Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

11 dic 2014

10 de Decembro de 2014, no 66 ANIVERSARIO DA DECLARACION UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS (1948-2014)






Intervención no Acto de Conmemoración do 66 Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, onte, día 10 de Decembro, na Biblioteca Anxel Casal de Santiago de Compostela. 

        Benqueridas amigas e amigos:

        Permitídeme que abra este acto, que pretende reivindicar a vixencia da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no seu 66 Aniversario, agradecendo a vosa presencia e colaboración na lectura pública da Declaración Universal de 1948 que tedes nas vosas mans.

        Agradecemento que fago extensivo á Biblioteca Pública Anxel casal, á súa directora, Carina Fernández Faya e ó seu equipo, pola súa xenerosidade para cedernos este magnífico espazo que, ademais, lembra ó noso mellor Alcalde.

        Quixera pararme un pouco máis no agradecemento ós alumnos e alumnas dos colexios e institutos de Santiago de Compostela que nos acompañan, a verdade é que nunca deixan de colaborar, pídovos un aplauso especial para o alumnado do Colexio López Ferreiro e ó seu profesorado. Tamén para os do IES Xelmírez II e o profesorado que os acompaña. Sabedes, como eu, que non é fácil, nos tempos que corren, sair do centro educativo para participar nunha actividade como esta, por iso, o noso agradecemento é maior para os profesores e profesoras que hoxe nos acompañan, particularmente, a Mar Lorenzo, directora académica da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC. Moitas grazas.

   Tamén quero agradecer, en nome propio e no do Seminario Galego de Educación para a Paz, así como da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, a presencia dos medios de comunicación neste acto.

   Non quixera esquecer a Emilio Rúa, cantautor galego, de Ourense, que abríu esta conmemoración e que logo a pechará coa súa mestría habitual e, como non, a súa colaboración, desde hai anos, co Seminario, En nome da Paz

        Hai persoas hoxe aquí que están a título individual, outras representan á cidadanía, algunhas a entidades cidadás, políticas e sociais, a centros escolares, permitídeme que cite ó IES Xulián Magariños de Negreira, aquí representado. E a institucións, concellos, temos algún alcalde, como Martiño Noriega, de Teo, concellais, como Rubén Cela, exconcellalas, Mercedes Rosón, todas están aquí porque sinten e comprenden que a Declaración Universal dos Dereitos Humanos non pode ser, non é flor dun día, unha efeméride, senón que compre defendela e practicala cada día, tódolos días. Ese é o sentido deste acto, reivindicar, defender, divulgar un texto que ten xa 66 anos, o documento quizáis máis influínte do século XX.



        A Declaración de 1948 é froito do espanto, do horror vivido, moi poucos anos antes, en todo o mundo, especialmente, en Europa e no Pacífico, unha guerra que causou, dise pronto e aínda estremece, case que 70 millóns de mortos, a súa maioría poboación civil, bombardeos sobre cidades (millón e medio de civís polos bombardeos aliados), Hiroshima, Nagasaki, o horror nuclear, o holocausto, 6 millóns de xudeos exterminados, millóns de refuxiados, desprazados… tan só a URSS, máis de 17 millóns de mortos, China, maís de 8 millóns, Alemania, 7 millóns… e a fame posterior, a destrucción…

        A Declaración Universal de 1948 non se entendería sen a dor e o sufrimento terrible que o mundo soportou durante a IIGM. E foi en París onde a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou, un 10 de Decembro, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, cun extraordinario Preámbulo, que sempre recomendo ler en horas baixas, e 30 artigos que condensan, en moi poucas palabras, tódolos anceios da Humanidade. Un Código Universal de Dereitos, de desexos e de aspiracións da maioría da poboación mundial, un ideal, unha utopía, que merece a pena ser vivida.

        En realidade, como saben, a Declaración recolle os dereitos humanos básicos que xa aprobara a Carta de San Francisco de 1945, inmediatamente rematada a IIGM, e se inspira en declaracións anteriores, nomeadamente, na da Revolución Francesa en 1789.

        Foi unha extraordinaria muller, Eleonor Roosevelt, gústame lembralo, a persoa que presidíu o Comité de Dereitos Humanos que a redactou, xunto con 8 sabios, permítanme citalos:  René Cassin (Francia), Charles Malik (Líbano), Peng Chun Chang (China), Hernán Santa Cruz (Chile), Alexandre Bogomolov/Alexei Pavlov (Unión Soviética), Lord Dukeston/Geoffrey Wilson (Reino Unido) e William Hodgson (Australia). Especial relevancia tivo tamén John Peters Humphrey, de Canadá, director da División de Deritos Humanos da ONU.

        Non foi aprobada por unanimidade, tivo 8 abstencións, entre elas, a da URSS e algúns paises da súa área de influencia, a Guerra Fría xa empezaba, Polonia, Checoslovaquia, Yugoslavia, xunto con Arabia Saudí e Sudáfrica.

        Recibíu críticas, algúns auguraban o seu esquecemento rápido, outros a acusaron de ser excesivamente “occidental”. Sen embargo, no seu debate previo participaron activamente personalidades de todo o mundo, por exemplo, o Mahatma Gandhi, que dou a súa aprobación ó texto, non sen comentar que á súa nai, parecíanlle moitos dereitos e moi poucas obrigas, sabiduría de muller.

        Kofi Annan dixo unha vez referíndose á Declaración de 1948: “Os dereitos humanos son os teus dereitos. Tómaos. Deféndeos. Promóveos. Enténdaos e insista neles. Nutrámolos e enriquezámolos. Démoslle vida”

        Diso se trata, de asumilos como propios, de usalos, de reivindicalos, para evitar que desaparezan, que sexan violentados, porque, efectivamente, “A historia dos dereitos humanos, é tamén, a historia da súa propia violación”

        E vivimos tempos nos que a Declaración Universal dos Dereitos Humanos está fortemente ameazada, cando non violada. Probablemente hoxe, si o texto fose redactado agora, teriamos unha Declaración moi diminuída.

        Os Dereitos Humanos que contempla a Declaración de 1948 e toda a lexislación subseguinte, son innatos, nos perteñecen polo feito de existir, son universais, perteñecen a todas e a todos, con independencia de raza, sexo, cor ou crenza; son inalienables e intransferibles, non se pode renunciar a eles ou negocialos; son acumulativos e irreversibeis, ampliamos o catálogo cos de 2ª e 3ª xeración, dereitos políticos e sociais, dereitos medioambientais, dereitos tecnolóxicos, e que xa forman parte do patrimonio da dignidade humana; son inviolabeis, as leis non poden atentar contra deles; son obrigatorios, para os Estados; trascenden as fronteiras nacionais, e procuran promover a xustiza, a igualdade e a paz en todo o mundo.

        Pero os que atentan contra os nosos dereitos, contra da Declaración, son moi poderosos. Onte mesmo coñeciamos un Informe do Senado americano sobre o manual de estilo da CIA. Algúns sorprendéronse. Outros, os que xa temos memoria e pasado, coñecemos desas prácticas, o manual de torturas, agora recoñecido, vulnera de maneira absoluta o Art. 5 da Declaración: “Ninguén será sometido a torturas nin a penas ou tratos crieis, inhumanos oi degradantes”.

        Libres e iguais en dignidade e dereitos, dereito á vida, á liberdade e á seguridade, ó recurso efectivo diante dos tribunais, a non ser arbitrariamente detido, preso ou deterrado, dereito á privacidade, art. 12, cando se preven as escoitas sen autorización xudicial, o dereito a viaxar e a elixir a residencia, dereito a entrar e a sair do propio país, hoxe parece redactado para os capitais non para as persoas; dereito de asilo, Art. 17.2. “Ninguén será privado arbitrariamente da súa propiedade”, tan vixente, en tempos de desafiuzamentos; dereito á liberdade de pensamento e conciencia nun estado que segue a ser moi pouco aconfesional; dereito á seguridade social, cando as prestacións minguan ou desaparecen; art. 22.; artigo 23, dereito ó traballo con case que 6 millóns de desempregados, á protección polo desemprego, a metade sen prestacións; a igual salario por igual traballo, violentado para as mulleres; Art. 24, dereito a vacacións periódicas pagadas; dereito á saúde, ó benestar, á manutención, á vivenda…á protección especial da infancia, 20.000 nenos morren cada día no mundo por causas evitables mentres gastamos 4 mil millóns de dólares diarios en armamento, 1 millón de dólares por minuto, qué disparate!!!, 60.000 armas nucleares sobre as nosas cabezas...; o 20,1% de poboación infantil en Galicia en risco de pobreza; dereito á educación, á cultura, a unha orde social xusta, cando somos os campións da desigualdade… para que seguir.

        Necesitamos máis razóns para reivindicar e divulgar a Declaración Universal dos Dereitos Humanos?

   Enténdese agora por qué desapareceu do currículum escolar a materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos?

        Remato xa. O ano que ven, o 2015, o Seminario Galego de Educación para a Paz cumprirá 30 anos de actividades. Foi precisamente un 10 de Decembro de 1985 cando un pequeño grupo de profesionais do ensino decidimos crear un Seminario Permanente para dotarnos a nós mesmos de recursos didácticos e materiais para traballar nas nosas aulas os valores cívicos e democráticos, a mellora da convivencia escolar, a resolución pacífica de conflitos, e contidos da Educación e a Cultura da Paz que estaban fora do currículum. A primeira Unidade Didáctica foi, precisamente, sobre os dereitos humanos, e a seguiron outras 28, creo recordar, libros de texto, ensaio, documentais, curtas de ficción, minilibros, encontros, xornadas, cursos de formación…

        Unha Exposición Itinerante percorrerá Galicia en 2015, coa colaboración de artistas, pintoras, fotógrafos, videocreadores… que colaboraron con nós nestes anos, chamarase ArtePaz 2015, e acompañará a materiais e obra gráfica do Seminario, nestes 30 anos.

        E non podo rematar sen dicir algo que nos doe especialmente, desculpade si son excesivamente duro, pero é a verdade, desde 2010, o Seminario Galego de Educación para a Paz, non recibe, nen un só euro de axuda para proxectos, do Concello de Santiago ou da Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Cultura, Política Linguística ou Cooperación, nada de nada. Parece que estarían encantados con que desapareceramos para sempre do mapa de Galicia.

        Pero aquí seguimos, coa vosa axuda, co voso cariño, cumprindo anos como a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

        Moitas grazas.