Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

17 abr 2012

A guerra non é un xogo...

   


  
   Cando o movemento pacifista reitera que gastamos unha cantidade escandalosa de recursos económicos, humanos, de investigación, etc. en armamento, ¡máis de 4.000 millóns de dólares ó día!, algúns nos miran con certa condescendencia, como perdoándonos a vida, chamándonos ilusos, utópicos ou demagogos. Con demasiada frecuencia...

     O Internacional Peace Bureau (http://www.ipb.org/espanol.html) co apoio de numerosas organizacións pacifistas de todo o planeta, entre elas algunhas do Estado Español, como o Seminario Galego de Educación para a Paz ou a Fundación per la Pau, promove a celebración do DÍA DE ACCIÓN GLOBAL CONTRA DO GASTO MILITAR ((http://demilitarize.org/), hoxe, 17 de Abril, como unha forma máis de sensibilizar á opinión pública, á cidadanía, sobre unha realidade da que, lamentablemente, se fala pouco, sobre a que existe un manto de protección -máis que evidente- en moitos medios, públicos e nos digamos privados.

   Foi Dwight David "Ike" Eisenhower, presidente norteamericano o que fixo popular a expresión "Complexo Militar Industrial" cando na toma de posesión de John F. Kennedy, díxolle: "Eres o home máis poderoso da Terra. Só existe un único poder por riba de ti, o do Complexo Militar Industrial". Efectivamente, ese poder, que non é só militar, senón que abrangue a outros poderes económicos, ten a enorme capacidade de impoñer políticas de defensa e de seguridade cun custe elevadísimo para toda a Humanidade, mesmo en plena crise económica, con grandes restricións, especialmente, nos piares do Estado do Benestar, na educación, na sanidade, na dependencia, nas pensións, nos subsidios por desemprego..., en todo o mundo occidental, o gasto militar global, e nos países do noso entorno, sigue subindo, non coa mesma intensidade, é verdade, como afirma o SIPRI de Estocolmo (http://www.sipri.org/), pero ascendendo. A liña de tendencia xeral resulta invariable nos últimos 13 anos aínda que a súa inclinación baixe algún grao.

   Os Presupostos Xerais do Estado para 2012 van na mesma dirección en materia de defensa. Si a media oficial de redución nos distintos ministerios acada o 17%, o Mº de Defensa, aparentemente, baixa só o 8%. E dicimos aparentemente porque, como ten amosado sobradamente o Centre Delás (http://www.centredelas.org/) moitas partidas que finalmente van a defensa están ocultas ou disfrazadas noutros ministerios e organismos adxuntos. Fálase así de que aínda que a cantidade explicitada nos Presupostos é de algo máis de 6.000 millóns de euros, a realidade total supera os 18.000 millóns de euros, dos cales, 12.000 millóns están ocultos. É dicir, que de cada tres euros de gasto militar español, dous, son opacos, inaccesibles para a cidadanía e a sociedade.

   Por outra parte, España arrastra unha débeda recoñecida polo Ministerio de Defensa de 37.000 millóns de euros, unha cantidade que duplica a débeda total sanitaria, e que foi contraída, esencialmente, hai xa máis dunha década, polo goberno presidido por José María Aznar, aquel señor que ía a sacar a España do recuncho da Historia e que nos meteu, cos seus aires de grandeza, en todas as aventuras armamentísticas que Europa e os EE.UU deseñaron. Avión de combate europeo, tanques Leopard, fragatas e demais xoguetes de guerra que acaban matando de verdade, porque como todo o mundo sabe, menos Aznar e os Borbóns, as armas as carga o demo...

   Para reclamar e asegurar o pago puntual desa enorme débeda armamentística española, foi nomeado ministro de defensa o Sr. D. Pedro Morenés y Alvarez de Eulate, ata onte, como quen di, presidente do Consello de Administración de Construcións Navais do Norte e Director Xeral para España da empresa paneuropea de mísis MBDA.

     E todo isto acontece mentres que partidas tan fundamentais para construír un mundo máis xusto e máis pacífico, máis solidario e máis humano, como son as partidas destinadas a cooperación ó desenvolvemento, por exemplo, recórtanse por riba do 50%. Estas son as prioridades. Así de clariño.

     Ben, pois para sensibilizar e reflexionar sobre estas axendas ocultas, que diría Loach, moitas organizacións internacionais de paz, organizan e promoven a celebración do DÍA INTERNACIONAL SOBRE O GASTO MILITAR cada 17 de Abril, e tamén para demandar ó goberno e ás forzas políticas sobre que si temos que recortar hai partidas, numerosas partidas, por onde empezar, antes de facelo na educación, na sanidade, nas prestacións sociais, por exemplo, no gasto militar, porque a guerra non é un xogo...
 

   

 


3 comentarios:

  1. Está moi ben o artigo, documentado e con argumentos suficientes como para reafirmarnos no rexeitamento da política económica que goberna o mundo desenvolvido a conta do non desenvolvido. Pero penso que dedicar un día internacional a iso, non é abondo. E anque sexa un dos pasos importantes, ten que ir acompañado de accións tanxibles e eficaces que combatan firmemente esa realidade: a industria das armas prima sobre tódolos demais sectores, entroutras cousas, porque gracias ás mortes que as armas producen e ás destrucións dos pobos, viven moitas empresas da industria química, alimentaria, laboratorios, etc, etc... Moi bo artigo. Comparto.

    ResponderEliminar
  2. Manuel, non poño en dúbida o que se fai dende a túa/nosa/ esfera. Eu refírome ós movementos e organizacións en xeral. Disculpa se non me expresei ben, pero ogallá tódalas demais organizacións sociais e políticas seguisen os pasos que vós levades. Graciñas.

    ResponderEliminar