Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

23 jun 2011

O DE ARTEIXO NON O PODO CRER

   
   Calquera que siga este blog poderá comprobar que sobre o lamentable asunto da nena do veo de Arteixo (hiyab) teño escrito moito. Non só aquí. Tamén na prensa e nas revistas profesionais. Polo mesmo, non vou a reiterar argumentos. Referireime agora tan só ó resultado final. Ó que aconteceu onte, derradeiro día de curso para a nena Ikhlasse Hakim. Remataban as clases. Entrega das notas. Nervios. Ela ten un bo expediente académico (e outro aberto polo centro por incumprir o Regulamento de Réxime Interno). Festival de fin de curso, como en tantos colexios e institutos de Galicia. Día de abrazos, despedidas, choros. Ikhlasse remata a Primaria. Para o curso que ven irá ó Instituto.

   Con malas formas, sen pensar na nena un minuto (ou pensando en facer o maior mal posible), José Luis Fernández Pardo, director do Colexio Novo de Arteixo, impedía o acceso da cativa á festa organizada polos seus compañeiros.

   Parece difícil maquinar algo tan cruel contra dunha nena de 12 anos. Sen embargo, si analizamos con calma o acontecido durante todo este ano, non hai lugar para as sorpresas. O principio de autoridade do director está salvado. O expediente disciplinario aberto chegou ós seu punto omega. No último segundo, para que quede claro quen manda. A nena indisciplinada, a nena rebelde, a que ousou vulnerar o RRI, tivo o seu castigo merecido. O trunfo das normas. Para que se enteren...

   As formas foron tan ruíns que no centro onde foi trasladada o último día do curso, o Ponte dos Brozos, a  uns metros do dela, non sabían nada. Ruín, chapuceiro, discriminador... un disparate. Con todo, a Consellería insiste en que "se actuó conforme a derecho".

   Durante tres horas, Ikhlasse estivo sen escolarizar, violentado o seu dereito á educación, expulsada do seu colexio e sen admitila no de enfronte. Sen notas. Illada dos seus amigos e amigas, castigada sen poder asistir á festa final. Excluída, segregada, discriminada, sen compaixón.

   Quen ensinou educación ós responsables desta crueldade?. Que obxectivo educativo buscaban? Pensaron algunha vez na nena? Que pasaría pola súa cabeza?

   Como podemos dicir que se actuou conforme a dereito?. Ó servizo de quen, de que, está a lei?

   A falla de sensibilidade, de afectos, de sentimentos, dos responsables desta infamia non ten límites. O dano causado a esta cativa ¿quen o vai a reparar?. Era necesario?

   Percíbese un cheiro a podre que chega a Compostela, a Galicia enteira. Cheira a racismo, a islamofobia, a intolerancia, a brutalidade inquisitorial, a outros tempos, pero sobre todo, cheira a chulería, a prepotencia, a vergoña allea, a indignación.  

   ¿Poderán durmir polas noites?

No hay comentarios:

Publicar un comentario