Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

7 nov. 2014

AIPAZ E A CUESTIÓN CATALÁ (A Paco Muñoz, in memoriam)

   

Na segunda ringleira, empezando pola esquerda, Paco Muñoz, in memoriam...


   O titular diste post, sei que se di así, AIPAZ e a cuestión catalá, é o que a Xunta Directiva de AIPAZ, a rede de centros, institutos e persoas que investigan e educan para a paz no conxunto do Estado, decidiu para facer pública unha Declaración Institucional a moi poucos días do 9N (podedes lela enteira máis abaixo e na web de AIPAZ: www.aipaz.org).




   Debemos comentar aquí que moi pouco foi o interese que espertou nos grandes medios de comunicación, particularmente, en Galicia. A quen vai interesar o que opinen académicos, investigadores, centros e institutos que levan practicamente 30 anos traballando na análise de conflictos e na súa transformación pacífica en España, algúns deles, por certo, con gran recoñecemento internacional?. Probablemente a ninguén, moito menos, si se posiciona a favor do dereito a decidir, si critica a actitude do goberno central, si pide reformas constitucionais ou si promove o diálogo, o entendemento e a concordia. Vaia plasta!. Pouco espectáculo mediático á vista, menos tratamento informativo. E a liberdade de expresión?. Bueno, xa se sabe, depende...

   En calquera caso, o texto que finalmente fixemos público onte vén de lonxe. Está completo a continuación. Hai aproximadamente un ano, con motivo da Asemblea que AIPAZ realiza anualmente en distintos lugares de España, en Barcelona foi a última, as organizacións catalás, coincidiron en demandar da nosa rede unha definición sobre un conflito que tiñamos diante dos nosos narices, na nosa propia casa, e sobre o que, ata o momento, non nos pronunciamos colectivamente.

   E decidimos abordalo, con calma, con acougo, con prudencia, tendo en conta que era a primeira vez que AIPAZ -como tal- procuraba unificar criterios, desde a diversidade, sobre un asunto complexo, con moitas arestas, que nos interpelaba, racional e emocionalmente. Foron varias as persoas que aportaron documentos con visións diferentes, desde ámbitos e enfoques distintos do problema. Viçens Fisas, Jordi Armadans e Pere Ortega, polos centros cataláns, trasladáronnos a súa particular visión do conflito. Pola súa banda, Carmen Magallón, desde Zaragoza, Martín Rodríguez, desde Valladolid ou Paco Muñoz, desde Granada, completaron os relatos anteriores que viñan con un marcado acento catalán, como é lóxico.



   Acordamos facer unha xornada de traballo colectiva que tivo lugar finalmente o pasado 18 de Outubro, no Ateneo de Madrid (canta historia atesoura aquel espazo!) dos centros de investigación e as persoas que quixeron acompañarnos, sobre a base dos documentos citados e co ánimo de facer, si era posible, unha síntese. Non era fácil, debemos recoñecelo. As sensibilidades eran moi plurais, algunhas estaban moi a flor de pel. Tratábase de reflexionar e debater aberta e sinceramente, co corazón na man, e así o fixemos, durante todo o día, comida por medio, no medio dun ambiente moi cordial e cariñoso como é habitual, por outra parte, en AIPAZ.

   Cada autor, cada autora, dos citados, tiveron a oportunidade de defender a súa visión, cada centro a de completar ou discrepar sobre os argumentos presentados, moi respectuosamente, e ao final, como non, encargamos ao Presidente, un servidor, a papeleta de tratar de unificar, na diversidade, o reflexionado durante horas. Así o fixen, desde a miña propia sensibilidade, como galego de nación e galeguista, mais tendo moi presente a pluralidade e diversidade de AIPAZ, procurando que todas e todos nos atopásemos cómodos coa declaración institucional acordada.

   Pero non foi todo. Desde o pasado día 18 de Outubro e ata o Xoves 6 de Novembro, data na que decidimos facer pública a Declaración Institucional, aquel borrador percorreu os centros e as persoas, fixéronse matizacións, correccións finais, apuntes valiosos, para facela definitiva e co acordo -unánime- da Xunta Directiva.

   Quixera dedicarlle a Declaración a Paco Muñoz, membro da dirección de AIPAZ, do Instituto de Paz e Conflitos da Universidade de Granada, un dos seus históricos fundadores, que aportou a este debate, como a tantos outros, a súa propia visión desde a paz imperfecta e cosmopolita que nos traía, acaramelada, gustosa, desde o seu Albayzín máis querido. e fermoso. Alí deixounos para sempre o pasado día 23 de Outubro, cinco días logo de reflexionar connosco no Ateneo madrileño sobre Cataluña. Foi así, de súpeto, unha perda terrible que aínda non asimilamos e que nos ten a todas as persoas de AIPAZ abatidas.

   Vai por ti, Paco...



6 nov. 2014

AIPAZ E A CUESTIÓN CATALÁ. DECLARACION INSTITUCIONAL.








AIPAZ E A CUESTIÓN CATALÁ

A Xunta Directiva da Rede AIPAZ (Asociación Española de Investigación para a Paz) sobre a base de distintos documentos de traballo e unha xornada de debate na que participaron membros das organizacións, centros, institutos e persoas que conforman esta rede, acordou facer pública a seguinte

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

1.- A coñecida como "cuestión catalá" é un conflito de natureza política aínda que con compoñentes de carácter social, cultural, lingüístico, económico... e tamén emocional, pois afecta aos sentimentos e ás identidades das persoas.

2.- A evolución dos acontecementos, declaracións e accións, nos últimos anos, non fixeron máis que alimentar o descontento e a confrontación, dentro e fóra de Catalunya. O recurso ante o Tribunal Constitucional do Estatuto de Autonomía de Catalunya, a súa posterior sentenza en 2010, ou as substanciais modificacións establecidas no Congreso dos Deputados a un texto aprobado mayoritariamente polo Parlamento de Catalunya e referendado -ademais- polo pobo catalán, foron, sen dúbida, elementos engadidos de desencuentro para moitos cataláns e catalás.

3.- Hoxe en día, a maioría da sociedade catalá desexa decidir o seu propio futuro político, votar e coñecer, inequívocamente, o seu xeito de relacionarse co Estado no seu caso, é dicir, o seu encaixe no marco xurídico político emanado da Transición e da Constitución de 1978 e das súas posibilidades reais de superación e reforma.

4.- Ese marco político e institucional, plasmado na Constitución, tivo grandes acertos e tamén erros. O pobo de Catalunya, coa súa movilización pacífica e democrática, cuestionou directamente o modelo de Estado xurdido da transición política. Pero non só. Outros acontecementos, en Catalunya e no conxunto do Estado, que afectan ás institucións, á corrupción, ao funcionamento da xustiza, ao estado social e de dereito, ao benestar, ou aos valores e dereitos fundamentais, tamén cuestionan o modelo de Estado e o seu funcionamento.

5.- Os pobos, a cidadanía, teñen dereito a decidir, en paz e en liberdade, sobre os asuntos de relevancia que condicionan a súa vida e sobre o xeito de relacionarse entre si. Trátase dun dereito democrático que non pode ser impedido ameazando co brazo da lei ou da Constitución. Si a consulta á cidadanía non é posible legalmente, fagamos que a lexislación cambie e favoreza a posibilidade de coñecer, realmente, os desexos e sentimentos de calquera pobo, desde o diálogo político e institucional, desde o entendemento e a concordia, para robustecer a democracia, a xustiza, a convivencia e a paz. E regulemos democráticamente as condicións, as súas garantías, as maiorías necesarias, lexítimas, para decidir sobre asuntos de tanta transcendencia política e persoal.

6.- Catalunya, as nacionalidades e pobos de España, mantiveron ao longo do tempo unha historia común con intensas e profundas relacións e interaccións, así como proxectos compartidos en múltiples escalas e materias, pero tamén algúns desencontros relevantes. Entre estes últimos, a plurinacionalidad e as realidades culturais e lingüísticas singulares ou os temas fiscais e económicos, a igualdade e a solidariedade, son asuntos significativos que non fomos capaces de resolver satisfactoriamente co actual marco xurídico político constitucional. Parece imprescindible abordar as necesarias reformas do mesmo, desde espazos de diálogo e de entendemento, para favorecer que as nacións e os pobos consensuen, pacífica e democráticamente, un novo marco no que todas e todos, mayoritariamente, atopemos bo acomodo.

7.- O inmovilismo político, a negación práctica de espazos de diálogo, consenso e entendemento, a oposición a poñer a lei e a Constitución ao servizo da cidadanía e das persoas, coas reformas democráticas necesarias, non fará máis que incrementar o grao de confrontación e de crispación civil, dentro e fóra de Catalunya, violentando a convivencia e ameazando a paz. Outros conflitos, moito máis graves e violentos, foron resoltos positiva e favorablemente modificando a lexislación por medio do diálogo sincero e a negociación política, tanto aquí como noutros lugares do planeta.

8.- Desde AIPAZ, as organizacións, centros, institutos e persoas que investigamos e educamos para a paz, quen facemos da cultura da paz bandeira, entidades moi diversas e plurais que promovemos a resolución ou a transformación pacífica dos conflitos, os dereitos humanos e a súa mundialización cívica, desde unha perspectiva, á súa vez, local, nacional, estatal, universal e cosmopolita, facemos un chamamento ás forzas políticas e da sociedade civil, dentro e fóra de Catalunya, para atopar espazos e marcos políticos, xurídicos e institucionais de entendemento que permitan desbloquear un asunto da máxima importancia para a nosa convivencia. Neste sentido AIPAZ propiciará, na medida das súas posibilidades, que os obxectivos explicitados na presente Declaración, cheguen aos suxeitos e protagonistas políticos e sociais, ás institucións, e á cidadanía, coa vontade de axudar e favorecer o necesario clima de diálogo, entendemento e concordia para resolver pacíficamente un conflito que nos interpela moi directamente.

6 de novembro de 2014