Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

27 sept 2013

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL POLO DÍA INTERNACIONAL DA NONVIOLENCIA, Mércores, 2 de Outubro

     



     Con motivo da conmemoración, o vindeiro Mércores, 2 de Outubro, do DIA INTERNACIONAL DA NONVIOLENCIA, proclamado por Nacións Unidas (http://www.un.org/es/events/nonviolenceday/), no aniversario do nacemento de Mahatma Gandhi, e co obxecto de chamar a atención das persoas, institucións, organizacións non gobernamentais, sociedade civil en xeral e, particularmente, dos centros educativos, sobre o valor da nonviolencia, da paz, do diálogo e da negociación, como instrumentos para abordar a resolución pacífica dos conflitos e a mellora da convivencia, o Seminario Galego de Educación para a Paz, fai tamén un chamamento ás forzas políticas parlamentarias galegas para que atopen vías de entendemento e concordia sobre as violencias que existen na sociedade que estamos a vivir e sobre a súa prevención e erradicación.

         Ningunha acción violenta, directa, estrutural ou cultural, pode estar xustificada nunha sociedade democrática. A violencia, en ningunha das súas formas, pode admitirse nun estado de dereito como método para acadar obxectivos políticos, sociais ou culturais. A nonviolencia activa, a desobediencia civil, a obxección de conciencia ou a insubmisión pacífica fronte a leis ou políticas inxustas están lexitimadas e deben ser contempladas no ordenamento xurídico nunha sociedade autenticamente democrática e avanzada. Porque a nonviolencia é moito máis que non ser violentos, é buscar e promover alternativas para reducir o sufrimento e o dano entre os seres humanos.

         Polo mesmo, a apoloxía da violencia, en calquera das súas formas, por acción ou omisión, do franquismo, do fascismo, do nazismo, do terrorismo, do belicismo, da desigualdade, do sexismo,  do racismo, da xenofobia, non son aceptables nunha formación política democrática e, en consecuencia, non poden ser amparadas nin toleradas, polo que deberan ser perseguidas de oficio.

         De acordo coa Resolución A/RES/61/271, da Asemblea Xeral do 15 de Xuño de 2007, das Nacións Unidas, debemos reafirmar hoxe a relevancia universal do principio da nonviolencia e promover tódolos esforzos, individuais e colectivos, para construír unha Cultura de Paz, tolerancia e comprensión entre os pobos.


         Por último, o Seminario Galego de Educación para a Paz reitera o chamamento para que a Ponencia Conxunta do Parlamento Galego co fin de aprobar unha Lei de Fomento da Cultura da Paz de Galicia, constituída oficialmente na anterior lexislatura, se faga efectiva no actual periodo de sesións, e como proba inequívoca de que as forzas políticas parlamentarias galegas comparten principios e obxectivos en materia de paz e nonviolencia.

26 sept 2013

Jesús Vázquez Abad, o demócrata.


  
 O pasado 23 de Setembro, o diario EL PAÍS publicaba unha entrevista co Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad cun titular certamente provocador e insultante para moitos sectores da cidadanía galega. Dicía: "Los que se oponen al decreto del gallego no son demócratas". Non podía ser máis oportuno. Respondía así ó auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que considera ilegal o coñecido como decreto do plurilingüísmo, particularmente, a enquisa realizada ós pais e nais do alumnado de educación infantil sobre o idioma vehicular. Non é a primeira vez que os tribunais de xustiza fallan contra de decisións políticas da Consellería.

   Nin corto nin perezoso, Abad, deslinguado, foi moito máis alá: "Quienes se oponen a ella están fuera del sistema democrático y de las leyes que ellos mismos votaron". Veña, ei carballeira!!!. 

   Mais continuou, como un auténtico hooligan, víndose arriba: "Se están descubrindo día tras día y a las pruebas me remito cuando apoyan a grupos terroristas".

   Este individuo, que chegou a Conselleiro polo cota ourensán, leva facendo méritos diante do seu xefe, Alberto Núñez Feijóo, desde o primeiro día. O seu descoñecemento do sector educativo, especialmente, do non universitario, é tan elocuente que, na anterior lexislatura, correuse o dito aquel de "Mira quen manda na Consellería", en referencia a un Director Xeral que ía para conselleiro pero, cousas das cotas, tivo que aceptar, por un tempo, ser un subalterno de Vázquez. Non aguantou moito.

   Jesús Vázquez Abad, como demócrata de novo cuño, non sabe escoitar, goberna por decreto, ordeno e mando, pasa dos órganos colexiados, da Mesa Sectorial de Educación, do Consello Escolar de Galicia, do Observatorio Galego da Convivencia Escolar, ou mesmo do TSXG. Acóchase, fuxe do Parlamento, prefire falar sen oposición, rodeado de aduladores, de cámaras e medios afíns, que compra coas axudas que reparte, e minte máis que fala. 

   Pero, sobre todo, sinte inquiña polo ensino público, polo seu profesorado, aínda que coa boca chea, de cando en vez, lanza falsas loubanzas sen credibilidade algunha. Recortou presupostos públicos mentres reforzou os concertos privados, mesmo segue a financiar a centros sectarios, do OPUS DEI, que segregan ó alumnado por sexo, vulnerando sentencias firmes dos tribunais de xustiza. Pechou escolas públicas, diminuíu docentes, máis de 1.000 nunha lexislatura. Desmantelou por completo a estrutura de formación do profesorado en servizo. 

   E en materia de convivencia escolar actuou con vergoñento cinismo. Usou a chamada Lei de Autoridade para colar, pola porta gateira, a primeira enquisa ós pais, sobre o galego. Cargouse todo o avanzado polo goberno bipartito, o Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, os Plans de Convivencia de Centro e o Observatorio, un modelo consensuado con máis de 40 entidades da comunidade educativa, pais e nais, profesorado, alumnado, MRPs, Consello Escolar, sindicatos do ensino... e rubricado publicamente polo propio presidente Pérez Touriño. Por non falar nada da cultura propia que aborrece e teme.

   Ben, pois este individuo, pola súa práctica o coñecemos, ven dar agora leccións de democracia, de diálogo, de pacto e de entendemento, de concordia, presumindo de demócrata, acusando e insultando á cidadanía, a toda aquela que non comulga coas súas rodas de muíño. Os que discrepamos coas súas políticas, para el, non somos demócratas e mesmo apoiamos a grupos terroristas. Probablemente, Jesús Vázquez Abad, na liña de que todo o que non pensa como el, é ETA, acabe por considerar que, nosoutros, o propio Seminario Galego de Educación para a Paz, a quen quixo destruír, por activa e por pasiva, tamén somos ETA, ou compañeiros de viaxe... que infamia.

   Coñecín a tódolos conselleiros de educación da Xunta de Galicia, desde os primeiros anos '80. Gardo bos recordos de moitos deles, coa maioría compartía poucas cousas. Con algúns, máis. Cacharro Pardo, Vazquez Portomeñe, María Jesús Sainz, Suárez Vence, Piñeiro Permuy, Celso Currás, Laura Sánchez. Podo asegurar, con certo coñecemento, que Jesús Vázquez Abad, é o último e o peor de todos. Tamén pasará, aínda que o estrago será moito maior, por desgraza. 

   Das declaracións no País, non se retractou nin o fará. Como bo demócrata de toda a vida, non o necesita. Os terroristas somos os outros. 

   Por certo, a foto que encabeza este artigo non é unha montaxe. Parabéns ó seu autor porque recolle, meridianamente, a catadura moral da personaxe, criado na camada da nova democracia do PP.

   



   

   

23 sept 2013

Convivencia vs. seguridade escolar



   Xa sei que leva varios anos en funcionamento. Trátase da Comisión de Seguimento do Plan Director de Convivencia e Seguridade Escolar que preside o Delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez. En realidade ten un nome máis alongado, "Plan Director para la Convivencia y Mejora de la Seguridad en Centros Educativos y sus entornos". Din que participaron moitos colexios e institutos no curso pasado. Nada menos que 678 e algo máis de 80.000 alumnos e alumnas e case que 5.000 pais, nais e titores. Entre as actividades máis demandadas estiveron as charlas de prevención do acoso en Internet e nas redes sociais (ciberacoso), fomento da convivencia escolar, bandas xuvenís, prevención da violencia en xeral. Por suposto non esquezo a vixianza e seguridade nos arredores dos colexios e institutos, a actividade máis propia da policía nacional e a garda civil.

   

   Sen embargo, debo recoñecer que cando vin estas imaxes publicadas en varios medios de comunicación, logo da Roda de Prensa de presentación do Plan para o curso académico que comeza, doume un arrepío.

   Comparto que os corpos e forzas de seguridade do estado fagan labores de vixianza nos arredores dos centros escolares para garantir a protección dos cativos e cativas, combater a delincuencia ou o tráfico ou venda de substancias prohibidas. Sen dúbida é un dos seus cometidos. Vaia polo tanto o meu recoñecemento e gratitude.

   Agora ben. Non sei a que ven poñer en relación estas medidas de protección coa convivencia escolar. Sinceramente, non o entendo. A educación nos colexios e nos institutos é responsabilidade principal do profesorado. Tamén nos asuntos relacionados coa convivencia e a súa mellora. Polo mesmo, a prevención das violencias, do acoso ou ciberacoso, a conflitividade é unha competencia interna de cada centro educativo, ten que figurar, e figura, no seu plan de centro, no seu proxecto educativo e, nomeadamente, nos Plans de Convivencia.

   Por que entón o interese en vincular churras con merinas?. A convivencia coa seguridade nos arredores dos centros?. O profesorado cos policías e gardas civís?. Haberá quen diga: xa están aquí os esquerdistas de sempre e os seus prexuízos contra das forzas policiais. Ou, son cousas dos buenistas que todo o arranxan con pombas e globos...

   A dereita política, de maneira especial a galega, tradicional onde a haxa, cando atopa un problema, tende a vincular a súa solución coa policía, o exército ou a garda civil. Non é broma. Basta lembrar a cantareira deste verán, os lumes son cousa dos incendiarios. Ben, e a partir de aquí, hai algo máis?. Algo para prevelos?. Responsabilidades políticas?.  Como dicía recentemente o deputado de AGE, Antón Sánchez, é como si repetiramos ata a saciedade que a delincuencia é responsabilidade dos delincuentes. Ben, e que máis?.

   O Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, probablemente o máis activo demoledor da educación pública en Galicia, da súa lingua e cultura, desde logo o peor da historia da autonomía galega, é un experto en leis, sentenzas, mellor dito, en pasalas polo forro, e en declinar responsabilidades, pasándollas sempre a outros. E en temas de convivencia escolar un auténtico inútil. Tan pronto chegou ó goberno da Xunta de Galicia, ignorou e ocultou todo o que nesta materia tiñamos avanzado, fundamentalmente, o Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, asinado por máis de 40 entidades representativas da comunidade educativa, ou os Plans de Convivencia de Centro e o Observatorio Galego da Convivencia Escolar. No seu lugar, aprobou unha lei de autoridade, sen acordo algún, sen escoitar a ninguén, e meteu pola porta gateira, especialidade de Abad, a famosa enquisa ós pais e nais sobre o galego, recorrida e sentenciada como ilegal. Logo preparou un Protocolo, como nel ben sendo habitual, sen falar con ninguén, sen apoio de ninguén, sen escoitar a ninguén, para detectar e actuar, en 12 días!!! diante dun caso manifesto de acoso escolar e trasladando toda a responsabilidade ós centros.

   E no tema que nos ocupa, a convivencia escolar, parece que si, que a Xesús Vázquez Abad, a música militar, si que o sabe levantar, a mala reputación de Paco Ibáñez, adaptación do poema magnífico de Georges Brassens. Por iso non sorprende o Plan Director da Comisión de Seguimento presidida por Samuel Juárez, uniformes, policías, gardas civís, non só para coidar a seguridade fora dos colexios e dos institutos. Tamén dentro. Charlas uniformadas para falarlles ó alumnado de violencia, convivencia, acoso ou ciberacoso. Acaso non existen en Galicia entidades suficientes na sociedade civil para abordar estes asuntos nos colexios e institutos?. Non resulta moito máis axeitado que o tratamento destas realidades as aborde profesorado especializado?. Non temos no mundo académico e universitario persoas expertas nestas materias?.

   A que ven, entón, este despregue de efectivos dos corpos e forzas de seguridade do estado por colexios e institutos?. Acaso non teñen mellores ocupacións que facer?. Canto nos custa?. 

   Por moi satisfeitos que estean na Comisión de Seguimento do Plan Director para la Convivencia y Mejora de la Seguridad en Centros Educativos y sus entornos, deberan limitarse a iso, ós arredores e á contorna dos centros educativos. Do de dentro, por favor, deixádenolo ós profesionais do ensino. Moitas grazas.

19 sept 2013

Sobre violencias e resistencias galegas



As violencias, así, en plural, para comprendelas, para explicalas, para prevelas e atallalas, temos que estudalas, coñecelas. E non é fácil. Moito menos trasladar á opinión pública reflexións en tempo limitado sobre temas tan complexos, a peito descuberto, como fai habitualmente o Beiras.

Son moitos, e moi poderosos, os que hoxe empezan a estar preocupados, non tanto polas súas declaracións sobre a recente e desproporcionada condena a catro independentistas galegos, senón polas grandes expectativas electorais de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) xa que, segundo as últimas enquisas, podería mesmo duplicar en estes momentos, os magníficos resultados xa acadados nas autonómicas, cando irrompeu no panorama político galego con nove actas de deputado. Algo teñen que estar a facer ben, digo eu.

A súa acción parlamentaria, baseada na confrontación, firme e contundente, en contraste coa anterior lexislatura, onde a oposición parecía adormecida e narcotizada polo poder, está poñendo en evidencia, diante da cidadanía galega, a un Partido Popular, con maioría absoluta, mais asentado na mentira e na falsidade. E o mérito, ó meu entender, é de Beiras e dos parlamentarios e parlamentarias de AGE.

Tanto é así, que co inicio da nova lexislatura, percíbese unha actitude distinta por parte do PP, tamén no resto da oposición, a respecto de AGE. As bancadas populares recollen o guante e comprenden que, o adversario a bater, o inimigo, que diría Gila, é o Beiras e o seu grupo.

Lamentablemente, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, quen debería gardar as formas e dirixir os debates con ecuanimidade, nesta nova estratexia, actúa como unha axente máis, ás veces a máis relevante, ó servizo dos intereses do partido ó que pertence. Somentes escoita, curta, chama á orde, expulsa, limita gravemente os dereitos de representación, ós parlamentarios e parlamentarias de AGE, mentres que ignora, é dicir, tolera e ampara, os insultos, ás veces de trazo groso, da bancada popular. E algo parecido acontece cos medios de comunicación máis afíns.

A práctica totalidade da cidadanía e as forzas políticas denuncian e condenan a violencia directa, aquela que todos identificamos con facilidade. Sen embargo, existen outras formas de violencia, seguindo a Galtung, a estrutural, a cultural, por exemplo, máis opacas, máis sutís, que mesmo se negan a recoñecer. Por iso costa tanto a algúns condenar o franquismo, ou aceptar que determinadas políticas sanitarias, por exemplo, ou os desafiuzamentos, matan.

Certo é que Xosé Manuel Beiras non sempre está perfecto. Como mortal que é, emotivo, vehemente, duro, ás veces tamén erra. El mesmo o recoñece en moitas ocasións. Sen embargo ninguén pode negarlle a sinceridade e a súa enorme capacidade analítica e formación.

A sentencia que ven de coñecerse contra catro independentistas galegos condenados pola Audiencia Nacional por varios delitos probados, tenencia de explosivos, falsificación de documentos e pertenza a banda armada, está sendo utilizada, política e desmedidamente, contra de Beiras e AGE. Parece obvio.

Calquera que lera a sentencia, eu o fixen, con deteimento e sen prexuízos, 74 páxinas, si ten un mínimo de sensibilidade, compartirá que é unha auténtica desmesura, unha condena desproporcionada, ata 18 anos, a rapaces sen antecedentes deleitivos. Así o afirman prestixiosos xuristas. Porque a xustiza non pode pasar pola vinganza, nin pola exemplaridade. Por iso aborrezo dos linchamentos e dos tribunais de excepción, aínda que fosen populares. A proporcionalidade entre o delito probado e a pena é unha base inequívoca para facer verdadeira xustiza.

Son tamén moitos os xuristas que discrepan, confiemos nos recursos, a respecto dos feitos probados. Sen dúbida que hai explosivos, caseiros, limitados na súa capacidade de estrago. Como tamén documentos falsificados. Non hai dúbida. Sen embargo, a caracterización de Resistencia Galega como banda armada e terrorista, estable e organizada en Galicia, base da condena maior, tamén a poñen en dúbida moitos letrados.

A existencia de dous manifestos na rede de Resistencia Galega, reivindicando a loita armada e a violencia, para acadar obxectivos políticos, ademais de errada (vexamos o que acontece en Euskadi ou en Catalunya sen violencia), non proba a súa existencia e, moito menos, que teña infraestrutura, capacidade, recursos, vontade, para caracterizala como banda armada e terrorista. Cousa ben distinta sería considerar que existe en Galicia un fenómeno violento, desde hai varios anos, puntual, esporádico, que atenta de forma limitada, grave, pero limitada, contra de intereses bancarios, empresas ou mesmo locais de partidos, completamente repúdiabel, condenable, que debemos perseguir, atallar e non xustificar nin amparar.

De tódolos xeitos, explicar as causas da violencia, buscarlle solucións non simplemente policiais ou xurídicas, prevela para evitala, é unha responsabilidade da Política con maiúscula. Foi a ilustre galega, Concepción Arenal a que con tanto acerto afirmou que tiñamos que odiar o delito e compadecer ó delincuente a quen vía, como Beiras, como produto dunha sociedade concreta.

Cuestionar a lei de partidos políticos, a lei antiterrorista, ou mesmo a xurisdición da Audiencia Nacional, defender a proporción das penas, o achegamento dos presos, o respecto polas garantías xurídicas, ou os dereitos humanos, non significa xustificar ou amparar a violencia.

Por último, vincular o nacionalismo galego ou a reivindicación da soberanía nacional e ás forzas políticas que a defenden, en Galicia, co terrorismo, directa ou indirectamente, é un auténtico disparate, unha desmesura política, un cortalumes para frear, neste caso, o ascenso e influencia crecente de AGE na sociedade galega.

18 sept 2013

Peace Day

  


"Un mestre, un libro, un lapis, poden cambiar o mundo"
Malala Yousafzai

   Cada 21 de Setembro, desde 1981, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama á cidadanía global, ás institucións públicas, e dun modo especial, a escolas e docentes, a celebrar o Día Internacional da Paz, máis coñecido como Peace Day (Ver a Resolución 36/37). Foi en 2001 cando a ONU estableceu que ese mesmo día fose declarado de alto o fogo en tódolos conflitos a nivel mundial (Resolución 55/282). Son dous magníficos documentos sobre os que reflexionar co noso alumnado.

   Certo que a maioría dos medios de comunicación non dedican nin un pequeno espazo a estes asuntos. A Cultura da Paz, é verdade, non vende periódicos. Tampouco chama pola publicidade. Ten moita máis audiencia a cultura da violencia, da forza, do músculo. Chega con ver o tempo que as teles dedicaron onte a promocioar as ventas do videoxogo máis caro da historia, violento e sexista, para comprender que a paz, a concordia, o entendemento, son valores que hoxe non cotizan en bolsa.

   En Galicia e no conxunto do Estado, convimos hai xa case que 30 anos, que o 21 de Setembro non era a mellor data para celebrar o Día da Paz nas escolas xa que, neste barrio do planeta, estamos a comezar o curso, os cativos e cativas aínda andan a tomar contacto coas aulas, e o profesorado tamén. Parecía razoable buscar unha data máis acaída. Foi así que o movemento de educadores e de educadoras para a paz, por iniciativa de Llorenc Vidal, decidimos escoller o 30 de Xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, como Día Escolar pola Paz.

   En calquera caso, como lembra Nacións Unidas, tódolos días do ano son bos para reflexionar e actuar a prol da tolerancia e o respecto mutuo, na procura dun mundo máis xusto e máis humano, máis pacífico, que valore positivamente a diversidade étnica, cultural, relixiosa, a nonviolencia, e a resolución pacífica dos conflitos.

   O chamamento ó remate das hostilidades nas frontes de batalla, nas guerras de guerrillas e demais accións armadas, aínda que somentes fose por un día, probablemente non será escoitado, a pesares de que as demandas de paz universal son cada vez máis clamorosas entre a cidadanía e a sociedade civil en todo o mundo.

   O Secretario Xeral da ONU, con ocasión deste día, fixo un novo chamamento (Ver. http://www.un.org/es/events/peaceday/2013/sg_message.shtml) no que pide á cidadanía que, a mediodía, hora local, gardemos un minuto de silencio en honor das vítimas que perderon a súa vida en situacións de conflito, tamén polas que teñen sobrevivido e sofren as consecuencias.

   Nesta ocasión, Nacións Unidas quere resaltar o papel da Educación para a Paz, clave para fomentar a cidadanía mundial e construír sociedades pacíficas, porque, como temos reiterado tantas veces, non hai paz, sen educación para a paz.

   O Seminario Galego de Educación para a Paz leva -desde 1985- traballando nas aulas e na sociedade, para promover os valores cívicos e democráticos na escola, os dereitos humanos, a convivencia, a interculturalidade, a igualdade entre homes e mulleres..., impartindo cursos de formación do profesorado, organizando encontros e xornadas, publicando materiais e libros de texto, unidades didácticas sobre os contidos e as metodoloxías da Educación para a Paz (Ver: www.sgep.org), documentais, curtas de ficción sobre o acoso escolar, recursos, contos, teatro, teatro de sombras, xogos e dinámicas de aula, celebrando o Día Escolar pola Paz e, cada día, transversalmente, nas materias de Educación para a Cidadanía, de Ética Cívica, de Filosofía, nas horas de Titoría, co Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, por medio da educación afectivo emocional porque cremos firmemente que son os afectos e os sentimentos os mellores antídotos contra das violencias.

   Quizais non consigamos que o 21 de Setembro rematen as hostilidades armadas, nin sequera que o minuto de silencio sexa maioritario ou significativo, ou que a Cultura da Paz teña maior presencia nos medios. Sen embargo, cada un de nós, co noso comportamento, na nosa aula, na nosa casa, cos nosos fillos e fillas, dentro do noso propio corazón, poderemos empezar a construír un mundo diferente.

   A paz é unha demanda universal cada día máis sentida. A oposición á guerra avanza. Contra todo prognóstico a Cultura da Paz medra. Somos moito máis sensibles e intolerantes coas violencias do que nunca antes na historia da humanidade. Aínda que non o pareza lendo os titulares cada mañá, somos moito máis pacíficos que os nosos antecesores. E o seremos moito máis aínda. Abolir a guerra estase convertendo nun imperativo ético do século XXI. Como dicía Newton, construímos demasiados muros e non suficientes pontes.

   Das súas espadas farán reixas de arados e das súas lanzas, fouces. Non levantarán a espada uns contra outros nin se exercitarán para a guerra, dicía Isaías, hai tantos anos. Hoxe os dereitos humanos e sociais, toda a arquitectura lexislativa construída a escala planetaria, a xustiza universal, con tanto esforzo, son un referente ético para a cidadanía.

   Dicía María Zambrano que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, unha maneira de habitar o planeta, unha forma de ser persoa

   Educar para a Paz é, antes que nada, un acto de amor para co noso alumnado. O Manifesto de Sevilla (1986), feito propio pola UNESCO, afirma: A guerra e a violencia non son unha fatalidade biolóxica. Podemos poñer fin á guerra e ós sufrimentos que conleva. Non con esforzos illados, senón con accións comúns. Si cada unha, cada un, pensa que é posible, entón será posible. Os nosos antepasados inventaron a guerra. Todos nós podemos inventar a paz.

   Federico Mayor Zaragoza, ex- director xeral da UNESCO, dixo nunha ocasión que "A aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz". Nada máis certo. Educando e practicando a democracia. Porque a democracia é precisamente o único sistema político que non pode impoñerse desde arriba ou desde un centro. Erran quen pensan que a democracia pode promoverse a base de bombazos.

   Neste 21 de Setembro, Peace Day, lembremos ás vítimas, ós máis de 100.000 mortos en Siria, ós millóns de desprazados. Pensemos nos nenos e nenas, nas mulleres, nos anciáns, na poboación civil, a principal afectada polas guerras modernas. Saudemos o acordo entre Rusia e os EE.UU, si impide a intervención militar norteamericana. Destruamos o armamento químico, todo, o que existe en Siria e o que fabrican e venden os estados máis poderosos para beneficio do complexo militar industrial, o gran dominio. Paremos a guerra. Abramos negociacións multilaterais de paz. Promovamos o diálogo e o entendemento entre os pobos. Impidamos a venta de armas ás partes en conflito. Deixemos de alimentar a confrontación armada e as caldeiras de odio. Demos unha oportunidade á paz. Fagamos as paces. Peace Day.


13 sept 2013

Paz e ben, de interese cultural, para Herbón

  

 Para quen seguira con atención o longo proceso administrativo e social que levou, finalmente, a que o Consello da Xunta de Galicia de onte, 12 de Setembro de 2013, declarase Ben de Interese Cultural (BIC) o convento franciscano de San Antonio de Herbón, en Padrón, o sucedido non ten dúbida algunha. Nesta película, con exceso de metraxe, os protagonistas e os antagonistas, quedaron ben retratados porque, como di a sabedoría popular, o tempo pon sempre a cada quen no seu lugar. Con todo, non estaría de mais, agora, coa satisfacción que da o comprobar que si se pode, lembrar algunhas cuestións.

   A solicitude de BIC para Herbón fíxose de maneira exquisita. Buscouse a máxima colaboración interinstitucional e acadouse. Nos primeiros momentos, alcalde, patrimonio, entidades sociais, orde franciscana, estaban de acordo, mesmo entusiasmados coa petición. Facíase imprescindible, era unha das condicións que poñía o Mº de Fomento para acceder á financiación con cargo ó 1% cultural. Abrimos unha negociación con Fomento, cando o presidía Xosé Blanco. Federico Mayor Zaragoza e mais eu estivemos en Madrid no despacho de Fernando Puig de la Bellacasa Aguirre defendendo o proxecto de restauración de máis de 1000 metros cadrados dun dos edificios do convento, moi deteriorado, para facer nel un Centro Internacional pola Paz, o que chamamos Lar da Paz. A acollida foi moi favorable. Mesmo el persoalmente visitou o convento. O apoio, en Patrimonio da Xunta de Galicia, foi tamén entusiasta. Pedro de Llano fixo un proxecto arquitectónico de restauración magnífico. E o alcalde, Fernández Angueira, daquela, non tiña problema algún.

   Tiñamos conseguida unha axuda de nada menos que de 700.000€ con cargo ó 1% cultural. Con tres condicións: iniciar a tramitación do BIC, aceptada por Patrimonio sen problema algún. A intermediación dunha entidade pública entre a orde franciscana e o Seminario Galego de Educación para a Paz, o concello ou a universidade e, por último, que a cesión dos espazos fose por un período de 50 anos. O noso Convenio en vigor o é por 20 anos renovables. E entón empezaron as dificultades.

   Algúns veciños, poderosos e influíntes no Concello de Padrón, en vista de que o proceso avanzaba positivamente, empezaron a ver problemas onde non os había, especialmente, porque o informe de Patrimonio establecía un perímetro, non solicitado, de protección especial arredor da muralla do convento. Presionaron ó alcalde. E este, en vez de impoñer cordura e responsabilidade, cedeu. Convocou unha asemblea veciñal, convidou e excluíu a quen quixo, axitou as augas, alarmou aínda máis, recolleu sinaturas e mesmo promoveu unhas alegacións a sabendas de que estaban fora de prazo. A parroquia fracturouse. As presións foron a máis. E as ameazas. Sobre todo contra do Prior Roberto Freire e as mulleres da asociación Sementar. Insultos, chamadas telefónicas, avisos, envelenamento de Alma, a cadela do convento, infamias, panfletos, declaracións en prensa (ver hemeroteca), inxurias, mesmo desde o púlpito, desprestixio persoal... e, ademais, presión política interna, dentro do PP para paralizar o BIC, en Patrimonio, na Comisión Provincial, na Orde Franciscana, en todas partes, o alcalde non paraba. A quen o escoitaba dicíalle que tiña dous grandes obxectivos, paralizar o BIC e sacar a Roberto Freire de Herbón. Houbo silencios elocuentes.

   Onde antes había acordo foise abrindo paso o desacordo. En Patrimonio, na Orde Franciscana, no Concello... dous anos de tiras e de afloxas. División, conflitividade social, alarma, declaracións en prensa... todo valía para xustificar a paralización do BIC. E así estivemos ata que rematou o prazo sen que Patrimonio decidira. O anterior Director Xeral, coas eleccións autonómicas ás portas, non quixo mollarse. A nova directora xeral, María del Carmen Martínez Insua, tomou o touro polos cornos e decidiu, cunha profesionalidade que a honra, aplicar o procedemento administrativo, impoñer a legalidade, manter o informe favorable e propor a concesión do BIC ó Consello da Xunta. Parabéns a ela e a tódolos funcionarios que se mantiveron firmes e non cederon ás presións. Norabóa e recoñecemento. E as máis de 1000 sinaturas recollidas, en Padrón e na rede, entregadas ó Provincial franciscano, Pai Castiñeira.

   Con todo, non conceder o BIC a Herbón sería un escándalo. Os recursos xa estaban anunciados, sobre a base do voto particular de Carlos Amoedo, representante da Universidade de A Coruña na Comisión Provincial de Patrimonio, vaia papelón fixeron. Non hai precedentes, que eu coñeza, dunha solicitude tramitada en tempo e forma, con tódolos informes técnicos favorables, que fose finalmente desestimada con alegacións en contra fora de prazo.

   A nota do Consello da Xunta quere ser condescendente co Alcalde, do seu mesmo partido, a quen alguén dou varios toques. Si tivera algo de dignidade, tería que irse. Resaltar que o BIC será compatible coa actividade agraria é unha obviedade, estaba na solicitude. Calquera pode velo. Como calquera pode ver as alegacións de Fernández Angueira, que aínda fora de prazo, foron desestimadas.

   A satisfacción, en calquera caso, non é completa. Roberto Freire, prior de Herbón, máximo defensor do BIC e da continuidade dos proxectos sociais, non estará alí para xestionalo, como el quería, como desexamos tódalas entidades que compartimos espazos no convento. Alma, a cadela envelenada, tampouco.

   Con tanta presión e tensión, a subvención de Fomento perdeuse. Os franciscanos non quixeron ampliar o prazo de cesión a 50 anos. Unha mágoa.

   E hoxe, en Herbón, xa non hai frades, non existe unha comunidade franciscana estable. Por iso a satisfacción pola declaración do BIC non é completa. Mesmo cando o Papa Francisco proclama que os conventos franciscanos non poden ser para facer diñeiro e negocio, con hoteis, restaurantes ou residencias de luxo, senón para poñelos ó servizo da sociedade, dos refuxiados, dos empobrecidos, dos perseguidos, dos máis necesitados.

   Roberto Freire, si alguén non o remedia, mirará cun sorriso desde a lonxanía e a frialdade do Cebreiro, e soñará con volver, outra vez, ó Herbón que tanto quere.