Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

24 ago. 2014

Picheleiros

   


   Nacer nun lugar determinado non ten mérito algún. Quizais algo de sorte. Desde logo non depende dun. Son circunstancias alleas as que condicionan o lugar onde unha persoa ve a luz por primeira vez. En todo caso é a nai (e o pai) quen ten a capacidade de decidir, de escoller, e non sempre.

  Claro que nacer aquí ou alá marca, nun lugar, nunha familia, nun ambiente, para ben ou para mal. Especialmente si o destino decide que abras os ollos nun barrio próspero do planeta ou si, polo contrario, descobres que formas parte da lexión dos empobrecidos, dos miserables, dos esquecidos, dos invisibles. Non é o mesmo, como negalo.

   Sen embargo, o meritorio resulta o que ti fas, non o curruncho onde naces. Certo que ser natural dun lugar pode proporcionar satisfacción, honra, privilexio, pracer, tamén dor... pero non necesariamente dirá de ti máis ou menos do que si foses de calquera outro sitio. Mesmo hai quen da máis mérito a ser do lugar que el ou ela escolle libremente.

   Ven todo isto a conto dunha páxina de facebook, moi exitosa, como outras, que responde ó título de "No eres de Santiago de Compostela si no... te sientes picheleiro" e que conta xa con máis de cinco mil membros.  Como picheleiro, do número quince primeiro da rúa da Troia, no centro da xudeiría compostelá, onde nacín e vivín ate a maioría de idade, decidín darme de alta na citada páxina e colgar algunha que outra lembranza, máis ou menos nostálxica, do meu pasar por esta aldea grande que foi imaxinada e construída por moitas persoas que deixaron a súa pegada ó longo dos séculos, mesmo a daqueles -moitos máis- que existiron antes de que na Caldeirería, na Acibecheiría ou nas Praterías uns artesáns decidiran facer cacharros de estano con picho (picholeiros) ou pichel (picheleiros).

   Conserva Santiago de Compostela moitos restos patrimoniais de diferentes épocas dos que sentirnos orgullosos e orgullosas: arquitectónicos, arqueolóxicos, históricos, culturais... máis tamén lingüísticos, que temos a obriga de coidar e protexer, con cariño, pois son a testemuña, o esforzo, a obra, de todos aqueles que nos precederon. Somos en realidade usufructuarios e gardiáns do que atopamos.

   Síntome picheleiro e picholeiro, palabras que non teñen tradución coñecida ó castelán, que eu saiba, agás pichelero o picholero. Non son para min un desmerecemento, non o foron nunca, aínda que coñezo a persoas santiaguesas que non gustan de tal denominación, sábelles a menos, un mal nome, un alcume localista froito da rivalidade, como cascarilleiro. No meu caso, será porque nacín e vivín moi perto de onde se facían os picheis, foi e segue a ser unha honra.

   Hai uns días, con educación, sen acritude que diría outro, fixen saber á persoa que administra o lugar de facebook, Marivi Ele, a quen temos que agradecer a idea e o impulso, quen estaba promovendo a edición dunha camisola negra para unha "quedada" , que estaría ben ter unha versión galega da mesma, por aquelo da comodidade, sen ánimo algún de abrir unha polémica ou un debate lingüístico. Os que me coñecen saben ben que non son eu, precisamente, un talibán, nin neste nin noutros asuntos, todo o contrario, aínda que o fale, desde un tempo en que descubrín que a lingua propia de Galicia é patrimonio cultural dos galegos e galegas, que necesitamos coidar e protexer, con cariño, na fala e na escrita, o mellor que podamos, e porque como a fachada do Obradoiro, de Casas Novoa ou o Pórtico da Gloria, do Mestre Mateo, son legados doutros naturais de Compostela que decidiron deixar a súa pegada para gozo de todos nós, na pedra, na cultura ou no pensamento. Si non o facemos nós, quen o fará?.

   Pois válame Deus, como si mentara ó demo, a reacción non poido ser máis drástica, máis visceral, nada de galego, o grupo é en castelán e punto final, iso si, cada quen que fale o que queira, faltaría máis, pero a camisola farase en español, ademais, xa ten unha palabra en galego: "picheleiro", suficiente. Obvio outros razoamentos ou escusas menores, que si habería quen a pedira en inglés, en alemán... etc, etc.

   Sentirse "picheleiro", así, en galego, non parece unha contradición con falar e escribir en castelán. Non. Unha palabra, din que de orixe francés, ben galega, que denota, inequivocamente, a orixe de quen a usa, ademais do acento que algúns se esforzan en ocultar. Usar "pichelero" no título e na camisola sería un pouco moito, non?. 

   Ben sei que a maioría das persoas que escriben no citado grupo do facebook o fan en castelán pero tamén as hai que o facemos habitualmente en galego. O noso idioma é constitucionalmente a lingua propia de Galicia, o Estatuto así o recolle, polo mesmo non parece tanto pedir que a camisola que identifique ós "picheleiros" de facebook tamén a podamos escoller galeguizada, penso eu... Pois a administradora decidiu cortar polo san e borrou os meus comentarios do debate, dou por finiquitado o asunto, e punto. Toma democracia!. A última das miñas argumentacións fora que si algo identificaba a Santiago de Compostela, universalmente, era precisamente a concordia, o entendemento, a acollida, a man tendida. Nin así, silencio, ocultación, censura. Acompañou o apagón na rede social lembrando as normas do clube, nada de política, nada de relixión, nin asuntos polémicos, "Eliminaré, sin previo aviso, los contenidos que entienda que no son pertinentes... Se evitará postear sobre temas políticos, religiosos o otros temas que puedan suscitar polémica, así como entrar en profundidad en ellos..." . Quizáis teriamos que preguntarnos antes que nada, por que o galego resulta, para algunhas persoas, polémico, político ou profundo demais. Aquí está, probablemente, a orixe do problema.

   Que fai a persoas de Santiago que se senten picheleiras como eu, renegar da súa lingua propia e que o fagan con tal visceralidade?. Quizais dirán, somos libres, e cada quen fale e escriba no que queira, faltaría máis, ate aí poderiamos chegar, en nome da liberdade, optan, deciden, individualmente, polo español. Pero estamos a falar dun sitio público. Dunha páxina colectiva, social, que seguimos maioritariamente picheleiros e picheleiras, orgullosas de selo, orgullosas do patrimonio compostelán, dos seus monumentos, das súas rúas, dos lugares máis fermosos... por qué renegar entón da nosa lingua como máxima expresión da cultura propia e do pensamento. Por qué?.

   Penso que estamos diante do síntoma dun gran fracaso colectivo, como pobo, pois non fomos quen, non somos quen, de transmitir o amor polo propio, pola nosa lingua e cultura, a pesares dos enormes esforzos do galeguismo, da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega, da Radio e Televisión galegas, da Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Cultura, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Equipas de Normalización... e de tódalas institucións e demais entidades que teñen entre os seus fins a defensa e a promoción do noso idioma, que dedican a este obxectivo millóns de recursos públicos, de todas e de todos, durante tantos anos xa de democracia recuperada, para ver como día a día as xeracións máis mozas, dan as costas nas súas vidas ó galego. Penso que estamos diante dun abismo lingüístico. Necesitamos cambiar con urxencia, inventar outras estratexias, buscar novas fórmulas, empezando polo uso coloquial, pola transmisión ós nosos fillos e fillas, e mudar de políticas, daquelas políticas que parecen máis empeñadas en rematar co problema rematando co uso da lingua propia, ritualizando o seu uso a unha liturxia tan antiga como alonxada da realidade.

   Quizáis si o facemos pronto aínda esteamos a tempo de sentirnos picheleiros e galegos orgullosos da nosa lingua, tanto como do Pórtico da Gloria ou da Berenguela. Ogallá.

   

     

10 ago. 2014

Unha opinión asimétrica...



As Nacións Unidas veñen de recoñecer que dos case que dous mil mortos palestinos na franxa de Gaza, como consecuencia dos múltiples ataques do exército israelí, tan só douscentos eran combatentes. O resto, uns mil seiscentos aproximadamente, eran poboación civil, mulleres, anciáns, nenas e nenos, con nomes e apelidos, familias enteiras.

Sami Ashour

O pasado xoves, Sami Ashour, palestino, presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin, na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, entre bágoas, poñía nome a estas vítimas inocentes, máis de catrocentos cativos, ate que non foi quen de continuar.


Estamos diante da enésima invasión de Gaza, un territorio cada vez máis pequeno onde sobreviven uns dous millóns de persoas, sometidas a toda clase de vexacións, bloqueados os seus accesos de entrada e de saída, por terra, mar e aire, sen posibilidade algunha de fuxir, illados do resto de Palestina e do mundo, en condicións moi precarias, onde periodicamente sofren, en carne propia, os ataques indiscriminados dun dos exércitos máis poderosos do mundo, que golpea sen tregua sobre as infraestruturas, as vivendas, centrais eléctricas, mesmo escolas refuxio protexidas pola ONU, e hospitais, como denuncian as institucións internacionais.

E o fan porque poden facelo, porque ninguén o impide, porque teñen a superioridade militar e porque están seguros de que a comunidade internacional, unha vez máis, mirará para outro lado, entre bágoas de crocodilo e retóricos chamamentos á paz e ó diálogo. Mentres, o goberno sionista de Israel gobernado por unha extrema dereita belicista, recibirá puntualmente todo o armamento necesario para renovar o gastado, sen necesidade de túneis, o asesoramento preciso, a comprensión e a simpatía occidentais…, e así ate a próxima.


En diversas ocasións, durante a operación Marxe Protector actual, Barak Obama, Premio Nobel da Paz, e mesmo o ministro español de exteriores, Margallo, reiteraron o dereito israelí á “autodefensa”. As primeiras declaracións de Mariano Rajoy o foron para conmoverse polas vítimas, referíase, como non, ás “israelitas”. Aquí sabemos moi ben que cando a dereita española, e Rajoy en particular, falan de vítimas, inequivocamente están pensando, única e exclusivamente, nalgunhas vítimas, de aquelas ás que recoñecen esa condición, as que apoian e protexen. As outras, por exemplo, as do franquismo, as dos gal… para eles, non existen.



Si Israel ten dereito de autodefensa, que dicir entón do pobo palestino, acaso non é suxeito do mesmo dereito internacional?. Si as vítimas israelitas doen e conmoven, como é posible que non se mencionen ás vítimas inocentes de Gaza?. Ou é que xa non son seres humanos?. Todos, sen excepción, somos iguais en dereitos e en dignidade, así o di a Declaración Universal aprobada en 1948, precisamente o mesmo ano en que foi creado o Estado de Israel.

En tódolos conflitos, de calquera ámbito, hai partes enfrontadas, intereses e responsabilidades distintas, vítimas e vitimarios, e tamén espectadores, activos ou pasivos, que actúan para alimentar o conflito ou para ocultalo. No caso de Palestina tamén. E solidariedade internacional, por moito que se pretenda ocultar. Por iso resulta imposible facer exercicios de equidistancia, porque as forzas, as consecuencias, os aliados, as informacións… non son equilibradas e a pretendida neutralidade convértese facilmente en inxusta asimetría, neste caso, en favor do goberno sionista.

Sabémolo ben. Nin Hamas ou a Yihad Islámica representan a todo o pobo palestino, nin están libres de responsabilidades, como o goberno de Netanyahu non pode confundirse co pobo israelita ou asumir que ten unha bula papal para estar protexido cunha impunidade, política e militar, eterna e divina.

Ambos actores saben que non é posible o exterminio das partes enfrontadas, por moito que o intenten. Nin a batalla final, cunha vitoria militar definitiva. Nin sequera o recurso á invasión periódica pode ser infinita. Ou que a seguridade pase, como unha condena bíblica, polo intercambio desigual de foguetes e misis, polo bloqueo, o aumento dos asentamentos de colonos ou os asasinatos selectivos. Non pode ser!.




A paz, as paces, para ser xustas e duradeiras, teñen que recoñecer as responsabilidades de cada quen, non está, non pode estar, todo o mal dunha parte, deben cumprirse as numerosas Resolucións das Nacións Unidas, e a Comunidade Internacional, quen si non!, ten que facelas cumprir. Neste caso, o goberno dos EE.UU. o principal aliado e protector de Israel, a UE, e a Liga Árabe, non poden aceptar, cada tres ou catro anos, unha matanza brutal, unha conspiración de silencio, como a que ven de producirse, a violación cruel e descarada do dereito internacional. E a cidadanía global non pode desentenderse das vergoñentas actuacións dos seus respectivos gobernos. Palestina e Israel, os seus pobos, teñen dereito a un futuro de paz, de seguridade, de entendemento e de colaboración. Tanto sufrimento, tanta violencia, tanta crueldade, durante tantos anos, a Humanidade non pode, non podemos, soportala, por dignidade, para non aborrecer de ser parte desta especie.