Con
certa frecuencia saltan ós medios de comunicación casos cualificados, con maior
ou menor acerto, como de acoso escolar
que producen alarma entre a comunidade educativa e na cidadanía. Mesmo, en
ocasións, contribúen a dar unha imaxe distorsionada do que acontece nos centros
de ensino. Compre reiterar que no contexto xeral da cantidade de alumnos e
alumnas que acoden ós colexios e institutos, cada día, en Galicia, case que 40 0.000, o número de casos detectados de acoso son
mínimos, aspecto que non consola, obviamente, a un pai ou a unha nai afectada.
Moito menos á vítima. Tampouco ó profesorado.
Na
publicitación máxima de “sucesos” e “incidentes” escolares, cualificados, todos
eles, como de “acoso” existen moitos intereses. Cando se refiren a centros
públicos e ignoran o que acontece nos privados, resultan evidentes e non merecen
maior comentario. O interese comercial dalgúns medios, hipnotizados polo
amarelismo e por facer caixa, tamén está bastante claro. A culpabilización do
profesorado, cualificado de incapaz para abordar esta problemática, tampouco é
nova. Menos claros son outros intereses como, por exemplo, darlle un papel
principal á policía nacional ou á garda civil á hora de informar ou formar ó
alumnado sobre o acoso, o ciberbulling,
ou sobre os usos e perigos das redes sociais..., unha moda que ven estendéndose
como si fose algo espontáneo e natural. Parecera como que, para algúns, non
existan saberes e fontes rigorosas no ámbito civil, académico ou non
gobernamental para tratar estes asuntos nun centro de ensino.
Falamos
menos doutros intereses poderosos, por exemplo, dos farmacéuticos e clínicos
que, dunha maneira crecente, tratan ó alumnado con fármacos diversos para
síndromes cualificados mesmo de “artificiais” por moitos expertos, entre eles,
o de hiperactividade. Ou os das clínicas, gabinetes psicolóxicos ou psiquiátricos
que veñen proliferando para tratar, desde esa perspectiva, a conflitividade do
alumnado. Polo contrario, doutros factores como a crise, a pobreza, a
exclusión, a marxinalidade, a desestructuración familiar ou das violencias no ámbito
doméstico, e como inflúen no alumnado e na convivencia escolar, case que nada.
Como tampouco dos recortes en educación e sobre como contribúen ó deterioro da
convivencia escolar como consecuencia da diminución drástica do profesorado, do
aumento progresivo das ratios e a masificación, dos macrocentros escolares, a
supresión de axudas á diversidade, servizos complementarios, orientación,
titoría, diversificación e adaptación curricular, apoios...
Do
traballo inxente e calado que fan os centros educativos, o seu profesorado,
para abordar os conflitos, cada día, todos os días, de mediación, a pesares do
maltrato que reciben das administracións e dos gobernos, do saqueo nos seus
salarios e extras, nas súas condicións laborais, disto, tampouco se fala o
suficiente.
Convivir
é compartir vivencias xuntos. E a solución ós problemas de convivencia nun
centro escolar non poden ser, en ningún caso, retirar ó alumnado agredido da
súa aula, cambialo de centro, ou tentar de protexelo e illalo na súa casa.
Estas son falsas solucións que, ás veces, propomos, como pais, como profesores,
como administración, con toda a boa vontade, pero erradamente.
Para
abordar os casos de maltrato entre iguais, vulgarmente coñecidos como acoso ou
co seu termo en inglés “bulling”, o
primeiro que debemos fomentar nun centro educativo que ten menores ó seu cargo,
é a prevención, é dicir, de acordo
cun Plan Integral de Mellora da
Convivencia Escolar de referencia, como o que temos vixente en Galicia, e
activar e desenvolver Plans de
Convivencia no propio centro, con protocolos
claros de detección precoz e de intervención no seu caso, nos que a Titoría ten, loxicamente, un papel
relevante, e con Equipas de Mediación e
Tratamento de Conflitos onde colaboren e participen non só o profesorado
senón -e sobre todo- o alumnado e tamén, si é posible, os pais e as nais, cunha
dirección comprometida e dinámica.
A
mellora da convivencia escolar non pode ser un obxectivo educativo só cando
aparecen casos ou indicios de acoso ou maltrato. Temos que promovela de maneira
sistemática, permanente, na aula e no centro, no patio de recreo e nos
corredores, na cafetería, sempre e en todo lugar, na casa e nas familias. Non é
posible abordar a prevención do maltrato entre iguais sen a participación
activa das familias e, como sabemos, en moitos casos, este eslavón da cadea
colaborativa contra o acoso, non existe ou é moi feble. Non está demais lembrar
aquí que as violencias, os maltratos, onde máis se producen é, precisamente, no
ámbito familiar. Na escola, en moitas ocasións, se reproducen comportamentos
vividos e aprendidos na casa. Claro que, ás veces, tamén falla o centro, e o
profesorado, como non, por razóns diversas, entre as que destacamos as carencias
formativas específicas dos docentes en resolución e tratamento de conflitos nas
aulas.
Outro
aspecto moi relevante ten que ver coa detección e o diagnóstico. Con frecuencia cualificamos de “acoso escolar” comportamentos e condutas que non o son. A confusión
sobre isto ten consecuencias. Si diagnosticamos mal, os remedios e medidas que
promovamos poden non ser as máis axeitadas. En moitas ocasións chamamos acoso a
condutas disruptivas na aula, actos
de indisciplina, unha pelexa, un calentón...,
cando si algo caracteriza e distingue ó maltrato é, precisamente, a súa sistematicidade e permanencia no tempo.
Ver, descubrir, desvelar a reiteración, a segregación, a persecución,
temporalmente dilatada, dun agresor sobre unha vítima, resulta imprescindible
para identificar correctamente o bulling. O que non significa, por suposto, que
deixemos de penalizar e corrixir aquelas condutas ou comportamentos non
sistemáticos citados.
No
acoso sempre existe o que coñecemos como “triángulo
do maltrato” o que forman o agresor,
a vítima e os espectadores. Os tres vértices deste triángulo están integrados por
alumnos e alumnas, que son menores e que conviven nun centro escolar. En
consecuencia, os tres necesitan tratamento educativo. En primeiro termo, a vítima, á que debemos, antes que nada,
protección, axuda, apoio psicolóxico e seguridade. O agresor sería o
vértice a separar no seu caso, nunca a vítima, porque a impunidade sempre é a
mellor maneira de que o acoso continúe e se reproduza no centro. Por último, os espectadores, o terceiro vértice do
triángulo do maltrato, que poden ser activos,
os que animan, azozan e protexen ó agresor, ou pasivos, os que simplemente aceptan aquela conduta violenta, calan
ou miran para outro lado, por medo ou por complicidade. En calquera caso, como
dixemos, os tres vértices deste triángulo do maltrato necesitan intervención,
axuda e tratamento educativo. O agresor e os espectadores, ademais, teñen que reparar o dano causado,
proporcionalmente.
Os conflitos, nos grupos humanos, nos colexios
e institutos, existen, existiron e seguirán a existir, porque somos seres
libres, con ilusións, desexos, aspiracións, intereses... distintos, ás veces
contraditorios. Por aí empezan os conflitos.
Do que se trata é de prevelos, de aprender e manexar técnicas de resolución
pacífica, dotar ó alumnado, ó profesorado, ós pais e as nais, de recursos para
abordalos con garantías. A conflitividade nas aulas non podemos vela como unha
desgraza, como un mal co que temos que convivir resignadamente. Todo o
contrario. Como educadores, como educadoras, temos que afrontala conflitividade
como un desafío, como un reto, mesmo como unha maneira de medrar autonomamente,
de cambiar as cousas en positivo. Para iso necesitamos técnicas, metodoloxías,
recursos, experiencias, formación específica, porque non chega coa boa vontade.
Sempre
reitero que dedicamos moitas horas, días, meses, anos, á ensinarlle ó alumnado
a resolver complexos problemas matemáticos, físicos, químicos... pero a penas
minutos a ensinarlles a resolver os seus propios problemas, os de relación entre iguais, aqueles que
atoparán, con maior frecuencia, nas súas vidas. E para isto, a educación afectivo emocional resulta
imprescindible, na casa e na escola. Son os afectos e os sentimentos, os
mellores antídotos contra das violencias. E os cambios curriculares e
metodolóxicos, o currículum da nonviolencia
e o traballo cooperativo, para
desaprender as violencias.
Por
último non quixera deixar de mencionar que a responsabilidade última da política
de recortes, da falla de formación axeitada, da demolición das estruturas
formativas creadas nos últimos anos, do non coñecemento xeralizado das
experiencias e boas practicas que existen en Galicia e no Estado, que as hai,
do esquecemento e ocultación do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar
de Galicia, do derrube controlado do Observatorio Galego da Convivencia
Escolar, ou da desprotección que sinte o profesorado, corresponde, estou canso
de dicilo, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen ten as
competencias plenas e os instrumentos en materia educativa, así como a máxima
obriga de dar solucións políticas ós problemas de convivencia. E a crise, neste
caso, non pode ser –tamén- unha escusa para declinar estas responsabilidades.
As familias, o profesorado, os centros educativos, teñen as súas. Son as
directas, a primeira liña contra dos problemas de convivencia, e o fan como
mellor poden, razoablemente ben, dadas as circunstancias. As autoridades
educativas, polo contrario, neste asunto, recortan, ocultan, ignoran,
improvisan e, en moitas ocasións, dan páos de cego que fan moito dano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario