Creo sinceramente que todas as persoas de paz e de ben, de calquera lugar, sexan de Euskadi, de Galicia, doutras nacionalidades do estado, de Francia, ou do mundo, hoxe, teñen que estar emocionadas e cheas de felicidade. A Declaración feita pública onte, 20 de Outubro de 2011, por parte de ETA, anunciando o remate definitivo da súa actividade armada, é unha extraordinaria noticia, non por agardada menos trascendente.
Esta inmensa emoción de felicidade vese empanada, loxicamente, pola lembranza de todas as vítimas, ¡tantas!, que desapareceron para sempre, ó longo deste interminable conflito armado que durou máis de 50 anos, algúns viviron toda a súa vida coa violencia de ETA presente a cada instante.
Quizáis non percibamos aínda o total significado desta Declaración. Nin siquera podamos valorar, de maneira rigorosa e calibrada, a súa relevancia, porque estamos profundamente afectados pola influencia da noticia, por tantas emocións que coinciden, positivas e negativas, porque a penas intuímos os camiños de esperanza para a reparación do dano causado, de reconstrucción de vidas rotas, de reconciliación para a convivencia, vías nada fáciles para percorrer, mais imprescindibles, persoal e colectivamente. A paz, moito mellor, as paces, en plural, todas as paces, teñen agora que facerse, que construírse, cada día, todos os días, sobre a base da confianza, da seguridade, do diálogo, da nonviolencia.
A Declaración de ETA, en todos os seus termos e contidos, non pode satisfacernos totalmente. Sería imposible. A estética escollida, unha vez máis, lamentable. Mesmo algúns dos seus párrafos son inaceptables. Sen embargo, si que atopamos apelacións novidosas ó futuro, á esperanza, á responsabilidade, á valentía. Gustaríamos de ver tamén algunha referencia ó perdón, porque, sen perdón, dificilmente atoparemos a reconciliación.
Con todo, o remate da violencia armada visible, porque existen outras violencias invisibles, significa un triunfo do estado de dereito e da democracia, mais tamén das sociedades civís, en primeiro lugar, da vasca. Son moitas as institucións, entidades, persoas, que consagraron as súas vidas (e as deron) para que este momento chegara.
Tamén son moitas as persoas de ben, caladas e xenerosas, que tenderon pontes, buscaron o entendemento e a concordia, facilitaron a paz e o remate da violencia. Merecen o noso recoñecemento e gratitude, particularmente, as organizacións sociais que posibilitaron este final, desde Gesto pola Paz a Lokarri, pasando por tantas outras, moitas delas agrupadas na Coordinadora de Entidades de Paz e Dereitos Humanos de Euskadi que preside Gorka Ruíz. Quixera facer unha referencia especial ós mediadores internacionais que se reuniron o luns pasado na Casa da Paz, no Palacio de Aiete, tan denostados pola dereita mediática, por iniciativa de Lokarri e de Paul Ríos, ¡qué mérito! para mostrar a saída do labirinto violento.
Tempo haberá para seguir falando e reflexionando. Estamos no tempo de alegrarnos. Logo virán novos problemas, novos desafíos, pero desde o diálogo, como mellor maneira de abordar os conflitos de todo tipo, os retos que virán, con altura de miras, con xenerosidade, porque, por fin, o que máis queríamos, o que máis reclamabamos, o fin da violencia, é hoxe unha realidade irreversible.
Coa Declaración de ETA de onte non desaparecen os problemas, as diferencias, os conflitos. Sen embargo, vaise para sempre o fundamental, aquel que quebraba a convivencia de forma dramática e brutal, a violencia armada. Quedan outros temas, moitos, mais hoxe estamos xa nunha situación moito mellor para abordalos, con máis liberdade, con máis seguridade, para todas e todos.
¡Por fin!
No hay comentarios:
Publicar un comentario