Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

25 ago. 2016

Algo máis sobre os comedores escolares



 

Estou a piques de comezar o meu segundo curso académico á fronte da Concellaría de Educación e Cidadanía no goberno municipal de Compostela Aberta e, de novo, o servizo de madrugadores e de comedores escolares convértese no asunto principal do departamento pola súa trascendencia pública e política.
Que está pasando realmente? Poderán os pais e as nais levar tranquilamente aos seus cativos e cativas ao comedor do seu cole o día 12 de setembro? Asegura o concello o servizo coas debidas garantías? Mellorará a calidade? Canto custará o comedor? Estas e outras preguntas similares son as que se están a facer hoxe moitas familias en Compostela, aproximadamente as 800 que teñen nenos e nenas xantando diariamente nos nove colexios con comedor de xestión municipal.
Empezo por reiterar que os comedores escolares non son una competencia municipal. Durante moitos anos foi a propia Consellería de Educación a que os xestionou todos e logo, por pouco tempo, algunhas ANPAS asumiron esa competencia. Certo que aínda quedan  na nosa cidade comedores xestionados directamente, e con moito éxito, polos pais e as nais. É o caso do López Ferreiro, con cociña propia; o Pío XII, con cátering de SERUNION desde hai anos; ou o de Lamas de Abade, cun convenio coa Escola de Hostalería. No resto, nove colexios, o comedor é xestionado desde o Concello, en virtude dun Convenio polo que a Consellería cede a súa competencia e aporta uns fondos, que por certo non son suficientes.
En diversas ocasións, coincido nisto coas ANPAS e cos sindicatos, manifestei que debería ser a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quen asumira de novo, plena e integramente, una competencia que lle é propia. Sigo a pensar o mesmo.
Pero mentres non sexa así, o goberno municipal e eu mesmo estamos obrigados a cumprir o principio de legalidade e a garantir a libre concorrencia nas adxudicacións. Temos que respectar os procedementos regrados, os seus tempos e garantías, á hora de licitar entre as empresas que libremente participan nun concurso público e aberto para xestionar o servizo de madrugadores e de comedores escolares. Iso fixemos o curso pasado e vimos de facelo de novo para o que está a piques de empezar. Xa sei que hai concellos como o de Valencia  nos que as adxudicacións as decidía “a xefa”. Aquí non. Os pregos, resultado de varias conversas previas coa comunidade educativa, foron elaborados polos técnicos do Concello e son públicos. Calquera pode consultalos na web municipal, comparalos cos pregos anteriores ou cos que aprobou a Xunta para os comedores escolares que xestiona, e tirar conclusións. O procedemento de adxudicación contrólao unha Mesa de Contratación na que están representados todos os grupos políticos, os técnicos, e os servizos xurídicos e económicos municipais. É a Mesa quen propón adxudicar o servizo á empresa gañadora, a aquela que ten máis puntos. Neste caso, a máxima puntuación posible era de 142 puntos, e deles un máximo de 50 estaban vinculados á oferta económica. O resto tiñan en conta aspectos administrativos, educativos e de calidade.
Ao último concurso público e aberto concorreron tres empresas. En Ferrol foron dúas. A que obtivo maior puntuación, aquí, en Ferrol, e na maioría dos colexios da Xunta, foi Serunión quen, no noso caso, viña prestando xa o servizo. Como non pode ser doutra maneira, a Mesa de Contratación propuxo adxudicar o servizo a esta empresa, e logo a Xunta de Goberno local así o aprobou. Previamente, o responsable xurídico do Concello asegurou na propia mesa que non había impedimento legal algún para adxudicarlle o servizo a Serunión, nin motivos para apartar á empresa do procedemento. O Goberno non pode negarlle a adxudicación a unha empresa que é a máis valorada segundo criterios técnicos. Iso tería un nome...
Para o goberno de CA e para este concelleiro, o comedor escolar é un servizo educativo complementario de carácter esencial, compensador de desigualdades, favorecedor da conciliación da vida familiar e laboral, e un espazo de aprendizaxe de valores e hábitos alimenticios saúdables. Por iso facemos un enorme esforzo económico para melloralo con diñeiro público, de todos e de todas. Duplicamos as bolsas de comedor. No curso pasado investimos, que non gastamos, 169.000 euros neste tipo de axudas, para as familias que máis o necesitan. Beneficiáronse aproximadamente 300. Para o curso que vai comezar esa cantidade aínda se incrementou máis e nos orzamentos municipais reservamos unha partida de 360.000 euros que será para bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares.
A axuda que aporta a Consellería en virtude do convenio de delegación de competencias é de 53.400€, insuficiente para minorar os prezos finais que terán que pagar as familias polo servizo de comedor. Por iso, o Concello fai unha achega con fondos propios de 59.000€ máis, que deixa o prezo final do menú en 4,50 euros. Está xusto na media dos comedores escolares do conxunto do Estado.
       A suba con respecto ao curso pasado é de 1,57€, un incremento que se explica polas moitas melloras que vai ter o servizo e que foron incorporadas ao prego de condicións do concurso tal e como se falou e se acordou coa comunidade educativa.
 Unha desas melloras ten que ver co horario dos monitores, factor esencial de calidade. Agora cobrarán a media hora que traballaban antes de iniciarse o servizo de comedor para ter todo ben preparado antes da chegada dos nenos, e terán máis tempo para atendelos porque tamén se engade máis tempo para limpar e recoller as instalacións unha vez finalizado o xantar.
Unha experta nutricionista da Universidade de Vigo será garante das condicións alimentarias e estará a disposición dos centros, das familias e do propio departamento de Educación, para asegurar a calidade, o número e a variedade dos menús, as frecuencias, o equilibrio entre verduras, froitas, legumes, carne e peixe, a estrutura dos menús ou as mesmas receitas. Unha novidade que moi poucos comedores no Estado teñen, e que tamén custa cartos.



Melloramos significativamente os mecanismos de control e seguimento do servizo. Ademais dos controis hixiénico-sanitarios preceptivos, das reunións semanais do departamento cos  coordinadores de cada comedor e coa empresa, crearemos una mesa tripartita trimestral formada por representantes da federación de ANPAS, a empresa e o departamento de Educación do concello. Faremos tamén, por primeira vez, una auditoría externa.
Limitamos e reducimos a distancia máxima das cociñas de elaboración dos menús dos centros escolares a un máximo de 180 quilómetros, de acordo cos servizos de contratación. Nos comedores que xestiona a Xunta, o límite situouse en 200 quilómetros.
Eliminamos os policarbonatos plásticos da vaixela, que substituímos por vidro temperado, unha medida que era demandada polos pais e nais e que agora é de obrigado cumprimento.
Aseguramos e incrementamos a formación do persoal de comedores cun curso de 100 horas sobre un programa esencialmente educativo establecido como obrigatorio no propio prego.
Melloramos con aplicacións informáticas, tablets e smartphones, a información e a relación das familias cos coordinadores, a empresa e o departamento de Educación.
E por último, os electrodomésticos que antes eran una mellora voluntaria, agora fanse obrigatorios, están no propio prego, e a empresa ten que asegurar a súa reposición e renovación.
Todas e cada una das medidas citadas, melloran significativamente a calidade do servizo e teñen, obviamente, una repercusión económica significativa no prezo final.
Sobre o modelo futuro de comedores escolares comprometémonos a abrir un debate participado neste curso, non antes, cos pais e as nais, coa comunidade educativa, co persoal, con expertos, sindicatos, MRPs, coñecendo outras experiencias, sen prexulgar alternativas, para que logo o Goberno local poida tomar a decisión axeitada. E cumpriremos coa palabra dada.
A quen lle interesa facer de todo isto un asunto de confrontación política? A quen beneficia que os comedores escolares dos colexios públicos municipais, e non outros, estean permanentemente nos medios? Alguén sabe algo dos comedores escolares doutras cidades e vilas de Galicia? Dos que funcionan nos colexios concertados? Aquí mesmo, dos que non son de xestión municipal? Quizais a resposta a estas preguntas explique mellor o que está acontecendo en Santiago.
En calquera caso, o noso deber fundamental é defender a escola pública, a educación pública, os servizos públicos. O noso obxectivo é mellorar a calidade dos comedores escolares, cos recursos que temos, e procurar o mellor modelo de futuro, participadamente. A iso seguiremos adicando todos os nosos esforzos. O ruído que o poñan outros...

7 jul. 2016

Caso "Comedores"



        Cando lin este tratamento sentín un profundo malestar. Parecera que este asunto, o servizo de madrugadores e de comedores escolares en nove dos trece colexios públicos de Santiago de Compostela, pasara a converterse nun tema de gravidade similar ós casos de corrupción política que se moven a diario polos xulgados de tantas cidades. Nacía así un chamado “Caso comedores” complementado con cualificativos como culebrón, problema, desastre, peor imposible, modelo de incompetencia, incapacidade… adxectivos cargados de intencionalidade política.

        Podería aplicarse aquí aquel vello dito do mundo do xornalismo, “non deixes que a realidade arruíne un bo titular”. Porque este “caso” do que se fixeron eco ate no mesmo Parlamento Galego os voceiros do PP, que o sacaron en canta tertulia participaban e como unha proba inequívoca da incapacidade manifesta das Mareas, era pura ficción, como Breaking Bad.

        Mentres todo isto acontecía a realidade dos nove comedores escolares municipais que xestionamos directamente desde o Concello era moi outra. O alumnado comía (e comeu) todos e cada un dos días do curso escolar, con absoluta normalidade, case que 150.000 xantares. Algunhas persoas aínda o dubidan...

        Certo que tardamos en resolver o procedimento de licitación en concurso público case que seis meses. En calquera caso, non máis que outras veces, porque están involucrados tres negociados distintos: educación, contratación e intervención, que teñen os seus tempos, as súas limitacións e as súas garantías, antes de chegar á Xunta de Goberno local previo paso pola Mesa de Contratación onde están representados, ademais, tódolos grupos políticos e os servizos xurídicos municipais. Foron efectivamente seis meses, é verdade, pero tivemos que resolver non un senón tres procedementos administrativos distintos e complexos, o primeiro de carácter público e aberto, o segundo negociado e o terceiro de urxencia, nos que, en todos eles, participaron varias empresas do sector, algunhas das cales renunciaron, mesmo logo de resultar adxudicatarias, algo realmente insólito.

Estamos agora co procedemento de licitación do novo contrato para o curso que ven, o 2016-2017. Confío en telo asinado en Agosto. Están publicados os novos pregos no perfil do contratante, na web do Concello. Alí figuran todos os requisitos, á vista de quen quera consultalos, pódense comparar cos da Xunta. Melloramos a oferta económica e limitamos a súa influencia global a algo máis dun terzo da puntuación, 50 puntos dun total posible de 142. Incluímos as recomendacións dunha experta catedrática da Universidade de Vigo en relación cos menús, valores nutricionais, rotación e características. Haberá tamén un maior seguimento, máis exhaustivo aínda do servizo, e unha auditoría trimestral, cunha mesa de control con representación dos usuarios, da empresa adxudicataria e do concello. Limitamos a distancia máxima das cociñas,  a 180 Km, e incorporamos novas medidas de promoción da saúde, hábitos alimentarios e tamén de coñecemento e difusión do servizo entre toda a comunidade educativa. Moitas das melloras foron suxeridas polas nais e os pais, as direccións dos centros, ou polos delegados sindicais do persoal, logo das mesas de diálogo que mantivemos durante meses. Pagamos, xa desde febreiro pasado, a media hora traballada e non percibida ate aquel momento polo persoal. E entre as melloras demandadas figura a da progresiva substitución da vaixela de plástico por vidro ou aceiro inoxidable, entre outros aspectos.



Compre saber que en Santiago de Compostela temos hoxe varios modelos diferentes de comedor escolar funcionando, polo mesmo temos onde comparar, e dedicaremos o vindeiro curso a reflexionar participadamente sobre os comedores que queremos para o futuro. Hainos que dependen da Xunta de Galicia, por exemplo, o da Sionlla. Témolos con cociña propia e xestión directa da ANPA, o López Ferreiro. De Cátering, xestionado tamén pola ANPA, no Pío XII, ou o de Lamas de Abade que coordina a ANPA en colaboración coa Escola de Hostalería. Ningún destes modelos estivo no foco mediático durante o curso pasado, nin sequera o que xestionaba a mesma empresa Serunión. Nin os prezos, nin as ratios, nin os menús, nin as temperaturas, nin a variedade, nada. Non falemos dos comedores dos centros concertados. Silencio absoluto. Os únicos problemas, segundo algúns medios, mira ti, estiveron nos nove comedores de xestión municipal. Curioso.

Para rematar, no servizo de madrugadores e de comedores escolares municipais de Santiago de Compostela, comen aproximadamente 800 rapaces e rapazas, dun total superior ós 10.000 alumnos. Polo tanto, son algo menos do 10% do alumnado. Como vemos, a gran maioría vai comer ás súas casas, coas súas familias. Son as nais e os pais os que financian o servizo de madrugadores e de comedores escolares coas súas cotas, 2,93€ por xantar e día, ate o de agora, cunha pequena axuda en concepto de subvención da Xunta de Galicia, cada ano máis minguante. Compre salientar que desde que chegamos ó goberno do Concello hai un ano, duplicamos as becas de comedor escolar. Os novos prezos serán algo superiores, obviamente, ós existentes, pero en ningún caso estarán por riba da media do conxunto do Estado. A calidade, xa se sabe, temos que pagala.

Quixera rematar indicando que os comedores escolares, con toda a súa importancia e sensibilidade, non deixan de ser un asunto menor, cuantitativa e cualitativamente, nas competencias, funcións e tarefas da Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela.



E claro que si, o servizo estará dispoñible, como estivo este curso, para tódolos solicitantes no primeiro día de comedor escolar, en Setembro, sen dúbida algunha.




4 may. 2016

INTRUSOS



Cando un busca nun diccionario a palabra “Intruso”, atópase con definicións como: persoa que entra nun lugar sen dereito, que forma parte dun ambiente que non lle é propio, ou que ocupa un posto sen ter dereito a él.

Si un “académico de la lengua” da Real Academia Española, como Félix de Azúa Comella, doutor en Filosofía e Catedrático de Estética, ocupante da cadeira H da citada institución desde 2015, e a quen se lle presupón mesura, atrévese a arremeter contra dunha alcaldesa lexítima como Ada Colau, e non apela neste caso ó dereito ou á falla del para ser titular daquela institución local senón que salienta a súa escasa formación académica, algo moi grave está acontecendo, e non só na política.

Sostén Azúa que Ada Colau non reune as titulacións suficientes como para representar á cidadanía de Barcelona nun cargo de tanta responsabilidade ó que non se accede, como sabe o académico, por oposición. Desde unha perspectiva certamente clasista, Azúa a está calificando de intrusa, xa que, na súa opinión, estaría exercendo un cargo sen a preparación necesaria. Obvio os insultos.

No caso de Santiago de Compostela, a capital de Galicia, certos sectores sociais, tan poderosos e influíntes como minoritarios, esas persoas que coñecemos pero que non teñen por costume someterse ó escrutinio democrático (que si que mandan, o sei, e mandan moito!), desde o minuto un iniciaron unha forte campaña de deslexitimación política das persoas que sí recibimos o apoio maioritario da cidadanía nas eleccións municipais de hai case que un ano. Para esa empresa contaron (e contan) co apoio entusiasta dos que deciden no vello xornal da cidade (e da súa televisión local) que non dubidan mesmo en entrar no persoal e familiar, valelles todo con tal de facer dano, aínda a costa de diminuír a súa credibilidade.

As persoas que si fomos refrendadas polas urnas, as que accedimos democraticamente ó Pazo de Raxoi (ou de Hanoi, polas pólvoras e as bombas informativas que nos lanzan a cotío), as que asumimos o goberno municipal por decisión maioritaria do Pleno da Corporación, como a lista máis votada, Compostela Aberta, a quen nunca tomaron realmente en serio, somos -desde aquela- “inexpertas”, “incapaces”, “inútiles”, “pouco preparadas”… en definitiva, un desastre, unha calamidade, un perigo público, unha maldición para a cidade, precisamente porque ocupamos un espazo que, segundo eles, non nos é natural. Nin estabamos nos seus pronósticos, nin formabamos parte do seu reducido grupo de intereses.

Non se trata tanto de que acertemos ou cometamos erros, que seguro que o facemos como mortais que somos, ou de que xestionemos ben, mal ou regular, tampouco de que representemos ou non as súas crenzas particulares nos actos relixiosos, culturais ou nas súas parrandas, trátase simple e llanamente de que somos uns intrusos, ocupamos altas responsabilidades para as que non fomos educados, moi dignas tarefas para as que non estamos preparados, nunha palabre, quédannos grandes! porque non temos a titulación, orixe, ou clase… axeitadas. Por iso é polo que nos desprezan, para eles somos “pés negros, okupas, perros flauta, ociosos, desocupados, marxinais, extremistas, radicais, 2.0”… estamos faltos do pedigree que eles acreditan e, precisamente por iso, somos incapaces de resolver os problemas da cidade,  comedores, fochancas, indixentes… mil veces repetidos e publicados, asuntos que, como todo o mundo sabe, chegaron a Santiago con Compostela Aberta e nunca antes existiran.

Ós intrusos, como ós bárbaros, hai que expulsalos, polas boas ou polas malas. De aquí e de todas partes. Pero para iso resulta imprescindible crear antes un clima axeitado, deslexitimando a cotío, atacando persoal ou familiarmente para evidenciar un desastre que anuncian, visibilizando un caos que inventan, insultando, inxuriando, mentindo, culpando, para facernos cada día máis aborrecibles. Trátase de crear un inimigo, como dicía Sam Keen, para logo exterminalo.

 E a cousa non vai a remitir, nin sequera pagando o canon de rigor. Non é unicamente Compostela Aberta. Somos Marea, Marea Viva, Marea en Común, unha auténtica ameaza. En realidade, a máis grande ameaza de cambio social, político e xeracional en Galicia, como o é Podemos no conxunto do Estado. Asumir, desde o seu punto de vista, que Galicia podería perderse, que o PP non gobernara, que o caudal de diñeiro público que reciben en axudas remate para sempre producelles un pánico atroz. Imaxinar unha Galicia gobernada por quen tanto desprezan en Santiago de Compostela, Ferrol ou A Coruña, dalles cefalalxia crónica.

Cando debatimos sobre as ordenanzas fiscais en Santiago alegráronse moito de que a oposición tumbara a proposta do equipo de goberno, mesmo perdendo varios millóns de euros para a cidadanía de Compostela. Cando os orzamentos, apostaron publicamente por rexeitalos e animaron a un acordo entre o PSOE e o PP, mais non foi posible. Agora pretenden importar a capital de Galicia as vondades da Grosse Koalition pola que suspiran, a que funciona en Europa, a do sentido común, a da sensatez, a da cordura que nos non temos, a da crise do capital, a dos intereses corporativos, a dos recortes económicos e de dereitos, a da expulsión dos inmigrantes e fuxidos das guerras, a da exclusión dos máis desfavorecidos. Pretenden, sen rubor, favorecer unha moción de censura contra Martiño Noriega e facer a Agustín Hernández outra vez alcalde, nesta ocasión, cos votos do PSOE de Paco Reyes. Atreverase?

Falamos do mesmo Agustín Hernández que apoiou a Conde Roa, a Angel Currás, o que perdeu a maioría absoluta hai un ano diante de Compostela Aberta, o que colleitou os peores resultados da historia do PP en Santiago logo dunha lexislatura infame, o que segue de portavoz municipal, dando leccións, e agora tamén na Deputación de A Coruña.

No clima de confrontación electoral permanente que vivimos no conxunto do Estado, lexislativas á vista e autonómicas en Outono, cada organización política busca o mellor posto de saída, e niso, Agustín Hernández é todo un experto. A clave definitiva a terá Paco Reyes, pero tamén Sanchez Bugallo, e quen mande no PSOE en Galicia, a opinión de Abel Caballero xa a coñecemos, está a paseala polo país adiante.

Non nos extrañemos entón que de aquí en adiante, alomenos ate as eleccións autonómicas, a infamia e o mal medren, escoitanse lexións de orcos que ouvean…



23 dic. 2015

A modo de balance e boas festas

   



   Pasaron xa 6 meses, fugazmente, como se nada, aínda non dou creto, seis meses!, desde aquel 13 de Xuño en que tomamos posesión na sesión plenaria do Concello de Santiago. Asumimos daquela o goberno municipal, como COMPOSTELA ABERTA, certo, en minoría, mais como a lista máis votada pola nosa cidadanía. Un goberno municipal con Martiño Noriega como alcalde, o home tranquilo. Foi, de verdade, un acto moi emotivo, con nervios, e como concelleiro electo máis antigo da nova Corporación entreguei o bastón de mando ó novo alcalde. Alguén fixo unha broma, "nada menos que das mans de Dios", de Manolo Dios, parecía un adianto da respectuosa laicidade coa que Compostela Aberta, a marea seca da capital de Galicia, concorreu ás eleccións municipais e decidiu actuar. Xa era hora...
   A verdade é que desde aquela non tiven tempo para actualizar este blog. O retomo agora aínda que sexa simplemente para facer un pequeno balance.
   O primeiro que quixera comentar é que os poderes máis influíntes da cidade, os que non dan a cara, aqueles que estaban acostumados a exercer o mando en praza sen ter que presentarse ás eleccións, non aceptaron de bo grao o trunfo de CA. Desde o minuto un, nada de 100 días de graza, empezaron cunha teimuda labor de descrédito, de deslexitimación, mesmo no persoal, como nunca acontecera. Nin sequera cando na lexislatura anterior do PP había motivos máis que sobrados para trasladar a crecente indignación cidadá á opinión pública. Cabería preguntarse por cantos titulares críticos mereceron Conde Róa ou Angel Currás. Razóns había máis que sobradas, tanto no ámbito privado como no público, para encher portadas e telexornais. Pero non o fixeron. Os mantiveron a salvo, ben protexidos, como nun santuario, claro, pagaban por elo, iso si, con diñeiro público, uno de los nuestros, porque -efectivamente- eran dos deles.
   A nós seguen a vernos como intrusos, queren que nos sintamos como quen rouba un xoguete a un cativo, como auténticos salteadores de tumbas, uns desarrapados, uns "piés negros", infamia, pero de onde saíron?, preguntan, onde estaban antes?, si nunca os vimos nos "gallegos del año", nas medallas e nos saraos que montamos, nos cócteles e nas festas privadas, como é posible que non os tiveramos fichados?...
   E para atacarnos válelles todo, verdade e mentira, persoal ou público, sen medida, mesmo atrevéndose a facer chistes cos nomes e apelidos, alcalde 2.0, ou co meu, que orixinais!, mesmo escribiron, para coñecemento público, que son ateo nunha covarde Tribuna "Libre" anónima titulada "Veleidades Laicistas" que non esquezo, de autoría oculta dun personaxe que prefiro non citar. Podería ter esixido unha rectificación pública, mesmo querelarme por falsidade, por vulneración de dereitos, os humanos, que garanten o dereito á intimidade, á honra, que protexen o non declarar sobre as propias crenzas. Pero xa postos a descobrirmonos, pois non, non son ateo, declárome agnóstico e respectuoso coa liberdade de conciencia, defensor da aconfesionalidade do Estado, un precepto constitucional básico tan violentado neste país, partidario da completa separación entre a igrexa e o estado, da distinción clara entre os comportamentos públicos e os privados dos cargos institucionais, algo elemental, que ven dos ideais ilustrados, bandeira e causa desde o século XVIII. Nisto, como en tantas outras cousas, por sorte, a cidadanía vai moi por diante dos partidos e dos medios, mesmo a propia Igrexa de Compostela está a anos luz por diante destes que tanto añoran o nacionalcatolicismo. Alá eles.
   Pero volvamos ó balance, a salientar algunhas das iniciativas que puxemos en marcha na Concellaría de Educación e Cidadanía. A primeira, a propia denominación, unha maneira de reivindicar a materia suprimida de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, tan necesaria!. Unha responsabilidade que ten competencias, as tradicionais de educación, reparación e mellora dos centros escolares públicos, así como sobre a construción da cidadanía, os valores democráticos, o republicanismo cívico, e sobre dereitos humanos.
   Desde o primeiro momento quixemos recuperar o diálogo institucional, roto, logo de catro anos nos que pasaron pola concellaría ate 6 concelleiros/as de educación neste Concello, e falamos coas AMPAS, cos sindicatos, cos representantes dos traballadores e traballadoras, monitores de escolas infantís e comedores, visitamos os centros, reunímonos cos directores e directoras, e escoitamos, sobre todo escoitamos, activamente, tomando nota.
   Recollemos en Madrid o premio de educación viaria a toda unha traxectoria de anos do Departamento de Educación que dirixe Xosé Manuel Rodríguez Abella. Celebramos, con moito éxito, o Día Europeo da Música, en Area Central, nas Praterías, con bandas e agrupacións de Galicia, coa Escola Municipal de Música e puxemos en marcha o Programa de Conciliación do Verán, abrimos dous centros con comedores para tódalas familias que o necesitaban, e co remate do curso, por primeira vez, recibimos no Salón Nobre de Raxoi ós mestres e mestras xubilados no curso 2014/2015, nunha cerimonia co alcalde, de recoñecemento e dignificación da profesión docente, unha iniciativa que manteremos e melloraremos no futuro.
   O día 2 de Xullo dirixinme ó despacho do Secretario Xeral Técnico da Consellería, responsable de comedores, non levaba eu nin un mes no cargo, para reclamarlle o Convenio preceptivo para proceder a licitar o contrato de comedores escolares que caducaba en Setembro. Había meses que a concelleira do seu mesmo partido o viña reclamando, teño constancia escrita. Disto non falaron os medios. Comprometeuse conmigo a facilitarmo de inmediato pero aínda o mandou a finais de Xullo. Aprobámolo en Xunta de Goberno, asinouno o alcalde e quedamos á espera da sinatura do Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para iniciar un procedemento aberto de concurso público. Foron probablemente os comedores escolares o asunto que máis tempo preocupou e ocupou a este edil nestes 6 meses, e aínda estamos con eles, logo de que o concurso público quedara deserto como consecuencia, fundamentalmente, dun prego de condicións moi rigoroso, tanto no económico como no educativo. A volta de vacacións de Nadal teremos unha nova adxudicataria. Compre resaltar que, contra a opinión publicada neste tempo, os comedores escolares funcionaron con total normalidade. Parecera que había moitos interesados en que non fose así. Teremos dous anos para reflexionar participadamente sobre o modelo que queremos de comedor escolar para o futuro, porque o actual, para min, está superado.
   Visitei practicamente tódolos centros, varias escolas infantís, falei coas direccións, coa federación de ANPAS, puxemos en marcha un ambicioso Plan de Obras de Verán por valor de case que 400.000€ que conseguimos rematar en tempo e forma, antes do inicio do novo curso, como non sucedera anteriormente.
    Démoslle pulo a convenios e acordos de colaboración, programas transversais que decaeran nos últimos anos, recibimos ós nenos e nenas saharauís do programa Vacacións en Paz, impulsamos proxectos de roteiros como o da Memoria ou o do Patrimonio Histórico Funerario, abrimos o departamento á cidadanía, recibimos a tódalas entidades que o solicitaron, numerosísimas en seis meses, de todo tipo, empresas, cooperativas, ecoloxistas, pacifistas, audiovisuais, educativas... atendemos ós medios de comunicación, e mesmo oficiei varias vodas civís, loxicamente, no Salón Nobre do Concello.
   Co inicio do novo curso en Setembro fixemos un acto inaugural, con nenos e nenas do colexios, pais e nais, entidades, ONGs, na Sala Mozart do Auditorio, co Alcalde, e con Carlos Blanco, e música, da Escola Municipal (nunca se fixera) e coñecemos os recortes de profesorado, persoal complementario, na atención á diversidade, particularmente, no Colexio de Vite, e manifestámonos con eles para esixir da Consellería máis recursos.
   No Programa Electoral de Compostela Aberta tiñamos en lugar moi preferente recuperar para uso público dous magníficos espazos educativos, a coñecida como Ludoteca de As Fontiñas, construída no curso 2005/2006, nunca aberta, e o Centro de Interpretación do Medio Rural na Portela en Figueiras, pechado en 2012. Desde o primeiro momento anunciei que non tería instalacións educativas pechadas. Busquei a financiación na Deputación Provincial para o Centro Educativo e de Lecer María Miramontes, con 97.000€ e A Portela con 125.000€.
   Outro aspecto que propuxemos foi a elaboración participada dun Proxecto Educativo de Cidade. Reunín, por vez primeira, ós mellores especialistas da Facultade de Educación, coa súa Decana, e encargámoslle un documento de bases que teremos en Xaneiro, para debater sobre el durante todo o curso, co obxecto de aprobalo en Pleno no mes de Xuño, por acordo, para establecer os obxectivos educativos para o trienio 2016-2019. E reincorporámonos ós Programas de Cidades Patrimonio da Humanidade da UNESCO, Aula de Patrimonio para escolares que posibilitará o intercambio entre alumnado da ESO de Santiago de Compostela e Salamanca, así como ó de Cidades Educadoras, e á Rede Internacional de Mayors For Peace, alcaldes pola paz. Colaboramos na homenaxe a D. Francisco Giner de los Ríos, na casa que ocupou na súa visita a Santiago de Compostela, no antigo Hotel Suízo.
   E entregamos o Premio Internacional Compostela, Despois da choiva,  de Miguel Cerro, editado en tódalas linguas peninsulares, inglés e francés, en colaboración con Kalandraka, ó mellor libro ilustrado de literatura infantil e xuvenil no Pazo de Raxoi. E inauguramos cursos, exposicións, foros, emociona, apoiamos o xogo tradicional, os xoguetes educativos en galego, o programa Apego...
   Presentamos o proxecto da nova Escola Infantil Municipal do Castiñeiriño, financiada pola Fundación Amancio Ortega, que estará aberta e en uso no próximo curso escolar.
   Colaboramos co Seminario Galego de Educación para a Paz e coa Rede de Centros de Investigación para a Paz (AIPAZ) na realización dunhas xornadas sobre cultura de paz, seguridade e desarmamento en conmemoración do seu 30 Aniversario, e o Día Internacional dos Dereitos Humanos, cunha lectura pública, con alumnado dos colexios de Santiago.
   Con ocasión das Festas de Nadal participamos activamente na súa realización, co Programa de Conciliación en dous colexios, As Fontiñas e Raiña Fabiola, diversos programas educativos e na posta en funcionamento do Carrusel gratuíto no Obradoiro, e asistimos ós festivais de varias escolas infantís.
   Todo isto, simultaneando a concellaría de educación e cidadanía coa asistencia e participación na Deputación Provincial, plenos, comisións, xunta de portavoces e mesas de contratación. Por certo, porque non se di, sen adicación exclusiva, nin no concello nin na deputación... con horarios e axendas imposibles.
   Para rematar, o levo ben, con moi bo ánimo, co sorriso nos beizos, e tamén co ventiño de cara da folla parroquial 0.0, a miña máis agradábel sorpresa de cada día... me encanta el olor del Napalm por las mañanas...,  grazas Pelaez, grazas Trabanca, rumorosos mentireiros e pólvoras Demetrio, sin ti no soy nada.
   Espírito navideño... Bo Nadal e mellor 2016, a marea que asulaga e limpa...

   


17 sept. 2015

100 días de que?



Foi un Sábado, 13 de Xuño, o día da toma de posesión como Concelleiro do novo goberno municipal de Santiago de Compostela, a capital de Galicia, nun equipo de 10 persoas lideradas polo Alcalde, Martiño Noriega, a lista máis votada no Concello, para sorpresa de propios e de estraños.

Había nervios, como non. Houbo que repetir dúas veces a entrega do bastón de mando. Algúns restregaban os ollos, non o crían.

O propio acto xa tivo novidades. Renunciamos ós medallóns e ás insignias. O espírito de Coralia e Maruxa, de Anxel Casal, de Xohán Xesús González movía as cortinaxes. O cabalo do Santiago Matamouros de Freire e de Gambino din que relinchou, e hai quen escoitou murmurar a Atanasio e a Teodoro, a Mateo e o David. Daquela ninguén coñecía –aínda- o parecer do Deán.

E pasaron xa 100 días, eses que din que son de graza, de xogo limpo, de respecto institucional, de que?. Non houbo nin 100 minutos. Había presa por desacreditar, por recuperar nos medios o perdido nas urnas, xa se sabe, estamos nunha dinámica electoral sen fin, e para algúns todo vale con tal de recuperar o perdido o 24 de Maio.

A Marea tamén chegou a Compostela, encheu a Quintana, o Obradoiro e tamén o Toural, que acerto abrir Olmedo!, e as puchas tomaron o pazo que mandara construír o arcebispo Bartolomé de Raxoy y Losada, entre dúas cadeas, a relixiosa e a civil, canta metáfora...

Polo que a min respecta, cheguei a un Departamento, o de Educación, desmantelado, polo que pasaran ate 6 responsables nunha lexislatura, alguén lembra os seus nomes?, algún fito relevante?, algunha pólvora?. Un departamento desanimado, recortado, proba do pouco interese que o PP daba á educación pública. O primeiro foi recuperalo, amplialo, recoñecerlles a súa valía, o seu amplo e rigoroso coñecemento da realidade escolar, froito de máis de 30 anos de experiencia.

E o curso escolar estaba rematando. Non podiamos perder un minuto. Presentamos un Plan de Obras de Verán por valor de máis de 200.000€ nas escolas infantís e nos colexios, que rematamos en tempo e forma, realizadas puntualmente en Xullo e Agosto. Toma xestión!. Din que por primeira vez en moitos anos...

E puxemos en marcha o Programa de Conciliación con novas actividades, con comedor escolar funcionando en dous centros, As Fontiñas e o Raína Fabiola, atendendo tódalas necesidades que se presentaron.

Por primeira vez, recibimos ó profesorado xubilado en Raxoi, no Salón Roxo, cos directores e directoras dos centros, nun acto de recoñecemento e de gratitude, de apoio ó ensino público, que converteremos nunha das citas institucionais relevantes de cada remate de curso. Como o de apertura, nesta ocasión na Sala Mozart  do Auditorio de Galicia, con centos de nenos e nenas de 6º de Primaria, cos pais e as nais, os directores, sindicatos, a Banda da Escola Municipal de Música, cos cativos e cativas que rematan a súa escolaridade e antes de incorporarse ós institutos da cidade, con Carlos Blanco, reivindicando a escola pública, a de todas e todos. Corrixiremos os erros e melloraremos...

Os comedores escolares e o servizo de madrugadores empezaron, quen o diría! con puntualidade británica, nas mesmas condicións, cos mesmos prezos, o día 10 de Setembro, tal e como estaba previsto, a pesares das alarmas sementadas innecesariamente para crear inquietude entre as familias, tentar desacreditar ó novo goberno municipal e, de paso, á escola pública. Ó final, a propia vida coloca a cada quen no seu lugar...

A miña primeira actuación na Deputación Provincial foi interesarme pola Ludoteca de As Fontiñas, tiña, e temos, especial ilusión en abrila canto antes, e así será, máis pronto que tarde. E a Escola de A Portela, en Figueiras, o Centro de Interpretación do Medio Rural, pechado desde 2012!, un recurso educativo que non podemos permitirnos o luxo de ignorar e que estará operativo para a Primavera. E presentamos unha moción sobre o drama dos refuxiados, conxuntamente coa Marea Atlántica, aprobada por maioría, e que dedicará recursos orzamentarios para os concellos que os acollan e garantan, sobre todo, o asilo, artigo 14 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. E incorporamos a Santiago de Compostela e ó seu alcalde á rede internacional de Mayors for Peace, polo desarmamento nuclear en 2020.

Para este curso, poñeremos en marcha numerosos programas educativos de carácter transversal, unha ampla oferta para os centros escolares, Cidades Educadoras, Educa Compostela, Santiago capital, Roteiro da memoria, concertos didácticos, animación á lectura, concurso de carteis de Nadal... e celebraremos colectivamente o Día Internacional dos Dereitos Humanos e o Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia, entre outras efemérides de relevancia.

Remato xa. Teremos, desde xa, un amplo debate participativo do Proxecto Educativo de Cidade, sobre a base dun documento elaborado pola Facultade de Educación, con toda a comunidade educativa, recuperando o Consello Escolar Municipal, o Observatorio Municipal da Convivencia Escolar, ou o Consello Escolar da Infancia, para amosar, facendo, que a participación é a clave de Compostela Aberta para transformar positivamente o concello.


Como vedes, temos faena para máis que 100 días, e imos afrontala, con ilusión, e se cadra, co ventiño de cara ...

19 jul. 2015

Moito por facer... coa vosa axuda

  
Departamento de Educación e Cidadanía
Concello de Santiago de Compostela


   Hai case que tres meses que non escribo no blog, desde o pasado 29 de Abril. Non é por desidia ou por abandono, tampouco porque non teña cousas que comentar, simplemente, por falla de tempo.
   Foron moitas as cousas que aconteceron desde o mes de Abril, entre elas, unha campaña electoral moi intensa para as Eleccións Municipais do 24 de Maio en Santiago de Compostela que, como sabedes, deron a maioría a COMPOSTELA ABERTA, a candidatura municipalista e democrática da que formaba parte e que, como consecuencia de ser a lista máis votada, asumiu a gobernanza no concello. A min tocoume, non era un secreto, a responsabilidade de Educación e Cidadanía, así quixen (quixemos) que se chamara pois ás competencias coñecidas en educación engadimos dous bloques de contidos novos, a cidadanía e os dereitos humanos, aspectos centrais e que a dereita conservadora mesmo retirou do currículum escolar para substituíla, como non!, pola relixión, de novo avaliable. As persoas que escollan relixión non terán oportunidade de aprender ética cívica, valores cívicos e democráticos ou dereitos humanos, vivir para ver!...
   Ademais fun designado polo Grupo Municipal, a proposta do Alcalde, Martiño Noriega como representante de Compostela Aberta na Deputación Provincial de A Coruña que ven de constituírse hai tres días e na que por un acordo político de PSOE e BNG, co noso apoio, o da Marea Atlántica e a Alternativa dos Veciños, dou a presidencia a Valentín Gonzálezalcalde de As Pontes, e candidato socialista.

   Son moitas as persoas que preguntan que tal, como o levo, e teño que recoñecer que non sei moi ben que contestar. Ordinariamente tendo a dicir que ben, sen entrar en máis matices. Efectivamente, sen meternos nos detalles, a experiencia é extraordinariamente positiva, un desafío tamén, síntome moi orgulloso da cidadanía de Santiago que foi quen de manifestar, co seu voto, que non perdera a dignidade logo da lexislatura da infamia, catro anos de maioría absoluta do PP que levaron á nosa cidade ate as portadas do New York Times por corrupción e irregularidades.
   Si alguén dixera hai un ano que hoxe ia estar onde estou diríalle que toleara... sen embargo, na concellería de Educación e Cidadanía atópome cómodo, non vou negalo, a docencia é a miña profesión, á que dediquei case que 40 anos, na primaria, na secundaria e mesmo na Universidade por medio da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos. Coñezo, creo que bastante ben, o sector e as súas reivindicacións, a escola pública, as súas carencias e aspiracións, e o propio Departamento do Concello con quen colaborei en moitas ocasións como Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz ou como parte activa do movemento pacifista, particularmente, coa campaña do Non á guerra e como portavoz da Coordinadora Galega pola Paz.
   O programa electoral, todo el, e o de educación en particular, foi elaborado de maneira participativa por un Grupo de Traballo moi plural e cualificado que concretou en 20 medidas o que entendiamos que necesitaba a comunidade educativa de Santiago de Compostela, a escola pública e a profesión docente: Recuperar a normalidade dun Departamento baldeirado de contido polo PP e redimensionalo para que teña capacidade de cumprir o papel que lle corresponde, fortalecer a Rede de Escolas Infantís Municipais, basico para a igualdade de oportunidades, ampliando a súa oferta, atender as necesidades de mantemento, limpeza e vixianza dos centros escolares públicos, atender e mellorar o servizo de comedor e madrugadores, ampliar a Escola Municipal de Música, negociar a reconfiguración do Mapa Escolar, retomar a función de planificación e diagnose, asegurar a conciliación no verán...
   Por outra parte, de acordo coa máxima da participación e a transparencia, da corresponsabilidade na xestión que puxo como bandeira COMPOSTELA ABERTA, pensamos que compre promover o Foro Educativo para elaborar e aprobar un Proxecto Educativo de Cidade, poñer a funcionar realmente o Consello Escolar Municipal, paralizado nos últimos catro anos, crear o Consello Escolar da Infancia para facer realidade o soño pedagóxico de Francesco Tonucci en Compostela, favorecendo os camiños escolares; impulsar o funcionamento dos Consellos Escolares de Centro e as Mesas de Diálogo coas ANPAS, as direccións escolares, os sindicatos, os MRPS ou as ONGs educativas ou crear o Observatorio Municipal da Convivencia Escolar.
   Durante anos o Departamento de Educación do Concello de Santiago, desde o alcalde Xerardo Estévez, foi un referente en Galicia e no Estado en relación co desenvolvemento de programas educativos de carácter transversal, polas publicacións didácticas, polos estudios de planificación e diagnose de necesidades, polos servizos educativos. Imos impulsar programas como o de Cidades Educadoras, perdido no esquecemento, o Educa Compostela, a sensibilización, a difusión das boas prácticas, os premios e recoñecementos... ampliaremos o programa de Vacacións en Paz con nenos e nenas saharauís a profesorado e poñeremos en marcha un similar con nenos e nenas palestinos, levaremos a música e a danza escolar ás prazas e ós barrios, ós colexios, o cinema, a educación afectivo emocional ou a educación viaria, darémoslle pulo ás conmemoracións do Día Internacional dos Dereitos Humanos ou ó Día Escolar pola Paz, a educación ambiental e ós hortos escolares...
   Desenvolveremos un amplo Programa que chamaremos Santiago, capital, para que o alumnado coñeza o patrimonio da cidade, a memoria, os museos, os parques e alamedas, as nosas bibliotecas, o Parlamento, o cemiterio de Boisaca, os ríos, montes e arboredos, ou as cidades patrimonio da humanidade...
   E colaboraremos coa USC, a Universidade ten que recuperar o seu papel central na cidade, coa Cátedra UNESCO, co 4º Ciclo, coas Aulas da 3ª Idade, nos cursos de verán, na planificación e na diagnose, co voluntariado, co Grupo Compostela de Universidades, apoiando a internacionalización, compartindo espazos e programas...
   Igual que co Ensino Medio, cos Institutos e Centros de Formación Profesional, cun plan de visitas e de acollida, co apoio da Orientación Educativa, con xornadas de portas abertas, para facilitar a transición entre a primaria e a secundaria.
   Abriremos os espazos comúns dos centros escolares públicos á programación educativa e cultural, á actividade social e veciñal, ó ocio e ó tempo de lecer. Poñeremos en funcionamento a Ludoteca das Fontiñas.
   Declararemos Compostela como espazo de paz, convivencia e dereitos humanos, impulsaremos a sensibilización e a divulgación, a cooperación ó desenvolvemento, a inclusión e a non discriminación, crearemos a Escola Municipal de Cidadanía e Dereitos Humanos, para educar na e para a democracia, nos valores cívicos e democráticos, na mellora da convivencia escolar, na ética e nas virtudes cívicas, na laicidade, na mediación escolar e a resolución pacífica dos conflitos, na interculturalidade, na prevención das violencias, elaboraremos e difundiremos guías de cidadanía, a igualdade de xénero, a tolerancia, a responsabilidade social e ambiental...
   Promoveremos o coñecemento e a práctica dos dereitos humanos, a cultura da paz, faremos irmandamentos con cidades como a nosa que viven conflitos graves, os dereitos da infancia, o dereito humano á paz, as cartas internacionais de dereitos, e colaboraremos coas asociacións nacionais e internacionais de dereitos humanos.
   E escoitaremos activamente tódalas suxestións, as aportacións positivas, a concellería estará aberta para a cidadanía, sen exclusións, para quen queira trasladar a súa opinión sobre como mellorar a escola pública e o ensino no noso concello desde o criterio de gobernar obedecendo, tal e como COMPOSTELA ABERTA propuxo.
   E tentaremos facelo o mellor posible, con transparencia, con proximidade, con dedicación, con esforzo, a pé de obra, comprometidos cun modelo educativo público, gratuíto, universal, galego, democrático, científico e laico.
   Coa vosa axuda...

29 abr. 2015

A educación como unha prioridade estratéxica



Non vai ser difícil facelo mellor. O listón que deixa o PP en Santiago está tan baixo que, a pouco que nos esforcemos, a situación mellorará significativamente. No caso da área de Educación, sen dúbida algunha. Certo que houbo tres alcaldes. Certo tamén que a maioría da corporación actual non foi referendada pola cidadanía. Certo ademais que vivimos o maior grao de inestabilidade política baixo a maioría absoluta dun partido que podiamos imaxinar. Na responsabilidade específica de Educación o número de titulares foi disparatado, nada menos que seis!!!, a demostración do pouco interese que o PP tivo no ensino público.
         O actual Departamento de Educación, aquel que con tanto cariño creou Victor Ferreira no primeiro goberno de Xerardo Estévez, está hoxe desmantelado, cando as necesidades para programas e servizos se incrementaron notablemente nos últimos anos. A planificación, o diagnóstico de necesidades, a previsión, o diálogo, a participación da comunidade educativa, a xestión ou o simple mantemento de centros, estiveron, e están, sen dirección política coñecida, un secreto a voces entre o profesorado e as asociacións de nais e pais.
         Para Compostela Aberta, o primeiro, antes que nada, será retomar o diálogo coa comunidade educativa, restaurar a confianza, auditar, escoitar e avaliar, redimensionar a concellalía, atender as necesidades inmediatas dos profesionais que nela traballan, recoñecer a súa dedicación, en tantas ocasións menosprezada.  E logo priorizar ás persoas, poñer ós nenos e nenas no centro de atención, con políticas novas, desde a perspectiva de que a educación será unha prioridade estratéxica entendida, como non, como un servizo público, gratuíto, universal, inclusivo, galego, laico e da máxima calidade, aproveitando todos e cada un dos aproximadamente 3 millóns de euros de orzamento anual cos que contamos.
         Para nós a educación nunca é un gasto. Trátase do mellor e máis rendíbel investimento en futuro, con retorno económico, social, cultural e persoal. Compre lembrar aquel dito que afirma “Si cres que a educación é cara, pensa no cara que pode ser a ignorancia”. Hai anos que a UNESCO aprobou o seu modelo dunha educación para todos e ó longo de toda a vida, non circunscrita ós muros escolares e o ensino regrado, por iso promoveremos e incentivaremos as Escolas Municipais de Nais e Pais, como espazos de carácter formativo, preventivo e de participación.
         Queremos unha cidadanía educada, cooperativa, crítica, igualitaria, equitativa e por iso ampliaremos a Rede de Escolas Infantís Municipais, do ciclo 0-3, probablemente o período educativo máis determinante na conformación da personalidade, na prevención do fracaso escolar e para corrixir desigualdades. Con Santa Marta e o Castiñeiriño teremos unha rede digna.
         A educación como eixe transversal das políticas públicas municipais de Compostela Aberta, con programas específicos en materia de inclusión, igualdade de xénero, lingua, cultura de paz e dereitos humanos, mellora da convivencia democrática ou de educación ambiental.
         Estableceremos mecanismos e estruturas de participación para facilitar a colaboración entre centros de primaria e de secundaria, para contribuír á mellor integración e acollida do alumnado nos institutos de referencia.
         Queremos unha educación aberta a toda a cidadanía, que supere os muros das escolas, un modelo participativo e de corresponsabilidade na xestión, e por iso impulsaremos o Consello Escolar Municipal e outras formas de participación de ámbito menor, para que a comunidade educativa se sinta representada e partícipe da xestión.
         Promoveremos a reelaboración do Mapa Escolar Municipal, en colaboración coa Consellería, sobre a base dunha planificación e diagnose de necesidades compartida, e abriremos os centros educativos fora do horario escolar, con programas formativos e culturais, e apoiaremos a ampliación e mellora da Escola Municipal de Música, á danza, ó teatro, e a outras actividades artísticas. Poñeremos en funcionamento inmediato o Centro de Recursos para a Lectura e o Xogo, a Ludoteca de Fontiñas, e atenderemos, de maneira especial, ós Comedores Escolares introducindo cambios significativos no prego de condicións en relación co comercio de proximidade, produtos ecolóxicos, plans nutricionais ou formación específica de monitores.
         Somos un concello educador nunha cidade educadora, formamos parte da Rede Estatal de Cidades Educadoras e da súa Asociación Internacional aínda que non o pareza. Nese marco desenvolveremos os seus programas en materia de paz, convivencia e dereitos humanos, de turismo patrimonial, ou nos acolleremos ós programas da UNESCO, como é  o Learning, de comunidades de aprendizaxe, entre outros.
         Queremos facer realidade, en Santiago de Compostela, o soño pedagóxico e urbanístico de Francesco Tonucci, a súa Cidade dos Nenos, o modelo educativo que pon ós cativos como referente, para facer unha cidade á altura da súa mirada, que é a mirada das persoas, co programa Camiñando á Escola nos centros de Pio XII, Lopez Ferreiro e as Fontiñas. E poñeremos en marcha o Consello Escolar da Infancia tal e como funciona en tantas cidades do mundo, particularmente, na rexión de Regio Emilia en Italia.
         Por último, para Compostela Aberta, a USC e o Concello non poden vivir de costas, teñen que atopar espazos de entendemento e de colaboración máxima, de acordo co papel central que a Universidade ten para nós. Apoiaremos as súas xustas reivindicacións diante da Xunta, fomentaremos a cooperación en programas e servizos, en especial aqueles que teñen que ver con sectores básicos da economía de Santiago. Recuperaremos os Campus como espazos de lecer, empezando polas grandes avenidas da Residencia, porque non nos resignamos a vela como un enorme aparcadoiro en superficie. Colaboraremos no mantemento de xardíns e instalacións públicas. Poñeremos en marcha un transporte público intercampus e incentivaremos a capital de Galicia como cidade congresual. E apoiaremos a creación do Campus da Cidadanía, entre outros.
            Coa vosa axuda, poderemos facelo...