Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

13 jul 2012

Somos o 99%...

 




    Contan as crónicas madrileñas que mentres Mariano Rajoy relataba no Congreso as súas medidas excepcionais para saír da crise escoitáronse berros como ¡Que se jodan!, ¡A trabajar, vagos! ou ¡A Cuba!, entre as bancadas populares, holigans ultracentristas que non eran quen de reprimir o seu entusiasmo.
   Efectivamente, a situación é excepcional, non tanto polas razóns apuntadas polo líder do PP senón pola que se nos ven enriba, ó 99%, á xente do común, ás clases medias, funcionariado, traballadores e persoas desempregadas. Por iso, diante de situacións excepcionais compren respostas excepcionais. Non chega con que cada quen actúe en conciencia. Faise imprescindible a máxima unidade política e social para facer fronte a este auténtico golpe de estado financieiro contra da maioría da sociedade, contra dos dereitos laborais e constitucionais, contra do Estado do Benestar e contra da democracia mesma. Necesitamos dunha estratexia conxunta, unitaria, de todas as forzas sociais, para respostar consecuentemente e parar, pacifica e democraticamente, o maior atentado contra dos dereitos da cidadanía.
   En realidade poderiamos afirmar que estamos diante dun xigantesco fraude electoral, unha estafa, un cúmulo de mentiras que amosan o grao de indecencia política ó que chegan algúns. Cabería estudar, tamén, medidas de tipo xurídico, por canto que se están a  vulnerar, desde o meu punto de vista, dereitos básicos constitucionais, xunto coa demanda dun referéndum cidadá sobre os recortes anunciados, a solicitude de eleccións anticipadas ou a mesma dimisión do presidente do goberno.
   As medidas aprobadas hoxe no consello de ministros, venres 13, coa anuencia de El Rey, irresponsable constitucionalmente, permiten falar tamén, dunha crise de réxime, non só de goberno.
   O obxectivo fundamental é saquear ás clases medias, ós traballadores e traballadoras que cobran por nómina, ó funcionariado, unha vez máis, ós desempregados, ó 99% da poboación, para darllo ós mercados, ós acredores, ós grandes bancos, sobre todo alemáns, e consorcios de inversións, especuladores, poñendo a economía e a débeda, sen rubor, por riba das persoas, hipotecando o noso futuro e o de xeracións, para tapar os roubos, a mans cheas, realizados pola banca española e as caixas en conivencia coas grandes construtoras e inmobiliarias, xunto cun despilfarro político asentado nunha corrupción intolerable. Diante dos nosos ollos, como nun xogo de mans, propio de expertos trileiros, déronnos un cambiazo maiúsculo, co obxectivo de transformar, por arte de birlibirloque, unha inmensa débeda privada, en débeda de todas e todos, en débeda pública soberana.
   E para pagala, para satisfacer as demandas dos acredores, bancos e consorcios, como dicía, apélase á maioría da sociedade, para sacarlle máis recursos, mentres que os responsables desta desfeita se van de rosiñas, con pensións e indemnizacións millonarias, vense premiados cunha amnistía fiscal inmoral e inxusta, ó tempo que eluden calquera contribución solidaria para afrontar as consecuencias dos seus propios actos. De tal maneira que, os ricos, as grandes fortunas, contrariamente ó que acontece en Francia, por exemplo, non terán que pagar ningún imposto solidario, nin tampouco un gravame polo comercio de luxo, que non para de aumentar. A Igrexa, outro exemplo, seguirá a non tributar o IBI e recibirá millóns anuais de financiación estatal alonxándose así da autofinanciación acordada hai tantos anos. Ou a Casa Real, ou o ensino privado, con subvencións millonarias que tampouco paran de aumentar, ou o profesorado de relixión nos colexios públicos nomeados polos bispos, como nos réximes teocráticos nun Estado formalmente aconfesional.
   Tampouco o Mº de Defensa verá diminuídos substancialmente os seus presupostos. O ministro Morenés y Díaz de Eulate garantirá o cobro da millonaria débeda contraída coa empresa privada para a que traballaba e seguiremos a gastarnos 1 millón de euros diarios pola presenza de tropas españolas no exterior. E continuarán as SICAVs, e os executivos do IBEX verán incrementar os seus salarios un 5%, en plena crise, ocupando o primeiro lugar entre os mellor pagados de Europa con salarios de 522.000€ de media. Quen dixo crise?, unha estafa, un fraude, unha política económica que defende, sen escrúpulos, os intereses dunha minoría, os deles, aqueles que sempre defenderon, en razón da súa clase.
   Pero é que aínda hai máis. Cando a cidadanía maioritariamente reclama aforros e recortes, por exemplo, nas Deputacións, no Senado, nos gastos suntuosos incomprensibles, Gaiás, porto exterior... ven Rajoy e reforza as competencias e recursos das deputacións provinciais, claro, sabe moito disto, do poder clientelar que supoñen. E o recorte de concellais nun 30%, na maioría dos concellos galegos, vai significar a consolidación artificial, fraudulenta, do bipartidismo, excluíndo ás forzas minoritarias, outra regresión democrática.
   E o peor de todas estas medidas é que non van a sacarnos da recesión, caerá a actividade económica, diminuirá o consumo drasticamente, aumentará o desemprego e chegaremos ós 6 millóns de parados, con menor cobertura, e cunha reforma laboral que so favorece o despido barato. Entraremos nunha depresión que nos empobrecerá máis e máis, á maioría da cidadanía, especialmente ós sectores máis febles que caerán, sen remedio, na exclusión, na mendicidade ou na marxinalidade social cos riscos evidentes derivados para a convivencia, e medrarán as desigualdades de todo tipo.
   A cultura do medo, a invitación á resignación: non hai máis remedio, son medidas impostas, non hai alternativa..., atronarán nas teles e demáis medios de comunicación para favorecer a parálise e asegurar o voto conservador.
   Necesitamos, como auga de maio, outras políticas, outras prioridades, decencia, honestidade, radicalidade democrática, outra cultura política, valores cívicos e democráticos, poñer a economía ó servizo da cidadanía e non ó revés, lexislar para o 99%.
   Por iso faise imprescindible que as forzas políticas e sociais, contrarias a esta saída da crise, deseñada en beneficio dunha minoría, se senten e acorden unha estratexia conxunta, en defensa do Ben Común, unitaria, con protestas e propostas, propostas e protestas, mobilizadora, xurídica, electoral, para botar do goberno a esta tropa e devolver a esperanza e a ilusión ó noso pobo, Comprometidos por Galicia, desde xa.

29 jun 2012

COMPROMISO POR GALICIA


   COMPROMISOXGALICIA é un novo referente político e está en construción, está por rematar, non debemos esquecelo. Non temos o ramo posto, aínda non houbo alboroque. Estamos a poñer os piares, e esta nova forza política a estamos construíndo entre todas e todos, por abaixo, por arriba, arredor, polas beiras, polo centro, interactivamente, en rede… 

  Compartimos, con tantas galegas e galegos, a necesidade e a urxencia dunha nova forza política, pero sobre todo, desexamos outra cultura política, outras formas e maneiras de acción política, novas, distintas, das que vemos a cotío no Parlamento Galego e fora del.

  Unha forza política asentada, antes que nada, en principios éticos, en valores, sen os cales todo o demais perde o seu sentido, convértese en retórica política, palabrería oca.

   Cando falamos de valores, non estamos a referirnos ós valores do mercado ou dE bolsa, pensamos nos valores cívicos e democráticos, os valores de cidadanía, aqueles que consagrou magnificamente a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, iso que algúns chaman tamén as virtudes cívicas e laicas que veñen a nós desde a Ilustración, de cando deixamos de ser súbditos e pasamos a ser cidadás, aínda que algúns pretendan levarnos, outra vez, á subordinación.

   Referímonos ós valores democráticos, ises que tanto custou garantir e que hoxe están profundamente amenazados: a dignidade, a liberdade, a xustiza, a solidariedade, a paz, a nonviolencia, a honestidade, a decencia política, porque sen estes valores, a  acción política apodrece, deixa de ter o seu sentido.

   Como reiteramos na Educación para a Paz: “Evitar contradiccións entre o que dicimos e o que facemos” iso é a coherencia política.

  Queremos ser unha cooperativa política, moi lonxe da competitividade política e social máis propia da guerra fría. Estamos e queremos respostar ás necesidades e demandas da cidadanía galega do século XXI, cooperativamente, en colaboración, en rede, facendo iso que chamamos traballo cooperativo, sumando, colaborando, para multiplicar.

E cales son os valores da cooperación política?

A axuda mutua, o ben común, o esforzo propio, a responsabilidade, o compromiso cos demais, o COMPROMISO X GALICIA.

   Stéphane Hessel, ese mozo de 95 anos, hai case que dous anos xa, nun panfleto titulado “Indignádevos”, libro publicado en galego cun prólogo magnífico de Manolo Rivas,  “A nova conquista do pan”, dounos unha lección maxistral a todas e a todos,  e inspirou a revolta indignada. Dixo: É tempo de acción, de participación, de non resignarse. É tempo dunha democracia xenuína. Tempo de mobilizarse, de ser actores e non só espectadores impasibles, progresivamente uniformados, gregarizados, obedientes…

   COMPROMISOXGALICIA, aséntase, sobre todo, en dous piares básicos, as profundas conviccións galeguistas e a vontade transformadora

   Recollemos as achegas tanto do galeguismo político como do soberanismo cívico, do progresismo e da esquerda renovadora, a cultura da paz e do pacifismo, a xustiza social, os dereitos humanos e dos pobos, o ecoloxismo político, a economía solidaria, e a radicalidade democrática, e aquí, neste espazo amplo e plural sentímonos cómodos, todas as forzas que compoñen hoxe CxG, como a maioría da sociedade galega se sinte amparada nesta ampla definición política. E a esa inmensa maioría nos diriximos,  con vocación de goberno.

   Compartimos tamén esa imperiosa necesidade de rexeneración política, queremos contar e non ser contados cada catro anos, como a maioría da sociedade. Ese é o espazo sociolóxico e electoral a quen queremos dirixirnos, a maioría social, con quen queremos construír e asinar este COMPROMISO, comprometidos, comprometidas co país, coa súa xente, coa súa lingua, coa súa cultura, co seu extraordinario patrimonio natural, paisaxístico, histórico, artístico… tan ameazado, e coa igualdade entre homes e mulleres, un Compromiso con Galicia, cos seus dereitos individuais e colectivos, coa transformación social, en beneficio do 99%. Con fondas raíces no país e coas ponlas abertas ó mundo, prestando toda a nosa atención ó que acontece, pensando globalmente, actuando localmente, con esa universalidade tan moderna que tiña o galeguismo histórico. 

   Pasaron os tempos da indignación, aínda que as causas da mesma persistan, pero lembrade, tan só se indigna quen ten dignidade.

   Temos que coller o país entre as mans, de todas e de todos, porque estamos diante dunha crise sistémica, non só nunha época de cambios, senón nun cambio de época. O neoliberalismo non da máis de si. 

   Seguen a morrer diariamente máis de 60.000 persoas de fame. Mentres, sen ruborizarnos, seguimos a gastar máis de 4.000 millóns de dólares ó día en armamento. A esperanza de vida, en Galicia, no Canadá ou en Alemaña supera os 80 anos. Na maior parte de Africa esa esperanza de vida redúcese á metade.

   Esta economía de guerra, depredadora da natureza, non ten futuro. Con estas prioridades nunca poderemos cumprir cos Obxectivos do Milenio. Cústanos a todas e a todos, 1 millón de euros diarios a nosa presenza militar no exterior, mentres a maioría da poboación camiña pola senda dos recortes, da pobreza e da exclusión progresiva.

   A democracia, tal e como a coñecemos, coas súas limitacións, coas súas carencias, está sendo secuestrada diante dos nosos ollos. As institucións supranacionais, a UE, O G7, o G8, o G20, o FMI, o Banco Mundial, son hoxe instrumentos ó servizo dos intereses dunha minoría, por iso defenden a desregulamentación máxima da economía, a ausencia de controis, de fiscalización, e manteñen os paraísos fiscais ó tempo que toleran ou alentan o tráfico de capitais, de armas, de drogas ou de persoas.

   Europa, secuestrada, ó servizo dos mercados e dos mercaderes, dos bancos e dos acredores, decide rescatarse a si mesma, ós estados máis endebedados, poñendo a economía e os intereses dos banqueiros por riba das persoas e da xente do común. Esta é, probablemente, a maior contradición na que vivimos. Son os traballadores e as clases medias as que financian, os que financiamos, a recapitalización da banca e unha saída da crise en beneficio exclusivo dos que a crearon, por iso escoitamos tanto o de que isto non é unha crise, é unha estafa, unha magnífica escusa para dar por finiquitado o Estado de Benestar.

   Queremos máis democracia e mellor democracia, Boaventura de Sousa Santos fala de “Democratizar a democracia”, aquí está a base do que defendemos, a radicalidade democrática, as listas abertas, a elección do candidato ou candidata en primarias abertas á cidadanía, a limitación de mandatos, a exclusividade dos cargos públicos, a firmeza e a exemplaridade coas persoas imputadas, a  intolerancia cero con que mete a man na caixa ou se beneficia do seu cargo político.

  Federico Mayor Zaragoza, con frecuencia, conta esta histor¡a verídica. Dominique Lapierre, hai anos, levoulle algo de diñeiro recollido a Teresa de Calcuta, era moi pouco, e díxolle: Non puidemos xuntar máis. Xa sei que isto é como unha pinga no océano… e a nai Teresa respostoulle. Si, pero sen esa pinga, o océano a botaría en falla…

   Burke non o dixera mellor cando afirmaba: “Mágoa que por pensar que podían facer pouco, non fixeron nada”

   Pois por iso mesmo,  Galicia está tamén nunha encrucillada. COMPROMISOXGALICIA fai propio aquel vello lema do Mahatma Gandhi cando berraba “Actúa. Se ti o cambio”. 

4 jun 2012

Na terra de Paulo Freire: sobre o II Foro Mundial de Educación Profesional e Tecnolóxico celebrado en Florianópolis (Brasil)




       Florianópolis é unha illa ó sur de Río e Sao Paulo, que foi colonizada por azorianos, desde logo que teñen moito parecido, mar bravo, lagoas interiores como a da Concepción, e unha floresta verde moi exuberante como a das illas portuguesas. Alí ven de celebrarse o II Foro Mundial de Educación profesional e tecnolóxico baixo o lema xeral “Democratización, emancipación e sustentabililidade”.


O Foro Mundial de Educación (FME) naceu ó albur do Foro Social Mundial (FSM) celebrado por primeira vez en Porto Alegre en 2001. Desde aquela téñense celebrado numerosos Foros Mundiais, algúns deles temáticos e outros territoriais. Entre eles, por exemplo, o ibérico que tivo lugar en Córdoba ou o que organizamos en Santiago de Compostela en 2010 sobre Educación, Cultura de Paz e Dereitos Humanos.

O Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz son membros natos do seu Consello Internacional e nesa calidade tiven a honra de participar en varios deles, en Porto Alegre, en Gravataí, en Caracas... e agora en Florianópolis.

Brasil, para quen non o coñeza, sempre sorprende agradablemente, non só pola súa dimensión continental ou pola súa exuberancia paisaxística, senón tamén, polo seu dinamismo e creatividade, polo seu compromiso cos movementos sociais e a educación, alí naceu o altermundismo, outro mundo é posible, e alí a educación, desde hai moito tempo, co mestre -sempre na memoria- Paulo Freire, ocupa un lugar central nas políticas públicas que os distintos gobernos do PT veñen desenvolvendo, xunto coa loita contra da pobreza. Estar no Brasil é como volver á casa grande, descubrir que a nosa lingua, con acentos e matices, fálase nun país de máis de 100 millóns de habitantes, a sexta economía mundial, e cun potencial de crecemento extraordinario.

O acto inaugural do II Foro Mundial de Educación Profesional e Tecnolóxico, como corresponde a Brasil, fíxose nun sambódromo. En ningún outro espazo máis acaído, sobre todo, porque con 24.000 inscritos, dixen ven, 24.000, de todo Brasil, non había lugar onde xuntalos. Profesores e profesoras de tódolos niveis educativos, mais especialmente dos institutos de formación profesional, abarrotaron, durante 6 días, salóns e aulas, carpas e stands, a cidade enteira, coas súas bolsas e identificacións. Delegacións de máis de 70 países, palestrantes (como chaman ós relatores) internacionais, de América Latina, EE.UU, Europa, preferentemente, para partillar experiencias desde unha perspectiva crítica, emancipadora e sustentable.

No acto inaugural, como dicía, interviron as representacións institucionais, da cidade, do Estado, da Universidade, do FME, Albert Sansano,en nome do Consello Internacional, pero quixera referirme a algo insólito que aconteceu. Diante de máis de 8.000 persoas, o ministro de educación do Brasil, Aloizio Mercadante, atreveuse non só a saudar e facer un discurso laudatorio do FME, senón que pasou a explicar, con todo detalle, a política educativa do seu ministerio, desde a educación infantil ata a universidade, cun resultado desigual. Algunha medidas, como a de dotar de tablets a todo o profesorado, levantaron o entusiasmo dos asistentes. Outras, como as que tiñan que ver cos salarios, a carreira docente ou o ensino superior, provocaron fortes abucheos dos máis mozos, cunha folga convocada para dentro duns días, e berros de ¡mentira! ¡mentira!. Algo completamente impensable en España ou en Galicia, que o ministro ou o conselleiro de educación sometan á consideración de varios miles de persoas, na súa maioría profesorado, a súa política educativa.

Nas sesións plenarias, todas as máñás, de 9:00 a 12:30 horas, a participación foi extraordinaria, o salón de actos, de 2.600 butacas, completamente cheo, durante máis de tres horas, e actividades paralelas autoxestionadas, con niveis de participación elevadísima. Informouse de que, diariamente, máis de 15.000 persoas circulaban polos distintos espazos de maneira permanente e simultánea. Damos fe.

A primavera árabe, o movemento 15 M, as redes sociais, as transformacións derivadas da Internet, o software libre, as experiencias educativas dos institutos de formación profesional de Brasil e do mundo, os cambios producidos polas novas tecnoloxías nos sistemas escolares, a formación inicial, a formación en servizo... e música, teatro, marionetas, audiovisuais, exposicións, stands dos institutos, de todos os estados do Brasil, nun enorme Forum coa educación como motivo e compromiso.

O Consello Internacional do FME acordou, pola súa parte, darlle continuidade ás súas actividades e estruturas de participación política, preparar o vindeiro Foro Mundial de Educación que se celebrará en Túnez, participar activamente cun documento propio e diversas iniciativas na reunión de Río + 20 e no Cumio dos Pobos que empeza nuns días, e apoiar a celebración do III FME temático, profesional e tecnolóxico, en Pernambuco.

O altermundismo educativo está moi vivo, fai protestas, reivindica, e ten propostas. O celebrado en Florianópolis reafirma o papel do Brasil no seu apoio decidido ós movementos sociais, na súa aposta por unha educación transformadora das persoas, os suxeitos chamados a mudar o mundo.  Parabéns merecidas e grazas, moitas grazas, Brasil.

        Para ver máis: http://2sitefmept.ifsc.edu.br/



10 may 2012

Caciquismo de manual





        O informe negativo da Comisión Provincial de Patrimonio de A Coruña sobre a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, significa, de facto, abalar as presións exercidas por algúns veciños e polo alcalde. Tamén evidencia un cambio radical da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia pois, ata Xaneiro deste ano, mantivo unha posición entusiasta e favorable ó BIC.
         A iniciativa de solicitar a declaración de BIC foi promovida polo Seminario Galego de Educación para a Paz, a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, a Sociedade Cooperativa Viravolta e a Fundación Convento de Herbón. Tratábase de acceder ó financiamento a cargo do 1% cultural do Mº de Fomento para rehabilitar uns espazos cedidos polos franciscanos para poñer en marcha un Centro Internacional pola Paz onde tería tamén unha sede externa a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, o futuro Centro UNESCO de Galicia, e a Fundación Cultura de Paz que preside Federico Mayor Zaragoza, comprometido -desde hai anos- co proxecto e ó que doaría unha parte moi substancial da súa biblioteca e documentación persoal. Sería un Centro con Salón de Actos, Sala de Exposicións Permanente (base dun futuro Museo da Paz), aulas, Biblioteca e Videoteca, para ofertar a colexios e institutos, ONGs e un lugar de encontro internacional sobre paz e dereitos humanos.
         A Asociación de Amigos do Camiño pretendía instalar non só un Albergue de Peregrinos, que xa mantén na actualidade, senón un Centro de Estudios Xacobeos. Pola súa parte, a Sociedade Cooperativa Viravolta establecería unha Casa de Acollida para nenos en situación de risco e de exclusión social.
         O proxecto de rehabilitación e de execución de obra, magnífico, o fixo un arquitecto galego de prestixio, Pedro de Llano e no documento xustificativo participaron catedráticos ben recoñecidos.
         Desde finais de 2009 estivemos pulando por esta iniciativa, de enorme interese para Padrón e para Galicia, ata que, en Outubro de 2011, entreguei persoalmente toda a documentación necesaria en Madrid, no Mº de Fomento, que daquela aínda presidía Xosé Blanco. Había un acordo absoluto na adecuación do proxecto ó 1% cultural e comprometemos 700.000€ para a rehabilitación de Herbón e a posta en marcha do Lar da Paz.
         Ata aquel momento, Patrimonio, o seu Director, José Manuel Rey Pichel, e a súa Subdirectora, María Diz, cos seus propios técnicos, apoiaban de maneira entusiasta o proxecto, de feito, en Outubro de 2011 aproban a incoación do expediente de declaración de BIC (DOG, 31 de Outubro, 2011). Nada menos que a propia Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega emiten informes favorables.
         Que pasou entón para que esta sintonía empezara a desafinar?
         Caciquismo de manual. Nada novo en Galicia, máxime cando se quere avanzar na protección do medio natural ou cultural. Por iniciativa dalgún veciño con intereses particulares preto do convento, con expectativas de negocio, e a colaboración incomprensible da alcaldía, o 23 de Xaneiro, convócase unha Asemblea “popular”, nunca mellor dito, á que non se invita ás partes promotoras da iniciativa. Nesa reunión, o propio Alcalde, nunha actitude de enorme irresponsabilidade alerta á veciñanza dos perigos da declaración BIC para Herbón, que si non van poder mover unha pedra sen permiso, que si terán que ocultar os invernadoiros con tullas, que Patrimonio terá que autorizar previamente calquera modificación... Alí mesmo anuncia alegacións do Concello contra do BIC, un mes fora de prazo, e tamén a recollida de sinaturas na parroquia. Neste ambiente enrarecido, en Herbón, empezan as ameazas contra do convento e o seu prior, Roberto Freire, contra a Asociación Sementar, chamadas telefónicas, envelenamento dunha cadela dos franciscanos... caciquismo de manual.
         E recolléronse sinaturas, moitas que non son de Herbón, outras que non saben exactamente o que piden, e entréganse en Patrimonio. É certo qie non se pide a paralización do BIC pero, coa boca pequena e coas actuacións, ese é o obxectivo principal. As presións institucionais (e políticas) do Alcalde non paran. Visitas á Comisión Provincial, á Dirección Xeral, especialmente para impedir o perímetro de especial protección (uns 150 metros) arredor da muralla do convento, unha medida que foi imposta unilateralmente por Patrimonio e que non estaba (nin está) na solicitude de BIC.
         Mentres vémonos co Alcalde en varias ocasións co ánimo de introducir racionalidade e buscar a mediación de Patrimonio, mesmo pedimos unha reunión, por escrito, nas dependencias da Xunta, para chegar a un acordo. E Patrimonio, sorprendentemente, inhíbese.
         Ata o 2 de Maio pasado. Ese día, o propio Director Xeral en persoa, e o Alcalde de Padrón, presionan á Comisión Provincial e forzan unha votación contraria ó BIC. Tan só Carlos Amoedo Souto, vogal da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico, en representación da Universidade de A Coruña, resiste as presións e emite un voto particular que merece ser coñecido, pois describe, con rigor, todo o que pasou ata hoxe.
         Non deixa de sorprender que persoas de prestixio recoñecido, defensoras inequívocas do noso patrimonio, aceptasen as argumentacións manifestadas na reunión para emitir informe desfavorable alegando, ¡que casualidade!, enfrontamentos veciñais ou posibles interferencias na explotación económica do pemento?.
         En realidade, son cada vez máis as opinións que manifestan, pública e privadamente que, detrás de todo este asunto, acochan escuros intereses inmobiliarios, para Herbón e a súa contorna.
         A Dirección Xeral de Patrimonio decidirá en breve. Confiemos en que sexa a favor do noso patrimonio e da nosa cultura... si non é así, quero anunciar, desde xa, que recorreremos, que demandaremos da maioría política no Concello de Padrón (pois o alcalde goberna en minoría) actuacións coherentes e claras en favor do BIC, pediremos a mediación do Consello da Cultura e da Universidade de Santiago... pois nin Padrón, nin Galicia, poden permitirse semellante disparate.  

25 abr 2012

A educación que precisamos para o mundo que queremos





       
          Con este suxerinte título, o Foro Mundial de Educación (FME), adscrito ó Foro Social Mundial (FSM), máis concretamente, o seu Grupo de Traballo de Educación, veu preparando o Cumio dos Pobos, Río+20 (http://cupuladospovos.org.br/) e acordou difundir un documento (ver completo en: www.sgep.org) de enorme interese, continuador dos debates realizados en Porto Alegre, neste ano, sobre “Crise capitalista, xustiza social e ambiental” e do que quixera facer algúns comentarios, a modo de resume.

        Efectivamente, Río +20 vaise desenvolver nunha coxuntura global de crise, que afecta, fundamentalmente, a Europa e ós EE.UU, con consecuencias económicas, sociais e ambientais que alteran esferas esenciais das nosas vidas, con gradación distinta, obviamente, segundo os ámbitos local, rexional ou mundial que analicemos. En calquera caso, observamos sinais claras de esgotamento do modelo neoliberal dominante e a moitos sectores sociais emerxentes que empezan a demandar formas alternativas para as persoas, a  humanidade e o planeta.

        A crise global, e a nosa máis particular, afectan, como estamos a comprobar, ós piares básicos do Estado de Benestar como son a sanidade ou o ensino. Mais trátase –tamén- dunha crise da propia educación, dos seus contidos e sentidos, pois vai deixando de asumirse como un dereito humano, universal e gratuíto, para converterse nun medio privilexiado para satisfacer as necesidades dos mercados. A educación perde o seu potencial para formar a unha cidadanía capaz de pensar e entender a orde económica e social na que vivimos, xunto coa de soñar con outro mundo posible onde superemos as crecentes desigualdades e discriminacións para recuperar a dignidade e a xustiza.

        Por iso resulta necesario dotar de novos significados ós fins e ás practicas da educación buscando paradigmas alternativos que restitúan o seu carácter de dereito e de proxecto ético. Así, resulta imprescindible rescatar a idea da educación como dereito humano, tal e como figura no Artigo 26 da Declaración Universal, no seu apartado 1:

Toda persoa ten dereito á educación. A educación debe de ser de balde, polo menos no que se refire á instrución elemental e fundamental. O ensino elemental será obrigatorio. A instrución técnica e profesional terá que ser xeneralizada; o acceso ós estudios superiores será igual para todos, en función dos méritos respectivos”.

E no seu apartado 2:

A educación terá como obxectivo o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respeto ós dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e todos os grupos étnicos e relixiosos; e promoverá o desenvolvemento das actividades das Nacións Unidas para manter a paz”.

E no 3:

Os pais terán dereito preferente a escoller o xeito de educación que se lles deberá dar ós seus fillos”.

        Temos que recuperar estas ideas na súas dimensións formal, non formal e informal, abrir as miradas á democratización das sociedades para formar unha cidadanía crítica, capaz de vincularse a movementos que reclamen unha transformación positiva da orde social, sobre a base da xustiza global e ambiental, coa intención de entender e atopar solucións ós problemas a escala planetaria.

        Trátase, polo mesmo, de restablecer o sentido emancipador da educación, da súa capacidade de empoderamento persoal, para xerar coñecementos, potenciar saberes e aprendizaxes, de buscar acordos e consensos polo ben común.

        Isto significa, obviamente, un xiro político e cognitivo, un cambio paradigmático na maneira de entender a educación, unha apertura a novos puntos de vista sobre os fines sociais, como os do ben vivir, os bens comúns, a ética do coidado, entre outros, sobre os que debaterá tamén o Cumio de Río+20 e máis alá, reafirmando o sentido da educación, tal e como a entendemos, para os cambios e a transformación persoal e social.

        Estes valores son os mapas cos que moverse nos novos contextos, as cartografías coas que orientarse, as follas de contido que enchemos coa cidadanía, involucrando a actores e suxeitos diversos nos procesos educativos, traballadores e traballadoras do ensino, estudando, pais e nais de familia, coa comunidade educativa en xeral, e como condición para avanzar cara a sociedades sustentables, con xustiza social e ambiental, onde a economía sexa un medio e non un fin en si mesmo, superando os enfoques tecnicistas e eficientistas actuais.

        Unha educación pertinente, relevante, transformadora, emancipatoria, crítica, igualitaria, non sexista, que promova a dignidade humana, a xustiza social e ambiental. Unha educación como un dereito humano fundamental, promotor e base doutros dereitos, que avance cara a interculturalidade, a democracia xenuína, participativa, con afectos e sentimentos, para o coidado e a relación harmónica coa natureza, eliminando a discriminación, construíndo a cultura da paz e impulsando a resolución nonviolenta dos conflitos.

        Estes son algúns dos ideais que compartimos e cos que o Foro Mundial da Educación encara, con outros movementos sociais, o Cumio dos Pobos, Río+20.

       

17 abr 2012

A guerra non é un xogo...

   


  
   Cando o movemento pacifista reitera que gastamos unha cantidade escandalosa de recursos económicos, humanos, de investigación, etc. en armamento, ¡máis de 4.000 millóns de dólares ó día!, algúns nos miran con certa condescendencia, como perdoándonos a vida, chamándonos ilusos, utópicos ou demagogos. Con demasiada frecuencia...

     O Internacional Peace Bureau (http://www.ipb.org/espanol.html) co apoio de numerosas organizacións pacifistas de todo o planeta, entre elas algunhas do Estado Español, como o Seminario Galego de Educación para a Paz ou a Fundación per la Pau, promove a celebración do DÍA DE ACCIÓN GLOBAL CONTRA DO GASTO MILITAR ((http://demilitarize.org/), hoxe, 17 de Abril, como unha forma máis de sensibilizar á opinión pública, á cidadanía, sobre unha realidade da que, lamentablemente, se fala pouco, sobre a que existe un manto de protección -máis que evidente- en moitos medios, públicos e nos digamos privados.

   Foi Dwight David "Ike" Eisenhower, presidente norteamericano o que fixo popular a expresión "Complexo Militar Industrial" cando na toma de posesión de John F. Kennedy, díxolle: "Eres o home máis poderoso da Terra. Só existe un único poder por riba de ti, o do Complexo Militar Industrial". Efectivamente, ese poder, que non é só militar, senón que abrangue a outros poderes económicos, ten a enorme capacidade de impoñer políticas de defensa e de seguridade cun custe elevadísimo para toda a Humanidade, mesmo en plena crise económica, con grandes restricións, especialmente, nos piares do Estado do Benestar, na educación, na sanidade, na dependencia, nas pensións, nos subsidios por desemprego..., en todo o mundo occidental, o gasto militar global, e nos países do noso entorno, sigue subindo, non coa mesma intensidade, é verdade, como afirma o SIPRI de Estocolmo (http://www.sipri.org/), pero ascendendo. A liña de tendencia xeral resulta invariable nos últimos 13 anos aínda que a súa inclinación baixe algún grao.

   Os Presupostos Xerais do Estado para 2012 van na mesma dirección en materia de defensa. Si a media oficial de redución nos distintos ministerios acada o 17%, o Mº de Defensa, aparentemente, baixa só o 8%. E dicimos aparentemente porque, como ten amosado sobradamente o Centre Delás (http://www.centredelas.org/) moitas partidas que finalmente van a defensa están ocultas ou disfrazadas noutros ministerios e organismos adxuntos. Fálase así de que aínda que a cantidade explicitada nos Presupostos é de algo máis de 6.000 millóns de euros, a realidade total supera os 18.000 millóns de euros, dos cales, 12.000 millóns están ocultos. É dicir, que de cada tres euros de gasto militar español, dous, son opacos, inaccesibles para a cidadanía e a sociedade.

   Por outra parte, España arrastra unha débeda recoñecida polo Ministerio de Defensa de 37.000 millóns de euros, unha cantidade que duplica a débeda total sanitaria, e que foi contraída, esencialmente, hai xa máis dunha década, polo goberno presidido por José María Aznar, aquel señor que ía a sacar a España do recuncho da Historia e que nos meteu, cos seus aires de grandeza, en todas as aventuras armamentísticas que Europa e os EE.UU deseñaron. Avión de combate europeo, tanques Leopard, fragatas e demais xoguetes de guerra que acaban matando de verdade, porque como todo o mundo sabe, menos Aznar e os Borbóns, as armas as carga o demo...

   Para reclamar e asegurar o pago puntual desa enorme débeda armamentística española, foi nomeado ministro de defensa o Sr. D. Pedro Morenés y Alvarez de Eulate, ata onte, como quen di, presidente do Consello de Administración de Construcións Navais do Norte e Director Xeral para España da empresa paneuropea de mísis MBDA.

     E todo isto acontece mentres que partidas tan fundamentais para construír un mundo máis xusto e máis pacífico, máis solidario e máis humano, como son as partidas destinadas a cooperación ó desenvolvemento, por exemplo, recórtanse por riba do 50%. Estas son as prioridades. Así de clariño.

     Ben, pois para sensibilizar e reflexionar sobre estas axendas ocultas, que diría Loach, moitas organizacións internacionais de paz, organizan e promoven a celebración do DÍA INTERNACIONAL SOBRE O GASTO MILITAR cada 17 de Abril, e tamén para demandar ó goberno e ás forzas políticas sobre que si temos que recortar hai partidas, numerosas partidas, por onde empezar, antes de facelo na educación, na sanidade, nas prestacións sociais, por exemplo, no gasto militar, porque a guerra non é un xogo...
 

   

 


10 abr 2012

Poñer pé en parede... para coller impulso.

   
   Son tantas as mentiras, o cinismo é tal, a hipocresía vese tan obvia, teatro, puro teatro, parecera como si asistíramos a unha representación con protagonistas mediocres, nótase. Se trata de facer o contrario do que se promete, con eufemismos, revirando as palabras, reformas, axustes, recortes, aforro, austeridade, sen poñerse colorado, sen mover un músculo, o dixemos moitas veces, isto non era unha crise, é un saqueo en toda regra, un roubo á xente do común, a mans cheas, nos seus salarios, no seu traballo, nos seus aforros, nos servizos básicos esenciais, na saúde, na educación, nas pensións, na atención ós maiores, na dependencia... e todo para que, para darllo ós bancos, ó capital financieiro, ós chamados mercados, os acredores, a banca alamana, inglesa, consorcios multinacionais... precisamente os que nos levaron a esta situación.

   Nunca un goberno perdeu tanto crédito en tan pouco tempo. Moitos creron aquela fantasía de que cambiando a Zapatero por Rajoy chegaría a confianza e as nubes se disiparían, como por encantamento. Bastaron 100 días para comprobar, tamén nisto, que todo o que pode empeorar, empeora, como diría o Murphy.

   Demoler o Estado de Benestar, xibarizalo, deixalo baixo mínimos, e presentalo todo como que non existe outra alternativa para reducir o déficit.  Esa é a misión da dereita. Calquera outra prioridade está fora do sentido común, é irracional, son tolemias de individuos marxinais. Sen embargo, as prioridades para uns e para outros non son as mesmas. Agora resulta evidente. Non, non son as mesmas. Porque non é o mesmo recortar en sanidade ou en educación, en dependencia ou desemprego que impoñer impostos especiais ás grandes fortunas, suprimir as deputacións, rematar coa farsa do Senado, esixir o autofinanciamento da Igrexa Católica, renunciar ós avións de combate, ás fragatas, os destrutores, e ós tanques leopardo, ou reducir os presupostos da Casa Real. Claro, son opcións. Unhas benefician ó conxunto da sociedade, ó ben común, e outras, enriquecen ós de sempre.

   Pero non só van polo camiño de demoler todo o que custou tanto esforzo construír senón que o fan restrinxindo dereitos e liberdades, con ese sabor rancio e retrogrado que rezouma a dereita española, con tufo a incenso e mantilla, con esa dobre moral tan característica dos señoritos, impoñendo ós demais aquilo que eles vulneran a cotío, con nocturnidade, con palabrería casposa, apoio á familia, maternidade, mujer, mujer, atacando, insultando, menosprezando os dereitos individuais, anunciando leis  especiais para restrinxir a liberdade de expresión, manifestación, folga... equiparando a protesta e a desobediencia civil co terrorismo, detendo preventivamente a mozos sen antecedentes por máis de 8 días, facendo acopio de balas de goma, por si acaso...

   Vivimos tempos sombríos, para poñer pé en parede e aguantar, para resistir, unidos, recoñecéndonos mutuamente, acumulando forzas, e coller impulso, para botalos, canto antes, democrática e pacificamente, pero botalos, porque queren roubarnos todo, sen escrúpulos.

   Si, é tempo de poñer pé en parede, para coller impulso...

30 mar 2012

Logo da Folga Xeral...

   


    A Folga Xeral en Galicia foi un éxito que ninguén pode ocultar por máis que se empeñe. As manifestacións convocadas recuperaron o nivel mobilizador que vivimos con ocasión do desastre do Prestige e do Nunca Máis ou as que promoveu a Coordinadora Galega pola Paz contra da Guerra de Iraq. Non hai dúbida algunha. Os medios de comunicación, nesta ocasión, recoñeceron a evidencia.

   Cabería preguntarse por que Galicia tivo unha resposta tan maioritaria, desde logo, das máis relevantes no conxunto do Estado. Proporcionalmente, en función da súa poboación, Vigo, Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense ou Lugo deron dos índices de participación máis elevados.

   Aconteceu mesmo con convocatorias separadas, en horarios e percorridos distintos. CC.OO e UGT, por unha banda, e a CIG pola outra. Fomos moitas as persoas que quixemos estar nas dúas, mesmo houbo quen o fixo. E non se entenden moi ben as razóns para a división, singularmente, neste caso. Dinme que a votación na CIG foi de 14 a 11. Non podería aseguralo, mais si fose así, non é unha boa decisión. Máxime cando os piquetes informativos de madrugada eran, en moitos casos, conxuntos. Os resultados serían aínda moito máis visibles si a convocatoria fose unitaria, ou que confluían nun mesmo final, ou nun mesmo percorrido e horario, con marchas diferenciadas, calquera solución sería mellor que a división. Esta era unha reflexión recorrente nas propias manifestacións, antes e despois das mesmas.

   Agárdannos tempos difíciles. Empeza un ciclo mobilizador novo, probablemente longo. Asegurar a máxima unidade, acumular todas as forzas, tería que ser un obxectivo a perseguir si queremos tombar a Reforma Laboral e todas as outras medidas que pretenden desmantelar o Estado de Benestar e as conquistas laborais, sociais e democráticas de tantos anos, de tanto esforzo.

   En Galicia, como na maioría do Estado, os incidentes foron anecdóticos. A participación nas manifestacións -completamente libre- desbordou as previsións mesmo dos propios convocantes. O ambiente que se respiraba era de satisfacción, de alivio, de ilusión e de esperanza, entre adultos e mocidade, con moitas iniciativas festivas e divertidas. Unha auténtica festa democrática.

   Pero farían mal os que teñen que interpretar o acontecido, os que están obrigados a ler politicamente a mensaxe, si desmereceran ou infravaloraran a xornada do 29M, si interpretaran que pasado o día, pasou a romaría, mesmo que os sucesos violentos de Barcelona non son extrapolables a outros lugares. Por desgraza, si as formas pacíficas e democráticas de expresar o descontento son minusvaloradas ou ninguneadas, si a confianza nas institucións políticas vai desaparecendo, si a desafección continúa, si os insultos e a deslexitimación do movemento sindical e da cidadanía medran, as posibilidades de que a violencia aflore aumentan considerablemente.

   O 1º de Maio está moi cerca. O ciclo mobilizador e a conflitividade social terá, nesa data de profunda raigame internacionalista, outro momento crucial,  quizais a escala europea, mesmo poderían anunciarse novas convocatorias. Por todo isto, si Rajoy non quere rematar, en meses, con todo o seu crédito e lexitimidade política, e si Feijóo quere conservar algunha oportunidade de repetir na Xunta de Galicia, terían que abrir vías de diálogo e de entendemento. Quizais non queiran, porque están profundamente comprometidos cos mercados e cos mercaderes, coas medidas deseñadas polo Banco Central Europeo, polo Banco Mundial e o FMI, con agradar precisamente ós que nos levaron a esta situación a costa da maioría da poboación. Si é así, a conflitividade social continuará e os fenómenos violentos, meras anécdotas onte, poderían aumentar.

   A prevención da violencia non é simplemente unha cuestión educativa, nin sequera de orde pública, nin pasa por encher as rúas e a vida de policías e antidisturbios, ou de illar e deslexitimar ós violentos. Pasa tamén por baldeirar de "argumentos" e de "razóns", meras xustificacións para quen perdeu xa toda esperanza, para quen se sitúa nas marxes do sistema e só o alimentan odio e resentimento.

   

20 mar 2012

Mañá sempre é demasiado tarde...




        Nos últimos meses, os tambores de guerra, en Oriente Medio, non paran de soar. A verdade é que naquela rexión (parece unha maldición bíblica), a violencia, a morte e a tortura, forman parte da paisaxe. Acostumarse é o primeiro paso para desentenderse.

        Palestina, eternamente violentada, singularmente a franxa de Gaza, soporta -con cruel intensidade- os ataques da aviación israelí, os asasinatos selectivos, a destrución de vivendas, o bloqueo, o acoso, a humillación constante, a morte ¡que espanto! de nenos e anciáns inocentes, cada día...

        Siria, que soñou liberarse dun réxime ditatorial, sofre as consecuencias dunha guerra civil non declarada e sinte, en carne propia, como as potencias internacionais xogan, no seu territorio, unha partida de dominación e terror, a lume e sangue, aínda que os mortos, o sufrimento e os fuxidos, os poñen os sirios. Dunha parte, Occidente e algúns países árabes, a CIA, os servizos secretos alimentan, con milicianos e armas, ós rebeldes violentos das cidades. Pola outra, o exército regular de Bashar al Assad, e os seus paramilitares, co apoio de Irán (e o veto de Rusia e China no Consello de Seguridade), bombardean sen piedade a todo o que se move no país.

        Logo dun ano de constante violencia, os mortos superan os 9.000. As Nacións Unidas non son quen de garantir a mediación de Koffi Annan, nin sequera de abrir corredores humanitarios ou unha limitada tregua. Niso están. Mentres, Europa está desaparecida. Amnistía Internacional e Human Rights Watch denuncian espantosas torturas, violacións masivas e crimes contra da Humanidade.

        Irán, a punto de converterse nunha teocracia nuclear, desperta en Israel, única potencia atómica na rexión, desexos irrefreables de intervención militar, con ou sen o apoio dos EE.UU. Obama resiste as presións do seu propio lobby xudeu. Netanyahu impaciéntase. Todo parece indicar que a decisión está tomada. Bastaría escoller o día e a hora máis conveniente.

        Por último, Afganistán e Iraq, lonxe de acadar a paz e a estabilidade prometidas polas forzas intervencionistas occidentais, logo de décadas de inxerencia militar, sofren a violencia sectaria, os atentados, e o descontrol máis absoluto. A retirada dos exércitos de ocupación, cunha sensación de fracaso evidente, deixa aberta a porta a profundas convulsións internas.
        
     Esta situación, así brevemente descrita, pode converterse nunha auténtica bomba incendiaria para a paz e a seguridade non só na rexión senón para todo o Mediterráneo. E o previsible ataque a Irán, ademais de fortalecer internamente ó réxime teocrático, abrirá un novo conflito bélico de imprevisibles consecuencias.

        As Nacións Unidas vense cada día máis necesitadas dunha profunda reforma para facer realidade o fin para o que se crearon, “evitar ós nosos fillos o horror da guerra”,  para ser quen de despregar todo o seu potencial diplomático, económico, político e de intermediación militar, para deter tanto derramamento de sangue inocente e para frear as tentacións belicistas do goberno israelí, así como para facer cumprir o dereito internacional e as súas propias resolucións. Corresponde á comunidade internacional e de maneira moi especial á Unión Europea, recuperar o protagonismo e actuar diplomática e politicamente, impoñendo as sancións que fosen necesarias, para asegurar a paz e a estabilidade na rexión.

        A cidadanía global, a sociedade civil organizada, os homes e mulleres de ben, en todo o mundo, temos que interpelar con firmeza ós nosos respectivos gobernos, aínda que sexa por egoísmo lúcido, para que aseguren o cumprimento das normas internacionais, para que deteñan as ameazas á paz, reclamando a resolución pacífica dos conflitos, o diálogo e o entendemento, a negociación política, a primacía da palabra e da diplomacia fronte da violencia e o terror.

        Parafraseando a Federico Mayor Zaragoza, mañá sempre, sempre, é demasiado tarde.



15 mar 2012

Contestando ó Sr. Alcalde de Padrón en relación con Herbón.









 

(Publicado hoxe, día 15 de Marzo, en LA VOZ DE GALICIA, nas páxinas de Santiago e Comarcas)

Manuel Dios solicita la mediación de Patrimonio en la polémica de Herbón

Él firmó la petición para que el convento sea declarado Bien de Interés Cultural que ahora enfrenta a varias partes

   El presidente del Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios Diz, se pronunció ayer sobre la polémica surgida por la solicitud de declaración de Bien Interés Cultural para el convento de Herbón, en Padrón, petición que firmó él mismo. Ante los hechos y declaraciones que se están sucediendo en las últimas semanas, Manuel Dios solicita la «mediación» de la Dirección Xeral de Patrimonio de la Xunta de Galicia, organismo encargado de resolver la solicitud.

   Así, Dios quiere que Patrimonio «explique as consecuencias reais da declaración BIC para o convento de Herbón» y también que clarifique «dunha vez que a zona de especial protección, fóra do recinto amurallado, responde a unha proposta da propia Dirección Xeral de Patrimonio e non das entidades solicitantes».

   El presidente del seminario también critica al alcalde de Padrón, Antonio Fernández, por sus declaraciones contra el prior del convento de modo que, según Manuel Dios, «o que pretende é confrontar ao frade coa Orde Franciscana, contra min persoalmente, contra a Asociación Sementar e contra a oposición municipal no seu conxunto».

   Manuel Dios le recuerda al alcalde que él actuó «en todo momento con total e absoluta transparencia, publicamente e de boa fe, informando da solicitude de declaración ao Concello de Padrón, ao alcalde e a concelleira de Cultura dende o primeiro momento e en varias ocasións».

Entorpecer

   Por el contrario, añade Manuel Dios, el «alcalde estase comportando como un auténtico irresponsable, alimentando a confrontación cidadá, difundindo falsedades, maniobrando en moi diversos ámbitos para frear, distorsionar ou entorpecer a declaración BIC para Herbón, dando así cobertura a intereses particulares en relación co BIC e á zona de especial protección (fóra do recinto amurallado) imposta por Patrimonio a marxe da nosa solicitude».

   Finalmente, el presidente del seminario hace un llamamiento «á tranquilidade, á cordura e a non seguir utilizando este asunto como un arma de confrontación cidadá e política».

Conflicto por la zona de protección

   Manuel Dios firmó en julio de 2011 la solicitud de declaración de Bien de Interés Cultural para el convento de Herbón, en nombre de varias entidades. La polémica entre los vecinos surge, por una parte, a raíz de que se hiciera público que, en principio, la Asociación Sementar, de ámbito local y con sede en el monasterio, figuraba en esa solicitud pero, al parecer, por error ya que la propia entidad y Manuel Dios la desvincularon una y otra vez de la petición. El enfrentamiento vecinal deriva, además, del temor a las consecuencias que podría traer la afectación BIC fuera de la muralla del convento y si repercutirá de forma negativa en la actividad agraria del cultivo del pimiento. No obstante, a día de hoy no hubo una explicación detallada de cuáles son esas consecuencias.

Un pequeno engadido...

   Tan só para dicir que a solicitude de BIC para Herbón tiña por obxeto acceder ó 1% Cultural do Mº de Fomento co que rehabilitar 1070 metros cadrados do edificio, no marco dun Convento do s. XIV, cedidos ó Seminario Galego de Educación para a Paz pola Orde Franciscana para poñer en marcha un Centro Internacional pola Paz (Lar da Paz) con Biblioteca, Videoteca, Sala de Exposicións Permanente, Salón de Actos, aulas e demais, condición indispensable posta por Fomento para financiar a obra sobre un proxecto arquitectónico de Pedro de Llano, e que a Dirección Xeral de Patrimonio apoiou desde o primeiro momento.

   A inquietude veciñal xurdíu a partir dunha Asemblea  convocada polo Alcalde, o 23 de Xaneiro, no Salón de Plenos, á que non convocou nin ás entidades solicitantes nin tampouco ó Prior de Herbón !!! e na que verteu informacións alarmistas e anunciou a presentación de alegacións municipais (que pasou a asinar polos veciños) sobre a base de que o proxecto de BIC solicitado traería moitos problemas para os propietarios de terras e vivendas arredor do convento, dando pé, así, a un clima de enfrontamentos veciñais con ameazas directas de veciños, chamadas telefónicas intimidatorias e mesmo ó envelenamento dos cans do convento, nun clima de crispación social creado de maneira artificial.

   Tentamos resolver este conflito por medio do diálogo, entrevistámonos en varias ocasións co Alcalde, pensamos que a racionalidade prevalecería, pedimos a mediación de Patrimonio...,sen embargo, segue e segue, na prensa, cos veciños, na Xunta, dunha maneira obsesiva que fai pensar que non ten maiores preocupacións no seu concello, atacando publicamente a persoas que actuaron, en todo momento de boa fe. Nin con esas.

   No fondo, trátase de protexer intereses particulares, privados, de persoas concretas, con propiedades arredor do Mosteiro (nunha zona de afectación engadida por Patrimonio) e as súas perspectivas futuras, e ser particularmente belixerante en contra da Asociación Sementar, de cultivo ecolóxico do pemento, con denominación de orixe, e que ten a súa sede no Convento Franciscano.

   E, ademais, de facer fracasar calquera alternativa de posta en valor do Convento de Santo Antonio de Herbón, como o presentado ó Mº de Fomento e a Patrimonio da Xunta de Galicia, e que agrupa a entidades sociais moi diversas e complementarias cun proxecto común naquel magnífico lugar, que debería encher de alegría e satisfacción a Padrón, a Herbón e a Galicia enteira.

   Alguén debería introducir cordura e racionalidade neste asunto. E Patrimonio ten moito que dicir...










5 mar 2012

...Libia, Siria, Irán... ¡Malditas guerras!






   Nadie acude.
Nadie oye
el grito, el llanto.
Todo sucede inadvertido....

Federico Mayor Zaragoza
En pié de Paz

   
   O que está acontecendo en Siria, diante da total pasividade internacional, fainos aborrecer da condición humana. A crueldade, o horror, parecen non ter límites. A imposibilidade de auxilio, a negativa para que a Cruz Vermella entre nas cidades bombardeadas, o deber de socorro, responsabilidade do réxime, engaden aínda máis sufrimento -se cabe- a unha poboación que fuxe despavorida. 

   E todo isto está pasando diante do estrondoso silencio -cómplice- da comunidade internacional, singularmente, de Europa, a pesares de que o Mediterráneo e Oriente Medio son zonas definidas como prioritarias na política de seguridade da Unión, en particular, para España. 

   O Consello de Seguridade das Nacións Unidas, incapaz de atopar vías de entendemento, móstrase completamente inútil para cumprir cos seus obxectivos  "evitar ós nosos fillos o horror da guerra". As dúas únicas opcións son intervir militarmente, seguindo o exemplo de Libia, posición que non comparten Rusia e China ou "que se maten". A reforma en profundidade das Nacións Unidas faise cada día máis urxente.

   Como é posible que a comunidade internacional non teña máis opcións que intervir militarmente, ocupar o país, armar á oposición ou propiciar unha guerra civil?. O dereito de protección debera ser posible con forzas de interposición, e coa máxima presión política, diplomática e económica. A UE e os Estados Árabes deberían liderar esa iniciativa, polo noso propio ben.

   Sen embargo, a Unión Europea pesa cada vez menos no contexto mundial, agobiada pola crise. O mundo árabe está profundamente dividido. Os suníes ven con bos ollos que a Siria chií se desangre. Mesmo que contaxie a Líbano, á franxa de Gaza, e por último a Irán, nunha fuxida cara adiante que pode converter a rexión enteira nun polvorín.

   E Israel espera o seu momento, agazapado, para asestar un golpe, de carácter preventivo, contra Irán e ás súas aspiracións nucleares. Volve a guerra preventiva. En realidade nunca deixou de estar de moda. O que da primeiro, da dúas veces.

   Ninguén quere a Irán no club atómico. Pero tampouco queremos a Israel, un auténtico perigo para a paz mundial. A alternativa sería unha zona completamente libre de armamento nuclear. Mais iso non parece moi posible na actual correlación de forzas internacionais e cunhas Nacións Unidas sometidas.

   Desta maneira, cada día que pasa, un ataque contra das instalacións nucleares iranianas, por parte do goberno de Netanyahu, co apoio directo ou indirecto dos EE.UU., faise máis evidente. As dúbidas parecen situarse, exclusivamente, no cando e no como, desde o punto de vista político e militar. 

   Obama confía aínda nas posibilidades da presión diplomática. O lobby xudeu impaciéntase. Os republicanos, en campaña, o acusan de pacifista e inxenuo. Con todo, non descarta apoiar a intervención. Os riscos son moitos.

   Un ataque israelí a Irán podería atrasar os seus proxectos nucleares.  Sen dúbida. Sen embargo, tería moitas probabilidades de fortalecer ó réxime teocrático, debilitando á oposición. 

   En calquera caso, incendiaría aínda máis a rexión e ameazaría con ampliar o conflito.

   Compre, xa que logo, propiciar formas diversas de presión sobre os gobernos, mobilizar á sociedade civil, romper o silencio. Non podemos permitirnos calar por máis tempo. Debemos esixir que remate esta matanza, frear as tentacións belicistas irresponsables.


    E mentres, o dereito internacional pisoteado.

   Como sempre dicimos, as guerras sabemos como empezan pero nunca, nunca, como rematan...

    ¡Malditas guerras!

26 feb 2012

Un Espazo Ecogaleguista para toda a sociedade...



SAÚDO E BENVIDA NO ACTO DE ESPAZO ECOGALEGUISTA
25.02.12


       Síntome especialmente honrado e agradecido por escollerme para saudar e dar a benvida a todas as persoas de ben que estades hoxe aquí para botar a andar o ESPAZO ECOGALEGUISTA.

       O fago con cariño, con ilusión, e cos mellores desexos de ánimo e de éxito nesta difícil andaina que comeza, como toda grande camiñada, cun primeiro paso.

       Non é fácil significarse nestes tempos escuros pero, sen dúbida, resulta non só necesario senón imprescindible. Estamos fartos de silencios. Por iso, os máis sinceros parabéns ás persoas que deches o paso, sempre delicado, de aparecer publicamente como promotores e promotoras desta modesta iniciativa. E a todas aquelas que quixeches acompañarnos hoxe aquí, en Compostela. Moitas grazas.

       A verdade é que non sei moi ben por que pensaches en min para facer esta primeira intervención introductoria, de benvida e de saúdo.

       Quizais pola miña traxectoria política, aínda que non é moi distinta á de tantas persoas da miña xeración. Poden variar os momentos e mesmo as siglas, pero chegamos á política por imperativo cívico, na loita antifranquista, pola democracia e as liberdades, sobre todo. E iso, por moito tempo, era e foi a esquerda transformadora, política e social. Sentímonos certamente orgullosos daquela herdanza aínda que non tanto dos resultados, sendo moi importantes, arrastran eivas.

No meu caso, primeiro no movemento estudantil, en Larga Marcha, por certo, nunha ocasión vin unha pintada que poñía, en Ramírez, “Vuelve Larga Marcha” e doume un palpito. Logo sorrín tranquilo. Eu non a pintara...

    Logo en Información Obreira, en Vigo, para ter, posteriormente, un papel moi activo no Partido do Traballo, na UPG (un ano), e en Esquerda Galega, a miña última militancia política.

       Quizais pensaches en min polo meu pasado sindical, como dicía, no movemento estudantil, nos Comités de Curso, primeiro, e logo no nacemento do sindicalismo nacionalista galego, ¡tan difícil, tan custoso!, ¡tan ilusionante!. De maneira moi destacada, como sabedes moitos, na CXTG e na CIG, tanto no ensino como a nivel confederal, ata mediados dos anos ’90, en que definitivamente o deixei, en verdade, moi canso, esgotado, diría.

       Ou quizais algúns valoredes o meu traballo no movemento pacifista, coa fundación e desenvolvemento do Seminario Galego de Educación para a Paz e o seu papel na Coordinadora Galega pola Paz e noutros movementos sociais, particularmente, no Foro Social Galego ou no Foro Mundial de Educación, adscrito, como sabedes, ó Foro Social Mundial, a expresión máis recoñecible do “Outro mundo posible” que soñamos.

       A verdade é que non o sei moi ben por que teño eu que abrir este acto. Quizais por todo a un tempo.

       Ou simplemente porque non había outro, pola idade, porque un xa perdeu o pelo nisto, ou... ¡que sei eu!, por ser picheleiro de pura cepa, de aquí ó lado, da Rúa da Troia.

       En calquera caso, permitídeme que volo agradeza e que en nome da Comisión Promotora do Espazo Ecogaleguista, traslade a todas e todos este mesmo agradecemento e os mellores desexos de que teñamos unha boa xornada, chea de lucidez, de rigor, de esperanza, para sentar as bases dun proxecto que permita, e nos permita a moitos e a moitas, recuperar a ilusión e a paixón pola POLÍTICA con maiúsculas.

       Compartimos un profundo amor por Galicia, pola súa xente, pola nosa lingua e cultura, por iso, reivindicámonos galeguistas e do galeguismo, conectamos firmemente con aquel pensamento e tradición política, fortemente transformador e anovador na súa época, e defendemos un galeguismo para o século XXI, por iso autoproclamámonos neogaleguistas.

       E temos o corazón na esquerda, non o acochamos, ese é o noso centro de gravidade, son sentimos vergoña en proclamalo, desa tradición vimos e nela queremos estar. Iso si, con vocación maioritaria, non testemuñal, galega e internacional, coas raíces nesta terra e neste tempo, coas ponlas, as follas e os froitos, abertos ó mundo enteiro. Na esquerda actuante, transformadora, crítica, asentada nos movementos sociais, en máxico equilibrio con eles, acción social, e acción institucional, integrada nos novos e nos novísimos movementos sociais, no feminismo, no ecoloxismo, no pacifismo, e no 15 M, na demanda dunha democracia xenuína, onde a xente conte, non só sexa contada, cada catro anos, actuando, intervindo, sen paternalismos, sen instrumentalizacións, radicalmente, na profundación democrática.

       Desde a Cultura da Paz e a NonViolencia, na defensa dos dereitos civís e democráticos, do republicanismo e a laicidade. Porque a Cultura da Paz non é só educar para a paz, os dereitos humanos e a democracia, o que en si mesmo é un auténtico programa político, senón tamén a superación da exclusión e a pobreza, o diálogo intercultural, a prevención da paz e a resolución pacífica dos conflitos, a construción dunha auténtica convivencia democrática.

       Non queremos ser un partido tradicional, non nos valen as ferramentas clásicas. Compartimos tamén un profundo desencanto co existente mais pretendemos sumar, para multiplicar, e non restar. Queremos facer políticas transversais, non tanxenciais á nosa sociedade, sen fundamentalismos, axudar, facilitar, favorecer, acordos amplos e consensos, alternativas plurais, abertas, anovadoras, xuntar para ser efectivos, para recuperar a esperanza e a ilusión de tantos desafectos. Con todos, contra ninguén. O noso adversario político, o noso único adversario político é a dereita e os seus modelos autoritarios e retrógrados, regresivos no económico e nos dereitos sociais, profundamente antigalegos. Á dereita política é a quen temos que vencer politicamente, convencendo ó electorado, á maioría da sociedade galega, por iso non chega cun decálogo magnífico de obxectivos políticos. Temos que ser quen de encher cada punto do decálogo con medidas políticas concretas que conecten co sentir maioritario da nosa poboación. Ese é o noso maior desafío.

       O Espazo Ecogaleguista ten vocación unificadora, para iso nacemos, como parte integrante da Iniciativa Ben Común, con quen compartimos obxectivos de renovación, con eles, e con outras formacións  e persoas, compartimos  actividade social, e con todos queremos confluír.

A este proxecto vimos adicando esforzos nos últimos tempos, con esa finalidade estivemos a facer presentacións nas comarcas, para iso nace Espazo Ecogaleguista, para tender pontes, para desfacer muros e valados, desde a esquerda, desde o galeguismo, cos movementos sociais, para toda a sociedade.

Quixerea rematar cunha historia, desas que contamos de cando en vez. Nunha reunión con persoas moi doctas, catedráticos a maioría, hai tempo, tentabamos explicar a importancia da colaboración, da interdisciplinariedade, das equipas, do traballo cooperativo. De repende unha voz poderosa dixo “Nunca se víu a un aguia real voar en bandada”... anímovos a soñar co poder das aguias reais se voasen en bandada.

       Benvidos, benvidas, e bo traballo.