Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

7 mar 2014

UCRAÍNA


Non é fácil achegarse ó conflito de Ucraína desde unha perspectiva, digamos, non contaminada. Nin sequera sei si é posible. Particularmente, para aquelas persoas que gustamos dos matices, que fuximos do branco e do negro, as que estamos incómodas coas gafas unidimensionais para ver de cerca ou de lonxe.
En Ucraína, como en tantos lugares, conflúen intereses moi diversos. Historicamente, naquel territorio, libráronse batallas horrendas, ocupacións militares, imperios en colisión, revolucións, deportacións en masa, experimentos agrarios, stalinismo férreo… e no imaxinario colectivo, moitos emocionámonos aínda coas escenas que o gran director ruso Serguéi Eisenstein levou ó cinema. Como esquecer a escaleira de Odessa do Acoirazado Potemkim!.
 

     Pero necesitamos compás, agarradeiras, referentes, principios, instrumentos precisos cos que aproximarnos a este conflito complexo que ameaza con traer, unha vez máis, no centenario da Gran Guerra, a violencia armada a Europa. Canto nos costa aprender dos erros do pasado!…
No meu caso manexo -como poido- valores que proclama a Declaración Universal sobre unha Cultura de Paz, aprobada pola Asemblea Xeral da ONU en 1999, pois para min supón unha boa referencia. Non se trata simplemente de educar para a paz, para os dereitos humanos e para a democracia. Trátase de superar a exclusión e a pobreza, defender o diálogo intercultural e a resolución pacífica dos conflitos desde a nonviolencia. Este podería ser un primeiro instrumento de aproximación.
O segundo, ó meu humilde entender, ten que ver coa legalidade e o dereito internacional, coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, os individuais, os colectivos, os ambientais… sen esquecer, obviamente, o dereito á libre autodeterminación dos pobos.
O terceiro, sería, é, unha actitude, un método, o diálogo, a palabra, a man tendida entre as partes, a negociación, a procura do entendemento e do acordo, o trasacordo que dicimos os galegos, coa renuncia expresa ó uso da forza e da imposición, mesmo ós feitos consumados de maneira unilateral.
O goberno de Vítor Yanukóvich non era precisamente un modelo de democracia e de respecto polos dereitos humanos. Tampouco estaba moi pola labor de consultar ó seu pobo sobre o que quería ser de maior, nunha encrucillada difícil, bascular cara Europa Occidental ou cara Rusia. Os intereses económicos, políticos, xeoestratéxicos, no limex da antiga Unión Soviética, estaban e están moi presentes.
O derrocamento violento de Yanukovich no Maidan contou co apoio da UE e dos EE.UU, cegos e cómplices coas milicias armadas de carácter neonazi que impuxeron os seus criterios con crueldade, mesmo ministros no novo goberno. Non foron moi respectuosos coa legalidade internacional e coa defensa dos dereitos humanos ou cos valores cívicos e democráticos. Non sorprende, polo tanto, que a UE e os EE.UU esquezan estes pequenos detalles ou que Rusia non acepte o golpe de estado como forma de cambiar un goberno. Ambos comportamentos políticos non son admisibles en democracia, cos defectos que esta teña.
Desde logo que a ocupación armada de territorios de Ucraína, particularmente, da Península de Crimea (unha República Autónoma), vulnerando a súa soberanía, con tropas non identificadas, aínda que con claro apoio loxístico, militar e político de Rusia, tampouco pode ser aceptada como un comportamento lexítimo e acorde coa legalidade e o dereito internacional.
Os feitos consumados, a escalada de declaracións e de xestos, por tódalas partes, a toma de posicións militares no terreo, as ameazas, directas ou veladas, as sancións unilaterais contra algún dos actores, atentan seriamente a paz en Europa, como tantas outras veces, e as fichas do dominó permanecen fraxilmente ergueitas, balanceándose, a punto de desencadear un proceso imparable.
Por iso son de agradecer os chamamentos ó diálogo, á mediación internacional, á procura de solucións xustas e duradeiras, rebaixando, por todas as partes, a tensión bélica, política, económica e xestual.
A actuación da UE, especialmente a de Alemaña, outra vez Alemaña, foi temeraria. Tanto nos movementos previos, alimentando a tensión, animando a confrontación contra o goberno lexítimo de Yanukovich, pechando saídas pacíficas e negociadas entre o goberno e a oposición, apoiándose en milicias armadas de signo neonazi, perfectamente recoñecibles no Maidan, como nos mellores tempos da Guerra Fría, ás portas de Rusia, e logo, coa marcha dos acontecementos, facendo seguidismo dos EE.UU no seu interese por debilitar o máis posible a influencia rusa, mesmo a costa de atentar contra da propia dependencia enerxética europea do gas ruso.
Si a actuación das autoridades europeas en Ucraína é lamentable, as declaracións do Ministro de Asuntos Exteriores do Reino de España, Sr. Margallo, diante do seu homólogo ruso, Sr. Lavrov, son dunha simpleza cósmica, propias da diplomacia vaticana.
A estas alturas, desde o meu punto de vista, o derrocamento violento de Yanukóvich vulnerou a legalidade e o dereito internacional. Como a ocupación militar rusa. Ou a decisión unilateral do Parlamento de Crimea de promover un Referendo de integración en Rusia volvendo á situación previa a 1954 coa graciosa doazón de Nikita Kruchev a Ucraína. Santa Rita Rita Rita…
Como se ve, a complexidade do conflito, como tantas outras veces, na vella Europa, ameaza con enredalo todo. Non sei si será posible xa volver ó momento previo á revolta do Maidan, retirar tódalas tropas invasoras, controlar as milicias armadas, abrir negociacións entre as partes, goberno e oposición, mediación internacional, respecto pola soberanía e a integridade territorial, eleccións libres e constituíntes, con garantía do dereito de autodeterminación… Quizais xa nada volverá a ser o mesmo en Kiev, en Odessa ou en Sebastopol por moito que soe insistentemente o teléfono roxo nun lugar non identificado do Kremlin