Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

18 nov. 2012

A propósito de Mónica Patricia, in memoriam



   As relacións entre iguais son moi complexas, na vida, e nos centros escolares. As cousas, por moito que nos empeñemos, non son brancas ou negras. E os institutos son, o repetimos moitas veces, microsociedades que reproducen, para ben ou para mal, a formación social da época na que están inmersos.
   Os conflitos existen, existiron e seguirán a existir, dentro e fora das aulas, porque somos seres libres, porque temos intereses, aspiracións, desexos..., distintos. Do que se trata é de aprender a resolvelos conflitos de maneira pacífica, de prevelos, de desaprender as violencias, na casa e na escola, de intervir sobre eles, antes, moito antes, de que dexeneren e rematen en consecuencias irreparables, como foi o caso de Jokin en Hondarribia en 2005 ou agora o de Mónica Patricia en Ciudad Real.
   Conflitividade e convivencia escolar, son un binomio co que lidiamos, cada día, con mellor ou peor acerto, e con escasos recursos e apoios, con moito voluntarismo, os profesores e profesoras, nos miles de colexios e institutos que abren as súas portas diariamente, con horarios sobrecargados, macrocentros, ratios elevadas, e formación específica deficiente.
   Existen múltiples actores á hora de abordar -con garantías de éxito- a conflitividade escolar, sobre todo a súa prevención e mellora. Os primeiros, antes que ninguén, son os pais e as nais, a educación afectivo emocional nas familias, como mellor antídoto contra das violencias. Logo está a escola, o colexio, o instituto, a comunidade educativa enteira, para reforzar ou corrixir actitudes, comportamentos e valores. Para intervir, educando.
   Mais tamén teñen moita responsabilidade as autoridades educativas coas políticas que promoven ou coas súas inhibicións. Non chega con lamentarse, con abrir investigacións, conceder o título de autoridade ou obrigar a crear aulas de convivencia segregadoras, por exemplo, pensando que a convivencia escolar se aborda, sobre todo, con protocolos e regulamentos disciplinarios e de seguridade, esquecéndose -deliberadamente- dos Plans Integrais de Mellora da Convivencia Escolar, como acontece en Galicia, da súa aplicación e desenvolvemento, ou do Observatorio Galego da Convivencia Escolar, que non se reuníu en toda a lexislatura pasada, e do que non coñecemos iniciativa algunha, en case que catro anos. Ou desmantelando por completo a estructura de formación do profesorado, ou eliminando a materia de Educación para a Ciudadanía e os Dereitos Humanos.
   E os medios de comunicación, na forma de achegarse a esta realidade complexa, no tratamento que escollen, mais tamén nos valores e modelos que transmiten, nos titulares que publican, na imaxe que dan dos centros educativos, da comunidade educativa e do profesorado. Non pode ser que unha pelexa á porta dun instituto acapare primeiras pàxinas mentres que a actividade diaria dos equipos de mediación e tratamento de conflitos, dos servizos de orientación, que existen e funcionan razoablemente ben en tantos, pola xeografía adiante, non sintan o alento da sociedade e dos seus medios.
   Con frecuencia, alarmados por acontecementos dramáticos, como o suicidio de Jokin ou o de Mónica Patricia, en Ciudad Real, moi recentemente, escoitamos ou lemos con tristeza interpretacións que buscan atopar as responsabilidades na propia víctima ou na súa familia. Tamén as hai que tratan de culpabilizar ó instituto, ó profesorado, pola súa incapacidade para detectar a tempo unha situación de maltrato entre iguais que, por suposto, despois do tráxico desenlace, parecía evidente para tantas persoas...
   Con moita facilidade (e menor coñecemento) observamos en colegas, medios, etc, identificar estes acontecementos cun palabro en inglés, o chamado “bullying” ou mellor, acoso escolar. Titulares e crónicas, en moitas ocasións máis próximos ó sensacionalismo que ó rigor, o veñen usando, ás veces con demasiada alegría, para trasladar á opinión pública que o problema está dentro dos muros da escola e dos institutos. Da a impresión, como teño referido noutros artigos, de que os centros educativos fosen “territorio comanche”. Nada máis lonxe da realidade. Ou de que o profesorado arrastra, sobre todo nos últimos anos, os democráticos quizáis?, un déficit de autoridade que necesita recuperar para que estes fenómenos desaparezan. Pois tampouco.
   Sen dúbida, a morte de Jokin significou un antes e un despois. Puxo na axenda educativa xeral un problema que, ata aquel momento, formaba parte do pensamento e da actuación de persoas, grupos ou entidades minoritarias que viñan traballando, dentro e fora dos centros, na mellora integral da convivencia escolar, tratando, ademais, de sacar da súa tradicional opacidade, fenómenos que todas e todos coñecemos, pola nosa propia experiencia escolar, como son, o matonismo, o racismo, a discriminación, o maltrato, as violencias. Quen non viu escenas de insulto, abuso, agresión... ó longo da súa propia vida académica?. Polo tanto, non estamos a falar dun fenómeno novo, nen sequera recente, aínda que os novos formatos, nos últimos anos, certamente, complementan e multiplican as vellas fórmulas con situacións, por exemplo, de ciberacoso, a través das pantallas e a difusión masiva por medio dos móbiles e da internet.
   O caso de Mónica Patricia, en Ciudad Real, ten toda a complexidade que o maltrato entre iguais reviste. Ademáis, o racismo e o clasismo, probablemente, ilustren o resultado das investigacións en curso, nos seus diferentes ámbitos, educativo, policial e xudicial. En calquera caso, algunhas cuestións parecen obvias. Non se detectou a tempo, as alertas de prevención, si existían, non funcionaron, a nena non recibíu a protección imprescindible (a opción de cambiala de clase e de centro non é, non debe ser, para a víctima do maltrato senón para os maltratadores, de existir e comprobarse), por citar algúns exemplos.
   Á espera do resultado final das averiguacións, quixera aproveitar para reiterar que, existindo casos como o que nos ocupa, mínimos por sorte, na cantidade inmensa de alumnado que vive e convive nos colexios e nos institutos, diariamente, a convivencia escolar, a pouco que se faga por promovela, mellora significativamente, ó igual que os resultados académicos, diminuíndo, ó tempo, o fracaso escolar. Por iso, invertir en prevención, en plans de mellora da convivencia, na formación específica do profesorado en servizo, en mediación, creando equipas de tratamento de conflitos, en todos e en cada un dos centros escolares, favorece non só a convivencia senón tamén o éxito escolar.
   Lamentablemente as autoridades educativas competentes non están por esta labor. Un dos sectores máis agredidos polas políticas de restricción do chamado “gasto” público é precisamente a educación pública e, dentro dela, as partidas destinadas á formación do profesorado, á atención personalizada e á diversidade, a orientación, o reforzo, ou a convivencia escolar. Son os propios centros, co seu esforzo, os que suplen a desidia e o desinterese da administración educativa.
   As magníficas experiencias de aulas de convivencia non segregadoras que existen en Galicia, as equipas de mediación e tratamento de conflitos que veñen funcionando sen apoios institucionais, os encontros de alumnos e alumnas mediadoras, como o que se celebra anualmente no IES Fin do Camiño de Fisterra, son exemplos de iniciativas da sociedade civil, que parten do propio profesorado, e que as autoridades educativas ignoran, cando non ocultan.
   Evitar sucesos como o de Ciudad Real ou o de Hondarribia obrígannos e esíxenos a todas e a todos, a pais e a nais, profesorado, alumnado, á comunidade educativa enteira, ós medios de comunicación, pero sobre todo, ás autoridades políticas que teñen a competencia plena, que son as responsables de poñer en marcha, consolidar e desenvolver as materias, os plans e os instrumentos dos que nos dotamos para mellorar a convivencia escolar e prever as violencias. Ate erradicalas definitivamente.
   O 20 de Novembro celebramos en todo o mundo o Día Internacional dos Dereitos da Infancia, unha magnífica ocasión para reflexionar nos centros escolares, nas familias, nos medios, na administración educativa, sobre conflitividade e convivencia, e facer propósito da enmenda.

Manuel Dios Diz é mestre, profesor no IES de Cacheiras en Teo, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz e forma parte do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido prestixio.