O SGEP MANIFÉSTASE EN CONTRA DUNHA INTERVENCIÓN MILITAR DOS EE.UU. EN SIRIA
CHAMA Á MOBILIZACIÓN SOCIAL DA CIDADANÍA PARA PARALA
O Seminario Galego de Educación
para a Paz, diante da posibilidade certa de que o goberno
norteamericano bombardee Siria nas próximas horas, cos seus aliados máis
entusiastas, mesmo sen o respaldo e o aval das Nacións Unidas, e con toda a
opinión pública en contra, quere manifestar o que segue:
1º.- Siria leva dous anos nunha feroz guerra civil
alimentada, fundamentalmente, polas potencias que controlan o Consello de
Seguridade da ONU, xunto cos estados máis importantes da rexión, apoiando a un
ou a outro bando en loita. A utilización de armamento químico diverso, vendido
polos que agora poñen o berro no ceo, parece estar probado por ambas partes en
conflito.
2º.- A intervención militar dos EE.UU. e dos seus
aliados en Siria, por moito que se anuncie como puntual, rápida e cirúrxica,
contra bases e instalacións militares do réxime de Bachar el Assad, producirá,
sen dúbida, máis sufrimento e destrución, morte e desesperación, nun pobo que
leva perdidas máis de 100.000 persoas e millóns de desprazados e refuxiados.
3º.- O dereito a protexer ou a utilización de
armamento químico, de autoría dubidosa e múltiple, non poden ser esgrimidos
como argumentos para os ataques pois é precisamente a poboación civil siria, de
ambos bandos, a que sofre as consecuencias dunha guerra atroz de desgaste
propiciada, precisamente, polos que agora se proclaman xendarmes internacionais
vulnerando inequivocamente a legalidade internacional.
4º.- A decisión do Parlamento británico de non
apoiar a intervención ten que facer reflexionar á comunidade internacional, ós
parlamentos democráticos, incluído o español e o galego, e converterse nun
exemplo a seguir co obxecto de forzar a Barack Obama, Premio Nobel da Paz, para
que cambie de política e procure a vía da presión económica e diplomática, co
liderado das Nacións Unidas e da Liga Árabe, que impoña un alto o fogo e
permita abrir vías de negociación multilateral.
5º.- Por último, a mobilización social pacífica, a
presión sobre os parlamentos e demais institucións democráticas, da cidadanía
local e global, é a máis poderosa arma de construción de paz que existe. Neste
senso, o Seminario Galego de Educación para a Paz apoiará tódalas
iniciativas unitarias da sociedade civil e dos movementos sociais en contra da
intervención militar en Siria e fai un chamamento para que, no caso de que
finalmente teña lugar, a cidadanía responda con concentracións e actos de
solidariedade co pobo sirio e pola paz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario