Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

22 dic 2012

36 anos, 3 meses e 23 días

   Pois si. Xa é oficial. O 14 de Xaneiro de 2013, o día no que cumpro 60 anos, xubilareime da docencia regrada no IES de Cacheiras, en Teo, logo de, exactamente, 36 anos, 3 meses e 23 días. Dito así, parece unha condena. Nada máis lonxe da realidade. Quen me coñece o sabe ben. Amo a docencia, ameina desde o principio, e conservo a mesma ilusión que cando comecei, alá por 1976, nun mes de Setembro, con 23 anos, un “pipiolo” que quería comerse o mundo, no Colexio de Entrepontes, en Portomouro. A que montamos!. Moito máis que unha inundación das que tiñamos cada ano. Colexio precioso, magnífico deseño, clases exagonais, mais construído no leito dun río, en clave andaluza, con terrazas por todas partes, unha mágoa.

Eran tempos de transición, xa morrera Franco, pero perduraban costumes e hábitos franquistas. Unha directora que pensaba que o colexio era da súa propiedade. Un inspector dos que abrían o maleteiro do coche para que os pais meteran, sen dar sentenza, bóas viandas. E o cambiamos. Vaia si o cambiamos. Lembro unha folga na que convocamos ás familias a unha Asemblea. A entrada e o patio do centro parecían tomadas por tractores. Un pai, moi molesto, á saída, berroume: A ti había que arrancarche o bigote a pedradas... quizais fose porque a maioría apoiou a decisión do profesorado. Tempos de transición.

    Certo que tiven cinco interrupcións na miña vida profesional. Unha, moi breve, nas primeiras eleccións democráticas, para a campaña electoral polo Frente Democrático de Esquerdas. A segunda, tamén efímera, nas municipais polo Partido do Traballo en Compostela, en 1979. A terceira, máis longa, nos anos '80, como liberado docente, inicialmente no Sindicato Galego do Ensino e a Investigación da CXTG e logo na CIG. A cuarta foi a finais dos anos '90, en Comisión de Servizos convocada por concurso público de méritos, no Seminario de Educación para a Paz. E a última, nas recentes eleccións autonómicas, pechando a candidatura pola Coruña da Alternativa Galega de Esquerda que encabezaban Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz. Nun mítin, con moita sorna, alguén dixo: A candidatura máis atea a abre Deus e a pecha Dios. Divina e celestial…

    A verdade é que empecei -como mestre e activista sindical- logo dunha moi forte aprendizaxe na clandestinidade, nos Comités de Curso, na Universidade de Santiago, nun mítico grupo á esquerda do PC, de nome prochino, Larga Marcha, e en Información Obreira, organizacións que máis tarde conformarían o Partido do Traballo de Galicia. Tempos de compromiso e de risco persoal contra a Ditadura, entre 1972, Amador e Daniel, e 1976, no que aprobo as Oposicións. Anos de estudio na Escola de Maxisterio, nos pavillóns do Burgo das Nacións, hoxe Auditorio de Galicia, de aprendizaxe e de revolta. Asembleas coas luces apagadas, folgas e manifestacións, panfletos e clandestinidade. Lecturas, grupos de discusión, manuais de marxismo, revolución ás portas. Inxenuidade. Pedagoxía do oprimido, Paulo Freire. E os fins de semana, a Vigo, polo ruta Ho Chi Ming, a recoller documentos e directrices, célula obreira, nun Citroën “douscabalos” que colliamos, o benquerido Roberto Pardo e máis eu, na Rosaleda, coas chaves no borralleiro. Alí quedaba ó regreso, sen saber nunca de quen era. E logo a proletarización. Viva o ditariado da proletadura. Rapaces…

    Dos primeiros anos de docencia lembro un conflito de enorme envergadura que involucrou practicamente todo 1978, ó profesorado galego e ó alumnado das Escolas de Maxisterio, con peches e manifestacións masivas, contra dos traslados forzosos de mestres para fora de Galicia.  Aquela batalla, como tantas outras, perdémola. Sen embargo, gañámola para o futuro.  Fomos os últimos desprazados.A min  tocoume ir, con destino definitivo, ó Colexio Juan del Río Ayala, en Santa Brígida, Las Palmas de Gran Canaria (moito máis lonxe non podían mandarme) onde cheguei ben entrado o mes de Outubro, logo dunha folga durísima e dunha negociación aínda máis difícil co MEC e que rematou no Concello de Santiago de Compostela co daquela Secretario de Estado (ou Director Xeral de Persoal) Matías Vallés. Galicia, obviamente, non tiña aínda competencias en materia educativa. 

O que vou contar daquela negociación, pouca xente o sabe. Rematada a última reunión negociadora, co compromiso de que nunca máis habería traslados forzosos (como así aconteceu para os mestres que viñeron despois de nós), baixando xa polas escaleiras de Raxoi, o citado Vallés, nun aparte, pasoume a man polo lombo e díxome: Manuel, no se preocupe, para usted habrá una Comisión de Servicios y no tendrá que marcharse a Canarias. A contestación que lle din non debo reproducila. Uns días despois, chorando, tomaba o avión para Las Palmas. Outros foran antes que eu. Algúns, moi poucos, non se incorporaron nunca ós seus destinos. Non darei nomes. Eu nin quería, nin podía nin debía facelo. Parecíame algo así como alta traizón, logo de liderar aquela durísima loita. Cando volvín de Canarias, no curso seguinte, por Concurso de Traslados, perdín a metade dos puntos que tiña, para entrar no Colexio Progreso de Catoira, onde  estiven 6 anos. Boa xente, bóa terra, xa practicando Educación para a Paz, sen sabelo. Logo, no CPI de Viaño Pequeno, en Trazo, a carón de Santiago e, como dixen, para rematar, fugazmente, no IES de Cacheiras. Eses foron todos os meus destinos.

    Gardo os mellores recordos, sobre todo, do alumnado, das aulas e das actividades extraescolares. Da maioría dos e das colegas. Do seu esforzo e compromiso. Tamén da vida sindical, da participación no agromar e na consolidación do sindicalismo nacionalista galego, na CXTG e logo na CIG, na Federación Internacional de Sindicatos do Ensino (FISE), da miña participación no Congreso de Praga, na FSM (Federación Sindical Mundial) e do seu Congreso de Berlín, onde estivemos representando ó sindicalismo galego, novidade, Humberto Busto e máis eu, uns anos antes da caída do Muro, ou na constitución da Internacional da Educación (IE) en Estocolmo, e desde os anos ’80, vinculado activamente co movemento pacifista, Convención polo Desarme Nuclear en Europa,  Teachers for Peace,  Hague Appeal for Peace, sempre desde a Educación para Paz, co altermundismo, no Foro Mundial de Educación (FME) e nos Foros Sociais Mundiais, outro mundo é posible.

    E a profunda vinculación con AIPAZ e a Fundación Cultura de Paz, a amizade entrañable con Federico Mayor Zaragoza, logo de deixar a Dirección Xeral da UNESCO, no ano 2.000. Tremábanme as pernas cando chamou e díxo que quería contar co Seminario Galego e comigo para a súa Fundación. O coñecía de referencias,  fora Ministro de Educación con Suárez e logo  pola súa personalidade e prestixio internacional, polas magníficas editoriais do Correo da UNESCO, polas cartas e publicacións que mandei a París durante o seu mandato, polo seu extraordinario papel en favor da Cultura da Paz, coa aprobación da Declaración e o Programa de Acción en 1999 na ONU. Canta lucidez, humildade e elegancia xunta. Do mellor que nos ten pasado nestes anos.

    O inmenso e intenso traballo no Seminario Permanente de Educación para a Paz, desde decembro de 1985 ata hoxe, xa como Seminario Galego, é das experiencias das que estou máis orgulloso, das publicacións, dos libros, das unidades didácticas, creo que 28, nada menos, dos encontros e xornadas, dos cursos de formación, das conferencias e charlas polo país adiante, da promoción e consolidación do Día Escolar pola Paz, cada 30 de Xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, dos premios concedidos e recibidos, dos audiovisuais, exposicións, da creación, participación e liderado en movementos sociais como a  Coordinadora Galega pola Paz, a Iniciativa polos Dereitos Humanos, ou as nosas contribucións ó Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia e Observatorio Galego, pero sobre todo, das persoas que durante este tempo, o deron todo para o seu desenvolvemento e prestixio, na Directiva ou fora dela. A celebración en Compostela do FORO 2010, cun Foro Mundial de Educación temático, tres Congresos Internacionais e unha Reunión de Alto Nivel de Nacións Unidas sobre Cultura de Paz, foi a culminación dun esforzo colectivo de moitos anos. Galicia foi, por un mes, o centro do  altermundismo internacional.

  E chegou a crise, mellor dito, a estafa, o saqueo, o desmantelamento das estructuras de participación políticas e sociais creadas, con tanto traballo, nestes anos. E con ela, o afogamento institucional e financieiro do Seminario Galego de Educación para a Paz, no que o actual conselleiro, Jesús Vázquez Abad, ten (e tivo) unha responsabilidade principal. A súa vontade por asfixiar, anular e invisibilizar o Convenio de Colaboración asinado en tempos de Juan Piñeiro Permuy, e renovado por Celso Currás e Laura Sánchez Piñón, foi decidida. Paulatinamente retirou toda axuda para actividades formativas. Ocultou o papel e as actividades do Seminario. Ignorou as  contribucións decisivas ó Plan de Convivencia. Vetouno nos actos e iniciativas organizados pola Consellería en materia de conflitividade e convivencia escolar, de educación ou cultura de paz, dereitos humanos, día escolar pola paz... e imposibilitou a continuidade das súas publicacións e unidades didácticas distribuídas gratuitamente a tódolos centros educativos de Galicia. Por último, anulou a Comisión de Servizos. Non podía facer máis.

  Pero aquí seguimos. Resistindo. Como tantas e tantas organizacións non gubernamentais da sociedade civil galega, todas as que non son da órbita do PP, nin da Igrexa Católica, nin de caridade ou beneficencia. Volven as damas e as mesas petitorias (a medida que desaparecen os dereitos), o Domund e os “chinitos”… pois esas son as únicas entidades que a dereita máis rancia, meapías e conservadora de Europa promove e apoia. Non hai máis que ver a TVG para comprobalo. Por iso Monseñor Rouco  Varela está tan calado. Aquel que acusaba de adoutrinamento a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, o que chamaba á desobediencia civil, o pancarteiro, hoxe está desaparecido, contento e satisfeito nos seus aposentos, coa relixión católica outra vez avaliable, impoñendo o que teñen que estudar os uns e os outros, aqueles que non a queiran, gozando dos extraordinarios privilexios que conserva, os que ningunha outra relixión ten en Europa, e nun estado constitucionalmente aconfesional, vaia broma, segregando por sexos, recibindo prebendas económicas a mans cheas, en plena crise, cos seus feligreses pasando privacións ou suicidándose por perder os seus fogares, vendo como os mercaderes do templo se forran e aumenta a pobreza, a fame e a exclusión, sobre todo dos máis febles, en silencio atroador.

    Pero non se pode enganar a todos, todo o tempo... e torres máis altas caeron.

   

   

   

15 dic 2012

Unha Emenda asasina

   

   Non sei si cada día somos máis fríos, menos emotivos, insensíbeis ou non sei que, pero parece que o mundo, as persoas, nos acostumamos a recibir, con matemática precisión, novas do horror humano, particularmente, de matanzas de escolares nos EE.UU, como a que ven de esnaquizar -para sempre- a 27 familias de Connecticut. O mozo responsable, enfermo e fortemente armado, matou a 20 cativos de entre 5 e 10 anos, e a 7 profesores, entre eles, á súa propia nai, antes de suicidarse.


   Que teñen as escolas, as universidades, os centros de ensino en xeral, nos EE.UU. para que sexan o escenario escollido máis habitual para matanzas provocadas por perturbados?



   Quizais teña que ver coa facilidade de acceso, porque as vítimas son menores indefensos, por ser un territorio infantil ben coñecido, xa que os asasinos con frecuencia estiveron alí escolarizados, ou quizais porque culpan á escola dos seus propios desastres persoais, algo así como un efecto espello, o rostro que ven reflectido horroriza, ou todo a un tempo.



   En calquera caso, os EE.UU teñen un gravísimo problema que máis pronto que tarde terán que abordar, colectivamente, con valentía política, con coraxe decidido e que, polo de agora, ninguén é capaz de afrontar, nin republicanos nin demócratas. Trátase, obviamente, da 2ª Emendaaquela que garante o dereito individual a portar armas, tan interiorizada na propia historia americana. 



   Aínda así, a limitación do uso, as restricións de acceso, especialmente as de groso calibre ou os fusís de asalto profesionais, por exemplo, poderían ser moito máis eficaces, con prohibicións expresas. Sen embargo, na campaña electoral pasada, como noutras, foi un tema coidadosamente esquivado polos candidatos, aínda que Obama, en diversas ocasións, prometera avanzar nas políticas de prevención e restrición de armas. Ata hoxe, nada de nada. 



   E non chega con poñerse sentimental, apelar ós afectos e os sentimentos, ó futuro segado de 27 persoas inocentes, ó sufrimento e ó horror, á proximidade coas familias directamente afectadas. A política, os presidentes, están para resolver os problemas, para darlles, agora xa, unha solución transitoria na boa dirección, cara a definitiva. E toda a sociedade americana coñece perfectamente cal é o camiño. Aínda que non queiran recoñecelo. Cantas máis armas e máis mortíferas estean á libre disposición de calquera, enfermo ou non, en tendas e supermercados, mentres a cultura das armas sexa promovida polos propios fabricantes e os media, con apoloxía frenética, como un dos negocios máis rendibles, a violencia verase multiplicada, e outras matanzas de inocentes, como a que vimos de coñecer, lamentablemente, chegarán con puntualidade precisa, cada ano.

   Ben sei que non é nada fácil. Os intereses acochados na promoción e a venda de armas nos EE.UU. son poderosísimos. As campañas millonarias que destinan cada ano as empresas fabricantes a publicitar a tenencia, uso e venda de armas son extraordinarias. E a cidadanía americana leva demasiados anos bombardeada e alarmada coa súa propia e individual seguridade.



   En calquera caso, restrinxir as facilidades de acceso ás armas con limitacións severas, impulsar políticas de prevención, cambiar mentalidades con campañas consensuadas, reflexionar colectivamente sobre a vixencia ou non dunha  Emenda pensada para unha época ben distinta da actual, con sentido de Estado, con independencia da política partidaria concreta, resulta imprescindible si de verdade se quere avanzar na resolución dun gravísimo problema nacional.



   Porque non estamos a falar de ficción, de películas de Hollywood, de montaxes televisivos, de contos. Trátase da vida de moitas persoas inocentes, anualmente, con matemática precisión, vítimas dunha lei, dunha normativa e dunha Emenda, que matan, de verdade, roubando para sempre a vida e o futuro.

2 dic 2012

DEREITOS HUMANOS: ENTRE DESCOÑECIDOS E VIOLENTADOS

  

    O vindeiro luns, 10 de Decembro, cumpriranse 64 anos desde a aprobación da DECLARACION UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS. Foi na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, en 1948, tres anos despois da súa constitución. Trátase, para mín e para outras moitas persoas, sen dúbida, do documento internacional máis influínte do século XX. Naquela sesión histórica, a Asemblea Xeral pedíu tamén a todos os estados membros que publicasen o texto da Declaración e dispuxesen que fose distribuído, exposto, lido e comentado nas escolas e outros establecementos de ensino...
      Despois de tanto tempo, 64 anos, o grao de coñecemento da cidadanía sobre a citada Declaración, mesmo no noso contexto económico e social, segue a ser moi escaso. Creo que non é por casualidade...
   Con frecuencia pregunto a alumnado universitario, tamén a profesorado en activo, cántas veces, ó longo da súa dilatada vida académica, tiveron ocasión de coñecer, reflexionar, ver, tocar, ou traballar, co magnífico Preámbulo e os 30 artigos da Declaración Universal. As respostas, aínda hoxe, non poden ser máis decepcionantes. Unha minoría, desde logo moi minoritaria, recoñece que en certa ocasión tivo a oportunidade de traballar co texto nalgún curso da súa longa vida escolar. Polo contrario, a maioría, afirma descoñecer a Declaración, o número dos seus artigos ou o contido e significado dos mesmos. Nada saben da orixe do documento, dos seus redactores, das personalidades consultadas antes da súa aprobación, ou sobre o grao de cumprimento dos dereitos e a súa vulneración porque, como repetimos tantas veces, a historia dos dereitos humanos é tamén, a historia da súa propia violación. E non só nos países máis empobrecidos...
      En consecuencia, aquel mandado da Asemblea Xeral de difundir e divulgar a Declaración Universal non foi cumprido ou, digámolo mellor, non o suficiente. Tampouco as institucións dos estados e as autoridades educativas tiveron moito interese. Foi a sociedade civil e as súas organizacións non gubernamentais, as máis activas en dar a coñecer os Dereitos Humanos entre a cidadanía, nas escolas, nos institutos, nos medios..., na vida, nomeadamente Amnistía Internacional.
      En Galicia, o Seminario Galego de Educación para a Paz fixo un esforzo enorme desde finais de 1985, con moi poucos medios, publicando e distribuíndo distintas unidades didácticas,libros de texto, artigos, materiais, documentos, minilibros divulgativos, anuncios de televisión, documentais e outros audiovisuais, exposicións, así como numerosos actos conmemorativos en colexios e institutos, e lecturas colectivas da Declaración Universal. Na súa páxina web, www.sgep.org existe un apartado específico dedicado ós Dereitos Humanos, onde calquera persoa interesada pode baixar por impresora os recursos citados.
      A falla de apoios institucionais, particularmente da Consellería de Educación e Cultura, que presidíu, na anterior lexislatura, Jesús Vázquez Abad (que lamentablemente recuncará catro anos máis, para nosa desgraza e a do ensino público de calidade), levou ate o límite das súas posibilidades a unha entidade creada -hai xa 27 anos- para difundir, precisamente, na escola e na sociedade, os valores cívicos e democráticos, os dereitos humanos, a cultura da paz e a nonviolencia, así como para contribuír á mellora integral da convivencia escolar.
      Non interesa. Desde logo nada de maneira seria e continuada, rigorosa, algo máis alá dunha foto litúrxica do conselleiro, presidente ou alcalde de turno, unha forma ritual de tranquilizar a conciencia, con mínimo gasto e ningún custe. A Declaración Universal dos Dereitos Humanos, para estas persoas, non é máis que unha referencia moi lonxana, de utópicos e inxenuos pacifistas fora da realidade. Unha mágoa. A proba do 9 foi a supresión da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos do currículum escolar á primeora oportunidade que tiveron.
 
   En certo modo podo comprender que non sexa do seu agrado o extraordinario Preámbulo da Declaración, sobre todo cando afirma:

    Considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinaron actos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade, e que se proclamou, como a aspiración máis elevada do home, o advenimento dun mundo en que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gocen da liberdade de palabra e da liberdade de crenzas...  Considerando esencial que os dereitos humanos sexan protexidos por un réxime de Dereito, a fin de que o home non se vexa compelido ao supremo recurso da rebelión contra a tiranía e a opresión...

   Comprendo tamén que o citado Preámbulo, como o seu articulado posterior, para determiñadas mentalidades conservadoras, no político e no social, a Declaración de 1948, pareza, aínda hoxe, 64 anos despois, excesiva. Non o era, desde logo, para Eleanor Roosevelt,  René Cassin, Charles Malik ou Víctor Raúl Haya de la Torre, por citar só a algunhas das extraordinarias personalidades que a redactaron. O seu pensamento e obxectivos os están vulnerando cada día, coas políticas que están a desenvolver, na medida en que atentan gravemente contra da dignidade das persoas, a súa liberdade e seguridade ou a igualdade diante da lei... (artigos 1, 3 e 7), particularmente, cando manifesta que ninguén será privado arbitrariamente da súa propiedade (artigo 17), como acontece coas chamadas preferentes, por citar un exemplo.

     Por non falar do artigo 22 cando establece:

Toda persoa, como membro da sociedade, ten dereito á seguridade social, e a obter, por medio do esforzo nacional e da cooperación internacional, habida conta da organización e os recursos de cada Estado, a satisfacción dos dereitos económicos, sociais e culturais, indispensables á súa dignidade e ó libre desenvolvemento da súa personalidade.

    Os artigos 23, 24 e 25, están sendo, ó meu modo de ver, vulnerados:

Toda persoa ten dereito ó traballo, á libre elección do seu traballo, a condicións equitativas e satisfactorias do mesmo e á protección contra o desemprego... Toda persoa ten dereito ó descanso, a gozar do tempo libre, a unha limitación razoable do tempo de traballo e a vacacións periódicas pagadas.

   Ou o artigo 25:

Toda persoa ten dereito a un nivel de vida axeitado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a manutención, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servicios sociais necesarios; ten así mesmo dereito ós seguros no caso de desemprego, enfermidade, invalidez, viuvez, vellez ou outros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade.

   O artigo 26, inspirador -como outros- da nosa Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia está dedicado á Educación, e merece ser reproducido íntegro:

1. Toda persoa ten dereito á educación. A educación debe ser de balde, polo menos no que se refire á instrucción elemental e fundamental. O ensino elemental será obrigatorio. A instrucción técnica e profesional terá que ser xeneralizada; o acceso ós estudios superiores será igual para todos, en función dos méritos respectivos.
2. A educación terá como obxectivo o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto ós dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e todos os grupos étnicos e relixiosos; e promoverá o desenvolvemento das actividades das Nacións Unidas para manter a paz.
3. Os pais terán dereito preferente a escoller o xeito de educación que se lles deberá dar ós seus fillos.

   O artigo 28 resulta particularmente vulnerado no seu contexto nacional e internacional pois o capitalismo, na súa etapa actual, non garante o seu cumprimento:

Toda persoa ten dereito a que se estableza unha orde social e internacional na que se fagan plenamente efectivos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración.

     Para rematar referireime ó último dos seus 30 artigos, aquel que establece que a Declaración Universal non pode interpretarse en sentido restrictivo ou en beneficio dos Estados:
Ningunha cousa da presente Declaración se poderá interpretar no sentido de que confire algún dereito ó Estado, a un grupo ou a unha persoa, para emprender e desenvolver actividades ou realizar actos tendentes á supresión de calquera dos dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración.

  Quizáis agora podamos comprender mellor por qué a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, segue a ser un gran referente político para toda a Humanidade e, ó mesmo tempo, unha gran descoñecida, mesmo hoxe, 64 anos despois...

18 nov 2012

A propósito de Mónica Patricia, in memoriam



   As relacións entre iguais son moi complexas, na vida, e nos centros escolares. As cousas, por moito que nos empeñemos, non son brancas ou negras. E os institutos son, o repetimos moitas veces, microsociedades que reproducen, para ben ou para mal, a formación social da época na que están inmersos.
   Os conflitos existen, existiron e seguirán a existir, dentro e fora das aulas, porque somos seres libres, porque temos intereses, aspiracións, desexos..., distintos. Do que se trata é de aprender a resolvelos conflitos de maneira pacífica, de prevelos, de desaprender as violencias, na casa e na escola, de intervir sobre eles, antes, moito antes, de que dexeneren e rematen en consecuencias irreparables, como foi o caso de Jokin en Hondarribia en 2005 ou agora o de Mónica Patricia en Ciudad Real.
   Conflitividade e convivencia escolar, son un binomio co que lidiamos, cada día, con mellor ou peor acerto, e con escasos recursos e apoios, con moito voluntarismo, os profesores e profesoras, nos miles de colexios e institutos que abren as súas portas diariamente, con horarios sobrecargados, macrocentros, ratios elevadas, e formación específica deficiente.
   Existen múltiples actores á hora de abordar -con garantías de éxito- a conflitividade escolar, sobre todo a súa prevención e mellora. Os primeiros, antes que ninguén, son os pais e as nais, a educación afectivo emocional nas familias, como mellor antídoto contra das violencias. Logo está a escola, o colexio, o instituto, a comunidade educativa enteira, para reforzar ou corrixir actitudes, comportamentos e valores. Para intervir, educando.
   Mais tamén teñen moita responsabilidade as autoridades educativas coas políticas que promoven ou coas súas inhibicións. Non chega con lamentarse, con abrir investigacións, conceder o título de autoridade ou obrigar a crear aulas de convivencia segregadoras, por exemplo, pensando que a convivencia escolar se aborda, sobre todo, con protocolos e regulamentos disciplinarios e de seguridade, esquecéndose -deliberadamente- dos Plans Integrais de Mellora da Convivencia Escolar, como acontece en Galicia, da súa aplicación e desenvolvemento, ou do Observatorio Galego da Convivencia Escolar, que non se reuníu en toda a lexislatura pasada, e do que non coñecemos iniciativa algunha, en case que catro anos. Ou desmantelando por completo a estructura de formación do profesorado, ou eliminando a materia de Educación para a Ciudadanía e os Dereitos Humanos.
   E os medios de comunicación, na forma de achegarse a esta realidade complexa, no tratamento que escollen, mais tamén nos valores e modelos que transmiten, nos titulares que publican, na imaxe que dan dos centros educativos, da comunidade educativa e do profesorado. Non pode ser que unha pelexa á porta dun instituto acapare primeiras pàxinas mentres que a actividade diaria dos equipos de mediación e tratamento de conflitos, dos servizos de orientación, que existen e funcionan razoablemente ben en tantos, pola xeografía adiante, non sintan o alento da sociedade e dos seus medios.
   Con frecuencia, alarmados por acontecementos dramáticos, como o suicidio de Jokin ou o de Mónica Patricia, en Ciudad Real, moi recentemente, escoitamos ou lemos con tristeza interpretacións que buscan atopar as responsabilidades na propia víctima ou na súa familia. Tamén as hai que tratan de culpabilizar ó instituto, ó profesorado, pola súa incapacidade para detectar a tempo unha situación de maltrato entre iguais que, por suposto, despois do tráxico desenlace, parecía evidente para tantas persoas...
   Con moita facilidade (e menor coñecemento) observamos en colegas, medios, etc, identificar estes acontecementos cun palabro en inglés, o chamado “bullying” ou mellor, acoso escolar. Titulares e crónicas, en moitas ocasións máis próximos ó sensacionalismo que ó rigor, o veñen usando, ás veces con demasiada alegría, para trasladar á opinión pública que o problema está dentro dos muros da escola e dos institutos. Da a impresión, como teño referido noutros artigos, de que os centros educativos fosen “territorio comanche”. Nada máis lonxe da realidade. Ou de que o profesorado arrastra, sobre todo nos últimos anos, os democráticos quizáis?, un déficit de autoridade que necesita recuperar para que estes fenómenos desaparezan. Pois tampouco.
   Sen dúbida, a morte de Jokin significou un antes e un despois. Puxo na axenda educativa xeral un problema que, ata aquel momento, formaba parte do pensamento e da actuación de persoas, grupos ou entidades minoritarias que viñan traballando, dentro e fora dos centros, na mellora integral da convivencia escolar, tratando, ademais, de sacar da súa tradicional opacidade, fenómenos que todas e todos coñecemos, pola nosa propia experiencia escolar, como son, o matonismo, o racismo, a discriminación, o maltrato, as violencias. Quen non viu escenas de insulto, abuso, agresión... ó longo da súa propia vida académica?. Polo tanto, non estamos a falar dun fenómeno novo, nen sequera recente, aínda que os novos formatos, nos últimos anos, certamente, complementan e multiplican as vellas fórmulas con situacións, por exemplo, de ciberacoso, a través das pantallas e a difusión masiva por medio dos móbiles e da internet.
   O caso de Mónica Patricia, en Ciudad Real, ten toda a complexidade que o maltrato entre iguais reviste. Ademáis, o racismo e o clasismo, probablemente, ilustren o resultado das investigacións en curso, nos seus diferentes ámbitos, educativo, policial e xudicial. En calquera caso, algunhas cuestións parecen obvias. Non se detectou a tempo, as alertas de prevención, si existían, non funcionaron, a nena non recibíu a protección imprescindible (a opción de cambiala de clase e de centro non é, non debe ser, para a víctima do maltrato senón para os maltratadores, de existir e comprobarse), por citar algúns exemplos.
   Á espera do resultado final das averiguacións, quixera aproveitar para reiterar que, existindo casos como o que nos ocupa, mínimos por sorte, na cantidade inmensa de alumnado que vive e convive nos colexios e nos institutos, diariamente, a convivencia escolar, a pouco que se faga por promovela, mellora significativamente, ó igual que os resultados académicos, diminuíndo, ó tempo, o fracaso escolar. Por iso, invertir en prevención, en plans de mellora da convivencia, na formación específica do profesorado en servizo, en mediación, creando equipas de tratamento de conflitos, en todos e en cada un dos centros escolares, favorece non só a convivencia senón tamén o éxito escolar.
   Lamentablemente as autoridades educativas competentes non están por esta labor. Un dos sectores máis agredidos polas políticas de restricción do chamado “gasto” público é precisamente a educación pública e, dentro dela, as partidas destinadas á formación do profesorado, á atención personalizada e á diversidade, a orientación, o reforzo, ou a convivencia escolar. Son os propios centros, co seu esforzo, os que suplen a desidia e o desinterese da administración educativa.
   As magníficas experiencias de aulas de convivencia non segregadoras que existen en Galicia, as equipas de mediación e tratamento de conflitos que veñen funcionando sen apoios institucionais, os encontros de alumnos e alumnas mediadoras, como o que se celebra anualmente no IES Fin do Camiño de Fisterra, son exemplos de iniciativas da sociedade civil, que parten do propio profesorado, e que as autoridades educativas ignoran, cando non ocultan.
   Evitar sucesos como o de Ciudad Real ou o de Hondarribia obrígannos e esíxenos a todas e a todos, a pais e a nais, profesorado, alumnado, á comunidade educativa enteira, ós medios de comunicación, pero sobre todo, ás autoridades políticas que teñen a competencia plena, que son as responsables de poñer en marcha, consolidar e desenvolver as materias, os plans e os instrumentos dos que nos dotamos para mellorar a convivencia escolar e prever as violencias. Ate erradicalas definitivamente.
   O 20 de Novembro celebramos en todo o mundo o Día Internacional dos Dereitos da Infancia, unha magnífica ocasión para reflexionar nos centros escolares, nas familias, nos medios, na administración educativa, sobre conflitividade e convivencia, e facer propósito da enmenda.

Manuel Dios Diz é mestre, profesor no IES de Cacheiras en Teo, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz e forma parte do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido prestixio.

24 sept 2012

A reforma de Wert: Innecesaria, anacrónica e centralista






A reforma de Wert:
Innecesaria, anacrónica e centralista
Manuel Dios Diz

         A primeira reflexión que se me ocorre sobre a nova lei de educación, a promovida polo ministro Wert,  é que, nos termos en que se propón, no fondo e na forma, resulta completamente innecesaria. Efectivamente, parece unha cortiña de fume para tentar distraer a atención do debate social e as numerosas protestas contra dos drásticos recortes que o PP está propiciando, aceleradamente, cunha caída dos indicadores de calidade, sobre todo, polo incremento de ratios na secundaria e a non renovación de miles de profesores e profesoras co incremento da carga horaria lectiva, amen da supresión de servizos de atención, reforzos, etc.
         No caso de Galicia son centos (sobre 800 segundo os sindicatos) os docentes que pasaron xa ó paro, con todo o que conleva tal situación, para eles e as súas familias. Nunca antes acontecera algo similar e o mérito vai todo para Jesús Vázquez Abad, sen dúbida, o peor conselleiro de educación da democracia, aquel que pasará á historia da nosa autonomía non só por ser o que mais, e con máis saña, atentou contra da nosa lingua e cultura, senón tamén, o que, desobedecendo -con coñecemento de causa- ó Tribunal Supremo, seguiu financiando a educación concertada que segrega por sexos, noutras palabras, ó Opus Dei, sen rubor algún, facendo méritos para que Feijóo o premie como primeiro candidato por Ourense, como o seu mellor hooligan. Quen o ía a dicir... pero sobre todo, por levar á ruína, o sufrimento e a desesperación, a moitas persoas e familias, en moitos casos hipotecadas de por vida, con crueldade.
         Innecesaria, ademais, porque somos o Estado que máis reformas educativas puxo en marcha en menor tempo. Nisto si que somos campións do mundo. E maioritariamente sen acordo, sen consenso, por imposición. Así, desde que aprobamos a Constitución de 1978, ata hoxe, sae aproximadamente a unha media dunha lei de educación por cada dous anos e medio. Vaia marca!. Lamentable, para a educación e para toda a comunidade educativa, para o país enteiro, si temos en conta que necesitamos uns doce anos para avaliar -con rigor- os resultados dunha reforma educativa.
         Pero é que ademais, esta nova lei (Wert non ía a ser menos) fíxose sen debate social algún, sen acordo, nin político nin social nin tampouco educativo. Compre lembrar aquí ó admirado ministro Angel Gabilondo quen tentou, sen éxito, precisamente pola intransixencia do PP, un acordo educativo que introducira serenidade e sosego nos centros escolares por moitos anos. Estivo a punto de acadalo pero os intereses electorais, ó final, frustraron tan meritoria intención que reclamaba todo o sector a voces.
         Claro que necesitamos mellorar os resultados académicos do alumnado, atallar o absentismo, diminuír o fracaso escolar e social…, os docentes o sabemos mellor que ninguén. Como tamén somos conscientes de que as melloras da calidade non son sempre cuestión de recursos, evidentemente. Sen embargo, calquera sabe que unha reforma educativa non se fai contra o profesorado e contra a comunidade educativa. O máis torpe dos ministros debera coñecer esta obviedade: que as escolas e os institutos non cambian a golpe de Boletín Oficial do Estado ou de Diario Oficial de Galicia. E noito menos si, previamente, sometemos á profesión docente a unha denigración xeral inxusta, a recortes económicos moi relevantes en salarios de por si moi baixos, suprimimos pagas extras, empeoramos notablemente as súas condicións laborais ou aplicamos un recorte drástico de financiación. Un conxunto de medidas regresivas que van, precisamente, na dirección contraria á mellora da calidade. Particularmente o anuncio do que aínda está por vir, é dicir, a diminución significativa da porcentaxe do PIB que España dedica a educación, contra todas as recomendacións internacionais. A verdade é que, neste aspecto, nunca chegamos ó 6% do PIB, suxerido e aplicado por moitos países do noso entorno desde hai anos. Quedámonos, no mellor momento, moi cerca do 5%. Agora, coas novas medidas, baixaremos ó 3,9% do PIB, unha caída libre que nos leva a principios dos anos '80 en recursos destinados á educación.
         E mentres isto acontece, seguimos a financiar (despilfarrar sería mellor dicir) recursos escasos subvencionando a colexios sectarios e de elite como os do Opus Dei (5 deles en Galicia) que segregan por sexo, vulnerando deliberadamente as sentencias recorrentes do Tribunal Supremo e blindando, na propia lei, tal práctica de financiación privada con fondos públicos para os seus amigos. ¿Onde queda aquilo de respetar as decisións xudiciais, o imperativo legal?. O PP ten uns principios, como Groucho, pero os cambia si non interesan... Nada novo si observamos o que fan co rescate da banca privada ó tempo que abandonan á súa sorte á maioría, todo moi cristián...
         E seguimos a manter a financiación pública do ensino concertado, incrementando as subvencións en tempos de crise, e o profesorado de relixión, e a catequese nos centros escolares... mentres que suprimimos a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos por... ¡adoutrinadora!. Vivir para ver...
         A segunda reflexión é que a reforma educativa aprobada no consello de ministros resulta anacrónica, non só polo que vimos de comentar, porque nos retrotrae ó pasado, a modelos superados en todo o mundo, senón que desprende, ó lela, un tufo a incenso e a formación do espírito nacional que tira para atrás, a un neoliberalismo do máis rancio, con continuas apelacións á competitividade, ós mercados, á segregación do alumnado a idades máis temperás, ó desvío dos que cargan con máis dificultades cara outros itinerarios de fracaso, retomando as vellas aspiracións da dereita en relación cun modelo equitativo recoñecido internacionalmente. Demasiado equitativo. Moi igualitario. Xa está ben de que os fillos de un calquera podan ir á universidade. Onde se viu tal cousa?
         Trátase de eliminar, canto antes, ós que estorban, para dedicarse, tamén, canto antes, ós excelentes, é dicir, ós fillos e fillas dos sectores económica e culturalmente máis favorecidos, tanta igualdade de oportunidades para que?, xa está ben de tanto igualitarismo...
         Reduce as competencias dos pais e das nais nos Consellos Escolares, reforza as funcións directivas e opta pola designación dos directores ó tempo que diminúe o peso das materias artísticas, da educación cívica, e volvemos á vella separación do coñecemento do medio na primaria con dúas materias, naturais e sociais.
         Terceira reflexión. Claro que se trata dunha lei centralista por moito que Wert se empeñe en desmentilo ou en utilizar eufemismos para disimulalo. O artigo dedicado ó currículo o afirma categoricamente. "Corresponderá ó goberno o establecemento e definición das competencias básicas de cada ensino e dos criterios para a súa avaliación e a fixación dos contidos comúns necesarios para a adquisición das competencias básicas". Non tardaron un minuto as autoridades educativas vascas e catalás en denuncialo. O noso conselleiro, polo contrario, está encantado con reducir as nosas competencias, aquelas que el está obrigado a defender por lei, as que figuran no Estatuto de Autonomía de Galicia. Vaia papeliño. Tanto os criterios de avaliación e as características xerais das probas de 2º e 6º de Primaria como as de 2º e 4º da ESO serán fixadas polo goberno central e aplicadas e cualificadas por especialistas externos a cada centro educativo. E outra proba máis de avaliación final do Bacharelato, máis madeira, tamén competencia do goberno central.
         Probablemente Wert soñe con aqueles anos nos que el era estudante e añore tempos pasados de exames e reválidas, de exclusión dos máis, de segregación sexual, de represión e incenso, de leite en polvo e queixo americano... A súa reforma camiña cara as montañas nevadas, bandeiras ó vento…
         Unha auténtica wertgoña…      

         Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia, profesor de Sociais no IES de Cacheiras (Teo), presidente e fundador do Seminario Galego de Educación para a Paz.


21 sept 2012

No 21 de Setembro, Día Internacional da Paz

   


   A paz é unha desas aspiracións xenuínas que a maioría da poboación mundial asume como propia. Trátase, polo tanto, dun obxectivo universal  compartido aínda que non figure, como tal, na Declaración dos Dereitos Humanos de 1948, aquela obra mestra que unha intelectualidade conmocionada pola recen rematada segunda guerra mundial redactou con entusiasmo e paixón contando co apoio -case que unánime- dunha Asemblea Xeral das Nacións Unidas que estaba a encetar, tamén, o seu camiño.

   Sendo unha desas reivindicacións que todo o mundo acepta, a paz mundial, sen embargo, non conseguimos facela realidade. Certo que a gran maioría dos conflitos, na vida, na sociedade, entre os estados ou dentro de cada un, resolvémolos sen recorrer á violencia armada. Por iso sobrevivimos como civilización. Porque poñemos por diante o diálogo, o acordo e a negociación, facemos as paces, como diciamos de nenos.

   Sen embargo, si un se deixa levar polo que le nos medios, escoita nas radios ou ve na televisións, os enfrontamentos bélicos, as guerras, as violencias de distinto xénero, parecera que son a norma histórica de comportamento da Humanidade. Desde logo que a guerra e a violencia fascinan, particularmente, ós seres humanos do xénero masculino, e venden produtos de todo tipo. Existe, sen dúbida, unha industria poderosa e un marketing que enxalza a violencia a cotío. Resulta un negocio moi rendible. Non só a produción e venta de armamento, máis de 4.000 millóns de dólares por día, senón toda a parafernalia que se move arredor das guerras reais ou simbólicas. O Ministro de Defensa, D. Pedro de Morenés y Álvarez de Eulate, sabe moito diso, con coñecemento de causa e unha vida dedicada plenamente ás armas como negocio.

   Os conflitos, as guerras, as violencias, son moito máis mediáticas que a paz, que as paces. Continuamente nos bombardean, nunca mellor dito, con imaxes e sons. Fannos sentir o horror, o horror, do que falaba o Coronel Walter E. Kurtz maxistralmente interpretado por Marlon Brando no Apocalipse Now de Coppolla. Por iso interesan máis os conflitos que a maneira en que se resolven. Nese caso chega con poñer a imaxe da sinatura do acordo de paz... e a outra guerra...

   Sería moi útil que dedicáramos algo máis de tempo a explicar non os conflitos en si, senón a forma en que a maioría se resolven, na vida, na sociedade, ó longo do tempo, sabendo de antemán que un xeneral que gaña unha guerra será condecorado e farase moito máis popular que aquel outro que a evitou. Porque neste aspecto, como en tantos outros, o ruído dunha árbore que cae sempre oculta á herba que medra, caladamente, cada día.

   Toda esta reflexión ven a conto porque hoxe, 21 de Setembro, celebramos o Día Internacional da Paz, proclamado polas Nacións Unidas e a UNESCO, aínda que son, somos, moi poucas as persoas que o sabemos. Si resulta certo que o que non se visualiza non existe, o Día Internacional da Paz está completamente invisibilizado nos medios, en practicamente todos, sen excepcións. E non será precisamente porque as entidades que traballamos, desde hai tantos anos, en sensibilizar á cidadanía pola cultura da paz, non o anunciemos. Non interesa. Que coñazo. Outro día de... de que?.

   Por iso hoxe colguei no meu muro de facebook aquela magnífica viñeta do Forges que dicía: "Hoxe é o Día Internacional da Paz. Desculpen as molestias".

   Pois iso...



   

   

21 ago 2012

D. Avelino


   

   Sempre vin a D. Avelino Pousa Antelo coa reverencia propia dun rapaz. Era da xeración do meu avó, D. José María Dios Busto, morto hai xa moitos anos, co que tiña moitas cousas en común. Galeguistas, republicanos, vinculados desde mozos co agrarismo, mestres vocacionais, con destinos ambos na comarca do Ullán, Cordeiro e Pontecesures, represaliados polo franquismo, logo da guerra incivil, como todas as guerras, horrorizados por aquela traxedia e a represión cruel que a prolongou, tantos anos...

   Cando decidín facer Maxisterio, alá polos primeiros anos '70, achegueime a D. Avelino, e por el coñecín a súa magnífica experiencia educativa, profundamente anovadora, asentada no país, da Granxa Escola de Barreiros, en Lugo, tan en relación coas Misións Pedagóxicas e a Institución Libre de Ensinanza, co pensamento educativo máis moderno da súa época, cos ideais da República, e en directa conexión cos postulados agraristas, nunha Galicia maioritariamente rural, agraria, gandeira e mariñeira, moito antes da industrialización posterior.

   Cando promoviamos o sindicalismo nacionalista, no ensino, nos distintos gremios laborais, con tantas dificultades e esforzos, apelamos tamén a D. Avelino, que era un habitual nos nosos actos e nas actividades formativas, nas escolas de verán, nos encontros e xornadas pedagóxicas, nas que compartía con outros docentes (ou aspirantes a selo), as súas vivencias e exemplos, co seu discurso sempre didáctico, emotivo, vehemente e retranqueiro.

   Coincidín tamén con el na acción política, no tardofranquismo e na chamada transición democrática, nas mesas e reunións entre os grupos políticos, na clandestinidade e logo en democracia. Representaba non só ó Partido Galeguista, senón ó galeguismo republicano sobrevivinte. Era unha conexión directa, persoal, de todas e todos nós, con aquela xeración irrepetible de Castelao e Bóveda, do Estatuto de 1936. A través del, con el, tocabamos a nosa mellor historia, un pasado que nunca debeu perecer, a sangue e fogo.

   E na súa teima cooperativista, a idea da cooperación fronte da competición, hoxe tan vixente, volvemos a coincidir na Cooperativa Santiaguesa de Consumo, Cosanco, nos seus comezos, un proxecto no que tantos docentes colaboramos.

   A mediados dos '80, co nacemento do Seminario Galego de Educación para a Paz, volvín a abusar da súa amizade e colaborou activamente nos traballos desenvolvidos, particularmente nos Encontros de Educación para a Paz en Compostela, en diversas ocasións, entre 1985 e 2010. Era o noso Socio de Honra máis ilustre, tamén o máis veterano, Premio Portapaz, polo seu compromiso co país e coa nonviolencia, cos dereitos humanos e os valores cívicos e democráticos, un exemplo vivo da cultura da paz. 

   Deixounos D. Avelino logo dunha longa e fecunda vida docente, política, persoal, sempre vinculado ó seu ideario galeguista, dedicado a salvagardar e protexer a memoria de Castelao, de Bóveda, da República, en contacto permanente coa terra, coa Nosa Terra, con entusiasmo, ilusión, esperanza... por vela xusta, libre, e dona de si. Quédanos o seu pensamento, as súas experiencias, o seu exemplo, unha referencia para tantas persoas de ben, e unha familia de docentes propia e outra, moito máis ampla, por Galicia adiante. 

   Para min, como para moitas outras persoas, foise un avó, un pai, un mestre, un anaco inmenso de país...

13 jul 2012

Somos o 99%...

 




    Contan as crónicas madrileñas que mentres Mariano Rajoy relataba no Congreso as súas medidas excepcionais para saír da crise escoitáronse berros como ¡Que se jodan!, ¡A trabajar, vagos! ou ¡A Cuba!, entre as bancadas populares, holigans ultracentristas que non eran quen de reprimir o seu entusiasmo.
   Efectivamente, a situación é excepcional, non tanto polas razóns apuntadas polo líder do PP senón pola que se nos ven enriba, ó 99%, á xente do común, ás clases medias, funcionariado, traballadores e persoas desempregadas. Por iso, diante de situacións excepcionais compren respostas excepcionais. Non chega con que cada quen actúe en conciencia. Faise imprescindible a máxima unidade política e social para facer fronte a este auténtico golpe de estado financieiro contra da maioría da sociedade, contra dos dereitos laborais e constitucionais, contra do Estado do Benestar e contra da democracia mesma. Necesitamos dunha estratexia conxunta, unitaria, de todas as forzas sociais, para respostar consecuentemente e parar, pacifica e democraticamente, o maior atentado contra dos dereitos da cidadanía.
   En realidade poderiamos afirmar que estamos diante dun xigantesco fraude electoral, unha estafa, un cúmulo de mentiras que amosan o grao de indecencia política ó que chegan algúns. Cabería estudar, tamén, medidas de tipo xurídico, por canto que se están a  vulnerar, desde o meu punto de vista, dereitos básicos constitucionais, xunto coa demanda dun referéndum cidadá sobre os recortes anunciados, a solicitude de eleccións anticipadas ou a mesma dimisión do presidente do goberno.
   As medidas aprobadas hoxe no consello de ministros, venres 13, coa anuencia de El Rey, irresponsable constitucionalmente, permiten falar tamén, dunha crise de réxime, non só de goberno.
   O obxectivo fundamental é saquear ás clases medias, ós traballadores e traballadoras que cobran por nómina, ó funcionariado, unha vez máis, ós desempregados, ó 99% da poboación, para darllo ós mercados, ós acredores, ós grandes bancos, sobre todo alemáns, e consorcios de inversións, especuladores, poñendo a economía e a débeda, sen rubor, por riba das persoas, hipotecando o noso futuro e o de xeracións, para tapar os roubos, a mans cheas, realizados pola banca española e as caixas en conivencia coas grandes construtoras e inmobiliarias, xunto cun despilfarro político asentado nunha corrupción intolerable. Diante dos nosos ollos, como nun xogo de mans, propio de expertos trileiros, déronnos un cambiazo maiúsculo, co obxectivo de transformar, por arte de birlibirloque, unha inmensa débeda privada, en débeda de todas e todos, en débeda pública soberana.
   E para pagala, para satisfacer as demandas dos acredores, bancos e consorcios, como dicía, apélase á maioría da sociedade, para sacarlle máis recursos, mentres que os responsables desta desfeita se van de rosiñas, con pensións e indemnizacións millonarias, vense premiados cunha amnistía fiscal inmoral e inxusta, ó tempo que eluden calquera contribución solidaria para afrontar as consecuencias dos seus propios actos. De tal maneira que, os ricos, as grandes fortunas, contrariamente ó que acontece en Francia, por exemplo, non terán que pagar ningún imposto solidario, nin tampouco un gravame polo comercio de luxo, que non para de aumentar. A Igrexa, outro exemplo, seguirá a non tributar o IBI e recibirá millóns anuais de financiación estatal alonxándose así da autofinanciación acordada hai tantos anos. Ou a Casa Real, ou o ensino privado, con subvencións millonarias que tampouco paran de aumentar, ou o profesorado de relixión nos colexios públicos nomeados polos bispos, como nos réximes teocráticos nun Estado formalmente aconfesional.
   Tampouco o Mº de Defensa verá diminuídos substancialmente os seus presupostos. O ministro Morenés y Díaz de Eulate garantirá o cobro da millonaria débeda contraída coa empresa privada para a que traballaba e seguiremos a gastarnos 1 millón de euros diarios pola presenza de tropas españolas no exterior. E continuarán as SICAVs, e os executivos do IBEX verán incrementar os seus salarios un 5%, en plena crise, ocupando o primeiro lugar entre os mellor pagados de Europa con salarios de 522.000€ de media. Quen dixo crise?, unha estafa, un fraude, unha política económica que defende, sen escrúpulos, os intereses dunha minoría, os deles, aqueles que sempre defenderon, en razón da súa clase.
   Pero é que aínda hai máis. Cando a cidadanía maioritariamente reclama aforros e recortes, por exemplo, nas Deputacións, no Senado, nos gastos suntuosos incomprensibles, Gaiás, porto exterior... ven Rajoy e reforza as competencias e recursos das deputacións provinciais, claro, sabe moito disto, do poder clientelar que supoñen. E o recorte de concellais nun 30%, na maioría dos concellos galegos, vai significar a consolidación artificial, fraudulenta, do bipartidismo, excluíndo ás forzas minoritarias, outra regresión democrática.
   E o peor de todas estas medidas é que non van a sacarnos da recesión, caerá a actividade económica, diminuirá o consumo drasticamente, aumentará o desemprego e chegaremos ós 6 millóns de parados, con menor cobertura, e cunha reforma laboral que so favorece o despido barato. Entraremos nunha depresión que nos empobrecerá máis e máis, á maioría da cidadanía, especialmente ós sectores máis febles que caerán, sen remedio, na exclusión, na mendicidade ou na marxinalidade social cos riscos evidentes derivados para a convivencia, e medrarán as desigualdades de todo tipo.
   A cultura do medo, a invitación á resignación: non hai máis remedio, son medidas impostas, non hai alternativa..., atronarán nas teles e demáis medios de comunicación para favorecer a parálise e asegurar o voto conservador.
   Necesitamos, como auga de maio, outras políticas, outras prioridades, decencia, honestidade, radicalidade democrática, outra cultura política, valores cívicos e democráticos, poñer a economía ó servizo da cidadanía e non ó revés, lexislar para o 99%.
   Por iso faise imprescindible que as forzas políticas e sociais, contrarias a esta saída da crise, deseñada en beneficio dunha minoría, se senten e acorden unha estratexia conxunta, en defensa do Ben Común, unitaria, con protestas e propostas, propostas e protestas, mobilizadora, xurídica, electoral, para botar do goberno a esta tropa e devolver a esperanza e a ilusión ó noso pobo, Comprometidos por Galicia, desde xa.

29 jun 2012

COMPROMISO POR GALICIA


   COMPROMISOXGALICIA é un novo referente político e está en construción, está por rematar, non debemos esquecelo. Non temos o ramo posto, aínda non houbo alboroque. Estamos a poñer os piares, e esta nova forza política a estamos construíndo entre todas e todos, por abaixo, por arriba, arredor, polas beiras, polo centro, interactivamente, en rede… 

  Compartimos, con tantas galegas e galegos, a necesidade e a urxencia dunha nova forza política, pero sobre todo, desexamos outra cultura política, outras formas e maneiras de acción política, novas, distintas, das que vemos a cotío no Parlamento Galego e fora del.

  Unha forza política asentada, antes que nada, en principios éticos, en valores, sen os cales todo o demais perde o seu sentido, convértese en retórica política, palabrería oca.

   Cando falamos de valores, non estamos a referirnos ós valores do mercado ou dE bolsa, pensamos nos valores cívicos e democráticos, os valores de cidadanía, aqueles que consagrou magnificamente a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, iso que algúns chaman tamén as virtudes cívicas e laicas que veñen a nós desde a Ilustración, de cando deixamos de ser súbditos e pasamos a ser cidadás, aínda que algúns pretendan levarnos, outra vez, á subordinación.

   Referímonos ós valores democráticos, ises que tanto custou garantir e que hoxe están profundamente amenazados: a dignidade, a liberdade, a xustiza, a solidariedade, a paz, a nonviolencia, a honestidade, a decencia política, porque sen estes valores, a  acción política apodrece, deixa de ter o seu sentido.

   Como reiteramos na Educación para a Paz: “Evitar contradiccións entre o que dicimos e o que facemos” iso é a coherencia política.

  Queremos ser unha cooperativa política, moi lonxe da competitividade política e social máis propia da guerra fría. Estamos e queremos respostar ás necesidades e demandas da cidadanía galega do século XXI, cooperativamente, en colaboración, en rede, facendo iso que chamamos traballo cooperativo, sumando, colaborando, para multiplicar.

E cales son os valores da cooperación política?

A axuda mutua, o ben común, o esforzo propio, a responsabilidade, o compromiso cos demais, o COMPROMISO X GALICIA.

   Stéphane Hessel, ese mozo de 95 anos, hai case que dous anos xa, nun panfleto titulado “Indignádevos”, libro publicado en galego cun prólogo magnífico de Manolo Rivas,  “A nova conquista do pan”, dounos unha lección maxistral a todas e a todos,  e inspirou a revolta indignada. Dixo: É tempo de acción, de participación, de non resignarse. É tempo dunha democracia xenuína. Tempo de mobilizarse, de ser actores e non só espectadores impasibles, progresivamente uniformados, gregarizados, obedientes…

   COMPROMISOXGALICIA, aséntase, sobre todo, en dous piares básicos, as profundas conviccións galeguistas e a vontade transformadora

   Recollemos as achegas tanto do galeguismo político como do soberanismo cívico, do progresismo e da esquerda renovadora, a cultura da paz e do pacifismo, a xustiza social, os dereitos humanos e dos pobos, o ecoloxismo político, a economía solidaria, e a radicalidade democrática, e aquí, neste espazo amplo e plural sentímonos cómodos, todas as forzas que compoñen hoxe CxG, como a maioría da sociedade galega se sinte amparada nesta ampla definición política. E a esa inmensa maioría nos diriximos,  con vocación de goberno.

   Compartimos tamén esa imperiosa necesidade de rexeneración política, queremos contar e non ser contados cada catro anos, como a maioría da sociedade. Ese é o espazo sociolóxico e electoral a quen queremos dirixirnos, a maioría social, con quen queremos construír e asinar este COMPROMISO, comprometidos, comprometidas co país, coa súa xente, coa súa lingua, coa súa cultura, co seu extraordinario patrimonio natural, paisaxístico, histórico, artístico… tan ameazado, e coa igualdade entre homes e mulleres, un Compromiso con Galicia, cos seus dereitos individuais e colectivos, coa transformación social, en beneficio do 99%. Con fondas raíces no país e coas ponlas abertas ó mundo, prestando toda a nosa atención ó que acontece, pensando globalmente, actuando localmente, con esa universalidade tan moderna que tiña o galeguismo histórico. 

   Pasaron os tempos da indignación, aínda que as causas da mesma persistan, pero lembrade, tan só se indigna quen ten dignidade.

   Temos que coller o país entre as mans, de todas e de todos, porque estamos diante dunha crise sistémica, non só nunha época de cambios, senón nun cambio de época. O neoliberalismo non da máis de si. 

   Seguen a morrer diariamente máis de 60.000 persoas de fame. Mentres, sen ruborizarnos, seguimos a gastar máis de 4.000 millóns de dólares ó día en armamento. A esperanza de vida, en Galicia, no Canadá ou en Alemaña supera os 80 anos. Na maior parte de Africa esa esperanza de vida redúcese á metade.

   Esta economía de guerra, depredadora da natureza, non ten futuro. Con estas prioridades nunca poderemos cumprir cos Obxectivos do Milenio. Cústanos a todas e a todos, 1 millón de euros diarios a nosa presenza militar no exterior, mentres a maioría da poboación camiña pola senda dos recortes, da pobreza e da exclusión progresiva.

   A democracia, tal e como a coñecemos, coas súas limitacións, coas súas carencias, está sendo secuestrada diante dos nosos ollos. As institucións supranacionais, a UE, O G7, o G8, o G20, o FMI, o Banco Mundial, son hoxe instrumentos ó servizo dos intereses dunha minoría, por iso defenden a desregulamentación máxima da economía, a ausencia de controis, de fiscalización, e manteñen os paraísos fiscais ó tempo que toleran ou alentan o tráfico de capitais, de armas, de drogas ou de persoas.

   Europa, secuestrada, ó servizo dos mercados e dos mercaderes, dos bancos e dos acredores, decide rescatarse a si mesma, ós estados máis endebedados, poñendo a economía e os intereses dos banqueiros por riba das persoas e da xente do común. Esta é, probablemente, a maior contradición na que vivimos. Son os traballadores e as clases medias as que financian, os que financiamos, a recapitalización da banca e unha saída da crise en beneficio exclusivo dos que a crearon, por iso escoitamos tanto o de que isto non é unha crise, é unha estafa, unha magnífica escusa para dar por finiquitado o Estado de Benestar.

   Queremos máis democracia e mellor democracia, Boaventura de Sousa Santos fala de “Democratizar a democracia”, aquí está a base do que defendemos, a radicalidade democrática, as listas abertas, a elección do candidato ou candidata en primarias abertas á cidadanía, a limitación de mandatos, a exclusividade dos cargos públicos, a firmeza e a exemplaridade coas persoas imputadas, a  intolerancia cero con que mete a man na caixa ou se beneficia do seu cargo político.

  Federico Mayor Zaragoza, con frecuencia, conta esta histor¡a verídica. Dominique Lapierre, hai anos, levoulle algo de diñeiro recollido a Teresa de Calcuta, era moi pouco, e díxolle: Non puidemos xuntar máis. Xa sei que isto é como unha pinga no océano… e a nai Teresa respostoulle. Si, pero sen esa pinga, o océano a botaría en falla…

   Burke non o dixera mellor cando afirmaba: “Mágoa que por pensar que podían facer pouco, non fixeron nada”

   Pois por iso mesmo,  Galicia está tamén nunha encrucillada. COMPROMISOXGALICIA fai propio aquel vello lema do Mahatma Gandhi cando berraba “Actúa. Se ti o cambio”. 

4 jun 2012

Na terra de Paulo Freire: sobre o II Foro Mundial de Educación Profesional e Tecnolóxico celebrado en Florianópolis (Brasil)




       Florianópolis é unha illa ó sur de Río e Sao Paulo, que foi colonizada por azorianos, desde logo que teñen moito parecido, mar bravo, lagoas interiores como a da Concepción, e unha floresta verde moi exuberante como a das illas portuguesas. Alí ven de celebrarse o II Foro Mundial de Educación profesional e tecnolóxico baixo o lema xeral “Democratización, emancipación e sustentabililidade”.


O Foro Mundial de Educación (FME) naceu ó albur do Foro Social Mundial (FSM) celebrado por primeira vez en Porto Alegre en 2001. Desde aquela téñense celebrado numerosos Foros Mundiais, algúns deles temáticos e outros territoriais. Entre eles, por exemplo, o ibérico que tivo lugar en Córdoba ou o que organizamos en Santiago de Compostela en 2010 sobre Educación, Cultura de Paz e Dereitos Humanos.

O Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz son membros natos do seu Consello Internacional e nesa calidade tiven a honra de participar en varios deles, en Porto Alegre, en Gravataí, en Caracas... e agora en Florianópolis.

Brasil, para quen non o coñeza, sempre sorprende agradablemente, non só pola súa dimensión continental ou pola súa exuberancia paisaxística, senón tamén, polo seu dinamismo e creatividade, polo seu compromiso cos movementos sociais e a educación, alí naceu o altermundismo, outro mundo é posible, e alí a educación, desde hai moito tempo, co mestre -sempre na memoria- Paulo Freire, ocupa un lugar central nas políticas públicas que os distintos gobernos do PT veñen desenvolvendo, xunto coa loita contra da pobreza. Estar no Brasil é como volver á casa grande, descubrir que a nosa lingua, con acentos e matices, fálase nun país de máis de 100 millóns de habitantes, a sexta economía mundial, e cun potencial de crecemento extraordinario.

O acto inaugural do II Foro Mundial de Educación Profesional e Tecnolóxico, como corresponde a Brasil, fíxose nun sambódromo. En ningún outro espazo máis acaído, sobre todo, porque con 24.000 inscritos, dixen ven, 24.000, de todo Brasil, non había lugar onde xuntalos. Profesores e profesoras de tódolos niveis educativos, mais especialmente dos institutos de formación profesional, abarrotaron, durante 6 días, salóns e aulas, carpas e stands, a cidade enteira, coas súas bolsas e identificacións. Delegacións de máis de 70 países, palestrantes (como chaman ós relatores) internacionais, de América Latina, EE.UU, Europa, preferentemente, para partillar experiencias desde unha perspectiva crítica, emancipadora e sustentable.

No acto inaugural, como dicía, interviron as representacións institucionais, da cidade, do Estado, da Universidade, do FME, Albert Sansano,en nome do Consello Internacional, pero quixera referirme a algo insólito que aconteceu. Diante de máis de 8.000 persoas, o ministro de educación do Brasil, Aloizio Mercadante, atreveuse non só a saudar e facer un discurso laudatorio do FME, senón que pasou a explicar, con todo detalle, a política educativa do seu ministerio, desde a educación infantil ata a universidade, cun resultado desigual. Algunha medidas, como a de dotar de tablets a todo o profesorado, levantaron o entusiasmo dos asistentes. Outras, como as que tiñan que ver cos salarios, a carreira docente ou o ensino superior, provocaron fortes abucheos dos máis mozos, cunha folga convocada para dentro duns días, e berros de ¡mentira! ¡mentira!. Algo completamente impensable en España ou en Galicia, que o ministro ou o conselleiro de educación sometan á consideración de varios miles de persoas, na súa maioría profesorado, a súa política educativa.

Nas sesións plenarias, todas as máñás, de 9:00 a 12:30 horas, a participación foi extraordinaria, o salón de actos, de 2.600 butacas, completamente cheo, durante máis de tres horas, e actividades paralelas autoxestionadas, con niveis de participación elevadísima. Informouse de que, diariamente, máis de 15.000 persoas circulaban polos distintos espazos de maneira permanente e simultánea. Damos fe.

A primavera árabe, o movemento 15 M, as redes sociais, as transformacións derivadas da Internet, o software libre, as experiencias educativas dos institutos de formación profesional de Brasil e do mundo, os cambios producidos polas novas tecnoloxías nos sistemas escolares, a formación inicial, a formación en servizo... e música, teatro, marionetas, audiovisuais, exposicións, stands dos institutos, de todos os estados do Brasil, nun enorme Forum coa educación como motivo e compromiso.

O Consello Internacional do FME acordou, pola súa parte, darlle continuidade ás súas actividades e estruturas de participación política, preparar o vindeiro Foro Mundial de Educación que se celebrará en Túnez, participar activamente cun documento propio e diversas iniciativas na reunión de Río + 20 e no Cumio dos Pobos que empeza nuns días, e apoiar a celebración do III FME temático, profesional e tecnolóxico, en Pernambuco.

O altermundismo educativo está moi vivo, fai protestas, reivindica, e ten propostas. O celebrado en Florianópolis reafirma o papel do Brasil no seu apoio decidido ós movementos sociais, na súa aposta por unha educación transformadora das persoas, os suxeitos chamados a mudar o mundo.  Parabéns merecidas e grazas, moitas grazas, Brasil.

        Para ver máis: http://2sitefmept.ifsc.edu.br/



10 may 2012

Caciquismo de manual





        O informe negativo da Comisión Provincial de Patrimonio de A Coruña sobre a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, significa, de facto, abalar as presións exercidas por algúns veciños e polo alcalde. Tamén evidencia un cambio radical da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia pois, ata Xaneiro deste ano, mantivo unha posición entusiasta e favorable ó BIC.
         A iniciativa de solicitar a declaración de BIC foi promovida polo Seminario Galego de Educación para a Paz, a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, a Sociedade Cooperativa Viravolta e a Fundación Convento de Herbón. Tratábase de acceder ó financiamento a cargo do 1% cultural do Mº de Fomento para rehabilitar uns espazos cedidos polos franciscanos para poñer en marcha un Centro Internacional pola Paz onde tería tamén unha sede externa a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, o futuro Centro UNESCO de Galicia, e a Fundación Cultura de Paz que preside Federico Mayor Zaragoza, comprometido -desde hai anos- co proxecto e ó que doaría unha parte moi substancial da súa biblioteca e documentación persoal. Sería un Centro con Salón de Actos, Sala de Exposicións Permanente (base dun futuro Museo da Paz), aulas, Biblioteca e Videoteca, para ofertar a colexios e institutos, ONGs e un lugar de encontro internacional sobre paz e dereitos humanos.
         A Asociación de Amigos do Camiño pretendía instalar non só un Albergue de Peregrinos, que xa mantén na actualidade, senón un Centro de Estudios Xacobeos. Pola súa parte, a Sociedade Cooperativa Viravolta establecería unha Casa de Acollida para nenos en situación de risco e de exclusión social.
         O proxecto de rehabilitación e de execución de obra, magnífico, o fixo un arquitecto galego de prestixio, Pedro de Llano e no documento xustificativo participaron catedráticos ben recoñecidos.
         Desde finais de 2009 estivemos pulando por esta iniciativa, de enorme interese para Padrón e para Galicia, ata que, en Outubro de 2011, entreguei persoalmente toda a documentación necesaria en Madrid, no Mº de Fomento, que daquela aínda presidía Xosé Blanco. Había un acordo absoluto na adecuación do proxecto ó 1% cultural e comprometemos 700.000€ para a rehabilitación de Herbón e a posta en marcha do Lar da Paz.
         Ata aquel momento, Patrimonio, o seu Director, José Manuel Rey Pichel, e a súa Subdirectora, María Diz, cos seus propios técnicos, apoiaban de maneira entusiasta o proxecto, de feito, en Outubro de 2011 aproban a incoación do expediente de declaración de BIC (DOG, 31 de Outubro, 2011). Nada menos que a propia Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega emiten informes favorables.
         Que pasou entón para que esta sintonía empezara a desafinar?
         Caciquismo de manual. Nada novo en Galicia, máxime cando se quere avanzar na protección do medio natural ou cultural. Por iniciativa dalgún veciño con intereses particulares preto do convento, con expectativas de negocio, e a colaboración incomprensible da alcaldía, o 23 de Xaneiro, convócase unha Asemblea “popular”, nunca mellor dito, á que non se invita ás partes promotoras da iniciativa. Nesa reunión, o propio Alcalde, nunha actitude de enorme irresponsabilidade alerta á veciñanza dos perigos da declaración BIC para Herbón, que si non van poder mover unha pedra sen permiso, que si terán que ocultar os invernadoiros con tullas, que Patrimonio terá que autorizar previamente calquera modificación... Alí mesmo anuncia alegacións do Concello contra do BIC, un mes fora de prazo, e tamén a recollida de sinaturas na parroquia. Neste ambiente enrarecido, en Herbón, empezan as ameazas contra do convento e o seu prior, Roberto Freire, contra a Asociación Sementar, chamadas telefónicas, envelenamento dunha cadela dos franciscanos... caciquismo de manual.
         E recolléronse sinaturas, moitas que non son de Herbón, outras que non saben exactamente o que piden, e entréganse en Patrimonio. É certo qie non se pide a paralización do BIC pero, coa boca pequena e coas actuacións, ese é o obxectivo principal. As presións institucionais (e políticas) do Alcalde non paran. Visitas á Comisión Provincial, á Dirección Xeral, especialmente para impedir o perímetro de especial protección (uns 150 metros) arredor da muralla do convento, unha medida que foi imposta unilateralmente por Patrimonio e que non estaba (nin está) na solicitude de BIC.
         Mentres vémonos co Alcalde en varias ocasións co ánimo de introducir racionalidade e buscar a mediación de Patrimonio, mesmo pedimos unha reunión, por escrito, nas dependencias da Xunta, para chegar a un acordo. E Patrimonio, sorprendentemente, inhíbese.
         Ata o 2 de Maio pasado. Ese día, o propio Director Xeral en persoa, e o Alcalde de Padrón, presionan á Comisión Provincial e forzan unha votación contraria ó BIC. Tan só Carlos Amoedo Souto, vogal da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico, en representación da Universidade de A Coruña, resiste as presións e emite un voto particular que merece ser coñecido, pois describe, con rigor, todo o que pasou ata hoxe.
         Non deixa de sorprender que persoas de prestixio recoñecido, defensoras inequívocas do noso patrimonio, aceptasen as argumentacións manifestadas na reunión para emitir informe desfavorable alegando, ¡que casualidade!, enfrontamentos veciñais ou posibles interferencias na explotación económica do pemento?.
         En realidade, son cada vez máis as opinións que manifestan, pública e privadamente que, detrás de todo este asunto, acochan escuros intereses inmobiliarios, para Herbón e a súa contorna.
         A Dirección Xeral de Patrimonio decidirá en breve. Confiemos en que sexa a favor do noso patrimonio e da nosa cultura... si non é así, quero anunciar, desde xa, que recorreremos, que demandaremos da maioría política no Concello de Padrón (pois o alcalde goberna en minoría) actuacións coherentes e claras en favor do BIC, pediremos a mediación do Consello da Cultura e da Universidade de Santiago... pois nin Padrón, nin Galicia, poden permitirse semellante disparate.