Benvidas, benvidos, amigas e amigos

A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...

19 feb 2011

PROHIBIMOS, TOLERAMOS, RESPETAMOS?

   Non sei con exactitude de onde parte a confrontación, o radicalismo, o fundamentalismo entre partes para provocar que unha nena de 11 anos, galega, de Santiago de Compostela, que vive e estuda en Arteixo, musulmá, pase por este "calvario", nunca mellor dito, pois ela é a principal vítima deste conflito. Teriamos que recapacitar, todas e todos, pais e nais, comunidade educativa, autoridades, de tal forma que atopemos, canto antes, a mellor solución para a cativa, garantindo o seu dereito á educación e á escolaridade, desde o diálogo, desde a concordia, fuxindo das posicións extremas que dificultan calquera alternativa xusta.
   Probablemente o Regulamento aprobado polo Consello Escolar do Colexio Novo de Arteixo, cando foi votado democraticamente, non pretendía segregar ás nenas que levaran hiyab, alomenos para a maioría das persoas que emitiron o seu voto. Quizáis non calibraron ven as súas consecuencias. Moito menos si se aprobou en Decembro, co curso iniciado, e coa pretensión de aplicalo con carácter retroactivo. Mesmo, posiblemente, ninguén informou sobre si entraba en contradicción coa lexislación vixente en materia de liberdade relixiosa e demais.
   A actitude da Consellería, pola súa parte, de manterse aparentemente á marxe, reiterarando -por activa e por pasiva-  que respeta a autonomía do Consello Escolar, ofrecéndose para buscarlle outro colexio á rapaza, acocha, ó meu parecer, unha actitude favorable á decisión tomada, é dicir, castigar á nena, sancionala coa perda das actividades extraescolares, suspendela temporalmente e ameazala de expulsión do centro. No fondo, lexitima o prohibicionismo do veo nas aulas en Galicia, manda a mensaxe de que un centro pode aprobar, democraticamente, esta ou calquera outra forma de exclusión, en razón da "convivencia".
  
 Sabe ben a Consellería que un Consello Escolar, na súa autonomía, non pode aprobar o que quera. Ben que o impide nalgúns casos apelando á vulneración de leis superiores ou á dependencia xerárquica.
   Cumprir e facer cumprir as leis é unha obriga institucional, incluída a Lei de Liberdade Relixiosa que non é, precisamente, laicista, no noso caso. E a non discriminación en razón de credo, sexo, raza, lingua... ou o dereito universal á educación.
   Polo tanto, lavarse as mans nun conflito como o que nos ocupa, parece unha cortiña de fume para ocultar unha vocación claramente prohibicionista.
   Que o pai fale sempre, que a nai non opine, que impoña o hiyab á nena, con maior ou menor contundencia, que a cambie de centro, sabendo que no anterior non tiña problema algún por levar o veo, non deixa de ser, tamén, unha actitude radical. Moitas persoas se preguntan por qué os varóns musulmás non van con chilaba á escola, por qué son sempre as mulleres as vítimas do patriarcado e a dominación. Son preguntas pertinentes e sabias
   Non gusto dos hiyabs nas menores, non gusto das imposicións machistas ou relixiosas, ou... como tampouco gusto doutras imposicións que toleramos mellor, porque son as "nosas", por exemplo, os buratos nas orellas das nenas, o bautismo, a comunión, as preparatorias, máis ou menos veadas, destas ceremonias nas escolas públicas.
   Sen embargo, desde o meu punto de vista, o dereito á educación está por riba. É a educación a que pode liberar, liberarnos, de prexuízos, dependencias e imposicións, de todo tipo, dirixir con sentido a nosa propia vida, dicía Giner de los Ríos, e tolerar, non no sentido paternal de permitir, senón de respetar, ser quen de convivir co diferente, co distinto, desde os dereitos humanos, aceptando a diversidade, a pluralidade, como unha riqueza a protexer e a estimular.

   ¿Que pasaría si unha mestra, musulmá, decidira impartir as súas clases con veo en Arteixo ou en calquera outro lugar de Galicia?, tal e como acontece en Melilla, onde, por certo, moitas nenas musulmás levan hiyab e moitas outras non o levan. Alí sería impensable un acordo como o do Colexio Novo de Arteixo. ¿Que faría a consellería nese caso?
   O exemplo de Arteixo pode xeneralizarse. A actitude da Consellería de lavarse as mans, propicialo. ¿Onde escolarizaremos entón ás nenas musulmás que queran levar o veo?. As devolveremos ás casas ? Mellorará a súa situación?
   Penso que compre unha reflexión moito máis pausada. Analizar si resolvemos o conflito positivamente ou si o agrandamos. Xuridicamente xa dirá o TSXG onde parece que xa está o asunto. Pero, mentres tanto?. Educativamente, socialmente, ¿que facemos?. Prohibimos, toleramos, respetamos...?

2 comentarios:

  1. Como vedes, incorporei algunhas cuestións do debate do faisbu, non todas, mais si algunhas, porque penso que son commpatibles.

    ResponderEliminar
  2. Algúns comentarios publicados en Xornal de Galicia sobre o meu último artigo son para botarse a correr, falan de que si toleramos o veo no caso de Arteixo acabaremos sendo unha "república islámica", invadidos, arrinconadas as nosas costumes e tradicións... qué medo.

    ResponderEliminar