Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

29 mar 2013

Aínda temos memoria...

   Os que nacemos alá polos anos '50 sabemos ben do que falamos, por experiencia propia, en carne viva, cada día, a cada instante, a omnipresencia permanente do medo e do pecado, a manipulación, o adoutrinamento do nacional catolicismo, a segregación, o totalitarismo relixioso, ata o empacho, dentro e fora das aulas, en todas partes, na familia, no catecismo, na escola, nas rúas, sempre e en todo lugar.
    Fomos bautizados, confirmados, fixemos a comuñón... e os que estudamos en colexios relixiosos, ademais, catolicismo obrigatorio, misa, confesión, mes de María, exercicios espirituais, procesións, mércores de cinza, congregantes, cofrades, altares nos pupitres, temor de Deus, e miles de horas de sermóns, cánticos, santo adalid, pange lingua, tantum ergo, como suspira la cierva...cesta e evanxeo, concurso de coñecementos do antigo e novo testamento, adaptación do popular concurso da tele cesta y puntos.
      A fartura foi tanta que fomos moitos os que, cando tivemos oportunidade, e uso de razón verdadeiro,  o deixamos. A sobredose fora tal que quedamos completamente inmunizados, cargados de antídotos, cheos.
       Para un cativo como eu, na levítica Compostela dos anos '50, non digamos nos '40, a relixión católica o invadía todo. Nada escapaba ó control daquel ollo que todo o vía. Os curas e as monxas cos seus hábitos formaban parte da paisaxe habitual da cidade. O Seminario Maior, en San Martiño Pinario, a carón da miña casa, enchido de vocacións, tanto que foi preciso facer en Belvís o Seminario Menor. Chegaban aspirantes de tódolos currunchos do país. 
      Daquela, o Seminario Maior era tamén o patio dos nosos xogos. O campo de fútbol estaba moi preto dos cortellos con enormes porcos, aínda os estou vendo e escoitando, ó pe de San Francisco. Os rapaces moviámonos polos baixos como se fosen os da nosa casa. Dos Xardíns, en Praterías, iamos polos seus pasillos, claustros e corredores, ata a Porta da Pena. Nos baixos do Seminario descubrimos pianos vellos, estandartes e mobiliario arruinado, santos e virxes apolillados, e na igrexa de San Martiño, viño de misa na sacristía, que probamos. Fomos monaguillos, portadores de estandartes, coleccionamos vales para sorteos cada domingo na catequese, e aguantamos, unha, mil veces, un millón, letanías e sermóns.
       A aprendizaxe relixiosa empezaba ben cedo. No meu caso, coas monxas de San Paio, onde ía da man da miña tía Pilar. Logo ó Colexio La Salle de San Roque, primaria, secundaria e preu, dise pronto, aulas sempre presididas por simboloxía relixiosa, por suposto, mestres "hermanos" na súa maioría, con algunha excepción, moi poucas daquela. Capela nos baixos, visita semanal, confesión, penitencia, eucaristía... e os domingos, catequese no Seminario.
        Ben sei que a moitos, todo isto, fíxolles moito ben. Así o din aínda hoxe. Debo recoñecer que a min, polo contrario, marcoume moito, foi un exceso. Demasiado empacho, pasoume tamén co fígado de bacallau... 
        O cardeal Quiroga Palacios pasaba, cada día, con pouco séquito mais con toda a súa enormidade, por diante da miña casa, na Troia, camiño da catedral. O seu anel granado brillaba na distancia. Os días que non tiñamos escola os cativos deixabamos de xogar ó fútbol na rúa e corriamos a bicarlle a man a súa magnificencia. Acariciaba as nosas cabezas e reiteraba, con voz ronca, ser buenos, apartaos del mal...
           O adoutrinamento relixioso era sistemático, permanente, dentro e fora das escolas. O medo, o terror ó inferno, non era un recurso literario, nin sequera unha metáfora, estaba interiorizado, sobre todo, naquelas cuestións relacionadas coa entreperna, de pensamento e de obra.  A segregación dos sexos nas escolas, daquela, non era unha opción nos centros relixiosos, mesmo nos públicos, aínda lembro o instituto feminino, o Rosalía de Castro hoxe, e o masculino, en Mazarelos, onde está a Facultade de Filosofía. Aquela política imposta pretendía protexernos, polo noso ben, do maligno que rondaba sempre, acochado, para condenarnos eternamente.
         Cando chega a Semana  máis Santa do ano coa profusión de manifestacións de fervor popular, utilización política e mediática, especialmente cando goberna a dereita, a de sempre, rememoro aquel empacho e sinto que non foramos  quen de separar a igrexa do estado, como corresponde a unha sociedade moderna e democrática, desde o respecto polas crenzas relixiosas privadas de cada quen, tamén daqueles que non as temos, sobre a base da laicidade, da ética pública, das virtudes de cidadanía, sen discriminacións para coas outras crenzas e sen privilexios económicos.
          Cando vexo a sectas relixiosas ultraconservadoras  que fan gala do seu ideario segregador, con diñeiro público, e escoito a líderes políticos ultracentristas falar de adoutrinamento cando ensinamos Cidadanía e Dereitos Humanos nas escolas, de acordo con tódalas recomendacións da UE, da UNESCO e das Nacións Unidas, sinto noxo. Cando leo os borradores da nova lei de educación impulsada polo Sr. Wert, a LOMCE, que Jesús Vázquez Abad apoia con entusiasmo, parece mentira, segregadora, centralista, anacrónica, non só lembro as reválidas, senón tamén aqueles tempos de adoutrinamento e manipulación que identifico co cheiro a incenso que aborrezo.
          
     
         
         

20 mar 2013

Malditas guerras



No 10 Aniversario da guerra de Iraq

Pondremos flores
en el ánima de los fusiles.
Y ramos
en los cañones...
Federico Mayor Zaragoza


        Hai dez anos, cos idus de Marzo, o complexo militar industrial, tal e como o denominara Dwight Eisenhower diante de Kennedy na súa toma de posesión como presidente, aquel poder indeterminado que agrupaba a poderosísimas compañías norteamericanas e multinacionais e que, segundo a súa ben fundada opinión de militar laureado, era “o único por riba do presidente dos EE.UU”, conseguiu impoñer, unha vez máis, o seu criterio máis belicista cunha guerra impulsada por estes mercaderes da morte.
        Arthur Ponsonby, barón, político británico, pacifista e lord, no seu libro “La falsedad en tiempo de guerra: Las mentiras de la propaganda de la Primera Guerra Mundial, publicado en 1928, fixo célebre a idea de que “cando se declara a guerra, a verdade é a primera víctima”. Quizais nunca foi tan evidente, para millóns de persoas en todo o mundo, como con ocasión da invasión de Iraq. Alejandro Pizarroso, entre outros, analizou ben esta cuestión en “Nuevas guerras, vieja propaganda, de Vietnam a Irak”.
        Moitas persoas lembran, non esquecen, a minuciosa preparación propagandística, a sistemática mentira, a reiterada e amplificada mentira, con aquela posta en escena, máis propia da Cortiña de Fume, de Barry Levinson, operación liberdade iraquí, Collin Powell na ONU, coas súas imaxes trucadas, a foto das Azores con Bush, Blair, Aznar e o anfitrión Barroso, a impotencia dos inspectores Blix e El Albaradei, incapaces de frear aquel delirio reiterando a inexistencia de armas de destrución masiva en poder de Saddam Hussein.
        E aquelas terribles imaxes nocturnas en cor verde sobre fondo negro, dos bombardeos, cos Tomahawks saíndo dos barcos norteamericanos con destino a Bagdad, as armas “intelixentes” deseñadas para facer o maior dano posible, especialmente, na poboación civil, mulleres, nenos, anciáns, co ánimo de “levar a Iraq á idade de pedra”.
        Foi tal a indignación, a rabia, que millóns de persoas de ben, en todo o planeta, decidiron saír á rúa nunha mobilización global como nunca acontecera. No estado español e en Galicia, particularmente, as manifestacións da Coordinadora Galega pola Paz foron só comparables ás do Prestige e Nunca Máis. Tódalas forzas políticas galegas, coa única excepción do PP, sindicatos, ONGs, a sociedade civil en pé de paz conseguiron crear as condicións para un cambio necesario no goberno da Xunta.
        Pasaron moitos anos, nada menos que 10, e tantas cousas... Iraq está hoxe máis lonxe da paz e da democracia, os custes daquel delirio belicista norteamericano, iniciado logo do 11 de Setembro de 2001, en Afganistán, leváronnos tamén a onde estamos hoxe, porque no tema armamentístico, si que vivimos por riba das nosas posibilidades, máis de 4.000 millóns de dólares, cada día, hoxe tamén, sen rubor, como si nada, e persisten as violacións dos dereitos humanos, as torturas, Guantánamo, e a violencia sectaria en toda a rexión, mentres o negocio das amapolas en Afganistán florece como se nada, e os propietarios dos pozos petrolíferos, de toda a rexión, incluída Libia, xa sabemos en mans de quen están, non máis sangue por petróleo.
        Iraq foi, e segue sendo, o conflito máis caro desde a II Guerra Mundial, en palabras de Joseph E. Striglitz, máis de 3 billóns de dólares, case que 2 millóns de persoas desprazadas, 200.000 civís asasinados, 2 millóns de viúvas, e a violencia sectaria, unha guerra civil encuberta, segue cobrándose vidas, cada día. Un destrozo humano, económico e medioambiental sen precedentes. E un negocio, un extraordinario negocio para os mercaderes da morte.
        O dixemos moitas veces, a guerra é o fracaso da política. O gasto militar mundial resulta un permanente insulto á intelixencia humana, uns días de aforro armamentístico darían para atender as necesidades universais máis imperiosas en saúde e nutrición. O dicía moi ben José SaramagoTecnoloxía para a morte 100, pensamento 0. A guerra non é nunca a solución. A guerra é o problema. Abolila é un imperativo moral. Xulgar ós culpables de crimes contra da Humanidade, un dereito que non prescribe.
        A guerra é o territorio onde medran os odios, as exclusións, a afirmación propia e do propio a través da negación dos outros. E os gastos militares son, probablemente, o máis poderoso freo ó desenvolvemento humano. O comercio de armas, como o de mulleres ou de drogas, segue a xerar beneficios astronómicos ocultos nos paraísos fiscais, eses que ían ser pechados coa refundación do capitalismo...
        Esta montaxe e encarnizamento militar armamentístico séguese vendendo como a panacea da seguridade dos pobos. Sen embargo, son cada vez máis persoas as que perciben, en todo o mundo, que o sistema armamentístico non asegura nada, agás o beneficio privado dunha minoría, esa mesma minoría á que serven tan ben os mandados, os gobernos dos mandados que diría Martiño Noriega, eses que son quen de xustificar calquera cousa, aínda a mesma barbarie, si a impoñen os mercados e os mercaderes, tamén os da morte.
        Cando reiteramos que co que costa un submarino nuclear, por exemplo, se podería pagar un programa completo de vacinación para todos os nenos e nenas do mundo, acúsannos de demagogos. Polo contrario, gastar 3 billóns de dólares na guerra de Iraq foi unha proba de sensatez, unha inversión de futuro, unha liberación. Malditas guerras!!!.

15 mar 2013

De xuíces, militares, prexuízos e algunhas alegrías


       

         Ás veces xúntanse novas que a un o enchen de satisfacción. Veño de participar nunhas xornadas no Consello Xeral do Poder Xudicial sobre “Cultura de Paz, Dereitos Humanos e Xustiza no s.XXI” dirixidas por Federico Mayor Zaragoza, nas que xuíces e xuízas de todo o Estado, de especialidades ben distintas, voluntariamente, durante tres días, reflexionaron e debateron desde ópticas e miradas non sempre coincidentes. Polas impresións recollidas, as persoas que alí estiveron, recoñecían non só a calidade dos relatorios senón tamén, e sobre todo, o enfoque, a mirada, non tanto desde o ámbito propiamente xurídico, senón desde a filosofía, os valores democráticos, e a sociedade civil.
        Era a primeira vez que, como outros poñentes, falaba para o mundo xudicial, especificamente. Debo recoñecer que tiña certas prevencións. A xustiza en España, hoxe, digámolo claro, non está moi ben vista pola cidadanía. Eles o saben mellor que ninguén. Sen embargo, sobre a xudicatura, como sobre tantas e tantas outras profesións, existen fortes prexuízos construídos con partes de verdade e tamén con moitos lugares comúns.
        Recoñezo que non foi a experiencia máis rara na que tiven ocasión de falar sobre Cultura de Paz. A máis inverosímil, para min, foi en Venezuela, si, na Venezuela de Hugo Chávez. Con ocasión do Foro Social Mundial de Caracas en 2006. Durante a segunda xornada, os amigos e colegas venezolanos e o Secretariado Internacional do Foro Mundial de Educación (FME) tíñanme preparada unha intervención fora da capital. Alí fun, por unha estrada infernal que leva á Guaira e que ole a petróleo. A miña sorpresa foi ver que o noso autobús, con lemas inquietantes nos respaldos dos asentos “Dios os guarde”, chegaba por fin, sans, ó seu destino. Nada menos que a unha Academia Militar. Supuxen que sería o lugar elixido polas súas condicións, auditorio, etc. Sen embargo, cando entrei no Salón de Actos, acompañado por un xefe militar de alta graduación, vinme diante de máis de 600 cadetes uniformados que a golpe de cornetín se cadraron, firmes, para logo sentarse entre certa algarabía. Nunca estivera tan “protexido” e “seguro” na miña vida... A medida que pasaban os minutos, collín máis e máis confianza ó ver a atención coa que seguían, aqueles aspirantes mozos, as miñas reflexións. Logo, no coloquio, puiden comprobar como se esvaían, definitivamente, todos os meus temores, construídos sobre unha realidade imaxinada, froito da miña propia experiencia en España, onde nunca tivera a oportunidade de falar e compartir con militares, aberta e masivamente, agás nunha mesa redonda no Castelo de Monjuit e outra con Pepe Fortes, da Unión Militar Democrática (UMD), hai xa moito tempo. Pero desde logo nunca nunha Academia Militar. Para que logo falemos de Venezuela e de Chávez con tanta prepotencia e sectarismo eurocéntrico...
        O que quero indicar con todo isto é que os prexuízos, as prevencións, os temores, están profundamente metidos no disco duro de cada quen, son o resultado de construcións dilatadas e alimentadas no tempo, en moitas ocasións, responden só a falsidades e medos. Desde logo, no meu caso, sobre xuíces e militares, o confeso.
        Pero retomemos o fío inicial. As dúas novas ás que me refería ó principio son as relacionadas cos desafiuzamentos, nas que un tribunal europeo emenda a plana ós gobernos de España, a este e ós anteriores, por unha lei hipotecaria abusiva para coa cidadanía e excesivamente comprensiva para cos intereses bancarios. A segunda, a do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sobre as axudas ou concertos, ilegais, á 5 centros educativos do Opus Dei, que segregan por sexo.
        Con todo, probablemente, a nosa alegría durará pouco, como pasa sempre na casa do pobre, xa que o “magnífico” conselleiro de educación que nos desgoberna, Jesús Vázquez Abad, en colaboración co ministro Wert, que wertgoña!!!, nunha sorte de cabriola xurídica, sortearán a prevaricación, para blindar, nada menos, na nova lei, a LOMCE, os concertos con estes centros sectarios que, en pleno século XXI, separan a rapaces de rapazas, polo seu propio ben, e o fan con diñeiro público, con cartos de todas e de todos, en beneficio privado, o dunha ideoloxía segregadora que vulnera o dereito a igualdade de homes e mulleres, un principio democrático que están obrigados a defender estes gobernantes, prioritariamente, máxime en tempos de estafa, que non de crise.
        Pode que, en pouco tempo, blinden “legalmente” estas axudas sectarias (como blindaron as pensións millonarias dos demoledores das caixas galegas) ó tempo que arruínan a escola pública, a de todas e todos, sen rubor, con ese sorriso burlón, cínico, pero máis pronto que tarde, pagarán, porque estas cousas a cidadanía non as esquece, por sempre.



6 mar 2013

Sen profes non hai escola...




Semana Mundial pola Educación
21 a 28 de Abril

        Estamos a algo máis dun mes da coñecida como Semana Mundial pola Educación (SAME), unha actividade que se enmarca nunha campaña, moito máis ampla, de carácter internacional, na que participan ONGs, sindicatos de educadores, centros escolares e movementos sociais comprometidos co dereito á educación en todo o mundo. De feito, a Campaña Mundial pola Educación (CME) ten como principal obxectivo que todas as persoas poidan exercer o seu dereito a unha educación básica, gratuíta e de calidade. Trátase dun dereito fundamental que, como sabemos, posibilita o pleno exercicio doutros moitos dereitos, xunto co desenvolvemento da comunidade, do país e da humanidade.
        Van alá 13 anos desde que se aprobaran os Obxectivos da Educación para todos e todas (EPT) no Foro Mundial de Educación celebrado en Dakar (Senegal) no ano 2000: Estender e mellorar a educación integral da primeira infancia; acadar que no 2015 todos os nenos e nenas teñan acceso a un ensino primario gratuíto e obrigatorio de calidade; que os mozos e mozas accedan a programas de preparación para a vida activa; incrementar nun 50% o número de persoas adultas alfabetizadas, especialmente mulleres; eliminar as disparidades entre os sexos para acadar a igualdade de xénero; e, finalmente, mellorar a calidade da educación, en particular, lectura, escritura, aritmética e habilidades básicas para a vida.
        Algúns dos desafíos anteriores reforzáronse ó ser incorporados ós Grandes Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), aprobados tamén no 2000, aínda que, como sabemos, manifestamente incumpridos.
        Con todo, nestes anos temos comprobado como, nos países nos que se fixo un esforzo en educación, os resultados foron sorprendentes, entre eles, que o número de nenas e nenos sen escolarizar na Primaria descendera desde os 106 millóns no ano 1999 ata os 61 millóns en 2010, aínda que necesitemos mellorar moito na equidade.
        Hoxe en día, como consecuencia dos recortes e das políticas de austericidio, tanto a UNESCO como a CME alertan da crecente desigualdade social como o principal obstáculo para progresar en educación. O Estado Español é xa o máis desigual de UE na actualidade!!!.
        E o ano 2015 está á volta do camiño. Esa era a data tope para a consecución das metas da EPT e dos ODM. Corremos o grave risco de retroceder en moitos dos avances acadados, particularmente, nos países que sofren a estafa financieira, moitos deles doantes.
        Un esforzo suplementario por parte da comunidade internacional ata 2015 resulta imprescindible para acadar os obxectivos fixados. O propio Secretario Xeral das Nacións Unidas ven de establecer tres grandes prioridades: que todos os nenos e nenas accedan á primaria universal; a calidade da aprendizaxe e unha cidadanía global, porque a educación é moito máis que a entrada no mercado laboral. Da forma a un futuro sostible, en paz, con respecto mutuo e coidadoso co medio ambiente.
        Na última semana do mes de Abril, como nos últimos 13 anos, celebraremos a SAME, nesta ocasión, baixo un lema moi acaído: Sen profes non hai escola. Por un profesorado formado e motivado. Para lembrarlles ás administracións educativas, moi en particular a Jesús Vázquez Abad, a importancia de contar con docentes suficientes (aquí reducimos profes e escolas, aumentamos ratios), con axeitada formación inicial e permanente (aquí liquidamos a estructura de formación do profesorado en servizo), motivados, recoñecidos socialmente (aquí os desprestixiamos), ben remunerados (aquí saqueamos as nóminas e as pagas extras), xa que o persoal docente é o elemento fundamental sen o que non pode exercerse o dereito á educación.
        E temos que reiteralo, España e Galicia están tamén a cabeza dos recortes en cooperación en Europa. O goberno de Rajoy diminuíu a máis da metade os fondos destinados a esta política pública. Isto é gravísimo porque as consecuencias sobre a vida de millóns de persoas serán nefastas. Deixaremos de ser actores relevantes da cooperación internacional e incumpriremos múltiples compromisos en materia de cooperación ó desenvolvemento.
        En calquera caso, o alumnado, a comunidade educativa en xeral, en cada centro participante, formará grandes nubes de palabras, sobre a silueta dun ou dunha docente, nos que colocaremos as principais calidades, entre outras, que –pensamos-  ten un bo profesor, unha boa profesora: xenerosidade, respecto, cariño, paciencia, vocación, creatividade, motivación, optimismo, esixencia, esforzo, sabedoría, amor, entusiasmo, ilusión, bondade... para logo situalo nun mapa do mundo, no Sur, ou si queredes, no Sur do Norte: Pon ó teu profesorado no mapa.
        Para rematar, animamos á participación nesta magnífica iniciativa que, en Galicia, consorciamos cooperativamente diversas ONGs como son: Axuda en Acción, Educación sen Fronteiras, Entreculturas, Intered e o Seminario Galego de Educación para a Paz, porque, efectivamente, sen profes, non hai escola.


3 mar 2013

Raxoi apodrece





        Remataba un artigo anterior sobre a crise municipal en Compostela afirmando que disolver a Corporación, moción de censura, autodisolución, eleccións anticipadas..., calquera opción era mellor que esta agonía apodrecida.
        Efectivamente, a oposición está obrigada a dar unha resposta construtiva ó desgoberno municipal e á podredume que sae de Raxoi. Alomenos tanto como o propio PP e o presidente Feijóo que teñen que actuar xa e deixarse de palabras retóricas si, polo que parece, Currás e a súa banda, pretenden seguir, como si nada ocorrera, nada menos que dous anos máis.
        A cidadanía o que reclama non é simplemente un cambio de cromos, quítate ti que me poño eu, senón outras políticas, outras formas, maneiras novidosas de gobernar a cidade, outra cultura política, non só medidas contra da corrupción, honestidade e decencia, obviamente.
        O cheiro, desde logo, non marcha con abrir as fiestras e ventear, pois está impregnando muros, despachos e corredores, arrecende nas rutinas municipais, nos discos duros de moitas persoas. E tampouco se vai fumigando, moito menos con toneladas de aromas e fragrancias. Trátase de cambiar realmente, de impedir que sucesos como os vividos poidan repetirse, que os pelotazos, chanchullos e mordidas queden completamente imposibilitados con lexislación, si, pero sobre todo, con outras políticas, con outros valores, participando da marea universal que reclama resetear a democracia.
        Estaría ben a idea de promover unha moción de censura conxunta, para visualizar unha alternativa, si é posible, ou reclamar a disolución da corporación, nomear unha xestora acordada e convocar eleccións anticipadas. Pero non é suficiente, para os Ecosocialistas de Compostela non chega. Entre outras razóns porque, tal e como están as cousas, esa hipótese, a día de hoxe, parece bastante inverosímil.
        Impulsar unha plataforma sustentada na cidadanía, sen exclusións, de abaixo arriba e de arriba abaixo, transversalmente, que debatera abertamente sobre outras maneiras de facer política municipal, que deseñara un programa de actuación e de rexeneración, asentado na radicalidade democrática e na participación, parece razoable, sempre cos movementos sociais, coas organizacións veciñais, as entidades representativas da cidade, con toda a xente que asuma a condición de cidadán ou cidadá activa na defensa da súa cidade e do ben común. A conformación dunha hipotética candidatura unitaria debera ser o resultado final de todo un amplo e aberto proceso de reflexión e de debate, de cuestionamento do status quo municipal, das formas tradicionais de facer política, das siglas e das forzas do sistema, por riba dos intereses, lexítimos, dos partidos clásicos.
        Para nós, isto sería a clave dunha auténtica ruptura. Un programa de renovación que, para ser crible entre a cidadanía, farta e indignada demais, tería que asentarse na radicalidade democrática e na participación, para devolver a esperanza e rematar coa desafección.
        Falamos de radicalidade democrática, de republicanismo cívico, de transparencia, de sustentabilidade, de xustiza social, cultura de paz, decencia e honestidade, de ética pública, de valores de cidadanía, como eixes principais sobre os que debemos vertebrar un novo proceso constituínte no ámbito municipal, tal e como defendemos nunha proposta non pechada, que pode lerse máis amplamente en www.espazoecosocialista.org.
        Para nos, que queremos ser unha cooperativa política, son tres as liñas básicas no ámbito municipal: a defensa dunha nova cultura da sustentabilidade ecolóxica e social, a participación cidadá e a defensa do ben común.
        A democracia participativa que defendemos, parte de considerar ás persoas como protagonistas, axentes dinamizadores e conscientes do cambio social, ao situarse dentro dos centros de decisión existentes. A cidadanía intervén no proceso democrático e nas distintas fases das que este se compón (definición, planificación, desenvolvemento e control), converte aos cidadáns en actores solidarios que recuperan o dereito á política porque, para nós, a democracia sen participación é un proxecto inacabado.
        Utilizar o método de eleccións primarias para escoller as persoas candidatas, aberto a participación da cidadanía, con mecanismos que garantan a limpeza e transparencia do proceso, na que a orde dos postos nas listas decídese tamén por votación, dotando ademais ó programa electoral da condición de ‘vinculante’ de xeito que o contrato adquirido poida ser requirido no seu cumprimento e no caso de mudalo substancialmente ter a obriga de someterse a referendo.
        Trátase tamén de instaurar fórmulas de fiscalidade participativa, de xeito que a cidadanía poida ser consultada en canto a gravames e impostos, política 2.0., dun modelo de orzamentos participativos a nivel local, de implantar as prácticas de goberno aberto, e do open data sen restricións, aprobando unha normativa de libre acceso á información, publicando, en formato dixital e en estándares abertos, todos os datos económicos, demográficos, sociais e ambientais. De obrigar ás empresas a prestar contas publicamente do destino do diñeiro público que reciban, xustificando o seu uso, e os fins para os que fora concedido. Obrigatoriedade de incorporación nos pregos de condicións de contratacións ou subcontratacións das administración públicas con criterios de compra responsable ética e sustentable. Aprobar unha normativa de participación cidadá que inclúa mecanismos de control da actividade institucional. Crear Consellos Sociais e estruturas de participación política reais e estables, cunha ampliación da pluralidade da representación da sociedade civil e atribucións reforzadas.
        En definitiva, trátase de promover a creación de redes de participación cidadá na programación e control da xestión dos procedementos administrativos ordinarios. Vincular a percepción de financiamento público ao cumprimento da obrigatoriedade legal de prestación de contas detalladas.
        A cidade é da cidadanía, e faise coa cidadanía, non para ela. A toma de decisións sobre a mesma debe residir na veciñanza que exercerá ese dereito a través dos seus representantes democraticamente elixidos. A Carta Urbana Europea sinala con claridade que os "cidadáns son o fundamento da democracia local" (Artigo 4.12.3). A cidade nunca pode entenderse como "propiedade privada" da esfera política. A cidade somentes é gobernable se a construímos coa achega de tódolos cidadáns e cidadás.  
        Diso se trata, tamén, en Compostela.