Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

29 abr 2014

Si os mártires de Chicago levantaran a cabeza...

   





   O 1º de Maio é, sen dúbida, a data máis emblemática na historia do movemento obreiro internacional. Na súa propia denominación, á hora de definilo, empezan os matices e as diferencias: Día do Internacionalismo Proletario, Día da Clase Obreira, Día Internacional do Traballo, Día Internacional dos Traballadores... e poderiamos seguir. 
  Sen embargo, en orixe, cando o Congreso Obreiro Socialista, a II Internacional, o proclamou en París, en 1889, tratábase dunha xornada reivindicativa de homenaxe en conmemoración dos coñecidos como Mártires de Chicago, cinco anarquistas aforcados o 11 de Novembro de 1887, como consecuencia da famosa Revolta de Haymarket: Gerg Engel, Adolf Fischer, Albert Parsons, Auguste Spies e Louis Linng, un tipógrafo, tres xornalistas e un carpinteiro, logo dunha farsa de xuízo, xunto con outros condenados a cadea perpetua, ademais de miles de despedidos, na súa gran maioría inmigrantes, que reclamaban a xornada laboral de 8 horas, unha demanda que se foi facendo realidade progresivamente, desde finais do século XIX, xunto con outros dereitos sindicais e melloras nas condicións de traballo.
   Durante o século XX foron consolidándose, en moitos lugares do mundo, non sen esforzo e sangue, dereitos e liberdades sindicais que, na actualidade, están sendo recortados: salarios, condicións de traballo, xornada, estabilidade... aínda que, como sabemos, son tamén moitas e amplas as rexións do planeta que nin sequera teñen regulamentacións laborais, dereitos e liberdades mínimas recoñecidas.
    Coa escusa da crise, coa estafa da crise, e como consecuencia de políticas neoliberais regresivas, as clases populares, a xente do común, os traballadores e traballadoras, vivimos brutais restricións que afectan ó emprego (case que 6 millóns de parados, a metade sen prestación), ás condicións laborais (xornadas excesivas, horas extras non percibidas, temporalidade, precariedade, negación do dereito de negociación colectiva...), salarios que non sacan ás persoas da pobreza, e unha transferencia de renda en favor dos máis ricos, como nunca vivimos, e que agudizan, ate extremos descoñecidos, os niveis de desigualdade.
   Son tempos de gravísima emerxencia social, como o eran en 1886, de agresións feroces e continuadas contra dos dereitos das maiorías sociais, prestacións, pensións, axudas á dependencia, así como de recortes e privatizacións nos servizos básicos de sanidade, educación, benestar, atencións sociais.
   Hoxe calquera sabe que a austeridade, o austericidio, mata. Que as políticas ultraliberais provocan un sufrimento atroz nos sectores máis desfavorecidos, perda das vivendas, desafiuzamentos, imposibilidade de pagar as medicinas, hipotecas, e todo en beneficio daqueles que provocaron a crise, bancos e grandes corporacións financieiras que, por riba, rouban abertamente os aforros ás familias coas chamadas participacións preferentes ou subordinadas, sen que a xustiza sexa quen de condenalos.
   Os Estados, gobernados maioritariamente polas dereitas conservadoras, seguen as recomendacións dos culpables desta desfeita, rescatan bancos e grandes empresas, mentres esquecen ás persoas do común, ós desempregados, pensionistas, doentes, dependentes, traballadores e traballadoras, e clases medias, que ven diminuír as súas condicións de vida, laborais e salariais.
    Nestas circunstancias, de auténtica emerxencia social, o valor principal, como o foi en 1886, é o da unión, a forza da unidade, para frear e reverter as políticas que esnaquizan as nosas vidas e poñen en risco as das xeracións futuras.
   Por iso non comprendemos as múltiples convocatorias de mobilizacións neste 1º de Maio, algo que, polo demais, ven repetíndose, desde hai anos, para desgraza da clase traballadora. As organizacións sindicais seguro que teñen múltiples razóns para xustificar a súa decisión de facer convocatorias unilaterais, a cada cal máis peregrina, nin sequera son quen de confluír nun único lugar, como mal menor. Non. Polo menos, en Galicia, nas principais cidades e vilas, haberá tres manifestacións, en horarios e lugares diferentes, con reivindicacións distintas, cada cal máis auténtica, máis singular, máis única.
   Moitas persoas, desde hai anos, acoden, con desgana, ás varias convocatorias, mesmo a aquelas que poden simultanear. A maioría da xente desiste e queda na casa ou marcha, aproveitando o día festivo, coa familia e amigos, desenténdese, nun momento en que poñerse á marxe resulta un crime. De tal maneira que o 1º de Maio estase a converter nunha sorte de procesión laica múltiple, cada unha coa súa propia confraría, a única, a auténtica, a verdadeira..., cos seus respectivos pendóns, máis ou menos vermellos, cantos e consignas, para as súas respectivas parroquias, a cada paso máis diminuídas, para alegría e festa da patronal e dos grandes poderes económicos.
   Como dicía aquel multimillonario norteamericano, Warren Buffett, "Hai unha guerra de clases, e a estamos gañando os ricos..."