Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

30 abr 2011

Unha historia do Brasil

   Veño de coñecer unha historia que merece ser contada, especialmente, para os nenos e as nenas que viven o fútbol con paixón. Non a coñecia e agora a comparto. Contáronma en Sáo Paulo, e os paulistas, como todo o mundo sabe, manteñen unha forte rivalidade cos cariocas de Río de Janeiro, tamén en temas futbolísticos. Sen embargo, non dubidan en recoñecer o mérito dunha equipa rival, o Vasco de Gama, o primeiro en incorporar negros na súa aliñación. Durante anos, no Brasil, e en tantos outros lugares, os negros non podían xogar ó futbol. Ate o punto de que un gran xogador negro do Vasco de Gama, non superon dicirme o nome, antes de cada partido, pintaba o seu corpo e cara con polvo branco de arroz para ocultar a súa negritude. Foi denunciado e o Vasco de Gama apartado da liga profesional mais decidiu promover e organizar unha nova liga, con normas novas, aceptando o dereito dos xogadores negros a formar parte das equipas. Hoxe, na súa camiseta oficial, ademais da insignia do club, ten inscritas varias palabras: "Democracia e Inclussao". E a caron das mans superpostas, en branco e negro, "Respeito e Igualdade". Decidin traerlla a miña filla e, de paso, facerme admirador do Vasco...

15 abr 2011

CONVIVENCIA E PARTICIPACION, POR... LEI

   O vindeiro día 26 de Abril podería aprobarse, por un voto de diferencia, no Parlamento Galego, a Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa. Un texto sobradamente polémico, polo fondo e pola forma, rexeitado maioritariamente no máximo órgano de participación que é o Consello Escolar de Galicia, sen debate previo, sen diálogo, mesmo sen contestar alegacións presentadas por escrito, alomenos as nosas non recibiron nen un comentario de cortesía. Silencio absoluto desde que o pasado mes de Xaneiro as remitimos ó Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, ó Observatorio Galego da Convivencia Escolar e ó Consello Escolar de Galicia, con copia ós colexios e institutos de Galicia así como ós medios de comunicación. Nada.

   Quizais non merezamos contestación. Quizais as nosas reflexións, construtivas e positivas, desde a procura da mellora da convivencia escolar, non teñan valor algún. Quizais a experiencia de tantos anos do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985-2011) non sexa coñecida. Quizais o Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia, vixente na actualidade, no que tanto traballamos, tampouco signifique nada. Quizais o Observatorio Galego da Convivencia Escolar que axudamos a deseñar, silenciado durante dous longos anos, fose unha ilusión.

   Ou será quizáis por todo iso polo que xa se sabe como pensamos.

   Pero o diálogo, o debate franco, a procura de acordos, debera ser, realmente, un obxectivo prioritario cando falamos de convivencia e participación, porque si non é así, poderiamos pensar que nada do que se di, en relación con este asunto, responde á verdade.

   O 26 de Abril, o Parlamento Galego, poderá validar un novo texto legal en materia educativa, terá toda a lexitimidade democrática, aínda que sexa por un voto, mais será -con toda seguridade- ineficaz para mellorar a convivencia e a participación da comunidade educativa. Será unha nova decepción para o profesorado, sobre todo para aquel que dedica tanto esforzo e tanta dedicación a crear clima escolar, cada día e todos os días, a pé de obra, de convivencia e de colaboración na prevención da conflitividade, do maltrato e da violencia entre iguais, docentes entregados a unha causa para a que teñen sobrada autoridade moral.

   ¿Que lles diremos o día 27?

   Como un mantra moitos serán os que repetirán, machaconamente, que a nova lei é necesaria, anovadora, preventiva, froito do diálogo, apoiada por pais e nais, polo profesorado, agás os politizados, que recoñece a autoridade, mellora a convivencia, facilita a participación, un logro para Galicia...

   Sen embargo, na realidade, retrocederemos varios anos, iso si, democraticamente, por un voto.


12 abr 2011

SALGAMOS DA CRISE REDUCINDO O GASTO MILITAR

 
12 de Abril
 
DÍA DE ACCIÓN GLOBAL SOBRE OS GASTOS MILITARES
 
DECLARACION INSTITUCIONAL
 
No mundo morren cada día 35.000 persoas por fame ou falta de atención sanitaria; hai 1.020 millóns de persoas que sofren fame; só en Europa temos 23 millóns de parados (máis de 4 millóns en España) e a metade da humanidade vive con menos de 2 $ ao día.

Para mellorar a vida da humanidade e preservar o planeta, hai que destinar esforzos e recursos a desenvolver unha economía ao servizo das persoas, a que ten como finalidade mellorar a calidade de vida a través da educación, a saúde, o desenvolvemento, a xustiza e os dereitos humanos.

Pero a realidade é que a nivel mundial o gasto militar ascende a 1,55 billóns de dólares (o 2,7% do PIB mundial), o que supón 4.246 millóns de dólares ao día. É máis que posible que estas cifras sexan moi superiores se consideramos o que non declaran os gobernos. Este enorme gasto destínase a manter 21 millóns de soldados (2,5 millóns na Unión Europea, 130.000 dos cales en España) e a adquirir numerosas cantidades de armas (400.000 millóns de dólares anuais).

Con motivo da celebración, mañán 12 de Abril, do Día Mundial de Acción sobre o Gasto Militar, promovida por varias organizacións lideradas pola rede global International Peace Bureau (IPB), queremos sumar a nosa voz á de cidadáns e cidadás de todo o mundo para mostrar o noso desacordo con este desenfreado gasto militar. 

Porque:

. o gasto militar alimenta vellos e novos conflitos armados.

. o gasto militar reforza unha cultura da violencia que é motor e xustificación de violencia e guerras

. hai que terminar cos privilexios do complexo militar-industrial, os únicos que obteñen beneficios deste esaxerado gasto.

. hai que romper coa inercia dominante que basea a seguridade en termos militares mentres menospreza a auténtica seguridade humana fundamentada na protección da saúde, o fomento da educación, un medio ambiente saudable, o acceso á vivenda, un traballo digno e o respecto polos dereitos humanos.

. un mundo en paz, non pasa por máis gasto militar, senón por investir en prevención de conflitos, gobernabilidade democrática e desarmamento.
 
 

Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACION CULTURA DE PAZ
www.sgep.org
Tfno: 981-554053
Rúa do Valiño 13-1º
15703- SANTIAGO DE COMPOSTELA

5 abr 2011

¿Seremos os pacifistas os culpables?


  



Parecera que os pacifistas somos os culpables. Insensibles co sufrimento alleo, aceptamos a matanza de Bengasi. ¡Hai que foderse!. Moita teoría, pero ó final, que os maten. ¡Como sodes!. E logo, ¿o dereito de inxerencia, a axuda humanitaria, os dereitos humanos…? ¿non están por riba da soberanía dos pobos?. Os mortos, os presuntos miles de mortos de Bengasi (nunca ensinados), son moito máis valiosos que os dos Grandes Lagos, os do Congo… onde se contan por millóns os mortos por violencia contra da poboación civil indefensa, desprotexida, abandonada pola Comunidade Internacional a mans de ditadores, traficantes, señores da guerra, mercenarios…¡canto cinismo, canta hipocresía!.
   Opoñéndonos á intervención militar da Coalición de Voluntarios en Libia parecera como que defendemos a Gadafi e ó seu réxime. Para nós, o xeneral Gadafi, nin hoxe nin nunca foi un estadista, un amigo, un actor principal no Mediterráneo, un aliado, a quen vender armas convencionais sen límite algún, aínda que vulnerase os dereitos humanos, torturase e impuxera unha férrea ditadura persoal. Nin cando escribiu o Libro Verde, nin cando recibiu a Fraga, a Aznar, nin cando veu a Madrid con Zapatero e Juan Carlos. Nunca. Polo contrario, apoiamos as revoltas da Primavera Árabe, e en calquera parte do mundo, pola dignidade, a democracia, a xustiza e a liberdade, revolucións pacíficas e nonviolentas, protagonizadas pola xuventude e as redes sociais,  triunfantes en Túnez e en Exipto. Desexamos ferventemente que se estendan polo mundo adiante…
   Estando en contra da guerra opoñédesvos á Resolución 1973 do Consello de Seguridade, que a autoriza e dálle cobertura legal. Non negamos a súa legalidade. Sen embargo, lexitimidade ou xustiza ten menos. O Consello está conformado como en 1945. ¡Xa está ben! Os estados con dereito de veto, cinco, son precisamente os principais vendedores de armamento no mundo. Algúns deles, xuíces e parte no conflito libio, con intereses directos de petróleo e gas como é o caso de Francia ou Reino Unido. Quizais por aquí habería que buscar a explicación do repentino fervor intervencionista de Sarkosy e de Cameron, ou o de Berlusconi ou Zapatero (Libia é o segundo provedor de petróleo e gas de España). Ademais, a Resolución, como podemos observar, está sendo violentada desde o primeiro día. A intervención non se limita á exclusión aérea e ó bloqueo naval senón que actúa tamén contra da poboación civil, carros de combate e posicións gadafistas actuando como un auténtico brazo armado do Consello Nacional Libio recoñecido por algúns países. Desde logo, de ningunha maneira autoriza armar á poboación de Bengasi, derrocar ó réxime ou partir Libia en dúas metades, a Cirenaica rebelde (moi rica en petróleo e gas) e a Tripolitana pro-Gadafi.
   Berrar ¡non á guerra! é moi fácil, pero para facer unha tortilla hai que escachar os ovos. Sodes uns inxenuos. Bos rapaces, paz e amor, pero tedes que madurar. A nonviolencia está ben. Pero en casos como este, non hai que pasarse nas posturas non intervencionistas. ¡Xa vale!.
   A lóxica do mal menor é moi perigosa. Desde esta perspectiva, a tortura estaría xustificada si salva vidas, por exemplo, ou liquidar a un grupo de asasinos de ETA reunidos nun lugar coñecido pola policía, como alguén suxeriu nalgún momento, tamén.
   As guerras sempre sabemos como empezan mais nunca como acaban. Donald Runsfield dixo en 2003, a preguntas dos periodistas, sobre canto tempo estarían en Irak: "Máis de 5 días, máis de cinco semanas pero en ningún caso máis alá de cinco meses". Pasa xa de oito anos… Todas as intervencións militares queren ser cirúrxicas, rápidas, baratas, sen danos colaterais, sen embargo, sabémolo ben, son espantosas, caras (1 millón de € por día a participación española), con moita destrución, mortos, feridos, desprazados, horror a mans cheas, nada parecido a unha Odisea ó Mencer.
   Para rematar, a guerra, as guerras, reforzan e consolidan a cultura da violencia fronte da Cultura da Paz. Son o fracaso da política e da diplomacia. Promoven o militarismo, a lei do máis forte, a imposición, o músculo, o armamentismo, a lóxica militar, e debilitan a arte da política e da xestión diplomática, a forza da palabra, o sentido común.
   Antes de falar de guerras humanitarias deberiamos empezar por proclamar a necesidade de cambios profundos na orde internacional política, iso que chamamos a gobernanza planetaria, a gobernabilidade democrática, a xustiza e o dereito internacional, os dereitos humanos como eixes centrais, reforzando o Tribunal Penal Internacional en lugar de boicotealo, ou unhas Nacións Unidas reformadas radicalmente, democráticas, sen dereitos de veto, alonxadas da plutocracia actual dos G5, G10 ou G20. Avanzando cara unha nova orde económica internacional, cambiando as prioridades, reducindo as asimetrías, cumprindo os Obxectivos do Milenio, controlando efectivamente o comercio de armas, favorecendo o desarmamento e impulsando a resolución pacífica dos conflitos por medio da prevención, da mediación, da cultura da paz e a nonviolencia.
   Por iso, para nós, o ¡non á guerra! ten toda a súa vixencia.

1 abr 2011

Cita mediadora en Fisterra, no IES Fin do Camiño...

   No IES Fin do Camiño de Fisterra, un centro que dirixe e dinamiza un equipo moi activo, con Xabier García na coordinación, ven de organizar unha magnífica reunión de 15 institutos galegos que contan con equipos de mediación e tratamento de conflitos, nunha sesión, hoxe, venres, con expertos, boas experiencias, mellores práticas, na que participan alumnos e alumnas mediadores e profesorado.

   Os organizadores son o IES anfitrión e o de Ortigueira, coa colaboración da asociación comarcal Neria. Alí estaban, nun día excepcional, representantes dalgúns dos centros educativos galegos que máis e mellor traballan na educación para a convivencia, na resolución pacífica de conflitos, na cultura da paz. Algúns desde hai xa moitos anos. Con varios premios á súa meritoria labor.

   O máis sorprendente da iniciativa é que xurde da propia realidade escolar, dos propios centros, dos equipos de profesores e profesoras que están a pé de obra, cada día e todos os días, co seu alumnado, tentando mellorar a convivencia, buscando transformar os conflitos, por medio da palabra, do acordo, da negociación, de forma positiva, educadora. Unha proba de que existen experiencias moi relevantes, pouco coñecidas, para as que os medios, en xeral, non reservan columna algunha, mais que existen, amosando, para quen quera velo, que a convivencia é maioritaria, que os institutos non son territorio comanche, que resolven razonablemente ben os seus problemas, moitas veces sen axudas, sen respaldo institucional algún, creando un clima escolar cooperativo, pacífico, dialogante, con confianza, sobre os afectos e os sentimentos, os mellores antídotos contra das violencias.

   No acto inaugural non houbo representación algunha da Consellería de Educación, a ningún nivel. Chama a atención que unha experiencia tan importante, que xurde da propia prática educativa, do bo funcionamento dos seus respectivos plans de convivencia escolar, non sexa valorada e respaldada, polas autoridades educativas.

   Dificil crer que o diálogo, a crítica constructiva, as alegacións positivas ó Anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa, son un obxectivo. Mesmo que a intención de dotar ó profesorado galego dunha lei de "autoridade" sexa algo real.

   En Fisterra, no fin do Camiño, hoxe estaban unha boa representación dos centros que mellor traballan a convivencia escolar en Galicia. Son profesores e profesoras con autoridade sobrada, con autorictas, e un alumnado activo, participativo, entusiasta co seu papel mediador, conscientes, ambos, de que están a facer convivencia, compatir vivencias xuntos, no final da terra, con ilusión, con ánimo, caladamente, por iso merecen o noso aplauso e noso apoio, porque o merecen sobradamente.

   Moitos, todos os parabens.  E moitas grazas.