Con motivo da conmemoración, o vindeiro Mércores, 2 de Outubro, do DIA INTERNACIONAL DA NONVIOLENCIA, proclamado por Nacións Unidas
(http://www.un.org/es/events/nonviolenceday/), no aniversario do nacemento de Mahatma Gandhi, e co obxecto de chamar
a atención das persoas, institucións, organizacións non gobernamentais,
sociedade civil en xeral e, particularmente, dos centros educativos, sobre o
valor da nonviolencia, da paz, do diálogo e da negociación, como instrumentos
para abordar a resolución pacífica dos conflitos e a mellora da convivencia, o Seminario
Galego de Educación para a Paz, fai tamén un chamamento ás forzas
políticas parlamentarias galegas para que atopen vías de entendemento e
concordia sobre as violencias que existen na sociedade que estamos a vivir e
sobre a súa prevención e erradicación.
Ningunha
acción violenta, directa, estrutural ou cultural, pode estar xustificada nunha
sociedade democrática. A violencia, en ningunha das súas formas, pode admitirse
nun estado de dereito como método para acadar obxectivos políticos, sociais ou
culturais. A nonviolencia activa, a desobediencia civil, a obxección de
conciencia ou a insubmisión pacífica fronte a leis ou políticas inxustas están
lexitimadas e deben ser contempladas no ordenamento xurídico nunha sociedade
autenticamente democrática e avanzada. Porque a nonviolencia é moito máis que
non ser violentos, é buscar e promover alternativas para reducir o sufrimento e
o dano entre os seres humanos.
Polo
mesmo, a apoloxía da violencia, en calquera das súas formas, por acción ou
omisión, do franquismo, do fascismo, do nazismo, do terrorismo, do belicismo,
da desigualdade, do sexismo, do racismo,
da xenofobia, non son aceptables nunha formación política democrática e, en
consecuencia, non poden ser amparadas nin toleradas, polo que deberan ser perseguidas
de oficio.
De
acordo coa Re solución A/RES/61/271,
da Asemblea Xe ral do 15 de Xuño de
2007, das Nacións Unidas, debemos reafirmar hoxe a relevancia universal do
principio da nonviolencia e promover tódolos esforzos, individuais e
colectivos, para construír unha Cultura
de Paz, tolerancia e comprensión entre os pobos.
Por
último, o Seminario Galego de Educación para a Paz reitera o chamamento
para que a Ponencia Conxunta do
Parlamento Galego co fin de aprobar unha Lei de Fomento da Cultura da Paz de Galicia,
constituída oficialmente na anterior lexislatura, se faga efectiva no actual periodo
de sesións, e como proba inequívoca de que as forzas políticas parlamentarias
galegas comparten principios e obxectivos en materia de paz e nonviolencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario