Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

22 dic 2012

36 anos, 3 meses e 23 días

   Pois si. Xa é oficial. O 14 de Xaneiro de 2013, o día no que cumpro 60 anos, xubilareime da docencia regrada no IES de Cacheiras, en Teo, logo de, exactamente, 36 anos, 3 meses e 23 días. Dito así, parece unha condena. Nada máis lonxe da realidade. Quen me coñece o sabe ben. Amo a docencia, ameina desde o principio, e conservo a mesma ilusión que cando comecei, alá por 1976, nun mes de Setembro, con 23 anos, un “pipiolo” que quería comerse o mundo, no Colexio de Entrepontes, en Portomouro. A que montamos!. Moito máis que unha inundación das que tiñamos cada ano. Colexio precioso, magnífico deseño, clases exagonais, mais construído no leito dun río, en clave andaluza, con terrazas por todas partes, unha mágoa.

Eran tempos de transición, xa morrera Franco, pero perduraban costumes e hábitos franquistas. Unha directora que pensaba que o colexio era da súa propiedade. Un inspector dos que abrían o maleteiro do coche para que os pais meteran, sen dar sentenza, bóas viandas. E o cambiamos. Vaia si o cambiamos. Lembro unha folga na que convocamos ás familias a unha Asemblea. A entrada e o patio do centro parecían tomadas por tractores. Un pai, moi molesto, á saída, berroume: A ti había que arrancarche o bigote a pedradas... quizais fose porque a maioría apoiou a decisión do profesorado. Tempos de transición.

    Certo que tiven cinco interrupcións na miña vida profesional. Unha, moi breve, nas primeiras eleccións democráticas, para a campaña electoral polo Frente Democrático de Esquerdas. A segunda, tamén efímera, nas municipais polo Partido do Traballo en Compostela, en 1979. A terceira, máis longa, nos anos '80, como liberado docente, inicialmente no Sindicato Galego do Ensino e a Investigación da CXTG e logo na CIG. A cuarta foi a finais dos anos '90, en Comisión de Servizos convocada por concurso público de méritos, no Seminario de Educación para a Paz. E a última, nas recentes eleccións autonómicas, pechando a candidatura pola Coruña da Alternativa Galega de Esquerda que encabezaban Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz. Nun mítin, con moita sorna, alguén dixo: A candidatura máis atea a abre Deus e a pecha Dios. Divina e celestial…

    A verdade é que empecei -como mestre e activista sindical- logo dunha moi forte aprendizaxe na clandestinidade, nos Comités de Curso, na Universidade de Santiago, nun mítico grupo á esquerda do PC, de nome prochino, Larga Marcha, e en Información Obreira, organizacións que máis tarde conformarían o Partido do Traballo de Galicia. Tempos de compromiso e de risco persoal contra a Ditadura, entre 1972, Amador e Daniel, e 1976, no que aprobo as Oposicións. Anos de estudio na Escola de Maxisterio, nos pavillóns do Burgo das Nacións, hoxe Auditorio de Galicia, de aprendizaxe e de revolta. Asembleas coas luces apagadas, folgas e manifestacións, panfletos e clandestinidade. Lecturas, grupos de discusión, manuais de marxismo, revolución ás portas. Inxenuidade. Pedagoxía do oprimido, Paulo Freire. E os fins de semana, a Vigo, polo ruta Ho Chi Ming, a recoller documentos e directrices, célula obreira, nun Citroën “douscabalos” que colliamos, o benquerido Roberto Pardo e máis eu, na Rosaleda, coas chaves no borralleiro. Alí quedaba ó regreso, sen saber nunca de quen era. E logo a proletarización. Viva o ditariado da proletadura. Rapaces…

    Dos primeiros anos de docencia lembro un conflito de enorme envergadura que involucrou practicamente todo 1978, ó profesorado galego e ó alumnado das Escolas de Maxisterio, con peches e manifestacións masivas, contra dos traslados forzosos de mestres para fora de Galicia.  Aquela batalla, como tantas outras, perdémola. Sen embargo, gañámola para o futuro.  Fomos os últimos desprazados.A min  tocoume ir, con destino definitivo, ó Colexio Juan del Río Ayala, en Santa Brígida, Las Palmas de Gran Canaria (moito máis lonxe non podían mandarme) onde cheguei ben entrado o mes de Outubro, logo dunha folga durísima e dunha negociación aínda máis difícil co MEC e que rematou no Concello de Santiago de Compostela co daquela Secretario de Estado (ou Director Xeral de Persoal) Matías Vallés. Galicia, obviamente, non tiña aínda competencias en materia educativa. 

O que vou contar daquela negociación, pouca xente o sabe. Rematada a última reunión negociadora, co compromiso de que nunca máis habería traslados forzosos (como así aconteceu para os mestres que viñeron despois de nós), baixando xa polas escaleiras de Raxoi, o citado Vallés, nun aparte, pasoume a man polo lombo e díxome: Manuel, no se preocupe, para usted habrá una Comisión de Servicios y no tendrá que marcharse a Canarias. A contestación que lle din non debo reproducila. Uns días despois, chorando, tomaba o avión para Las Palmas. Outros foran antes que eu. Algúns, moi poucos, non se incorporaron nunca ós seus destinos. Non darei nomes. Eu nin quería, nin podía nin debía facelo. Parecíame algo así como alta traizón, logo de liderar aquela durísima loita. Cando volvín de Canarias, no curso seguinte, por Concurso de Traslados, perdín a metade dos puntos que tiña, para entrar no Colexio Progreso de Catoira, onde  estiven 6 anos. Boa xente, bóa terra, xa practicando Educación para a Paz, sen sabelo. Logo, no CPI de Viaño Pequeno, en Trazo, a carón de Santiago e, como dixen, para rematar, fugazmente, no IES de Cacheiras. Eses foron todos os meus destinos.

    Gardo os mellores recordos, sobre todo, do alumnado, das aulas e das actividades extraescolares. Da maioría dos e das colegas. Do seu esforzo e compromiso. Tamén da vida sindical, da participación no agromar e na consolidación do sindicalismo nacionalista galego, na CXTG e logo na CIG, na Federación Internacional de Sindicatos do Ensino (FISE), da miña participación no Congreso de Praga, na FSM (Federación Sindical Mundial) e do seu Congreso de Berlín, onde estivemos representando ó sindicalismo galego, novidade, Humberto Busto e máis eu, uns anos antes da caída do Muro, ou na constitución da Internacional da Educación (IE) en Estocolmo, e desde os anos ’80, vinculado activamente co movemento pacifista, Convención polo Desarme Nuclear en Europa,  Teachers for Peace,  Hague Appeal for Peace, sempre desde a Educación para Paz, co altermundismo, no Foro Mundial de Educación (FME) e nos Foros Sociais Mundiais, outro mundo é posible.

    E a profunda vinculación con AIPAZ e a Fundación Cultura de Paz, a amizade entrañable con Federico Mayor Zaragoza, logo de deixar a Dirección Xeral da UNESCO, no ano 2.000. Tremábanme as pernas cando chamou e díxo que quería contar co Seminario Galego e comigo para a súa Fundación. O coñecía de referencias,  fora Ministro de Educación con Suárez e logo  pola súa personalidade e prestixio internacional, polas magníficas editoriais do Correo da UNESCO, polas cartas e publicacións que mandei a París durante o seu mandato, polo seu extraordinario papel en favor da Cultura da Paz, coa aprobación da Declaración e o Programa de Acción en 1999 na ONU. Canta lucidez, humildade e elegancia xunta. Do mellor que nos ten pasado nestes anos.

    O inmenso e intenso traballo no Seminario Permanente de Educación para a Paz, desde decembro de 1985 ata hoxe, xa como Seminario Galego, é das experiencias das que estou máis orgulloso, das publicacións, dos libros, das unidades didácticas, creo que 28, nada menos, dos encontros e xornadas, dos cursos de formación, das conferencias e charlas polo país adiante, da promoción e consolidación do Día Escolar pola Paz, cada 30 de Xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, dos premios concedidos e recibidos, dos audiovisuais, exposicións, da creación, participación e liderado en movementos sociais como a  Coordinadora Galega pola Paz, a Iniciativa polos Dereitos Humanos, ou as nosas contribucións ó Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia e Observatorio Galego, pero sobre todo, das persoas que durante este tempo, o deron todo para o seu desenvolvemento e prestixio, na Directiva ou fora dela. A celebración en Compostela do FORO 2010, cun Foro Mundial de Educación temático, tres Congresos Internacionais e unha Reunión de Alto Nivel de Nacións Unidas sobre Cultura de Paz, foi a culminación dun esforzo colectivo de moitos anos. Galicia foi, por un mes, o centro do  altermundismo internacional.

  E chegou a crise, mellor dito, a estafa, o saqueo, o desmantelamento das estructuras de participación políticas e sociais creadas, con tanto traballo, nestes anos. E con ela, o afogamento institucional e financieiro do Seminario Galego de Educación para a Paz, no que o actual conselleiro, Jesús Vázquez Abad, ten (e tivo) unha responsabilidade principal. A súa vontade por asfixiar, anular e invisibilizar o Convenio de Colaboración asinado en tempos de Juan Piñeiro Permuy, e renovado por Celso Currás e Laura Sánchez Piñón, foi decidida. Paulatinamente retirou toda axuda para actividades formativas. Ocultou o papel e as actividades do Seminario. Ignorou as  contribucións decisivas ó Plan de Convivencia. Vetouno nos actos e iniciativas organizados pola Consellería en materia de conflitividade e convivencia escolar, de educación ou cultura de paz, dereitos humanos, día escolar pola paz... e imposibilitou a continuidade das súas publicacións e unidades didácticas distribuídas gratuitamente a tódolos centros educativos de Galicia. Por último, anulou a Comisión de Servizos. Non podía facer máis.

  Pero aquí seguimos. Resistindo. Como tantas e tantas organizacións non gubernamentais da sociedade civil galega, todas as que non son da órbita do PP, nin da Igrexa Católica, nin de caridade ou beneficencia. Volven as damas e as mesas petitorias (a medida que desaparecen os dereitos), o Domund e os “chinitos”… pois esas son as únicas entidades que a dereita máis rancia, meapías e conservadora de Europa promove e apoia. Non hai máis que ver a TVG para comprobalo. Por iso Monseñor Rouco  Varela está tan calado. Aquel que acusaba de adoutrinamento a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, o que chamaba á desobediencia civil, o pancarteiro, hoxe está desaparecido, contento e satisfeito nos seus aposentos, coa relixión católica outra vez avaliable, impoñendo o que teñen que estudar os uns e os outros, aqueles que non a queiran, gozando dos extraordinarios privilexios que conserva, os que ningunha outra relixión ten en Europa, e nun estado constitucionalmente aconfesional, vaia broma, segregando por sexos, recibindo prebendas económicas a mans cheas, en plena crise, cos seus feligreses pasando privacións ou suicidándose por perder os seus fogares, vendo como os mercaderes do templo se forran e aumenta a pobreza, a fame e a exclusión, sobre todo dos máis febles, en silencio atroador.

    Pero non se pode enganar a todos, todo o tempo... e torres máis altas caeron.

   

   

   

15 dic 2012

Unha Emenda asasina

   

   Non sei si cada día somos máis fríos, menos emotivos, insensíbeis ou non sei que, pero parece que o mundo, as persoas, nos acostumamos a recibir, con matemática precisión, novas do horror humano, particularmente, de matanzas de escolares nos EE.UU, como a que ven de esnaquizar -para sempre- a 27 familias de Connecticut. O mozo responsable, enfermo e fortemente armado, matou a 20 cativos de entre 5 e 10 anos, e a 7 profesores, entre eles, á súa propia nai, antes de suicidarse.


   Que teñen as escolas, as universidades, os centros de ensino en xeral, nos EE.UU. para que sexan o escenario escollido máis habitual para matanzas provocadas por perturbados?



   Quizais teña que ver coa facilidade de acceso, porque as vítimas son menores indefensos, por ser un territorio infantil ben coñecido, xa que os asasinos con frecuencia estiveron alí escolarizados, ou quizais porque culpan á escola dos seus propios desastres persoais, algo así como un efecto espello, o rostro que ven reflectido horroriza, ou todo a un tempo.



   En calquera caso, os EE.UU teñen un gravísimo problema que máis pronto que tarde terán que abordar, colectivamente, con valentía política, con coraxe decidido e que, polo de agora, ninguén é capaz de afrontar, nin republicanos nin demócratas. Trátase, obviamente, da 2ª Emendaaquela que garante o dereito individual a portar armas, tan interiorizada na propia historia americana. 



   Aínda así, a limitación do uso, as restricións de acceso, especialmente as de groso calibre ou os fusís de asalto profesionais, por exemplo, poderían ser moito máis eficaces, con prohibicións expresas. Sen embargo, na campaña electoral pasada, como noutras, foi un tema coidadosamente esquivado polos candidatos, aínda que Obama, en diversas ocasións, prometera avanzar nas políticas de prevención e restrición de armas. Ata hoxe, nada de nada. 



   E non chega con poñerse sentimental, apelar ós afectos e os sentimentos, ó futuro segado de 27 persoas inocentes, ó sufrimento e ó horror, á proximidade coas familias directamente afectadas. A política, os presidentes, están para resolver os problemas, para darlles, agora xa, unha solución transitoria na boa dirección, cara a definitiva. E toda a sociedade americana coñece perfectamente cal é o camiño. Aínda que non queiran recoñecelo. Cantas máis armas e máis mortíferas estean á libre disposición de calquera, enfermo ou non, en tendas e supermercados, mentres a cultura das armas sexa promovida polos propios fabricantes e os media, con apoloxía frenética, como un dos negocios máis rendibles, a violencia verase multiplicada, e outras matanzas de inocentes, como a que vimos de coñecer, lamentablemente, chegarán con puntualidade precisa, cada ano.

   Ben sei que non é nada fácil. Os intereses acochados na promoción e a venda de armas nos EE.UU. son poderosísimos. As campañas millonarias que destinan cada ano as empresas fabricantes a publicitar a tenencia, uso e venda de armas son extraordinarias. E a cidadanía americana leva demasiados anos bombardeada e alarmada coa súa propia e individual seguridade.



   En calquera caso, restrinxir as facilidades de acceso ás armas con limitacións severas, impulsar políticas de prevención, cambiar mentalidades con campañas consensuadas, reflexionar colectivamente sobre a vixencia ou non dunha  Emenda pensada para unha época ben distinta da actual, con sentido de Estado, con independencia da política partidaria concreta, resulta imprescindible si de verdade se quere avanzar na resolución dun gravísimo problema nacional.



   Porque non estamos a falar de ficción, de películas de Hollywood, de montaxes televisivos, de contos. Trátase da vida de moitas persoas inocentes, anualmente, con matemática precisión, vítimas dunha lei, dunha normativa e dunha Emenda, que matan, de verdade, roubando para sempre a vida e o futuro.

2 dic 2012

DEREITOS HUMANOS: ENTRE DESCOÑECIDOS E VIOLENTADOS

  

    O vindeiro luns, 10 de Decembro, cumpriranse 64 anos desde a aprobación da DECLARACION UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS. Foi na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, en 1948, tres anos despois da súa constitución. Trátase, para mín e para outras moitas persoas, sen dúbida, do documento internacional máis influínte do século XX. Naquela sesión histórica, a Asemblea Xeral pedíu tamén a todos os estados membros que publicasen o texto da Declaración e dispuxesen que fose distribuído, exposto, lido e comentado nas escolas e outros establecementos de ensino...
      Despois de tanto tempo, 64 anos, o grao de coñecemento da cidadanía sobre a citada Declaración, mesmo no noso contexto económico e social, segue a ser moi escaso. Creo que non é por casualidade...
   Con frecuencia pregunto a alumnado universitario, tamén a profesorado en activo, cántas veces, ó longo da súa dilatada vida académica, tiveron ocasión de coñecer, reflexionar, ver, tocar, ou traballar, co magnífico Preámbulo e os 30 artigos da Declaración Universal. As respostas, aínda hoxe, non poden ser máis decepcionantes. Unha minoría, desde logo moi minoritaria, recoñece que en certa ocasión tivo a oportunidade de traballar co texto nalgún curso da súa longa vida escolar. Polo contrario, a maioría, afirma descoñecer a Declaración, o número dos seus artigos ou o contido e significado dos mesmos. Nada saben da orixe do documento, dos seus redactores, das personalidades consultadas antes da súa aprobación, ou sobre o grao de cumprimento dos dereitos e a súa vulneración porque, como repetimos tantas veces, a historia dos dereitos humanos é tamén, a historia da súa propia violación. E non só nos países máis empobrecidos...
      En consecuencia, aquel mandado da Asemblea Xeral de difundir e divulgar a Declaración Universal non foi cumprido ou, digámolo mellor, non o suficiente. Tampouco as institucións dos estados e as autoridades educativas tiveron moito interese. Foi a sociedade civil e as súas organizacións non gubernamentais, as máis activas en dar a coñecer os Dereitos Humanos entre a cidadanía, nas escolas, nos institutos, nos medios..., na vida, nomeadamente Amnistía Internacional.
      En Galicia, o Seminario Galego de Educación para a Paz fixo un esforzo enorme desde finais de 1985, con moi poucos medios, publicando e distribuíndo distintas unidades didácticas,libros de texto, artigos, materiais, documentos, minilibros divulgativos, anuncios de televisión, documentais e outros audiovisuais, exposicións, así como numerosos actos conmemorativos en colexios e institutos, e lecturas colectivas da Declaración Universal. Na súa páxina web, www.sgep.org existe un apartado específico dedicado ós Dereitos Humanos, onde calquera persoa interesada pode baixar por impresora os recursos citados.
      A falla de apoios institucionais, particularmente da Consellería de Educación e Cultura, que presidíu, na anterior lexislatura, Jesús Vázquez Abad (que lamentablemente recuncará catro anos máis, para nosa desgraza e a do ensino público de calidade), levou ate o límite das súas posibilidades a unha entidade creada -hai xa 27 anos- para difundir, precisamente, na escola e na sociedade, os valores cívicos e democráticos, os dereitos humanos, a cultura da paz e a nonviolencia, así como para contribuír á mellora integral da convivencia escolar.
      Non interesa. Desde logo nada de maneira seria e continuada, rigorosa, algo máis alá dunha foto litúrxica do conselleiro, presidente ou alcalde de turno, unha forma ritual de tranquilizar a conciencia, con mínimo gasto e ningún custe. A Declaración Universal dos Dereitos Humanos, para estas persoas, non é máis que unha referencia moi lonxana, de utópicos e inxenuos pacifistas fora da realidade. Unha mágoa. A proba do 9 foi a supresión da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos do currículum escolar á primeora oportunidade que tiveron.
 
   En certo modo podo comprender que non sexa do seu agrado o extraordinario Preámbulo da Declaración, sobre todo cando afirma:

    Considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinaron actos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade, e que se proclamou, como a aspiración máis elevada do home, o advenimento dun mundo en que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gocen da liberdade de palabra e da liberdade de crenzas...  Considerando esencial que os dereitos humanos sexan protexidos por un réxime de Dereito, a fin de que o home non se vexa compelido ao supremo recurso da rebelión contra a tiranía e a opresión...

   Comprendo tamén que o citado Preámbulo, como o seu articulado posterior, para determiñadas mentalidades conservadoras, no político e no social, a Declaración de 1948, pareza, aínda hoxe, 64 anos despois, excesiva. Non o era, desde logo, para Eleanor Roosevelt,  René Cassin, Charles Malik ou Víctor Raúl Haya de la Torre, por citar só a algunhas das extraordinarias personalidades que a redactaron. O seu pensamento e obxectivos os están vulnerando cada día, coas políticas que están a desenvolver, na medida en que atentan gravemente contra da dignidade das persoas, a súa liberdade e seguridade ou a igualdade diante da lei... (artigos 1, 3 e 7), particularmente, cando manifesta que ninguén será privado arbitrariamente da súa propiedade (artigo 17), como acontece coas chamadas preferentes, por citar un exemplo.

     Por non falar do artigo 22 cando establece:

Toda persoa, como membro da sociedade, ten dereito á seguridade social, e a obter, por medio do esforzo nacional e da cooperación internacional, habida conta da organización e os recursos de cada Estado, a satisfacción dos dereitos económicos, sociais e culturais, indispensables á súa dignidade e ó libre desenvolvemento da súa personalidade.

    Os artigos 23, 24 e 25, están sendo, ó meu modo de ver, vulnerados:

Toda persoa ten dereito ó traballo, á libre elección do seu traballo, a condicións equitativas e satisfactorias do mesmo e á protección contra o desemprego... Toda persoa ten dereito ó descanso, a gozar do tempo libre, a unha limitación razoable do tempo de traballo e a vacacións periódicas pagadas.

   Ou o artigo 25:

Toda persoa ten dereito a un nivel de vida axeitado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a manutención, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servicios sociais necesarios; ten así mesmo dereito ós seguros no caso de desemprego, enfermidade, invalidez, viuvez, vellez ou outros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade.

   O artigo 26, inspirador -como outros- da nosa Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia está dedicado á Educación, e merece ser reproducido íntegro:

1. Toda persoa ten dereito á educación. A educación debe ser de balde, polo menos no que se refire á instrucción elemental e fundamental. O ensino elemental será obrigatorio. A instrucción técnica e profesional terá que ser xeneralizada; o acceso ós estudios superiores será igual para todos, en función dos méritos respectivos.
2. A educación terá como obxectivo o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto ós dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e todos os grupos étnicos e relixiosos; e promoverá o desenvolvemento das actividades das Nacións Unidas para manter a paz.
3. Os pais terán dereito preferente a escoller o xeito de educación que se lles deberá dar ós seus fillos.

   O artigo 28 resulta particularmente vulnerado no seu contexto nacional e internacional pois o capitalismo, na súa etapa actual, non garante o seu cumprimento:

Toda persoa ten dereito a que se estableza unha orde social e internacional na que se fagan plenamente efectivos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración.

     Para rematar referireime ó último dos seus 30 artigos, aquel que establece que a Declaración Universal non pode interpretarse en sentido restrictivo ou en beneficio dos Estados:
Ningunha cousa da presente Declaración se poderá interpretar no sentido de que confire algún dereito ó Estado, a un grupo ou a unha persoa, para emprender e desenvolver actividades ou realizar actos tendentes á supresión de calquera dos dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración.

  Quizáis agora podamos comprender mellor por qué a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, segue a ser un gran referente político para toda a Humanidade e, ó mesmo tempo, unha gran descoñecida, mesmo hoxe, 64 anos despois...