pantallas, non só como política preventiva, senón como parte das virtudes cívicas necesarias para convivir pacificamente nunha sociedade democrática.
   Cando escoitamos que a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos está condenada a desaparecer sentimos unha enorme decepción porque a nosa experiencia indica que esa materia, limitada a un curso na primaria e a dous na secundaria, resulta absolutamente insuficiente para abordar problemas e conflitos como os explotados por tantos Angladas que nos rodean, aínda que non se signifiquen tanto como o político catalán.
   En Mein Kampf, que en galego poderiamos traducir por "A miña loita",  publicado en 1925, Adolf Hitler, xa manifestaba que "a raza aria é incompatible coa raza xudía". case que ninguén o tomaba en serio. O 30 de Xaneiro de 1933, oito anos despois, era elixido Chanceler de Alemaña nun goberno de coalición. O resto xa o coñecemos...

12 ago 2011

¿A educación é cara?

  
   As imaxes non deixan lugar a dúbidas. O que acontece no Reino Unido, en Londres e outras cidades é dunha gravidade extrema. Ata o momento 5 mortos, máis de mil detidos, a maioría menores de idade, nunha onda de violencia que lembra outras dos anos '80, con incendios e saqueos indiscriminados, ira e resentimento, odio e frustracción, a mans cheas.
   Convén non esquecer que existen moitas formas de violencia, non é única, non é unidireccional. Aprendemos a ser violentos. Non o somos por natureza, como algúns pretenden. Xa en 1985, a comunidade científica reunida en Sevilla, aprobou un Manifesto que fixo seu a UNESCO, no que se afirmaba que "a guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas". Necesitan dun profundo, intenso e dilatado aprendizaxe, caldeiras de producción de odio, na familia, na escola, nos medios, na sociedade.
   Dalgunha maneira recollemos o que sementamos. As explosións de violencia protagonizadas por adolescentes, amparados e protexidos polo seu número, son consecuencia de fracasos diversos, familiares, educativos, políticos e sociais. Cando alentamos o consumismo exacerbado, mundos idílicos á man de calquera, sen esforzo, estamos fomentando expectativas falsas, fontes inagotables de enorme frustracción. Cando restrinximos as políticas públicas e propiciamos fortes recortes nos equipamentos sociais, educativos, sanitarios... mentres non temos reparo en rescatar ós mercaderes responsables da marxinación e a exclusión social, da pobreza e da fame, garantindo os seus insultantes salarios e as súas envidiables pensións blindadas, estamos a facer pedagoxía política negativa, xeradora de rabia e indignación. 
   Cando construimos barrios dormitorio infames e os reservamos para as minorías étnicas que non queremos ver nos centros das cidades e creamos guettos multiculturais para pobres e excluídos renunciando a políticas urbanísticas e sociais integradoras, interculturais, estamos a xerar condicións para que a ruindade explote en calquera momento.
   O que aforramos hoxe en educación nolo teremos que gastar, multiplicado, en cadeas e sistemas de seguridade. Din que a educación é cara porque non calculan o que realmente custa a ignorancia e a incultura. Os recortes sociais, as políticas públicas de aforro en sectores claves como a educación, a asistencia social, subsidios de paro, pensións, etc. teñen consecuencias, aínda que non se perciban a curto prazo. A inxustiza, a discriminación, o abuso, a violencia estructural, aquela que non se percibe tan facilmente, as vidas condenadas de antemán, os cativos carne de cañón, os futuros anulados, as condenas eternas na marxinalidade, non conducen máis que á delincuencia e a comportamentos e conductas que non desaparecen con policías, militares, sistemas de seguridade e alarmas, nin coa blindaxe armada dos barrios prósperos ou coa cultura do medo.
   Os problemas complexos non teñen solucións sinxelas, nin por suposto a curto prazo. A convivencia pacífica e democrática esixe dun permanente esforzo continuado en ámbitos moi diversos, desde o familiar ó social, pasando polo educativo e o mediático. Non luce. Non ten resultados inmediatos. Por iso non satisface ós políticos. Non ten rendibilidade electoral. Sen embargo, ignorala, considerar que a convivencia, as virtudes cívicas, non son unha prioridade en épocas de crise, supón un completo disparate, unha política suicida, un abono para que, en calquera momento, en calquera lugar, unha explosión de violencia, como a actual do Reino Unido, nos colla a todos por sorpresa, nos confunda e asuste.
   Pero, é realmente unha sorpresa?  O sorprendente, quizáis, é que non aconteza con maior frecuencia.
    Compre repetilo, a prevención é cara, mais a ignorancia, a desidia ou a cobiza, á longa, resultan carísimas. 
  

30 jun 2011

Responsabilidade educativa e indignación



Facer apelacións públicas (e tamén privadas) á responsabilidade dos docentes nos medios de comunicación, por correo electrónico, ou en sede parlamentaria, sempre queda moi ben. Da sensación de rigor, de cordura, de sentido común. Sen embargo, abertamente, no Parlamento Galego, Jesús Vázquez, máximo responsable do ramo, da por suposto que os profesores e profesoras, neste caso do ensino chamado "non universitario", actuaron, actúan, de maneira irresponsable, por iniciativa propia ou inducidos por outros.

   Polo contrario, a Consellería de Educación, as autoridades educativas da Xunta de Galicia, no que levamos de lexislatura, como todo o mundo sabe, viñeron comportándose con moderación e prudencia, sen estridencias, escoitando a opinión da comunidade escolar, téndoa en conta, dialogando pacientemente, buscando sempre e en todo momento, o acordo e o consenso, en definitiva, responsablemente.

   Os moitos miles de docentes que o pasado día 28, convocados por todos os sindicatos do ensino, sen excepción, no remate do curso, cando todos e todas estamos dos nervios, sen practicamente propaganda algunha da mobilización, abarrotamos Compostela e a enorme explanada diante de San Caetano, fixemos un exercicio de responsabilidade, de compromiso coa profesión docente e coa escola pública galega, de mostra inequívoca de indignación.

   O Conselleiro actual e o seu equipo teñen un gran mérito, o de propiciar, por primeira vez en moitos anos, a unidade sindical absoluta no ensino, nada fácil neste sector, diría que inédita na democracia. Podo estar errado pero, de feito, non sei si habería outro momento de tanta unanimidade. Así, repasando de memoria os conselleiros conservadores, desde Cacharro Pardo e Vázquez Portomeñe, pasando por María Jesús Sainz, Suárez Vence, Piñeiro Permuy, Celso Currás e Jesús Vázquez non.  E nas etapas progresistas, con Aniceto Núñez e Laura Sánchez Piñón, tampouco.

   As cousas non suceden por casualidade. Desde a súa chegada, Jesús Vázquez, tense destacado por incendiar o sector a cada paso, iso si, con moita responsabilidade, case que toda, diría eu. Decreto do plurilingüísimo, intolerancia co veo islámico en Arteixo, libros de texto, escolas de idiomas, FP, restricións presupostarias, reducións de plantillas, lei de convivencia e participación, ampliación de horario lectivo, modificación de condicións de traballo e de funcións coas vixianzas nas chegadas e partidas do transporte escolar...unha tras outra, enchendo de malestar o ensino galego.
  
   Preguntábase Carme Adán, docente como Jesús Vázquez, portavoz de educación do BNG no Parlamento Galego, en A Nosa Terra, hai unhas semanas, si na Consellería de Educación existía un Plan para explicar tantas actuacións responsables no que levamos de lexislatura, superada xa a súa metade. E respondía que si, loxicamente. Claro que teñen un Plan, o plan rataplán. Nin sequera é orixinal. Outras autonomías da mesma cor política o practican. Un plan ben premeditado. Aquel que  defende a dereita máis conservadora, aquí e en todas partes.
  
     Quizais o máis novidoso sexa a forma de concretalo. Arremetendo, como elefante en cacharreiría. Rataplán, plan, plan. En vacacións ou nas vésperas. De fronte, sen vergoña nin escrúpulos. Con firmeza, duro e claro. Sen vacilacións. Contra todo. Pasando dos órganos de representación e participación da comunidade educativa. Para que? Ou, mellor dito, contra deles e punto. Responsablemente. Pretas as filas...

   Si o remate deste curso escolar foi movido, espéranos un comezo de curso, en setembro, polo que se ve, similar. Con todo, habería que ser intelixentes, comprometidos coa escola pública, para non caer na provocación de contribuír ó desprestixio do ensino de todas e todos, porque, no fondo, eu creo que é o que pretenden realmente, recortar e xustificar, socialmente, a súa aposta ideolóxica pola privada. 
   
   O obxectivo, a mensaxe enviada pola Consellería e tamén polo Presidente da Xunta, semella meridianamente clara. A escola pública e os seus funcionarios docentes, que non gozan da confianza do seu goberno, nin do seu presidente, aínda que apelen á súa responsabilidade, tampouco merecerían a confianza dos pais e das nais. Os centros públicos non serían, polo tanto, o mellor lugar para educar ós nosos fillos, sobre todo si temos en conta que existen outras alternativas mellores, protexidas de sobresaltos, amparadas e financiadas polos poderes públicos, con ideario propio, é dicir, a escola concertada ou a privada. Para alí é para onde deberían mirar todas as familias de ben, aínda que supoña un pouco máis de sacrificio. Alí está a salvación, o futuro, o éxito social. Na pública quedarían os que non teñen outro lugar onde caerse mortos. Pobres de solemnidade, inmigrantes, minorías étnicas, minusválidos, especiais... Niso están pensando, o pensaron sempre, e cara aí camiñan. Con paso firme, decidido, en procesión.

        Desvalorizar a función docente, desprestixiar a escola pública, confrontar ó seu profesorado coa sociedade, como si de controladores se tratara (xa tardaba a comparación na prensa), rebaixar os seus salarios, masificar as aulas e aumentar as ratios, suprimir programas e proxectos compensadores e de apoio, desmontar a estrutura de formación permanente, rebaixar drasticamente o seu orzamento e plantillas, non cubrir a maioría das baixas... complementado todo cunha forte campaña propagandística nos medios afíns que insiste na negatividade do ensino público: conflitividade, violencia, acoso…, en definitiva, alarmismo escolar, a cultura do medo, pois esas son as medidas para executar un plan preconcibido e meticuloso de desmantelamento do sector público, responsablemente.

   A nova andanada consiste en dicir: o profesorado traballa poucas horas lectivas. Négase a mellorar a calidade. Defende privilexios. Resístense. Non queren atender ó alumnado, nin sequera eses minutos á entrada e á saída. Opóñense a cambiar ós cativos. Non fan as vixianzas. Teñen moitas vacacións. En definitiva, son uns irresponsables. Iso si, os necesitamos máis que nunca... para completar o Plan.

Con toda responsabilidade...