UN CURSO NOVO…
Lembro -con
certa nostalxia- o comezo de cada novo curso escolar. Inquietude, preocupación,
ilusión, esperanza, nerviosismo, caras novas… sensacións mixturadas coa renovación anual e o rexuvenecemento que produce acoller quendas de rapaces e rapazas novos, profesorado, novidades…
que aproveitamos para comentar, claro, xunto co verán que se vai.
Hoxe, xa
xubilado, quen o diría, vexo e sinto este momento dunha maneira ben distinta, con
responsabilidades e olladas diferentes, cunha perspectiva nova cando estou a piques de afrontar
o último curso dun mandato iniciado en maio de 2015 cando Compostela Aberta se
convertíu na forza política máis votada en Santiago.
As miñas
preocupacións desde a Concellaría de Educación e Cidadanía son outras. Certo
que comparto os desexos de mellora da calidade educativa con tódolos sectores e
suxeitos do complexo proceso que coñecemos como ensino-aprendizaxe. Sen
embargo, as competencias reais dun Concello -en materia educativa- son e están
moi limitadas. Ás veces, con bóa intención, tendemos a confundir as
responsabilidades e demandamos melloras infraestructurais que son lóxicas nunha
rede de centros que ten xa moitos anos e, polo mesmo, responden a modelos que están,
certamente, obsoletos. Por iso recoñecemos que os espazos non son os que
realmente necesitamos no século XXI, salóns de actos e de usos múltiples,
parques infantís, comedores, aulas, laboratorios, medios técnicos e
tecnolóxicos, ratios axeitadas, profesorado especialista e unha organización escolar máis acorde coas demandas actuais… a pesares dos
esforzos que se fan e que recoñecemos. Pero non son suficientes. Sabeo ben a comunidade educativa. Mais a competencia para
ter centros destas características corresponde integramente á Xunta de Galicia,
dona e señora das competencias plenas en materia de educación.
Os concellos,
nas súas limitacións, orzamentarias e competenciais, abordamos o mantemento das instalacións, non os
investimentos nas infraestructuras citadas, polo mesmo, non podemos intervir en
asuntos alleos aínda que, ás veces, vémonos na obriga de facelo, directamente
ou en colaboración coa Consellería, porque sentimos e queremos mellorar a
calidade, na medida das nosas posibilidades.
Con todo, os
recursos que dedicamos ó mantemento dos centros escolares, nos últimos anos en Santiago,
son moi relevantes, insuficientes, desde logo, pero debemos valorar o esforzo
que significa, de diñeiro público destinado a reparar parques infantís, aulas,
fachadas, baños, carpinteiría de aluminio, pavillóns deportivos escolares e demais instalacións,
algo máis de 400.000€, só nos coles, que de maneira sostida no tempo vimos dedicando,
alomenos, desde 2015, xunto con axudas que tramitamos desde os Servizos
Sociais, para comedor e material, que multiplicamos exponencialmente como nunca
se fixera neste concello.
Ademais atendemos
puntualmente tódalas urxencias e as emerxencias que acontecen diariamente nunha
rede de centros moi numerosa, complexa e variada, non sabedes cantas, 3 escolas infantís
municipais, outras 4 consorciadas que tamén mantemos, 3 escolas unitarias, 13
colexios de Primaria, unha Escola Municipal de Música, o Centro de
Interpretación do Medio Rural de A Portela en Figueiras, ou o Espazo Educativo
e de Lecer “María Miramontes” coa Ludoteca de As Fontiñas. O que significa o seguimento de numerosos contratos de mantemento que van desde gas e electricidade, auga e as súas
condicións, ate as alarmas e os extintores, pasando polos elevadores, a limpeza
e a conserxeiría, as reparacións eléctricas, entre outras. Temas
imprescindibles para que o servizo público educativo sexa da máxima calidade.
Asegurar que
todos estes elementos, empresas, espazos, funcionen, ó día, cada día do curso
escolar, non é unha tarefa doada, desde un Departamento como o de Educación e
Cidadanía que, para as persoas que coñecen a súa realidade interna, arrastra
dificultades de persoal e de medios, especialmente pola conxugación de
circunstancias inesperadas, excepcionais, que afectaron e conmocionaron profundamente o seu
funcionamento ordinario, en particular desde hai máis dun ano.
Con todo,
apoiaremos proxectos e programas novos, algúns ampliados, como o “Vivir e
Coñecer Santiago”, o Roteiro Funerario polos cemiterios de Compostela, os
Concertos Didácticos, a Campaña de Animación á Lectura e os Premios de Albums
Ilustrados, ou os Educa Compostela, as celebracións do Día dos Dereitos Humanos
ou o Escolar pola Paz, ou o Europeo da Música, o Festival Intercentros de
Teatro ou o Festival de Danza. A finais deste mes colaboraremos cunha inédita Mariña
Seca na Praza do Obradoiro, de Embarcacións Tradicionais Galegas, cun folleto divulgativo
e un programa de visitas escolares…
E poremos en
marcha, neste curso, un Plan de Igualdade nas Escolas Infantís e un Programa de Educación Afectivo
Sexual naqueles centros que o desexen. E procuraremos convocar os órganos de
participación, o Consello Escolar da Infancia, o de Convivencia Escolar e o
Consello Escolar Municipal.
Tamén editaremos novas Unidades Didácticas que se sumarán ó amplo catálogo de
publicacións do Departamento, unha titulada "In Memoriam", para traballar no Roteiro Funerario, outra sobre o Pórtico
da Gloria e unha terceira sobre María Miramontes.
Non quixera deixar de parabenizar a tódolos axentes educativos, e o fago con ilusión
renovada neste novo curso, cos mellores desexos para as equipas directivas, tan
importantes no funcionamento eficaz dos centros, ó profesorado, ás familias, ó
alumnado, ó persoal non docente, para que, conxunta e colaborativamente,
eduquemos, eduquemos, eduquemos, máis e mellor, cada día, tódolos días, coa
ilusión, alegría e esperanza do primeiro.