Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

27 ago. 2013

Siria no punto de mira...

   

   Das atrocidades cometidas, por ambos bandos, en Siria, non sabemos da misa a media. Máis de dous anos de guerra civil deixan, por agora, 100.000 mortos e aproximadamente 2 millóns de desprazados. Sen contar cos miles de feridos e os destorzos causados nas infraestruturas, nos monumentos artísticos ou no medio ambiente.

   Chega con mirar o mapa de Siria e os estados cos que mantén fronteiras para entender a súa importancia xeoestratéxica e calibrar tamén as razóns das potencias locais e internacionais para manter aberta esta sangría.

   Todo parece indicar que a vitoria militar, para calquera dos bandos en combate, resulta difícil. Os apoios de cada quen parecen claros. Por parte dos "rebeldes", as potencias do Golfo, con Arabia Saudita e Qatar, aliadas de occidente, á cabeza. Pola de Bachar el Asad, nomeadamente, Irán, xunto con Rusia e China.

   Informes independentes diversos, desde hai anos, denuncian a utilización de armamento químico por ambos bandos. As imaxes coñecidas agora, difundidas polos opositores ó réxime de El Asad, amplificadas polos medios occidentais, amosan o horror da guerra, con independencia das armas utilizadas e as vítimas, maioritariamente nenos e nenas, mulleres e anciáns, é dicir, a poboación civil indefensa, o principal obxectivo militar nunha guerra moderna.

   A comunidade internacional, pero sobre todo, os estados que copan e vetan no Consello de Seguridade da ONU, son os principais provedores de material bélico ós bandos en conflito, tamén do químico. Detrás de cada bomba, de cada morteiro, de cada morto, está unha das potencias que usan e abusan das Nacións Unidas, cada día máis inútil, por obra e graza dos poucos estados que a controlan e cun Ban Ki Moon facendo un papel vergoñento.

   A utilización de armamento non convencional, químico ou de calquera outro tipo, non é unha novidade. Nin sequera os países occidentais, os que din representar a democracia e os dereitos humanos, teñen escrúpulo algún en usalo. Lembremos Iraq e as consecuencias terribles que está a sufrir a poboación, aínda hoxe, polo uso de uranio empobrecido por parte da coalición internacional.

   Por iso resulta dun cinismo atronador, dunha hipocrisía suprema, usar esta escusa para intervir militarmente en Siria. Non se trata de que Nacións Unidas interpoña forzas de contención, que se decrete un alto o fogo, que se abran negociacións entre as partes. Non. Trátase de repetir os erros cometidos anteriormente en Iraq, en Afganistán, en Libia, con respaldo da ONU ou sen el, de usar a OTAN para atacar e favorecer ós "rebeldes", derrocar o réxime e impoñer, unha vez máis, un goberno títere. O mesmo guión, a mesma historia. A mesma política. Sen sequera saber quen está detrás das numerosas faccións militares opositoras. Sen garantía algunha. Sen prever os enormes riscos derivados de incendiar completamente a rexión. 

   Os tambores de guerra son a música ambiental propia daquela xeografía, desde hai anos. E Occidente está empeñado en tocar de oído, sempre coa mesma melodía. Neocolonialismo de manual. Control e uso dos recursos naturais. Gobernos sumisos. Saqueo pleno garantido. Horror. Todo vale contra do inimigo. O islamismo como escusa. Sunnismo e cheísmo como tapadeira. 

   Pola contra, compre solidarizarse co pobo sirio, impedir que continúen as matanzas e a destrución, reclamar unha intervención efectiva das Nacións Unidas, asegurar e garantir un alto o fogo, abrir negociacións de paz, e que o conflito atope vías pacíficas de solución, por medio do diálogo. Non hai outra alternativa á guerra e á violencia. Europa tería que abandeirar esta política. E un Premio Nobel da Paz non digamos.

   Os falcóns, de tódalas pelaxes, aquí e alá, aborrecen destas iniciativas e as cualifican de "buenistas", inxenuas ou no mellor dos casos, de utópicas. Pois ben, como sempre, a contracorrente e co ventiño de cara. 

Non á guerra!
Non no noso nome!

   

   

No hay comentarios:

Publicar un comentario