Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

30 mar 2015

Un relato compartido





Está moi de moda, nalgúns ambientes, falar da necesidade de que Santiago de Compostela escriba un novo relato de cidade. Non serei eu quen contradiga semellante aspiración. Entre outras razóns, porque entre as personalidades que o reclaman teño bos amigos. Sen embargo, como picheleiro vello, penso que aquí e hoxe, como sempre, conviven varios relatos, ou mellor dito, ideas e modelos de cidade que debemos compartir, asumindo que Santiago nace e se desenvolve, durante séculos, arredor dun único relato, tan eficaz como ficticio…

Coa modernidade, en paralelo co proceso de secularización, imos debuxando relatos novos, máis laicos, máis públicos, máis políticos, o que non significa que o orixinal non o fose, que o era. En calquera caso, ademais da Igrexa, a Universidade, o Movemento Obreiro, a tradición republicana, o galeguismo…  van aportando os seus propios relatos, matices, visións e enfoques novidosos, miradas intercambiadas, de fronte ou de esguello, con máis ou menos complicidade, asegún, interactuando, entre pedras, campás, martelos e rezos, mercados, historia viva...

Para compartir relatos, que teñen que ver coas clases, coas procedencias, co nivel de estudios, cos modos de vida, coa ubicación de cada quen, coas correntes de pensamento, as ideoloxías… sería previo compartir diagnósticos, aínda que non sexa na súa totalidade. Non sempre é posible. Creo que, agás excepcións raras, hoxe, a maioría da cidadanía desta vella aldea europea coincide en sinalar que Santiago de Compostela está en aluguer ou en venta, triste, silenciosa, sen nenos pola rúa, sen vida, apática, como paralizada, zombie, e non debemos atribuílo, exclusivamente, ás consecuencias da crise ou da burbulla inmobiliaria, que tamén.

Non sería allea a esta percepción cidadá a situación insólita vivida nos últimos catro anos nos que, cunha maioría absoluta do PP no concello, a inestabilidade política, a incerteza, a corrupción e o desgoberno foron norma e portada dos medios de comunicación, aquí e no conxunto do estado, enchendo de indignación e vergoña á cidadanía.

Durante estes anos, a condena do alcalde Gerardo Conde Roa, a imputación do seu sucesor (e por el nominado), Angel Currás, ou as conversas telefónicas coñecidas entre membros da súa Xunta de Goberno, deterioraron, ate a náusea, a imaxe e a marca dunha cidade construídas con tanto esforzo.

Falamos moito de rexeneración democrática, de cambios profundos nas maneiras de gobernar, de vella e nova política, pero creo que, para algúns, o seu tempo xa pasou, está esgotado, trátase dun fin de época, as súas posibilidades autoestragaronse, non lles queda xa fondo de credibilidade algún para, desde un goberno municipal deteriorado, abandeirar o cambio e a renovación. Non vai máis. Compre reiniciar, resetear o sistema. Darlle a oportunidade a outras persoas, con outros proxectos máis abertos, con miradas distintas, por saúde e hixiene democrática, para que, coa cidadanía empoderada, debuxemos -conxuntamente- relatos e solucións compartidas.



16 mar 2015

Unha carta persoal a COMPOSTELA ABERTA


   Benquerida amiga, benquerido amigo:



   Sen dúbida que tódalas persoas que nos presentamos como candidatos e candidatas ás Primarias de COMPOSTELA ABERTA queremos o mellor para o noso Concello e cidade. Coincidimos loxicamente no interese por derrotar democraticamente ó PP e en indicarlles o camiño das bancadas da oposición onde facer a súa propia rexeneración, tan necesaria!!!.



   E claro que queremos gañar Compostela!. Non é só ter representación, senón acceder á maioría de goberno, para transformar radicalmente Santiago.



   Faremos un Programa Electoral Participativo, algo xa avanzamos nos grupos de traballo, particularmente no de Universidade e Ensino, que eu coordino. Un Programa acorde co noso Manifesto Fundacional e cos Principios de Funcionamento que nos demos, xunto co Código Ético que aprobamos e que contribuín a redactar. Tódolos documentos están na web de COMPOSTELA ABERTA: www.compostelaaberta.org

   Entón, que distingue ás candidaturas que se presentan?. Que pode aportar cada quen da súa propia experiencia e traballo a COMPOSTELA ABERTA?, mais alá de compromiso, ilusión, esforzo, axuda…

   No meu caso, cos anos que teño, pesa máis xa, probablemente, o pasado que o futuro, o fundamental do meu currículum está escrito, para ben ou para mal, moitas persoas o coñecedes, está na web de CA, e máis amplo no meu perfil de facebook e no blog.

   Agora, xa xubilado, quería devolverlle algo a Santiago de Compostela. Teño a ilusión de contribuír a facer dela a cidade soñada, un concello, unha cidade para a infancia, para os nenos e nenas, para as persoas maiores, sobre todo para as máis febles, en tódolos sentidos. Poñer ás persoas por diante de todo, por diante dos coches, dos negocios, dos intereses. Sempre o Ben Común e o Público por riba de todo, facer realidade o que Francesco Tonucci reiteraba hai uns días na antiga Escola de Maxisterio, que tan ben coñezo, e que xa escribira nos ’90, “A cidade dos nenos”, primeiro os peóns, logo os ciclistas, despois o transporte público e finalmente o privado. A cidade da infancia como modelo…

   Unha cidade, un concello, equilibrado, igualitario, sostible, pacífico, que recupere a ilusión e a alegría que perdeu, o dinamismo cultural e artístico, unha cidade educada e educadora, intelixente, onde os dereitos humanos e os dereitos da infancia non sexan algo retórico, para que nenos e nenas volvan a estar presentes, nas rúas, paseando, xogando, camiñando á escola, onde a mocidade expulsada regrese, e con ela, a alegría, a vida e o futuro.

Moitas grazas polo teu apoio.

Recibe unha aperta afectuosa.

Cordialmente,

Manolo Dios
Candidato ás Primarias de COMPOSTELA ABERTA.
mdiosdiz@gmail.com

13 mar 2015

Un breve perfil...





        Nacín en Santiago de Compostela, no primeiro da Rúa da Troia nº 15, un 14 de Xaneiro de 1953. Son o maior de 7 irmáns. Alí vivín ate os 18 anos. Estudiei a Primaria e a Secundaria en Santiago. Din que un é de onde fai o Bacharelato, pois tamén. Son, polo mesmo, un picheleiro, orgulloso de selo. Tamén son fillo, neto e bizneto de poleiras, que tiveron posto na Praza de Abastos ate a súa xubilación. Meu pai traballou en FINSA desde os 12 anos. Por ambas partes temos precedentes de mestres e mestras, particularmente, o meu abó, José María Dios Busto, represaliado logo da guerra civil.
Estudiei Maxisterio en Santiago (1973-1976) e entrei a traballar como Mestre por oposición en 1976. Durante a etapa universitaria militei en Larga Marcha, un grupúsculo esquerdista do que gardo moi bos amigos e recordos. Posteriormente fixen a licenciatura en Xeografía e Historia, tamén en Santiago, e realicei os cursos de Doutoramento en Estudios Contemporáneos. Preparei a tese con Xusto Beramendi, O Lume da Nación, pero decidín non presentala, sobre as orixes do sindicalismo nacionalista, no que participei moi activamente pero que agora vexo con moita lonxanía...
 Desde 1976 exercín como docente en diversos colexios (Portomouro, Santa Brígida, nas Palmas de Gran Canaria, desprazado forzoso, logo dunha protesta que gañamos para tódolos que viñeron despois; en Catoira, Trazo e finalmente no IES de Cacheiras), ate que no ano 2013 accedín á xubilación anticipada ós ’60. Estou casado, teño unha filla e unha neta coa que estou, como abó, entusiasmado. Vivo no barrio de San Pedro.
        Durante todo este tempo tiven tres grandes preocupacións (e sobre todo, ocupacións), a educación, o activismo sindical e nos movementos sociais, e o pacifismo.
        Nos anos ’70 e ‘80 participei activamente nos movementos de oposición á Dictadura, no sindicalismo estudiantil, en formacións políticas de esquerda, Información Obreira, Partido do Traballo, e contribuín a crear e consolidar o sindicalismo nacionalista galego, na CXTG primeiro, na Interesindical logo e, finalmente, na CIG, tanto no Ensino como no ámbito Confederal. Fun Secretario Xeral do Sindicato Galego do Ensino e a Investigación da CXTG, e logo formei parte das Executivas da Intersindical Galega (INTG) e da CIG. Tamén participei na constitución da Internacional da Educación (IE) en Estocolmo. Fun membro do Consello Escolar de Galicia e do Consello Escolar do Estado, durante dúas lexislaturas, representando ó profesorado galego.
        A miña última militancia partidaria foi en Esquerda Galega,  a mediados dos anos ’80, e logo co 15M (2011), case que 30 anos despois, sentinme directamente interpelado para axudar a cambiar as vellas formas de facer política polo que decidín volver a militancia partidaria, primeiro no proceso Ben Común, logo na creación do Espazo Ecosocialista Galego e en AGE.
        En Decembro de 1985 promovín e fundei o Seminario Galego de Educación para a Paz (www.sgep.org), do que formo parte e, desde o ano 2000, son o seu Presidente. Como membro do SGEP participei na fundación da Coordinadora Galega de ONGDs, da Coordinadora Galega pola Paz ou da Iniciativa polos Dereitos Humanos, así como no Movemento Internacional de Educación para a Paz (Teachers for Peace), na rede Trascend, no Chamado pola Paz da Haia, ou no Foro Social Mundial (FSM) e no movemento altermundista desde Porto Alegre, especialmente, no Foro Mundial de Educación (FME), do que formo parte, no seu Secretariado Internacional. Xunto con outras organizacións, promovín a constitución e a celebración do I Foro Social Galego en Santiago.
        Como Educador para a Paz fun Vicepresidente da Conferencia Mundial para a Paz, a Sustentabilidade e o Desenvolvemento que co apoio da ONU e da UNESCO tivo lugar en Compostela en 2005 e presidín, nese marco, o Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz coa presencia de varios Premios Nobel da Paz.
        Recibín o PremioFagamos as paces” concedido polo Instituto Internacional Catalán per la Pau da Generalitat de Catalunya polo documental “En son de paz” en 2001.
        Participei de maneira moi activa na redacción do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia e na creación do Observatorio Galego da Convivencia Escolar en 2007, co goberno bipartito.
       Coordinei o ciclo de Diálogos para a Paz e os Diálogos Altermundialistas en 2007 e 2008 e o Foro 2010 con tres congresos internacionais durante o mes de decembro dese ano en Compostela, entre eles, o Foro Mundial de Educación Temático sobre Cultura de Paz.
        Son autor de numerosas Unidades Didácticas, Artigos, Documentais, Libros de Texto, Ensaio, sobre educación e cultura de paz, que poden consultarse na páxina web do SGEP.
        En 2002 recibín o Premio á Promoción de Conductas Tolerantes por unha experiencia educativa co alumnado realizada no CPI de Trazo titulada “Educar para a paz, globalmente
        Son vicepresidente da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, creada en 2010 e que ten como Presidente de Honra a Federico Mayor Zaragoza. Nese ano promovimos tamén a elaboración dun Proxecto de Lei de Fomento da Cultura de Paz de Galicia que presentamos no Parlamento Galego co apoio do propio profesor Mayor e a directora xeral da UNESCO, Irina Bokova. Coa maioría absoluta do PP durme nun caixón...
        En 2011 fun nomeado por Angel Gabilondo membro do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar, no cupo de personalidades de recoñecido prestixio, órgano logo suprimido polo Partido Popular.
        Desde o 2013 presido a Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ), rede que agrupa á practica totalidade dos centros e institutos de educación e de investigación para a paz do Estado.
          Por ningún destes cargos de representación percibín ou percibo remuneración algunha. Vivo e vivín sempre do meu salario como mestre e agora coa pensión de xubilación.
        Na lexislatura da infamia, que está a piques de rematar, entrei a formar parte activa de COMPOSTELA ABERTA participando nas súas asembleas e debates, sendo un dos seus coportavoces. Colaborei na redacción do seu Manifesto Fundacional, dos seus Principios de Funcionamento, e na campaña “Que Concello Queres”, no Código Ético e no Regulamento de Primaria Abertas. Comparto, polo mesmo, os seus obxectivos e a idea de empoderar á cidadanía para auditar e limpar o Concello de podremia e indignidade. Por iso, e para iso, presento a miña candidatura para as Eleccións Municipais de Maio, para axudar a Martiño Noriega a gañar as Eleccións.
       Creo nas Primarias Abertas á Cidadanía, na democracia directa para elexir, para escoller ás mellores persoas, na capacidade da xente para ordenar a lista de candidatos e candidatas, con independencia da súa adscrición, por iso presentei a miña candidatura, libremente, como cidadá, sen paraugas e sen rede, como persoa individual, a mesma fórmula que usei para incorporarme, desde o principio, a COMPOSTELA ABERTA.
       Confío en que, liderados por Martiño Noriega, o día 23 de Marzo, COMPOSTELA ABERTA,proclame, proclamemos, o mellor equipo de goberno para frear ó PP e botalos, democraticamente, do Concello, a facer a súa propia rexeneración democrática, nos bancos da oposición.
        Lembra que para votar, nas Primarias, necesitas inscribirte antes do día 19 en: 
http://compostelaaberta.org/gl/queres-inscribirte-para-votar-nas-primarias/.
         Moitas grazas e adiante!!!.





5 mar 2015

Guerra no Centro Comercial As Cancelas...

   


  Hai moitas maneiras de achegarse á guerra, a calquera delas, particularmente, á II Guerra Mundial, da que estamos a lembrar o 70 Aniversario do seu remate. Podemos facelo como Gervasio Sánchez, o fotoxornalista que é capaz de amosar os rostros das vítimas de tódalas guerras, o espanto; ou como Francis Ford Coppola, o horror, o horror, que di o Coronel Walt Kurtz  no final da película Apocalypse Now e toda a produción cinematográfica antibelicista ou a mesma tradición na pintura, por exemplo.
   Existen outras maneiras de mirar a guerra e a violencia, máis ou menos apoloxéticas, no cinema, nas artes, onde tamén temos unha extraordinaria colección de exemplos, Boinas Verdes ou Rambo, para non ir máis lonxe.
   E mesmo un pode poñer as gafas de non ver, aqueles enfoques que ocultan a realidade das vítimas, o sufrimento, a desesperación, a morte, e fixarse só no espectáculo, nos obxectos de época, unha sorte de ollar con nostalxia, para ver simplemente vehículos, tanques, avións, uniformes, garitas, armas, miniaturas, xoguetes... atrezzo e decorados.
   As fazañas bélicas sempre tiveron moitos seguidores, especialmente no xénero masculino, a fascinación pola guerra, as correaxes, a música militar, os desfiles... Dicía Píndaro, nada menos que cincocentos anos antes de Cristo, que "A guerra é doce para quen non a sufriu, pero quen a coñece sinte un horror extremo tan só con achegarse a ela".
   Todo este preámbulo ven a conto dunha Exposición no Centro Comercial As Cancelas en Santiago de Compostela organizada coa colaboración da Asociación Histórico Cultural "The Royal Green Jackets", con sede en "La Coruña", tal e como figura na súa propia imaxe. O nome desta entidade alude a algún dos rexementos da infantería británica máis coñecidos, os chaquetas verdes, fusileiros e a brigada do rifle.


      Sei ben que o obxectivo da exposición, que sorprende ós clientes do Carrefur e demais tendas das Cancelas, non é educativo, non busca máis que incrementar os visitantes, mellorar as ventas e, de paso, a conta de resultados. Non ten propósito pedagóxico, e si o tivera, desde logo, non sería "Desaprender a guerra" tal e como reivindicaba a profesora Anna Bastida no seu coñecido libro de Educación para a Paz.
   Non me atrevería a cualificala de "apoloxía da guerra e da violencia" pero case. Nas breves descricións que acompañan a cada vehículo, tanque, automóbil, moto con sidecar... pouco máis que as características técnicas e o lugar onde ubicalo, ás veces mesmo con tratamentos frívolos como: "Un poderoso caballito de batalla".  
    Sempre que falamos das violencias, da guerra, ou das outras formas de violencia, facemos fincapé nas vítimas. Nada sen as vítimas. Pois ben, as vítimas da II Guerra Mundial, están ausentes desta Exposición. Parecera como que a memoria das vítimas fose ocultada deliberadamente, como si aqueles vehículos non fosen deseñados para matar, un simple decorado, atrezzo sen máis, obxectos. Chegaba cun simple cadro, aínda que só fose, un como este:


      
   Tamén podemos ver un documental nun espazo máis reservado, un dos moitos documentais sobre a IIGM que reproducen as televisións reiteradamente, non caracterizados, en xeral, polo seu rigor histórico. Arredor da pequena sala, cartazes de cinema sobre o citado conflito bélico, unha serie de películas, a maioría delas claramente apoloxéticas e ningunha da corrente cinematográfica antibelicista, que tamén existe, mesmo no cinema máis comercial.
   Seguro que atraerán clientes. Moitas persoas, en especial homes, afeccionados ás Fazañas Bélicas, ás coleccións militares e ás miniaturas de época aproveitarán para facerse selfies, pero perderemos unha magnífica oportunidade para achegar a auténtica IIGM á cidadanía, as súas causas, as consecuencias, que chegan ate hoxe, e coas vítimas sempre presentes.
   

   Non sei o que custa esta Exposición, sería bo sabelo, e os recursos destinados a familiarizarnos co belicismo, a banalizar sobre a guerra e a violencia, a ignorar o holocausto..., fronte ó que dedicamos a difundir os valores da cultura da paz e os dereitos humanos. 
   Creo que unha exposición destas características sería impensable, por exemplo, durante a guerra de Iraq, coa sociedade en pe berrando "Non á guerra". Hoxe, coa dereita conservadora e cuartelera abusando da súa maioría absoluta, proliferan estas aproximacións. Non sorprende que o alcalde de A Coruña, Carlos Negreira, esteña tan identificado cos seus promotores. Unha mágoa.