Non vai ser difícil facelo mellor. O listón que
deixa o PP en Santiago está tan baixo que, a pouco que nos esforcemos, a
situación mellorará significativamente. No caso da área de Educación, sen
dúbida algunha. Certo que houbo tres alcaldes. Certo tamén que a maioría da
corporación actual non foi referendada pola cidadanía. Certo ademais que
vivimos o maior grao de inestabilidade política baixo a maioría absoluta dun
partido que podiamos imaxinar. Na responsabilidade específica de Educación o
número de titulares foi disparatado, nada menos que seis!!!, a demostración do
pouco interese que o PP tivo no ensino público.
O actual Departamento de
Educación, aquel que con tanto cariño creou Victor Ferreira no primeiro goberno de Xerardo Estévez, está hoxe desmantelado, cando as necesidades para
programas e servizos se incrementaron notablemente nos últimos anos. A
planificación, o diagnóstico de necesidades, a previsión, o diálogo, a
participación da comunidade educativa, a xestión ou o simple mantemento de
centros, estiveron, e están, sen dirección política coñecida, un secreto a
voces entre o profesorado e as asociacións de nais e pais.
Para Compostela Aberta, o primeiro, antes que nada, será retomar o
diálogo coa comunidade educativa, restaurar a confianza, auditar, escoitar e
avaliar, redimensionar a concellalía, atender as necesidades inmediatas dos
profesionais que nela traballan, recoñecer a súa dedicación, en tantas ocasións
menosprezada. E logo priorizar ás
persoas, poñer ós nenos e nenas no centro de atención, con políticas novas,
desde a perspectiva de que a educación
será unha prioridade estratéxica entendida, como non, como un servizo
público, gratuíto, universal, inclusivo, galego, laico e da máxima calidade,
aproveitando todos e cada un dos aproximadamente 3 millóns de euros de
orzamento anual cos que contamos.
Para nós a educación nunca
é un gasto. Trátase do mellor e máis rendíbel investimento en futuro, con
retorno económico, social, cultural e persoal. Compre lembrar aquel dito que
afirma “Si cres que a educación é cara,
pensa no cara que pode ser a ignorancia”. Hai anos que a UNESCO aprobou o
seu modelo dunha educación para todos e
ó longo de toda a vida, non circunscrita ós muros escolares e o ensino
regrado, por iso promoveremos e incentivaremos as Escolas Municipais de Nais e Pais, como espazos de carácter
formativo, preventivo e de participación.
Queremos unha cidadanía
educada, cooperativa, crítica, igualitaria, equitativa e por iso ampliaremos a Rede de Escolas Infantís Municipais, do ciclo 0-3, probablemente
o período educativo máis determinante na conformación da personalidade, na
prevención do fracaso escolar e para corrixir desigualdades. Con Santa Marta e
o Castiñeiriño teremos unha rede digna.
A educación como eixe transversal das políticas públicas municipais
de Compostela Aberta, con programas específicos en materia de inclusión,
igualdade de xénero, lingua, cultura de paz e dereitos humanos, mellora da
convivencia democrática ou de educación ambiental.
Estableceremos mecanismos e estruturas de participación
para facilitar a colaboración entre centros de primaria e de secundaria,
para contribuír á mellor integración e acollida do alumnado nos institutos de
referencia.
Queremos unha educación aberta a toda a cidadanía,
que supere os muros das escolas, un modelo participativo e de
corresponsabilidade na xestión, e por iso impulsaremos o Consello Escolar Municipal e outras formas de participación de
ámbito menor, para que a comunidade educativa se sinta representada e partícipe
da xestión.
Promoveremos a
reelaboración do Mapa Escolar Municipal,
en colaboración coa Consellería, sobre a base dunha planificación e diagnose de
necesidades compartida, e abriremos os
centros educativos fora do horario escolar, con programas formativos e
culturais, e apoiaremos a ampliación e mellora da Escola Municipal de Música, á danza, ó teatro, e a outras
actividades artísticas. Poñeremos en funcionamento inmediato o Centro de Recursos para a Lectura e o Xogo,
a Ludoteca de Fontiñas, e atenderemos, de maneira especial, ós Comedores Escolares introducindo
cambios significativos no prego de condicións en relación co comercio de
proximidade, produtos ecolóxicos, plans nutricionais ou formación específica de
monitores.
Somos un concello educador nunha cidade educadora, formamos parte da Rede
Estatal de Cidades Educadoras e da súa Asociación Internacional aínda que non o
pareza. Nese marco desenvolveremos os seus programas en materia de paz,
convivencia e dereitos humanos, de turismo patrimonial, ou nos acolleremos ós
programas da UNESCO, como é o Learning,
de comunidades de aprendizaxe, entre outros.
Queremos facer realidade, en Santiago de Compostela, o soño pedagóxico e urbanístico de
Francesco Tonucci, a súa Cidade dos Nenos, o modelo educativo que pon ós
cativos como referente, para facer unha cidade á altura da súa mirada, que é a
mirada das persoas, co programa Camiñando
á Escola nos centros de Pio XII, Lopez Ferreiro e as Fontiñas. E poñeremos
en marcha o Consello Escolar da Infancia
tal e como funciona en tantas cidades do mundo, particularmente, na rexión de
Regio Emilia en Italia.
Por último, para
Compostela Aberta, a USC e o Concello
non poden vivir de costas, teñen que atopar espazos de entendemento e de
colaboración máxima, de acordo co papel central que a Universidade ten para
nós. Apoiaremos as súas xustas reivindicacións diante da Xunta, fomentaremos a
cooperación en programas e servizos, en especial aqueles que teñen que ver con
sectores básicos da economía de Santiago. Recuperaremos
os Campus como espazos de lecer, empezando polas grandes avenidas da
Residencia, porque non nos resignamos a vela como un enorme aparcadoiro en
superficie. Colaboraremos no mantemento
de xardíns e instalacións públicas. Poñeremos en marcha un transporte
público intercampus e incentivaremos a capital de Galicia como cidade congresual. E apoiaremos a
creación do Campus da Cidadanía,
entre outros.
Coa vosa axuda, poderemos facelo...
No hay comentarios:
Publicar un comentario