Si alguén non o remedia,
en moi pouco tempo, coa calada administrativa por resposta, o Convento
Franciscano de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, non será declarado Ben de
Interese Cultural (BIC). Non sei si existen precedentes dun caso como este pero
o asunto fede, particularmente, coa decisión franciscana de pechar e trasladar
ós dous frades que alí quedaban.
Como moitas persoas
saben, en 2011, o Seminario Galego de Educación para a Paz, xunto con outras
entidades, promovemos a declaración BIC para Herbón. Inicialmente todo foron
parabéns e apoios. En Patrimonio da Xunta de Galicia, no Concello de Padrón, no
Mº de Fomento e na Orde Franciscana. Todos -aparentemente- estabamos de acordo.
Non había dúbida algunha.
Tratábase, en esencia, de
recoñecer e protexer os valores históricos, artísticos, culturais e medio
ambientais duns magníficos espazos amurallados, de 48.000 metros
cadrados, con varios edificios, claustros e igrexa, un conxunto que se remonta
a nada menos que ó s.XIV.
Pretendiamos tamén
acceder a distintas liñas de financiamento, entre elas, á do Mº de Fomento, con
cargo ó 1% cultural para, desta maneira, restaurar unha parte dos edificios, co
obxecto de poñer en marcha o que chamamos “Lar da Paz”, un Centro Internacional
pola Paz, base dun futuro Espazo-Museo, similar a Baketik no Mosteiro de Ar ántzazu, en Euskadi, ou o Museo da Paz de Gernika.
Había en Herbón outras
magníficas iniciativas socias coincidentes e complementarias, coas que
compartimos proxecto común, como son, a creación dunha Casa de Acollida para
nenos en situación de risco social (Viravolta), un Centro de Estudios Xacobeos
e un Albergue de Peregrinos (xa en funcionamento e promovido pola Asociación
Galega de Amigos do Camiño de Santiago), a Sociedade de Estudios Irienses,
AMIPA, ou Sementar.
O arquitecto Pedro de
Llano fixo un proxecto restaurador extraordinario. E con toda a documentación
xustificatoria presentamos a solicitude de BIC para Herbón nese ano 2011 en
Patrimonio da Xunta de Galicia, unha condición imprescindible para acceder ó
citado 1% cultural do Mº de Fomento.
Patrimonio deulle o visto
bo con entusiasmo e iniciouse a tramitación do expediente sen problema algún.
Solicitáronse informes complementarios a diversos organismos, entre eles, ó
Consello da Cultura Galega, que o apoiou. Tamén a USC manifestouse nos mesmos
termos, favorablemente, e a Universidade de A Coruña.
Sen embargo, o que fora
un camiño de rosas institucional, tornouse -de súpeto- nun inferno de presións
e manipulacións. Algúns veciños, alarmados irresponsablemente polo alcalde de
Padrón, Antonio Fernández Angueira (PP) e por algún funcionario municipal
interesado, logo de manifestar o seu apoio publicamente, empezaron a reconsiderar
que o BIC atentaba contra dos seus plans porque, na súa opinión, dificultaría a
propia existencia de invernadoiros de pementos arredor do recinto amurallado de
Herbón, a posibles futuras construcións, ó Plan Xe ral
e a operacións inmobiliarias previstas. O grao de presión foi especialmente
duro no lugar de Herbón, para co convento e o seu Prior, Roberto Freire,
entusiasta defensor do proxecto común citado.
O Alcalde, Fernández
Angueira, converteuse no principal antagonista desta película horrenda. Dirixe
teimudo as súas presións contra Patrimonio e a Comisión Provincial quen terían
que ditaminar sobre o BIC, en última instancia. Alerta de graves conflitos no
lugar, de división social extrema (alimentada previamente). Mesmo presenta
alegacións fora de prazo e usa todas as súas influencias internas no PP. Visita
en diversas ocasións San Caetano (os funcionarios non daban creto a tanta
insistencia). Tamén á Comisión Provincial de Patrimonio. O seu obxectivo final:
dinamitar o BIC para Herbón, paralizalo definitivamente.
E o que todo parecía
favorable, torceuse. Patrimonio foi incapaz de resolver negativamente o
expediente na anterior lexislatura. A verdade, resultaba moi chocante coa súa
actitude anterior favorable. Mais, contra todo prognóstico, a Comisión
Provincial cedeu ás presións e manifestouse contrario ó BIC cun único voto
particular en contra, moi valente, o do representante da Universidade de A
Coruña, Carlos Amoedo. E desde aquela impúxose o silencio. A decisión estaba
tomada. Tan só quedaba esperar e esgotar os prazos. Silencio administrativo
negativo. Herbón quedaría sen BIC. Así, caladamente. Batalla gañada. Caciquismo
de manual.
En moi pouco tempo, si
ninguén non o remedia, os intereses particulares de algúns, os de sempre,
prevalecerán sobre o ben común. Como tantas veces.
Dixemos daquela que, mais
cedo que tarde, porque non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo,
saberiamos, de verdade, que había detrás de todas estas presións e o futuro que
algúns tiñan reservado para o Convento de Santo Antonio de Herbón e a súa
contorna. Libre xa da pérfida declaración de Ben de Interese Cultural... E o
papel que cada quen xogou neste fiasco. Porque algúns si que temos memoria...
A penúltima escena desta impresentable
película ven ser o traslado ó Cebreiro do Prior de Herbón, Roberto Freire, e o
paso da casa de Herbón a depender directamente da comunidade franciscana de
Santiago de Compostela. As presións, finalmente, deron resultado. A cadea
sempre rompe polo espazo máis feble.
Mais recorreremos. E, si
fose necesario, iniciaremos as accións legais oportunas.
Creo que Francisco, hoxe,
en relación con Herbón, non podería dicir, paz e ben. Quizais só, que mágoa!!!.
Dende o Sorriso de Daniel -asociación do patrimonio románico- quixeramos tamén dicir Paz e ben! pero sabemos que nesta terra hai xente disposta para o mal e que moitas veces atopa respaldo onde menos o debía ter. Hai un ano dirixímoslle unha carta ao Alcalde de Padrón solicitándolle simplemente unha cousa: que colocase un cartel no centro de Padrón anunciando por onde se ía cara a igrexa románica de Santa María de Herbón -ao carón do mosteiro dos Franciscanos-. Resposta? Silencio administrativo. Como dicía Annette Meakin en 1909: ¡Adeus Galicia!
ResponderEliminarEs unha terra onde se deixa que os gloriosos monumentos da arquitectura medieval caian nun triste abandono e decadencia, cando deberían gardarse entre os máis prezados tesouros da nación.
As cousas mudan pouco nun século.
Ánimo aos que promovestes a iniciativa porque seguramente algún día se saberá toda a verdade sobre este feo asunto e os proxectos sairán adiante.