Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

24 dic 2013

Eufemismos para enganar

   


   A dereita máis conservadora está pasando todos os límites previsibles. Non é que vulneren, a mans cheas, o seu propio programa electoral, o coñecido, o publicitado, senón que como fan coa contabilidade, traballan en B e punto. Fin de la cita. Había, o sabemos, un programa A, ben edulcorado, cuberto de fermoso celofán, apetecible para moitos, aquel que presentaron publicamente, para que constara, a efectos oficiais. Sen embargo, como acontece sempre coa dereita, maldita sexa!, o verdadeiro programa, a folla de ruta, o plano do tesouro, viña marcado pola vella doutrina neoliberal e os seus dogmas: privatizar e demoler o público, reducir o Estado ó mínimo, limitar dereitos e liberdades, abaratar custes laborais, substituír cooperación por caridade e beneficencia, axudar ós propios, socializar as débedas, recortar en sanidade, educación, dependencia, pensións, axudas ó desemprego, becas... e, como non, submisión ideolóxica á xerarquía eclesiástica, fundamentalismo nacionalcatólico, Opus, lexionarios de Cristo, camiño neocatecumenal... en realidade, nada que non saibamos. Neste contexto temos que interpretar a lei de seguridade, a lei Fernández, a lei Wert, a de seguridade privada, as concertinas de Melilla, a do aborto, lei Gallardón, o tarifazo eléctrico, as axudas a fondo perdido á banca, a reforma laboral, o desmantelamento do estado do medioestar, os desafiuzamentos que non paran, as preferentes e subordinadas, pagos e re-pagos, o desemprego masivo, a exclusión, a pobreza en niveis e capas sociais inéditas, onde van as clases medias?.

   Sería inimaxinable, en calquera país democrático, que a policía, por orde dun xuíz, entre e rexistre -durante 14 horas- a sede do partido do goberno, e que non pase absolutamente nada, nin sequera, que alguén con autoridade, aporte algunha explicación razoable ou que dimita. De que estrañarse, no Concello de Santiago de Compostela, por poñer o exemplo máis próximo, temos ó anterior alcalde, Gerardo Conde Roa, condenado por defraudador fiscal, ó seu xefe de gabinete, Angel Espadas, que pasou varias semanas na cadea, imputado, ó novo alcalde, Angel Currás, dobremente imputado, e nada menos que a 10 dos seus 13 concellais tamén imputados e non pasa absolutamente nada!!!. Todo o contrario, o Sr. Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, paséase polas televisións estatais, a galega xa a ten copada e demasiado vista, impartindo clases gratuítas de ética pública, ocultando toda a información relevante sobre os contratos co narcotraficante Marcial Dorado, benditas inundacións!, ignorando a Pablo Crespo e a Gürtel galega, ou as concesións millonarias, a dedo, á empresa da súa irmá, Eulen, ou á da sobriña de Romay Becaría, ave maría!.

   Non podemos negar que a dereita ten moito poder, case tanto como cara dura, cemento armado, á hora de ocultar, mentir, denominar, culpar, finxir e fuxir cara adiante. Non temos mais que escoitar a Montoro, o mestre do eufemismo.

   A grandeza do Programa Salvados consiste en facernos ver realidades moi complexas con claridade, diante dos nosos ollos, por medio de magníficas entrevistas de Jordi Evole, parecen simples, mais entrañan unha enorme dificultade. No último programa, sobre confesionalismo e laicismo, fixo gala desa sabedoría á hora de entrevistar ó director do colexio que segrega por sexo, do Opus, a unha profesora, e a dúas nais moi xoves, pijas de catálogo ou, si preferides, as novas e modernas beatas. Rexeitaron entre risas, por antiga, a palabra "segregación", e cualificaron o modelo escolar que separa nenos e nenas como "educación diferenciada". O eufemismo outra vez. Son moitas as sentencias de tribunais diversos que cualificaron de ilegal a financiación pública de centros que segregaban por sexo ou que diferenciaban, en linguaxe máis neocom, e porque ademais vulneraban o principio democrático de igualdade. Quen nolo ía a dicir. Tódolos cativos e cativas que estudamos en España, nos anos '50 e '60, eramos uns pioneiros, formabamos parte dun proxecto anovador, da pedagoxía máis adiantada do mundo, e sen sabelo, polo noso ben, tiñamos, non había outra, educación "diferenciada", si, por sexo, por clase, por relixión, unha, grande e libre, por la gracia de Dios.

   En Galicia persisten 5 centros que practican a educación diferenciada, vinculados ó Opus, financiados con fondos públicos, a pesares das sentencias que comentei. A lei Wert, para saltarse a legalidade, feita a lei, feita a trampa, e o seu alumno avantaxado, Jesús Vázquez Abad, querían seguir axudando á Obra e claro, non podían legalmente, facelo baixo corda saberíase, por iso, a nova lei, a Lomce, blinda o financiamento público destes colexios sectarios e de elite. Mentres, recortamos na pública. Contan que Núñez Feijóo vai premiar a Vázquez Abad, conselleiro de cultura, e de educación, e de ordenación universitaria, cun novo cargo, o de conselleiro de Sogama. Claro, porque el sabe de todo. Tamén de lixo, de tratamento de residuos, de reciclaxe... pensándoo mellor, efectivamente, diso, sabe moito.

    

8 dic 2013

Dereitos humanos, Madiba, Lennon e as concertinas

     


   A conmemoración do 65 Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948-2013), cada 10 de Decembro, nesta ocasión, está moi condicionada, emocionalmente, polo pasamento de Madiba, para moitos millóns de persoas en todo o mundo, un exemplo, un referente, desde hai moitos anos, non de agora. Particularmente para aqueles que traballamos na Educación para a Paz, para os Dereitos Humanos, para a Democracia, o principal bloque de contidos da Cultura da Paz, a educación, sempre a educación!, como Mandela reiteraba, a arma máis poderosa para cambiar o mundo.

   Nelson Mandela, hoxe chorado por todos, nalgúns casos con lágrimas de crocodilo, situou a súa utopía, no principio fundamental que sustenta a Declaración do '48, a igual dignidade humana, pois aí estaba a vulneración brutal do réxime do apartheid que aborrecía, a discriminación, a desigualdade lexitimada legalmente en Sudáfrica, durante tantos anos, coa compracencia da comunidade internacional que só, moi tardiamente, comprendeu que aquel sistema político,  era insostible por máis tempo. 

   Madiba era avogado,dirixente do Consello Nacional Africano, comunista, e coñecía o carácter revolucionario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a ela apelou constantemente, fora e dentro da cadea, 27 anos, dise pronto, a maior parte deles fronte á Cidade de O Cabo, en Robben Island, sen unha pinga de rancor. A grandeza de Mandela está no perdón, na concordia, na reconciliación, por eses valores recibiu o Premio Nobel da Paz conxuntamente con Frederik de Klerk en 1993, logo de acordar algo tan simple que desmontaba de raiz a segregación racial, o dereito ó voto de cada persoa, con independencia da súa raza ou cor, artigos 2 e 21 da Declaración.

   É certo que durante un período moi breve da súa vida, Madiba, xustificou e apoiou a violencia contra da tiranía, como tamén establece a Declaración no seu Preámbulo: "Considerando esencial que os dereitos humanos sexan protexidos por un réxime de Dereito, a fin de que o home non se vexa compelido ao supremo recurso da rebelión contra da tiranía e a opresión".

   Nas vésperas do 10 de Decembro lembramos tamén a John Lennon, asasinado hai xa 33 anos, artista, cantante, activista polos dereitos humanos, pacifista que tamén inspirou a millóns de persoas en todo o mundo. As súas cancións, particularmente Imagine ou War is Over, seguen sendo hoxe, auténticos himnos pola paz mundial.

   E a que ven pensar hoxe nas concertinas?. Desde logo non tería nada de máis si as poñemos en relación con Lennon e a música, si falaramos dun instrumento musical, pequeno, parecido ó acordeón. Pero non, estamos a falar de crueis e inhumanas coitelas que pretenden causar dano e sufrimento, dor, a aquelas persoas que fuxen da miseria, da fame e da guerra, do sur empobrecido, aquel enorme territorio que dividimos, saqueamos e espoliamos sen compaixón durante séculos. Porque este método que un ministro que non merece ser nomeado cualifica de "pasivo e disuasorio",  violenta gravemente os dereitos humanos, por indigno, por cruel, por inhumano, como a súa lei de seguridade cidadá, esa patada na boca das liberdades democráticas, que nos achega a un estado de excepción propio dunha democradura.

   Con estes pensamentos, o 10 de Decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, o Seminario Galego de Educación para a Paz e a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC faremos un acto festivo e reivindicativo, no Salón Nobre de Fonseca, a partir das 10:00 horas, con música e unha lectura pública da Declaración do '48, do seu Preámbulo e dos seus 30 artigos, para lembrala, para tela diante, para reivindicala, como código universal de desexos e de aspiracións da Humanidade, para ter presente que, aínda hoxe, a súa historia é a da súa propia violación.

6 nov 2013

A maldición do Códice



        Todo comezou un 5 de Xullo de 2011, o día que roubaron o Códice Calixtino na Catedral de Santiago de Compostela. Foi como si a cidade perdera a alma. Desde aquela, parece como si unha terrible maldición azoutara a aldea máis grande de Galicia. A tristura e o medo impregnan as rúas. A choiva e o vento xa non son suficientes para limpalas.

        Arredor do antigo Libredón, o monte onde din que apareceu o corpo do apóstolo Santiago, traído polos seus discípulos Atanasio e Teodoro nun carro de bois desde Padrón, coñeciamos –perplexos- unha sórdida historia de ambicións, persoais e institucionais, novelada logo polo mesmo xuíz investigador, José Antonio Vázquez Taín.

        Ninguén podía sospeitar o que tiñamos por diante...

        Foi un ano completo de incerteza e pescudas. Finalmente o Códice apareceu e con el a alma da cidade. Pero xa non era o mesmo. O Calixtino fora violado. O culpable, Manuel Fernández, un electricista da casa, resentido, e quizais ben adoutrinado polo pío latrocinio que fixera famoso o bispo Diego Xelmírez.

        Pero a maldición continuaba, aínda co Códice recuperado.

        En Maio de 2011 remataban moitos anos de municipalidade socialista e accedía á alcaldía, por un puñado de votos, un avogado sen complexos, promotor de obras, din que numerario do OPUS, Gerardo Jesús Conde Roa, moi coñecido na cidade, ambicioso, inconveniente para moitos, que nin nos seus mellores soños podía maquinar con facerse co bastón de mando da levítica capital de Galicia.

        E a maldición seguía o seu curso...

        En pouco menos dun ano, o alcalde Gerardo Jesús dilapidou por completo todo o seu crédito político. Foi acusado e condenado por un delito contra da facenda pública polas súas actividades inmobiliarias. E como as desgrazas nunca veñen soas, a súa man dereita, o ex- edil, xefe de gabinete, Angel Espadas, fundador  da Asociación Liberal de Estudiantes, o azoute do botellón compostelá, foi cazado ebrio e durmido ó volante. Por si fora pouco, será detido e pasará varias semanas na cadea de Teixeiro, en Curtis, logo de ser tamén involucrado na coñecida como Operación Pokémon de corrupción política.

        Para o PP comezaba un calvario que aínda segue.

        Angel Currás, catedrático do Instituto Xelmírez I, ex- xerente da disparatada Cidade da Cultura, da un sorpasso forzado a Paula Prado, non sen conflitos, e resulta elixido como substituto de Conde Róa. Viña para tranquilizar a lexislatura, mesura e sensatez para gobernar sen estridencias, sentido común, como Dios manda, que diría Mariano Rajoy, pero non contaba coa maldición do Códice.... En menos dun ano resulta imputado na mesma Operación Pokémon de corrupción. E con el, nada menos que 10 dos 13 concelleiros do seu grupo de goberno. Nunca tal se vira en Santiago.

        A maldición do Códice non coñecía límites...

        E chegamos á véspera do día grande da cidade, o do patrón das Hespañas, Santo Adalid, Patria Galega..., caía a tarde na curva da Grandeira. Compostela e Angrois no centro da desgraza universal, co terrible accidente dun AVE que non o era.  Cantas mentiras impunes!. 79 mortos que encolleron o corazón da cidade e fixeron sentir o horror e a dor ó carón das nosas casas.

        Que máis tería que pasar?...

        Co remate do verán, cando parecía que a cidade empezaba a recuperar o alento, un novo mazo de desgraza golpeaba con forza a Santiago. Asunta, unha cativa de 12 anos, aparecía morta nunha cuneta en Teo, concello limítrofe, vítima ó parecer dun envelenamento continuado e responsabilidade, presuntamente, dos seus propios pais, Charín e Alfonso, unha familia modelo, coñecida e recoñecida por tantos. Unha vez máis, o horror entre nós. E seguimos,  perplexos e incrédulos, á espera de que remate esta maldición.

        Creo que en vez de propor unha moción de censura, a dimisión completa da corporación, un desagravio masivo, unha vixilia nocturna no Obradoiro... quizais teñamos que peregrinar todos, con Monseñor Barrio á cabeza, ó Santuario na Nosa Señora do Corpiño, en Lalín, porque o parecer, o noso santo máis milagreiro, aquel que supostamente está soterrado na Catedral, Santiago Zebedeo, o fillo do trono, segue moi cabreado...

        Ben o sei. As cousas que veño de relacionar teñen moi pouco que ver unhas con outras. É certo, son moi heteroxéneas. Pero convirán en que todas elas entran na categoría das desgrazas, as propias dunha maldición, a do Códice. E os peregrinos seguían chegando...

11 oct 2013

Pois non foi Malala... a Nobel da Paz








Voltar ó colexio faime moi feliz. 
O meu soño é que todos os nenos do mundo poidan ir á escola 
porque é o seu dereito básico
Malala Yousafzai

   
   Malala Yousafzai, unha moza paquistaní de 16 anos, foi violentamente atacada o ano pasado, concretamente, o 9 de Outubro de 2012, en Mingora, cando ía coas súas compañeiras no autobús escolar, por activistas talibáns. O seu delito, defender o dereito á educación para as nenas do val do río Swat, onde os talibáns prohibían que as cativas foran á escola. Con 11 anos empezou a escribir un blog para a BBC baixo o pseudónimo de Gul Makai.

   Como resultado do brutal ataque, foi tiroteada en varias ocasións, dúas balas impactaron no seu cráneo e pescozo. Varias compañeiras tamén recibiron disparos. Hoxe reside en Inglaterra, onde foi trasladada para ser atendida das graves feridas do atentado. Os talibáns a teñen condenada a morte. Por sorte pode seguir cursando alí os seus estudios de Secundaria.

   Onte recibía a boa nova da concesión do Premio Sájarov á liberdade de conciencia da Eurocámara. O recollerá o vindeiro 20 de Novembro, en Estrasburgo.

    Malala forma parte dese selecto grupo de seres humanos que, nun momento determinado da súa vida, con coraxe e valentía admirables, deciden plantarse e dicir, basta. Como Rosa Parks, aquela costureira de Mongómery, nos EE.UU. que con firmeza e dignidade dixo non a unha legalidade manifestamente inxusta e discriminatoria.

   Ás veces, algunhas persoas, diante das dificultades, caen no abatemento e na resignación. 

   - Total, que podo facer eu. Imposible. As cousas son como son. É o que hai. 

   Nestas circunstancias sempre penso en Rosa Parks, en Malala, en Martin Luther King, en Nelson Mandela, en Aung San Suu Kyi, en Shirin Ebadi, en Adolfo Pérez Esquivel, en José Ramos Horta... porque cun pequeno xesto, cunha actitude, podemos cambiar o mundo. Federico Mayor Zaragoza con frecuencia di: "A única semente que non frutifica é aquela que non sementamos".

   Malala foi quen de manifestar a súa oposición ó que consideraba a violación dun dereito básico, o dereito á educación das mulleres, un dereito humano fundamental, esencial para que os demais dereitos podan ser exercitados. Porque é por medio da educación como podemos acceder á liberdade e a autonomía persoal, ó pleno desenvolvemento da personalidade humana, así o establece o artigo 26 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, nos seus tres apartados: 

1.- "Toda persoa ten dereito á educación. A educación debe ser de balde, polo menos no que se refire á instrución elemental e fundamental. O ensino elemental será obrigatorio. O acceso ós estudios superiores será igual para todos, en funcion dos méritos respectivos". 

2.- "A educación terá como obxectivo o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto ós dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e todos os grupos étnicos e relixiosos; e promoverá o desenvolvemento das actividades das Nacións Unidas para manter a paz".

3.- "Os pais terán dereito preferente a escoller o xeito de educación que se lles deberá dar ós seus fillos"

   Que necesario sería que os nosos políticos, ministros e conselleiros, leran, con máis frecuencia, a Declaración de 1948, sobre todo, antes de ditar normas e leis que van contra do espírito e a letra deste extraordinario documento universal.

   Millóns de nenos e nenas seguen hoxe privados de oportunidades educativas, en moitas ocasións, en razón da pobreza e da fame, tamén da discriminación, como no caso de Malala, e tantas outras cativas no val do Swat, en Paquistán e en tantos outros lugares, neste caso, por unha visión e práctica política intolerante, patriarcal e machista da relixión.

   As Nacións Unidas e a UNESCO, moi en especial, establecen obrigas xurídicas internacionais a tódolos estados asinantes dos tratados, entre eles, a promoción e desenvolvemento do dereito de cada persoa a gozar do acceso a unha educación de calidade, sen discriminacións nin exclusións. Corresponde ós gobernos o cumprimento estrito das súas obrigas, tanto de índole xurídica como política, porque a educación é probablemente o instrumento máis poderoso para transformar ás persoas, para facelas protagonistas das súas vidas, dirixir con sentido a propia vida, dicía Giner de los Ríos.  É a educación unha ferramenta imprescindible para superar a pobreza, a maneira pola que, co propio esforzo, teñamos unha participación plena na vida da nosa comunidade.

   Malala é hoxe unha activista moi relevante dos dereitos humanos a escala planetaria, máis en particular, do dereito á educación, para tódalas nenas e nenos do mundo, e especialmente, dos dereitos das mulleres, á igualdade e á non discriminación, en Paquistán e en calquera lugar do mundo.

   Debemos felicitarnos, polo Premio Sájarov. Aínda que non recibira o Nóbel da Paz. Nesta ocasión, na que había máis candidatos e candidatas que nunca, nada menos que 259, o galardón foi para a Organización para a Prohibicion das Armas Químicas (OPWC). O actual presidente do Comité Nobel, Thorbjorn Jagland, membro destacado do Consello de Europa, non quere saírse do "políticamente máis correcto". De feito, podería ter anunciado outras posibilidades, moitas delas decepcionantes, como foron as de Obama en 2009 ou a da Unión Europea, vaia cara!, o ano pasado. Sen remontarnos a máis atrás. E menos mal que non escolleron a Vladimir Putin, tamén nominado, prototipo de macho alfa homófobo, por non entrar en máis detalles.

    A OPWC, siglas en inglés da Organisation for the Prohibition of Chemical Weaponsde máxima actualidade polo proceso de inspección e desmantelamento das armas químicas en Siria, é unha axencia creada en 1997 e agrupa ós estados asinantes do Tratado contra o armamento químico. Ten a súa sede na Haia e traballa para as Nacións Unidas desde o ano 2000. 

   Felicitamos obviamente a entidade gañadora do Nóbel da Paz pero confesamos que nós tiñamos outras candidatas preferidas, por exemplo, Malala que celebrará o seu Premio Sajarov e con ela tódalas mulleres que defenden, cada día, en circunstancias tan difíciles como ela, a igualdade entre homes e mulleres, o dereito á educación e a non discriminación en razón de sexo, pensamento, crenzas, raza, etnia, opción sexual ou de calquera outra índole.

   
   





    

   


27 sept 2013

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL POLO DÍA INTERNACIONAL DA NONVIOLENCIA, Mércores, 2 de Outubro

     



     Con motivo da conmemoración, o vindeiro Mércores, 2 de Outubro, do DIA INTERNACIONAL DA NONVIOLENCIA, proclamado por Nacións Unidas (http://www.un.org/es/events/nonviolenceday/), no aniversario do nacemento de Mahatma Gandhi, e co obxecto de chamar a atención das persoas, institucións, organizacións non gobernamentais, sociedade civil en xeral e, particularmente, dos centros educativos, sobre o valor da nonviolencia, da paz, do diálogo e da negociación, como instrumentos para abordar a resolución pacífica dos conflitos e a mellora da convivencia, o Seminario Galego de Educación para a Paz, fai tamén un chamamento ás forzas políticas parlamentarias galegas para que atopen vías de entendemento e concordia sobre as violencias que existen na sociedade que estamos a vivir e sobre a súa prevención e erradicación.

         Ningunha acción violenta, directa, estrutural ou cultural, pode estar xustificada nunha sociedade democrática. A violencia, en ningunha das súas formas, pode admitirse nun estado de dereito como método para acadar obxectivos políticos, sociais ou culturais. A nonviolencia activa, a desobediencia civil, a obxección de conciencia ou a insubmisión pacífica fronte a leis ou políticas inxustas están lexitimadas e deben ser contempladas no ordenamento xurídico nunha sociedade autenticamente democrática e avanzada. Porque a nonviolencia é moito máis que non ser violentos, é buscar e promover alternativas para reducir o sufrimento e o dano entre os seres humanos.

         Polo mesmo, a apoloxía da violencia, en calquera das súas formas, por acción ou omisión, do franquismo, do fascismo, do nazismo, do terrorismo, do belicismo, da desigualdade, do sexismo,  do racismo, da xenofobia, non son aceptables nunha formación política democrática e, en consecuencia, non poden ser amparadas nin toleradas, polo que deberan ser perseguidas de oficio.

         De acordo coa Resolución A/RES/61/271, da Asemblea Xeral do 15 de Xuño de 2007, das Nacións Unidas, debemos reafirmar hoxe a relevancia universal do principio da nonviolencia e promover tódolos esforzos, individuais e colectivos, para construír unha Cultura de Paz, tolerancia e comprensión entre os pobos.


         Por último, o Seminario Galego de Educación para a Paz reitera o chamamento para que a Ponencia Conxunta do Parlamento Galego co fin de aprobar unha Lei de Fomento da Cultura da Paz de Galicia, constituída oficialmente na anterior lexislatura, se faga efectiva no actual periodo de sesións, e como proba inequívoca de que as forzas políticas parlamentarias galegas comparten principios e obxectivos en materia de paz e nonviolencia.

26 sept 2013

Jesús Vázquez Abad, o demócrata.


  
 O pasado 23 de Setembro, o diario EL PAÍS publicaba unha entrevista co Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad cun titular certamente provocador e insultante para moitos sectores da cidadanía galega. Dicía: "Los que se oponen al decreto del gallego no son demócratas". Non podía ser máis oportuno. Respondía así ó auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que considera ilegal o coñecido como decreto do plurilingüísmo, particularmente, a enquisa realizada ós pais e nais do alumnado de educación infantil sobre o idioma vehicular. Non é a primeira vez que os tribunais de xustiza fallan contra de decisións políticas da Consellería.

   Nin corto nin perezoso, Abad, deslinguado, foi moito máis alá: "Quienes se oponen a ella están fuera del sistema democrático y de las leyes que ellos mismos votaron". Veña, ei carballeira!!!. 

   Mais continuou, como un auténtico hooligan, víndose arriba: "Se están descubrindo día tras día y a las pruebas me remito cuando apoyan a grupos terroristas".

   Este individuo, que chegou a Conselleiro polo cota ourensán, leva facendo méritos diante do seu xefe, Alberto Núñez Feijóo, desde o primeiro día. O seu descoñecemento do sector educativo, especialmente, do non universitario, é tan elocuente que, na anterior lexislatura, correuse o dito aquel de "Mira quen manda na Consellería", en referencia a un Director Xeral que ía para conselleiro pero, cousas das cotas, tivo que aceptar, por un tempo, ser un subalterno de Vázquez. Non aguantou moito.

   Jesús Vázquez Abad, como demócrata de novo cuño, non sabe escoitar, goberna por decreto, ordeno e mando, pasa dos órganos colexiados, da Mesa Sectorial de Educación, do Consello Escolar de Galicia, do Observatorio Galego da Convivencia Escolar, ou mesmo do TSXG. Acóchase, fuxe do Parlamento, prefire falar sen oposición, rodeado de aduladores, de cámaras e medios afíns, que compra coas axudas que reparte, e minte máis que fala. 

   Pero, sobre todo, sinte inquiña polo ensino público, polo seu profesorado, aínda que coa boca chea, de cando en vez, lanza falsas loubanzas sen credibilidade algunha. Recortou presupostos públicos mentres reforzou os concertos privados, mesmo segue a financiar a centros sectarios, do OPUS DEI, que segregan ó alumnado por sexo, vulnerando sentencias firmes dos tribunais de xustiza. Pechou escolas públicas, diminuíu docentes, máis de 1.000 nunha lexislatura. Desmantelou por completo a estrutura de formación do profesorado en servizo. 

   E en materia de convivencia escolar actuou con vergoñento cinismo. Usou a chamada Lei de Autoridade para colar, pola porta gateira, a primeira enquisa ós pais, sobre o galego. Cargouse todo o avanzado polo goberno bipartito, o Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, os Plans de Convivencia de Centro e o Observatorio, un modelo consensuado con máis de 40 entidades da comunidade educativa, pais e nais, profesorado, alumnado, MRPs, Consello Escolar, sindicatos do ensino... e rubricado publicamente polo propio presidente Pérez Touriño. Por non falar nada da cultura propia que aborrece e teme.

   Ben, pois este individuo, pola súa práctica o coñecemos, ven dar agora leccións de democracia, de diálogo, de pacto e de entendemento, de concordia, presumindo de demócrata, acusando e insultando á cidadanía, a toda aquela que non comulga coas súas rodas de muíño. Os que discrepamos coas súas políticas, para el, non somos demócratas e mesmo apoiamos a grupos terroristas. Probablemente, Jesús Vázquez Abad, na liña de que todo o que non pensa como el, é ETA, acabe por considerar que, nosoutros, o propio Seminario Galego de Educación para a Paz, a quen quixo destruír, por activa e por pasiva, tamén somos ETA, ou compañeiros de viaxe... que infamia.

   Coñecín a tódolos conselleiros de educación da Xunta de Galicia, desde os primeiros anos '80. Gardo bos recordos de moitos deles, coa maioría compartía poucas cousas. Con algúns, máis. Cacharro Pardo, Vazquez Portomeñe, María Jesús Sainz, Suárez Vence, Piñeiro Permuy, Celso Currás, Laura Sánchez. Podo asegurar, con certo coñecemento, que Jesús Vázquez Abad, é o último e o peor de todos. Tamén pasará, aínda que o estrago será moito maior, por desgraza. 

   Das declaracións no País, non se retractou nin o fará. Como bo demócrata de toda a vida, non o necesita. Os terroristas somos os outros. 

   Por certo, a foto que encabeza este artigo non é unha montaxe. Parabéns ó seu autor porque recolle, meridianamente, a catadura moral da personaxe, criado na camada da nova democracia do PP.

   



   

   

23 sept 2013

Convivencia vs. seguridade escolar



   Xa sei que leva varios anos en funcionamento. Trátase da Comisión de Seguimento do Plan Director de Convivencia e Seguridade Escolar que preside o Delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez. En realidade ten un nome máis alongado, "Plan Director para la Convivencia y Mejora de la Seguridad en Centros Educativos y sus entornos". Din que participaron moitos colexios e institutos no curso pasado. Nada menos que 678 e algo máis de 80.000 alumnos e alumnas e case que 5.000 pais, nais e titores. Entre as actividades máis demandadas estiveron as charlas de prevención do acoso en Internet e nas redes sociais (ciberacoso), fomento da convivencia escolar, bandas xuvenís, prevención da violencia en xeral. Por suposto non esquezo a vixianza e seguridade nos arredores dos colexios e institutos, a actividade máis propia da policía nacional e a garda civil.

   

   Sen embargo, debo recoñecer que cando vin estas imaxes publicadas en varios medios de comunicación, logo da Roda de Prensa de presentación do Plan para o curso académico que comeza, doume un arrepío.

   Comparto que os corpos e forzas de seguridade do estado fagan labores de vixianza nos arredores dos centros escolares para garantir a protección dos cativos e cativas, combater a delincuencia ou o tráfico ou venda de substancias prohibidas. Sen dúbida é un dos seus cometidos. Vaia polo tanto o meu recoñecemento e gratitude.

   Agora ben. Non sei a que ven poñer en relación estas medidas de protección coa convivencia escolar. Sinceramente, non o entendo. A educación nos colexios e nos institutos é responsabilidade principal do profesorado. Tamén nos asuntos relacionados coa convivencia e a súa mellora. Polo mesmo, a prevención das violencias, do acoso ou ciberacoso, a conflitividade é unha competencia interna de cada centro educativo, ten que figurar, e figura, no seu plan de centro, no seu proxecto educativo e, nomeadamente, nos Plans de Convivencia.

   Por que entón o interese en vincular churras con merinas?. A convivencia coa seguridade nos arredores dos centros?. O profesorado cos policías e gardas civís?. Haberá quen diga: xa están aquí os esquerdistas de sempre e os seus prexuízos contra das forzas policiais. Ou, son cousas dos buenistas que todo o arranxan con pombas e globos...

   A dereita política, de maneira especial a galega, tradicional onde a haxa, cando atopa un problema, tende a vincular a súa solución coa policía, o exército ou a garda civil. Non é broma. Basta lembrar a cantareira deste verán, os lumes son cousa dos incendiarios. Ben, e a partir de aquí, hai algo máis?. Algo para prevelos?. Responsabilidades políticas?.  Como dicía recentemente o deputado de AGE, Antón Sánchez, é como si repetiramos ata a saciedade que a delincuencia é responsabilidade dos delincuentes. Ben, e que máis?.

   O Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, probablemente o máis activo demoledor da educación pública en Galicia, da súa lingua e cultura, desde logo o peor da historia da autonomía galega, é un experto en leis, sentenzas, mellor dito, en pasalas polo forro, e en declinar responsabilidades, pasándollas sempre a outros. E en temas de convivencia escolar un auténtico inútil. Tan pronto chegou ó goberno da Xunta de Galicia, ignorou e ocultou todo o que nesta materia tiñamos avanzado, fundamentalmente, o Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, asinado por máis de 40 entidades representativas da comunidade educativa, ou os Plans de Convivencia de Centro e o Observatorio Galego da Convivencia Escolar. No seu lugar, aprobou unha lei de autoridade, sen acordo algún, sen escoitar a ninguén, e meteu pola porta gateira, especialidade de Abad, a famosa enquisa ós pais e nais sobre o galego, recorrida e sentenciada como ilegal. Logo preparou un Protocolo, como nel ben sendo habitual, sen falar con ninguén, sen apoio de ninguén, sen escoitar a ninguén, para detectar e actuar, en 12 días!!! diante dun caso manifesto de acoso escolar e trasladando toda a responsabilidade ós centros.

   E no tema que nos ocupa, a convivencia escolar, parece que si, que a Xesús Vázquez Abad, a música militar, si que o sabe levantar, a mala reputación de Paco Ibáñez, adaptación do poema magnífico de Georges Brassens. Por iso non sorprende o Plan Director da Comisión de Seguimento presidida por Samuel Juárez, uniformes, policías, gardas civís, non só para coidar a seguridade fora dos colexios e dos institutos. Tamén dentro. Charlas uniformadas para falarlles ó alumnado de violencia, convivencia, acoso ou ciberacoso. Acaso non existen en Galicia entidades suficientes na sociedade civil para abordar estes asuntos nos colexios e institutos?. Non resulta moito máis axeitado que o tratamento destas realidades as aborde profesorado especializado?. Non temos no mundo académico e universitario persoas expertas nestas materias?.

   A que ven, entón, este despregue de efectivos dos corpos e forzas de seguridade do estado por colexios e institutos?. Acaso non teñen mellores ocupacións que facer?. Canto nos custa?. 

   Por moi satisfeitos que estean na Comisión de Seguimento do Plan Director para la Convivencia y Mejora de la Seguridad en Centros Educativos y sus entornos, deberan limitarse a iso, ós arredores e á contorna dos centros educativos. Do de dentro, por favor, deixádenolo ós profesionais do ensino. Moitas grazas.

19 sept 2013

Sobre violencias e resistencias galegas



As violencias, así, en plural, para comprendelas, para explicalas, para prevelas e atallalas, temos que estudalas, coñecelas. E non é fácil. Moito menos trasladar á opinión pública reflexións en tempo limitado sobre temas tan complexos, a peito descuberto, como fai habitualmente o Beiras.

Son moitos, e moi poderosos, os que hoxe empezan a estar preocupados, non tanto polas súas declaracións sobre a recente e desproporcionada condena a catro independentistas galegos, senón polas grandes expectativas electorais de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) xa que, segundo as últimas enquisas, podería mesmo duplicar en estes momentos, os magníficos resultados xa acadados nas autonómicas, cando irrompeu no panorama político galego con nove actas de deputado. Algo teñen que estar a facer ben, digo eu.

A súa acción parlamentaria, baseada na confrontación, firme e contundente, en contraste coa anterior lexislatura, onde a oposición parecía adormecida e narcotizada polo poder, está poñendo en evidencia, diante da cidadanía galega, a un Partido Popular, con maioría absoluta, mais asentado na mentira e na falsidade. E o mérito, ó meu entender, é de Beiras e dos parlamentarios e parlamentarias de AGE.

Tanto é así, que co inicio da nova lexislatura, percíbese unha actitude distinta por parte do PP, tamén no resto da oposición, a respecto de AGE. As bancadas populares recollen o guante e comprenden que, o adversario a bater, o inimigo, que diría Gila, é o Beiras e o seu grupo.

Lamentablemente, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, quen debería gardar as formas e dirixir os debates con ecuanimidade, nesta nova estratexia, actúa como unha axente máis, ás veces a máis relevante, ó servizo dos intereses do partido ó que pertence. Somentes escoita, curta, chama á orde, expulsa, limita gravemente os dereitos de representación, ós parlamentarios e parlamentarias de AGE, mentres que ignora, é dicir, tolera e ampara, os insultos, ás veces de trazo groso, da bancada popular. E algo parecido acontece cos medios de comunicación máis afíns.

A práctica totalidade da cidadanía e as forzas políticas denuncian e condenan a violencia directa, aquela que todos identificamos con facilidade. Sen embargo, existen outras formas de violencia, seguindo a Galtung, a estrutural, a cultural, por exemplo, máis opacas, máis sutís, que mesmo se negan a recoñecer. Por iso costa tanto a algúns condenar o franquismo, ou aceptar que determinadas políticas sanitarias, por exemplo, ou os desafiuzamentos, matan.

Certo é que Xosé Manuel Beiras non sempre está perfecto. Como mortal que é, emotivo, vehemente, duro, ás veces tamén erra. El mesmo o recoñece en moitas ocasións. Sen embargo ninguén pode negarlle a sinceridade e a súa enorme capacidade analítica e formación.

A sentencia que ven de coñecerse contra catro independentistas galegos condenados pola Audiencia Nacional por varios delitos probados, tenencia de explosivos, falsificación de documentos e pertenza a banda armada, está sendo utilizada, política e desmedidamente, contra de Beiras e AGE. Parece obvio.

Calquera que lera a sentencia, eu o fixen, con deteimento e sen prexuízos, 74 páxinas, si ten un mínimo de sensibilidade, compartirá que é unha auténtica desmesura, unha condena desproporcionada, ata 18 anos, a rapaces sen antecedentes deleitivos. Así o afirman prestixiosos xuristas. Porque a xustiza non pode pasar pola vinganza, nin pola exemplaridade. Por iso aborrezo dos linchamentos e dos tribunais de excepción, aínda que fosen populares. A proporcionalidade entre o delito probado e a pena é unha base inequívoca para facer verdadeira xustiza.

Son tamén moitos os xuristas que discrepan, confiemos nos recursos, a respecto dos feitos probados. Sen dúbida que hai explosivos, caseiros, limitados na súa capacidade de estrago. Como tamén documentos falsificados. Non hai dúbida. Sen embargo, a caracterización de Resistencia Galega como banda armada e terrorista, estable e organizada en Galicia, base da condena maior, tamén a poñen en dúbida moitos letrados.

A existencia de dous manifestos na rede de Resistencia Galega, reivindicando a loita armada e a violencia, para acadar obxectivos políticos, ademais de errada (vexamos o que acontece en Euskadi ou en Catalunya sen violencia), non proba a súa existencia e, moito menos, que teña infraestrutura, capacidade, recursos, vontade, para caracterizala como banda armada e terrorista. Cousa ben distinta sería considerar que existe en Galicia un fenómeno violento, desde hai varios anos, puntual, esporádico, que atenta de forma limitada, grave, pero limitada, contra de intereses bancarios, empresas ou mesmo locais de partidos, completamente repúdiabel, condenable, que debemos perseguir, atallar e non xustificar nin amparar.

De tódolos xeitos, explicar as causas da violencia, buscarlle solucións non simplemente policiais ou xurídicas, prevela para evitala, é unha responsabilidade da Política con maiúscula. Foi a ilustre galega, Concepción Arenal a que con tanto acerto afirmou que tiñamos que odiar o delito e compadecer ó delincuente a quen vía, como Beiras, como produto dunha sociedade concreta.

Cuestionar a lei de partidos políticos, a lei antiterrorista, ou mesmo a xurisdición da Audiencia Nacional, defender a proporción das penas, o achegamento dos presos, o respecto polas garantías xurídicas, ou os dereitos humanos, non significa xustificar ou amparar a violencia.

Por último, vincular o nacionalismo galego ou a reivindicación da soberanía nacional e ás forzas políticas que a defenden, en Galicia, co terrorismo, directa ou indirectamente, é un auténtico disparate, unha desmesura política, un cortalumes para frear, neste caso, o ascenso e influencia crecente de AGE na sociedade galega.

18 sept 2013

Peace Day

  


"Un mestre, un libro, un lapis, poden cambiar o mundo"
Malala Yousafzai

   Cada 21 de Setembro, desde 1981, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama á cidadanía global, ás institucións públicas, e dun modo especial, a escolas e docentes, a celebrar o Día Internacional da Paz, máis coñecido como Peace Day (Ver a Resolución 36/37). Foi en 2001 cando a ONU estableceu que ese mesmo día fose declarado de alto o fogo en tódolos conflitos a nivel mundial (Resolución 55/282). Son dous magníficos documentos sobre os que reflexionar co noso alumnado.

   Certo que a maioría dos medios de comunicación non dedican nin un pequeno espazo a estes asuntos. A Cultura da Paz, é verdade, non vende periódicos. Tampouco chama pola publicidade. Ten moita máis audiencia a cultura da violencia, da forza, do músculo. Chega con ver o tempo que as teles dedicaron onte a promocioar as ventas do videoxogo máis caro da historia, violento e sexista, para comprender que a paz, a concordia, o entendemento, son valores que hoxe non cotizan en bolsa.

   En Galicia e no conxunto do Estado, convimos hai xa case que 30 anos, que o 21 de Setembro non era a mellor data para celebrar o Día da Paz nas escolas xa que, neste barrio do planeta, estamos a comezar o curso, os cativos e cativas aínda andan a tomar contacto coas aulas, e o profesorado tamén. Parecía razoable buscar unha data máis acaída. Foi así que o movemento de educadores e de educadoras para a paz, por iniciativa de Llorenc Vidal, decidimos escoller o 30 de Xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, como Día Escolar pola Paz.

   En calquera caso, como lembra Nacións Unidas, tódolos días do ano son bos para reflexionar e actuar a prol da tolerancia e o respecto mutuo, na procura dun mundo máis xusto e máis humano, máis pacífico, que valore positivamente a diversidade étnica, cultural, relixiosa, a nonviolencia, e a resolución pacífica dos conflitos.

   O chamamento ó remate das hostilidades nas frontes de batalla, nas guerras de guerrillas e demais accións armadas, aínda que somentes fose por un día, probablemente non será escoitado, a pesares de que as demandas de paz universal son cada vez máis clamorosas entre a cidadanía e a sociedade civil en todo o mundo.

   O Secretario Xeral da ONU, con ocasión deste día, fixo un novo chamamento (Ver. http://www.un.org/es/events/peaceday/2013/sg_message.shtml) no que pide á cidadanía que, a mediodía, hora local, gardemos un minuto de silencio en honor das vítimas que perderon a súa vida en situacións de conflito, tamén polas que teñen sobrevivido e sofren as consecuencias.

   Nesta ocasión, Nacións Unidas quere resaltar o papel da Educación para a Paz, clave para fomentar a cidadanía mundial e construír sociedades pacíficas, porque, como temos reiterado tantas veces, non hai paz, sen educación para a paz.

   O Seminario Galego de Educación para a Paz leva -desde 1985- traballando nas aulas e na sociedade, para promover os valores cívicos e democráticos na escola, os dereitos humanos, a convivencia, a interculturalidade, a igualdade entre homes e mulleres..., impartindo cursos de formación do profesorado, organizando encontros e xornadas, publicando materiais e libros de texto, unidades didácticas sobre os contidos e as metodoloxías da Educación para a Paz (Ver: www.sgep.org), documentais, curtas de ficción sobre o acoso escolar, recursos, contos, teatro, teatro de sombras, xogos e dinámicas de aula, celebrando o Día Escolar pola Paz e, cada día, transversalmente, nas materias de Educación para a Cidadanía, de Ética Cívica, de Filosofía, nas horas de Titoría, co Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, por medio da educación afectivo emocional porque cremos firmemente que son os afectos e os sentimentos os mellores antídotos contra das violencias.

   Quizais non consigamos que o 21 de Setembro rematen as hostilidades armadas, nin sequera que o minuto de silencio sexa maioritario ou significativo, ou que a Cultura da Paz teña maior presencia nos medios. Sen embargo, cada un de nós, co noso comportamento, na nosa aula, na nosa casa, cos nosos fillos e fillas, dentro do noso propio corazón, poderemos empezar a construír un mundo diferente.

   A paz é unha demanda universal cada día máis sentida. A oposición á guerra avanza. Contra todo prognóstico a Cultura da Paz medra. Somos moito máis sensibles e intolerantes coas violencias do que nunca antes na historia da humanidade. Aínda que non o pareza lendo os titulares cada mañá, somos moito máis pacíficos que os nosos antecesores. E o seremos moito máis aínda. Abolir a guerra estase convertendo nun imperativo ético do século XXI. Como dicía Newton, construímos demasiados muros e non suficientes pontes.

   Das súas espadas farán reixas de arados e das súas lanzas, fouces. Non levantarán a espada uns contra outros nin se exercitarán para a guerra, dicía Isaías, hai tantos anos. Hoxe os dereitos humanos e sociais, toda a arquitectura lexislativa construída a escala planetaria, a xustiza universal, con tanto esforzo, son un referente ético para a cidadanía.

   Dicía María Zambrano que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, unha maneira de habitar o planeta, unha forma de ser persoa

   Educar para a Paz é, antes que nada, un acto de amor para co noso alumnado. O Manifesto de Sevilla (1986), feito propio pola UNESCO, afirma: A guerra e a violencia non son unha fatalidade biolóxica. Podemos poñer fin á guerra e ós sufrimentos que conleva. Non con esforzos illados, senón con accións comúns. Si cada unha, cada un, pensa que é posible, entón será posible. Os nosos antepasados inventaron a guerra. Todos nós podemos inventar a paz.

   Federico Mayor Zaragoza, ex- director xeral da UNESCO, dixo nunha ocasión que "A aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz". Nada máis certo. Educando e practicando a democracia. Porque a democracia é precisamente o único sistema político que non pode impoñerse desde arriba ou desde un centro. Erran quen pensan que a democracia pode promoverse a base de bombazos.

   Neste 21 de Setembro, Peace Day, lembremos ás vítimas, ós máis de 100.000 mortos en Siria, ós millóns de desprazados. Pensemos nos nenos e nenas, nas mulleres, nos anciáns, na poboación civil, a principal afectada polas guerras modernas. Saudemos o acordo entre Rusia e os EE.UU, si impide a intervención militar norteamericana. Destruamos o armamento químico, todo, o que existe en Siria e o que fabrican e venden os estados máis poderosos para beneficio do complexo militar industrial, o gran dominio. Paremos a guerra. Abramos negociacións multilaterais de paz. Promovamos o diálogo e o entendemento entre os pobos. Impidamos a venta de armas ás partes en conflito. Deixemos de alimentar a confrontación armada e as caldeiras de odio. Demos unha oportunidade á paz. Fagamos as paces. Peace Day.


13 sept 2013

Paz e ben, de interese cultural, para Herbón

  

 Para quen seguira con atención o longo proceso administrativo e social que levou, finalmente, a que o Consello da Xunta de Galicia de onte, 12 de Setembro de 2013, declarase Ben de Interese Cultural (BIC) o convento franciscano de San Antonio de Herbón, en Padrón, o sucedido non ten dúbida algunha. Nesta película, con exceso de metraxe, os protagonistas e os antagonistas, quedaron ben retratados porque, como di a sabedoría popular, o tempo pon sempre a cada quen no seu lugar. Con todo, non estaría de mais, agora, coa satisfacción que da o comprobar que si se pode, lembrar algunhas cuestións.

   A solicitude de BIC para Herbón fíxose de maneira exquisita. Buscouse a máxima colaboración interinstitucional e acadouse. Nos primeiros momentos, alcalde, patrimonio, entidades sociais, orde franciscana, estaban de acordo, mesmo entusiasmados coa petición. Facíase imprescindible, era unha das condicións que poñía o Mº de Fomento para acceder á financiación con cargo ó 1% cultural. Abrimos unha negociación con Fomento, cando o presidía Xosé Blanco. Federico Mayor Zaragoza e mais eu estivemos en Madrid no despacho de Fernando Puig de la Bellacasa Aguirre defendendo o proxecto de restauración de máis de 1000 metros cadrados dun dos edificios do convento, moi deteriorado, para facer nel un Centro Internacional pola Paz, o que chamamos Lar da Paz. A acollida foi moi favorable. Mesmo el persoalmente visitou o convento. O apoio, en Patrimonio da Xunta de Galicia, foi tamén entusiasta. Pedro de Llano fixo un proxecto arquitectónico de restauración magnífico. E o alcalde, Fernández Angueira, daquela, non tiña problema algún.

   Tiñamos conseguida unha axuda de nada menos que de 700.000€ con cargo ó 1% cultural. Con tres condicións: iniciar a tramitación do BIC, aceptada por Patrimonio sen problema algún. A intermediación dunha entidade pública entre a orde franciscana e o Seminario Galego de Educación para a Paz, o concello ou a universidade e, por último, que a cesión dos espazos fose por un período de 50 anos. O noso Convenio en vigor o é por 20 anos renovables. E entón empezaron as dificultades.

   Algúns veciños, poderosos e influíntes no Concello de Padrón, en vista de que o proceso avanzaba positivamente, empezaron a ver problemas onde non os había, especialmente, porque o informe de Patrimonio establecía un perímetro, non solicitado, de protección especial arredor da muralla do convento. Presionaron ó alcalde. E este, en vez de impoñer cordura e responsabilidade, cedeu. Convocou unha asemblea veciñal, convidou e excluíu a quen quixo, axitou as augas, alarmou aínda máis, recolleu sinaturas e mesmo promoveu unhas alegacións a sabendas de que estaban fora de prazo. A parroquia fracturouse. As presións foron a máis. E as ameazas. Sobre todo contra do Prior Roberto Freire e as mulleres da asociación Sementar. Insultos, chamadas telefónicas, avisos, envelenamento de Alma, a cadela do convento, infamias, panfletos, declaracións en prensa (ver hemeroteca), inxurias, mesmo desde o púlpito, desprestixio persoal... e, ademais, presión política interna, dentro do PP para paralizar o BIC, en Patrimonio, na Comisión Provincial, na Orde Franciscana, en todas partes, o alcalde non paraba. A quen o escoitaba dicíalle que tiña dous grandes obxectivos, paralizar o BIC e sacar a Roberto Freire de Herbón. Houbo silencios elocuentes.

   Onde antes había acordo foise abrindo paso o desacordo. En Patrimonio, na Orde Franciscana, no Concello... dous anos de tiras e de afloxas. División, conflitividade social, alarma, declaracións en prensa... todo valía para xustificar a paralización do BIC. E así estivemos ata que rematou o prazo sen que Patrimonio decidira. O anterior Director Xeral, coas eleccións autonómicas ás portas, non quixo mollarse. A nova directora xeral, María del Carmen Martínez Insua, tomou o touro polos cornos e decidiu, cunha profesionalidade que a honra, aplicar o procedemento administrativo, impoñer a legalidade, manter o informe favorable e propor a concesión do BIC ó Consello da Xunta. Parabéns a ela e a tódolos funcionarios que se mantiveron firmes e non cederon ás presións. Norabóa e recoñecemento. E as máis de 1000 sinaturas recollidas, en Padrón e na rede, entregadas ó Provincial franciscano, Pai Castiñeira.

   Con todo, non conceder o BIC a Herbón sería un escándalo. Os recursos xa estaban anunciados, sobre a base do voto particular de Carlos Amoedo, representante da Universidade de A Coruña na Comisión Provincial de Patrimonio, vaia papelón fixeron. Non hai precedentes, que eu coñeza, dunha solicitude tramitada en tempo e forma, con tódolos informes técnicos favorables, que fose finalmente desestimada con alegacións en contra fora de prazo.

   A nota do Consello da Xunta quere ser condescendente co Alcalde, do seu mesmo partido, a quen alguén dou varios toques. Si tivera algo de dignidade, tería que irse. Resaltar que o BIC será compatible coa actividade agraria é unha obviedade, estaba na solicitude. Calquera pode velo. Como calquera pode ver as alegacións de Fernández Angueira, que aínda fora de prazo, foron desestimadas.

   A satisfacción, en calquera caso, non é completa. Roberto Freire, prior de Herbón, máximo defensor do BIC e da continuidade dos proxectos sociais, non estará alí para xestionalo, como el quería, como desexamos tódalas entidades que compartimos espazos no convento. Alma, a cadela envelenada, tampouco.

   Con tanta presión e tensión, a subvención de Fomento perdeuse. Os franciscanos non quixeron ampliar o prazo de cesión a 50 anos. Unha mágoa.

   E hoxe, en Herbón, xa non hai frades, non existe unha comunidade franciscana estable. Por iso a satisfacción pola declaración do BIC non é completa. Mesmo cando o Papa Francisco proclama que os conventos franciscanos non poden ser para facer diñeiro e negocio, con hoteis, restaurantes ou residencias de luxo, senón para poñelos ó servizo da sociedade, dos refuxiados, dos empobrecidos, dos perseguidos, dos máis necesitados.

   Roberto Freire, si alguén non o remedia, mirará cun sorriso desde a lonxanía e a frialdade do Cebreiro, e soñará con volver, outra vez, ó Herbón que tanto quere.

   


   
   

30 ago 2013

DECLARACION INSTITUCIONAL SOBRE SIRIA




       O SGEP MANIFÉSTASE EN CONTRA DUNHA INTERVENCIÓN MILITAR DOS EE.UU. EN SIRIA

CHAMA Á MOBILIZACIÓN SOCIAL DA CIDADANÍA PARA PARALA


   O Seminario Galego de Educación para a Paz, diante da posibilidade certa de que o goberno norteamericano bombardee Siria nas próximas horas, cos seus aliados máis entusiastas, mesmo sen o respaldo e o aval das Nacións Unidas, e con toda a opinión pública en contra, quere manifestar o que segue:

1º.- Siria leva dous anos nunha feroz guerra civil alimentada, fundamentalmente, polas potencias que controlan o Consello de Seguridade da ONU, xunto cos estados máis importantes da rexión, apoiando a un ou a outro bando en loita. A utilización de armamento químico diverso, vendido polos que agora poñen o berro no ceo, parece estar probado por ambas partes en conflito.

2º.- A intervención militar dos EE.UU. e dos seus aliados en Siria, por moito que se anuncie como puntual, rápida e cirúrxica, contra bases e instalacións militares do réxime de Bachar el Assad, producirá, sen dúbida, máis sufrimento e destrución, morte e desesperación, nun pobo que leva perdidas máis de 100.000 persoas e millóns de desprazados e refuxiados.

3º.- O dereito a protexer ou a utilización de armamento químico, de autoría dubidosa e múltiple, non poden ser esgrimidos como argumentos para os ataques pois é precisamente a poboación civil siria, de ambos bandos, a que sofre as consecuencias dunha guerra atroz de desgaste propiciada, precisamente, polos que agora se proclaman xendarmes internacionais vulnerando inequivocamente a legalidade internacional.

4º.- A decisión do Parlamento británico de non apoiar a intervención ten que facer reflexionar á comunidade internacional, ós parlamentos democráticos, incluído o español e o galego, e converterse nun exemplo a seguir co obxecto de forzar a Barack Obama, Premio Nobel da Paz, para que cambie de política e procure a vía da presión económica e diplomática, co liderado das Nacións Unidas e da Liga Árabe, que impoña un alto o fogo e permita abrir vías de negociación multilateral.


5º.- Por último, a mobilización social pacífica, a presión sobre os parlamentos e demais institucións democráticas, da cidadanía local e global, é a máis poderosa arma de construción de paz que existe. Neste senso, o Seminario Galego de Educación para a Paz apoiará tódalas iniciativas unitarias da sociedade civil e dos movementos sociais en contra da intervención militar en Siria e fai un chamamento para que, no caso de que finalmente teña lugar, a cidadanía responda con concentracións e actos de solidariedade co pobo sirio e pola paz.