Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

30 abr. 2013

Acoso escolar, maltrato entre iguais, bulling



         Con certa frecuencia saltan ós medios de comunicación casos cualificados, con maior ou menor acerto, como de acoso escolar que producen alarma entre a comunidade educativa e na cidadanía. Mesmo, en ocasións, contribúen a dar unha imaxe distorsionada do que acontece nos centros de ensino. Compre reiterar que no contexto xeral da cantidade de alumnos e alumnas que acoden ós colexios e institutos, cada día, en Galicia, case que 400.000, o número de casos detectados de acoso son mínimos, aspecto que non consola, obviamente, a un pai ou a unha nai afectada. Moito menos á vítima. Tampouco ó profesorado.
         Na publicitación máxima de “sucesos” e “incidentes” escolares, cualificados, todos eles, como de “acoso” existen moitos intereses. Cando se refiren a centros públicos e ignoran o que acontece nos privados, resultan evidentes e non merecen maior comentario. O interese comercial dalgúns medios, hipnotizados polo amarelismo e por facer caixa, tamén está bastante claro. A culpabilización do profesorado, cualificado de incapaz para abordar esta problemática, tampouco é nova. Menos claros son outros intereses como, por exemplo, darlle un papel principal á policía nacional ou á garda civil á hora de informar ou formar ó alumnado sobre o acoso, o ciberbulling, ou sobre os usos e perigos das redes sociais..., unha moda que ven estendéndose como si fose algo espontáneo e natural. Parecera como que, para algúns, non existan saberes e fontes rigorosas no ámbito civil, académico ou non gobernamental para tratar estes asuntos nun centro de ensino.
         Falamos menos doutros intereses poderosos, por exemplo, dos farmacéuticos e clínicos que, dunha maneira crecente, tratan ó alumnado con fármacos diversos para síndromes cualificados mesmo de “artificiais” por moitos expertos, entre eles, o de hiperactividade. Ou os das clínicas, gabinetes psicolóxicos ou psiquiátricos que veñen proliferando para tratar, desde esa perspectiva, a conflitividade do alumnado. Polo contrario, doutros factores como a crise, a pobreza, a exclusión, a marxinalidade, a desestructuración familiar ou das violencias no ámbito doméstico, e como inflúen no alumnado e na convivencia escolar, case que nada. Como tampouco dos recortes en educación e sobre como contribúen ó deterioro da convivencia escolar como consecuencia da diminución drástica do profesorado, do aumento progresivo das ratios e a masificación, dos macrocentros escolares, a supresión de axudas á diversidade, servizos complementarios, orientación, titoría, diversificación e adaptación curricular, apoios...
         Do traballo inxente e calado que fan os centros educativos, o seu profesorado, para abordar os conflitos, cada día, todos os días, de mediación, a pesares do maltrato que reciben das administracións e dos gobernos, do saqueo nos seus salarios e extras, nas súas condicións laborais, disto, tampouco se fala o suficiente.
         Convivir é compartir vivencias xuntos. E a solución ós problemas de convivencia nun centro escolar non poden ser, en ningún caso, retirar ó alumnado agredido da súa aula, cambialo de centro, ou tentar de protexelo e illalo na súa casa. Estas son falsas solucións que, ás veces, propomos, como pais, como profesores, como administración, con toda a boa vontade, pero erradamente.
         Para abordar os casos de maltrato entre iguais, vulgarmente coñecidos como acoso ou co seu termo en inglés “bulling”, o primeiro que debemos fomentar nun centro educativo que ten menores ó seu cargo, é a prevención, é dicir, de acordo cun Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de referencia, como o que temos vixente en Galicia, e activar e desenvolver Plans de Convivencia no propio centro, con protocolos claros de detección precoz e de intervención no seu caso, nos que a Titoría ten, loxicamente, un papel relevante, e con Equipas de Mediación e Tratamento de Conflitos onde colaboren e participen non só o profesorado senón -e sobre todo- o alumnado e tamén, si é posible, os pais e as nais, cunha dirección comprometida e dinámica.
         A mellora da convivencia escolar non pode ser un obxectivo educativo só cando aparecen casos ou indicios de acoso ou maltrato. Temos que promovela de maneira sistemática, permanente, na aula e no centro, no patio de recreo e nos corredores, na cafetería, sempre e en todo lugar, na casa e nas familias. Non é posible abordar a prevención do maltrato entre iguais sen a participación activa das familias e, como sabemos, en moitos casos, este eslavón da cadea colaborativa contra o acoso, non existe ou é moi feble. Non está demais lembrar aquí que as violencias, os maltratos, onde máis se producen é, precisamente, no ámbito familiar. Na escola, en moitas ocasións, se reproducen comportamentos vividos e aprendidos na casa. Claro que, ás veces, tamén falla o centro, e o profesorado, como non, por razóns diversas, entre as que destacamos as carencias formativas específicas dos docentes en resolución e tratamento de conflitos nas aulas.
         Outro aspecto moi relevante ten que ver coa detección e o diagnóstico. Con frecuencia cualificamos de “acoso escolar” comportamentos e condutas que non o son. A confusión sobre isto ten consecuencias. Si diagnosticamos mal, os remedios e medidas que promovamos poden non ser as máis axeitadas. En moitas ocasións chamamos acoso a condutas disruptivas na aula, actos de indisciplina, unha pelexa, un calentón..., cando si algo caracteriza e distingue ó maltrato é, precisamente, a súa sistematicidade e permanencia no tempo. Ver, descubrir, desvelar a reiteración, a segregación, a persecución, temporalmente dilatada, dun agresor sobre unha vítima, resulta imprescindible para identificar correctamente o bulling. O que non significa, por suposto, que deixemos de penalizar e corrixir aquelas condutas ou comportamentos non sistemáticos citados.
         No acoso sempre existe o que coñecemos como “triángulo do maltrato” o que forman o agresor, a vítima e os espectadores. Os tres vértices deste triángulo están integrados por alumnos e alumnas, que son menores e que conviven nun centro escolar. En consecuencia, os tres necesitan tratamento educativo. En primeiro termo, a vítima, á que debemos, antes que nada, protección, axuda, apoio psicolóxico e seguridade. O agresor sería o vértice a separar no seu caso, nunca a vítima, porque a impunidade sempre é a mellor maneira de que o acoso continúe e se reproduza no centro. Por último, os espectadores, o terceiro vértice do triángulo do maltrato, que poden ser activos, os que animan, azozan e protexen ó agresor, ou pasivos, os que simplemente aceptan aquela conduta violenta, calan ou miran para outro lado, por medo ou por complicidade. En calquera caso, como dixemos, os tres vértices deste triángulo do maltrato necesitan intervención, axuda e tratamento educativo. O agresor e os espectadores, ademais, teñen que reparar o dano causado, proporcionalmente.
         Os conflitos, nos grupos humanos, nos colexios e institutos, existen, existiron e seguirán a existir, porque somos seres libres, con ilusións, desexos, aspiracións, intereses... distintos, ás veces contraditorios. Por aí empezan os conflitos.  Do que se trata é de prevelos, de aprender e manexar técnicas de resolución pacífica, dotar ó alumnado, ó profesorado, ós pais e as nais, de recursos para abordalos con garantías. A conflitividade nas aulas non podemos vela como unha desgraza, como un mal co que temos que convivir resignadamente. Todo o contrario. Como educadores, como educadoras, temos que afrontala conflitividade como un desafío, como un reto, mesmo como unha maneira de medrar autonomamente, de cambiar as cousas en positivo. Para iso necesitamos técnicas, metodoloxías, recursos, experiencias, formación específica, porque non chega coa boa vontade.
         Sempre reitero que dedicamos moitas horas, días, meses, anos, á ensinarlle ó alumnado a resolver complexos problemas matemáticos, físicos, químicos... pero a penas minutos a ensinarlles a resolver os seus propios problemas, os de relación entre iguais, aqueles que atoparán, con maior frecuencia, nas súas vidas. E para isto, a educación afectivo emocional resulta imprescindible, na casa e na escola. Son os afectos e os sentimentos, os mellores antídotos contra das violencias. E os cambios curriculares e metodolóxicos, o currículum da nonviolencia e o traballo cooperativo, para desaprender as violencias.
         Por último non quixera deixar de mencionar que a responsabilidade última da política de recortes, da falla de formación axeitada, da demolición das estruturas formativas creadas nos últimos anos, do non coñecemento xeralizado das experiencias e boas practicas que existen en Galicia e no Estado, que as hai, do esquecemento e ocultación do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia, do derrube controlado do Observatorio Galego da Convivencia Escolar, ou da desprotección que sinte o profesorado, corresponde, estou canso de dicilo, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen ten as competencias plenas e os instrumentos en materia educativa, así como a máxima obriga de dar solucións políticas ós problemas de convivencia. E a crise, neste caso, non pode ser –tamén- unha escusa para declinar estas responsabilidades. As familias, o profesorado, os centros educativos, teñen as súas. Son as directas, a primeira liña contra dos problemas de convivencia, e o fan como mellor poden, razoablemente ben, dadas as circunstancias. As autoridades educativas, polo contrario, neste asunto, recortan, ocultan, ignoran, improvisan e, en moitas ocasións, dan páos de cego que fan moito dano.


23 abr. 2013

Que non pase nada…



Afirmar a estas alturas que para o Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Abad, a mellora da convivencia escolar ou a formación do profesorado en técnicas de resolución de conflitos, son prioridades do seu departamento, parecería unha broma. Ben sabemos que, seguindo unha onda promovida polo seu propio partido noutras comunidades e particularmente dalgún sindicato do sector, puxo en marcha a Lei de Convivencia e Participación, en 2011, que recoñecía a condición de autoridade pública ó profesorado pero que, de facto, en Galicia, serviu como escusa para facer a tristemente famosa consulta ós pais sobre o idioma galego, anulada por reiteradas sentencias xudiciais. Convivencia e participación, dúas palabras fermosas, estaban no título da lei simplemente para despistar.
Reiterar que, en temas de convivencia escolar, estamos moito peor que cando vostede chegou á Consellería, parece unha evidencia. No tempo que leva, unha lexislatura completa e o que pasou da actual, nesta materia, somentes retrocesos. A resposta do Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, a unha pregunta formulada polo deputado de AGE, Xabier Ron, na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento, sobre o Observatorio Galego da Convivencia Escolar amosa, sen lugar a dúbidas, o pouco interese que suscitan as ferramentas creadas polos seus antecesores para afrontar a conflitividade nos colexios e institutos de Galicia. Referímonos ó Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, aprobado e asinado pola totalidade dos representantes da Comunidade Educativa e polo propio Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, precisamente un 30 de Xaneiro de 2007, Día Escolar pola Paz, aniversario da morte de Mahatma Gandhi, nun solemne acto oficial que vinculaba e comprometía ó goberno galego, sendo conselleira de educación Laura Sánchez Piñón.
A partir daquel texto de referencia, no que o Seminario Galego de Educación para a Paz tivo a honra de colaborar activamente, os centros educativos foron elaborando os seus propios plans de convivencia e creouse, un 12 de Abril, polo Decreto 85/2007, o Observatorio Galego da Convivencia Escolar con representación da comunidade educativa, as distintas administracións implicadas, expertos e movementos de renovación pedagóxica, para coordinar e dinamizar as iniciativas e abordar os conflitos nas aulas. Entre as súas funcións estaban: Avaliar sistematicamente a situación da convivencia nos centros, establecendo estratexias para a recollida de información, análise e difusión dos datos,impulsando a investigación neste ámbito; Propoñer iniciativas de cara á mellora do clima escolar, elevando propostas de actuación á Administración educativa e realizando o seguimento e avaliación destas iniciativas.Informar e asesorar as administracións sobre aspectos normativos relacionados coa convivencia e coas actuacións dirixidas á súa mellora. Propoñer liñas de actuación en materia de formación do profesorado no que respecta á convivencia escolar, promover a elaboración de materiais e recursos e facilitar o intercambio de experiencias. Asesorar a comunidade educativa nos temas propios do observatorio, ou elaborar un informe anual sobre a convivencia escolar.
En todo o tempo que leva Jesús Vázquez Abad na Consellería de Educación, lamentablemente, ninguén coñece actividade algunha do citado Observatorio. Así o confirmou o propio Manuel Corredoira no Parlamento falando del en pasado, como se fose un simple instrumento de carácter arqueolóxico e negándolle, mesmo, importancia ao seu labor, anunciando, como se o tren pasase por alí, que estaban preparando un novo Decreto de Convivencia
Non quixeramos ter que lamentar algunha desgraza grave, irreversible queremos dicir, en materia de convivencia escolar en Galicia. Por máis que cada certo tempo os medios de comunicación alerten de casos puntuais, por sorte, a porcentaxe real de incidentes e de partes segue a ser moi baixa sobre o total do alumnado e de gravidade menor. Polo xeral, detectamos casos de desrupción, indisciplina, algún incidente de maltrato entre iguais, matonismo,  e mínimos episodios de acoso escolar, condutas violentas reiteradas e dilatadas no tempo, máis coñecido como bulling. En calquera caso, en materia de prevención, tratamento, mediación ou formación específica, en Galicia, temos moito áinda por facer. E a pouco que fagamos non só mellora a convivencia escolar senón que tamén o fan os resultados académicos do alumnado e diminúen os índices de fracaso.
Con todo, sen axuda oficial, os centro educativos van resolvendo razoablemente ben os conflitos de convivencia, manexando os seus propios plans e os observatorios de centro, con moito voluntarismo, con comisións e aulas de convivencia non segregadoras, mesmo nalgúns casos que debemos felicitar moi especialmente, con equipas de mediación e tratamento de conflitos onde participan pais e nais, profesorado e alumnos e alumnas mediadoras formados polos propios colexios e institutos, experiencias premiadas e recoñecidas no ámbito do Estado, como o Encontro Anual de Mediación que se vén celebrando no IES Fin do Camiño de Fisterra e que reúne a rapaces e rapazas de toda España, sen practicamente axuda institucional algunha.
Con que autoridade a Consellería de Educación pode reclamar actuacións dos colexios e institutos en materia de convivencia escolar?. Con que lexitimidade pode pedir que funcionen os Plans de Convivencia e os Observatorios dos centros se non cumpre coas súas propias obrigas. Para que necesita Jesús Vázquez competencias plenas en materia educativa?
Preocupada polo anuncio realizado por Manuel Corredoira, AGE presentou -en sede parlamentaria- unha iniciativa para que o anunciado Decreto de Convivencia se someta á participación real de toda a comunidade educativa, para que non se faga, como ven sendo habitual, de costas á ela, ó tempo que reclamamos a mellora e desenvolvemento do vixente Observatorio Galego de Convivencia Escolar.
Confiemos, polo tanto, en que o Conselleiro non teña que dar nunca explicacións públicas por algún suceso lamentable en materia de acoso escolar en Galicia porque, nese caso, as súas responsabilidades políticas, ó noso entender, serían máis que obvias.

Manuel Dios Diz é mestre e profesor xubilado. Preside o Seminario Galego de Educación para a Paz. Forma parte do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido prestixio.
Xabier Ron Fernández, docente de Lingua Francesa no CPI Pontecesures e na actualidade deputado do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda.

5 abr. 2013

Sobre escraches, violencias e cinismo político





        O movemento pacifista internacional, en especial na Educación e a Investigación para a Paz, nos últimos trinta anos, Johan Galtung moito antes, desde mediados dos anos ’60, ven reflexionando sobre as violencias, así, en plural, para levalas ó mundo do concreto e baixalas da lonxana abstracción. Pasa o mesmo co concepto de Paz, ese gran obxectivo co que, en xeral, todo o mundo está de acordo aínda que logo, no particular, teñamos os nosos máis e os nosos menos. Por iso, recentemente, diversos autores, por exemplo, Vicent Martínez Guzmán, veñen (vimos) utilizando tamén a palabra paz en plural, e falamos de paces, unha forma de recuperar tamén aquela vella expresión infantil, tan certeira:  “fagamos as paces”.
        Efectivamente, o pacifismo, quen traballamos na promoción e difusión da Cultura da Paz, fronte da cultura da violencia, da imposición, do sometemento, do músculo, da man alzada e airada, como diría Federico Mayor Zaragoza, tanto na escola como na sociedade, sabemos ben que existen moitos tipos de violencias distintas, con características propias que as singularizan e gradúan.
        Sen dúbida que calquera pode identificar o que coñecemos como “violencia directa”, é dicir, aquela que se produce no marco dunha agresión, un asasinato, unha violación, un avión que peta deliberadamente contra das torres xemelgas de Nova Iorque...,por exemplo, estas accións resultan evidentes, estamos diante de actos inequivocamente violentos. Sen embargo, existen outras formas de violencia moito máis opacas, máis sutís, máis difíciles de percibir e de identificar polas persoas. Trátase dun tipo de violencia que definimos como “estrutural”, unha forma de agresión, moitas veces cruel, e que está directamente relacionada coa inxustiza manifesta. Por exemplo, condenar a dous terzos da poboación mundial a vivir con menos dun dólar diario, iso é violencia estrutural. Cando reflexiono sobre isto sempre lembro aquela magnífica frase cando afirma que “as inxustizas de hoxe son as guerras de mañá”. Someter á poboación, ou a sectores da nosa cidadanía, a unha inxustiza evidente, de maneira reiterada, crea o mellor caldo de cultivo para que estalen as violencias reactivas.
        Tamén poderiamos deternos nas características propias doutras violencias, a de xénero, a escolar, a laboral, ou poderiamos falar da violencia cultural, da que xa escribía Galtung hai máis de 40 anos, ou da violencia psicolóxica. Pero non temos espazo para facelo neste artigo.
        Quixera centrarme no debate social e mediático arredor dos denominados “escraches”, esa forma de presión social, nada novidosa por outra parte, pois está presente, con denominacións diferentes, na historia da desobediencia civil e dos movementos nonviolentos, tamén nas orixes do movemento obreiro organizado, ou nas mobilizacións, por exemplo, en Galicia, das nais contra da droga en Arousa, alá polos anos ‘80 e ’90, por máis que o noso Presidente diga, cunha alta dose de cinismo político, que non o sabía...!.
        A dereita, cando lle convén, fai escraches. Aquí os tivemos en diversas ocasións. A empresa privada, por exemplo, fai escraches co cobrador do frac, na persecución dos impagados. E a esquerda, sen dúbida algunha. Como os fixeron o Mahatma Gandhi ou Martin Luther King por citar a dous apóstolos do pacifismo moderno, da nonviolencia e da desobediencia civil.
        En calquera acto de presión, de denuncia, de isolamento social, existe sempre algunha dose de violencia: verbal, xestual, gráfica, intimidatoria. Sen embargo, criminalizar só estas formas de protesta e presión, ignorando deliberadamente a altísima violencia estrutural que significa aplicar unha lei cualificada de inxusta por un alto tribunal europeo, como é a lei hipotecaria española, que beneficia exclusivamente a unha das partes en conflito, os bancos, expulsando das súas vivendas a persoas, en ocasións anciáns, sen medios de vida, sen alternativas sociais, condenadas á máis completa desesperación, á indixencia ou mesmo ó suicidio, parece o colmo da hipocrisía.
        Claro que existen límites, claro que hai liñas roxas, nos escraches, na imposición dunha lei inxusta ou nos desaloxos e desafiuzamentos violentos. En tódolos casos. Ver e denunciar, con todo alarde mediático, a violencia só na parte máis feble da sociedade, na resistencia pacífica, na desobediencia civil para cunha lei manifestamente inxusta, resulta dun cinismo atronador.
        Claro que non está xustificada a presión e a intimidación sobre as familias, os fillos e as fillas, os domicilios privados dos deputados ou de calquera outra persoa, sexa ou non representante público. Nin por esta nin por ningunha outra causa. Como tampouco resulta admisible a negativa a recibilos, facer oídos xordos ás súas demandas, blindarse contra da cidadanía, non responder a preguntas, esconderse nun plasma, ou non poñer a lei ó servizo das persoas do común, das maiorías sociais, para beneficio exclusivo dunha minoría de banqueiros cobizosos e voraces que intimidan, calada ou abertamente, a persoas hipotecadas de por vida, por un sistema inxusto, admitido e tolerado, cando non favorecido, con diñeiro público, polos gobernos de quenda.
        A xente está farta, moi farta. A Plataforma de Afectados pola Hipoteca, Stop Desafiuzamentos, e as distintas organizacións da sociedade civil contra das preferentes e subordinadas, as que veñen promovendo os chamados escraches, por certo, cada vez con máis apoio da cidadanía, naceron pola absoluta incompetencia, cando non complicidade, dos partidos políticos tradicionais que durante anos aceptaron silenciosamente e ocultaron como miles de persoas eran expulsadas, moitas veces con violencia, dos seus fogares ou que calaron diante da estafa monumental ós pequenos aforradores, na súa gran maioría anciáns, vergoñentamente enganados por persoas sen escrúpulos que buscaron recapitalizar as súas entidades e logo marcharon co diñeiro dos demais impunemente.
        Como negar que todas estas actuacións son violentas?. Como ignorar que arrebatarlle a súa vivenda ou os seus aforros, pola cara, a persoas indefensas son formas de violencia estrutural intolerables nunha sociedade democrática, nun estado social e democrático de dereito, como di a Constitución, garante dos dereitos básicos: de cidadanía, educación, sanidade, vivenda, protección, igualdade diante da lei...?
        Os escraches, por moito que doan persoalmente, son pouco ou nada violentos en comparación co que significa o roubo sistemático e planificado de aforros ou de vivendas a unha cidadanía abandonada pola vella política, aquela que consagrou un réxime saído dunha Transición, mellor sería dicir, transacción, agotado e que agora fai auga por todas partes.
        Para rematar non está demais que lembremos o Preámbulo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos cando afirma:

...”Considerando esencial que os dereitos humanos sexan protexidos por un réxime de Dereito, a fin de que o home no se vexa compelido ó supremo recurso da rebelión contra a tiranía e a opresión”...