Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

7 feb 2011

A paz como cultura: outra educación é posible

   O vindeiro xoves, día 10, estarei na cidade das Burgas, en Ourense, invitado polo Foro La Región. Será ás 20:15 no Centro Cultural Deputación, na Rúa do Progreso, para falar e compartir coas persoas interesadas opinións e reflexións sobre o título  "A paz como cultura: outra educación é posible".
   Empezarei por repasar o concepto de paz positiva e os estudios de Johan Galtung que, desde mediados dos anos '60, ven insistindo en que a paz non pode entenderse, como acontece tan habitualmente, como ausencia de guerra, senón que se trata dun fenómeno, moito máis amplo e complexo, que está en relación directa coas violencias.
   Comentarei que, aínda que sorprenda, a paz non é un dereito humano, non forma parte da Declaración do '48, a pesares de que personalidades tan relevantes como Eleanor Roosevelt, trataron, ata o final, porque fose incorporado, sen éxito, lamentablemente.
   Insistirei en que a paz ten moito que ver con nós mesmos, porque a paz é unha cultura, unha forma de vida, unha conduta, un comportamento, que vai do intrapersoal (facer as paces cun mesmo) ó internacional (os conflitos armados) e non esquecerei que a paz non existe sobre relacións de desigualdade, de dominio, de sometemento (violencia estructural).



   Falarei, como non, dos tipos de violencia e dos cambios máis relevantes producidos na percepción social da violencia, e da relación entre a paz, o conflito, o desenvolvemento e os dereitos humanos.
     Conflitos, dinámica dos mesmos, formas de resolución ou de transformación pacífica, e mirarei para os grandes referentes teóricos, a nonviolencia, a pedagoxía máis anovadora, as institucións supranacionais, a investigación para a paz ou os movementos sociais.
   Tamén analizarei os cambios producidos, alomenos nos últimos 25 anos, en relación cos contidos da educación para a paz, e responderei ó cómo, de qué maneira educamos para unha cultura de paz, as metodoloxías e os recursos, así como os novos ámbitos de intervención.
   Porque outra educación é posible, reinventando a escola, humanizando as áreas, procurando unha educación global, crítica, emancipadora, non sexista, solidaria, cooperativa, que evite a exclusión, sobre a base dos afectos e dos sentimentos, os mellores antídotos contra das violencias.
   Pois esta é, en síntese a miña intervención.
   E escoitarei, compartirei co público opinións, preguntas e críticas.
   Porque, efectivamente, a paz ten que ser unha cultura. E a educación o mellor instrumento para construíla, cada día e todos os días, na familia, na escola, nos medios, na sociedade... vémonos, si queredes.

2 comentarios:

  1. A charla ten moi boa pinta e, claro, como non, experimento unha clara sintonía. Curiosamente, estiven tamén en Ourense, no CPI de Mende, convidado polo centro, para falar da Inmigración e da Educación Intercultural...algo necesario para ese camiño de Paz...apertas Manuel e que saia todo ben

    ResponderEliminar