O venres e o sábado, 27 e 28 de Maio, terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC, na Praza de Mazarelos, xunto o arco que nunca pechaba na muralla de Santiago, polo que entraba o viño do Ribeiro, no antigo Instituto "masculino", unha reunión de enorme trascendencia.
Por iniciativa do Seminario Galego de Educación para a Paz e da recén creada Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, que dirixe Ramón Sánchez, catedrático de filosofía na Facultade de Educación (Escola de Maxisterio), as principais Cátedras UNESCO de temática similar analizarán formas de colaboración e de intercambio de experiencias.
Federico Mayor Zaragoza, ex- director xeral da UNESCO, hoxe presidente da Fundación Cultura de Paz, xunto con Angela Melo, directora xeral do Departamento de Dereitos Humanos da UNESCO en París, presidirán as sesións, xunto co Reitor, Juan Casares, e a Secretaria da Comisión Española da UNESCO, Consuelo Vázquez.
Na reunión estarán representadas as seguintes Cátedras:
* Cátedra UNESCO de Interculturalidade e Dereitos Humanos da Universidade Internacional de Andalucía, Sevilla.
* Cátedra UNESCO Mulleres, Desenvolvemento e Culturas da Universidade de Vic, Barcelona.
* Cátedra UNESCO de Estudios Interculturais da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona.
* Cátedra UNESCO de Migracións da USC
* Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC
* Cátedra UNESCO de Cidadanía Democrática e Liberdade Cultural da Universidade da Rioxa.
* Cátedra UNESCO de Políticas de Xénero e de Igualdade de Dereitos entre Homes e Mulleres da Universidade Autónoma de Madtrid
* Cátedra UNESCO de Cidadanía, Convivencia e Pluralismo da Universidade Pública de Navarra.
* Cátedra UNESCO de Filosofía per la Pau da Universidade Jaume I de Castelló.
Trátase de establecer redes de intercambio de coñecemento e de experiencias, convenios de colaboración entre as citadas cátedras que posibiliten o intercambio de profesorado e de alumnado dos másters internacionais que imparten sobre paz e conflictos, así como desenvolver e aplicar a axenda aprobada en Bérgamo (Italia) na reunión internacional de Cátedras UNESCO sobre Paz, Dereitos Humanos e Bioética.
É a primeira actividade relevante da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC logo de que a nova directora xeral da UNESCO, a búlgara Irina Bokova, a ratificase persoalmente o pasado 10 de Decembro no marco do Foro 2010 que tivo lugar en Compostela.
Para o Seminario Galego de Educación para a Paz, promotor da citada Cátedra e da iniciativa que agora comeza, trátase dunha primeira actividade que, sen dúbida, terá continuidade no futuro, coa organización de escolas de verán e un máster específico na liña dos desenvolvidos por algunhas das cátedras invitadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario