Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

10 ago 2014

Unha opinión asimétrica...



As Nacións Unidas veñen de recoñecer que dos case que dous mil mortos palestinos na franxa de Gaza, como consecuencia dos múltiples ataques do exército israelí, tan só douscentos eran combatentes. O resto, uns mil seiscentos aproximadamente, eran poboación civil, mulleres, anciáns, nenas e nenos, con nomes e apelidos, familias enteiras.

Sami Ashour

O pasado xoves, Sami Ashour, palestino, presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin, na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, entre bágoas, poñía nome a estas vítimas inocentes, máis de catrocentos cativos, ate que non foi quen de continuar.


Estamos diante da enésima invasión de Gaza, un territorio cada vez máis pequeno onde sobreviven uns dous millóns de persoas, sometidas a toda clase de vexacións, bloqueados os seus accesos de entrada e de saída, por terra, mar e aire, sen posibilidade algunha de fuxir, illados do resto de Palestina e do mundo, en condicións moi precarias, onde periodicamente sofren, en carne propia, os ataques indiscriminados dun dos exércitos máis poderosos do mundo, que golpea sen tregua sobre as infraestruturas, as vivendas, centrais eléctricas, mesmo escolas refuxio protexidas pola ONU, e hospitais, como denuncian as institucións internacionais.

E o fan porque poden facelo, porque ninguén o impide, porque teñen a superioridade militar e porque están seguros de que a comunidade internacional, unha vez máis, mirará para outro lado, entre bágoas de crocodilo e retóricos chamamentos á paz e ó diálogo. Mentres, o goberno sionista de Israel gobernado por unha extrema dereita belicista, recibirá puntualmente todo o armamento necesario para renovar o gastado, sen necesidade de túneis, o asesoramento preciso, a comprensión e a simpatía occidentais…, e así ate a próxima.


En diversas ocasións, durante a operación Marxe Protector actual, Barak Obama, Premio Nobel da Paz, e mesmo o ministro español de exteriores, Margallo, reiteraron o dereito israelí á “autodefensa”. As primeiras declaracións de Mariano Rajoy o foron para conmoverse polas vítimas, referíase, como non, ás “israelitas”. Aquí sabemos moi ben que cando a dereita española, e Rajoy en particular, falan de vítimas, inequivocamente están pensando, única e exclusivamente, nalgunhas vítimas, de aquelas ás que recoñecen esa condición, as que apoian e protexen. As outras, por exemplo, as do franquismo, as dos gal… para eles, non existen.



Si Israel ten dereito de autodefensa, que dicir entón do pobo palestino, acaso non é suxeito do mesmo dereito internacional?. Si as vítimas israelitas doen e conmoven, como é posible que non se mencionen ás vítimas inocentes de Gaza?. Ou é que xa non son seres humanos?. Todos, sen excepción, somos iguais en dereitos e en dignidade, así o di a Declaración Universal aprobada en 1948, precisamente o mesmo ano en que foi creado o Estado de Israel.

En tódolos conflitos, de calquera ámbito, hai partes enfrontadas, intereses e responsabilidades distintas, vítimas e vitimarios, e tamén espectadores, activos ou pasivos, que actúan para alimentar o conflito ou para ocultalo. No caso de Palestina tamén. E solidariedade internacional, por moito que se pretenda ocultar. Por iso resulta imposible facer exercicios de equidistancia, porque as forzas, as consecuencias, os aliados, as informacións… non son equilibradas e a pretendida neutralidade convértese facilmente en inxusta asimetría, neste caso, en favor do goberno sionista.

Sabémolo ben. Nin Hamas ou a Yihad Islámica representan a todo o pobo palestino, nin están libres de responsabilidades, como o goberno de Netanyahu non pode confundirse co pobo israelita ou asumir que ten unha bula papal para estar protexido cunha impunidade, política e militar, eterna e divina.

Ambos actores saben que non é posible o exterminio das partes enfrontadas, por moito que o intenten. Nin a batalla final, cunha vitoria militar definitiva. Nin sequera o recurso á invasión periódica pode ser infinita. Ou que a seguridade pase, como unha condena bíblica, polo intercambio desigual de foguetes e misis, polo bloqueo, o aumento dos asentamentos de colonos ou os asasinatos selectivos. Non pode ser!.




A paz, as paces, para ser xustas e duradeiras, teñen que recoñecer as responsabilidades de cada quen, non está, non pode estar, todo o mal dunha parte, deben cumprirse as numerosas Resolucións das Nacións Unidas, e a Comunidade Internacional, quen si non!, ten que facelas cumprir. Neste caso, o goberno dos EE.UU. o principal aliado e protector de Israel, a UE, e a Liga Árabe, non poden aceptar, cada tres ou catro anos, unha matanza brutal, unha conspiración de silencio, como a que ven de producirse, a violación cruel e descarada do dereito internacional. E a cidadanía global non pode desentenderse das vergoñentas actuacións dos seus respectivos gobernos. Palestina e Israel, os seus pobos, teñen dereito a un futuro de paz, de seguridade, de entendemento e de colaboración. Tanto sufrimento, tanta violencia, tanta crueldade, durante tantos anos, a Humanidade non pode, non podemos, soportala, por dignidade, para non aborrecer de ser parte desta especie.


No hay comentarios:

Publicar un comentario