Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

20 jun 2011

MILES DE PIOLLOSOS, PERROSFLAUTAS, VIOLENTOS, ANTISISTEMA...OCUPARON PACIFICAMENTE AS ÁGORAS

   Participei onte na Manifestación de Compostela contra do Pacto do Euro convocada por Democracia Real Xa, movemento 15M ou máis popularmente, indignad@s. Eramos moitas persoas, o número non importa, ó remate, o Obradoiro case que cheo, carreira de cabalos, intervencións, Carlos Taibo, satisfacción xeral, bo ambente, maioritariamente mozos e mozas, aínda que moitas calvas que non soportaban ben o sol da praza, buscamos a sombra do Concello...

   Entre o público asistente moitas persoas coñecidas, entre elas, Xosé Manuel Beiras ou Camilo Nogueira, por citar tan só a dúas, personalidades galegas recoñecidas que, desde o principio, Porto Alegre 2001, apoian e participan activamente nos Foros Sociais Mundiais, referente internacional do altermundialismo, do outro mundo posible que soñamos.

   Non falaron, ninguén os animou a coller o micro. Tampouco eles o buscaron. Doume certa pena. Non podo negalo. Ben sei que podería ser interpretado, por algúns, como oportunismo. Non o comparto. Tamén porque están moi connotados cunha forza política concreta do nacionalismo galego e podería levantar reticencias. Tampouco. Con todo, no Obradoiro estaban, estabamos, moitas persoas vinculadas, desde hai moitos anos, a entidades, ONGDs, movementos sociais, que comparten, compartimos,  reivindicacións cos convocantes da Manifestación e das acampadas. A conexión entre DRX e a sociedade civil organizada en Galicia penso que é unha materia pendente que terán que recoñecer por si mesmos, ambas partes, porque mirándonos de reollo, mutuamente, non sumamos, non construímos, restamos, restámonos forza e influencia. E compre recoñecérmonos.

   Con todo, a manifestación, nos seus contidos, como no múmero de participantes, e no carácter xenuinamente pacífico e nonviolento, foi un éxito rotundo. Máis aínda se temos en conta que a convocatoria fíxose por internet, polas redes sociais, sen apoios explícitos partidarios ou sindicais, con moita prensa desvirtuando e criminalizando ó movemento indignad@ con calificativos como perrosflautas, piollosos, violentos ou antisistema.

   O Obradoiro encheuse de perigosos perrosflautas, cans e flautas había, sen dúbida, pacifistas, persoas que non queren ser mercadorías, que mostran a súa indignación porque teñen dignidade, contrarios ó pacto do euro que liquidará o estado do benestar acadado en beneficio da banca e das grandes corporacións, partidarios da rexeneración democrática, interpelando directamente á chamada clase política, ós partidos e sindicatos tradicionais, para por freo á corrupción e ós privilexios, demandando unha reforma en profundidade da lei electoral, emprego, vivenda, sanidade e educación de calidade ou o remate dos deshaucios, da usura e a especulación.

   E maioritariamente falaron galego, na lingua propia de Galicia, en particular os portavoces e Carlos Taibo, como é lóxico, porque unha democracia real, no noso país, non pode construírse contra do propio, contra do que nos singulariza e distingue, a nosa lingua e cultura.

   A indignación vai a máis, as prazas e rúas o reflicten, son berros esperanzados, chamadas ós responsables políticos para que cambien, para que escoiten, para que teñan en conta á cidadanía máis activa e dinámica, aquela que se sinte excluída, marxinada, por iso afirman que lle chaman democracia e non o é ou non nos representan, que non, que non, que non nos representan. Con estes cánticos transmiten un sentimento profundo de rabia e indignación, de malestar, que comparten moitos cidadáns e cidadás.

   A esquerda, moi especialmente, ten que tomar nota, a esquerda real, desde o PSOE ata o BNG, pasando por EU. Non poden permitir que a abstención, froito da desafección política, continúe aumentando. Que este caudal de votos desapareza definitivamente e aílle a unha xeración completa dos partidos políticos.

   Creo que estamos no tempo de escoitar, de escoitar con atención, de interpretar o que di a cidadanía mobilizada, e de falar, de establecer canles de comunicación, espazos para o encontro entre a sociedade civil organizada de múltiples formas, o movemento 15M e as forzas políticas, porque calquera posibilidade de cambio real, no sentido do que onte pedimos nas prazas públicas, nas ágoras abertas polos indignad@s, temos que facelo conxuntamente, entre todas e todos, os que agora se indignan e os que estamos indignad@s desde hai tanto tempo, para que os partidos políticos, en particular, a esquerda, asuma reivindicacións que son xa un clamor popular e que non pode seguir ignorando por máis tempo.

   O demandan miles de perigosos perrosflautas...
    


No hay comentarios:

Publicar un comentario