Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

23 dic 2015

A modo de balance e boas festas

   



   Pasaron xa 6 meses, fugazmente, como se nada, aínda non dou creto, seis meses!, desde aquel 13 de Xuño en que tomamos posesión na sesión plenaria do Concello de Santiago. Asumimos daquela o goberno municipal, como COMPOSTELA ABERTA, certo, en minoría, mais como a lista máis votada pola nosa cidadanía. Un goberno municipal con Martiño Noriega como alcalde, o home tranquilo. Foi, de verdade, un acto moi emotivo, con nervios, e como concelleiro electo máis antigo da nova Corporación entreguei o bastón de mando ó novo alcalde. Alguén fixo unha broma, "nada menos que das mans de Dios", de Manolo Dios, parecía un adianto da respectuosa laicidade coa que Compostela Aberta, a marea seca da capital de Galicia, concorreu ás eleccións municipais e decidiu actuar. Xa era hora...
   A verdade é que desde aquela non tiven tempo para actualizar este blog. O retomo agora aínda que sexa simplemente para facer un pequeno balance.
   O primeiro que quixera comentar é que os poderes máis influíntes da cidade, os que non dan a cara, aqueles que estaban acostumados a exercer o mando en praza sen ter que presentarse ás eleccións, non aceptaron de bo grao o trunfo de CA. Desde o minuto un, nada de 100 días de graza, empezaron cunha teimuda labor de descrédito, de deslexitimación, mesmo no persoal, como nunca acontecera. Nin sequera cando na lexislatura anterior do PP había motivos máis que sobrados para trasladar a crecente indignación cidadá á opinión pública. Cabería preguntarse por cantos titulares críticos mereceron Conde Róa ou Angel Currás. Razóns había máis que sobradas, tanto no ámbito privado como no público, para encher portadas e telexornais. Pero non o fixeron. Os mantiveron a salvo, ben protexidos, como nun santuario, claro, pagaban por elo, iso si, con diñeiro público, uno de los nuestros, porque -efectivamente- eran dos deles.
   A nós seguen a vernos como intrusos, queren que nos sintamos como quen rouba un xoguete a un cativo, como auténticos salteadores de tumbas, uns desarrapados, uns "piés negros", infamia, pero de onde saíron?, preguntan, onde estaban antes?, si nunca os vimos nos "gallegos del año", nas medallas e nos saraos que montamos, nos cócteles e nas festas privadas, como é posible que non os tiveramos fichados?...
   E para atacarnos válelles todo, verdade e mentira, persoal ou público, sen medida, mesmo atrevéndose a facer chistes cos nomes e apelidos, alcalde 2.0, ou co meu, que orixinais!, mesmo escribiron, para coñecemento público, que son ateo nunha covarde Tribuna "Libre" anónima titulada "Veleidades Laicistas" que non esquezo, de autoría oculta dun personaxe que prefiro non citar. Podería ter esixido unha rectificación pública, mesmo querelarme por falsidade, por vulneración de dereitos, os humanos, que garanten o dereito á intimidade, á honra, que protexen o non declarar sobre as propias crenzas. Pero xa postos a descobrirmonos, pois non, non son ateo, declárome agnóstico e respectuoso coa liberdade de conciencia, defensor da aconfesionalidade do Estado, un precepto constitucional básico tan violentado neste país, partidario da completa separación entre a igrexa e o estado, da distinción clara entre os comportamentos públicos e os privados dos cargos institucionais, algo elemental, que ven dos ideais ilustrados, bandeira e causa desde o século XVIII. Nisto, como en tantas outras cousas, por sorte, a cidadanía vai moi por diante dos partidos e dos medios, mesmo a propia Igrexa de Compostela está a anos luz por diante destes que tanto añoran o nacionalcatolicismo. Alá eles.
   Pero volvamos ó balance, a salientar algunhas das iniciativas que puxemos en marcha na Concellaría de Educación e Cidadanía. A primeira, a propia denominación, unha maneira de reivindicar a materia suprimida de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, tan necesaria!. Unha responsabilidade que ten competencias, as tradicionais de educación, reparación e mellora dos centros escolares públicos, así como sobre a construción da cidadanía, os valores democráticos, o republicanismo cívico, e sobre dereitos humanos.
   Desde o primeiro momento quixemos recuperar o diálogo institucional, roto, logo de catro anos nos que pasaron pola concellaría ate 6 concelleiros/as de educación neste Concello, e falamos coas AMPAS, cos sindicatos, cos representantes dos traballadores e traballadoras, monitores de escolas infantís e comedores, visitamos os centros, reunímonos cos directores e directoras, e escoitamos, sobre todo escoitamos, activamente, tomando nota.
   Recollemos en Madrid o premio de educación viaria a toda unha traxectoria de anos do Departamento de Educación que dirixe Xosé Manuel Rodríguez Abella. Celebramos, con moito éxito, o Día Europeo da Música, en Area Central, nas Praterías, con bandas e agrupacións de Galicia, coa Escola Municipal de Música e puxemos en marcha o Programa de Conciliación do Verán, abrimos dous centros con comedores para tódalas familias que o necesitaban, e co remate do curso, por primeira vez, recibimos no Salón Nobre de Raxoi ós mestres e mestras xubilados no curso 2014/2015, nunha cerimonia co alcalde, de recoñecemento e dignificación da profesión docente, unha iniciativa que manteremos e melloraremos no futuro.
   O día 2 de Xullo dirixinme ó despacho do Secretario Xeral Técnico da Consellería, responsable de comedores, non levaba eu nin un mes no cargo, para reclamarlle o Convenio preceptivo para proceder a licitar o contrato de comedores escolares que caducaba en Setembro. Había meses que a concelleira do seu mesmo partido o viña reclamando, teño constancia escrita. Disto non falaron os medios. Comprometeuse conmigo a facilitarmo de inmediato pero aínda o mandou a finais de Xullo. Aprobámolo en Xunta de Goberno, asinouno o alcalde e quedamos á espera da sinatura do Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para iniciar un procedemento aberto de concurso público. Foron probablemente os comedores escolares o asunto que máis tempo preocupou e ocupou a este edil nestes 6 meses, e aínda estamos con eles, logo de que o concurso público quedara deserto como consecuencia, fundamentalmente, dun prego de condicións moi rigoroso, tanto no económico como no educativo. A volta de vacacións de Nadal teremos unha nova adxudicataria. Compre resaltar que, contra a opinión publicada neste tempo, os comedores escolares funcionaron con total normalidade. Parecera que había moitos interesados en que non fose así. Teremos dous anos para reflexionar participadamente sobre o modelo que queremos de comedor escolar para o futuro, porque o actual, para min, está superado.
   Visitei practicamente tódolos centros, varias escolas infantís, falei coas direccións, coa federación de ANPAS, puxemos en marcha un ambicioso Plan de Obras de Verán por valor de case que 400.000€ que conseguimos rematar en tempo e forma, antes do inicio do novo curso, como non sucedera anteriormente.
    Démoslle pulo a convenios e acordos de colaboración, programas transversais que decaeran nos últimos anos, recibimos ós nenos e nenas saharauís do programa Vacacións en Paz, impulsamos proxectos de roteiros como o da Memoria ou o do Patrimonio Histórico Funerario, abrimos o departamento á cidadanía, recibimos a tódalas entidades que o solicitaron, numerosísimas en seis meses, de todo tipo, empresas, cooperativas, ecoloxistas, pacifistas, audiovisuais, educativas... atendemos ós medios de comunicación, e mesmo oficiei varias vodas civís, loxicamente, no Salón Nobre do Concello.
   Co inicio do novo curso en Setembro fixemos un acto inaugural, con nenos e nenas do colexios, pais e nais, entidades, ONGs, na Sala Mozart do Auditorio, co Alcalde, e con Carlos Blanco, e música, da Escola Municipal (nunca se fixera) e coñecemos os recortes de profesorado, persoal complementario, na atención á diversidade, particularmente, no Colexio de Vite, e manifestámonos con eles para esixir da Consellería máis recursos.
   No Programa Electoral de Compostela Aberta tiñamos en lugar moi preferente recuperar para uso público dous magníficos espazos educativos, a coñecida como Ludoteca de As Fontiñas, construída no curso 2005/2006, nunca aberta, e o Centro de Interpretación do Medio Rural na Portela en Figueiras, pechado en 2012. Desde o primeiro momento anunciei que non tería instalacións educativas pechadas. Busquei a financiación na Deputación Provincial para o Centro Educativo e de Lecer María Miramontes, con 97.000€ e A Portela con 125.000€.
   Outro aspecto que propuxemos foi a elaboración participada dun Proxecto Educativo de Cidade. Reunín, por vez primeira, ós mellores especialistas da Facultade de Educación, coa súa Decana, e encargámoslle un documento de bases que teremos en Xaneiro, para debater sobre el durante todo o curso, co obxecto de aprobalo en Pleno no mes de Xuño, por acordo, para establecer os obxectivos educativos para o trienio 2016-2019. E reincorporámonos ós Programas de Cidades Patrimonio da Humanidade da UNESCO, Aula de Patrimonio para escolares que posibilitará o intercambio entre alumnado da ESO de Santiago de Compostela e Salamanca, así como ó de Cidades Educadoras, e á Rede Internacional de Mayors For Peace, alcaldes pola paz. Colaboramos na homenaxe a D. Francisco Giner de los Ríos, na casa que ocupou na súa visita a Santiago de Compostela, no antigo Hotel Suízo.
   E entregamos o Premio Internacional Compostela, Despois da choiva,  de Miguel Cerro, editado en tódalas linguas peninsulares, inglés e francés, en colaboración con Kalandraka, ó mellor libro ilustrado de literatura infantil e xuvenil no Pazo de Raxoi. E inauguramos cursos, exposicións, foros, emociona, apoiamos o xogo tradicional, os xoguetes educativos en galego, o programa Apego...
   Presentamos o proxecto da nova Escola Infantil Municipal do Castiñeiriño, financiada pola Fundación Amancio Ortega, que estará aberta e en uso no próximo curso escolar.
   Colaboramos co Seminario Galego de Educación para a Paz e coa Rede de Centros de Investigación para a Paz (AIPAZ) na realización dunhas xornadas sobre cultura de paz, seguridade e desarmamento en conmemoración do seu 30 Aniversario, e o Día Internacional dos Dereitos Humanos, cunha lectura pública, con alumnado dos colexios de Santiago.
   Con ocasión das Festas de Nadal participamos activamente na súa realización, co Programa de Conciliación en dous colexios, As Fontiñas e Raiña Fabiola, diversos programas educativos e na posta en funcionamento do Carrusel gratuíto no Obradoiro, e asistimos ós festivais de varias escolas infantís.
   Todo isto, simultaneando a concellaría de educación e cidadanía coa asistencia e participación na Deputación Provincial, plenos, comisións, xunta de portavoces e mesas de contratación. Por certo, porque non se di, sen adicación exclusiva, nin no concello nin na deputación... con horarios e axendas imposibles.
   Para rematar, o levo ben, con moi bo ánimo, co sorriso nos beizos, e tamén co ventiño de cara da folla parroquial 0.0, a miña máis agradábel sorpresa de cada día... me encanta el olor del Napalm por las mañanas...,  grazas Pelaez, grazas Trabanca, rumorosos mentireiros e pólvoras Demetrio, sin ti no soy nada.
   Espírito navideño... Bo Nadal e mellor 2016, a marea que asulaga e limpa...

   


17 sept 2015

100 días de que?



Foi un Sábado, 13 de Xuño, o día da toma de posesión como Concelleiro do novo goberno municipal de Santiago de Compostela, a capital de Galicia, nun equipo de 10 persoas lideradas polo Alcalde, Martiño Noriega, a lista máis votada no Concello, para sorpresa de propios e de estraños.

Había nervios, como non. Houbo que repetir dúas veces a entrega do bastón de mando. Algúns restregaban os ollos, non o crían.

O propio acto xa tivo novidades. Renunciamos ós medallóns e ás insignias. O espírito de Coralia e Maruxa, de Anxel Casal, de Xohán Xesús González movía as cortinaxes. O cabalo do Santiago Matamouros de Freire e de Gambino din que relinchou, e hai quen escoitou murmurar a Atanasio e a Teodoro, a Mateo e o David. Daquela ninguén coñecía –aínda- o parecer do Deán.

E pasaron xa 100 días, eses que din que son de graza, de xogo limpo, de respecto institucional, de que?. Non houbo nin 100 minutos. Había presa por desacreditar, por recuperar nos medios o perdido nas urnas, xa se sabe, estamos nunha dinámica electoral sen fin, e para algúns todo vale con tal de recuperar o perdido o 24 de Maio.

A Marea tamén chegou a Compostela, encheu a Quintana, o Obradoiro e tamén o Toural, que acerto abrir Olmedo!, e as puchas tomaron o pazo que mandara construír o arcebispo Bartolomé de Raxoy y Losada, entre dúas cadeas, a relixiosa e a civil, canta metáfora...

Polo que a min respecta, cheguei a un Departamento, o de Educación, desmantelado, polo que pasaran ate 6 responsables nunha lexislatura, alguén lembra os seus nomes?, algún fito relevante?, algunha pólvora?. Un departamento desanimado, recortado, proba do pouco interese que o PP daba á educación pública. O primeiro foi recuperalo, amplialo, recoñecerlles a súa valía, o seu amplo e rigoroso coñecemento da realidade escolar, froito de máis de 30 anos de experiencia.

E o curso escolar estaba rematando. Non podiamos perder un minuto. Presentamos un Plan de Obras de Verán por valor de máis de 200.000€ nas escolas infantís e nos colexios, que rematamos en tempo e forma, realizadas puntualmente en Xullo e Agosto. Toma xestión!. Din que por primeira vez en moitos anos...

E puxemos en marcha o Programa de Conciliación con novas actividades, con comedor escolar funcionando en dous centros, As Fontiñas e o Raína Fabiola, atendendo tódalas necesidades que se presentaron.

Por primeira vez, recibimos ó profesorado xubilado en Raxoi, no Salón Roxo, cos directores e directoras dos centros, nun acto de recoñecemento e de gratitude, de apoio ó ensino público, que converteremos nunha das citas institucionais relevantes de cada remate de curso. Como o de apertura, nesta ocasión na Sala Mozart  do Auditorio de Galicia, con centos de nenos e nenas de 6º de Primaria, cos pais e as nais, os directores, sindicatos, a Banda da Escola Municipal de Música, cos cativos e cativas que rematan a súa escolaridade e antes de incorporarse ós institutos da cidade, con Carlos Blanco, reivindicando a escola pública, a de todas e todos. Corrixiremos os erros e melloraremos...

Os comedores escolares e o servizo de madrugadores empezaron, quen o diría! con puntualidade británica, nas mesmas condicións, cos mesmos prezos, o día 10 de Setembro, tal e como estaba previsto, a pesares das alarmas sementadas innecesariamente para crear inquietude entre as familias, tentar desacreditar ó novo goberno municipal e, de paso, á escola pública. Ó final, a propia vida coloca a cada quen no seu lugar...

A miña primeira actuación na Deputación Provincial foi interesarme pola Ludoteca de As Fontiñas, tiña, e temos, especial ilusión en abrila canto antes, e así será, máis pronto que tarde. E a Escola de A Portela, en Figueiras, o Centro de Interpretación do Medio Rural, pechado desde 2012!, un recurso educativo que non podemos permitirnos o luxo de ignorar e que estará operativo para a Primavera. E presentamos unha moción sobre o drama dos refuxiados, conxuntamente coa Marea Atlántica, aprobada por maioría, e que dedicará recursos orzamentarios para os concellos que os acollan e garantan, sobre todo, o asilo, artigo 14 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. E incorporamos a Santiago de Compostela e ó seu alcalde á rede internacional de Mayors for Peace, polo desarmamento nuclear en 2020.

Para este curso, poñeremos en marcha numerosos programas educativos de carácter transversal, unha ampla oferta para os centros escolares, Cidades Educadoras, Educa Compostela, Santiago capital, Roteiro da memoria, concertos didácticos, animación á lectura, concurso de carteis de Nadal... e celebraremos colectivamente o Día Internacional dos Dereitos Humanos e o Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia, entre outras efemérides de relevancia.

Remato xa. Teremos, desde xa, un amplo debate participativo do Proxecto Educativo de Cidade, sobre a base dun documento elaborado pola Facultade de Educación, con toda a comunidade educativa, recuperando o Consello Escolar Municipal, o Observatorio Municipal da Convivencia Escolar, ou o Consello Escolar da Infancia, para amosar, facendo, que a participación é a clave de Compostela Aberta para transformar positivamente o concello.


Como vedes, temos faena para máis que 100 días, e imos afrontala, con ilusión, e se cadra, co ventiño de cara ...

19 jul 2015

Moito por facer... coa vosa axuda

  
Departamento de Educación e Cidadanía
Concello de Santiago de Compostela


   Hai case que tres meses que non escribo no blog, desde o pasado 29 de Abril. Non é por desidia ou por abandono, tampouco porque non teña cousas que comentar, simplemente, por falla de tempo.
   Foron moitas as cousas que aconteceron desde o mes de Abril, entre elas, unha campaña electoral moi intensa para as Eleccións Municipais do 24 de Maio en Santiago de Compostela que, como sabedes, deron a maioría a COMPOSTELA ABERTA, a candidatura municipalista e democrática da que formaba parte e que, como consecuencia de ser a lista máis votada, asumiu a gobernanza no concello. A min tocoume, non era un secreto, a responsabilidade de Educación e Cidadanía, así quixen (quixemos) que se chamara pois ás competencias coñecidas en educación engadimos dous bloques de contidos novos, a cidadanía e os dereitos humanos, aspectos centrais e que a dereita conservadora mesmo retirou do currículum escolar para substituíla, como non!, pola relixión, de novo avaliable. As persoas que escollan relixión non terán oportunidade de aprender ética cívica, valores cívicos e democráticos ou dereitos humanos, vivir para ver!...
   Ademais fun designado polo Grupo Municipal, a proposta do Alcalde, Martiño Noriega como representante de Compostela Aberta na Deputación Provincial de A Coruña que ven de constituírse hai tres días e na que por un acordo político de PSOE e BNG, co noso apoio, o da Marea Atlántica e a Alternativa dos Veciños, dou a presidencia a Valentín Gonzálezalcalde de As Pontes, e candidato socialista.

   Son moitas as persoas que preguntan que tal, como o levo, e teño que recoñecer que non sei moi ben que contestar. Ordinariamente tendo a dicir que ben, sen entrar en máis matices. Efectivamente, sen meternos nos detalles, a experiencia é extraordinariamente positiva, un desafío tamén, síntome moi orgulloso da cidadanía de Santiago que foi quen de manifestar, co seu voto, que non perdera a dignidade logo da lexislatura da infamia, catro anos de maioría absoluta do PP que levaron á nosa cidade ate as portadas do New York Times por corrupción e irregularidades.
   Si alguén dixera hai un ano que hoxe ia estar onde estou diríalle que toleara... sen embargo, na concellería de Educación e Cidadanía atópome cómodo, non vou negalo, a docencia é a miña profesión, á que dediquei case que 40 anos, na primaria, na secundaria e mesmo na Universidade por medio da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos. Coñezo, creo que bastante ben, o sector e as súas reivindicacións, a escola pública, as súas carencias e aspiracións, e o propio Departamento do Concello con quen colaborei en moitas ocasións como Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz ou como parte activa do movemento pacifista, particularmente, coa campaña do Non á guerra e como portavoz da Coordinadora Galega pola Paz.
   O programa electoral, todo el, e o de educación en particular, foi elaborado de maneira participativa por un Grupo de Traballo moi plural e cualificado que concretou en 20 medidas o que entendiamos que necesitaba a comunidade educativa de Santiago de Compostela, a escola pública e a profesión docente: Recuperar a normalidade dun Departamento baldeirado de contido polo PP e redimensionalo para que teña capacidade de cumprir o papel que lle corresponde, fortalecer a Rede de Escolas Infantís Municipais, basico para a igualdade de oportunidades, ampliando a súa oferta, atender as necesidades de mantemento, limpeza e vixianza dos centros escolares públicos, atender e mellorar o servizo de comedor e madrugadores, ampliar a Escola Municipal de Música, negociar a reconfiguración do Mapa Escolar, retomar a función de planificación e diagnose, asegurar a conciliación no verán...
   Por outra parte, de acordo coa máxima da participación e a transparencia, da corresponsabilidade na xestión que puxo como bandeira COMPOSTELA ABERTA, pensamos que compre promover o Foro Educativo para elaborar e aprobar un Proxecto Educativo de Cidade, poñer a funcionar realmente o Consello Escolar Municipal, paralizado nos últimos catro anos, crear o Consello Escolar da Infancia para facer realidade o soño pedagóxico de Francesco Tonucci en Compostela, favorecendo os camiños escolares; impulsar o funcionamento dos Consellos Escolares de Centro e as Mesas de Diálogo coas ANPAS, as direccións escolares, os sindicatos, os MRPS ou as ONGs educativas ou crear o Observatorio Municipal da Convivencia Escolar.
   Durante anos o Departamento de Educación do Concello de Santiago, desde o alcalde Xerardo Estévez, foi un referente en Galicia e no Estado en relación co desenvolvemento de programas educativos de carácter transversal, polas publicacións didácticas, polos estudios de planificación e diagnose de necesidades, polos servizos educativos. Imos impulsar programas como o de Cidades Educadoras, perdido no esquecemento, o Educa Compostela, a sensibilización, a difusión das boas prácticas, os premios e recoñecementos... ampliaremos o programa de Vacacións en Paz con nenos e nenas saharauís a profesorado e poñeremos en marcha un similar con nenos e nenas palestinos, levaremos a música e a danza escolar ás prazas e ós barrios, ós colexios, o cinema, a educación afectivo emocional ou a educación viaria, darémoslle pulo ás conmemoracións do Día Internacional dos Dereitos Humanos ou ó Día Escolar pola Paz, a educación ambiental e ós hortos escolares...
   Desenvolveremos un amplo Programa que chamaremos Santiago, capital, para que o alumnado coñeza o patrimonio da cidade, a memoria, os museos, os parques e alamedas, as nosas bibliotecas, o Parlamento, o cemiterio de Boisaca, os ríos, montes e arboredos, ou as cidades patrimonio da humanidade...
   E colaboraremos coa USC, a Universidade ten que recuperar o seu papel central na cidade, coa Cátedra UNESCO, co 4º Ciclo, coas Aulas da 3ª Idade, nos cursos de verán, na planificación e na diagnose, co voluntariado, co Grupo Compostela de Universidades, apoiando a internacionalización, compartindo espazos e programas...
   Igual que co Ensino Medio, cos Institutos e Centros de Formación Profesional, cun plan de visitas e de acollida, co apoio da Orientación Educativa, con xornadas de portas abertas, para facilitar a transición entre a primaria e a secundaria.
   Abriremos os espazos comúns dos centros escolares públicos á programación educativa e cultural, á actividade social e veciñal, ó ocio e ó tempo de lecer. Poñeremos en funcionamento a Ludoteca das Fontiñas.
   Declararemos Compostela como espazo de paz, convivencia e dereitos humanos, impulsaremos a sensibilización e a divulgación, a cooperación ó desenvolvemento, a inclusión e a non discriminación, crearemos a Escola Municipal de Cidadanía e Dereitos Humanos, para educar na e para a democracia, nos valores cívicos e democráticos, na mellora da convivencia escolar, na ética e nas virtudes cívicas, na laicidade, na mediación escolar e a resolución pacífica dos conflitos, na interculturalidade, na prevención das violencias, elaboraremos e difundiremos guías de cidadanía, a igualdade de xénero, a tolerancia, a responsabilidade social e ambiental...
   Promoveremos o coñecemento e a práctica dos dereitos humanos, a cultura da paz, faremos irmandamentos con cidades como a nosa que viven conflitos graves, os dereitos da infancia, o dereito humano á paz, as cartas internacionais de dereitos, e colaboraremos coas asociacións nacionais e internacionais de dereitos humanos.
   E escoitaremos activamente tódalas suxestións, as aportacións positivas, a concellería estará aberta para a cidadanía, sen exclusións, para quen queira trasladar a súa opinión sobre como mellorar a escola pública e o ensino no noso concello desde o criterio de gobernar obedecendo, tal e como COMPOSTELA ABERTA propuxo.
   E tentaremos facelo o mellor posible, con transparencia, con proximidade, con dedicación, con esforzo, a pé de obra, comprometidos cun modelo educativo público, gratuíto, universal, galego, democrático, científico e laico.
   Coa vosa axuda...

29 abr 2015

A educación como unha prioridade estratéxica



Non vai ser difícil facelo mellor. O listón que deixa o PP en Santiago está tan baixo que, a pouco que nos esforcemos, a situación mellorará significativamente. No caso da área de Educación, sen dúbida algunha. Certo que houbo tres alcaldes. Certo tamén que a maioría da corporación actual non foi referendada pola cidadanía. Certo ademais que vivimos o maior grao de inestabilidade política baixo a maioría absoluta dun partido que podiamos imaxinar. Na responsabilidade específica de Educación o número de titulares foi disparatado, nada menos que seis!!!, a demostración do pouco interese que o PP tivo no ensino público.
         O actual Departamento de Educación, aquel que con tanto cariño creou Victor Ferreira no primeiro goberno de Xerardo Estévez, está hoxe desmantelado, cando as necesidades para programas e servizos se incrementaron notablemente nos últimos anos. A planificación, o diagnóstico de necesidades, a previsión, o diálogo, a participación da comunidade educativa, a xestión ou o simple mantemento de centros, estiveron, e están, sen dirección política coñecida, un secreto a voces entre o profesorado e as asociacións de nais e pais.
         Para Compostela Aberta, o primeiro, antes que nada, será retomar o diálogo coa comunidade educativa, restaurar a confianza, auditar, escoitar e avaliar, redimensionar a concellalía, atender as necesidades inmediatas dos profesionais que nela traballan, recoñecer a súa dedicación, en tantas ocasións menosprezada.  E logo priorizar ás persoas, poñer ós nenos e nenas no centro de atención, con políticas novas, desde a perspectiva de que a educación será unha prioridade estratéxica entendida, como non, como un servizo público, gratuíto, universal, inclusivo, galego, laico e da máxima calidade, aproveitando todos e cada un dos aproximadamente 3 millóns de euros de orzamento anual cos que contamos.
         Para nós a educación nunca é un gasto. Trátase do mellor e máis rendíbel investimento en futuro, con retorno económico, social, cultural e persoal. Compre lembrar aquel dito que afirma “Si cres que a educación é cara, pensa no cara que pode ser a ignorancia”. Hai anos que a UNESCO aprobou o seu modelo dunha educación para todos e ó longo de toda a vida, non circunscrita ós muros escolares e o ensino regrado, por iso promoveremos e incentivaremos as Escolas Municipais de Nais e Pais, como espazos de carácter formativo, preventivo e de participación.
         Queremos unha cidadanía educada, cooperativa, crítica, igualitaria, equitativa e por iso ampliaremos a Rede de Escolas Infantís Municipais, do ciclo 0-3, probablemente o período educativo máis determinante na conformación da personalidade, na prevención do fracaso escolar e para corrixir desigualdades. Con Santa Marta e o Castiñeiriño teremos unha rede digna.
         A educación como eixe transversal das políticas públicas municipais de Compostela Aberta, con programas específicos en materia de inclusión, igualdade de xénero, lingua, cultura de paz e dereitos humanos, mellora da convivencia democrática ou de educación ambiental.
         Estableceremos mecanismos e estruturas de participación para facilitar a colaboración entre centros de primaria e de secundaria, para contribuír á mellor integración e acollida do alumnado nos institutos de referencia.
         Queremos unha educación aberta a toda a cidadanía, que supere os muros das escolas, un modelo participativo e de corresponsabilidade na xestión, e por iso impulsaremos o Consello Escolar Municipal e outras formas de participación de ámbito menor, para que a comunidade educativa se sinta representada e partícipe da xestión.
         Promoveremos a reelaboración do Mapa Escolar Municipal, en colaboración coa Consellería, sobre a base dunha planificación e diagnose de necesidades compartida, e abriremos os centros educativos fora do horario escolar, con programas formativos e culturais, e apoiaremos a ampliación e mellora da Escola Municipal de Música, á danza, ó teatro, e a outras actividades artísticas. Poñeremos en funcionamento inmediato o Centro de Recursos para a Lectura e o Xogo, a Ludoteca de Fontiñas, e atenderemos, de maneira especial, ós Comedores Escolares introducindo cambios significativos no prego de condicións en relación co comercio de proximidade, produtos ecolóxicos, plans nutricionais ou formación específica de monitores.
         Somos un concello educador nunha cidade educadora, formamos parte da Rede Estatal de Cidades Educadoras e da súa Asociación Internacional aínda que non o pareza. Nese marco desenvolveremos os seus programas en materia de paz, convivencia e dereitos humanos, de turismo patrimonial, ou nos acolleremos ós programas da UNESCO, como é  o Learning, de comunidades de aprendizaxe, entre outros.
         Queremos facer realidade, en Santiago de Compostela, o soño pedagóxico e urbanístico de Francesco Tonucci, a súa Cidade dos Nenos, o modelo educativo que pon ós cativos como referente, para facer unha cidade á altura da súa mirada, que é a mirada das persoas, co programa Camiñando á Escola nos centros de Pio XII, Lopez Ferreiro e as Fontiñas. E poñeremos en marcha o Consello Escolar da Infancia tal e como funciona en tantas cidades do mundo, particularmente, na rexión de Regio Emilia en Italia.
         Por último, para Compostela Aberta, a USC e o Concello non poden vivir de costas, teñen que atopar espazos de entendemento e de colaboración máxima, de acordo co papel central que a Universidade ten para nós. Apoiaremos as súas xustas reivindicacións diante da Xunta, fomentaremos a cooperación en programas e servizos, en especial aqueles que teñen que ver con sectores básicos da economía de Santiago. Recuperaremos os Campus como espazos de lecer, empezando polas grandes avenidas da Residencia, porque non nos resignamos a vela como un enorme aparcadoiro en superficie. Colaboraremos no mantemento de xardíns e instalacións públicas. Poñeremos en marcha un transporte público intercampus e incentivaremos a capital de Galicia como cidade congresual. E apoiaremos a creación do Campus da Cidadanía, entre outros.
            Coa vosa axuda, poderemos facelo...

12 abr 2015

Valores republicanos, no aniversario do 14 de Abril.

 

   


   Conmemoramos o 84 Aniversario da II República Española. Un 14 de Abril de 1931, logo dunhas eleccións municipais como as que teremos en Maio, mudou o réxime político. Mais o cambio non foi so de monarquía a república. Afectou, sobre todo, os valores cos que as candidaturas populares se presentaban e cos que trunfaron. Non era simplemente botar ó rei e implantar a república. Tratábase de recuperar  plenamente para a vida política e social os novos valores da civilidade, do republicanismo cívico, a res-pública, os principios e os fins da cousa pública, o Ben Común, aqueles grandes obxectivos que figuraban xa nos ideais da revolución francesa "Liberdade, igualdade, fraternidade", xunto coa reivindicación da cidadanía como suxeito político, o papel protagonista da sociedade civil e das súas organizacións, a defensa inequívoca do público, fronte á invasión e o saqueo privatizador.

   Cando as Administracións Públicas, o Estado, os gobernos, en calquera dos seus ámbitos, deixan de protexer e garantir os dereitos das persoas, dos máis febles, da xente do común, ordinary people, para converterse en axentes dos máis poderosos, das elites non electas, das castas de diversos formatos, cando os dereitos humanos fanse papel mollado e as constitucións liturxia retórica, mesmo a xustiza e a separación de poderes, compre lembrar o magnífico Preámbulo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 cando di:


...Considerando esencial que os dereitos humanos sexan protexidos por un réxime de Dereito, a fin de que o home non se vexa compelido ao supremo recurso da rebelión contra a tiranía e a opresión...
   
      Unha rebelión cívica, cidadá, que probablemente empezou co 15M e que continua cos partidos emerxentes e as mareas democráticas que ameazan seriamente o modelo político turnista implantado en 1978. Un réxime que como aquel do alborexar os anos '30 estaba esgotado, alomenos para moitos sectores da poboación, especialmente, os mais xoves.

   Outro aspecto que merece un  comentario foi o entusiasmo, a ilusión que xerou o republicanismo entre a poboación xa que significaba rexeneración democrática fronte a unha corrupción sistémica como a actual, al juego, hagan el juego, el estraperlo es dinero, de la derecha española, cantaba o meu avó, Jose María. Foi un período de encantamento, como o é o actual, coa caída en desgraza dos partidos dinásticos, hoxe bipartidistas. A II República chegou sen esperala, da noite para a mañá, aínda que fose un desexo soñado por tantas persoas de ben.

   O republicanismo cívico, daquela como hoxe, significa moito mais que un cambio de réxime político, trátase do trunfo social dos valores democráticos, os grandes e os mais miudos, aqueles sen os cales os anteriores carecen de sentido, refírome a decencia, a honestidade, a honradez, a transparencia, a vocación de servizo público, solidariedade, cooperación, tolerancia, laicidade ou a racionalidade.

   Contan da existencia duns Mandamentos Republicanos, tan simples como relevantes, que compre coñecer e cumprir, especialmente polos candidatos e candidatas que aspiran, aspiramos, a entrar non novos concellos logo do 24 de Maio. Din así: 


" O primeiro, amar a Xustiza por riba de tódalas cousas. O segundo, render culto a Dignidade. O terceiro, vivir con Honestidade. O cuarto, intervir con rectitude na vida pública. O quinto, cultivar a intelixencia. O sexto, promover a educación. O sétimo, traballar. O oitavo aforrar. O noveno, protexer ó mais feble. E o décimo, non procurar o beneficio propio a costas do prexuízo alleo.

   Estes fermosos mandamentos foron editados na imprenta Gutemberg de Guadalajara, un 31 de Maio de 1931, feitos públicos por Felix Poblacion, xornalista vinculado o centro documental da memoria histórica nun máis que oportuno artigo publicado en Publico recentemente. 

   As mareas municipalistas, cidadás e democráticas, deberían, deberiamos, asumilos como propios, eu o fago publicamente, porque son o mellor exemplo de compromiso persoal coas virtudes e deberes cívicos republicanos, en definitiva, coa ética cívica.

30 mar 2015

Un relato compartido





Está moi de moda, nalgúns ambientes, falar da necesidade de que Santiago de Compostela escriba un novo relato de cidade. Non serei eu quen contradiga semellante aspiración. Entre outras razóns, porque entre as personalidades que o reclaman teño bos amigos. Sen embargo, como picheleiro vello, penso que aquí e hoxe, como sempre, conviven varios relatos, ou mellor dito, ideas e modelos de cidade que debemos compartir, asumindo que Santiago nace e se desenvolve, durante séculos, arredor dun único relato, tan eficaz como ficticio…

Coa modernidade, en paralelo co proceso de secularización, imos debuxando relatos novos, máis laicos, máis públicos, máis políticos, o que non significa que o orixinal non o fose, que o era. En calquera caso, ademais da Igrexa, a Universidade, o Movemento Obreiro, a tradición republicana, o galeguismo…  van aportando os seus propios relatos, matices, visións e enfoques novidosos, miradas intercambiadas, de fronte ou de esguello, con máis ou menos complicidade, asegún, interactuando, entre pedras, campás, martelos e rezos, mercados, historia viva...

Para compartir relatos, que teñen que ver coas clases, coas procedencias, co nivel de estudios, cos modos de vida, coa ubicación de cada quen, coas correntes de pensamento, as ideoloxías… sería previo compartir diagnósticos, aínda que non sexa na súa totalidade. Non sempre é posible. Creo que, agás excepcións raras, hoxe, a maioría da cidadanía desta vella aldea europea coincide en sinalar que Santiago de Compostela está en aluguer ou en venta, triste, silenciosa, sen nenos pola rúa, sen vida, apática, como paralizada, zombie, e non debemos atribuílo, exclusivamente, ás consecuencias da crise ou da burbulla inmobiliaria, que tamén.

Non sería allea a esta percepción cidadá a situación insólita vivida nos últimos catro anos nos que, cunha maioría absoluta do PP no concello, a inestabilidade política, a incerteza, a corrupción e o desgoberno foron norma e portada dos medios de comunicación, aquí e no conxunto do estado, enchendo de indignación e vergoña á cidadanía.

Durante estes anos, a condena do alcalde Gerardo Conde Roa, a imputación do seu sucesor (e por el nominado), Angel Currás, ou as conversas telefónicas coñecidas entre membros da súa Xunta de Goberno, deterioraron, ate a náusea, a imaxe e a marca dunha cidade construídas con tanto esforzo.

Falamos moito de rexeneración democrática, de cambios profundos nas maneiras de gobernar, de vella e nova política, pero creo que, para algúns, o seu tempo xa pasou, está esgotado, trátase dun fin de época, as súas posibilidades autoestragaronse, non lles queda xa fondo de credibilidade algún para, desde un goberno municipal deteriorado, abandeirar o cambio e a renovación. Non vai máis. Compre reiniciar, resetear o sistema. Darlle a oportunidade a outras persoas, con outros proxectos máis abertos, con miradas distintas, por saúde e hixiene democrática, para que, coa cidadanía empoderada, debuxemos -conxuntamente- relatos e solucións compartidas.



16 mar 2015

Unha carta persoal a COMPOSTELA ABERTA


   Benquerida amiga, benquerido amigo:



   Sen dúbida que tódalas persoas que nos presentamos como candidatos e candidatas ás Primarias de COMPOSTELA ABERTA queremos o mellor para o noso Concello e cidade. Coincidimos loxicamente no interese por derrotar democraticamente ó PP e en indicarlles o camiño das bancadas da oposición onde facer a súa propia rexeneración, tan necesaria!!!.



   E claro que queremos gañar Compostela!. Non é só ter representación, senón acceder á maioría de goberno, para transformar radicalmente Santiago.



   Faremos un Programa Electoral Participativo, algo xa avanzamos nos grupos de traballo, particularmente no de Universidade e Ensino, que eu coordino. Un Programa acorde co noso Manifesto Fundacional e cos Principios de Funcionamento que nos demos, xunto co Código Ético que aprobamos e que contribuín a redactar. Tódolos documentos están na web de COMPOSTELA ABERTA: www.compostelaaberta.org

   Entón, que distingue ás candidaturas que se presentan?. Que pode aportar cada quen da súa propia experiencia e traballo a COMPOSTELA ABERTA?, mais alá de compromiso, ilusión, esforzo, axuda…

   No meu caso, cos anos que teño, pesa máis xa, probablemente, o pasado que o futuro, o fundamental do meu currículum está escrito, para ben ou para mal, moitas persoas o coñecedes, está na web de CA, e máis amplo no meu perfil de facebook e no blog.

   Agora, xa xubilado, quería devolverlle algo a Santiago de Compostela. Teño a ilusión de contribuír a facer dela a cidade soñada, un concello, unha cidade para a infancia, para os nenos e nenas, para as persoas maiores, sobre todo para as máis febles, en tódolos sentidos. Poñer ás persoas por diante de todo, por diante dos coches, dos negocios, dos intereses. Sempre o Ben Común e o Público por riba de todo, facer realidade o que Francesco Tonucci reiteraba hai uns días na antiga Escola de Maxisterio, que tan ben coñezo, e que xa escribira nos ’90, “A cidade dos nenos”, primeiro os peóns, logo os ciclistas, despois o transporte público e finalmente o privado. A cidade da infancia como modelo…

   Unha cidade, un concello, equilibrado, igualitario, sostible, pacífico, que recupere a ilusión e a alegría que perdeu, o dinamismo cultural e artístico, unha cidade educada e educadora, intelixente, onde os dereitos humanos e os dereitos da infancia non sexan algo retórico, para que nenos e nenas volvan a estar presentes, nas rúas, paseando, xogando, camiñando á escola, onde a mocidade expulsada regrese, e con ela, a alegría, a vida e o futuro.

Moitas grazas polo teu apoio.

Recibe unha aperta afectuosa.

Cordialmente,

Manolo Dios
Candidato ás Primarias de COMPOSTELA ABERTA.
mdiosdiz@gmail.com

13 mar 2015

Un breve perfil...





        Nacín en Santiago de Compostela, no primeiro da Rúa da Troia nº 15, un 14 de Xaneiro de 1953. Son o maior de 7 irmáns. Alí vivín ate os 18 anos. Estudiei a Primaria e a Secundaria en Santiago. Din que un é de onde fai o Bacharelato, pois tamén. Son, polo mesmo, un picheleiro, orgulloso de selo. Tamén son fillo, neto e bizneto de poleiras, que tiveron posto na Praza de Abastos ate a súa xubilación. Meu pai traballou en FINSA desde os 12 anos. Por ambas partes temos precedentes de mestres e mestras, particularmente, o meu abó, José María Dios Busto, represaliado logo da guerra civil.
Estudiei Maxisterio en Santiago (1973-1976) e entrei a traballar como Mestre por oposición en 1976. Durante a etapa universitaria militei en Larga Marcha, un grupúsculo esquerdista do que gardo moi bos amigos e recordos. Posteriormente fixen a licenciatura en Xeografía e Historia, tamén en Santiago, e realicei os cursos de Doutoramento en Estudios Contemporáneos. Preparei a tese con Xusto Beramendi, O Lume da Nación, pero decidín non presentala, sobre as orixes do sindicalismo nacionalista, no que participei moi activamente pero que agora vexo con moita lonxanía...
 Desde 1976 exercín como docente en diversos colexios (Portomouro, Santa Brígida, nas Palmas de Gran Canaria, desprazado forzoso, logo dunha protesta que gañamos para tódolos que viñeron despois; en Catoira, Trazo e finalmente no IES de Cacheiras), ate que no ano 2013 accedín á xubilación anticipada ós ’60. Estou casado, teño unha filla e unha neta coa que estou, como abó, entusiasmado. Vivo no barrio de San Pedro.
        Durante todo este tempo tiven tres grandes preocupacións (e sobre todo, ocupacións), a educación, o activismo sindical e nos movementos sociais, e o pacifismo.
        Nos anos ’70 e ‘80 participei activamente nos movementos de oposición á Dictadura, no sindicalismo estudiantil, en formacións políticas de esquerda, Información Obreira, Partido do Traballo, e contribuín a crear e consolidar o sindicalismo nacionalista galego, na CXTG primeiro, na Interesindical logo e, finalmente, na CIG, tanto no Ensino como no ámbito Confederal. Fun Secretario Xeral do Sindicato Galego do Ensino e a Investigación da CXTG, e logo formei parte das Executivas da Intersindical Galega (INTG) e da CIG. Tamén participei na constitución da Internacional da Educación (IE) en Estocolmo. Fun membro do Consello Escolar de Galicia e do Consello Escolar do Estado, durante dúas lexislaturas, representando ó profesorado galego.
        A miña última militancia partidaria foi en Esquerda Galega,  a mediados dos anos ’80, e logo co 15M (2011), case que 30 anos despois, sentinme directamente interpelado para axudar a cambiar as vellas formas de facer política polo que decidín volver a militancia partidaria, primeiro no proceso Ben Común, logo na creación do Espazo Ecosocialista Galego e en AGE.
        En Decembro de 1985 promovín e fundei o Seminario Galego de Educación para a Paz (www.sgep.org), do que formo parte e, desde o ano 2000, son o seu Presidente. Como membro do SGEP participei na fundación da Coordinadora Galega de ONGDs, da Coordinadora Galega pola Paz ou da Iniciativa polos Dereitos Humanos, así como no Movemento Internacional de Educación para a Paz (Teachers for Peace), na rede Trascend, no Chamado pola Paz da Haia, ou no Foro Social Mundial (FSM) e no movemento altermundista desde Porto Alegre, especialmente, no Foro Mundial de Educación (FME), do que formo parte, no seu Secretariado Internacional. Xunto con outras organizacións, promovín a constitución e a celebración do I Foro Social Galego en Santiago.
        Como Educador para a Paz fun Vicepresidente da Conferencia Mundial para a Paz, a Sustentabilidade e o Desenvolvemento que co apoio da ONU e da UNESCO tivo lugar en Compostela en 2005 e presidín, nese marco, o Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz coa presencia de varios Premios Nobel da Paz.
        Recibín o PremioFagamos as paces” concedido polo Instituto Internacional Catalán per la Pau da Generalitat de Catalunya polo documental “En son de paz” en 2001.
        Participei de maneira moi activa na redacción do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia e na creación do Observatorio Galego da Convivencia Escolar en 2007, co goberno bipartito.
       Coordinei o ciclo de Diálogos para a Paz e os Diálogos Altermundialistas en 2007 e 2008 e o Foro 2010 con tres congresos internacionais durante o mes de decembro dese ano en Compostela, entre eles, o Foro Mundial de Educación Temático sobre Cultura de Paz.
        Son autor de numerosas Unidades Didácticas, Artigos, Documentais, Libros de Texto, Ensaio, sobre educación e cultura de paz, que poden consultarse na páxina web do SGEP.
        En 2002 recibín o Premio á Promoción de Conductas Tolerantes por unha experiencia educativa co alumnado realizada no CPI de Trazo titulada “Educar para a paz, globalmente
        Son vicepresidente da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, creada en 2010 e que ten como Presidente de Honra a Federico Mayor Zaragoza. Nese ano promovimos tamén a elaboración dun Proxecto de Lei de Fomento da Cultura de Paz de Galicia que presentamos no Parlamento Galego co apoio do propio profesor Mayor e a directora xeral da UNESCO, Irina Bokova. Coa maioría absoluta do PP durme nun caixón...
        En 2011 fun nomeado por Angel Gabilondo membro do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar, no cupo de personalidades de recoñecido prestixio, órgano logo suprimido polo Partido Popular.
        Desde o 2013 presido a Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ), rede que agrupa á practica totalidade dos centros e institutos de educación e de investigación para a paz do Estado.
          Por ningún destes cargos de representación percibín ou percibo remuneración algunha. Vivo e vivín sempre do meu salario como mestre e agora coa pensión de xubilación.
        Na lexislatura da infamia, que está a piques de rematar, entrei a formar parte activa de COMPOSTELA ABERTA participando nas súas asembleas e debates, sendo un dos seus coportavoces. Colaborei na redacción do seu Manifesto Fundacional, dos seus Principios de Funcionamento, e na campaña “Que Concello Queres”, no Código Ético e no Regulamento de Primaria Abertas. Comparto, polo mesmo, os seus obxectivos e a idea de empoderar á cidadanía para auditar e limpar o Concello de podremia e indignidade. Por iso, e para iso, presento a miña candidatura para as Eleccións Municipais de Maio, para axudar a Martiño Noriega a gañar as Eleccións.
       Creo nas Primarias Abertas á Cidadanía, na democracia directa para elexir, para escoller ás mellores persoas, na capacidade da xente para ordenar a lista de candidatos e candidatas, con independencia da súa adscrición, por iso presentei a miña candidatura, libremente, como cidadá, sen paraugas e sen rede, como persoa individual, a mesma fórmula que usei para incorporarme, desde o principio, a COMPOSTELA ABERTA.
       Confío en que, liderados por Martiño Noriega, o día 23 de Marzo, COMPOSTELA ABERTA,proclame, proclamemos, o mellor equipo de goberno para frear ó PP e botalos, democraticamente, do Concello, a facer a súa propia rexeneración democrática, nos bancos da oposición.
        Lembra que para votar, nas Primarias, necesitas inscribirte antes do día 19 en: 
http://compostelaaberta.org/gl/queres-inscribirte-para-votar-nas-primarias/.
         Moitas grazas e adiante!!!.





5 mar 2015

Guerra no Centro Comercial As Cancelas...

   


  Hai moitas maneiras de achegarse á guerra, a calquera delas, particularmente, á II Guerra Mundial, da que estamos a lembrar o 70 Aniversario do seu remate. Podemos facelo como Gervasio Sánchez, o fotoxornalista que é capaz de amosar os rostros das vítimas de tódalas guerras, o espanto; ou como Francis Ford Coppola, o horror, o horror, que di o Coronel Walt Kurtz  no final da película Apocalypse Now e toda a produción cinematográfica antibelicista ou a mesma tradición na pintura, por exemplo.
   Existen outras maneiras de mirar a guerra e a violencia, máis ou menos apoloxéticas, no cinema, nas artes, onde tamén temos unha extraordinaria colección de exemplos, Boinas Verdes ou Rambo, para non ir máis lonxe.
   E mesmo un pode poñer as gafas de non ver, aqueles enfoques que ocultan a realidade das vítimas, o sufrimento, a desesperación, a morte, e fixarse só no espectáculo, nos obxectos de época, unha sorte de ollar con nostalxia, para ver simplemente vehículos, tanques, avións, uniformes, garitas, armas, miniaturas, xoguetes... atrezzo e decorados.
   As fazañas bélicas sempre tiveron moitos seguidores, especialmente no xénero masculino, a fascinación pola guerra, as correaxes, a música militar, os desfiles... Dicía Píndaro, nada menos que cincocentos anos antes de Cristo, que "A guerra é doce para quen non a sufriu, pero quen a coñece sinte un horror extremo tan só con achegarse a ela".
   Todo este preámbulo ven a conto dunha Exposición no Centro Comercial As Cancelas en Santiago de Compostela organizada coa colaboración da Asociación Histórico Cultural "The Royal Green Jackets", con sede en "La Coruña", tal e como figura na súa propia imaxe. O nome desta entidade alude a algún dos rexementos da infantería británica máis coñecidos, os chaquetas verdes, fusileiros e a brigada do rifle.


      Sei ben que o obxectivo da exposición, que sorprende ós clientes do Carrefur e demais tendas das Cancelas, non é educativo, non busca máis que incrementar os visitantes, mellorar as ventas e, de paso, a conta de resultados. Non ten propósito pedagóxico, e si o tivera, desde logo, non sería "Desaprender a guerra" tal e como reivindicaba a profesora Anna Bastida no seu coñecido libro de Educación para a Paz.
   Non me atrevería a cualificala de "apoloxía da guerra e da violencia" pero case. Nas breves descricións que acompañan a cada vehículo, tanque, automóbil, moto con sidecar... pouco máis que as características técnicas e o lugar onde ubicalo, ás veces mesmo con tratamentos frívolos como: "Un poderoso caballito de batalla".  
    Sempre que falamos das violencias, da guerra, ou das outras formas de violencia, facemos fincapé nas vítimas. Nada sen as vítimas. Pois ben, as vítimas da II Guerra Mundial, están ausentes desta Exposición. Parecera como que a memoria das vítimas fose ocultada deliberadamente, como si aqueles vehículos non fosen deseñados para matar, un simple decorado, atrezzo sen máis, obxectos. Chegaba cun simple cadro, aínda que só fose, un como este:


      
   Tamén podemos ver un documental nun espazo máis reservado, un dos moitos documentais sobre a IIGM que reproducen as televisións reiteradamente, non caracterizados, en xeral, polo seu rigor histórico. Arredor da pequena sala, cartazes de cinema sobre o citado conflito bélico, unha serie de películas, a maioría delas claramente apoloxéticas e ningunha da corrente cinematográfica antibelicista, que tamén existe, mesmo no cinema máis comercial.
   Seguro que atraerán clientes. Moitas persoas, en especial homes, afeccionados ás Fazañas Bélicas, ás coleccións militares e ás miniaturas de época aproveitarán para facerse selfies, pero perderemos unha magnífica oportunidade para achegar a auténtica IIGM á cidadanía, as súas causas, as consecuencias, que chegan ate hoxe, e coas vítimas sempre presentes.
   

   Non sei o que custa esta Exposición, sería bo sabelo, e os recursos destinados a familiarizarnos co belicismo, a banalizar sobre a guerra e a violencia, a ignorar o holocausto..., fronte ó que dedicamos a difundir os valores da cultura da paz e os dereitos humanos. 
   Creo que unha exposición destas características sería impensable, por exemplo, durante a guerra de Iraq, coa sociedade en pe berrando "Non á guerra". Hoxe, coa dereita conservadora e cuartelera abusando da súa maioría absoluta, proliferan estas aproximacións. Non sorprende que o alcalde de A Coruña, Carlos Negreira, esteña tan identificado cos seus promotores. Unha mágoa.
  

30 ene 2015

Non só pombas e globos...




        Hai quen pensa que a educación para a paz redúcese a unha simple conmemoración das efemérides ecopacifistas nas escolas, unha sorte de tranquilizante das conciencias, un exorcismo das violencias por medio dos símbolos da paz, unha simple solta de pombas ou de globos…
         Non serei eu quen desminta que algo disto acontece. Sen embargo, despois de 30 anos de promoción e celebración do 30 de Xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, podo asegurar que as cousas teñen cambiado, para ben, dentro e fora das aulas, por moito traballo que aínda nos quede por facer, que non é pouco.
         A celebración do Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia permitiu introducir, primeiro como eixe transversal e logo como materia, unha serie de contidos que non figuraban no currículum, que eran invisibles. Asuntos como as violencias, así en plural, a discriminación, o racismo, a xenofobia, o coñecemento dos dereitos humanos e a súa práctica, a civilidade, as virtudes cívicas, a mellora da convivencia escolar, a mediación na resolución pacífica dos conflitos, a interculturalidade, o armamentismo, a protección da natureza, estar en paz co medio, en definitiva, a Cultura da Paz, do entendemento, do diálogo, da concordia, fronte da imposición, do sometemento, da dominación…, a palabra contra do músculo, todos estes aspectos empezaron a saír da néboa e do silencio.
         A formación do profesorado en servizo foi un instrumento clave neste traballo, e a publicación de material didáctico, libros de texto, audiovisuais, xogos e dinámicas de aula, como mellores ferramentas na educación para a paz, non tanto os discursos, os sermóns, senón as prácticas, os xogos cooperativos, os dilemas morais, o barómetro de valores, a utilización dos contos, do teatro tradicional, o teatro de sombras, a prensa, o cinema…
         E a lexislación, a implantación da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, tan necesaria, tan añorada, ou a aprobación de leis, aínda por desenvolver, como a Lei de Fomento da Educación e a Cultura da Paz.
         Pero si tivera que resaltar unha cuestión sobre todas, sería a crecente intolerancia da cidadanía para coas violencias, a maior sensibilidade -escolar e social- diante da imposición armada, o desprezo para coa man alzada fronte da man tendida.
         Si, o Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia, cada 30 de Xaneiro, paga a pena. Parabéns e millóns de grazas ó profesorado, ós pais e as nais, que se esforzan, cada día, na construcción da paz, por medio dos afectos e dos sentimentos, e na mellora da convivencia escolar e social, con pombas e globos, ou sen eles.


22 ene 2015

30 anos!!!

    Neste ano no que andamos, o 2015, o Seminario Galego de Educación para a Paz, www.sgep.org, cumprirá 30 anos (1985-2015). A verdade é que son moitos anos, para calquera, pero moitos máis, probablemente, para unha entidade como a nosa, galega e universal,  sen ánimo de lucro, independente e non gobernamental, laica, que naceu, arredor do Día Internacional dos Dereitos Humanos, http://www.un.org/es/events/humanrightsday/, un 10 de Decembro de 1985. 

       En orixe foi constituída por un pequeno grupo de profesores e profesoras, daquela pouco máis que unha ducia, como un Seminario Permanente para elaborar propostas, materiais e recursos didácticos cos que traballar, nas nosas propias aulas, determinados contidos curriculares que estaban ausentes das nosas programacións e das do profesorado en xeral. Falamos de asuntos como a violencia, a discriminación, os dereitos humanos, a pobreza, a exclusión, a convivencia democrática, o medo, o racismo, a xenofobia, o belicismo... temas que, ou non estaban, ou ocupaban un lugar moi marxinal no currículum escolar.

        Desde a creación do Seminario, unha das iniciativas que puxemos en marcha, desde o primeiro minuto, foi a promoción, nos colexios e nos institutos, tamén na sociedade, do Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia, cada 30 de Xaneiro, no aniversario da morte de Gandhi, unha data proclamada polas Nacións Unidas e que no conxunto do Estado popularizou Llorenç Vidal, un pacifista balear. 

Llorenç Vidal

     A mediados dos anos '80 esta celebración en Galicia era algo practicamente descoñecido. Contábanse cos dedos das mans as persoas que celebraban esta efeméride na súa aula ou no seu centro. Desde logo que a propia Educación para a Paz non formaba parte do currículum. Habería que esperar á Reforma Educativa do '90 para que entrara a formar parte dos obxectivos, contidos e actividades do profesorado como un eixe transversal obrigatorio. A partir de alí, tanto as celebracións do Día Escolar pola Paz como a introdución da Educación para a Paz no currículum non fixo máis que aumentar mesmo ate que se creou a materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos no ano 2006 e hoxe suprimida, por obra e gracia do PP e da Conferencia Episcopal.

   Paralelamente, tamén avanzamos no eido lexislativo, tanto Cataluña primeiro, como o Estado despois, aprobaron sendas leis de fomento da educación e a cultura da paz (2005). Creáronse, no ámbito académico, Cátedras e Institutos de Paz e Conflitos, foise tecendo unha rede de organizacións de educación e de investigación para a paz que conformarían a Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ) en 1997, www.aipaz.org,  e a mellora da convivencia escolar empezou a converterse nun tema central nos centros escolares, particularmente, logo da tráxica morte de Jokin Cebeiro en Hondarribia (2004), aprobándose Plans de Convivencia, Observatorios, equipos de mediación, protocolos de actuación que involucraron a toda a comunidade educativa.

E as Administracións Educativas competentes, no Estado, nas CC.AA, no ámbito municipal, con carácter xeral, seguiron mal que ben a remolque da sociedade civil, como en tantas outras cousas…

E incrementáronse os recursos didácticos, os textos, os xogos e as dinámicas de aula, os audiovisuais, as teses doutorais, os másters, os encontros e as xornadas, os cursos de formación… Calquera profesor ou profesora que hoxe teña interese por traballar estes contidos na súa aula o ten moitísimo máis fácil de como o tiñamos nós en 1985. Na rede, en Internet, existen hoxe páxinas e páxinas, xogos cooperativos, barómetros de valores, experiencias, textos, vídeos, contos, teatro de sombras, teatro tradicional, cinema, bibliografía… materiais inexistentes ou moi limitados hai 30 anos. A propia web do Seminario Galego de Educación para a Paz, www.sgep.org é un bo escaparate para asomarse e mirar.

Etica Civica, 1º de Eso

Nesta ocasión, como tódolos anos desde hai 30, fixemos unha proposta didáctica ós centros a través da web e do correo electrónico, non hai axudas para facelo como antes, en papel. Pódese baixar por impresora gratuitamente e trátase dunha das 6 unidades que compoñen o libro de Ética Cívica para 1º de ESO que está a piques de saír do prelo publicado pola Editorial Baía e da autoría do noso compañeiro Moisés Lozano.


Cartaz da Exposición Itinerante ARTEPAZ 2015

Con motivo do 30 Aniversario, 21 artistas, pintores, fotógrafas, videocreadores, ceden e doan obra para axudar ó Seminario a financiar as súas actividades. Unha Exposición Itinerante denominada ARTEPAZ 2015 percorrerá as cidades galegas durante todo o ano. Inaugurámola o Luns, 26 de Xaneiro, no Forum Metropolitano de A Coruña e contaremos, para elo, unha vez máis, co bo amigo Federico Mayor Zaragoza, ex director xeral da UNESCO, presidente da Fundación Cultura de Paz, que desde o ano 2000 ven colaborando activamente co Seminario Galego, a súa representación en Galicia. Mini e Mero poñerán o broche musical a este acto.



Por último, como tódolos anos, o mesmo Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia, o venres 30, estaremos na Casa de Rosalía de Castro en Padrón, con nenos e nenas da comarca, celebrando colectivamente a data. Pola tarde, en Santiago de Compostela, entregaremos o PREMIO PORTAPAZRoberto Rivas, bombeiro de A Coruña, pola súa coraxe cívica e a súa valentía nun acto de desobediencia civil que o honra ó oporse a intervir nun desafiuzamento inxusto.

Roberto Rivas

E seguiremos, mentres o corpo aguante, con ou sen axudas oficiais, resistindo, como toca, en defensa da paz e dos dereitos humanos, como o primeiro día, alá por decembro de 1985...