Estou a piques de comezar o meu segundo curso académico á
fronte da Concellaría de Educación e Cidadanía no goberno municipal de
Compostela Aberta e, de novo, o servizo de madrugadores e de comedores
escolares convértese no asunto principal do departamento pola súa trascendencia
pública e política.
Que está pasando realmente? Poderán os pais e as nais
levar tranquilamente aos seus cativos e cativas ao comedor do seu cole o día 12
de setembro? Asegura o concello o servizo coas debidas garantías? Mellorará a
calidade? Canto custará o comedor? Estas e outras preguntas similares son as
que se están a facer hoxe moitas familias en Compostela, aproximadamente as 800
que teñen nenos e nenas xantando diariamente nos nove colexios con comedor de
xestión municipal.
Empezo por reiterar que os comedores escolares non son
una competencia municipal. Durante moitos anos foi a propia Consellería de
Educación a que os xestionou todos e logo, por pouco tempo, algunhas ANPAS
asumiron esa competencia. Certo que aínda quedan na nosa cidade comedores xestionados
directamente, e con moito éxito, polos pais e as nais. É o caso do López
Ferreiro, con cociña propia; o Pío XII, con cátering de SERUNION desde hai
anos; ou o de Lamas de Abade, cun convenio coa Escola de Hostalería. No resto,
nove colexios, o comedor é xestionado desde o Concello, en virtude dun Convenio
polo que a Consellería cede a súa competencia e aporta uns fondos, que por
certo non son suficientes.
En diversas ocasións, coincido nisto coas ANPAS e cos
sindicatos, manifestei que debería ser a Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria quen asumira de novo, plena e integramente, una competencia que
lle é propia. Sigo a pensar o mesmo.
Pero mentres non sexa así, o goberno municipal e eu mesmo
estamos obrigados a cumprir o principio de legalidade e a garantir a libre
concorrencia nas adxudicacións. Temos que respectar os procedementos regrados,
os seus tempos e garantías, á hora de licitar entre as empresas que libremente
participan nun concurso público e aberto para xestionar o servizo de
madrugadores e de comedores escolares. Iso fixemos o curso pasado e vimos de
facelo de novo para o que está a piques de empezar. Xa sei que hai concellos
como o de Valencia nos que as
adxudicacións as decidía “a xefa”. Aquí non. Os pregos, resultado de varias
conversas previas coa comunidade educativa, foron elaborados polos técnicos do
Concello e son públicos. Calquera pode consultalos na web municipal, comparalos
cos pregos anteriores ou cos que aprobou a Xunta para os comedores escolares
que xestiona, e tirar conclusións. O procedemento de adxudicación contrólao
unha Mesa de Contratación na que están representados todos os grupos políticos,
os técnicos, e os servizos xurídicos e económicos municipais. É a Mesa quen
propón adxudicar o servizo á empresa gañadora, a aquela que ten máis puntos.
Neste caso, a máxima puntuación posible era de 142 puntos, e deles un máximo de
50 estaban vinculados á oferta económica. O resto tiñan en conta aspectos
administrativos, educativos e de calidade.
Ao último concurso público e aberto concorreron tres
empresas. En Ferrol foron dúas. A que obtivo maior puntuación, aquí, en Ferrol,
e na maioría dos colexios da Xunta, foi Serunión quen, no noso caso, viña
prestando xa o servizo. Como non pode ser doutra maneira, a Mesa de
Contratación propuxo adxudicar o servizo a esta empresa, e logo a Xunta de
Goberno local así o aprobou. Previamente, o responsable xurídico do Concello asegurou
na propia mesa que non había impedimento legal algún para adxudicarlle o servizo a
Serunión, nin motivos para apartar á empresa do procedemento. O Goberno non
pode negarlle a adxudicación a unha empresa que é a máis valorada segundo
criterios técnicos. Iso tería un nome...
Para o goberno de CA e para este concelleiro, o comedor
escolar é un servizo educativo complementario de carácter esencial, compensador
de desigualdades, favorecedor da conciliación da vida familiar e laboral, e un
espazo de aprendizaxe de valores e hábitos alimenticios saúdables. Por iso facemos
un enorme esforzo económico para melloralo con diñeiro público, de todos e de
todas. Duplicamos as bolsas de comedor. No curso pasado investimos, que non
gastamos, 169.000 euros neste tipo de axudas, para as familias que máis o
necesitan. Beneficiáronse aproximadamente 300. Para o curso que vai comezar esa
cantidade aínda se incrementou máis e nos orzamentos municipais reservamos unha
partida de 360.000 euros que será para bolsas de comedor, adquisición de
material escolar e realización de actividades extraescolares.
A axuda que aporta a Consellería en virtude do convenio
de delegación de competencias é de 53.400€, insuficiente para minorar os prezos
finais que terán que pagar as familias polo servizo de comedor. Por iso, o
Concello fai unha achega con fondos propios de 59.000€ máis, que deixa o prezo
final do menú en 4,50 euros. Está xusto na media dos comedores escolares do
conxunto do Estado.
A
suba con respecto ao curso pasado é de 1,57€, un incremento que se explica
polas moitas melloras que vai ter o servizo e que foron incorporadas ao prego
de condicións do concurso tal e como se falou e se acordou coa comunidade
educativa.
Unha desas
melloras ten que ver co horario dos monitores, factor esencial de calidade.
Agora cobrarán a media hora que traballaban antes de iniciarse o servizo de
comedor para ter todo ben preparado antes da chegada dos nenos, e terán máis
tempo para atendelos porque tamén se engade máis tempo para limpar e recoller
as instalacións unha vez finalizado o xantar.
Unha experta nutricionista da Universidade de Vigo será
garante das condicións alimentarias e estará a disposición dos centros, das
familias e do propio departamento de Educación, para asegurar a calidade, o
número e a variedade dos menús, as frecuencias, o equilibrio entre verduras,
froitas, legumes, carne e peixe, a estrutura dos menús ou as mesmas receitas.
Unha novidade que moi poucos comedores no Estado teñen, e que tamén custa cartos.
Melloramos significativamente os mecanismos de control e
seguimento do servizo. Ademais dos controis hixiénico-sanitarios preceptivos,
das reunións semanais do departamento cos
coordinadores de cada comedor e coa empresa, crearemos una mesa
tripartita trimestral formada por representantes da federación de ANPAS, a
empresa e o departamento de Educación do concello. Faremos tamén, por primeira
vez, una auditoría externa.
Limitamos e reducimos a distancia máxima das cociñas de
elaboración dos menús dos centros escolares a un máximo de 180 quilómetros, de
acordo cos servizos de contratación. Nos comedores que xestiona a Xunta, o
límite situouse en 200 quilómetros.
Eliminamos os policarbonatos plásticos da vaixela, que
substituímos por vidro temperado, unha medida que era demandada polos pais e
nais e que agora é de obrigado cumprimento.
Aseguramos e incrementamos a formación do persoal de
comedores cun curso de 100 horas sobre un programa esencialmente educativo
establecido como obrigatorio no propio prego.
Melloramos con aplicacións informáticas, tablets e smartphones,
a información e a relación das familias cos coordinadores, a empresa e o
departamento de Educación.
E por último, os electrodomésticos que antes eran una
mellora voluntaria, agora fanse obrigatorios, están no propio prego, e a
empresa ten que asegurar a súa reposición e renovación.
Todas e cada una das medidas citadas, melloran
significativamente a calidade do servizo e teñen, obviamente, una repercusión
económica significativa no prezo final.
Sobre o modelo futuro de comedores escolares
comprometémonos a abrir un debate participado neste curso, non antes, cos pais
e as nais, coa comunidade educativa, co persoal, con expertos, sindicatos,
MRPs, coñecendo outras experiencias, sen prexulgar alternativas, para que logo
o Goberno local poida tomar a decisión axeitada. E cumpriremos coa palabra
dada.
A quen lle interesa facer de todo isto un asunto de
confrontación política? A quen beneficia que os comedores escolares dos
colexios públicos municipais, e non outros, estean permanentemente nos medios? Alguén
sabe algo dos comedores escolares doutras cidades e vilas de Galicia? Dos que
funcionan nos colexios concertados? Aquí mesmo, dos que non son de xestión
municipal? Quizais a resposta a estas preguntas explique mellor o que está
acontecendo en Santiago.
En calquera caso, o noso deber fundamental é defender a
escola pública, a educación pública, os servizos públicos. O noso obxectivo é
mellorar a calidade dos comedores escolares, cos recursos que temos, e procurar
o mellor modelo de futuro, participadamente. A iso seguiremos adicando todos os
nosos esforzos. O ruído que o poñan outros...
No hay comentarios:
Publicar un comentario