Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

31 ene 2013

Manías...

       



        Alguén dirá que son un resentido. Que teño manía persecutoria. Que o victimismo xa non me permite ver a realidade obxectivamente. Mesmo que son un vello cascarrabias. Sen embargo, a estas alturas da vida, que máis nos poden facer? Estoume a referir, claro está, ó Seminario Galego de Educación para a Paz, unha entidade con 28 anos de antigüidade, nada menos!.
        Desde o mesmo momento en que Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, chegou a San Caetano, todo cambiou para peor. Quitáronnos as axudas, de educación, de cultura, de política lingüística. Anularon o convenio de colaboración que asinara no seu día Juan Piñeiro Permuy, que renovara Celso Currás, ó igual que Laura Sánchez Piñón. Retiraron a Comisión de Servizos convocada por concurso de méritos e renovada anualmente. Ignoraron o Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar que tanto contribuímos a elaborar de maneira ben activa. Cesáronnos no Observatorio Galego aínda que seguimos a ser membros do estatal, por nomeamento de Angel Gabilondo. Invisibilizáronnos todo o que puideron e seguen, e seguen, como os coellos do anuncio.
        As razóns non son económicas. Non é a crise. Trátase, como en tantas outras dimensións, dunha estafa. Débese ó máis obtuso sectarismo ideolóxico.  A censura, a ocultación, o ninguneo, é tan grande que chega a todas partes. Argumentario político. Directrices. Sutilmente ás veces. Silenciosamente noutras. Burdamente as máis.
        Contarei as dúas últimas, ben recentes, e que cada quen tire as súas conclusións.
        A primeira fai referencia ó uso das instalacións do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), un centro público magnífico promovido por Celso Currás, que el mesmo animou a dinamizar, e no que vimos realizando numerosas actividades desde a súa inauguración, sen problema algún. Mesmo recibimos as felicitacións do propio conselleiro Currás en varias ocasións.
        Neste curso académico empezaron as dificultades. Que si había demasiadas peticións, que si era usado por entidades que pouco tiñan que ver coa educación... Ningunha das razóns esgrimidas tiña que ver co Seminario Galego de Educación para a Paz, organización educativa, obviamente, cun convenio vixente coa Consellería, nunca denunciado. A primeira negativa, logo rectificada, foi para a realización dun curso de cine dirixido por Toni Brea. A segunda, tamén modificada, finalmente, foi para a celebración do Día Escolar pola Paz, o pasado día 30 de Xaneiro. Sen embargo, considerouse como unha excepción, unha especie de favor de última hora. No futuro, a cousa xa non pintará igual, agás rectificación. Debo dicir, en honor á verdade, que o director en funcións do MUPEGA non ten nada que ver.
        O outro exemplo que relatarei tamén foi con ocasión da celebración deste día da nonviolencia en Ourense. Acto precioso na Praza de San Martiño, con case que 80 cativos de 6º de Primaria do Colexio de Practicas, cos seus paraugas reciclados para a paz, colaboración do concello, escola municipal de música... aparecen dous equipos da TVG, dous! a falla dun. Toman imaxes, entrevistas ós nenos e nenas, tamén á concelleira Ana Garrido, a min mesmo, pídennos que prolonguemos o acto para entrar en directo, facémolo e, ¡que casualidade!, na emisión no Telexornal do mediodía, efectivamente, saen os rapaces, os paraugas, o marco incomparable da praza e da catedral... pero..., sempre ten que vir un pero, parecera que agromaran por xeración espontánea, como os cogomelos, unha obra propia da natureza...   Ningunha mención ó Seminario Galego de Educación para a Paz, ó concello de Ourense, ó seu departamento de educación, ó Colexio de Practicas, ó seu profesorado... por que?, diría o Mourinho, por que?. Decisión dos profesionais que cubriron a nova?. Non o creo. Penso que ten que ver máis co sectarismo dos responsables políticos da cadea pública, ca censura, co extremismo ideolóxico, co obxectivo de invisibilizar todo aquilo que non é do PP ou dos seus sectores afíns.    
        Unha pregunta sen mala intención para rematar. Acontecería o mesmo si a entidade promotora dos actos fose unha ONG da Igrexa? Ou si o Concello non fose do PSOE?. O deixo así para o voso xuízo.
        Ben, quizais todo isto sexa unha fabulación miña, un conto para nenos dun vello cascarrabias, unha invención, cousas da idade e da xubilación...
        

23 ene 2013

Os anxos que levamos dentro


        

        Steven Pinker, profesor canadense (Montreal,1954), director do Centro de Neurociencia Cognitiva no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts, ven de publicar un magnífico libro, en castelán, que ten o mesmo título que eu puxen a este artigo, ó que el engade un subtítulo, moi preciso, no que adianta a súa principal tese, o declive da violencia e as súas implicacións,que eu comparto.
        A citada publicación, moi exhaustiva e mellor documentada, empeza por sinalar que aínda que a maioría da xente non o crea, a violencia ven descendendo historicamente e que quizais vivamos na época máis pacífica da existencia da nosa especie. Non sen dificultades, claro, pois non somos quen de acadar o grao cero. Sen embargo, Pinker documenta que, desde os enfrontamentos bélicos ate as malleiras ós cativos e ás mulleres, temos realizado un longo percorrido, na boa dirección, e que afecta a todos os aspectos das nosas vidas, á nosa propia existencia diaria, dado que é moi distinta a cando tiñamos que estar preocupados por si seriamos vítimas dun rapto, dunha violación ou da morte violenta.
        Certo que son moitas as persoas que seguen a ver o mundo como un terrible pesadelo de crimes, terrorismo, xenocidio e guerra. Sen embargo, con perspectiva histórica, debemos comprender que vivimos, certamente, con dificultades, nun período con niveis inauditos de coexistencia pacífica.
        Desde logo que, por moi pequena que sexa a porcentaxe de mortes violentas, afirma Pinker, en números absolutos, sempre haberá as suficientes como para encher o telexornal da noite, de tal maneira que a percepción subxectiva da xente respecto da violencia non terá correspondencia coas proporcións reais da mesma. En calquera caso, a redución das violencias nos distintos ámbitos, na familia, o barrio, entre tribos e faccións armadas, ou entre países e estados, en opinión do autor canadense, visto con perspectiva histórica, ten diminuído drasticamente. Son as propias facultades humanas, as nosas capacidades, os anxos que levamos dentro, as que nos predispoñen para a cooperación e a paz.
        Pinker fala de seis grandes tendencias, cinco demos interiores, catro anxos e cinco forzas históricas. As seis tendencias analizan a evolución histórica da Humanidade e salientan unha primeira, a que iría desde a anarquía, a caza, a recolección e as sociedades hortícolas ate as primeiras civilizacións agrícolas, cidades e gobernos cun descenso ate a quinta parte dos índices de mortes violentas. A esta etapa a denomina como proceso de pacificación. Unha segunda, chamada, proceso de civilización, abranguería desde o final da Idade Media ate a Ilustración, cunha redución de entre dez e quince veces os índices de homicidios. A terceira, entre a Razón e os séculos XVII e XVIII, época na que aparecen os primeiros movementos organizados para abolir formas de violencia toleradas como o despotismo, a escravitude, os duelos, a tortura xudicial, as matanzas supersticiosas... e os primeiros indicios de pacifismo sistemático. A esta etapa a chama revolución humanitaria. A cuarta, a finais da Segunda Guerra Mundial, con avances sen precedentes históricos, chámalle a longa paz. A quinta, desde finais da Guerra Fría en 1989, os conflitos terían diminuído significativamente, guerras civís, xenocidios, represión autocrática, atentados terroristas... e finalmente, a época actual, na que os avances nos dereitos civís, das mulleres, dereitos dos nenos, gays e dereitos dos animais son moi evidentes e que Pinker denomina, as revolucións polos dereitos.
        Os cinco demos interiores serían a violencia depredadora ou instrumental, o dominio, a vinganza, o sadismo e a ideoloxía como utopía xustificadora da violencia ilimitada para acadar un ben tamén ilimitado.
        Os catro mellores anxos serían a empatía, o autocontrol, o sentido moral e a razón. Por último, as cinco forzas históricas terían que ver co Leviatán, o estado e o sistema xurídico que monopoliza o uso lexítimo da forza; o comercio, como un xogo de suma positiva no que todo o mundo pode gañar; a feminización progresiva das culturas que respectan, cada vez máis, os intereses, os valores e os dereitos das mulleres; o cosmopolitismo, a alfabetización progresiva, a mobilidade e os medios de comunicación de masas; e, por último, unha redobrada aplicación do coñecemento e a racionalidade ós asuntos humanos, o que Pinker chama, a escaleira mecánica da razón.
        Rexeitemos as violencias, fagamos as paces, por medio do diálogo e do acordo, valoremos o que temos acadado con tanto esforzo e sufrimento, e comprendamos que o que hoxe temos, existe, entre outras razóns, porque moitas persoas de ben, de xeracións pasadas, quedaron horrorizadas pola violencia da súa época, e se esforzaron por reducila, da mesma maneira que nós temos que esforzarnos por reducir as violencias que persisten na actualidade, porque, recoñecer que as violencias diminúen ratifica que eses esforzos por erradicalas, merecen a pena, sen nengún xénero de dúbidas.
         Por certo, o libro de Pinker, magnífico, moi recomendable, grazas. Está en Paidós.

17 ene 2013

EDUCACIÓN, CIDADANÍA, DEREITOS HUMANOS... COMO NON?

       


         Como cada ano, cando se achega o 30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz, data na que lembramos o aniversario do asasinato do Mahatma Gandhi (1948-2013), os colexios e institutos de Galicia, o seu profesorado máis activo e comprometido coa Educación para a Paz, anda axitado na procura de recursos para organizar as actividades, de aula e de centro, que tradicionalmente preparan arredor desta efeméride ecopacifista recoñecida.
         A nós, ó Seminario Galego de Educación para a Paz, énchenos de satisfacción e de ledicia todo este rebulir na busca de poemas, cancións, pequenas pezas teatrais, manifestos, unidades didácticas, recursos que, con tanta ilusión, poñemos a disposición dos centros escolares na nosa web: www.sgep.org e que sabemos son moi utilizados para esta conmemoración, e tamén durante o resto do curso académico, de maneira transversal, en materias concretas, ou na titoría.
         Desde o 10 de Decembro de 1985, data na que se constituíu oficialmente o Seminario Galego de Educación para a Paz, non paramos nin un só ano na promoción e difusión desta celebración nas aulas e na vida, ás veces con poucos apoios institucionais, ou ningún, e sempre arredor de ideais e valores universais, como son, o fomento da cultura da paz e a nonviolencia, a igualdade entre homes e mulleres, a convivencia democrática, a resolución pacífica dos conflitos, o diálogo e a mediación, a xustiza e a solidariedade, a cooperación, as virtudes cívicas, a cidadanía e os dereitos humanos.
         Hoxe vivimos momentos especialmente preocupantes, non só porque a crise económica está afectando, cada vez con máis intensidade, á maioría da poboación, senón porque as violencias, así, en plural, pero sobre todo, as de carácter estrutural, aquelas que están directamente relacionadas coa inxustiza (as inxustizas de hoxe son as guerras de mañá), están caendo con especial virulencia sobre os sectores máis febles e desfavorecidos da sociedade, pero tamén, cada vez máis, sobre as clases medias.
         Son moitos os nenos e as nenas, os adolescentes, que viven con especial angustia a realidade diaria das súas familias, a perda do emprego dos seus pais e nais, o desafiuzamento das súas vivendas, os recortes na educación e na sanidade, mesmo na cesta da compra de cada día, ou os aforros de tantos anos polas participacións chamadas “preferentes” e que en Galicia afectan a nada menos que a 70.000 familias. Estas circunstancias están presentes nas nosas escolas e institutos, para quen queira velas...
         Por todo isto, o 30 de Xaneiro, o Día Escolar pola Paz, non pode pasar de esguello por esta realidade. Hoxe, máis que nunca, temos que apelar ós valores cívicos e democráticos, á cooperación, á solidariedade, ó apoio, á axuda mutua, para coas principais vítimas dunha situación que non provocaron e reclamar, con tanta xente, xustiza, distributiva e penal, para coas persoas que nos levaron a esta situación e que, lamentablemente, diante dos nosos ollos, viven con total e absoluta impunidade.
         Mentres a maioría da poboación sofre e ve ameazadas as súas condicións de vida e de traballo, a propia dignidade humana, base da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, os casos de corrupción política ou económica van en aumento e observamos -con indignación- como a mentira, o cinismo, o engano masivo, os contravalores sociais que tratamos de desaprender nas aulas, avanzan e se estenden.
         Neste contexto, de crecentes dificultades económicas para tantas persoas, a mesma democracia, como tal, vese tamén moi resentida, como os dereitos constitucionais, os valores de cidadanía e os propios dereitos humanos.
         Por iso sorprende -aínda moito máis- que a nova Ley de Educacion, a LOMCE, promovida polo ministro Wert, sen diálogo algún coa comunidade educativa, non só pretenda retroceder moitos anos no modelo educativo, coas reválidas e a relixión avaliable, senón que mesmo teña prevista a derrogación da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, unha materia que resulta, hoxe por hoxe, moito máis necesaria, e porque tiña asumidos plenamente os obxectivos, contidos e metodoloxías da Educación para a Paz.
         Por todo o anterior, o lema escollido para a celebración deste Día Escolar pola Paz, sobre o que suxerimos reflexionar e actuar nos centros escolares, non podía ser outro: Educación, Cidadanía, Dereitos Humanos... como non?.
         Os actos centrais, nesta ocasión, serán en Ourense, na Praza de San Martiño, con alumnado de 6º de Primaria do Colexio de Practicas, que están reciclando e decorando paraugas vellos para transformalos en Paraugas para a Paz, símbolo de acollida, de protección, a que todas e todos necesitamos. Será ás 12:00 do mediodía, con música, manifesto pola paz, pedidos dos cativos, e a colaboración do concello.
         Pola tarde, ás 19:00 horas, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago de Compostela, entregaremos, como todos os anos, os PREMIOS PORTAPAZ, nesta ocasión, a STOP DESHAUCIOS, unha decisión unánime da Xunta Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz, pola súa firmeza nonviolenta, de denuncia social, pero sobre todo de apoio e solidariedade, para coas familias afectadas. A entrada será libre e todas e todos estades convidad@s.