Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

25 may 2011

REUNION DE CATEDRAS UNESCO DE CULTURA DE PAZ E DEREITOS HUMANOS EN COMPOSTELA



   O venres e o sábado, 27 e 28 de Maio, terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC, na Praza de Mazarelos, xunto o arco que nunca pechaba na muralla de Santiago, polo que entraba o viño do Ribeiro, no antigo Instituto "masculino", unha reunión de enorme trascendencia.

   Por iniciativa do Seminario Galego de Educación para a Paz e da recén creada Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, que dirixe Ramón Sánchez, catedrático de filosofía na Facultade de Educación (Escola de Maxisterio), as principais Cátedras UNESCO de temática similar analizarán formas de colaboración e de intercambio de experiencias.

   Federico Mayor Zaragoza, ex- director xeral da UNESCO, hoxe presidente da Fundación Cultura de Paz, xunto con Angela Melo, directora xeral do Departamento de Dereitos Humanos da UNESCO en París, presidirán as sesións, xunto co Reitor, Juan Casares, e a Secretaria da Comisión Española da UNESCO, Consuelo Vázquez.

   Na reunión estarán representadas as seguintes Cátedras:

* Cátedra UNESCO de Interculturalidade e Dereitos Humanos da Universidade Internacional de Andalucía, Sevilla.
    * Cátedra UNESCO Mulleres, Desenvolvemento e Culturas da Universidade de Vic, Barcelona.
    * Cátedra UNESCO de Estudios Interculturais da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona.
    * Cátedra UNESCO de Migracións da USC
    * Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC
    * Cátedra UNESCO de Cidadanía Democrática e Liberdade Cultural da Universidade da Rioxa.
    * Cátedra UNESCO de Políticas de Xénero e de Igualdade de Dereitos entre Homes e Mulleres da Universidade Autónoma de Madtrid
    * Cátedra UNESCO de Cidadanía, Convivencia e Pluralismo da Universidade Pública de Navarra.
    * Cátedra UNESCO de Filosofía per la Pau da Universidade Jaume I de Castelló.
 
   Trátase de establecer redes de intercambio de coñecemento e de experiencias, convenios de colaboración entre as citadas cátedras que posibiliten o intercambio de profesorado e de alumnado dos másters internacionais que imparten sobre paz e conflictos, así como desenvolver e aplicar a axenda aprobada en Bérgamo (Italia) na reunión internacional de Cátedras UNESCO sobre Paz, Dereitos Humanos e Bioética.

   É a primeira actividade relevante da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC logo de que a nova directora xeral da UNESCO, a búlgara Irina Bokova, a ratificase persoalmente o pasado 10 de Decembro no marco do Foro 2010 que tivo lugar en Compostela.

   Para o Seminario Galego de Educación para a Paz, promotor da citada Cátedra e da iniciativa que agora comeza, trátase dunha primeira actividade que, sen dúbida, terá continuidade no futuro, coa organización de escolas de verán e un máster específico na liña dos desenvolvidos por algunhas das cátedras invitadas.

16 may 2011

Cita pola paz e a convivencia en Iruña

Conchita Corera, directora da Cátedra UNESCO de Paz, convivencia y pluralismo de la UPNA

   Sempre resulta moi agradable visitar Pamplona (Iruña), no corazón do Camiño de Santiago, máis aínda para participar nun Encontro sobre "Paz, Conflitos e Convivencia", organizado pola Cátedra UNESCO de Paz, Convivencia e Pluralismo da Universidade Pública de Navarra, coordinada por Conchita Corera, e co valor engadido de facelo nun momento excepcional para Euskalerría, aquel que parece indicar que o final definitivo da violencia de ETA está máis perto que nunca.

   Non hai entusiasmo, como noutras ocasións. Persiste certa desconfianza. Sen embargo, todas as opinións contrastadas nestes días coinciden en sinalar que entramos nunha etapa completamente nova, e a legalización de Bildu, por sentenza do Tribunal Constitucional, non fai máis que reforzar esa sensación de que as armas, por fín, calarán para sempre.

   O Encontro na UPNA (Universidade Pública de Navarra), do que podedes ver todas as intervencións en: http://upnatv.unavarra.es/es/todos_unes ou no facebook, tivo unha enorme calidade. Foron moitas e moi interesantes as opinións manifestadas ó longo dos tres días que durou o evento. Si tivera que seleccionar aquelas que, para mín, foron as máis relevantes, diría, sen dúbida, as que protagonizaron Jonan Fernández, director de Baketik (Centro pola Paz de Arántzazu), cunha proposta sobre os presupostos para a reconciliación e a convivencia, magnífica, moi coidada e concreta, texto resultado, ademais, dun amplo debate e consensuada por 25 personalidades de pensamentos ben distintos, desde Ibarretxe a Margarita Robles, por citar tan só a dous dos participantes.

   O xornalista Josep Ramoneda, que nos ten acostumados a análises moi acertados no País ou na Ser, falou, entre outros aspectos, do totalitarismo da indiferencia, das tres perniciosas ces ás que nos están relegando os poderes financieiros: competitivos, consumistas e contribuintes.

   Kristian Herbolszheimer e Jordi Urgell, expertos en mediación de conflitos, analizaron moi polo miúdo as características dos distintos procesos de saída negociada a enfrontamentos armados en distintos lugares do mundo e en relación co caso vasco, distinguindo moi ben entre o final das violencias (en plural) e a construcción da paz, da convivencia e a reconciliación.

   Carlos Taibo, coa brillantez que o caracteriza explicou, con detalle, a súa teoría do decrecemento e Manuel Reyes Mate, puxo voz ás vítimas da violencia.

   Pero o momento máis emotivo, sen dúbida algunha, o puxeron as tres vítimas de tres violencias moi distintas, que coincidiron nunha mesma mesa, concretamente, Iñaki García Arrizabalaga, Isabel Casanova e Edurne Brouard, víctimas dos Comandos Autónomos Anticapitalistas (escisión de ETA), do 11M en Madrid (terrorismo global) e dos GAL (terrorismo de Estado), respectivamente.

      Os tres relatos, marcados pola traxedia irreparable da morte violenta dun pai, no caso de Iñaki e Edurne, ou do fillo e do marido, no caso de Isabel, fixeron tragar saliva ós asistentes. Os tres coincidiron en distinguir o perdón (voluntario, individual, persoal), do recoñecemento social da verdade, da xustiza e da reparación como bases da reconciliación, proceso que vai para longo, afirmaron.

    En calquera caso, Euskadi, Navarra, España enteira, están abrindo camiños de esperanza, non sen dificultades, mais decididamente cara unha paz definitiva. E nese proceso tamén, a sociedade civil, vai moi por diante dos partidos políticos.

  

10 may 2011

UNHA PEDAGOXÍA PARA A PAZ



Non estou no mundo para adaptarme a él, sen máis,
senón para transformalo
Paulo Freire

        Cando falamos dunha pedagoxía para a paz estamos a referirnos, obviamente, a unha pedagoxía alternativa, alonxada de modelos e prácticas tradicionalistas, aquelas que, en esencia, reproducen o sistema vixente.
        Paulo Freire, veño de recordalo moi activamente en Sáo Paulo, falaba dunha pedagoxía, dunha educación, liberadora, desde unha perspectiva humanista e progresista, transformadora, para superar o modelo tradicional baseado no medo e no silencio, no individualismo, o que o mestre brasileiro chamaba tamén unha “educación bancaria” un concepto que hoxe sona, aínda, peor.
        Por eso o diálogo ten tanta importancia na educación para a paz, o diálogo como metodoloxía, non só como ferramenta imprescindible para abordar os conflitos senón como principio, entre docentes, e co alumnado, para intercambiar experiencias, coñecementos e apoiarse mutuamente, porque nos educamos xuntos. O diálogo como mecanismo fundamental para prever e afrontar os conflitos de convivencia (compartir vivencias xuntos), para darlle unha saída positiva, por iso falamos tanto de solución dialogada dos conflitos.
        O pensamento crítico, a capacidade de poñer en cuestión, a dúbida, as preguntas para atopar respostas, a pedagoxía da pregunta que xa estaba en Sócrates, como un aspecto central de calquera proxecto pedagóxico alternativo, para fuxir do autoritarismo e da domesticación.
        Porque efectivamente, sabémolo ben, a educación pode ser domesticadora, reproductora, pero tamén, como dicía Freire, pode abrir portas, liberar. Educar para reproducir a inxustiza e a dominación non pode ser unha fatalidade pedagóxica.
Domesticar e adoutrinar están en contradicción directa co diálogo e co debate, moi diferente da polémica e da crispación, do insulto e o menosprezo do outro. O diálogo esixe escoita activa, reflexión, para chegar a acordos e superar positivamente as diverxencias.
A pedagoxía para a paz non se limita a trasmitir coñecementos racionais sobre os dereitos humanos, a democracia, os valores cívicos, as virtudes cidadás, nin o fai por medio de discursos ou sermóns. Os contidos sen acción, sen participación, sen o protagonismo individual e colectivo, conducen á pasividade, ó egoísmo, á vanidade, que non axudan, precisamente, ó cambio e á tranformación social. Todo o contrario, levan á aceptar resignadamente o mundo tal cual é, como se non houbese alternativa algunha. E temos que reiteralo, outro mundo é posible.
Un proxecto de pedagoxía liberadora ten moi presente a formación cidadá, os valores cívicos e democráticos, a xustiza, o respeto, a solidariedade, a liberdade, a democracia, construída dentro da propia escola, a tolerancia, a interculturalidade, a protección do medio natural (estar en paz co medio).
Non é suficiente con falar e falar, xa que o alumnado, como os fillos e as fillas, aprende dos comportamentos que observan, por iso ten tanta importancia a coherencia (evitar contradiccións entre o que facemos e o que dicimos) como o exemplo, a pedagoxía do exemplo, procurando a autonomía. O dicía María MontessoriSi axudas a un neno máis do que o necesita, estás impedindo que medre”.
E non quero deixar de mencionar a autoridade, ese máxico equilibrio entre liberdade e autoridade que temos que atopar, como pais e nais, como educadores, para non caer no autoritarismo nin na superprotección e o colegueo, ambos perniciosos. Esa “auctoritas” da que falaban os gregos é un arte, non deriva da imposición nen do cargo, senón que temos que gañala, cada día e tódos os días, co exemplo, coa dedicación, co esforzo e a preocupación, con cariño, cos afectos e os sentimentos, coa tenrura, individual e colectivamente, por medio do traballo cooperativo, con xogos e dinámicas de aula, con amor polo noso traballo, apelando ás emocións, estimulando ó alumnado pola vida e polo saber.
E agora que falamos tanto da indignación, desde que Stéphane,  Hessel, cos seus 94 anos, redactor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, ven de recordalo de maneira tan elocuente, recuperando o panfleto como xénero literario, debemos falar tamén dunha pedagoxía da indignación diante das atrocidades que coñecemos, porque nunha pedagoxía para a paz non ten cabida o conformismo, nin o fatalismo, nin a pasividade, senón todo o contrario, a participación, a democracia, o pensamento libre, fronte da sumisión, con esperanza e con paciencia, moita paciencia.

       

5 may 2011

En solidariedade con Garzón.

      
(Texto da intervención no acto de onte en Compostela, na presentación do libro: "La solidaridad con el juez Garzón", coordinado polo Ex- Fiscal Xeral Anticorrupción, D. Carlos Jiménez Villarejo).

       Amigas e amigos, compañeiros e compañeiras de mesa, D. Carlos Jiménez Villarejo, coordinador do libro que nos convoca, Dª Carme Durán, coordinadora da Plataforma Galicia con Garzón que axudamos a constituír, D. Ricardo González, director da Editorial El Páramo, que fai posible esta obra e D. Enrique León, avogado.

        En calidade de Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz e director da Fundación Cultura de Paz en Galicia, quixera que as miñas primeiras palabras sexan para manifestar que vivimos tempos cargados de cinismo e de hipocresía, de dobre moral, en relación coa Xustiza.

        Sen dúbida que o principal protagonista deste acto, D. Carlos Jiménez Villarejo, se referirá con moita máis autoridade que eu a este asunto que nos preocupa, en relación co xuiz Baltasar Garzón Real pero tamén ós últimos acontecementos, a execución extraxudicial dunha persoa, por moi criminal que sexa, ordeada nada menos que por un Premio Nobel da Paz.

        D. Carlos Jiménez Villarejo, para quen non o sepa, foi opositor antifranquista, cofundador da asociación Xustiza Democrática, sufríu persecución pola súa defensa inquebrantable dos dereitos humanos e entre 1995 e 2003 foi Fiscal Especial Anticorrupción.

        Nos últimos anos tense destacado na defensa da Lei de Memoria Histórica, no apoio ás víctimas no sumario contra os crimes do franquismo e, de maneira moi activa, na defensa do xuiz Baltasar Garzón Real. Nesa defensa ten manifestado publicamente que na cacería contra o citado xuiz, os maxistrados que o investigan, téñense constituído na actual expresión do fascismo español.

        Colaborador de ATTAC, apoia a iniciativa da Tasa Tobin sobre as transaccións financieiras internacionais e contra dos paraísos fiscais.

        D. Carlos Jiménez Villarejo, moitas grazas pro acompañarnos neste acto que, no fondo, é un acto de apoio e en solidariedade con Baltasar Garzón, un máis, dos moitos que se veñen celebrando, nacional e internacionalmente, e que seguirán, sen dúbida, porque na súa defensa, estamos a defender un outro modelo de xustiza, tal e como as distintas plataformas de apoio ao xuiz Garzón proclaman.

        A presenza do Seminario Galego de Educación para a Paz na Plataforma Galicia con Garzón non debera sorprender a ninguén.
        Estamos ahí desde o principio, somos membros fundadores e impulsore desta Plataforma da que é portavoz o escritor Manolo Rivas, tamén Premio Portapaz. Coñecemos persoalmente a Garzón, o nombramos tamén Premio Portapaz e Socio de Honra do Seminario o mesmo ano en que decidíu ordear a busca e captura do dictador Pinochet que propiciou a súa detención en Londres. Pero antes, Garzón, marcou unpunto e aparte na persecución do narcotráfico en Galicia, coa operación Nécora, él é o responsable de que destacadísimos narcos galegos sigan hoxe entre reixas.  

        Tivo tamén, como sabedes, un papel moi relevante nas investigacións polo caso GAL, falemos claro, terrorismo de estado. Os que aplaudiron as súas actuacións no caso GAL, a persecución dese terrorismo que se organizou nas cloacas do estado, son os mesmos que hoxe aplauden a execución extraxudicial de Osama Bin Laden. Cousas veredes.

        E na persecución do terrorismo de ETA, Garzón, tamén tivo un papel destacadísimo, sobre todo, para desmontar os apoios económicos e sociais do terrorismo.

        Pero, sen dúbida, as súas investigacións sobre o caso Gurtel e os crimes do franquismo, están na orixe da cacería á que está sendo sometido e que o ten levado a unha suspensión cautelar e a traballar de asesor do Tribunal Penal Internacional onde pode seguir promovendo as súas ideas sobre a xustiza universal.

        Por todo elo, porque somos agradecidos, porque temos (e Galicia enteira ten) unha débeda de gratitude con Garzón, estamos aquí.

        Moitas grazas.

2 may 2011

A morte de Osama Bin Laden: ¿Fíxose xustiza?

   A unanimidade coa que os media, aquí e praticamente en todo o mundo, machacan e, de seguido, narcotizan, as conciencias en relación coa morte do inimigo público número 1, Osama Bin Laden, non deixa de sorprenderme. Un está curado de espantos mais a capacidade que temos para deixarnos levar das opinións publicadas ou emitidas parece non ter límites.

   Está ben nas películas, licencia para matar, Harry el Sucio, o executor, e demais historias que aplican a lei do máis forte, ou quizais sexa por iso polo que aceptamos con tanta facilidade feitos consumados que fan aborrecer da condición humana.

   O mesmísimo Bin Laden, educado e armado polos USA para levantarse contra da URSS en Afganistán, xefe recoñecido e autoproclamado líder de Al Qaeda, confeso promotor dos ataques a Nova Iorque e Washingthon, ou do 11M en Madrid, con miles de mortos, con todo, ten dereitos, si efectivamente defendemos o que dicimos, é dicir, os Dereitos Humanos, a Xustiza Universal, o Tribunal Penal Internacional...

   A decisión de non detelo, senon de executalo, de non xuzgalo, senon de facelo desaparecer, non deixa de ser unha vulneración manifesta do dereito internacional. Indigna sobremaneira que esa decisión a tome un Premio Nobel da Paz, o líder do "mundo libre", o presidente dos bos, dos demócratas, dos civilizados...

   Agora ben, podemos estar tranquilos, e deus tamén, Osama Bin Laden foi soterrado polo rito musulmán... no fondo do mar !!!. Mellor sería dicir, polo rito "pirata" logo de darlle un tiro de graza na cabeza.

   A cultura da violencia pode estar de norabóa. Unha vez máis, sen escrúpulo algún, es la guerra, o Estado máis poderoso do planeta impón a súa lei, coa complicidade e as felicitacións de todos. Sen poñerse colorados, aplauden a decisión, a valentía, a coraxe... de intervir nun país soberano para elimiñar a un verme asqueroso, a unha rata, a un insecto, a iso estaba reducido Osama Bin Laden para aqueles que controlan as opinións públicas e crean os inimigos a nivel mundial.

   Festa, alegría ata altas horas da madrugada diante da Casa Branca, berros de USA, USA, USA..., proclamacións solemnes de que "fixemos xustiza", e os acólitos de Obama facendo o triste papel de palmeiros.

   Que credibilidade terán agora os Dereitos Humanos, a Xustiza Universal, o Tribunal Penal Internacional... a Cultura da Paz.

   Non, así non sustituimos a cultura da forza, do músculo, da barbarie, pola cultura do diálogo, do entendemento e a paz.

   ¿Cántos Osamas estarán, agora mesmo, planificando accións violentas?

   Detelo, xuzgalo e condealo polos seus crimes probados, coas garantías necesarias, sería o propio dun sistema democrático. Executalo extraxudicialmente, facelo desaparecer no fondo do mar, recorda demasiado ós vos da morte de Pinochet, ás accións criminais totalitarias.

   ¿Acaso ninguén lembra os Xuizos de Nuremberg?, ós tribunais creados para Ruanda, para a Ex- Iugoslavia, por crimes contra da Humanidade?. Está claro que vivimos outros tempos, outra época, a do cinismo e a hipocresía.

   Con todo, fronte da indignidade, seguiremos así, a contracorrente, dando a nota, e co ventiño de cara... porque outro mundo é posible, urxente e necesario.