A diversidade, a
pluralidade, non teño dúbidas nisto, amosan a extraordinaria riqueza da
natureza e da sociedade. Sen embargo, ás veces, afirmar a propia singularidade,
insistir na diferenciación, marcar territorio, erguer balados de distinción,
resulta profundamente decepcionante, máxime nun día, nunha data, de enorme
valor simbólico (quizais precisamente por iso) como é o 25 de Xullo.
O Día da Patria Galega,
ou da Matria, do Apóstolo, Nacional de Galicia, ou da maneira que cada quen o
nomee, non é unha data calquera no calendario. Re presenta,
especialmente para o galeguismo, para os nacionalistas ou para os
independentistas, un momento especial no que reivindicar os dereitos colectivos
de Galicia, os desexos de máximo autogoberno, desde fórmulas federalistas,
confederais, soberanas ou independentistas, todas elas lexítimas. Como tamén o
son as daquelas galegas e galegos que están satisfeitos co grao de autonomía
acadado ou mesmo das que pensan que a descentralización foi excesiva. Todas
estas visións existen no país. Como tamén forman parte de nós aquelas que, por
unhas razóns ou por outras, descoñecen ou pasan do 25 de Xullo, ó que ven,
simplemente, como un día festivo máis para facer o que lles pete.
Galicia é así de plural e
de diversa, complexa, como todas as sociedades modernas. Nisto non somos unha
excepcionalidade. Calquera proposta política de cambio, de transformación,
témola que facer contando coas maiorías sociais, convencendo, dialogando coa
cidadanía e as súas organizacións, respectando as súas miradas. Xa sei que,
como esta tarefa e farto complicada, algúns, buscan ou soñan cos atallos. Pero,
como pasa no conto, o atallo alonga e desvía, pero sobre todo, frustra.
Parece que os galegos e
as galegas estamos condenados a vivir, como norma, un 25 de Xullo en dispersión
tribal. Oficialistas, galeguistas, nacionalistas, independentistas,
federalistas e ausentes marcan territorio, visibilizan claramente os marcos,
compiten entre si, por quen mobiliza máis, quen fai o acto máis orixinal, quen
sae mellor na foto do día seguinte. Competencia fronte a colaboración política.
E non aprendemos.
No campo do galeguismo,
do nacionalismo e do independentismo, quen tradicionalmente celebran o Día da
Patria Galega, sempre hai razóns dabondo para afirmar o propio e xustificar a
división. Sobran razóns, reais ou ficticias. Cada relato ten os seus
seguidores. Ar gumentarios de
parroquia, de confraría, de consumo interno que, parece mentira, seguen a
funcionar, aínda que cada ano que pasa, máis xente está aburrida de tanta historia
repetida e cansiña.
Visto desde a cidadanía,
creo eu, o espectáculo de división política, un día como este, resulta moi
decepcionante. Claro que hai moito onde escoller, aínda que moi pouco aínda,
todo xunto, no país. A división resta, fracciona, reduce... a credibilidade e a
confianza. Somos poucos e mal levados.
Sinceramente pensaba,
inxenuo de min, deben ser os anos, que nesta ocasión, nacida a Alternativa
Galega de Esquerda (AGE), con magníficos resultados e expectativas, todo sería
máis fácil. Sen embargo, unha vez máis, estamos nas mesmas. Nin sequera como
AGE foi posible unha convocatoria unitaria e conxunta, cos demais e
internamente. Haberá un manifesto conxunto de AGE na véspera, o 24, diante do
lugar onde estivo a editorial e a imprenta do grupo Nós, na Rúa do Vilar, polo
dereito a decidir. Menos mal. E logo, de novo, que cada quen decida con que
tribo prefire marchar, con uns, con outros, cos de máis alá, ou con ningún.
Feliz día.
No hay comentarios:
Publicar un comentario