Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

24 dic 2011

Paz para principiantes...




        As festas do Nadal son, sen dúbida, o momento do ano no que máis felicitacións e desexos de paz damos e recibimos. As postais, en formato papel (cada vez menos) ou a modo virtual (en aumento exponencial) enchen os nosos buzóns con chamamentos ó entendemento e á concordia, paz e ben, noite de paz, paz para o mundo, paz e amor, espírito navideño... e silent night cántase en case que todas as linguas. 


       De feito esta canción protagonizou a tregua bélica máis famosa da historia, a do Nadal de 1914, na Grande Guerra, así chamada cando aínda non era necesario numeralas... Aquela noite, un soldado alemán, tenor, empezou a cantar desde a súa trincheira Stille Nacht, reilige Nacht. Inmediatamente o acompañou na noite o son emocionado dunha gaita escocesa e con eles todas as trincheiras da fronte, diante da perplexidade dos mandos que non daban creto. Era un milagre, a milagre do Nadal, e colocaron abetos iluminados, e apertáronse os uns cos outros, e a paz brillou, por un instante.

        Hai uns días, o pasado 10 de Decembro, celebramos o Día Internacional dos Dereitos Humanos, no Aniversario da Declaración Universal de 1948, unha data que, por desgraza, en cambio, pasa case como sen pena nin gloria. Non merece tratamento mediático relevante, as forzas políticas e sindicais tampouco a teñen, con carácter xeral, entre as súas preferencias e, para moitas ONGs, agás excepcións significativas como Amnistía Internacional, este día tampouco figura destacada na súa axenda.

        Entre o 10 de Decembro, día dos dereitos humanos, e o 30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz, aniversario da morte de Gandhi, transcorren practicamente dous meses, aqueles nos que colexios e institutos, dedican máis tempo a reflexionar, debater, celebrar, actividades relacionadas coa paz e os dereitos humanos, Nadal por medio, principal época das mellores intencións do ano.

        Ben sei que na misa os cristiáns desexan a paz, os musulmáns din salam e os xudeus, salom, aínda que logo, nas súas vidas, esquezan, esquezamos, con moita frecuencia, aqueles compromisos.

        Como José María Toro, cando visito os centros educativos, aproveito para preguntarlle ós cativos, ¿onde está a paz?. En moitas ocasións sinalan co dedo un mural, unha foto, unhas pombas brancas colgadas nos corredores, e din: alí. Cando pasa isto sempre penso, como tantos profes, que en vez de celebrar o Día Escolar pola Paz teriamos que preguntarnos por que non conmemoramos a paz de todos os días...

        Pero, ¿Onde está a paz?. Acostumo a suxerirlle ós rapaces e rapazas que a paz existe, que predomina no mundo, aínda que non o pareza, que temos que buscala, antes que en ningún outro lugar, no corazón das persoas de ben, que son a maioría, pero sobre todo temos que atopala dentro do noso propio corazón, ó igual que os demos. Así o pensaba o Mahatma Gandhi cando afirmaba “Os únicos demos que existen no mundo son aqueles que habitan dentro do noso propio corazón”. Ben e mal levámolos con nós, uns dentro e outros tamén por fora. Paz e violencia, amor e odio, egoísmo e solidariedade..., as dúas caras dunha mesma moeda. Que trunfe unha sobre outra, non podemos atribuilo á sorte, ó destino ou as circunstancias.

       Eu, como Vicent Martínez Guzmán, sempre prefiro falar de paces, así, en plural, porque a paz en singular resulta máis abstracta, máis incomprensible, máis lonxana. As paces son múltiples, dinámicas. Por iso gusto de recuperar aquela expresión que, cando nenos, dicíamos, fagamos as paces.

       Hoxe, por desgraza, non haberá tregua. Nin mañán, nin pasado. As guerras tampouco son xa o que eran. Agora non hai frontes, nin trincheiras, nin un tenor alemán e un gaiteiro escocés para animarnos a entoar un enxordecedor “Noite de Paz”.

        Sería o noso mellor desexo para estas noites de Nadal.

        

        

22 dic 2011

O Centro Internacional pola Paz en Herbón terá que esperar...


Acto de sinatura dos acordos no Mosteiro de Santo Antonio de Herbón (Padrón)


        A finais do ano 2008, é dicir, vai xa para tres anos, concibimos un proxecto ó que dedicamos, desde aquela, moitísimos esforzos persoais e tamén moitos recursos materiais. Tratábase de crear, no Mosteiro de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, un Centro Internacional pola Paz.
       
        O denominamos Lar da Paz, e estaría no marco dun espazo magnífico, de 48.000 metros cadrados, á beira do Río Ulla, na súa desembocadura, dentro dun monumento orixinal do século XIV, parcialmente abandonado e necesitado de urxente rehabilitación, habitado na actualidade por tres frades presididos polo seu Prior, D. Roberto Freire, moi entusiasta e comprometido coa dinamización, utilidade, apertura e posta en valor do convento.

        A idea xurdira polo coñecemento da experiencia de Baketik, o Centro pola Paz de Arántzazu, en Euskadi, ubicado, tamén, nun espazo franciscano, como Asís, e presidido polo bo amigo Jonan Fernández. Con el conversamos, alí estivemos, vendo a súa realidade e funcionamento. E concibimos con el a posibilidade dun proxecto similar en Galicia.

        Iniciamos as conversas co prior de Herbón, expuxémoslle o proxecto, entusiasmouse con el. Coincidiría, ademais, con outras iniciativas xa en marcha en Herbón, cunha entidade de agricultura ecolóxica, Sementar; con Viravolta, e o seu proxecto de crear unha Casa de Acollida para nenos en situación de risco de exclusión social, e coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago que pretendía construír un albergue de peregrinos e un Centro de Estudios Xacobeos. Tratábase, polo tanto, dun proxecto integral, de carácter plural, complementario e de enorme interese, académico, social, ambiental e cultural.

        As conversas do Seminario Galego de Educación para a Paz coa Orde Franciscana frutificaron nun Acordo, asinado por nós, pola Fundación Cultura de Paz que preside D. Federico Mayor Zaragoza, o Padre Amado, en representación dos propietarios dos espazos e a Fundación Convento de Herbón, o 23 de Decembro de 2009. Por ese acordo, cedíanse aproximadamente 1070 metros cadrados para o Centro Internacional pola Paz, por un tempo de 20 anos ampliables, para poñer en marcha un proxecto  formativo e investigador, con Salón de Actos, Sa de Exposicións Permanente, aulas, despachos, biblioteca e videoteca, onde tería unha sede externa a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC creada o pasado mes de Decembro e mesmo un Centro UNESCO de Galicia, en proceso de constitución.

        Sobre esta base propuxémoslle ó arquitecto Pedro de Llano a elaboración dun Proxecto Básico de rehabilitación dos espazos moi na liña do realizado por el no Consello da Cultura Galega, no Pazo de Raxoi. O traballo feito, fantástico, figura na nosa web, e presentámosllo a diversas institucións públicas e privadas, tanto de Galicia como do Estado, co fin de acadar a financiación necesaria. O proxecto arquitectónico completouse cun amplo modelo de funcionamento e de contidos que tamén demos a coñecer publicamente.
        
          Todo ía sobre rodas. Mesmo algunhas institucións, nomeadamente o Mº de Fomento, con cargo ó seu programa do 1% cultural, mostrou o máximo interese, nunha entrevista que mantivemos, Federico Mayor e eu mesmo en Madrid. Iso si, puxéronnos varios deberes. En primeiro lugar, conseguir para Herbón, a incoación do expediente de Ben de Interese Cultural por parte da Xunta de Galicia, en Patrimonio, condición previa para poder presentar o proxecto ó financiamento do 1% cultural.

        E o fixemos, nun prazo especialmente curto, coa colaboración e apoio do Director Xeral de Patrimonio, o Sr. Rey Pichel e o da súa Subdirectora, Dª María Diz. Ambos comprometéronse desde o primeiro momento cun proxecto que consideraron do máximo interese, para nós, para Herbón e para Galicia e a súa cultura. Na actualidade, logo da preceptiva publicación no DOG, o expediente BIC segue o seu curso, do cal estamos particularmente orgullosos.

        Desta maneira, Fomento aceptou a solicitude. Mesmo comprometeu o seu financiamento polo 75% do total da obra de rehabilitación, 700.000€, nada menos. Ata o punto de que o Secretario Xeral de Relacións Institucionais e Coordinación do Mº de Fomento, D. Fernando Puig de la Bellacasa, veu a Herbón, coñeceu persoalmente os espazos, apoiou a iniciativa do Lar da Paz e asegurou que antes de rematar o ano 2011, o proxecto estaría aprobado nos termos comprometidos para a aplicación do 1% cultural, con dúas únicas condicións. Por unha banda, que o Mosteiro de Herbón solicitara a integración no Plan Nacional de Monasterios, Abadías y Conventos do Mº de Cultura. E, pola outra, que o Concello de Padrón, actuara como entidade pública intermediara entre a Orde Franciscana e o Seminario Galego de Educación para a Paz, ambas privadas.

        Previamente, o arquitecto, Pedro de Llano tiña que presentar o Proxecto de Execución Final da obra. E así o fixemos, moi apurados polos prazos, e por un valor total de 28.345€. Toda a documentación, a requirida por Fomento, a entreguei persoalmente en Madrid o día 23 de Outubro pasado.

        Faltaban as dúas condicións postas por Fomento para aplicar o 1% cultural a Herbón. Aquelas que tiña que aceptar a Orde Franciscana. Como dixemos, a entrada no Plan Nacional de Mosteiros e a intermediación dunha entidade pública como o Concello de Padrón.

        Ata o último minuto o Mº de Fomento esperou o cumprimento destas dúas condicións. En diversas ocasións, durante os últimos dous meses, D. Fernando Puig falou comigo e con Federico Mayor Zaragoza reclamando as dúas condicións citadas, tamén por escrito.

        Non foi posible. A Orde Franciscana, o seu goberno presidido polo Padre Castiñeira, non aceptou, finalmente, o cumprimento das dúas condicións anteriores. De pouco serviron as cartas que, a última hora, remitimos tanto eu como Federico Mayor ó provincial. En consecuencia, a única posibilidade existente de financiar a rehabilitación de Herbón, alomenos dos espazos do Lar da Paz, esfumouse completamente, cos 700.000€ comprometidos, xunto cos anos de traballo e os gastos ocasionados durante todo este laborioso proceso.

        Sinceramente, ninguén entende o acontecido. Algúns pensan que existe unha maldición sobre Herbón, pois cando todo parece indicar que vai adiante un proxecto de rehabilitación e recuperación, de posta en valor dos espazos, no último segundo, trúncase. Outros consideran que alguén, con gran poder de influencia, sementou sombras de dúbida e desconfianza para que o proxecto non frutificase. Mesmo fálase de presións políticas de última hora, aquí, en Galicia. E tamén hai quen pensa que, hoxe por hoxe, os franciscanos teñen xa outras expectativas distintas.

        Sexa cal sexa a razón final, algún día a coñeceremos con exactitude, a realidade é que o proxecto de Lar da Paz en Herbón, co que soñamos, ao que tantos esforzos dedicamos, o que nos custou moito completar, non verá a luz. Polo menos, a medio prazo. E tal como están as cousas, probablemente, nunca.

        Decepción?. Moita. Poucas veces na vida pasa por diante unha posibilidade tan certa de facer realidade un proxecto deste nivel. Mais temos a tranquilidade de saber que, pola nosa parte, fixemos todo o que puidemos, e máis aínda.




20 dic 2011

Coas olivas aínda na memoria...


   




Dentro de la claridad del aceite
y sus aromas, indican tu libertad
la libertad de tus lomas.
Miguel Hernández

   O pasado fin de semana, do 15 e o 17 de Decembro, Xaén, entre oliveiras e aromas de olivas, acolleu o Congreso Estatal de Convivencia Escolar organizado conxuntamente polo Mº de Educación e a Xunta de Andalucía. Alí estivemos máis de 400 persoas fortemente comprometidas coa mellora significativa do clima escolar, seleccionadas entre máis de 2000 solicitudes, as máis anovadoras experiencias e proxectos para abordar, positivamente, a conflitividade escolar.

   Galicia estivo representada por catro magníficas iniciativas doutros tantos IES, algúns dos pioneiros, centros educativos que levan anos traballando, moito e ben, como son o de Viana do Bolo, Fisterra, Vilagarcía e Arteixo, premiados e recoñecidos polos seus programas, xunto co Seminario Galego de Educación para a Paz. A Xunta de Galicia, a Consellería de Educación, non estivo, ó contrario do que outras administracións educativas de moitas CC.AA. que respaldaron, coa súa presenza, as experiencias presentadas dos seus respectivos ámbitos territoriais e políticos.

   Debo recoñecer que tanto o ambiente como a calidade dos relatorios foi moi bo. Tamén os obradoiros e as mesas redondas. Tivemos ocasión de coñecer, de primeira man, o moito e ben que se traballa en materia de convivencia escolar nos centros escolares do conxunto do Estado. Aquí está a clave para entender como, nos últimos anos, a conflitividade baixa practicamente á metade en colexios e institutos. Desde que empezaron a poñerse en marcha plans integrais de mellora, observatorios, programas de tratamento e mediación, aulas de reflexión e convivencia inclusivas ou redes de intercambio e colaboración entre as mellores practicas, os conflitos van a menos.

   Dicía Henry Adams, hai máis de 100 anos, que "educar é sobre todo atmosfera", e ten moito que ver co ambiente que se crea, de centro e de aula, co clima de confianza, de diálogo, de colaboración, de ilusión pola vida e polo saber, fronte da desidia, o abandono ou a desorde. Mellorar a convivencia é un desafío para todas as escolas, non só para as que teñen problemas e conflitos abertos, está directamente relacionada coa prevención, e afecta a toda a comunidade educativa, ós equipos directivos, a pais e nais, alumnado, profesorado e persoal non docente. E ó conxunto da sociedade, ás administracións, ás autoridades educativas, á inspección escolar, ós medios de comunicación, a tribo enteira ten que involucrarse na mellora da convivencia escolar.

   E ten que ver, obviamente, con aspectos éticos, cos valores cívicos e democráticos, cos contidos curriculares, pero tamén coa organización escolar, mesmo con asuntos que non sempre os temos en conta, algúns tan simples como o ruído, hai centros que empezaron por aquí o seu plan de convivencia, coa accesibilidade e outras medidas de humanización dos centros escolares, decoración, colorido, espazos verdes, de reflexión, etc. ou coa simple colocación dun reloxo de agullas en cada aula. As experiencias presentadas van tamén por iniciativas deste tipo, non son só medidas de carácter normativo.

   Unha conclusión moi positiva desde Congreso, das conversas que mantivemos entre a delegación galega, foi o compromiso de promover unha rede propia de mediación escolar que prepare un Congreso en Galicia, que permita a incorporación de todas as iniciativas que están a desenvolverse na nosa comunidade, que permita o coñecemento e o intercambio de experiencias, as mellores practicas, que recoñeza o traballo ben feito, que o divulgue e o difunda. Contamos para elo cos IES que participamos no Congreso Estatal, co respaldo do Seminario Galego de Educación para a Paz, e coa ilusión de facer real unha necesidade sentida por todos nós.

   E a iso vamos, cos aromas de oliveiras e olivas aínda na memoria...



8 dic 2011

Un soñador, pero non o único...

  


   Hoxe, 8 de Decembro, hai 31 anos, era luns, un fan tolo cegado polo seu afán de protagonismo, de nome Mark David Chapman, diante do edificio Dakota, en Nova Iorque, aproximadamente ás 11 da mañá, de 5 disparos, asasinaba a John Lennon. Seino ben porque a miña nena Iria tiña daquela tres meses e estabamos estreando televisión na nosa nova casa. Impactounos, como a tantas persoas de ben en todo o mundo. Lennon era, para tanta xente, unha referencia, non só como músico, que tamén, senón polo seu activismo político pacifista, polas súas cancións comprometidas, esas que seguimos a lembrar cando pensamos nel, Imagine, Give peace a chance, Power to the people, War is over... e tantas outras, que remataron converténdose en himnos de varias xeracións.
   
   Coa confirmación da súa morte fomos moitos os que pensamos na maldición americana de matar ós mellores, sobre todo a aqueles que, finalmente, pretendían a paz. Non podía ser casualidade. Foron tantos os mortos en EE.UU., personalidades destacadas no mundo da política, dos dereitos civís, da música, recoñecidos polas súas ideas pacifistas ou partidarios de dar unha oportunidade á paz, asasinados, que non podía ser unha simple coincidencia. E alimentamos, quizais sen querelo, a teoría da conspiración. Os Kennedy, Martin Luther King, Malcom X... non, non podía ser simplemente o destino.

   Hoxe, co paso dos anos, as cousas non as vemos da mesma maneira. Aínda que sigamos a considerar que o poder do complexo militar industrial é ilimitado. Xa o dixo Ike Eisenhower na toma de posesión de John Ficheral Kennedy: "Hoxe es o home máis poderoso do mundo. Ninguén ten o teu poder, agás o Complexo Militar Industrial", un concepto logo aceptado e moi popular no mundo académico, nos media e tamén na sociedade. O conxunto de intereses que se moven arredor da industria armamentística, probablemente a única que non fai máis que medrar en todo o mundo, a que dirixen os chamados "mercadores da morte", a poderosísima industria da guerra.

   E o botamos en falla. Si. Trinta e un anos despois. Pensamos no que tivera aportado, de continuar vivo, ó movemento pacifista, coa súa personalidade, co seu compromiso, coa súa intelixencia musical e humana. Con todo, o seu mito non fai máis que agrandarse, co paso dos anos, e son moitos os mozos e mozas, en todo o planeta, que beben nas súas cancións, nos seus textos, no seu pensamento, con independencia da súa cor, etnia, relixión...que se conmoven ó escoitar Imagine, por moitas veces que a escoitaran antes, moito máis en actos reivindicativos e pacifistas, nas mobilizacións contra da guerra e a violencia.

   Lembro as enormes e continuas concentracións contra da guerra de Irak, aquí en Compostela, na Praza do Obradoiro, nos simulacros de bombardeos, coas sereas e os disparos, as bombas... finalmente o Imagine invadía o espazo público, os desexos de paz, de entendemento, de concordia, a solución pacífica do conflito, quedaban simbolizados na canción de Lennon.  E creo que seguirá a acontecer o mesmo por moito tempo.

   O Sábado, día 10, dous días despois do cabodano de John Lennon, celebramos o Día Internacional dos Dereitos Humanos, será o 63  Aniversario da Declaración Universal de 1948, aquel magnífico e irrepetible documento aprobado polas Nacións Unidas en París, cando aínda os campos de batalla da IIGM fumeaban e o horror da guerra e do holocausto estaban tan presentes nas retinas e no corazón da Humanidade, para evitar ós nosos fillos o horror da guerra... aquel texto, defendido no Plenario da ONU por unha gran muller, Eleonor Roosevelt, segue a ser un código universal de dereitos, de desexos, de aspiracións, para os pobos e as persoas de ben, aquí e en todas partes. Por iso queremos recordala. Será en Area Central, ás 13:00 horas, con música, cunha Exposición e coa lectura pública do seu extraordinario Preámbulo e dos seus 30 artigos, por xente do común, como ti e como eu, que confiamos en que, algún día, a apelación á dignidade humana, base dos dereitos universais, sexa, por fin, unha realidade.

2 dic 2011

As novidades do barómetro do CIS

 



   O barómetro do CIS correspondente ó mes de Novembro ten algunhas novidades curiosas. Por exemplo, que o terrorismo ocupa o décimo lugar nas preocupacións dos españois. Tan só un 3,7% das persoas que contestaron á enquisa o mencionan entre os seus tres primeiros problemas. Sen embargo, en relación con este mesmo asunto, non deixan de sorprender outros aspectos. Certo é que, para a maioría, o anuncio do remate definitivo da violencia de ETA causou alegría e esperanza (57,5%). Polo contrario, para un número moi relevante de persoas (57,4%) o anuncio non conlevaría a súa desaparición e vese como moi pouco probable. Aínda que, para min, o dato máis sorprendente ten que ver co feito de que un número moi alto de españois, nada menos que o 42,4%, maniféstase en contra de achegar os presos ás cadeas do País Vasco. Resulta profundamente inquietante que tantas persoas acepten, aínda logo do remate definitivo da violencia, unha manifesta vulneración de dereitos, xa que, manter ós presos lonxe do seu lugar de orixe e da súa residencia familiar só pode interpretarse como un castigo, unha represalia, da lei penitenciaria e da política antiterrorista, de dubidosa xustiza pois, como teñen denunciado prestixiosas organizacións de dereitos humanos, este costume, de tantos anos xa, ten difícil encaixe xurídica. Desde logo, agora, moitísimo menos.
   Por que entón, tantas persoas, insisten en respaldar unha actuación penitenciaria tan vingativa?. Afirmarían o mesmo si o preso, a presa, fose fillo ou filla de quen así contesta ás preguntas do CIS?
   Que sentido ten, por outra parte, manter na cadea ás persoas que propiciaron o tránsito da violencia á política no mundo de ETA, dentro e fora da mesma?. Non pensan que o seu mantemento en prisión, refírome a Arnaldo Otegui ou a Rafael Díaz Usabiaga, o único que alimenta é a súa propia lenda entre a poboación vasca? Cal sería a reacción de todas estas persoas si, democraticamente, o pobo vasco decide, nas vindeiras eleccións autonómicas, que o próximo lehendakari sexa Arnaldo Otegui?, porque tal posibilidade está moi aberta e sería bo que empezaramos a acostumarnos.
   Un 43,9% das persoas que contestan a enquisa consideran que ETA ten que pedir perdón publicamente. Sen embargo, desde a miña humilde opinión, o perdón, atañe individual e privadamente, a víctima e victimario. Outra cousa é o recoñecemento do dano causado. Ahí si que non teño dúbidas. En calquera caso, en relación co perdón, as persoas que o demandan, deberan ser igualmente esixentes con outras institucións que non o pediron nin teñen intención de facelo, por exemplo, en relación co franquismo, coa cruzada, etc. Os máis entusiastas defensores do perdón de ETA, o tdt party, que diría Wyoming, gardan un silencio cómplice en relación con aqueles asuntos.
   Outra novidade do último barómetro do CIS coloca á sanidade no cuarto problema dos españois. Nunca antes pasara. E non ocorre por casualidade. Ten moito que ver cos recortes e coas previsións de novos ataques á sanidade pública e ó estado do medioestar, como di Llamazares. Moi por diante da corrupción e da fraude, que ocupa o posto número 9, xusto por diante do terrorismo.
   Claro que o paro ocupa o primeiro lugar das preocupacións, para o 83%, non podía ser menos cos cinco millóns de desempregados e en aumento.
   Pero a chamada clase política, os partidos políticos, continúan a ser a terceira preocupación nada menos que para o 22,6% da poboación, unha porcentaxe moi elevada, o que da conta da profunda desafección cidadá e que tan ben evidenciou o Movemento 15M. Ten aínda maior valor simbólico esta porcentaxe porque a enquisa tivo lugar en plena campaña electoral do 20N.
   E para rematar, a educación cólase tamén no posto número 8 das preocupacións, a consideran un problema o 5,7% da poboación. Non é moito pero si significativo. Ó meu modo de ver está directamente relacionado cos recortes e os ataques ó ensino público, os máis fortes dos últimos anos, con numerosas folgas e manifestacións contra das políticas educativas da dereita en diferentes CC.AA., particularmente, en Madrid e Galicia onde, ademais, vivimos mobilizacións moi importantes en defensa da nosa lingua e cultura.
   Compre salientar que a educación figura como un problema máis grave que a corrupción e a fraude, o que non deixa de ser curioso. Ou non,como diría Rajoi, xa que, ben mirado, en xeral, somos especialmente condescendentes cos chourizos, aínda que sexan do país.


   

30 nov 2011

A vixencia da Declaración Universal dos Dereitos Humanos


   


   O teño comentado moitas veces, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos segue a ser unha completa descoñecida para a maioría da poboación mundial, tamén en Galicia. Estamos a piques de celebrar o seu 63 Aniversario, un texto aprobado por unhas Nacións Unidas recen constituídas, un 10 de Decembro de 1948, cando aínda fumeaban os campos de batalla e de exterminio da segunda guerra mundial.

   Trátase dun documento magnífico, extraordinario, probablemente o máis relevante do século XX, redactado por grandes personalidades, cheas de lucidez e coa firme determinación de evitar ós nosos fillos o horror da guerra. 

   Era a primeira vez na historia no que un texto resolutivo tiña valor universal, e afectaba nada menos que ós dereitos e ás liberdades fundamentais dos seres humanos, cando o horror do nazismo estaba aínda tan presente nas retinas.

   Os desexos de paz eran tan fortes que, mesmo contra todo prognóstico, ideoloxías contrapostas, sistemas políticos diferentes, tradicións culturais e relixiosas distintas foron quen de poñerse de acordo nunha declaración común de obxectivos e de aspiracións para todos e cada un dos seres humanos.

   Cando se creou, en 1946, a Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, había só 18 estados membros. O Comité de Redacción o conformaron 8 grandes personalidades de Australia, Chile, EE.UU, Francia, Líbano, Gran Bretaña e Irlanda do Norte e a URSS. Foi a secretaría, baixo a coordinación de John Humphey, quen redactou o esquema xeral, inicialmente 400 páxinas que serviron de documento de traballo durante dous longos anos. E foi Eleanor Roosevelt quen presidiu a Comisión de Dereitos Humanos e a responsable de presentala finalmente no Plenario, cos seus 30 artigos e un espléndido Preámbulo que compre reler de cando en vez.

   A aprobación definitiva contou coa votación favorable de 58 Estados da Asemblea Xeral. Foi no Palacio de Chaillot, en París. Houbo 48 votos a favor, ningún en contra, e 8 abstencións (Unión Soviética e aliados do Leste, Arabia Saudita e Sudáfrica). Dous estados presentes ausentáronse no momento da votación. A Guerra Fría estaba xa no ambiente. O Estado Español non estaba, por razóns obvias.

   Entre os seus redactores estaban, ademais de Eleanor Roosevelt, René Samuel Cassin por Francia, Charles Malik polo Líbano, Peng Chun Chang por China, Hernán Santa Cruz, por Chile, Alexandre Bogomolov e Alexei Pavlov por la URSS, Lord Dukeston e Geoffrey Wilson por Gran Bretaña, William Hodgson por Australia e John Peters Humphrey por Canadá, daquela, o director da división de dereitos humanos da ONU.
   
   A Asemblea Xeral proclamou a declaración como “o ideal común polo que todos os pobos e nacións teñen que esforzarse a fin de que tanto os individuos como as sociedades promovan mediante medidas progresivas de carácter nacional e internacional o seu recoñecemento e aplicación universais e efectivos”.

   O texto de 1948 ten inspirado unha profunda e abundante lexislación posterior, numerosos instrumentos que constitúen o ideal internacional dos dereitos humanos, desde o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais ó Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos. Todos eles conforman a Carta Internacional de Dereitos.

   Sen embargo, a paz aínda non é un dereito humano, contra o que moita xente pensa, mesmo no ámbito académico. Non o é, a pesares de que personalidades como a citada Eleanor Rossevelt o pretenderon ata o final. Non foi posible. Os Estados, os mesmos que agora o impiden, estaban radicalmente en contra. Incluír o dereito humano á paz significaría que, calquera que o violentara, podería ser perseguido e condenado polos tribunais internacionais, cedo ou tarde, acontecería.

   Hoxe, o movemento pacifista e moitas organizacións e movementos sociais seguimos a reivindicar o dereito humano á paz. Con ocasión do Foro 2010, en Santiago de Compostela, aprobamos un texto do que podería ser unha Declaración sobre o Dereito Humano á Paz, apoiado por numerosas personalidades vinculadas ó dereito internacional e á diplomacia, que segue o seu percorrido xunto coa demanda dunha profunda remodelación das Nacións Unidas. 

   O vindeiro 10 de Decembro, Sábado, en Area Central, a partir das 13:00 horas, faremos un Acto Reivindicativo, tamén de conmemoración, da Declaración Universal de 1948. haberá música, unha exposición, repartiremos exemplares do texto en galego e faremos unha lectura pública dos seus magníficos 30 artigos, para lembrala, para resaltar que segue vixente, aínda que a súa historia sexa tamén a da súa vulneración.

29 nov 2011

Grazas, moitas grazas...


   



   O Boletín Oficial do Estado (BOE), de onte, luns, día 28 de Novembro, publica o nomeamento de novos vogais do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar para os vindeiros catro anos. Alí estou. Moi honrado pola escolla dun Ministro que admiro e recoñezo, antes e despois de chegar a Alcalá 34, D. Angel Gabilondo. E máis aínda por colocarme entre persoas dunha valía extraordinaria, algúns e algunhas das máximas especialistas na materia, no Estado e internacionalmente: María José Díaz-Aguado Jalón, Elena Martín Ortega, Pedro Núñez Morgades, Rosario Ortega Ruiz, Juan Carlos Torrego Seijo ou Nélida Zaitegui de Miguel. Unha enorme responsabilidade que asumo en representación do Seminario Galego de Educación para a Paz e da Fundación Cultura de Paz, un desafío que espero cumprir con esforzo e dedicación, con traballo, con ilusión e con optimismo, aínda que os tempos non son os mellores para a educación.

  Tempos nada fáciles, sen dúbida, nin para a comunidade educativa nin para o conxunto da sociedade. Tempos escuros, quizais de retrocesos manifestos. Quixera estar errado. Nos colexios e nos institutos vívense con frustración. E o clima escolar, sabémolo ben, mellórase co aire que chega de fora e co que respiramos dentro. E hoxe, o que ben de fora síntese xélido, nórdico, mellor xermánico, con sabor a mercados e a mercaderes, a tixeiras e recortes. E o que respiramos dentro, está entre o medo e a resignación, medra o silencio.

   O Observatorio Estatal, como o seu nome indica, está para mirar, para observar, para ver. Pero non só para iso. Tamén ten que diagnosticar. Si. E actuar. Investigar. Dinamizar. Apoiar. Respaldar as boas practicas. Animar. Corrixir erros. Avaliar. Sensibilizar, compartir, cooperar... en tempos de crise, sempre, cando as cousas veñen mal dadas, cando cada quen pretende que a el non lle toque, a miña aula é o meu castelo, cando moitos se poñen á defensiva. Nestes tempos de dificultade precisamos máis afectos, máis emocións, máis sentimentos, a urdime afectiva que dicía Rof Carballo, para mellor compartir, partir con, vivencias, experiencias, saberes, valores... xuntos, iso é convivir, está moi por riba da simple coexistencia.

   E temos experiencias magníficas nos centros escolares, esas que construímos día a día, caladamente, sen dar sentencia. Son, polo mesmo, inexistentes para o conxunto da sociedade. Aquí, en Galicia, e no conxunto do Estado, os profesores e profesoras, pais e nais, alumnos e alumnas, están a poñer o mellor que teñen na mellora da convivencia escolar, con equipos, con mediación, con aulas específicas, con programas formativos, con documentais, con xogos cooperativos, con cariño, todos os días, sen reparar nos horarios, sen compensación algunha, agás a do deber cumprido, xunto coa enorme satisfacción de ver mellorar o clima escolar, dentro e fora das aulas, con tanto esforzo, esa que da a alegría de ver saír a un neno, a unha nena, adiante, contra todo prognóstico, vencendo o pesimismo e a acomodación.

   Con esa ilusión vou ó Observatorio, a aprender, a trasladar esas experiencias, a contribuír, na medida das miñas (nosas) posibilidades a facer das escolas e dos institutos espazos privilexiados para convivir, para compartir, para cooperar, aínda que sexa en tempos escuros... porque, con Victoria Camps, temos que crer na educación, a materia pendente...


27 nov 2011

De bichas e bichos, da vida mesma...

   


   Sempre pensei que as persoas que non están a gusto consigo mesmas son moi perigosas. Isto non é simplemente un pensamento. Ten moito que ver coa propia vida, coa experiencia de cada día, cos homes e coas mulleres coas que topas polo camiño, arrieiros somos. Certo que a gran maioría son boas, Que o positivo gaña, con enorme diferencia ó negativo. Que o ben trunfa sobre o mal. Pero hai cada bicho...

   Ó longo dos anos, cando un fai retrospectiva, non con afán nostálxico nin sentimental, repaso, reconto, atopa grandes afectos, persoas que inflúen decisivamente nun, xenerosas, aquelas que conseguen conmover, deixar pegada, marcar, o que os naturalistas chaman, a impronta, ese toque, esa característica, ese fondo que queda gravado para sempre no disco duro. Non se esquece.

   Sen embargo, os bichos fan dano, moito dano. Todo o que gardan dentro. Un dano ás veces irreparable. Sen saber como, un bicho pode cruzarse no teu camiño e... cruzarte. Con ou sen motivos, con ou sen causas. Da o mesmo. Basta con que eles a teñan.

   Destruír sempre resulta máis fácil que construír. Hai quen goza derrubando o creado con tanto esforzo. Ese cativo, aprendiz de matón, que ri destrozando os flans de area na praia, aquel que sinte unha profunda satisfacción desfacendo, demolendo, deconstruíndo, porque si, con causa ou sen ela, porque vai na súa natureza, como aquel escorpión da fábula, porque non sabe, en realidade non aprendeu a facer outra cousa, esa é a súa condición, está marcado a lume no seu código xenético, facer mal, e canto máis mellor.

   Probes das súas vítimas. Imposible falar. Cando dous non queren non hai arranxo posible. Mais chega un para facer o mal, moito mal. E si son varios, moito máis mal, multiplicado, xeométrico, como o maligno..

   As envexas, os ciúmes, os resentimentos, a vinganza..., o memorial de agravios, faise eterno, sobran os motivos, diría Sabina.

   Ás veces o mal ven de fronte, vese, permite protexerse, poñer a coraza, resistir, buscar asideiros. Outras, as peores, a maldade ven paseniñamente, con sixilo, fría, con nocturnidade, de lonxe, estudada, calculada, ben planificada, en ondas, con tempo, non resulta o froito dun calentón, non, está pensada, con moita antelación, e busca o mellor momento para servirse, en fonte e prato axeitados, apetitosa, sensual, para desconcertar e facer o máximo dano.

   A acumulación de rabia, a baixa estima, o sentirse sempre maltratado polo mundo, minusvalorado, as carencias afectivas, o pouco recoñecemento, a insatisfacción profunda, as expectativas frustradas, explican comportamentos e condutas manipuladoras, negativas, derrubadoras do éxito alleo, a quen culpabilizan da súa dor.

   Constrúen a súa telarana de mentiras, insidias e infamias..., para crear da nada un inimigo, o alimentan día e noite, o regan con lágrimas e paixón sen límites, ¡vaia traballo! e esperan, agardan acochadas para cravar o aguillón pezoñoso, sen escrúpulos, sen valorar o dano causado, coa satisfacción do deber cumprido: ¡o merecía!.

   Sei que escribo entre liñas, sei que haberá persoas de ben que non entendan nada. Mais tamén estou certo de que moitas outras saben perfectamente do que estou a falar. De bichas, de bichos, da vida mesma.

21 nov 2011

Pasaron as Eleccións e chegou a resaca...

   Xa pasaron as Eleccións. Agora toca a resaca. E contra deste forte malestar non funcionan os efervescentes nin sequera os remedios caseiros. Algúns, como anunciamos, votamos, iso si, co nariz tapado, como vimos facendo hai anos. Non porque sexamos demasiado esixentes. Deixamos de selo co paso dos anos. Tampouco por hipercriticismo esquerdoso. Creo que mais por pragmatismo. 

   Sen embargo, as cousas non pintan nada ben en Galicia, para a esquerda e o galeguismo, claro. Para as dereitas unidas todo ven de cara, co vento a favor. Fagan o que fagan. O seu voto, por agora, está ben pastoreado. Ninguén se escapa. A militancia conservadora, moza, mediana e vella, funciona como un reloxio suízo. Na practica totalidade dos máis de 300 concellos, o PP gaña folgadamente, e en moitos deles, por riba do 50% dos sufraxios. O PSOE perde votos e deputados. O BNG é a única forza da esquerda e do nacionalismo que non rendibiliza a caída dos socialistas, mesmo perde algo máis de 30.000 votos.

   No Estado, o previsto, con algunha novidade relevante. O PSOE baixa ó seu peor resultado. O PP aumenta votos aínda que non en exceso. Sobre 400.000. IU e UPyD multiplican os seus votos. Equo non entra por Madrid aínda que o fai da man de Compromís en Valencia. 

   Nas outras nacionalidades históricas, é dicir, en Euskadi e en Cataluña, sorte para eles, as cousas teñen outras dinámicas. E Galicia perde o seu cordón umbilical con elas, unha vez máis. Para a nosa desgraza.  En Cataluña, a pesares das medidas restritivas e os recortes drásticos de Converxencia e Unió, medran significativamente e convértense na primeira forza. En Euskadi, a paz ten premio e Amaiur emerxe con moita forza. O próximo lendakari podería chamarse Iñigo Urkullu ou mesmo Arnaldo Otegui. ¿Quen o ía a dicir?.

   No Congreso haberá máis pluralidade. Galicia, pola man do BNG, conserva os seus dous deputados, Francisco Jorquera e Olaia Fernández. Menos mal. Pero non avanzamos nada, nin sequera nesta situación tan favorable pola caída estrepitosa do PSOE. Perdemos apoio electoral.

   Galicia, como o conxunto do Estado, vestiuse de azul, con algunhas poucas excepcións a modo de redutos ou aldeas galas sobre as que planean as gaivotas azuis. Resistir parece o máis oportuno. Mais con iso non basta.

   Calquera proposta positiva, en Galicia, ten que partir do recoñecemento de que na esquerda e no galeguismo somos moi poucos. Non estamos nin para desprezar o existente, PSOE e BNG, nin para esquecernos das prazas, dos nulos, dos brancos, dos mudos, do avance de EU, das organizacións sindicais. Calquera opción para derrotar ó PP nas autonómicas pasa por sumar, construír, aglutinar, sobre mínimos, o BenComún.

   Algunha opción, o BNG, a única forza propia, sen dependencias, sen franquicias, creo que está esgotada, xeracional e politicamente. Mesmo pode estar bloqueando calquera saída positiva. Fora do BNG fai moito frío, quen o dubida. Pero a solución, quizais, teñamos que buscala externamente. Nas rúas, nas prazas, nas forzas emerxentes, nas mobilizacións e nos movementos sociais, porque non chega coa actividade institucional, necesaria e relevante. A unidade ten que fraguarse na contestación social contra das políticas de recortes. Nin nos despachos nin nas institucións. Ou nos atopamos nas rúas e nas prazas ou non teremos solucións favorables á maioría. Galicia seguirá a ser conservadora por moitos anos.

   Temos pouco tempo e moito traballo por facer. Desentenderse, resignarse, pasar, so favorece a inmobilidade política. Está ben reflexionar, analizar, facer autocrítica, pero como dicía o bo de D. Carlos Marx, un paso de movemento real vale máis que unha ducia de programas...





19 nov 2011

Carta aberta ó futuro Presidente do Goberno




Sr. Presidente,

Somos conscentes de que asumirá o encargo de presidir o Goberno nun contexto de grandes dificultades económicas, de distanciamento entre a cidadanía e a política e no que terá que dar respostas convincentes diante dous múltiples retos actuais.

A cidadanía vive perplexa diante da sensación de que os gobernos do mundo democrático terminan por someterse a unhas esixencias que non emanan do sentir popular senón duns intereses económicos globais. Esixencias que, no medio da opacidade e a desregulamentación, rematan por beneficiar a uns poucos. Así, parece difícil evitar que a xente pense que paga os pratos rotos dunha festa na que non decidiron nin o menú nin os convidados.

Unha globalización económica sen regulamentación conduciunos a unha democracia acosada polos mercados e de precaria credibilidade. A comunidade internacional, máis aló de reaccionar con medidas urxentes diante do que acontece, debe acometer unha revisión a fondo dos acordos, mecanismos e estruturas nos que se fundamenta o actual sistema económico.

Se, como parece, óptase por reducir o gasto público e os investimentos, non podemos asistir impasibles ao recorte das prestacións sociais, sanitarias e educativas, -todas elas sempre fundamentais pero aínda máis nun contexto de crise que comporta máis precariedade para unha boa parte da poboación- ou ao investimento en ciencia e innovación. Resulta esencial xerar outro sistema económico que poida ser máis xusto, sustentable, produtivo e sólido.

Non asistiremos impasibles á redución de investimentos e gastos cruciais para o benestar e a protección da calidade de vida mentres se continúa mantendo un descomunal gasto militar.

Sabemos que non é un caso específico de España. Os principais países do mundo, encabezados polos Estados Unidos, manteñen unha inmensa maquinaria bélica. Se temos en conta as graves carencias que afectan á maioría dos habitantes do planeta, o desenvolvemento deste desmesurado arsenal constitúe un auténtico insulto. Lamentablemente, este modelo proxéctase con forza e os países emerxentes esfórzanse en copiar os mesmos modelos. Por iso, o incremento do gasto militar, a produción de novos sistemas armamentísticos ou a adquisición de novas armas no mercado internacional son pautas habituais de moitos países. Hai que lembrar que, tal como apuntaba o recente Informe do SIPRI, o gasto militar mundial, a pesar dos 4 anos de crise económica, subiu en todo o mundo un ano máis, até acadar a escandalosa cifra de 1,6 billóns de dólares.

Mentres, os Obxectivos do Milenio -que nos lembran as apremiantes necesidades que deberiamos atender se queremos reducir as ameazas que a fame, a falla de saúde ou de educación supoñen para a poboación mundial- seguen incumpríndose ano tras ano.

Trátase dunha política errónea propiciada polos grandes produtores de armamento, que confunde seguridade con militarismo. ¿Como se pode aprobar que para facer fronte a supostas ameazas militares se invísta tanto diñeiro e, para evitar riscos reais que arrebatan a vida de millóns de persoas, aceptemos impasibles que non existen medios?

No caso español, comprobamos amargamente algunhas decisións de sucesivos gobernos, que sempre consideramos erróneas pero que agora, ademais, están a impactar gravemente sobre a economía. Decidiuse participar en grandes proxectos armamentísticos (avión de combate europeo Eurofighter, carros de combate Leopard, etc.), sen valorar se eran realmente necesarios e se correspondían cunha visión global e moderna da seguridade. En calquera caso, con independencia da súa conveniencia, constituíron un desastre financeiro.

Dedicar máis de 16.000 millóns de euros para 2011 ao gasto militar tendo en conta todas as partidas, non só o que xestiona o Ministerio de Defensa- parécenos un despropósito. As posibles misións internacionais, argumento habitual para xustificar unha alta dotación en armas aos exércitos, non precisan dese enorme gasto e, en concreto, da  adquisición ou fabricación de armas, impostas pola pertenza á OTAN -é incrible que a UE non sexa aínda autónoma en materia de seguridade- e que, en boa medida, son propias de conflitos pretéritos.

Cando hai 14 meses publicamos nestas mesmas páxinas o artigo "Crise, gasto militar e desarmamento" (O País, 2 de agosto de 2010) queriamos alertar sobre a grave crise económica e a necesidade de establecer unhas  prioridades adecuadas á hora de propor recortes do gasto público. Durante estes meses vimos como a crise económica agudizábase sen que as medidas de austeridade alcanzasen ao gasto militar.

Pero á vez fomos testemuñas de dous fenómenos de gran transcendencia.

Por unha banda, miles e miles de mulleres e homes do mundo árabe dixeron ¡Basta!. Berraron ao mundo que tamén queren vivir con dignidade, aspirar á xustiza e gozar da liberdade. Fixeron cambalear, e caer nalgúns casos, a ditadores que lamentablemente, contaban co apoio interesado de boa parte das democracias occidentais. Coas modernas tecnoloxías da información e a comunicación, que permiten a libre expresión e a participación non presencial, os cidadáns xa non só serán contados nas eleccións. Deberán contar tamén despois. Poden influír e decidir. E deben facelo.

Doutra banda, en España irrompía con forza o movemento do 15 M, internacionalizado meses despois coa mobilización do 15 0. Unhas mobilizacións xurdidas da desconformidade e indignación de moitas persoas diante da degradación da calidade de vida, a perda de capacidade democrática de dirixir a economía e o afastamento da política das súas auténticas responsabilidades.

Por canto antecede parécenos que protexer o gasto social e dirixir os posibles recortes cara ao gasto militar é unha medida que fortalece a democracia, mellora o benestar e envía á cidadanía unha mensaxe positiva, ao priorizar a axenda social nun contexto de crise aguda.

Sr. Presidente: agradecerémoslle que teña en conta estas reflexións e suxestións.

 Asinan este artigo:

Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación Cultura de Paz.
Santiago Álvarez Cantalapiedra, director CIP-Ecosocial
Jordi Armadans, director Fundació per l Pau
Alfons Banda, coordinador Comité Interenacional Fundacío per la Pau
Manuel Dios Diz, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP)
Vicenç Fisas, director Escola de Cultura de Pau da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB)
Rafael Grasa, presidente Instituto Català Internacional per la Pau (ICIP)
Carmen Magallón, vicepresidenta Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ)
Manuel Manonelles, director UBUNTU e Fundación Cultura de Paz Barcelona
Vicent Martínez Guzmán, director honorífico Cátedra UNESCO Filosofia Pau Universidade Jaume I de Castelló.
Xavier Masllorens, presidente Fundació per la Pau
Manuela Mesa, presidenta Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ)
Beatriz Molina, directora Instituto da Paz e Conflitos Universidade de Granada
Arcadi Oliveres, presidente Justícia i Pau Barcelona
Pere Ortega, presidente Federació Catalá de ONG per la Pau
Gorka Ruiz Santanapresidente Foro Asociacións de Educación en Dereitos Humanos e pola Paz do Pais Vasco





6 nov 2011

En favor da escola pública galega

   



   

   Ven de antigo. Sen embargo, nos últimos anos, especialmente neste, as novas dos medios escritos, das radios, das teles, sobre o ensino público, en Galicia e en España, son moi negativas. Resulta excepcional atopar unha noticia positiva en relación coa educación pública. Resalto o de pública porque sobre a concertada, e non digamos en relación coa privada, privada, a de elite, o silencio resulta enxordecedor.
   Sinceramente penso que isto non é casualidade. Nin sequera unha moda pasaxeira. Como dicía, ven de lonxe. Parecera como que existise un consenso xeralizado entre os propietarios dos medios de comunicación para dar esa imaxe distorsionada da realidade educativa pública actual.
   Fracaso, absentismo, conflitividade, acoso, adoutrinamento, manipulación, abandono, imposición, recortes, vagancia, deterioro, corporativismo, privilexios, insolidariedade, indisciplina, desorde... son palabras habituais para referirse á escola pública en boca, non poucas veces, das propias autoridades educativas encargadas e responsables de velar e protexer o servizo público educativo. 
   Vale calquera escusa, que si os informes PISA, que si as porcentaxes de cativos e cativas que non acadan o graduado escolar, ou que non rematan a secundaria obrigatoria con éxito, que non chegan ó bacharelato... casos puntuais relativos a indisciplina, disrupción, conflitos, pelexas, violencia... convértense con moita frecuencia en portadas destacadas dos media... novas, reportaxes e denuncias que pretenden convencernos de que a nosa lingua, a propia de Galicia, é unha imposición radical de nacionalistas excluíntes, o produto dun adoutrinamento fundamentalista, como a educación nos valores cívicos e democráticos na materia de educación para a cidadanía e os dereitos humanos...
   O profesorado resulta especialmente malparado, maltratado, desprestixiado. Os cualificativos empregados sobre os docentes nalgunhas declaracións verbais (e escritas) deberan avergoñar a calquera, máxime si as emiten responsables públicos. O debate sobre os recortes na educación pública, a masiva amortización de prazas de xubilación, a non contratación de interinos, o peche de unidades rurais, preescolar na casa, por exemplo, a supresión de desdobres, a práctica liquidación dos servizos de formación do profesorado en servizo, a diminución drástica dos orzamentos destinados a actividades de formación permanente, a imposibilidade de atender ó alumnado con dificultades especiais, á diversidade, a impartición de materias afíns por profesorado que non ten esa titulación nin especialidade... ou o cambio unilateral de funcións docentes por actividades de vixianza e control nas entradas e saídas do transporte... ese coñecemento público dunha realidade educativa descoñecida para a maioría da poboación, como as numerosas actividades non docentes realizadas, dentro e fora dos centros escolares, veranse fortemente ameazadas como consecuencia das políticas aplicadas pola dereita máis conservadora, si, así acontecerá con todas esas medidas disfrazadas de aforro e de austeridade
   E este debate social -necesario- sobre a calidade do ensino público, sobre o seu deliberado deterioro ou sobre como influirán estas medidas no futuro das xeracións vindeiras, fúrtase. Aqueles pais e nais que decidiron libremente, por convicción ou necesidade, mandar ós seus fillos e fillas á escola de todos (e para todos), percibirán, de inmediato, probablemente, algunhas consecuencias directas daquelas políticas.
   E a escola pública, os seus logros, os seus esforzos, as magníficas iniciativas que se desenvolven por todo o país, educativas, medioambientais, culturais, sociais, de paz e mediación, de convivencia, diálogo intercultural, igualdade de xénero, de atención á discapacidade, de integración, de cariño e dedicación, de vocación persoal... que desenvolven, caladamente, sen recompensa algunha, mestras e mestres extraordinarios,  todas esas actividades, seguirán a ser descoñecidas, ignoradas, invisibilizadas, acochadas por titulares negativos acumulados día tras día, sen piedade.
   Mentres tanto, a escola concertada, e a privada, privada, verán como a súa oferta seguirá ampliándose, particularmente nas cidades, protexidas, mimadas, polas administracións públicas e os medios de comunicación. Non temos máis que escoitar a Lucía Fígar, consejera de educación da Comunidade de Madrid, nun acto de "Comunión y Liberación", que circula masivamente en youtube, para comprender, sen dúbida algunha, as prioridades do seu goberno en materia educativa e a súa aposta decidida pola escola concertada, a gran beneficiada polas súas medidas, unha aposta que ten revertido xa as porcentaxes dunha e doutra escola en Madrid.
   Ese é o camiño escollido polos conservadores. Non é so a eliminación de Cidadanía e Dereitos Humanos, a ampliación das dúas horas de docencia, ou o cambio unilateral das funcións dos mestres, a persecución da lingua propia, ou os recortes drásticos dos orzamentos públicos en materia educativa. Trátase, en realidade, de avanzar no deterioro progresivo da educación pública, no seu desprestixio social, para xustificar a canalización da oferta cara o ensino concertado e privado, maioritariamente de ideario relixioso e confesional, convertendo o ensino de todos no que sempre quixeron e non se atrevían a confesar, nunha escola simplemente asistencial.
   E nisto coinciden as políticas educativas da dereita conservadora e os propietarios dos medios que as abalan, a cotío. Por iso non vemos, agás raras excepcións, novas, reportaxes, crónicas, entrevistas, artigos, a favor da escola pública e do seu profesorado. Todo o contrario.
   A sociedade civil, a comunidade educativa, os sindicatos, deberan ser plenamente conscientes desta realidade e non caer nunha rede de intereses que persegue o deterioro progresivo do ensino público. A defensa da escola pública debería primar por riba de todo, porque, ás veces, o que pretendemos, coas medidas que adoitamos, pode levarnos, por corporativismo, exactamente ó lugar contrario do que perseguimos.
   
   

3 nov 2011

Tambores de guerra, outra vez...

   


   Os precedentes non deixan lugar a dúbidas. Con profundas crises económicas de carácter sistémico, no século pasado, probablemente o máis sanguinario da historia, o planeta viviu dúas guerras mundiais. Tanto nunha como na outra, sectores sociais moi poderosos, decantáronse pola guerra total como mellor forma de saír da crise. Unha fuxida cara adiante que custou á humanidade millóns de mortos, lixados, desprazados, fascismos, campos de concentración, holocausto, xenocidio, fame, destrución... sen precedentes.
   O século XXI non vai por mellor camiño. Máis de 35 conflitos armados abertos  na actualidade, aínda que o foco mediático só faga visibles algúns deles, Afganistán, Iraq, Libia... as demais son guerras esquecidas que producen tamén miles de mortos, feridos e desprazamentos forzosos masivos mais fora da nosa atención.
   Aínda están fumeantes as vivendas bombardeadas polas máis de 6.000 intervencións aéreas da OTAN na guerra civil Libia. Afganistán e Iraq manteñen un goteo constante de vítimas de atentados e enfrontamentos. En Siria é o propio réxime o que masacra á súa poboación civil. Como en Iemen. A rexión enteira, Oriente Medio, é un polvorín cheo de petróleo, e Israel, única potencia nuclear da zona, pretende converterse no xendarme, no árbitro, do que pode (e non pode) acontecer nesa parte do mundo, co apoio explícito ou implícito dos EE.UU e do Reino Unido.
   O goberno de Netanyahu, un falcón nunha terra infestada de falcóns, está obsesionado co poderío militar crecente de Irán, especialmente, co programa nuclear de Nahmud Ahmadineyad. A súa pretensión é conservar a toda costa o monopolio xudeu do armamento atómico na rexión. Trátase dunha prioridade xeoestratéxica. A simple ameaza iraniana ben merece un ataque preventivo que cada día que pasa faise menos hipotético e máis real.
   Diversos medios de comunicación de todo o mundo, citando fontes ben informadas e oficiosas de Israel, falan de presión atómica do goberno de Netanyahu e do seu ministro de defensa, Ehud Barak, que estarían convencendo á súa propia cúpula militar para atacar, de maneira inminente, as instalacións nucleares de Irán. As razóns, simple supervivencia e para para evitar outro Holocausto. O ton empregado polas autoridades israelís non deixa dúbidas. Estanse conformando as complicidades necesarias.
   Un bombardeo preventivo e unilateral de Israel contra de Irán, co apoio e a aceptación de norteamericanos e británicos, podería desembocar nun conflito xeneralizado na rexión, arrastrando ós países árabes e a Occidente a unha guerra de imprevisibles consecuencias.
   Todo parece indicar que a determinación israelí é firme, se alguén non o remedia. Ven de probar moi recentemente un mísil balístico de longo alcance, sobre 6.000 Km e plena capacidade atómica.
   Irán, a súa aliada Siria, Hezbolá, Hamas, responderían de inmediato, xunto con todos os seus aliados chiíes, fronte da previsible complicidade calada ou aberta da monarquía saudí e doutros gobernos suníes.
   En calquera caso, un ataque deste tipo na zona máis explosiva do planeta, nesta ocasión si, pode levarnos a todos, a unha guerra xeneralizada na rexión e a un incremento notable da inseguridade e do terrorismo a escala planetaria.
   O peor escenario para unha crise sistémica, por moito que algúns empecen a pensar que a guerra pode ser unha solución.
   As sociedades civís, en Israel, en Irán, en todo Oriente Medio, logo das revoltas árabes, teñen moito que dicir para evitar este horizonte bélico sombrío. A UE tamén. E Rusia, e China, Brasil, a India... Porque a guerra nunca pode ser unha solución. Abolila debera ser un imperativo moral do novo século.