As
relacións entre iguais son moi complexas, na vida, e nos centros
escolares. As cousas, por moito que nos empeñemos, non son brancas
ou negras. E os institutos son, o repetimos moitas veces,
microsociedades que reproducen, para ben ou para mal, a formación
social da época na que están inmersos.
Os
conflitos existen, existiron e seguirán a existir, dentro e fora das
aulas, porque somos seres libres, porque temos intereses,
aspiracións, desexos..., distintos. Do que se trata é de aprender a
resolvelos conflitos de maneira pacífica, de prevelos, de
desaprender as violencias, na casa e na escola, de intervir sobre
eles, antes, moito antes, de que dexeneren e rematen en consecuencias
irreparables, como foi o caso de Jokin en Hondarribia en 2005
ou agora o de Mónica Patricia en Ciudad Real.
Conflitividade
e convivencia escolar, son un binomio co que lidiamos, cada día, con
mellor ou peor acerto, e con escasos recursos e apoios, con moito
voluntarismo, os profesores e profesoras, nos miles de colexios e
institutos que abren as súas portas diariamente, con horarios
sobrecargados, macrocentros, ratios elevadas, e formación específica
deficiente.
Existen
múltiples actores á hora de abordar -con garantías de éxito- a
conflitividade escolar, sobre todo a súa prevención e mellora. Os
primeiros, antes que ninguén, son os pais e as nais, a educación
afectivo emocional nas familias, como mellor antídoto contra das
violencias. Logo está a escola, o colexio, o instituto, a comunidade
educativa enteira, para reforzar ou corrixir actitudes,
comportamentos e valores. Para intervir, educando.
Mais
tamén teñen moita responsabilidade as autoridades educativas coas
políticas que promoven ou coas súas inhibicións. Non chega con
lamentarse, con abrir investigacións, conceder o título de
autoridade ou obrigar a crear aulas de convivencia segregadoras, por
exemplo, pensando que a convivencia escolar se aborda, sobre todo,
con protocolos e regulamentos disciplinarios e de seguridade,
esquecéndose -deliberadamente- dos Plans Integrais de Mellora da
Convivencia Escolar, como acontece en Galicia, da súa aplicación
e desenvolvemento, ou do Observatorio Galego da Convivencia
Escolar, que non se reuníu en toda a lexislatura pasada, e do
que non coñecemos iniciativa algunha, en case que catro anos. Ou
desmantelando por completo a estructura de formación do profesorado,
ou eliminando a materia de Educación para a Ciudadanía e os
Dereitos Humanos.
E
os medios de comunicación, na forma de achegarse a esta realidade
complexa, no tratamento que escollen, mais tamén nos valores e
modelos que transmiten, nos titulares que publican, na imaxe que dan
dos centros educativos, da comunidade educativa e do profesorado. Non
pode ser que unha pelexa á porta dun instituto acapare primeiras
pàxinas mentres que a actividade diaria dos equipos de mediación e
tratamento de conflitos, dos servizos de orientación, que existen e
funcionan razoablemente ben en tantos, pola xeografía adiante, non
sintan o alento da sociedade e dos seus medios.
Con
frecuencia, alarmados por acontecementos dramáticos, como o suicidio
de Jokin ou o de Mónica Patricia, en Ciudad Real, moi
recentemente, escoitamos ou lemos con tristeza interpretacións que
buscan atopar as responsabilidades na propia víctima ou na súa
familia. Tamén as hai que tratan de culpabilizar ó instituto, ó
profesorado, pola súa incapacidade para detectar a tempo unha
situación de maltrato entre iguais que, por suposto, despois do
tráxico desenlace, parecía evidente para tantas persoas...
Con
moita facilidade (e menor coñecemento) observamos en colegas,
medios, etc, identificar estes acontecementos cun palabro en inglés,
o chamado “bullying” ou mellor, acoso escolar.
Titulares e crónicas, en moitas ocasións máis próximos ó
sensacionalismo que ó rigor, o veñen usando, ás veces con
demasiada alegría, para trasladar á opinión pública que o
problema está dentro dos muros da escola e dos institutos. Da a
impresión, como teño referido noutros artigos, de que os centros
educativos fosen “territorio comanche”. Nada máis lonxe
da realidade. Ou de que o profesorado arrastra, sobre todo nos
últimos anos, os democráticos quizáis?, un déficit de autoridade
que necesita recuperar para que estes fenómenos desaparezan. Pois
tampouco.
Sen
dúbida, a morte de Jokin significou un antes e un despois.
Puxo na axenda educativa xeral un problema que, ata aquel momento,
formaba parte do pensamento e da actuación de persoas, grupos ou
entidades minoritarias que viñan traballando, dentro e fora dos
centros, na mellora integral da convivencia escolar, tratando,
ademais, de sacar da súa tradicional opacidade, fenómenos que todas
e todos coñecemos, pola nosa propia experiencia escolar, como son, o
matonismo, o racismo, a discriminación, o
maltrato, as violencias. Quen non viu escenas de
insulto, abuso, agresión... ó longo da súa propia vida académica?.
Polo tanto, non estamos a falar dun fenómeno novo, nen sequera
recente, aínda que os novos formatos, nos últimos anos, certamente,
complementan e multiplican as vellas fórmulas con situacións, por
exemplo, de ciberacoso, a través das pantallas e a difusión
masiva por medio dos móbiles e da internet.
O
caso de Mónica Patricia,
en Ciudad Real, ten toda a complexidade que o maltrato entre iguais
reviste. Ademáis, o racismo e o clasismo, probablemente, ilustren o
resultado das investigacións en curso, nos seus diferentes ámbitos,
educativo, policial e xudicial. En calquera caso, algunhas cuestións
parecen obvias. Non se detectou a tempo, as alertas de prevención,
si existían, non funcionaron, a nena non recibíu a protección
imprescindible (a opción de cambiala de clase e de centro non é,
non debe ser, para a víctima do maltrato senón para os
maltratadores, de existir e comprobarse), por citar algúns exemplos.
Á
espera do resultado final das averiguacións, quixera aproveitar para
reiterar que, existindo casos como o que nos ocupa, mínimos por
sorte, na cantidade inmensa de alumnado que vive e convive nos
colexios e nos institutos, diariamente, a convivencia escolar, a
pouco que se faga por promovela, mellora significativamente, ó igual
que os resultados académicos, diminuíndo, ó tempo, o fracaso
escolar. Por iso, invertir en prevención, en plans de mellora da
convivencia, na formación específica do profesorado en servizo, en
mediación, creando equipas de tratamento de conflitos, en todos e en
cada un dos centros escolares, favorece non só a convivencia senón
tamén o éxito escolar.
Lamentablemente
as autoridades educativas competentes non están por esta labor. Un
dos sectores máis agredidos polas políticas de restricción do
chamado “gasto” público é precisamente a educación pública e,
dentro dela, as partidas destinadas á formación do profesorado, á
atención personalizada e á diversidade, a orientación, o reforzo,
ou a convivencia escolar. Son os propios centros, co seu esforzo, os
que suplen a desidia e o desinterese da administración educativa.
As
magníficas experiencias de aulas de convivencia non segregadoras que
existen en Galicia, as equipas de mediación e tratamento de
conflitos que veñen funcionando sen apoios institucionais, os
encontros de alumnos e alumnas mediadoras, como o que se celebra
anualmente no IES Fin do Camiño de Fisterra, son exemplos de
iniciativas da sociedade civil, que parten do propio profesorado, e
que as autoridades educativas ignoran, cando non ocultan.
Evitar
sucesos como o de Ciudad Real ou o de Hondarribia
obrígannos e esíxenos a todas e a todos, a pais e a nais,
profesorado, alumnado, á comunidade educativa enteira, ós medios de
comunicación, pero sobre todo, ás autoridades políticas que teñen
a competencia plena, que son as responsables de poñer en marcha,
consolidar e desenvolver as materias, os plans e os instrumentos dos
que nos dotamos para mellorar a convivencia escolar e prever as
violencias. Ate erradicalas definitivamente.
O
20 de Novembro celebramos en todo o mundo o Día Internacional dos
Dereitos da Infancia, unha magnífica ocasión para reflexionar
nos centros escolares, nas familias, nos medios, na administración
educativa, sobre conflitividade e convivencia, e facer propósito da
enmenda.
Manuel
Dios Diz é mestre,
profesor no IES de Cacheiras en Teo, preside o Seminario Galego de
Educación para a Paz e forma parte do Observatorio Estatal da
Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido
prestixio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario