Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

26 feb. 2012

Un Espazo Ecogaleguista para toda a sociedade...



SAÚDO E BENVIDA NO ACTO DE ESPAZO ECOGALEGUISTA
25.02.12


       Síntome especialmente honrado e agradecido por escollerme para saudar e dar a benvida a todas as persoas de ben que estades hoxe aquí para botar a andar o ESPAZO ECOGALEGUISTA.

       O fago con cariño, con ilusión, e cos mellores desexos de ánimo e de éxito nesta difícil andaina que comeza, como toda grande camiñada, cun primeiro paso.

       Non é fácil significarse nestes tempos escuros pero, sen dúbida, resulta non só necesario senón imprescindible. Estamos fartos de silencios. Por iso, os máis sinceros parabéns ás persoas que deches o paso, sempre delicado, de aparecer publicamente como promotores e promotoras desta modesta iniciativa. E a todas aquelas que quixeches acompañarnos hoxe aquí, en Compostela. Moitas grazas.

       A verdade é que non sei moi ben por que pensaches en min para facer esta primeira intervención introductoria, de benvida e de saúdo.

       Quizais pola miña traxectoria política, aínda que non é moi distinta á de tantas persoas da miña xeración. Poden variar os momentos e mesmo as siglas, pero chegamos á política por imperativo cívico, na loita antifranquista, pola democracia e as liberdades, sobre todo. E iso, por moito tempo, era e foi a esquerda transformadora, política e social. Sentímonos certamente orgullosos daquela herdanza aínda que non tanto dos resultados, sendo moi importantes, arrastran eivas.

No meu caso, primeiro no movemento estudantil, en Larga Marcha, por certo, nunha ocasión vin unha pintada que poñía, en Ramírez, “Vuelve Larga Marcha” e doume un palpito. Logo sorrín tranquilo. Eu non a pintara...

    Logo en Información Obreira, en Vigo, para ter, posteriormente, un papel moi activo no Partido do Traballo, na UPG (un ano), e en Esquerda Galega, a miña última militancia política.

       Quizais pensaches en min polo meu pasado sindical, como dicía, no movemento estudantil, nos Comités de Curso, primeiro, e logo no nacemento do sindicalismo nacionalista galego, ¡tan difícil, tan custoso!, ¡tan ilusionante!. De maneira moi destacada, como sabedes moitos, na CXTG e na CIG, tanto no ensino como a nivel confederal, ata mediados dos anos ’90, en que definitivamente o deixei, en verdade, moi canso, esgotado, diría.

       Ou quizais algúns valoredes o meu traballo no movemento pacifista, coa fundación e desenvolvemento do Seminario Galego de Educación para a Paz e o seu papel na Coordinadora Galega pola Paz e noutros movementos sociais, particularmente, no Foro Social Galego ou no Foro Mundial de Educación, adscrito, como sabedes, ó Foro Social Mundial, a expresión máis recoñecible do “Outro mundo posible” que soñamos.

       A verdade é que non o sei moi ben por que teño eu que abrir este acto. Quizais por todo a un tempo.

       Ou simplemente porque non había outro, pola idade, porque un xa perdeu o pelo nisto, ou... ¡que sei eu!, por ser picheleiro de pura cepa, de aquí ó lado, da Rúa da Troia.

       En calquera caso, permitídeme que volo agradeza e que en nome da Comisión Promotora do Espazo Ecogaleguista, traslade a todas e todos este mesmo agradecemento e os mellores desexos de que teñamos unha boa xornada, chea de lucidez, de rigor, de esperanza, para sentar as bases dun proxecto que permita, e nos permita a moitos e a moitas, recuperar a ilusión e a paixón pola POLÍTICA con maiúsculas.

       Compartimos un profundo amor por Galicia, pola súa xente, pola nosa lingua e cultura, por iso, reivindicámonos galeguistas e do galeguismo, conectamos firmemente con aquel pensamento e tradición política, fortemente transformador e anovador na súa época, e defendemos un galeguismo para o século XXI, por iso autoproclamámonos neogaleguistas.

       E temos o corazón na esquerda, non o acochamos, ese é o noso centro de gravidade, son sentimos vergoña en proclamalo, desa tradición vimos e nela queremos estar. Iso si, con vocación maioritaria, non testemuñal, galega e internacional, coas raíces nesta terra e neste tempo, coas ponlas, as follas e os froitos, abertos ó mundo enteiro. Na esquerda actuante, transformadora, crítica, asentada nos movementos sociais, en máxico equilibrio con eles, acción social, e acción institucional, integrada nos novos e nos novísimos movementos sociais, no feminismo, no ecoloxismo, no pacifismo, e no 15 M, na demanda dunha democracia xenuína, onde a xente conte, non só sexa contada, cada catro anos, actuando, intervindo, sen paternalismos, sen instrumentalizacións, radicalmente, na profundación democrática.

       Desde a Cultura da Paz e a NonViolencia, na defensa dos dereitos civís e democráticos, do republicanismo e a laicidade. Porque a Cultura da Paz non é só educar para a paz, os dereitos humanos e a democracia, o que en si mesmo é un auténtico programa político, senón tamén a superación da exclusión e a pobreza, o diálogo intercultural, a prevención da paz e a resolución pacífica dos conflitos, a construción dunha auténtica convivencia democrática.

       Non queremos ser un partido tradicional, non nos valen as ferramentas clásicas. Compartimos tamén un profundo desencanto co existente mais pretendemos sumar, para multiplicar, e non restar. Queremos facer políticas transversais, non tanxenciais á nosa sociedade, sen fundamentalismos, axudar, facilitar, favorecer, acordos amplos e consensos, alternativas plurais, abertas, anovadoras, xuntar para ser efectivos, para recuperar a esperanza e a ilusión de tantos desafectos. Con todos, contra ninguén. O noso adversario político, o noso único adversario político é a dereita e os seus modelos autoritarios e retrógrados, regresivos no económico e nos dereitos sociais, profundamente antigalegos. Á dereita política é a quen temos que vencer politicamente, convencendo ó electorado, á maioría da sociedade galega, por iso non chega cun decálogo magnífico de obxectivos políticos. Temos que ser quen de encher cada punto do decálogo con medidas políticas concretas que conecten co sentir maioritario da nosa poboación. Ese é o noso maior desafío.

       O Espazo Ecogaleguista ten vocación unificadora, para iso nacemos, como parte integrante da Iniciativa Ben Común, con quen compartimos obxectivos de renovación, con eles, e con outras formacións  e persoas, compartimos  actividade social, e con todos queremos confluír.

A este proxecto vimos adicando esforzos nos últimos tempos, con esa finalidade estivemos a facer presentacións nas comarcas, para iso nace Espazo Ecogaleguista, para tender pontes, para desfacer muros e valados, desde a esquerda, desde o galeguismo, cos movementos sociais, para toda a sociedade.

Quixerea rematar cunha historia, desas que contamos de cando en vez. Nunha reunión con persoas moi doctas, catedráticos a maioría, hai tempo, tentabamos explicar a importancia da colaboración, da interdisciplinariedade, das equipas, do traballo cooperativo. De repende unha voz poderosa dixo “Nunca se víu a un aguia real voar en bandada”... anímovos a soñar co poder das aguias reais se voasen en bandada.

       Benvidos, benvidas, e bo traballo.



15 feb. 2012

Algo se move en Galicia, e non é chapapote..





   Algo empeza a moverse en Galicia. E por sorte non é chapapote. Refírome ó ámbito político e partidario. Durante moitos anos, quizais demasiados, o panorama político galego, sobre todo o máis recente, estaba blindado (por non dicir bloqueado) en tres únicas opcións, o Partido Popular, o PSOE e o BNG. A condición do 5% mínimo para acceder ó Parlamento era, sen dúbida, un elemento disuasorio de primeira magnitude para calquera que tivera algunha esperanza. Esa era, entre outras razóns, a explicación da ausencia de forzas políticas existentes noutras partes do Estado.

   O nacionalismo galego articulouse, desde 1982, nunha chamada Casa Común, unha fronte política, o BNG, na que convivían, non sen tensións, diversas formacións moi heteroxéneas, tanto na esquerda como nos diferentes graos de galeguismo que profesaban, independentistas, soberanistas, federalistas, con comunistas, socialistas, socialdemócratas, centristas, todos baixo o paraugas dunha mesma marca electoral.

   A historia do nacionalismo político, desde a transición, é un rosario de confrontacións, abandonos, escisións, rupturas e unificacións, que tiveron o seu espello no mundo sindical, cultural, ecoloxista, etc. con maior ou menor virulencia, ata o punto de que podemos afirmar que non houbo acougo naquela casa, como nas mellores familias. Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras, Anxo Quintana, Paco Rodríguez... son só algúns exemplos de líderes agora xuntos, agora revoltos, grandes personalidades, con carisma diferente e apoio diverso, ó longo do tempo, dentro ou fora do proxecto común.

   Por diante deles, por tras ou ó lado, grandes cantidades de persoas foron abandonando un fogar que se foi facendo cada día máis irrespirable. Nos últimos anos, ademais, o electorado foi plenamente consciente desta realidade e tamén dou as costas, progresivamente, ó BNG, de maneira moi evidente, por parte da mocidade, sector social que tradicionalmente estaba identificado co proxecto. O 15 M foi, para quen quixo velo, un cambio de ciclo definitivo.

   Agora, logo da XIII Asemblea, que mal número, o BNG rompe en varios anacos. Por unha banda, Esquerda Nacionalista. Pola outra, Encontro Irmandiño, a corrente liderada por Xosé Manuel Beiras. E + Galiza, que lidera Carlos Aymerich o decidirá en Marzo. PNG e outras correntes están en trámites. A UPG, un partido de corte stalinista, maioritario no BNG, podería quedarse coa casa para sempre e administrala ó seu antollo, como xa facía, agora en soidade.

   Paralelamente, os movementos sociais galegos, moi febles, tamén están a moverse. Sectores aglutinados na Iniciativa Ben Común e os Ecogaleguistas andan a promover un proxecto anovador, coa vista posta no movemento 15M, en Equo, en EU, nas mesas de converxentes e outras forzas minoritarias para participar, nas próximas autonómicas, adiantadas posiblemente, nunha coalición electoral o máis ampla posible, con ou sen o BNG, que con seguridade, dirá que non.

   Veñen meses de moita actividade política, de conversa e negociación, de construción, de traballo a pe de obra, de confluencia e de ilusión, para moitas persoas que estaban case que resignadas a que nada se movera neste vello país. Mais, sen embargo, móvese. Xa era hora.

7 feb. 2012

Da hipocresía e do cinismo políticos




                              

                               Cando a hipocresía comeza a ser de moi mala calidade, 
é hora de dicir a verdade.
Bertolt Brecht


   Vivimos tempos de hipocresía e de cinismo político. Cando é constante, a diario, perde calidade. Nótase. O público cacha a trola. Ve a contradición entre o que se di e o que se fai. Con todo, moitos políticos insisten. Basta ver unha cámara ou un micro para largar sen contemplacións. Continuas leccións de moralidade, recomendacións, chamamentos... iso si, polo noso ben. Apelacións constantes á responsabilidade, claro, dos demais. 

   Noam Chomsky sostén que este é un dos males centrais da nosa sociedade. Un hipócrita é unha persoa que acocha, con mellor ou peor fortuna, as súas verdadeiras intencións. Cando vai unida ó cinismo, é dicir, á falla de vergoña á hora de mentir, sen parpadexar, estamos diante dun cara lavada. Un modelo de individuo (ou individua) que fala e fala sen que lle suban as cores, artistas da simulación e do disimulo, mestres da dobre moral. O mesmo Xesús de Nazaret cualificou ós escribas e fariseos de hipócritas.

   O concepto de cínico cambiou moito co paso do tempo. En orixe, a escola cínica, a que fundaron algúns discípulos de Sócrates no século IV a.C, recibiu aquela denominación de forma despectiva, polo seu modo e maneira de vivir, xa que desprezaban as riquezas e os bens materiais. Hoxe, un cínico, pouco ten que ver con aqueles da Grecia clásica. En realidade, o cinismo actual no que non cre é na bondade e na sinceridade da maioría dos seres humanos. 

   Na actualidade podemos escoitar a unha persoa, con mantilla ou sen ela, con varios postos e salarios, non menores por certo, pedir austeridade ós demais, esixirlles solidariedade para saír dunha crise herdada, resignación para aceptar os recortes, acusalos de vivir por riba das súas posibilidades, de gastar máis do que ingresan, de ser uns privilexiados por ter un traballo fixo, decretar que as baixas deixen de pagarse nos primeiros 21 días, e lindezas similares. En definitiva, dureza cos máis febles, traballadores, funcionariado e clases medias, e comprensión e apoio ós poderosos, cos principais responsables da crise, da corrupción e do saqueo sen fin das arcas públicas.

   Falan de reformas estruturais, laborais, económicas, de reformismo, de cambio, ata encher a boca, con autoridade, sen mover un músculo, mentres que o que en realidade buscan é retroceder, deconstruír, está máis de moda, ata desmontar o Estado de Medioestar, aínda que sexa a machadas, iso si, necesarias, imprescindibles, inevitables.

   Adalides da liberdade, de empresa claro, adoradores dos sacrosantos mercados, partidarios do casino financieiro, da ausencia de normas e de controis, dos pelotazos, dos desaloxos, da exclusión dos sobrantes, da sociedade dividida, porque ¡aínda hai clases!.

   Os que adoutrinan a diario, os que mellor pratican a loita ideolóxica nestes tempos escuros, os que impoñen a súa moralidade privada, de seita, os idearios, os que queren retirarnos da nosa condición de cidadáns e facernos outra vez súbditos, por amedrentamento, culture of fear, son os mesmos que renegan da cidadanía e dos dereitos humanos, os que propiciaron a obxección e a desobediencia civil, os que dobregan a súa dignidade diante das sotanas e dos campanarios.

   E retroceden, regresan ó pasado, a zancadas, con paso firme e decidido, pretas as filas, na condición da muller, na igualdade, nos dereitos civís, nos anticonceptivos, no aborto, en relación coas minorías, coa inmigración, sen desemulo, alentando a xenofobia e o racismo, ¡vista a la derecha!. E na lei de costas, construíndo muros e balados...e...

   E o fan con maioría absoluta, democraticamente, por condición natural, ¡nacidos para mandar!. Amos.

   P.D.
Si perden dous puntos de apoio por mes, antes dun ano, deberían caer no anonimato. 

Sen embargo, vivimos tempos de hipocresía e de cinismo.


   

   



   

1 feb. 2012

CIDADANÍA vs CIVICA





        Parece que estamos condenados –irremisiblemente- a vivir reformas (ou contrareformas) educativas cada vez que se produce un cambio de goberno. Nisto somos únicos. Con acordo ou sen el, poñemos todo patas arriba: contidos, organización, obxectivos, materias, denominacións, estrutura... ¡cada dous anos e medio!. Unha cifra de marca. Resulta difícil atopar algo similar no mundo. Refírome a unha media aproximada desde que aprobamos a Constitución de 1978. Parece delirante. Unha maquinación para tolear ó alumnado, pais e nais, profesorado, en definitiva, a toda a comunidade educativa.
        José Ignacio Wert, o novo ministro de educación, non quere pasar por menos. Aínda que non presenta unha lei nova de reforma educativa, na practica, estamos diante de cambios substanciais que afectarán de maneira profunda a todo o sistema.
        Non quero agora analizar as reformas anunciadas polo ministro na Comisión de Educación do Congreso dos Deputados. Tempo haberá. Limitareime a facer algunhas reflexións sobre a decisión de substituír a materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos por unha Educación Cívica e Constitucional.
        Sabíamos das intencións do PP. Foi un cabalo de batalla, antes durante e despois de aprobarse a súa implantación en 2006. Nas anteriores eleccións e nas últimas, Mariano Rajoy anunciou reiteradamente que a suprimiría. Iso era o que demandaban os sectores máis integristas, a súa desaparición pura e dura. Sen alternativa. Paulatinamente empezaron a escoitarse voces, bastante tímidas, de substituíla por unha materia menos “problemática”, máis “neutral”, menos “controvertida”.
        Pola súa procedencia, a socioloxía, polos seus estudios de opinión e os comentarios manifestados en diversos medios, Wert non parecía un integrista. E tirou pola vía da substitución. Si escoitamos ós que aplauden coas orellas veremos cales son os intereses que se acochan detrás da decisión. Algúns, os máis extremos, a xerarquía eclesiástica, as asociacións católicas, os sindicatos dereitistas, estaban pola supresión, sen máis miramento. Eran partidarios de dedicar eses tempos de relativismo moral e “doutrina socialista” ás matemáticas ou ás linguas, que falta fan...
        Nin uns nin outros pensan, por exemplo, no horario da relixión adoutrinadora cando suspiran por un mellor aproveitamento lectivo...
        A idea dunha materia como a anunciada, Educación Cívica e Constitucional, neutra, aséptica, despoxada de controversias, non é nova. Trátase, en definitiva, de retirar o que os centros concertados  relixiosos xa adaptaran ó seu ideario, é dicir, os modelos familiares, a pluralidade social, diversidade, dereitos das mulleres, igualdade, minorías, dereitos humanos, maneiras de vivir, e todo aquilo relacionado coas relacións interpersoais, sexualidade, anticonceptivos e demais asuntos da entreperna, que tanto preocupan a algúns.
        Á espera de coñecer con exactitude os contidos concretos, polo avanzado, os novos contidos serían temas xa abordados nas materias de sociedade, sobre todo, historia europea e valores constitucionais. Como anunciou o propio ministro, lonxe de  calquera tentación de adoutrinamento ideolóxico.
        A Conferencia Episcopal, a principal opositora á Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, xunto cos sectores máis ultracentristas, apresuráronse a aplaudir a decisión. Os mesmos que adoutrinan a diario, dentro e fora da escola, concertada ou non, os que añoran a imposición dos seus propios valores morais privados a todos, os que promoveron unha auténtica cruzada mediática e mobilizadora contra Cidadanía, os obxectores, aqueles que predicaron mesmo a desobediencia civil, están hoxe de parabéns. As súas teses e o seu apoio vese agora ben recompensado.
        Tal e como teño comentado e escrito[1], nesta cuestión, como noutras, somos unha auténtica anomalía histórica. A intolerancia está tan alentada desde institucións relixiosas e políticas que mesmo ignoramos as recomendacións internacionais que asinamos, do Consello de Europa, da UE, da UNESCO, da ONU, en relación coa cidadanía democrática e os dereitos humanos desde hai xa moitos anos.
        Federico Mayor Zaragoza afirma que “a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz”. Si excluímos os asuntos “controvertidos”, “problemáticos” da escola, estaremos anulando a capacidade crítica do alumnado. Ou acaso a democracia, a paz, a dignidade, a desigualdade, a inxustiza, a non discriminación, a liberdade... non son temas controvertidos?. E si nos referimos ás actitudes, ós valores, ou ás normas ?.
        Si por adoutrinamento  entendemos o conxunto de medidas e de prácticas educativas, e de propaganda, usadas polas elites sociais dominantes como medio de control social[2], as reformas, mellor dito, as contrareformas, anunciadas por José Ignacio Wert, particularmente, a supresión da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos para substituíla por unha Educación Cívica e Constitucional “neutra” ten, tamén, unha clara intencionalidade ideolóxica xa que, baixo unha aparencia de neutralidade educativa, acóchase sempre un código ético, explícito ou non. Do que se trata é de saber si ese código que sustenta ese modelo educativo é o mínimo común denominador para convivir en democracia, as virtudes cívicas, ou se trata, polo contrario, dun código moral privado de crenzas, costumes e tradicións a impoñer ó conxunto da sociedade.


[1] Vid. Dios Diz., M. (2010): La paz como cultura: fontes e recursos dunha pedagoxía para a paz. Editorial Milenio, Lleida.
[2] Vid. Wikipedia.