Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

24 jun 2013

PAULA PRADO, BEIRAS E O TERRORISMO

       

         Hai un discurso, manido e publicitado, da dereita máis conservadora, sobre todo dos seus sectores menos democráticos, máis reaccionarios queremos dicir, socioloxicamente falando, que identifica, a cada instante, todo o que molesta, con ETA e co terrorismo. A este paso acabaremos todos sendo ETA. A verdade é que senten nostalxia polos tempos en que o chumbo mataba e esnaquizaba vidas e futuros, as dos mortos e as dos que sobrevivían. Porque tiña unha enorme rendibilidade política, para eles...

        As novas xeracións do PP, aquelas que naceron logo do franquismo, apuntáronse moi rápido a este discurso. Si todo o que molesta é terrorismo, si da votos, do que se trata é de criminalizar, sen reparo, a protesta social, a discrepancia, a disidencia. Por iso resulta tan frecuente escoitar, na dereita, cando se refiren ós movementos sociais e políticos, a utilización de epítetos grosos como nazi, violento, terrorista, criminal, delituoso, ilegal... referidos, con extrema lixeireza, a comportamentos e condutas moi diferentes, sen matices, sen gradacións, sen proporcionalidade, con enorme simpleza mediática, pero esencialmente dirixidos á cidadanía para amedrentala. Polo contrario, comprobarán facilmente que cando se refiren ós “seus” o primeiro que poñen por diante é aquilo da “presunción de inocencia”, “deixemos actuar á xustiza” e, si non fose suficiente, carguemos máis ou menos sutilmente contra xuíces e maxistrados. Léase Pujalte e cia.

        O que non son quen de aceptar é que as súas políticas económicas e sociais, matan. Que a violencia estrutural esnaquiza en silencio familias enteiras, a miles, a millóns. Da mesma maneira que nunca asumiron que o franquismo asasinaba, torturaba, horrorizaba, legalmente, a miles. Por iso repugnan tanto das Comisións da Verdade, das Asociacións e Leis da Memoria, das persoas que reclaman, coa máxima dignidade, a condena dos crimes do franquismo, verdade, xustiza e reparación. Non. Isto, para esa dereita, significa remover o pasado, reabrir vellas feridas. Espertar os demos. Pero os mortos mal enterrados sempre acaban por saír á superficie...

        Os que son incapaces de condenar a violencia estrutural, a violencia das políticas económicas e sociais, a ditadura e o franquismo, os que criminalizan as protestas sociais, a cotío, son, polo contrario, de gatillo fácil, arremetendo sen rubor contra todo aquilo que puidera identificarse publicamente co terrorismo, así, en trazo groso, a brocha gorda, sen matices.

        Ven todo isto a conto das acusacións públicas realizadas por Paula Prado, PP, contra de Xosé Manuel Beiras, portavoz de AGE, en relación coas súas declaracións sobre o próximo xuízo contra de varios mozos galegos acusados de formar parte de Resistencia Galega, mesmo anuncia, nada menos, que mocións oportunas, oportunistas diría eu, en tódolos concellos de Galicia. Vaia desmesura. Que medo!!!. Coa que está caendo. Quizais sexa precisamente por iso, a última e socorrida cortiña de fume coa que ocultar o que acontece. Non chega con telefeijóo e os medios afíns, coa propaganda institucional. Necesitan con urxencia, as enquisas son inequívocas, de máis doses de cloroformo social. No vaya a ser, que diría Montoro.

        Paula Prado, parte dun concello e dun partido imputado ata as cachas, agora portavoz do PP e parlamentaria galega, pretende acadar notoriedade e facer máis carreira política no seu partido arremetendo nada menos que contra Xosé Manuel Beiras por algo que sabe meridianamente que non é verdade. Por moito que lle escoza, o portavoz de AGE, non defende, nin defendeu nunca, a utilización da loita armada para acadar obxectivos políticos. Teno amosado sobradamente. Outra cousa é que manifeste publicamente a presunción de inocencia dos mozos que van ser xulgados na Audiencia Nacional, que non a tiveron. Que reclame as máximas garantías nun estado que se proclama “de dereito e democrático”. O respeto polos Dereitos Humanos, de todas e todos. Que dubide de certas acusacións, dos seus termos e métodos. Ou que alerte de que non confundamos interesadamente, con grave prexuízo para os detidos, o que significa a palabra “terrorismo” e “terrorista” ou mesmo que pretendamos caracterizar a Galicia como un espazo político no que existe un clima de terrorismo.

        Pois claro que arrastramos un xermolo violento e armado con artefactos explosivos. É unha evidencia. Unha obviedade. De moitos anos e en diferentes formatos e gradacións. Certo que tiveron lugar, nas últimas décadas en Galicia, atentados contra obxectivos diversos. Os expertos falan de violencia de baixa intensidade. En calquera caso, utilizar explosivos, contra empresas ou locais de partidos, con maior ou menor estrago, é un tipo de acción violenta que nin podemos admitir nin xustificar, nin en público nin en privado. Nunca. Explicala é ben distinto. Atoparlle causas ó mal, tamén. Esixir garantías xurídicas, por suposto. Outra cousa diferente sería confundir a parte polo todo, uns detidos concretos, un xuízo, cunha organización que si defende notoriamente a loita armada, Resistencia Galega, ou negar que, nalgúns casos, existen probas contundentes da tenencia de explosivos. Próbese, xúlguese e condénese no seu caso. Con todas as garantías.

        Pero este, aínda que Paula Prado se empeñe, por moito que queira utilizalo como trampolín político persoal, non é o principal problema deste país. O sabe perfectamente. Quizais sexa por iso.


16 jun 2013

MELANCOLÍA POLOS CINEMAS PERDIDOS



        Sinto unha profunda melancolía cando un cinema se pecha. Hai uns días, a última cámara de proxección que resistía, fundiuse a negro, definitivamente, en Pontevedra. Agora son os Cinemas Valle Inclán en Santiago. Antes baixaran a persiana os Compostela. E moito antes... todos os cines que coñecín na miña infancia e mocidade.
        Cando entrei por primeira vez nun cinema foi no Teatro Principal. Estaba moi preto da miña casa, formaba parte da paisaxe máis próxima, e os meus pais tiñan a sabia costume de “ir ó cine”, sempre os venres, á sesión da noite. Moitas veces levábanme. Sempre pensei que para deixar á miña tía Pilar máis tranquila arroupando ós irmáns pequenos no 15 da Rúa da Troia. Debo recoñecer que eu era, daquela, iso que coñecemos como un “tralla”, bastante insoportable. Alguén dirá que, como agora...
        Quedei fascinado co Teatro Principal. Era enorme, precioso, un palacio, cunha decoración que nunca vira, e a pantalla, monumental. Tería 8 ou 9 anos. Proxectaban Lawrence de Arabia, a extraordinaria película de David Lean (1962) cos maxestosos, Peter O'Toole, Omar Sharif, Anthony Quinn e Alec Guinness que saían da pantalla, como na Rosa Púrpura de el Cairo de Woody Allen. Aquelas imaxes, a música, facían sentir o deserto, o golfo de Aqaba, a aventura toda nas entrañas.
        Iamos ó cine, diso se trataba, e tomabamos algo. Para min un medio bocata de xamón e un “jerez con sel”, gotas de Sanson nun vaso cheo de sifón, reconstituínte, sei que daba gañas de comer... por todo iso, para min, os venres, eran unha festa agardada.
        Logo coñecín o Salón Teatro nas longas sesións continuas, naquel galiñeiro corrido de bancos de madeira, toleando ó acomodador toda a peli, algúns tirando furtivamente dun celtas, catro na peseta... Sempre tiven metido na cabeza que alí enfermara gravemente. Foi no Salón onde empecei a atoparme mal, cunha febre moi alta. Poñían unha do Oeste, Apache, de Robert Aldrich (1954), aquel rebelde indio, Burt Lancaster, de ollos azuis. Confeso que, desde aquela, xa non quería ser vaqueiro, mellor un apache chiricahua...
        Anos despois, na transición democrática, o Salón foi o espazo de liberdade do Cineclub, en sesións nocturnas, pelexa cos pais, para atopar as orixes do cinema e aprender: os pioneiros, Porter, Griffith, expresionismo alemán, El gabinete del Dr. Caligari, simbolismo, Nosferatu, o cinema soviético, Eisenstein, as vangardas artísticas, El perro andaluz, o clasicismo, Lubitsch, Wilder, Curtiz, Bergman, Hitchcock… o neorrealismo, Rossellini, De Sica, Visconti… a Nouvelle Vague, Godard, Truffaut… os novos cinemas, Glober Rocha… cantas horas de cine magnífico, canta aprendizaxe, que extraordinarios momentos...
        Tamén o Yago formou parte da miña veciñanza cinematográfica xuvenil. Cos seus baños no hall superior. Sempre ía para arriba. Mellor apoiado na balaustrada.
        Do Metropol, no ensanche, lembro que era un cinema grandioso, cunha pantalla xigantesca. De cativos todo parece inmenso. Alí quedei pasmado diante de El planeta de los simios, de Franklin J. Schaffner (1968), case que en primeira fila, botábase a un. Aquela escena final, co Charlton Heston sorprendente, deixoume perplexo e pensativo, desconcertado. Malditas guerras!!!.
        O Capitol foi –probablemente- o cinema que máis frecuentei ó longo da miña adolescencia, mesmo onde, en varias ocasións, non podía entrar nalgunha das pelis cualificadas para maiores de 14 con reparos. Censura política, censura moral. Censura total. Tempos escuros. Berros de liberdade. As historias e os mundos que viamos no cine eran moi diferentes do que aquí acontecía. Pateabamos o NODO con forza, xa resultaba insufrible. E o novo cinema español, contra todo, abríase paso. Bardem, Berlanga, Saura, Aranda, Camino, Colomo...
        O Avenida, hoxe derruído e daquela moi nas aforas, era un cine de reestreno, certamente algo cutre. Alí podiamos recuperar algunhas películas que perdemos na súa estrea. Tamén foi Cineclub nalgún tempo. Máis adiante foi escola de pornografía cando chegaron as X. Tempos de destape e represión. Cos anos languideceu como un vagalume, ate apagarse.
        E os Valle Inclán, que agora pechan definitivamente, foron os primeiros multicines de Santiago de Compostela. Unha novidade, moi lonxe das vellas salas, con menos encanto, máis funcionais, buscando a rendibilidade, e nin así.
        Os Compostela, máis recentemente, tamén foron multisalas, algunha case que como o salón da casa, con pantalla cativa, chamáballe o “ferrobús”. E os de Area Central, no centro comercial de Fontiñas, trouxeron novos formatos, máis comerciais, aínda que mantiñan un certo cine de autor, como os Valle Inclán ou os Compostela.
        E chegamos a hoxe, só o Centro Comercial As Cancelas proxecta películas, na súa gran maioría son as que distribúen as grandes cadeas multinacionais, o cinema espectáculo, o que forma parte do lecer universal, ese que podemos ver en calquera país occidental do mundo, uniformidade, boas salas, arume a coche recen comprado, plástico fino, pantallas enormes, son de estremecer... pero non é o mesmo, tristura de pensionista... O cinema do que gosto, o que fascina, aquel que descobrín de cativo no Teatro Principal e que mamei no Salón Teatro, Yago, Metropol, Capitol, Avenida, Valle Inclán, Compostela, ata os nomes son outra cousa !!!, Aqueles espazos que alegraron e formaron a nosa vida teremos que buscalos noutros lugares e formatos, aqueles xa non volverán. Melancolía polos cinemas mortos.