Hai un discurso, manido e publicitado, da dereita máis
conservadora, sobre todo dos seus sectores menos democráticos, máis
reaccionarios queremos dicir, socioloxicamente falando, que identifica, a cada
instante, todo o que molesta, con ETA e co terrorismo. A este paso acabaremos
todos sendo ETA. A verdade é que senten nostalxia polos tempos en que o chumbo
mataba e esnaquizaba vidas e futuros, as dos mortos e as dos que sobrevivían.
Porque tiña unha enorme rendibilidade política, para eles...
As novas
xeracións do PP, aquelas que naceron logo do franquismo, apuntáronse moi rápido
a este discurso. Si todo o que molesta é terrorismo, si da votos, do que se
trata é de criminalizar, sen reparo, a protesta social, a discrepancia, a
disidencia. Por iso resulta tan frecuente escoitar, na dereita, cando se
refiren ós movementos sociais e políticos, a utilización de epítetos grosos
como nazi, violento, terrorista, criminal, delituoso, ilegal... referidos, con
extrema lixeireza, a comportamentos e condutas moi diferentes, sen matices, sen
gradacións, sen proporcionalidade, con enorme simpleza mediática, pero
esencialmente dirixidos á cidadanía para amedrentala. Polo contrario,
comprobarán facilmente que cando se refiren ós “seus” o primeiro que poñen por
diante é aquilo da “presunción de
inocencia”, “deixemos actuar á
xustiza” e, si non fose suficiente, carguemos máis ou menos sutilmente
contra xuíces e maxistrados. Léase Pujalte
e cia.
O que non
son quen de aceptar é que as súas políticas económicas e sociais, matan. Que a
violencia estrutural esnaquiza en silencio familias enteiras, a miles, a
millóns. Da mesma maneira que nunca asumiron que o franquismo asasinaba,
torturaba, horrorizaba, legalmente, a miles. Por iso repugnan tanto das Comisións
da Verdade, das Asociacións e Leis da Memoria, das
persoas que reclaman, coa máxima dignidade, a condena dos crimes do franquismo,
verdade,
xustiza e reparación. Non. Isto, para esa dereita, significa remover o
pasado, reabrir vellas feridas. Espertar os demos. Pero os mortos mal
enterrados sempre acaban por saír á superficie...
Os que son
incapaces de condenar a violencia estrutural, a violencia das políticas
económicas e sociais, a ditadura e o franquismo, os que criminalizan as
protestas sociais, a cotío, son, polo contrario, de gatillo fácil, arremetendo
sen rubor contra todo aquilo que puidera identificarse publicamente co
terrorismo, así, en trazo groso, a brocha gorda, sen matices.
Ven todo
isto a conto das acusacións públicas realizadas por Paula Prado, PP, contra
de Xosé Manuel Beiras, portavoz de
AGE, en relación coas súas declaracións sobre o próximo xuízo contra de varios
mozos galegos acusados de formar parte de Re sistencia Galega, mesmo anuncia, nada
menos, que mocións oportunas, oportunistas diría eu, en tódolos concellos de
Galicia. Vaia desmesura. Que medo!!!. Coa que está caendo. Quizais sexa
precisamente por iso, a última e socorrida cortiña de fume coa que ocultar o
que acontece. Non chega con telefeijóo
e os medios afíns, coa propaganda institucional. Necesitan con urxencia, as
enquisas son inequívocas, de máis doses de cloroformo social. No vaya a ser, que diría Montoro.
Paula Prado, parte dun concello e dun
partido imputado ata as cachas, agora portavoz do PP e parlamentaria galega,
pretende acadar notoriedade e facer máis carreira política no seu partido
arremetendo nada menos que contra Xosé
Manuel Beiras por algo que sabe meridianamente que non é verdade. Por moito
que lle escoza, o portavoz de AGE, non defende, nin defendeu nunca, a
utilización da loita armada para acadar obxectivos políticos. Teno amosado
sobradamente. Outra cousa é que manifeste publicamente a presunción de
inocencia dos mozos que van ser xulgados na Audiencia Nacional, que non a
tiveron. Que reclame as máximas garantías nun estado que se proclama “de dereito e democrático”. O respeto
polos Dereitos Humanos, de todas e todos. Que dubide de certas acusacións, dos
seus termos e métodos. Ou que alerte de que non confundamos interesadamente,
con grave prexuízo para os detidos, o que significa a palabra “terrorismo” e
“terrorista” ou mesmo que pretendamos caracterizar a Galicia como un espazo
político no que existe un clima de terrorismo.
Pois claro
que arrastramos un xermolo violento e armado con artefactos explosivos. É unha
evidencia. Unha obviedade. De moitos anos e en diferentes formatos e gradacións.
Certo que tiveron lugar, nas últimas décadas en Galicia, atentados contra
obxectivos diversos. Os expertos falan de violencia de baixa intensidade. En calquera
caso, utilizar explosivos, contra empresas ou locais de partidos, con maior ou
menor estrago, é un tipo de acción violenta que nin podemos admitir nin
xustificar, nin en público nin en privado. Nunca. Explicala é ben distinto.
Atoparlle causas ó mal, tamén. Esixir garantías xurídicas, por suposto. Outra
cousa diferente sería confundir a parte polo todo, uns detidos concretos, un
xuízo, cunha organización que si defende notoriamente a loita armada, Re sistencia Galega, ou negar que, nalgúns
casos, existen probas contundentes da tenencia de explosivos. Próbese, xúlguese
e condénese no seu caso. Con todas as garantías.
Pero este,
aínda que Paula Prado se empeñe, por
moito que queira utilizalo como trampolín político persoal, non é o principal
problema deste país. O sabe perfectamente. Quizais
sexa por iso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario