Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

31 jul. 2013

CACIQUEANDO... Herbón non será BIC, nen tampouco un proxecto social



        Si alguén non o remedia, en moi pouco tempo, coa calada administrativa por resposta, o Convento Franciscano de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, non será declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Non sei si existen precedentes dun caso como este pero o asunto fede, particularmente, coa decisión franciscana de pechar e trasladar ós dous frades que alí quedaban.
        Como moitas persoas saben, en 2011, o Seminario Galego de Educación para a Paz, xunto con outras entidades, promovemos a declaración BIC para Herbón. Inicialmente todo foron parabéns e apoios. En Patrimonio da Xunta de Galicia, no Concello de Padrón, no Mº de Fomento e na Orde Franciscana. Todos -aparentemente- estabamos de acordo. Non había dúbida algunha.
        Tratábase, en esencia, de recoñecer e protexer os valores históricos, artísticos, culturais e medio ambientais duns magníficos espazos amurallados, de 48.000 metros cadrados, con varios edificios, claustros e igrexa, un conxunto que se remonta a nada menos que ó s.XIV.
        Pretendiamos tamén acceder a distintas liñas de financiamento, entre elas, á do Mº de Fomento, con cargo ó 1% cultural para, desta maneira, restaurar unha parte dos edificios, co obxecto de poñer en marcha o que chamamos “Lar da Paz”, un Centro Internacional pola Paz, base dun futuro Espazo-Museo, similar a Baketik no Mosteiro de Arántzazu, en Euskadi, ou o Museo da Paz de Gernika.
        Había en Herbón outras magníficas iniciativas socias coincidentes e complementarias, coas que compartimos proxecto común, como son, a creación dunha Casa de Acollida para nenos en situación de risco social (Viravolta), un Centro de Estudios Xacobeos e un Albergue de Peregrinos (xa en funcionamento e promovido pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago), a Sociedade de Estudios Irienses, AMIPA, ou Sementar.
        O arquitecto Pedro de Llano fixo un proxecto restaurador extraordinario. E con toda a documentación xustificatoria presentamos a solicitude de BIC para Herbón nese ano 2011 en Patrimonio da Xunta de Galicia, unha condición imprescindible para acceder ó citado 1% cultural do Mº de Fomento.
        Patrimonio deulle o visto bo con entusiasmo e iniciouse a tramitación do expediente sen problema algún. Solicitáronse informes complementarios a diversos organismos, entre eles, ó Consello da Cultura Galega, que o apoiou. Tamén a USC manifestouse nos mesmos termos, favorablemente, e a Universidade de A Coruña.
        Sen embargo, o que fora un camiño de rosas institucional, tornouse -de súpeto- nun inferno de presións e manipulacións. Algúns veciños, alarmados irresponsablemente polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira (PP) e por algún funcionario municipal interesado, logo de manifestar o seu apoio publicamente, empezaron a reconsiderar que o BIC atentaba contra dos seus plans porque, na súa opinión, dificultaría a propia existencia de invernadoiros de pementos arredor do recinto amurallado de Herbón, a posibles futuras construcións, ó Plan Xeral e a operacións inmobiliarias previstas. O grao de presión foi especialmente duro no lugar de Herbón, para co convento e o seu Prior, Roberto Freire, entusiasta defensor do proxecto común citado.
        O Alcalde, Fernández Angueira, converteuse no principal antagonista desta película horrenda. Dirixe teimudo as súas presións contra Patrimonio e a Comisión Provincial quen terían que ditaminar sobre o BIC, en última instancia. Alerta de graves conflitos no lugar, de división social extrema (alimentada previamente). Mesmo presenta alegacións fora de prazo e usa todas as súas influencias internas no PP. Visita en diversas ocasións San Caetano (os funcionarios non daban creto a tanta insistencia). Tamén á Comisión Provincial de Patrimonio. O seu obxectivo final: dinamitar o BIC para Herbón, paralizalo definitivamente.
        E o que todo parecía favorable, torceuse. Patrimonio foi incapaz de resolver negativamente o expediente na anterior lexislatura. A verdade, resultaba moi chocante coa súa actitude anterior favorable. Mais, contra todo prognóstico, a Comisión Provincial cedeu ás presións e manifestouse contrario ó BIC cun único voto particular en contra, moi valente, o do representante da Universidade de A Coruña, Carlos Amoedo. E desde aquela impúxose o silencio. A decisión estaba tomada. Tan só quedaba esperar e esgotar os prazos. Silencio administrativo negativo. Herbón quedaría sen BIC. Así, caladamente. Batalla gañada. Caciquismo de manual.
        En moi pouco tempo, si ninguén non o remedia, os intereses particulares de algúns, os de sempre, prevalecerán sobre o ben común. Como tantas veces.
        Dixemos daquela que, mais cedo que tarde, porque non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo, saberiamos, de verdade, que había detrás de todas estas presións e o futuro que algúns tiñan reservado para o Convento de Santo Antonio de Herbón e a súa contorna. Libre xa da pérfida declaración de Ben de Interese Cultural... E o papel que cada quen xogou neste fiasco. Porque algúns si que temos memoria...
        A penúltima escena desta impresentable película ven ser o traslado ó Cebreiro do Prior de Herbón, Roberto Freire, e o paso da casa de Herbón a depender directamente da comunidade franciscana de Santiago de Compostela. As presións, finalmente, deron resultado. A cadea sempre rompe polo espazo máis feble.
        Mais recorreremos. E, si fose necesario, iniciaremos as accións legais oportunas.       
        Creo que Francisco, hoxe, en relación con Herbón, non podería dicir, paz e ben. Quizais só, que mágoa!!!.


23 jul. 2013

Outro 25 de Xullo máis...


        A diversidade, a pluralidade, non teño dúbidas nisto, amosan a extraordinaria riqueza da natureza e da sociedade. Sen embargo, ás veces, afirmar a propia singularidade, insistir na diferenciación, marcar territorio, erguer balados de distinción, resulta profundamente decepcionante, máxime nun día, nunha data, de enorme valor simbólico (quizais precisamente por iso) como é o 25 de Xullo.

        O Día da Patria Galega, ou da Matria, do Apóstolo, Nacional de Galicia, ou da maneira que cada quen o nomee, non é unha data calquera no calendario. Representa, especialmente para o galeguismo, para os nacionalistas ou para os independentistas, un momento especial no que reivindicar os dereitos colectivos de Galicia, os desexos de máximo autogoberno, desde fórmulas federalistas, confederais, soberanas ou independentistas, todas elas lexítimas. Como tamén o son as daquelas galegas e galegos que están satisfeitos co grao de autonomía acadado ou mesmo das que pensan que a descentralización foi excesiva. Todas estas visións existen no país. Como tamén forman parte de nós aquelas que, por unhas razóns ou por outras, descoñecen ou pasan do 25 de Xullo, ó que ven, simplemente, como un día festivo máis para facer o que lles pete.

        Galicia é así de plural e de diversa, complexa, como todas as sociedades modernas. Nisto non somos unha excepcionalidade. Calquera proposta política de cambio, de transformación, témola que facer contando coas maiorías sociais, convencendo, dialogando coa cidadanía e as súas organizacións, respectando as súas miradas. Xa sei que, como esta tarefa e farto complicada, algúns, buscan ou soñan cos atallos. Pero, como pasa no conto, o atallo alonga e desvía, pero sobre todo, frustra.

        Parece que os galegos e as galegas estamos condenados a vivir, como norma, un 25 de Xullo en dispersión tribal. Oficialistas, galeguistas, nacionalistas, independentistas, federalistas e ausentes marcan territorio, visibilizan claramente os marcos, compiten entre si, por quen mobiliza máis, quen fai o acto máis orixinal, quen sae mellor na foto do día seguinte. Competencia fronte a colaboración política. E non aprendemos.

        No campo do galeguismo, do nacionalismo e do independentismo, quen tradicionalmente celebran o Día da Patria Galega, sempre hai razóns dabondo para afirmar o propio e xustificar a división. Sobran razóns, reais ou ficticias. Cada relato ten os seus seguidores. Argumentarios de parroquia, de confraría, de consumo interno que, parece mentira, seguen a funcionar, aínda que cada ano que pasa, máis xente está aburrida de tanta historia repetida e cansiña.

        Visto desde a cidadanía, creo eu, o espectáculo de división política, un día como este, resulta moi decepcionante. Claro que hai moito onde escoller, aínda que moi pouco aínda, todo xunto, no país. A división resta, fracciona, reduce... a credibilidade e a confianza. Somos poucos e mal levados.

        Sinceramente pensaba, inxenuo de min, deben ser os anos, que nesta ocasión, nacida a Alternativa Galega de Esquerda (AGE), con magníficos resultados e expectativas, todo sería máis fácil. Sen embargo, unha vez máis, estamos nas mesmas. Nin sequera como AGE foi posible unha convocatoria unitaria e conxunta, cos demais e internamente. Haberá un manifesto conxunto de AGE na véspera, o 24, diante do lugar onde estivo a editorial e a imprenta do grupo Nós, na Rúa do Vilar, polo dereito a decidir. Menos mal. E logo, de novo, que cada quen decida con que tribo prefire marchar, con uns, con outros, cos de máis alá, ou con ningún. Feliz día.


18 jul. 2013

"Mira que te digo"

   


   O título alude a unha das frases que José Luis Muruzábal Arlegui, o Muru, máis repetía. Era unha maneira de tomar impulso, a palanca necesaria para convencer. No momento en que escoitabas "Mira que te digo" a cousa estaba xa revirada.

   Tiña seis anos máis que eu. Sen embargo, cando o coñecín persoalmente, nos últimos anos do franquismo, levaba ás súas costas un enorme caudal de experiencia acumulada, en mil batallas sindicais, cando aínda non existían máis sindicatos que o Vertical. A confianza e seguridade que transmitía ós seus interlocutores era máxima. Poucas persoas atopei que gozaran desa característica tan singular. E a súa fama o precedía. Era un sindicalista de raza. Forxado a si mesmo. Curtido. Teimudo, como bo navarro, firme e flexible a un tempo, na procura do acordo máis satisfactorio.

   Rompeu coas CC.OO, o sindicato clandestino que pretendía colonizar o Vertical, desde dentro e desde fora. Desconfiaba da política de pacto social, de ruptura pactada, e do pensamento político que as sustentaba. E o fixo pola esquerda. Foi un dos líderes da creación dos chamados sindicatos "unitarios", alternativa sindical que promovía o Partido do Traballo. Tratábase de construír, no final da Ditadura, sindicatos asemblearios. Deste proceso naceu a CSUT (Confederación de Sindicatos Unitarios de Traballadores) e, en Galicia, a Confederación Xeral de Traballadores Galegos, a CXTG. E Muru foi o seu principal impulsor. Era unha delicia velo en acción. Para os máis mozos, os que tiñamos arredor dos 20 anos, o Navarro era unha máquina de facer sindicalismo. Así naceron o sindicato da construcción, o do transporte, en asembleas masivas de traballadores, con Muruzábal de mestre de cerimonias.

   En 1975, con varios compañeiros, encaramouse á cheminea máis alta e contaminante do estado, a da Térmica das Pontes. Como dicía Manolo Lago hai un ano, o Muru, aínda segue alí... e seguro que, para moitas persoas que o coñeceron, o nome de Muruzábal está inscrito xa no máis alto dos seus ladrillos. Aquel acto heroico o marcou para sempre. Desde alí tivo tempo de ver un panorama desolador. Foi un desafío. Aquel xesto correu como un regueiro de pólvora polas factorías de Ferrol e de Galicia enteira. Dounos o perfil dun home recio, firme, valente como poucos, que foi quen de denunciar unha Dictadura cruel ata o final, a un mes da morte de Franco. Poñía, de novo, ó sindicalismo galego no centro da confrontación política, como estivera en 1972, con Amador e Daniel

   A súa militancia política foi no Partido do Traballo. Por iso quixo envolver o seu propio cadaleito coa bandeira roxa, a fouce, o martelo, e a estrela de cinco puntas, ó son da Internacional tocada a violín, diante dos centos de persoas, de Navarra e de Galicia, que quixemos acompañalo no adeus final, porque nunca deixou de ser un comunista, honesto, humilde, coherente, un fin de época, a dos homes que o deron todo na defensa dos traballadores, a xustiza, a democracia e as liberdades, a do sindicalismo revolucionario e transformador, asembleario, construído desde abaixo, en ágora pública, polo que tanto loitou. Era un adiantado.

   Coincidimos na despedida moitas das persoas que estivemos na súa homenaxe hai un ano. Probablemente a máis grande concentración de dirixentes sindicais e políticos do tardofranquismo que eu lembre. Xuntos, unidos, porque si algo representaba José Luis Muruzábal, en carne viva, era a unidade sindical e política.

   Pero sobre todo, estabamos os seus alumnos, os que aprendiamos co seu exemplo, coa súa experiencia, os que o tivemos, durante tantos anos, como unha referencia persoal e tamén profesional, cando se fixo avogado. Ou cando decidiu promover unha asociación para a defensa das persoas afectadas por enfermidade mental na Coruña. Compromiso social a mans cheas, con total desprendemento.

   Muru, mira que te digo, nun país normal, con dirixentes normais, habería rúas ou prazas co teu nome, ou chemineas Muruzábal. E persoas como ti dirixíndonos. Mentres tanto, desde o alto da Térmica das Pontes, seguirás a recibir o cariño e o agradecemento de tantos, porque fuches, ti si, dos imprescindibles.

   Adeus, camarada.