Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

30 ago. 2013

DECLARACION INSTITUCIONAL SOBRE SIRIA




       O SGEP MANIFÉSTASE EN CONTRA DUNHA INTERVENCIÓN MILITAR DOS EE.UU. EN SIRIA

CHAMA Á MOBILIZACIÓN SOCIAL DA CIDADANÍA PARA PARALA


   O Seminario Galego de Educación para a Paz, diante da posibilidade certa de que o goberno norteamericano bombardee Siria nas próximas horas, cos seus aliados máis entusiastas, mesmo sen o respaldo e o aval das Nacións Unidas, e con toda a opinión pública en contra, quere manifestar o que segue:

1º.- Siria leva dous anos nunha feroz guerra civil alimentada, fundamentalmente, polas potencias que controlan o Consello de Seguridade da ONU, xunto cos estados máis importantes da rexión, apoiando a un ou a outro bando en loita. A utilización de armamento químico diverso, vendido polos que agora poñen o berro no ceo, parece estar probado por ambas partes en conflito.

2º.- A intervención militar dos EE.UU. e dos seus aliados en Siria, por moito que se anuncie como puntual, rápida e cirúrxica, contra bases e instalacións militares do réxime de Bachar el Assad, producirá, sen dúbida, máis sufrimento e destrución, morte e desesperación, nun pobo que leva perdidas máis de 100.000 persoas e millóns de desprazados e refuxiados.

3º.- O dereito a protexer ou a utilización de armamento químico, de autoría dubidosa e múltiple, non poden ser esgrimidos como argumentos para os ataques pois é precisamente a poboación civil siria, de ambos bandos, a que sofre as consecuencias dunha guerra atroz de desgaste propiciada, precisamente, polos que agora se proclaman xendarmes internacionais vulnerando inequivocamente a legalidade internacional.

4º.- A decisión do Parlamento británico de non apoiar a intervención ten que facer reflexionar á comunidade internacional, ós parlamentos democráticos, incluído o español e o galego, e converterse nun exemplo a seguir co obxecto de forzar a Barack Obama, Premio Nobel da Paz, para que cambie de política e procure a vía da presión económica e diplomática, co liderado das Nacións Unidas e da Liga Árabe, que impoña un alto o fogo e permita abrir vías de negociación multilateral.


5º.- Por último, a mobilización social pacífica, a presión sobre os parlamentos e demais institucións democráticas, da cidadanía local e global, é a máis poderosa arma de construción de paz que existe. Neste senso, o Seminario Galego de Educación para a Paz apoiará tódalas iniciativas unitarias da sociedade civil e dos movementos sociais en contra da intervención militar en Siria e fai un chamamento para que, no caso de que finalmente teña lugar, a cidadanía responda con concentracións e actos de solidariedade co pobo sirio e pola paz.

27 ago. 2013

Siria no punto de mira...

   

   Das atrocidades cometidas, por ambos bandos, en Siria, non sabemos da misa a media. Máis de dous anos de guerra civil deixan, por agora, 100.000 mortos e aproximadamente 2 millóns de desprazados. Sen contar cos miles de feridos e os destorzos causados nas infraestruturas, nos monumentos artísticos ou no medio ambiente.

   Chega con mirar o mapa de Siria e os estados cos que mantén fronteiras para entender a súa importancia xeoestratéxica e calibrar tamén as razóns das potencias locais e internacionais para manter aberta esta sangría.

   Todo parece indicar que a vitoria militar, para calquera dos bandos en combate, resulta difícil. Os apoios de cada quen parecen claros. Por parte dos "rebeldes", as potencias do Golfo, con Arabia Saudita e Qatar, aliadas de occidente, á cabeza. Pola de Bachar el Asad, nomeadamente, Irán, xunto con Rusia e China.

   Informes independentes diversos, desde hai anos, denuncian a utilización de armamento químico por ambos bandos. As imaxes coñecidas agora, difundidas polos opositores ó réxime de El Asad, amplificadas polos medios occidentais, amosan o horror da guerra, con independencia das armas utilizadas e as vítimas, maioritariamente nenos e nenas, mulleres e anciáns, é dicir, a poboación civil indefensa, o principal obxectivo militar nunha guerra moderna.

   A comunidade internacional, pero sobre todo, os estados que copan e vetan no Consello de Seguridade da ONU, son os principais provedores de material bélico ós bandos en conflito, tamén do químico. Detrás de cada bomba, de cada morteiro, de cada morto, está unha das potencias que usan e abusan das Nacións Unidas, cada día máis inútil, por obra e graza dos poucos estados que a controlan e cun Ban Ki Moon facendo un papel vergoñento.

   A utilización de armamento non convencional, químico ou de calquera outro tipo, non é unha novidade. Nin sequera os países occidentais, os que din representar a democracia e os dereitos humanos, teñen escrúpulo algún en usalo. Lembremos Iraq e as consecuencias terribles que está a sufrir a poboación, aínda hoxe, polo uso de uranio empobrecido por parte da coalición internacional.

   Por iso resulta dun cinismo atronador, dunha hipocrisía suprema, usar esta escusa para intervir militarmente en Siria. Non se trata de que Nacións Unidas interpoña forzas de contención, que se decrete un alto o fogo, que se abran negociacións entre as partes. Non. Trátase de repetir os erros cometidos anteriormente en Iraq, en Afganistán, en Libia, con respaldo da ONU ou sen el, de usar a OTAN para atacar e favorecer ós "rebeldes", derrocar o réxime e impoñer, unha vez máis, un goberno títere. O mesmo guión, a mesma historia. A mesma política. Sen sequera saber quen está detrás das numerosas faccións militares opositoras. Sen garantía algunha. Sen prever os enormes riscos derivados de incendiar completamente a rexión. 

   Os tambores de guerra son a música ambiental propia daquela xeografía, desde hai anos. E Occidente está empeñado en tocar de oído, sempre coa mesma melodía. Neocolonialismo de manual. Control e uso dos recursos naturais. Gobernos sumisos. Saqueo pleno garantido. Horror. Todo vale contra do inimigo. O islamismo como escusa. Sunnismo e cheísmo como tapadeira. 

   Pola contra, compre solidarizarse co pobo sirio, impedir que continúen as matanzas e a destrución, reclamar unha intervención efectiva das Nacións Unidas, asegurar e garantir un alto o fogo, abrir negociacións de paz, e que o conflito atope vías pacíficas de solución, por medio do diálogo. Non hai outra alternativa á guerra e á violencia. Europa tería que abandeirar esta política. E un Premio Nobel da Paz non digamos.

   Os falcóns, de tódalas pelaxes, aquí e alá, aborrecen destas iniciativas e as cualifican de "buenistas", inxenuas ou no mellor dos casos, de utópicas. Pois ben, como sempre, a contracorrente e co ventiño de cara. 

Non á guerra!
Non no noso nome!

   

   

13 ago. 2013

Herbón, compás de espera...

  
  As entidades sociais e non lucrativas que vimos desenvolvendo actividades no Convento de Herbón, en Padrón, estamos nun compás de espera. A Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), a Asociación de Nais e Pais de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Sar (AMIPA), o Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP), Sementar, a Sociedade de Estudios Irienses (SEI) e Viravolta, despois de coñecer, por un comunicado ós medios de prensa, o pasado 1 de Agosto, que a comunidade franciscana do mosteiro de San Antonio de Herbón desaparecía, logo de 600 anos de actividade presencial no cenobio.

   As organizacións citadas, vimos de remitir unha carta conxunta ó Ministro Provincial da Orde Franciscana en Santiago de Compostela, José Antonio Castiñeira, co ánimo de coñecer, directa e persoalmente, as razóns de tal decisión e en que situación quedan os convenios de colaboración vixentes. Tamén para trasladar a nosa solidariedade, apoio e gratitude á comunidade franciscana de Herbón, en particular, ó seu xa ex- prior, Roberto Freire, e solicitar a reconsideración da decisión xa que pon moi en perigo a pervivencia dos proxectos xa que el, co seu dinamismo e bo facer, foi parte central da sinatura dos convenios existentes, o noso mellor interlocutor, unha persoa comprometida e involucrada nos distintos proxectos sociais. E porque foi el quen máis sufriu as presións e ameazas dos que non quixeron, nin queren, que o conxunto de Herbón sexa declarado Ben de Interese Cultural porque, supoñemos, teñen outros plans para aqueles espazos magníficos á carón do río Ulla.

   Claro que a Orde Franciscana ten todo o dereito a mover ós seus reducidos efectivos. Faltaría máis. Sen embargo, sorprende que, como di o vello dito, desvistamos un santo para vestir outro. En Herbón había, e hai, actividade social recoñecida, inequívoca, asumida formalmente pola Orde, valorada moi positivamente, aínda no mes de maio pasado. Mais o Pai Roberto foi o impulsor dos convenios en vigor, o seu maior sostén, sobre a base da confianza e do diálogo, coa súa humildade e dedicación. Sen a súa presencia en Herbón, todos nos sentimos un pouco orfos. Por iso pedimos a reconsideración da decisión.

   En maio pasado, o provincial e o goberno franciscano en pleno, estiveron en Herbón con tódalas entidades, co Prior, e manifestaron o seu apoio ás iniciativas que estabamos a desenvolver. Tamén o compromiso de informarnos previamente a calquera decisión que puidera facer variar os proxectos existentes. Non foi así. Desde aquela, durante case que dous meses, os rumores sobre o traslado de Roberto Freire foron en aumento, ate que foi efectivo. E tivemos confirmación oficial por medio dun comunicado de prensa emitido polo goberno da provincia franciscana. Non parece a mellor maneira de trasladarnos unha decisión dan relevante.

   O debate sobre si Herbón está ou non pechado carece de sentido. Os feitos cantan. No convento xa non hai frades. Podemos chamarlle como queiramos mais a comunidade franciscana de Herbón deixou de existir realmente o pasado día 1 de Agosto. E ningunha das entidades sociais que alí estamos sabemos a que aternos, en que condicións imos seguir desenvolvendo as nosas actividades, quen é a persoa responsable e interlocutor, quen atende, controla e vixia o recinto, as instalacións e os recursos, en que horarios, como afecta ós convenios en vigor.

   Por iso, o pasado Sábado, conxuntamente, remitimos unha carta ó provincial, Sr. Castiñeira, solicitando unha reunión urxente con todas as entidades. Este luns fixémola pública. Confiamos en que sexa posible antes de que remate o verán pois, en setembro, queremos ter tódalas dúbidas despexadas. 

   Diversas conversas telefónicas co Provincial apuntan a que teremos reunións bilaterais en breve. Son necesarias, imprescindibles, para clarificar a situación, desfacer entortos, analizar polo miúdo a situación e os convenios, pero a conxunta, tamén. Ogallá todo volva a normalidade. Debémosllo, sobre todo,
ó Pai Roberto. 

6 ago. 2013

Silencio conventual

   


   Pasou xa unha semana. No convento de San Antonio de Herbón, en Padrón, non hai frades. O xa ex-Prior, Roberto Freire, descansa de varios anos de presións inauditas. Ameazas de morte telefónicas, envelenamento dos seus cans, insultos, insidias, calumnias, panfletos, homilías... unha auténtica infamia. Todo por defender, ó pe da letra, o espírito de Francisco de Asís, paz e ben
   Desde o primeiro momento en que chegou a Herbón, o Pai Roberto quixo dinamizalo, darlle vida, vinculalo con entidades e asociacións non lucrativas, de forte contido social. E así foi tecendo unha rede de complicidades. Sementar, Amipa, Viravolta, Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, Instituto de Estudios Irienses ou o Seminario Galego de Educación para a Paz, tan diversas, tan distintas, complementarias, compartindo espazos e proxectos.
   A decisión de solicitar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para aquel conxunto, 48.000 metros cadrados amurallados, con enormes valores culturais, artísticos, históricos, medioambientais, á beira do río Ulla, foi o detonante dunha campaña infame contra del. Tratábase de acceder a financiamento para a restauración dunha parte do convento, con cargo ó 1% cultural do Mº de Fomento, e co obxecto de poñer en marcha o que chamamos Lar da Paz, un Centro Internacional pola Paz. Para iso era unha condición previa que o convento tivera en marcha o BIC. E así o solicitamos, en Patrimonio da Xunta de Galicia, con todo o seu apoio, na anterior lexislatura.
   A decisión de Patrimonio (que non nosa) de establecer un perímetro de protección de 150 metros arredor da muralla desatou a polémica. O alcalde, Fernández Angueira (PP), ate aquel momento firme defensor da iniciativa, revirou o seu criterio, ó parecer, por presión dalgún propietario do lugar, tamén do PP, que consideraba que a declaración BIC podía prexudicalo. E convocou ós veciños en Asemblea, claro, ós que el quixo. Non avisou ós frades, nin ás asociacións promotoras, e dedicouse a sementar unha inxustificada alarma social, irresponsablemente, dando pulo a toda clase de rumores: que si non se poderían poñer invernadoiros de pementos, que si habería que cubrilos con tullas, que si para mover unha pedra habería que pedir permiso a Patrimonio... e recolleu sinaturas en contra do BIC, e fixo alegacións, fora de prazo, e moveuse, moveuse moito, internamente no PP, en Patrimonio da Xunta, na Comisión Provincial.., na Orde Franciscana en Santiago, e tamén por Herbón.
   O Pai Roberto aguantou carros e carretas, co único apoio das asociacións de Herbón e moitos veciños. A Orde da que forma parte, lamentablemente, durante case que dous anos de presións, calou. Mesmo en momentos moi críticos. Convertérase nun estorbo para persoas poderosas. Algúns facían gala de que o problema de Herbón era o Prior...
   Mentres, internamente e coas asociacións, o goberno provincial franciscano co Pai Castiñeira á cabeza, dicía apoiar ó Pai Roberto e os proxectos sociais que el dinamizaba. A penúltima ocasión, no mes de maio, nunha reunión conxunta das entidades sociais co goberno provincial, alí, no propio refectorio do convento.
   Un mes despois, a decisión estaba tomada. Sen consultar, sen informar, contradicindo o que dixeran en maio. Os dous únicos frades de Herbón serían "reubicados". No convento deixará de vivir unha pequena comunidade franciscana por primeira vez en 600 anos. Algúns estarán moi contentos. Herbón non será BIC e tampouco un proxecto social. Roberto Freire xa non molestará máis. Sen embargo, conta coa solidariedade, o apoio e toda a gratitude das persoas e das entidades que colaboramos activamente con el nestes anos, contra vento e marea, Roma e Santiago. Unha historia que se repite, por desgraza, demasiadas veces neste país. Uns, moi poucos, poderosos, impoñen os seus criterios e intereses.
   A decisión de reubicar os frades de Herbón sorprende, máxime porque alí había actividade social recoñecida. Porque hai moi pouco que o Provincial manifestaba a súa vontade de darlle continuidade e apoio. Que pasou entón? Que cambiou en dous meses?.
   Ningunha das asociacións que convivimos en Herbón fomos consultadas nin sequera informadas previamente. Tampouco logo da toma da decisión. Case que dúas semanas despois, a única información, témola por unha nota de prensa publicada o día 1 de Agosto polo goberno provincial franciscano de Santiago. Tentaban desmentir un feito. En Herbón non quedan frades. Nin os haberá. A comunidade foi disolta. O debate de si está pechado ou non carece de sentido. O principal sostén do proxecto social de Herbón foi trasladado, algunhas voces falan de "castigado". No convento non hai ninguén. Aqueles espazos quedan sen vixianza, sen mantemento, sen atención directa. As asociacións sen referente. Os convenios, de facto, en suspenso, por moito que reiteren que seguen en vigor.
   Son moitas as persoas que saben dos intereses e ambicións inmobiliarias para con Herbón. Sempre existíu este ruxe ruxe. E algún proxecto concreto vinculado a persoas e a empresas poderosas. Unha Residencia para ricos, din algúns. A permanencia de Roberto Freire e das asociacións, un obstáculo.
   O aniversario da peregrinación de Francisco de Asís a Compostela, o ano que ven, negociada coa Xunta de Galicia, con toda pompa e boato, con visita (ou non) do Papa Francisco, lonxe de apaciguar os ánimos e os intereses, pode converterse nun fiasco para o auténtico espíritu franciscano.
   A día de hoxe, ningunha das entidades sociais de Herbón sabe en que condicións están, que responsabilidades teñen, quen é o novo referente franciscano, quen atende, vixía, controla, mantén as instalacións e os recursos existentes, de que maneira se van a materializar os convenios e en que termos poden quedar. Nada de nada. Sen explicacións. Silencio conventual.