Todo comezou un 5 de
Xullo de 2011, o día que roubaron o Códice
Calixtino na Catedral de Santiago de Compostela. Foi como si a cidade
perdera a alma. Desde aquela, parece como si unha terrible maldición azoutara a
aldea máis grande de Galicia. A tristura e o medo impregnan as rúas. A choiva e
o vento xa non son suficientes para limpalas.
Ninguén podía sospeitar o
que tiñamos por diante...
Foi un ano completo de
incerteza e pescudas. Finalmente o Códice apareceu e con el a alma da cidade.
Pero xa non era o mesmo. O Calixtino fora violado. O culpable, Manuel Fernández, un electricista da
casa, resentido, e quizais ben adoutrinado polo pío latrocinio que fixera famoso o bispo Diego Xe lmírez.
Pero a maldición
continuaba, aínda co Códice recuperado.
En Maio de 2011 remataban
moitos anos de municipalidade socialista e accedía á alcaldía, por un puñado de
votos, un avogado sen complexos, promotor de obras, din que numerario do OPUS, Gerardo Jesús Conde Roa, moi coñecido
na cidade, ambicioso, inconveniente para moitos, que nin nos seus mellores
soños podía maquinar con facerse co bastón de mando da levítica capital de
Galicia.
E a maldición seguía o
seu curso...
En pouco menos dun ano, o
alcalde Gerardo Jesús dilapidou por
completo todo o seu crédito político. Foi acusado e condenado por un delito
contra da facenda pública polas súas actividades inmobiliarias. E como as
desgrazas nunca veñen soas, a súa man dereita, o ex- edil, xefe de gabinete, Angel Espadas, fundador da Asociación
Liberal de Estudiantes, o azoute do botellón compostelá, foi cazado ebrio e
durmido ó volante. Por si fora pouco, será detido e pasará varias semanas na
cadea de Teixeiro, en Curtis, logo de ser tamén involucrado na coñecida como Operación Pokémon de corrupción
política.
Para o PP comezaba un
calvario que aínda segue.
Angel Currás, catedrático do Instituto Xe lmírez
I, ex- xerente da disparatada Cidade da Cultura, da un sorpasso forzado a Paula
Prado, non sen conflitos, e resulta elixido como substituto de Conde Róa.
Viña para tranquilizar a lexislatura, mesura e sensatez para gobernar sen
estridencias, sentido común, como Dios manda, que diría Mariano Rajoy, pero non contaba coa maldición do Códice.... En
menos dun ano resulta imputado na mesma Operación Pokémon de corrupción. E con
el, nada menos que 10 dos 13 concelleiros do seu grupo de goberno. Nunca tal se
vira en Santiago.
A maldición do Códice non
coñecía límites...
E chegamos á véspera do
día grande da cidade, o do patrón das Hespañas, Santo Adalid, Patria Galega...,
caía a tarde na curva da Grandeira.
Compostela e Angrois no centro da
desgraza universal, co terrible accidente dun AVE que non o era. Cantas mentiras impunes!. 79 mortos que
encolleron o corazón da cidade e fixeron sentir o horror e a dor ó carón das
nosas casas.
Que máis tería que
pasar?...
Co remate do verán, cando
parecía que a cidade empezaba a recuperar o alento, un novo mazo de desgraza
golpeaba con forza a Santiago. Asunta,
unha cativa de 12 anos, aparecía morta nunha cuneta en Teo, concello limítrofe,
vítima ó parecer dun envelenamento continuado e responsabilidade,
presuntamente, dos seus propios pais, Charín
e Alfonso, unha familia modelo,
coñecida e recoñecida por tantos. Unha vez máis, o horror entre nós. E
seguimos, perplexos e incrédulos, á
espera de que remate esta maldición.
Creo que en vez de propor
unha moción de censura, a dimisión completa da corporación, un desagravio
masivo, unha vixilia nocturna no Obradoiro... quizais teñamos que peregrinar
todos, con Monseñor Barrio á cabeza,
ó Santuario na Nosa Señora do Corpiño,
en Lalín, porque o parecer, o noso santo máis milagreiro, aquel que
supostamente está soterrado na Catedral, Santiago
Zebedeo, o fillo do trono, segue moi cabreado...
No hay comentarios:
Publicar un comentario